lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos.

Publicado en: DOG 137 17/07/2006

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Preámbulo

Os ríos galegos caracterízanse por unha elevada biodiversidade dentro do seu contexto ibérico e europeo. A súa grande biodiversidade e porcentaxe de endemismos outórganlles un valor excepcional na actual situación mundial de crise ecolóxica. Nos ríos galegos viven preto de catrocentas especies endémicas de invertebrados, e neles descubríronse preto de oitenta novas especies para a ciencia.

Por outra banda, os ríos xogaron un papel transcendental na economía tradicional e na conformación das características socioculturais e psicolóxicas do pobo galego. Estas funcións seguen vixentes na actualidade, aínda que modificadas, xa que o afastamento entre a sociedade e a natureza orixina novas necesidades. Como resposta, xorden novas actividades económicas relacionadas co gozo da natureza, a través do deporte, do lecer, do coñecemento ou do turismo, pero que se poden ver impedidas polo uso enerxético abusivo.

As paisaxes de Galicia están determinadas polos seus ríos. A auga e os ríos tiveron desde sempre un alto valor simbólico en Galicia; significaron hospitalidade, fraternidade e fonte de vida no sentido máis amplo. Arredor dos usos tradicionais da auga xurdiron relacións sociais e culturais integradoras, que permanecen na forma de recursos histórico-culturais e etnográficos.

Mais os ríos atópanse hoxe en perigo. A alteración física, debida sobre todo ás presas hidroeléctricas, a perda e degradación dos hábitats, a invasión das zonas de inundación por todo tipo de construcións, a sobreexplotación, a contaminación e a introdución de especies non nativas son os factores que máis contribúen á diminución da súa biodiversidade. Os mencionados recursos socioculturais corren a mesma sorte ca os ríos.

As presas hidroeléctricas fan que máis do 70% dos nosos leitos fluviais sexan inaccesibles ás especies migratorias. O salmón é un bo indicativo da perda de poboacións nos nosos ríos: nos últimos cincuenta anos as súas existencias reducíronse en máis dun 99%.

Danse casos frecuentes de contaminación orgánica, que afectan permanente ou temporalmente a unha parte importante da rede hidrográfica galega. Tamén é preocupante a contaminación por substancias químicas.

Introducíronse de forma intencionada (pesca deportiva) ou accidental (acuariofilia, comercio...) especies exóticas que causan graves problemas.

A alteración física do hábitat é o principal impacto sobre os nosos ríos e ecosistemas de auga doce: eliminación de zonas de inundación, destrución das brañas e mananciais, dragados, canalizacións, aproveitamentos hidroeléctricos e mesmo algúns paseos e praias fluviais.

As infraestruturas hidroeléctricas son responsables das principais afeccións aos ríos galegos. Galicia, con tan só o 5% do territorio e o 7% da poboación, xera o 25% de toda a electricidade de orixe hídrica do Estado español. O 34% da electricidade xerada en Galicia vai fóra do país, expórtase, cunhas perdas no transporte que superan hoxe toda a produción eólica en Galicia. Esta sobreprodución non redundou nun mellor abastecemento ás poboacións e comarcas galegas.

Os principios de «prevención, de avaliación de impacto ambiental, de información pública, de participación cidadá, de educación ambiental...» nos que se basea a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, non se materializaron no caso dos ecosistemas fluviais. Diversos aspectos da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia, están a ter unha aplicación deficiente, ao igual ca a normativa de avaliación de impacto ambiental, polo que é manifesta a necesidade de avaliar o impacto global de plans e programas mediante unha avaliación estratéxica deles.

Por outra banda, no ano 2000 aprobouse a Directiva marco da auga (DMA), Directiva 2000/60/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas, que establece un novo modelo de xestión da auga, de obrigada referencia, e ordena previr calquera nova deterioración dos ecosistemas acuáticos e atinxir como mínimo o bo estado de todas as augas no horizonte do ano 2015.

O estado actual dos ríos galegos arrédase moito do obxectivo de bo estado, o que fai necesario un plan de acción para corrixir esta situación.

Como lexislación marco, a directiva establece un modelo de xestión e uns obxectivos comúns a nivel europeo, que deben ser alcanzados a través de medidas adoptadas a nivel estatal ou local. Nese sentido, o Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle as competencias de protección e ordenamento ambiental á Administración autonómica, polo que da Directiva 2000/60/CE derivan novas obrigas para o noso país para avanzar na xestión racional e sustentable da auga.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos.

Artigo 1º.-Principios xerais

1. Declárase prioridade de interese xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a conservación do patrimonio natural fluvial, que inclúe a biodiversidade da flora e da fauna dos ríos galegos, así como o patrimonio etnográfico e histórico-cultural relacionado.

2. Declárase, así mesmo, obriga das administracións públicas galegas garantir a súa protección, conservación e mellora.

3. Con tal finalidade, e no que respecta aos valores naturais, asúmense os obxectivos máis avanzados da Directiva 2000/60/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas, e aplicaranse de forma prioritaria e urxente as medidas contidas nela.

Artigo 2º.-Planificación hidrolóxica.

A administración competente elaborará os novos plans hidrolóxicos para as novas demarcacións hidrográficas, conforme os criterios básicos contidos na Directiva 2000/60/CE, e os previstos pola normativa vixente, incluída esta lei.

Artigo 3º.-Contido dos plans hidrolóxicos e rede de vixilancia e control do estado ecolóxico dos ríos.

1. Os plans hidrolóxicos aos que fai referencia o artigo anterior incluirán programas ou plans de medidas que, como resultado dos estudos técnicos e das análises económicas realizadas previamente, permitan acadar os obxectivos que establece a Directiva 2000/60/CE.

Os programas ou plans de medidas incluirán previsións en materia de:

a) Restauración dos ecosistemas fluviais, especialmente no referente aos indicadores de réxime hidrolóxico e continuidade do río e prevendo as necesidades de restauración que o requiran para garantir o bo estado das augas.

b) Mellora integral dos ecosistemas fluviais, atendendo ás características morfolóxicas, tales como a avaliación de profundidade e anchura do río, a estrutura, o substrato do leito, a calidade da zona ribeirega e a prevención da contaminación difusa.

c) Medidas de restauración de zonas húmidas e de zonas de inundación dos ríos, e de restauración hidrolóxico-forestal das bacías.

d) Medidas de saneamento integral dos cursos fluviais e depuración integral de verteduras urbanas e industriais, aplicando as alternativas máis eficientes e modernas desde o punto de vista medioambiental.

2. Crearase unha rede de vixilancia e control do estado ecolóxico dos ríos, segundo o recomendado pola Directiva 2000/60/CE, que conte cos equipos de investigación existentes e promova os estudos encamiñados a determinar os valores de referencia para Galicia.

Artigo 4º.-Protección integral dos ecosistemas fluviais.

Desenvolveranse os estudos e as análises que determinen a categorización e a tipificación das masas de auga, coa indicación das condicións de referencia e a inclusión da catalogación e cuantificación da biodiversidade fluvial. O programa de medidas resultado destes estudos integrará:

a) Un plan ou programa para o estudo hidrobiolóxico dos ríos.

b) Un plan ou programa para acadar a protección integral dunha parte significativa dos ecosistemas fluviais galegos, co obxectivo de garantir a conservación sustentable da paisaxe e a biodiversidade fluvial.

Artigo 5º.-Xestión do uso da auga.

1. As diferentes actuacións relacionadas coa auga e cos ríos basearanse nos principios de xestión da demanda, recuperación de custos e consideración da auga e dos ríos como un activo ecosocial. Deberán establecerse dotacións de recurso de referencia, atendendo a criterios de dispoñibilidade, eficiencia e racionalidade no uso, e compatibilidade cos obxectivos ambientais de non deterioración e recuperación do bo estado das augas.

2. As dotacións de referencia serán aquelas que garantan a satisfacción das necesidades básicas das persoas e as que deriven da aplicación das mellores tecnoloxías dispoñibles no referido aos usos agrogandeiro e industrial. As futuras infraestruturas hidráulicas, captacións de recursos, verteduras ou usos virán definidas polas dotacións de referencia e polo cumprimento do obxectivo do bo estado dos ecosistemas fluviais.

Artigo 6º.-Participación cidadá nas políticas da auga.

1. Garantirase a participación efectiva da cidadanía nos procesos de elaboración dos plans hidrolóxicos.

2. Garantirase o acceso á información ambiental, á participación na toma de decisións e o acceso á xustiza en cuestións ambientais, na forma que o establece o Convenio internacional de Aahrus.

3. Naquelas actividades que considere oportuno o organismo competente en materia ambiental impulsará, de acordo co Convenio internacional de Aahrus, un marco efectivo de participación que se articulará ao inicio do procedemento, no que se prestará especial atención á participación das poboacións locais interesadas.

4. Os organismos de toma de decisións no referido a plans e programas contarán cunha representación paritaria de membros de entidades sociais en relación coa suma dos membros da administración e das entidades directamente interesadas nos usos da auga.

Artigo 7º.-Educación ambiental e capacitación técnica do persoal da administración

1. Elaborarase, de acordo coas liñas e pautas de actuación definidas na Estratexia galega de educación ambiental:

a) Un plan de educación ambiental relacionado cos usos doméstico, industrial e agrogandeiro da auga, no que se priorizarán a redución do consumo e a prevención da contaminación, con atención específica tanto ao medio urbano coma ao rural, coa finalidade de comezar a construír unha nova cultura da auga.

b) Un plan de educación ambiental para o aforro enerxético, con actuacións particularizadas para cada eido de interese, como o consumo doméstico, o transporte e desprazamentos, e o consumo industrial.

c) Programas de concienciación sobre os perigos das especies invasoras, tanto do público en xeral coma de sectores clave, entre os que se atopan o turismo, o comercio, o transporte, etc.

2. Atenderanse, de forma prioritaria, as necesidades de capacitación técnica do persoal da Administración hidráulica en particular, e do persoal da Administración autonómica e local relacionado cos diferentes aspectos desta lei.

Disposicións adicionais

Primeira.-Dotación de recursos.

A administración dotarase dos recursos necesarios para o desenvolvemento desta lei.

Segunda.-Ámbito de aplicación.

Esta lei é aplicable naqueles ámbitos territoriais e materias nos que a Comunidade Autónoma de Galicia posúe as competencias.

Disposicions transitorias

Primeira.-Revisión dos plans sectoriais.

Revisaranse os plans sectoriais que afecten o contido desta lei e axilizarase a elaboración dos novos plans hidráulicos cumprindo os prazos da Directiva 2000/60/CE.

Segunda.-Xestión da participación de Galicia no comité de autoridades competentes nas bacías dos sistemas Miño-Sil, Limia e Támega

Mentres o Estado posúa as competencias en materia de planificación hidrolóxica nas bacías dos sistemas Miño-Sil, Limia e Támega, a Xunta de Galicia xestionará a súa participación como parte integrante no comité de autoridades competentes nas citadas bacías, en función do peso específico que no citado comité lle deba corresponder a Galicia.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación xeral

Derróganse aquelas normas de igual ou inferior rango que entren en contradición cos contidos desta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase a Xunta de Galicia para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Segunda.- Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xuño de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia