lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Publicado en: DOG 146 02/08/2021

Departamento: Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

Estado: En vigor

PDF

O artigo 103.1º da Constitución española establece que a Administración pública serve con obxectividade aos intereses xerais e actúa de acordo cos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación, con sometemento pleno á lei e ao dereito.

Pola súa parte, a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, establece nos seus artigos 39 e 41 que corresponde á Comunidade Autónoma a creación e estruturación da súa propia Administración pública, dentro dos principios xerais e das normas básicas do Estado, exercendo as súas funcións administrativas mediante órganos e entes dependentes da Xunta de Galicia.

Así, o Decreto 129/2020, do 17 de decembro, establece os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 109/2021, do 15 de xullo, regula a estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia que, no artigo 13, lle asigna á Secretaría Xeral de Medios a elaboración, a coordinación e o seguimento relativo ao manual e ás normas sobre identificación corporativa da Xunta de Galicia.

A importancia da comunicación e a transcendencia da imaxe, especialmente nas administracións públicas, así como a necesidade da Xunta de Galicia de reafirmar o seu carácter diferencial, levou á aprobación do Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos de identidade corporativa da Xunta de Galicia. Este decreto tiña por obxecto aprobar a imaxe corporativa institucional do Goberno e da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e regular o seu uso.

O tempo transcorrido desde a aprobación deste decreto aconsella que se faga unha actualización e adaptación aos tempos actuais. Por razóns de simplicidade, resulta conveniente renovar a imaxe corporativa da Administración da Comunidade Autónoma e achegar unha imaxe máis sinxela e dinámica que facilite a comprensión do fin comunicacional que se pretende co logo institucional.

Atendendo aos criterios de racionalización e redución do gasto público, actuando de acordo cos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia e na procura dunha maior claridade, así como para evitar duplicidades que poidan confundir as persoas administradas, simplifícanse as imaxes gráficas e o uso dos nomes propios en acrónimos de todas as axencias e entidades que forman parte do sector público autonómico, e prevense, por outra parte, as diferentes aplicacións dixitais.

Cómpre que a imaxe corporativa da Xunta de Galicia actúe como un elemento de cohesión, moderno e homoxéneo, facilmente recoñecible para a cidadanía e para o resto das institucións.

A través da disposición adicional única apróbase o novo Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia mediante o que se determina o uso concreto dos elementos básicos da identidade corporativa.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e dous de xullo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto aprobar a imaxe corporativa institucional do Goberno e do sector público autonómico de Galicia e regular o seu uso. Ademais, ten por obxecto aprobar o Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia axustaranse ao previsto nestas normas no concernente:

a) Á elaboración e emisión de documentos, modelos normalizados e material impreso.

b) Ás informacións, publicacións, comunicacións ou calquera expresión en todo tipo de soportes, incluídos os medios electrónicos e/ou dixitais e audiovisuais, así como os carteis ou as sinalizacións que elaboren ou utilicen.

CAPÍTULO II Imaxe corporativa

Artigo 3. Elementos básicos de identidade corporativa

1. A imaxe corporativa institucional seguirá a composición, as disposicións e a tipografía contidas no anexo I deste decreto.

2. Os elementos básicos da imaxe corporativa institucional do Goberno e do sector público autonómico de Galicia son:

a) O símbolo constituído polo escudo de Galicia.

b) O logotipo corporativo formado pola plasmación tipográfica da expresión «Xunta de Galicia».

3. Para os usos mencionados no parágrafo seguinte, xunto coa imaxe corporativa institucional poderá engadirse a plasmación tipográfica da expresión do nome das consellerías e dos órganos dependentes delas, así como das delegacións territoriais e das xefaturas territoriais dependentes destas, respectando en todo caso a composición, as disposicións e as tipografías contidas no anexo II deste decreto.

4. Os usos anteriormente mencionados serán os seguintes:

a) Papelaría oficial.

b) Sinalización de edificios.

c) Portada interior de publicacións específicas das consellerías.

5. Os entes que integran o sector público autonómico estarán suxeitos ao disposto neste decreto, sen prexuízo de que, coa autorización previa do órgano competente en materia de imaxe institucional e comunicación social, poidan utilizar a súa propia imaxe xunto coa identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Control e supervisión

Corresponden ao órgano competente en materia de imaxe institucional e comunicación social a competencia de control e supervisión da aplicación do Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia e, en particular, as seguintes funcións:

a) A supervisión da aplicación da marca sobre as cores non corporativas.

b) A identificación das entidades instrumentais cunha declinación de marca gráfica con identificador mínimo.

c) A decisión da situación das entidades instrumentais na arquitectura da marca.

d) A identificación dos servizos, dos produtos ou das entidades públicas instrumentais que non utilizasen a unidade mínima de identificación da institución.

CAPÍTULO III Uso dos elementos de identidade corporativa

Artigo 5. Réxime de uso dos elementos básicos de identidade

1. O uso da imaxe corporativa institucional do Goberno e do sector público autonómico de Galicia é privativo deste e queda prohibida a súa utilización agás consentimento expreso polo órgano competente en materia de imaxe institucional e comunicación social.

2. A imaxe corporativa institucional deberá figurar en todos os documentos administrativos e as comunicacións de tipo xeral expedidos pola Administración xeral e polo sector público autonómico de Galicia.

3. Será obrigatoria a utilización, na impresión de papel, de modelos dixitais coa imaxe corporativa institucional, así como nas publicacións e na publicidade institucional que se regulan no artigo 6.

CAPÍTULO IV Publicacións e publicidade institucional

Artigo 6. Publicacións e publicidade institucional

A imaxe corporativa institucional da Xunta de Galicia deberá figurar:

a) Nas publicacións, folletos de información ou divulgación, en calquera soporte, e nos demais materiais relacionados coa actividade comunicacional.

b) Na divulgación da acción institucional, así como nos anuncios institucionais que se publiquen nos medios de comunicación social.

c) No portal web institucional da Xunta de Galicia e nos elementos do Catálogo da Rede integrada da presenza na internet, regulado na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

d) Nas aplicacións para dispositivos móbiles e electrónicos e nos perfís en canles sociais e participativas institucionais.

e) Nas expresións, informacións e comunicacións que se elaboren en soportes audiovisuais ou medios electrónicos e/ou dixitais.

Disposición adicional primeira. Aprobación do Manual de identidade corporativa

Apróbase o Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia, no cal se determina o uso concreto dos elementos básicos tanto nos documentos administrativos como nas comunicacións de tipo xeral, nas publicacións e na publicidade institucional.

Este manual estará dispoñible no portal web institucional da Xunta de Galicia www.xunta.gal/identidade-corporativa/

Disposición adicional segunda. Guías de políticas web corporativas

As guías de políticas web corporativas disporán dun prazo de seis meses para adaptarse ao disposto neste decreto e no Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Disposición adicional terceira. Elemento adicional á imaxe corporativa

A marca Xacobeo 2021-22 empregarase como elemento adicional á imaxe corporativa institucional do Goberno e do sector público autonómico de Galicia que agora se aproba, nos termos a que se refire o Decreto 104/2021, do 24 de xuño, polo que se aproba a actualización do Manual de identidade gráfica Xacobeo 2021-22.

Disposición transitoria única. Réxime transitorio

1. Seguiranse utilizando, ata que se esgoten, as existencias de material impreso á súa entrada en vigor.

2. Con independencia do establecido no número anterior, a imaxe corporativa institucional aplicarase sempre que se proceda á adquisición, reposición ou reedición de calquera elemento que deba exhibila.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogado o Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

2. Queda derrogada a Orde do 18 de febreiro de 2010, pola que se aproba o Manual de normas de identidade visual corporativa institucional da Xunta de Galicia.

3. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Execución e desenvolvemento

Facúltase o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo para ditar as disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xullo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia