lex.gal dereito galego consolidado

Que é?

Lex.gal é un proxecto desenvolvido conxuntamente polo Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Neste portal atopará unha completa base de datos con toda a lexislación ditada pola Comunidade Autónoma galega, en galego e consolidada.

Con esta ferramenta ábrese a toda a cidadanía a posibilidade de dispor, en rede e con contido permanentemente actualizado, dun acceso á versión consolidada, actualizada e en galego de todas as normas ditadas desde o ano 1981 pola nosa Comunidade. Con este portal complétase o traballo desenvolvido desde as webs oficiais da Xunta de Galicia e do Parlamento de Galicia no seu deber de dar cumprimento aos requirimentos de transparencia e accesibilidade que esixe o marco normativo actual.

Lex.gal é, ademais, unha ferramenta viva e en permanente progreso. O obxectivo deste proxecto é ir ampliando os seus contidos con novos produtos como códigos sectoriais nos que se reunirán sistematizadas e ordenadas por sectores da actividade da administración ou das diversas ramas do dereito as principais normas vixentes comentadas e accesibles para a súa descarga gratuíta; ou o acceso á carta a través de diversos dispositivos electrónicos e móbiles aos diversos contidos do portal.

Co fin de ampliar e mellorar esta ferramenta, Lex.gal incorpora unha fiestra para que calquera usuaria ou usuario poida facer as achegas e os comentarios que considere oportunos, facilitando así non só a participación de toda a cidadanía neste proxecto senón tamén o seu permanente perfeccionamento e mellora, tal e como require o principio de boa administración.

Benvidos/as a Lex.gal

"Completa base de datos coa versión consolidada, actualizada e en galego de todas as normas ditadas desde o ano 1981 pola Comunidade Autónoma de Galicia"

Preguntas frecuentes

  • Lex.gal recolle, de forma sistematizada e consolidada, todas as normas con rango de lei (leis e decretos lexislativos) aprobadas polo Parlamento de Galicia no período de 1981 a 2019, e mais os decretos, publicados na sección de disposicións xerais do Diario Oficial de Galicia, no período 2000-2019.

    Durante o ano 2019 engadiranse os demais decretos con contido normativo ata o ano 1995, así como as ordes de maior relevancia publicadas na sección de disposicións xerais do Diario Oficial de Galicia.

    As normas figuran co seu índice, para facilitar a consulta.

    Polo momento, na base de datos non se dá conta das modificacións ou derrogacións das normas derivadas dos pronunciamentos do Tribunal Constitucional.

  • As versións consolidadas das normas están elaboradas a partir dos textos publicados no Diario Oficial de Galicia, mais non teñen carácter oficial.

    Aínda que o noso obxectivo é manter actualizada a base de datos, non se garante a continuidade na posta á disposición das normas e dos textos consolidados nin se asumen responsabilidades por calquera erro ou omisión contido neles, dado o seu carácter meramente informativo e xuridicamente non vinculante. A utilización polos/as usuarios/as da información ofrecida na base de datos realizarase pola súa conta e risco, correspondéndolles en exclusiva a responsabilidade fronte a terceiras persoas dos danos que, de xeito directo ou indirecto, puidesen derivar deste feito.

  • Unha vez seleccionada a norma que se desexa consultar, indicarase se esta está en vigor, derrogada, parcialmente derrogada ou en vacatio legis. Non obstante, nalgúns casos particulares poderán introducirse notas aclaratorias dos termos en que ten lugar a súa entrada en vigor ou, eventualmente, a súa derrogación.

    Polo momento, na base de datos non se dá conta das modificacións ou derrogacións das normas derivadas dos pronunciamentos do Tribunal Constitucional.

  • Ademais de poder consultarse o despregable correspondente, ao inicio de cada norma contense un elenco das modificacións operadas sobre os seus distintos preceptos. Nel indícase a norma mediante a cal se levou a cabo cada unha das modificacións. En cada unha delas, un enlace redirixe ao precepto afectado, no que, de estimarse preciso, figura unha nota aclaratoria dos termos en que se realizou a modificación.

  • Partindo da norma inicial, fóronse creando novas versións coas sucesivas modificacións que a norma foi experimentando. Deste xeito, pódese atopar tanto a redacción consolidada e vixente no momento en que se consulta como a norma consolidada e vixente nunha data concreta ou no intervalo de tempo que á persoa usuaria de Lex.gal lle interese consultar.

  • Na parte superior dereita, unha pestana permite consultar as distintas redaccións da norma desde a súa entrada en vigor.

    Así mesmo, o buscador que figura na parte esquerda da pantalla permite buscar a norma actualmente vixente, a norma derrogada ou a norma vixente entre dúas datas.

  • Si. No despregable «normas afectadas» poden consultarse as normas afectadas por aquel obxecto da consulta.

  • Poderase xerar un arquivo PDF unicamente coa versión consolidada da norma. As demais redaccións deberanse consultar en liña.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia