lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

Publicado en: DOG 9 13/01/2012

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras

Estado: En vigor

PDF

A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, crea e regula no seu título II a entidade Augas de Galicia como ente de dereito público chamado a constituírse no instrumento central para levar a cabo a política da auga en Galicia. O organismo público, como entidade responsable en materia de augas no ámbito das competencias que corresponden á Xunta de Galicia, exerce as funcións indicadas no artigo 11 da mencionada lei.

A entidade pública exerce a súa actividade de acordo cos principios xerais establecidos no artigo 3 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia e, en particular, garantindo a máxima eficacia no cumprimento das súas funcións e na prestación dos seus servizos, de acordo co principio de participación das persoas usuarias da auga e con pleno respecto polas competencias que corresponden ás demais administracións públicas, así como polos dereitos e intereses dos particulares.

Así, de acordo coas devanditas finalidades, as grandes liñas de actuación de Augas de Galicia diríxense nos seguintes sensos:

a) Utilización sustentable e racional da auga e contribución á preservación e mellora do medio ambiente e, en particular, dos ecosistemas acuáticos.

b) Compatibilidade da xestión pública da auga coa ordenación do territorio, a actividade económica, a conservación e protección do ambiente e a restauración da natureza.

c) Unidade de xestión e planificación da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

d) Participación das persoas usuarias, transparencia e información ao público en xeral.

e) Eficacia na prestación dos servizos públicos de abastecemento, saneamento e depuración.

f) Recuperación dos custos dos servizos relacionados coa auga, incluídos os custos ambientais, para acadar a suficiencia financeira do sistema no marco dun prezo asequible.

g) Coordinación e cooperación entre as administracións públicas con competencias en materia de augas e obras hidráulicas.

h) Garantía da calidade da subministración da auga urbana en defensa da saúde dos cidadáns e das cidadás.

i) Solidariedade territorial nos investimentos en infraestruturas e de equidade social nas políticas tarifarias na prestación dos servizos da auga.

Para desenvolver este conxunto de accións é preciso que a entidade dispoña dunha estrutura adecuada que garanta a toma de decisións, así como a coordinación entre as súas diferentes unidades. Por isto, adóptase o seguinte modelo de estrutura: a estrutura de goberno do organismo está formada pola Presidencia e o Consello Reitor, sendo a Dirección o órgano executivo, e a estrutura de participación é integrada polo Consello para o Uso Sustentable da Auga.

De acordo co previsto na disposición adicional terceira da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro competente en materia de augas, aprobar mediante decreto o estatuto polo que debe rexerse a entidade Augas de Galicia, como desenvolvemento regulamentario da súa estrutura organizativa e do seu réxime de funcionamento. Este é o obxecto do presente decreto.

Por outra parte, a disposición transitoria terceira, alínea 6, da Lei 16 /2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordena que as determinacións contidas no seu título III sexan de aplicación ás entidades instrumentais que foran creadas por leis anteriores á súa entrada en vigor e que aínda non tivesen aprobados os seus estatutos, de xeito que estes deberán ser aprobados adaptándose integramente ao establecido na mencionada lei. Sendo este o caso de Augas de Galicia, no estatuto que se aproba polo presente decreto dáse cumprimento igualmente ao establecido nesa disposición transitoria terceira da Lei 16 /2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así, Augas de Galicia constitúese como entidade pública empresarial das definidas nos artigos 89 e seguintes da nomeada lei.

Deste xeito, o Estatuto estrutúrase en tres capítulos. O primeiro refírese á natureza do ente, á súa sede e aos principios xerais de funcionamento; o segundo trata da organización interna de Augas de Galicia na dobre vertente de desenvolvemento dos preceptos da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, no que se refire á composición e funcionamento dos órganos colexiados de goberno e de participación, e a estrutura da Dirección do ente nos seus servizos centrais e territoriais; e o terceiro regula o réxime xurídico de funcionamento de Augas de Galicia, indicando primeiramente o marco normativo en que debe actuar a entidade e, seguidamente, especificando as previsións relativas ao persoal, réxime económico-financeiro e orzamentario, contratación, recursos económicos, patrimonio, e réxime de impugnación dos seus actos.

Na súa virtude, en exercicio da facultade prevista na disposición derradeira primeira da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, por proposta do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión celebrada o día doce de xaneiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación.

En virtude da regulación prevista na disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, apróbase o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, cuxo texto figura no anexo deste decreto.

Disposición adicional primeira. Constitución de Augas de Galicia.

1. A constitución da entidade pública empresarial Augas de Galicia producirase coa celebración da sesión constitutiva do seu Consello Reitor, que terá lugar no prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto, a partir da cal se realizarán todas as actuacións conducentes á súa entrada en funcionamento.

2. A entrada en funcionamento da entidade pública empresarial Augas de Galicia producirase coa súa constitución. Nesta data da entrada en funcionamento da entidade quedarán extinguidos o organismo autónomo Augas de Galicia e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, subrogándose a nova entidade en todos os seus dereitos e obrigas, así como nos contratos vixentes nesa data.

Disposición adicional segunda. Persoal do organismo autónomo Augas de Galicia.

O persoal funcionario de carreira e laboral fixo que preste os seus servizos no organismo autónomo Augas de Galicia pasará a desempeñar postos de traballo na nova entidade Augas de Galicia e a prestar servizos nesta nas mesmas condicións en que se atopase con efectos desde a data da súa entrada en funcionamento, coa mesma condición de persoal funcionario ou laboral de orixe.

2. Ao persoal funcionario interino, laboral temporal e laboral indefinido non fixo que preste os seus servizos no organismo autónomo Augas de Galicia no momento da entrada en funcionamento da nova entidade Augas de Galicia pasará a desempeñar postos de traballo na nova entidade Augas de Galicia, co mesmo réxime e condicións que tiña no mencionado organismo, e co recoñecemento dos servizos prestados para os efectos da antigüidade.

Disposición adicional terceira. Persoal da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos.

O persoal laboral fixo da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos que, sendo seleccionado para a cobertura definitiva dun posto do catálogo de postos do ente público aprobado por este co informe favorable da Administración autonómica baixo os principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade, se adscriba á entidade Augas de Galicia de conformidade co disposto na disposición transitoria primeira deste decreto poderá ser integrado como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, consonte establece a disposición adicional décimo primeira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Ao persoal laboral fixo da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos que reúna os requisitos previstos no parágrafo anterior e se atope en situación de excedencia seralle de aplicación o disposto neste.

Ao persoal que, como consecuencia do proceso previsto no presente punto, experimentase unha diminución en cómputo anual das retribucións brutas fixas e periódicas, recoñeceráselle un complemento persoal de integración, de carácter transitorio, consistente na diferenza de retribucións.

Para o cálculo do devandito complemento non se tomarán en consideración, en ningún caso, os importes acreditados en conceptos derivados da antigüidade, incentivos ao rendemento, complemento de produtividade, horas extraordinarias ou conceptos retributivos equiparables.

O complemento persoal de integración non poderá ser incrementado nin revalorizado e se extinguirase polas causas que se indican a seguir:

a) Polo transcurso do tempo: o importe inicial recoñecido do complemento persoal de integración experimentará unha redución anual do 20%, ata a súa total extinción transcorridos como máximo 6 anos desde o seu recoñecemento.

b) Polo cambio de posto de traballo, incluída a funcionarización, promoción interna ou, se é o caso, a progresión na carreira profesional horizontal.

c) Pola absorción por este complemento, ata o seu importe total, das melloras retributivas que resulten de aplicación ao posto de traballo. Para estes efectos, non se tomarán en consideración o incremento xeral de retribucións que establezan as leis de orzamentos.

No suposto de que se acorden medidas de xeral aplicación aos empregados públicos que comporten reducións retributivas, recalcularase o complemento transitorio de integración para repercutir as ditas diminucións salariais como se fosen aplicadas no posto de traballo de orixe.

Disposición adicional cuarta. Funcionarización do persoal laboral fixo da entidade Augas de Galicia.

Ao persoal laboral fixo da Xunta de Galicia na entidade Augas de Galicia que desempeñe postos de traballo ou realice funcións de persoal funcionario, aplicaráselle a normativa de función pública para este suposto.

Disposición adicional quinta. Relación de postos de traballo.

A entidade pública empresarial Augas de Galicia procurará que na súa relación de postos de traballo se reflicta unha igualdade no réxime xurídico daqueles que requiran unhas mesmas condicións de preparación e unhas mesmas funcións.

Disposición adicional sexta. Comité de Autoridades Competentes da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

1. Para garantir a adecuada cooperación na aplicación das normas de protección das augas, créase, ao abeiro do artigo 36 bis do texto refundido da lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, o Comité de Autoridades Competentes da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

A creación do Comité de Autoridades Competentes da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa non afectará a titularidade das competencias que nas materias relacionadas coa xestión das augas correspondan ás distintas administracións públicas, que continuarán exercéndose de conformidade co previsto en cada caso na normativa que resulte de aplicación.

O Comité de Autoridades Competentes da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa adscríbese á consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de augas.

2. O Comité de Autoridades Competentes da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa terá como funcións básicas:

a) Favorecer a cooperación no exercicio das competencias relacionadas coa protección das augas que estean atribuídas ás distintas administracións públicas no seo da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

b) Impulsar a adopción polas administracións públicas competentes na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa das medidas que exixa o cumprimento das normas de protección das augas.

c) Proporcionar á Unión Europea, a través do ministerio competente en materia de augas, a información relativa á demarcación hidrográfica que se requira, conforme a normativa vixente.

3. En relación co proceso de planificación hidrolóxica da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa terá, en particular, as seguintes funcións:

a) Favorecer a cooperación na elaboración de plans e programas.

b) Facilitar e garantizar a achega de información polas autoridades competentes para a elaboración e seguimento dos plans hidrolóxicos.

c) Facilitar a cooperación entre as autoridades competentes na elaboración e seguimento de medidas e a actualización do rexistro de zonas protexidas.

4. O Comité de Autoridades Competentes estará integrado por:

a) A presidencia de Augas de Galicia.

b) Tres representantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, un proposto pola consellería con competencias en materia de augas, outro pola consellería competente en materia de pesca e outro en representación de todas as consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, proposto pola consellería con competencias en materia de administracións públicas.

c) Dous/dúas representantes das entidades locais do ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, propostos pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

d) Un/unha representante proposto/a pola Administración xeral do Estado.

5. O Comité de Autoridades Competentes nomeará a persoa que exerza as funcións da súa secretaría, con voz pero sen voto, entre o persoal adscrito á Área de Servizos e Apoio Xurídico da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

6. A presidencia e o nomeamento de membros do Comité de Autoridades Competentes correspóndelle á Presidencia de Augas de Galicia, que poderá delegar estas facultades na Dirección de Augas de Galicia.

7. A consellería competente en materia de augas facilitará ao ministerio competente en materia de augas unha relación de autoridades competentes, debendo así mesmo notificar calquera cambio que se produza nestas designacións.

8. O réxime de funcionamento do Comité de Autoridades Competentes axustarase ás normas reguladoras dos órganos colexiados contidas na sección terceira do capítulo I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional sétima. Informe da consellería competente en materia de pesca sobre actuacións de recheo nos portos de interese xeral do Estado.

O informe da consellería competente en materia de pesca previsto no artigo 81.2 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, terá carácter preceptivo e non vinculante cando se emita en relación con actuacións de recheo que se leven a cabo no ámbito dos portos de interese xeral do Estado.

Disposición transitoria primeira. Persoal da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos.

1. O persoal laboral fixo da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, con independencia da súa situación administrativa, que fose seleccionado para a cobertura definitiva dun posto do catálogo de postos do ente público aprobado por este co informe favorable da Administración autonómica baixo os principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade, incorporarase á entidade Augas de Galicia como persoal laboral fixo desta, mediante a súa adscrición provisional ao seu posto de traballo, ata a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia e con efectos administrativos desde o momento en que se produza a entrada en funcionamento da entidade Augas de Galicia.

Para os efectos desta adscrición, o órgano responsable da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos emitirá un certificado en que se expresará o persoal laboral fixo que presta servizos no mencionado ente na data en que se produza a súa extinción.

2. O persoal laboral temporal e indefinido non fixo da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos pasará a ocupar postos de traballo na entidade Augas de Galicia co mesmo réxime e condicións que tiña no mencionado ente público e co recoñecemento dos servizos prestados a efectos da antigüidade, con efectos desde a entrada en funcionamento da entidade Augas de Galicia; en todo caso, ata que as súas prazas se provexan polos sistemas regulamentarios consonte a normativa de función pública ou se proceda á súa amortización.

Disposición transitoria segunda. Continuidade da prestación de servizos.

Mentres non sexa nomeada a persoa titular da Dirección da entidade pública empresarial Augas de Galicia, exercerá as súas tarefas a persoa titular da Presidencia do organismo autónomo Augas de Galicia.

Disposición transitoria terceira. Relación de postos de traballo e estrutura orgánica da entidade.

Ata a elaboración e aprobación da relación de postos de traballo inicial de persoal funcionario e laboral da entidade pública empresarial Augas de Galicia e do decreto de desenvolvemento da súa estrutura orgánica, manteranse como instrumentos de ordenación dos seus recursos humanos a relación de postos de traballo do organismo autónomo Augas de Galicia e o cadro de persoal da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, coas dotacións existentes no momento da creación da entidade, así como as actuais con- figuracións das estruturas orgánicas reguladas no Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, e nos estatutos da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, aprobados polo Decreto 125/1996, do 7 de marzo.

Disposición derrogatoria única.

1. Quedan derrogados o Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, e o Decreto 125/1996, do 7 de marzo, polo que se aproban os estatutos da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, xunto coas súas respectivas modificacións, agás o disposto na disposición transitoria terceira.

2. Igualmente quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación da estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

As referencias que no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, se conteñen respecto do organismo autónomo Augas de Galicia e da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, entenderanse feitas á entidade pública empresarial Augas de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Habilitación de desenvolvemento normativo.

Atribúese ao titular da consellería competente en materia de augas a facultade de desenvolver mediante orde o disposto neste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia

CAPÍTULO I natureza, sede e principios de organización e funcionamento

Artigo 1. Natureza e adscrición.

1. Conforme o previsto no artigo 9 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, no artigo 89 e na disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, Augas de Galicia é unha entidade pública empresarial con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento das súas funcións.

2. Augas de Galicia adscríbese á consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de augas.

3. A organización e réxime xurídico interno de Augas de Galicia regúlanse polo dereito administrativo e o seu réxime xurídico externo regúlase polo dereito privado, excepto no exercicio das potestades administrativas que ten atribuídas e nos aspectos especificamente previstos en normas con rango de lei.

4. Augas de Galicia constitúese na entidade a través da cal a Xunta de Galicia aplica e garante os principios que rexen a xestión pública da auga, a cal e irrenunciable.

Artigo 2. Autonomía de xestión.

1. Augas de Galicia ten autonomía de xestión e correspóndenlle dentro do seu ámbito competencial todas as potestades administrativas precisas para o cumprimento das súas finalidades nos termos establecidos pola lei.

2. Dentro da súa plena capacidade de obrar e de conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, a entidade pode adquirir –mesmo como beneficiaria por expropiación forzosa–, posuír, reivindicar, permutar, gravar ou allear toda clase de bens e dereitos, establecer contratos de natureza pública e privada, propoñer a constitución de consorcios, mancomunidades e outras modalidades asociativas de entes locais, formalizar convenios, executar, contratar e explotar obras e servizos, outorgar subvencións, obrigarse, interpoñer recursos e exercer as accións que lle correspondan de acordo coa normativa aplicable nesta materia.

Artigo 3. Sede e ámbito de actuación.

1. Augas de Galicia ten a súa sede na cidade de Santiago de Compostela.

2. O ámbito territorial de actuación da entidade é o da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Principios de organización e funcionamento e funcións.

1. No seu ámbito de actuación Augas de Galicia respectará o principio de desconcentración de funcións e aplicará os principios de organización e funcionamento que para a Comunidade Autónoma de Galicia se regulan no artigo 3 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

2. As competencias e funcións que desenvolverá a entidade pública son as reguladas no artigo 11 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

CAPÍTULO II Organización

Sección 1.ª Estrutura

Artigo 5. Descrición xeral.

1. Augas de Galicia estrutúrase nos seguintes órganos de goberno:

a) A Presidencia.

b) O Consello Reitor.

2. Son órganos executivos a Dirección e a Xerencia.

3. Así mesmo, a entidade pública conta co Consello para o Uso Sustentable da Auga como órgano de participación.

4. Augas de Galicia observará o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes nos nomeamentos que lle corresponda efectuar nos seus órganos colexiados. Así mesmo, designará, de acordo con este principio, os seus representantes nos órganos colexiados ou comités en que participe, agás por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas.

Decreto 167/2015, do 13 de novembro.

Artigo modificado:Artigo 5 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira primeira.

Sección 2.ª Presidencia

Artigo 6. A Presidencia.

1. A Presidencia de Augas de Galicia será exercida pola persoa titular da consellería da Xunta de Galicia competente en materia de augas.

2. As competencias da Presidencia son as reguladas no artigo 13 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

3. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Presidencia, será substituída pola persoa titular da Dirección.

Sección 3.ª O Consello Reitor

Artigo 7. Composición.

1. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno de Augas de Galicia. A súa Presidencia corresponde a quen teña a de Augas de Galicia, e a Vicepresidencia corresponde a quen exerza a Dirección da entidade.

2. Ademais, formarán parte do Consello Reitor os seguintes vogais:

a) Once representantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, propostos polas consellerías seguintes:

Cinco serán propostos pola consellería competente en materia de augas.

Un será proposto polas consellerías competentes en materia de administracións públicas, facenda, industria, sanidade, desenvolvemento rural e pesca.

b) Tres vogais representantes das entidades locais propostos pola Federación Galega de Municipios e Provincias, dos cales un deberá ser, chegado o caso da súa creación, proposto polas áreas metropolitanas que se creen.

c) Oito vogais representantes dos usuarios: dous polos usos domésticos da auga, correspondendo a proposta dun deles ás entidades subministradoras e doutro ás comunidades de usuarios e autoabastecemento, dous polos usuarios agrícolas e gandeiros, dous polos usos industriais e dous en representación dos aproveitamentos hidroeléctricos.

d) Un vogal en representación das asociacións non gobernamentais de carácter ambiental máis representativas de Galicia.

e) Un/unha representante da Administración xeral do Estado.

3. O Consello Reitor nomeará a persoa que exerza as funcións da súa secretaría, con voz pero sen voto, entre o persoal adscrito á Área de Servizos e Apoio Xurídico.

4. Os representantes dos usos domésticos da auga serán propostos pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

Os representantes dos usuarios agrícolas e gandeiros serán propostos polas asociacións profesionais ou sindicatos máis representativos do sector.

Os representantes dos usos industriais serán propostos polas organizacións empresariais intersectoriais máis representativas.

Os representantes dos usos hidroeléctricos serán propostos, un, de entre as tres empresas produtoras de enerxía hidroeléctrica con maior capacidade de produción na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, e outro, de entre o resto de empresas produtoras de enerxía hidroeléctrica.

A Presidencia de Augas de Galicia desenvolverá as actuacións adecuadas para que teña lugar a formulación das propostas.

5. O nomeamento e cesamento dos membros do Consello Reitor será realizado pola persoa titular da consellería competente en materia de augas. O mandato dos representantes dos usuarios durará catro anos, sendo susceptible de nova designación.

Os vogais nomeados por razón do seu cargo ou en representación de entidades ou órganos cesarán automaticamente cando cesen no cargo por razón do cal foron nomeados ou cando perdan a representación do órgano propoñente ou polo que foron designados.

6. Poderán asistir ás sesións do Consello Reitor, con voz pero sen voto, aquelas persoas que sexan convocadas por orde da Presidencia para informar sobre asuntos da súa competencia ou sobre materias en que sexan especialistas.

Artigo 8. Comité Permanente.

Existirá un Comité Permanente composto polo titular da Vicepresidencia e un vogal por cada un dos grupos a que se refiren as letras a), b) e c) da alínea 2 do artigo anterior, elixido polos seus membros, e asistido polo titular da Secretaría do Consello, que actuará como órgano de preparación das reunións do Consello Reitor e poderá exercer aquelas competencias que o Consello lle delegue.

Artigo 9. Funcións.

1. O Consello Reitor da entidade, de acordo co disposto na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, exerce as seguintes atribucións:

a) O seguimento, a supervisión e o control superior da actuación da entidade e da xestión da persoa titular da dirección.

b) A aprobación dun informe xeral anual da actividade desenvolvida pola entidade e de cantos extraordinarios considere necesarios sobre a súa xestión, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

c) A aprobación do anteproxecto de orzamentos anuais e da contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites que teña fixados.

d) A aprobación das contas anuais e, de ser o caso, a distribución do resultado do exercicio, conforme a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Aprobar e elevarlle ao Consello da Xunta, a través da consellaría competente en materia de augas, a proposta de planificación hidrolóxica da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa e as súas revisións.

f) Exercer a potestade sancionadora das infraccións cualificadas como moi graves.

g) Adoptar, legal ou regulamentariamente, como corresponda, os acordos relativos a actos de disposición sobre bens do patrimonio de Augas de Galicia, así como emitir informe e propoñer os actos de desafectación dos bens de dominio público hidráulico; todo iso dentro do que determine a lexislación de patrimonio aplicable.

h) Declarar as masas subterráneas en risco de non acadaren o bo estado e establecer os perímetros de protección.

i) Aprobar a proposta de relación de postos de traballo do persoal ao servizo da entidade Augas de Galicia.

j) Cantas outras funcións que legal ou regulamentariamente se lle atribúan.

2. O Consello Reitor actúa igualmente como Consello da Auga da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, para os efectos previstos na normativa xeral vixente en materia de augas.

Artigo 10. Réxime de funcionamento.

1. O pleno do Consello Reitor reunirase alomenos dúas veces ao ano, logo de convocatoria da súa Presidencia, por iniciativa propia ou dun terzo dos seus membros.

2. O funcionamento do Consello rexerase pola normativa establecida para os órganos colexiados da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sección 4.ª O Consello para o Uso Sustentable da Auga

Artigo 11. Composición do Consello para o Uso Sustentable da Auga.

1. Corresponde á Presidencia de Augas de Galicia presidir o Consello para o Uso Sustentable da Auga. A persoa titular da Dirección de Augas de Galicia desempeña a Vicepresidencia do Consello.

2. Integran o Consello para o Uso Sustentable da Auga os/as seguintes vogais:

a) As persoas titulares dos seguintes órganos e entidades da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas: a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a Axencia Galega de Infraestruturas e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

b) As persoas titulares dos seguintes órganos e entidades pertencentes á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia: a Dirección Xeral de Administración Local e a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, da Consellería de Economía e Industria; a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, a Secretaría Xeral do Mar e a Presidencia de Portos de Galicia, da Consellería do Medio Rural e do Mar; a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, da Consellería de Sanidade.

c) Unha persoa representante de cada unha das confederacións hidrográficas con competencias no territorio de Galicia.

d) Unha persoa representante da Demarcación de Costas do Estado en Galicia.

e) Cinco persoas representantes das administracións locais competentes, propostas pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

f) Tres persoas representantes das organizacións non oubernamentais de carácter ambiental máis representativas de Galicia, propostas por elas e escollidas atendendo ao seu número de afiliados na Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Tres persoas representantes das organizacións sindicais con máis implantación en Galicia, propostas por elas.

Así mesmo, tamén terán representación neste consello aquelas organizacións sindicais que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, cunha persoa representante por cada unha delas, agás que xa teñan representación neste en atención ao criterio sinalado no parágrafo anterior.

h) Dúas persoas representantes das organizacións empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia, propostas por elas.

i) Tres persoas representantes das universidades públicas de Galicia, propostas por elas.

j) Dúas persoas representantes das entidades de abastecemento de auga, propostas polas súas asociacións máis representativas.

k) Catro persoas representantes dos/das usuarios/as industriais da auga, dos cales dous corresponderán aos aproveitamentos hidroeléctricos, propostas polas súas asociacións e organizacións máis representativas.

l) Dúas persoas representantes dos/das usuarios/as agrícolas e gandeiros da auga que formen parte do Consello Agrario de Galicia.

m) Unha persoa representante dos/das usuarios/as forestais que forme parte do Consello Forestal de Galicia.

n) Dúas persoas representantes das asociacións de consumidores/as e dos/das usuarios/as máis representativas, propostas por elas.

o) Unha persoa representante das asociacións de veciños, proposta entre as máis representativas, atendendo ao seu ámbito de actuación e ao seu número de afiliados.

p) Unha persoa representante das comunidades dos/das usuarios/as legalmente constituídas, proposta pola asociación máis representativa deles ou, no seu defecto, pola Dirección de Augas de Galicia.

q) Dúas persoas expertas na materia, propostas pola persoa titular da consellería competente en materia de augas.

Nomearase unha persoa suplente dos/as vogais titulares pertencente ao órgano ou entidade que represente para os casos de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada.

3. As vogalías do Consello serán nomeadas pola persoa titular da consellería competente en materia de augas, por proposta das entidades, organizacións e asociacións mencionadas na alínea anterior por un período de dous anos prorrogables automaticamente por outros dous, agás que as ditas entidades, organizacións e asociacións manifesten o contrario.

As persoas integrantes do Consello para o Uso Sustentable da Auga non recibirán indemnización ningunha pola pertenza ao dito consello con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Exerce a secretaría do Consello para o Uso Sustentable da Auga a persoa titular da secretaría do Consello Reitor.

Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 11 apartado apartado 1 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado 1, apartado 2 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado 2 e apartado 3 parágrafo segundo engadido por disposición derradeira primeira apartado 3.

Artigo 12. Funcións.

O Consello para o Uso Sustentable da Auga exerce as funcións que lle atribúe o artigo 16.4 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Artigo 13. Réxime de funcionamento.

1. O Consello para o Uso Sustentable da Auga reunirase polo menos dúas veces ao ano, logo de convocatoria da súa Presidencia, por iniciativa propia ou dun terzo dos seus membros.

2. O funcionamento do Consello rexerase polas súas normas de réxime interno e, supletoriamente, pola normativa establecida para os órganos colexiados da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sección 5.ª A Dirección

Artigo 14. Nomeamento e rango.

1. A Dirección da entidade será nomeada e separada, de acordo co artigo 65.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polo Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de augas, entre persoas que reúnan os requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica necesarios para o exercicio do cargo, e de acreditada experiencia.

2. A Dirección terá a consideración de alto cargo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con rango de dirección xeral.

Artigo 15. Funcións.

1. A persoa titular da dirección é responsable da xestión ordinaria da entidade e exerce as competencias inherentes á dita dirección, así como as que expresamente se lle atribúen na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, de acordo co seu artigo 65.3, e no artigo 15.3 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e as que lle delegue o Consello Reitor.

2. Igualmente corresponderalle á Dirección decidir nos conflictos de atribucións, positivos ou negativos, que poidan suscitarse entre os órganos que dela dependen.

Artigo 16. Estrutura administrativa da Dirección.

1. Da Dirección de Augas de Galicia dependen as áreas de Servizos e Apoio Xurídico, de Xestión do Dominio Público Hidráulico, de Réxime Económico-Financeiro e a Área Técnica.

2. Así mesmo, da Dirección dependerá o órgano administrativo encargado da preparación e tramitación da contratación pública da entidade.

3. O Consello Reitor aprobará a proposta de relación de postos de traballo e acordará a súa elevación para a aprobación polo Consello da Xunta de Galicia.

4. Corresponde á Presidencia de Augas de Galicia o nomeamento, de entre o persoal funcionario e/ou laboral, dos responsables dos órganos administrativos que a relación de postos de traballo da entidade reserve para a súa cobertura polo sistema de libre designación.

5. A estrutura administrativa da entidade pública empresarial Augas de Galicia de nivel inferior ás áreas regularase mediante decreto, que entrará en vigor coa aprobación da relación de postos de traballo.

16 bis. A Xerencia

1. De acordo co previsto no artigo 65.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Xerencia da entidade será nomeada e separada polo Consello Reitor, por proposta da persoa titular da súa presidencia, de entre persoal funcionario ou persoal laboral da Xunta de Galicia ou das entidades do sector público autonómico que reúnan os requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica necesarios para o exercicio do cargo e de acreditada experiencia.

2. A xerencia, cargo asimilado á Secretaría Xeral prevista no artigo 65.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, terá retribucións equivalentes a un posto de subdirector xeral e será nomeado polo procedemento establecido na normativa vixente en materia de función pública.

3. Son funcións da Xerencia:

a) Coordinar, baixo a súa dependencia directa, a área técnica da entidade.

b) Coordinar a contratación pública da entidade, a través dos correspondentes órganos.

c) Coordinar, baixo a dirección da Dirección da entidade, as restantes áreas desta.

d) Coordinar e inspeccionar os órganos e unidades da entidade, ditar as disposicións, as instrucións e as circulares de funcionamento e comunicación entre os distintos órganos desta, así como supervisar os procedementos de xestión da entidade.

e) Elaborar os informes que lle solicite o director xeral.

f) Substituír ao director xeral nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Decreto 167/2015, do 13 de novembro.

Artigo engadido:Artigo 16 bis engadido por disposición derradeira segunda.

Artigo 17. Área Técnica.

Corresponde á Área Técnica:

A. En materia de planificación:

a) As actuacións necesarias para a implantación das directivas comunitarias e a normativa estatal, así como a coordinación co Plan Hidrolóxico Nacional.

b) A elaboración de estatísticas e mantemento de bases de datos en relación cos usos da auga e o seguimento do cumprimento dos obxectivos fixados nas directivas comunitarias, en particular en materia de saneamento e protección das augas.

c) O establecemento das directrices para a elaboración, seguimento e revisión do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa, incluíndo o apoio aos procesos de información e participación pública.

d) A participación na elaboración e seguimento da execución dos plans hidrolóxicos das demarcacións hidrográficas competencia da Administración xeral do Estado cuxo ámbito territorial afecte a Galicia.

e) A elaboración, seguimento e actualización dos plans xerais e de zona de abastecemento e saneamento conforme o regulado no artigo 34 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

f) A emisión dos informes de compatibilidade coa planificación hidrolóxica das solicitudes de concesións e autorizacións de bens do dominio público hidráulico.

g) A emisión dos informes sobre os instrumentos territoriais e urbanísticos en canto afecten as competencias de Augas de Galicia, todo isto de conformidade co regulado no artigo 39 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

h) A elaboración dos plans de seca e dos plans de xestión de risco por asolagamento, a coordinación dos plans de emerxencia dos abastecementos urbanos coa obriga de emitir informe sobre eles e a execución de actuacións en situacións extraordinarias.

i) Cantos outros procedementos se refiran á planificación hidrolóxica e non estean atribuídos a outro órgano dependente da Dirección da entidade.

B. En materia de infraestruturas hidráulicas:

a) A programación de actuacións e obras necesarias para a execución da planificación.

b) A elaboración de estudos, proxectos, dirección, inspección e execución das infraestruturas hidráulicas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A supervisión de proxectos e anteproxectos e a elaboración de pregos técnicos administrativos para actuacións promovidas pola entidade.

d) A dirección das explotacións das infraestruturas hidráulicas de abastecemento en alta, saneamento e depuración xestionadas por Augas de Galicia, así como a súa inspección, vixilancia e control e a elaboración dos pregos e documentación técnica necesaria para as actuacións promovidas pola entidade nesta materia.

e) A programación e elaboración de estudos, informes, proxectos, dirección, inspección e execución de obras nas instalacións de depuración xestionadas por Augas de Galicia.

f) A programación, establecemento e seguimento da asunción da xestión das instalacións de depuración de augas residuais competencia das entidades locais á Xunta de Galicia, e a colaboración con elas para o control das verteduras ás redes de colectores do sistema de saneamento.

g) A realización da análise e control das verteduras procedentes das instalacións de depuración xestionadas por Augas de Galicia.

h) A inspección dos sistemas de saneamento asociados ás instalacións de depuración xestionadas por Augas de Galicia.

i) A realización das actuacións necesarias, incluídas as relativas á expropiación forzosa que corresponda, e seguimento técnico-administrativo para a execución dos proxectos de obras e infraestruturas hidráulicas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) O exercicio das funcións necesarias para a realización das obras de competencia das entidades locais que sexan executadas por Augas de Galicia.

k) A ordenación dos servizos de abastecemento e saneamento en alta e depuración de competencia de Augas de Galicia e dos instrumentos de coordinación dos servizos de abastecemento e saneamento de competencia das entidades locais.

l) A explotación das infraestruturas hidráulicas de regulación de titularidade de Augas de Galicia.

m) As competencias establecidas na normativa xeral en materia de augas relativas á seguridade de presas, encoros e balsas que correspondan a Augas de Galicia.

n) O seguimento e control técnico de infraestruturas hidráulicas que non sexan de titularidade de Augas de Galicia.

ñ) A programación e execución das actuacións de conservación e rexeneración das ribeiras e canles públicas, así como das zonas de servidume e policía das augas da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

o) A redacción e revisión de normativa técnica aplicable ao deseño, construción e explotación de obras hidráulicas por parte da Administración hidráulica de Galicia, así como a proposta á Dirección para a súa aprobación polo Consello Reitor.

p) Cantas outras funcións estean relacionadas coa proxección, construción e explotación de infraestruturas hidráulicas e non estean atribuídas a outro órgano dependente da Dirección da entidade.

C. Noutras materias:

a) A programación, xestión e seguimento das partidas do orzamento de gastos da entidade relativas a investimentos e transferencias de capital.

b) A promoción da investigación e da produción científica.

c) As funcións que deba desenvolver Augas de Galicia relativas á cooperación nacional e internacional en materia de infraestruturas hidráulicas.

Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 17 apartado B.m) nova redacción por disposición derradeira primeira apartado 4.

Artigo 18. Área de Servizos e Apoio Xurídico.

1. Corresponde á Área de Servizos e Apoio Xurídico:

a) A secretaría e a asistencia xurídica aos órganos de goberno e de participación de Augas de Galicia.

b) A elaboración e tramitación dos anteproxectos de textos normativos que sexan encomendados á entidade polo ordenamento xurídico aplicable.

c) A inspección xeral interna dos servizos da entidade e a asesoría en dereito desta.

d) A xestión xeral do persoal da entidade.

e) A xestión do Rexistro Xeral de Augas de Galicia así como as funcións de atención e información ao cidadán e o control e a supervisión dos aspectos relacionados e do réxime interior.

f) A tramitación dos procedementos de responsabilidade patrimonial.

g) A asistencia técnico-xurídica dos servizos do organismo e a coordinación das actuacións desenvolvidas ante os órganos parlamentarios, xudiciais e comunitarios.

h) A xestión dos servizos informáticos.

i) A dirección dos traballos de difusión e divulgación da actividade de Augas de Galicia.

j) A xestión do parque móbil.

k) A tramitación dos expedientes menores e de xestión ordinaria para o axeitado funcionamento da entidade, así como de todos aqueles procedementos administrativos semellantes aos enumerados e non atribuídos expresamente a outros órganos dependentes da Dirección.

Artigo 19. Área de Xestión do Dominio Público Hidráulico.

Corresponde á Área de Xestión do Dominio Público Hidráulico:

a) Conformar os criterios xerais de tramitación dos expedientes de autorizacións e concesións relativos ao uso e aproveitamento do dominio público hidráulico, de establecemento de servidumes de augas, e de constitución de comunidades de usuarios, que realicen os servizos territoriais de Augas de Galicia; así como a supervisión xeral das actuacións deles.

b) Realizar e elevar para a súa resolución definitiva por parte dos órganos de goberno de Augas de Galicia, as propostas de resolución de autorizacións e concesións relativas ao dominio público hidráulico, as de constitución de servidumes de augas e de comunidades de usuarios, así como as propias dos procedementos sancionadores incoados na materia.

c) Tramitar, ata a proposta de resolución, os procedementos relativos aos contratos de cesión de dereitos de uso da auga.

d) A proposta á Dirección de Augas de Galicia da aprobación das ordenanzas e os estatutos das comunidades de usuarios na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

e) A dirección e o establecemento dos criterios xerais de despregamento e actuación da Gardaría Fluvial de Augas de Galicia, cuxos efectivos gozan, no exercicio das súas funcións de inspección, vixilancia e control do dominio público, das prerrogativas inherentes á súa condición de autoridade pública.

f) A inspección e vixilancia das obras derivadas de concesións e autorizacións no dominio público hidráulico e marítimo-terrestre, así como das explotacións de todos os aproveitamentos de augas públicas, calquera que sexa a súa titularidade.

g) A tutela dos dereitos nacidos ao abeiro da normativa xeral de augas e dos actos administrativos ditados na súa aplicación, así como a realización das actuacións necesarias para o seu cumprimento, especialmente a execución das medidas dirixidas á restitución das cousas ou á reparación dos danos ocasionados no dominio público hidráulico ou marítimo- terrestre.

h) A xestión do rexistro de augas públicas, do rexistro de zonas protexidas, do catálogo de augas privadas e do censo de verteduras.

i) A inspección, vixilancia e control das verteduras de augas residuais na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, así como a tramitación, ata a proposta de resolución, dos procedementos de autorización de vertedura a dominio público e dos expedientes sancionadores que se incoen na materia no devandito ámbito territorial.

j) A análise e o control da calidade das augas, así como o seguimento dos programas de calidade da auga que se establezan.

k) A proposta de declaración de masas de auga subterránea en situación de risco e a preparación dos instrumentos conseguintes para a súa xestión.

l) O exercicio das funcións relativas á limitación no uso de zonas inundables e a realización do deslindamento de bens pertencentes ao dominio público hidráulico.

m) A xestión da estatística dos recursos, consumos e calidade das masas de auga segundo os distintos usos.

n) O establecemento de criterios para a conservación e rexeneración das ribeiras e canles públicas, así como das zonas de servidume e policía das augas da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

ñ) Cantos outros procedementos se refiran á xestión do dominio público hidráulico e das augas da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa e non estean atribuídos a outro órgano dependente da Dirección da entidade.

Artigo 20. Área Económico-Financeira.

Corresponde á Área Económico-Financeira:

a) A preparación do anteproxecto do programa de actuación, investimentos e financiamento anual que reflicta a planificación xeral da actividade da entidade.

b) A tramitación das modificacións do seu orzamento de explotación ou de capital de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

c) A elaboración e tramitación da documentación contable relativa aos expedientes de gasto e a elaboración, para a súa rendición, das contas e estados anuais de conformidade coa normativa que resulte aplicable.

d) O estudo e preparación de operacións de crédito e tesouraría, a tramitación e realización de pagamentos a terceiros acredores da entidade, así como o control e xestión das contas e depósitos bancarios dos cales é titular Augas de Galicia.

e) A xestión, liquidación, inspección e recadación dos tributos e demais ingresos de calquera natureza da entidade, incluída a súa contabilización e propostas de modificación normativa, agás as competencias normativas, inspectoras e de recadación que lle correspondan á Consellería de Facenda.

f) Realizar e elevar para a súa resolución definitiva polos órganos de goberno de Augas de Galicia, as propostas de resolución das solicitudes de aprazamento ou fraccionamento en vía voluntaria dos ingresos que consonte a súa normativa, xestione Augas de Galicia.

g) A xestión contable mensual da nómina do persoal da entidade e o cumprimento das obrigas coa Seguridade Social e coa Axencia Estatal de Administración Tributaria derivadas daquela, así como a realización das oportunas declaracións fiscais anuais.

h) A tramitación de procedementos de modificacións do Fondo de Compensación Interterritorial, e o control e a execución dos fondos finalistas en coordinación co órgano competente nesta materia da consellería competente en materia de facenda.

i) A realización da documentación de contido económico que deba achegarse como consecuencia das auditorías ou controis a que se someta a Augas de Galicia polos correspondentes órganos de control da súa actividade con carácter previo ou posterior.

j) A administración do patrimonio.

k) Todas as demais funcións de carácter económico ou financeiro que non estean atribuídas a outro órgano dependente da Dirección da entidade.

Sección 6.ª Comisións de Desaugamento

Artigo 21. Composición e funcións das Comisións de Desaugamento.

1. Por cada unha das zonas hidrográficas indicadas nas letras a), b) e c) da primeira alínea do artigo 24, existirá unha comisión de desaugamento coa función de deliberar e formular propostas á Dirección sobre o réxime adecuado de enchedura e baleirado dos encoros e acuíferos da demarcación hidrográfica de Galicia Costa, atendidos os dereitos dos distintos usuarios.

2. Formarán parte das comisións de desaugamento:

a) O xefe da Área Técnica de Augas de Galicia, que actuará como presidente da comisión, agás que asista á reunión a persoa que exerza a dirección da entidade, que neste caso asumirá a presidencia.

b) Ata tres membros do persoal técnico de Augas de Galicia, designados pola persoa titular da Dirección da entidade e que asistirán con voz e sen voto.

c) Os representantes dos usuarios afectados, designados segundo prevé o número 5.

3. Poderán asistir ás reunións das comisións de desaugamento, con voz e sen voto, dous representantes da consellería con competencias en materia de augas, un representante das consellerías con competencias en materia de industria e pesca, así como un representante da consellería con competencias en materia de protección civil.

4. Actuará como secretario, con voz e sen voto, de cada comisión de desaugamento, un licenciado en dereito nomeado para o efecto pola persoa titular da Dirección da entidade de entre o persoal da Área de Servizos e Apoio Xurídico de Augas de Galicia.

5. Nas comisións de desaugamento estarán representados os usuarios afectados con dereitos inscritos ou en trámite de inscrición no Rexistro de Augas. Esta representación articularase como segue:

a) Por cada municipio, mancomunidade de municipios, consorcio, área metropolitana ou entidade subministradora titular de concesións de abastecemento de auga con poboación abastecida superior a cen mil habitantes, un/unha representante.

b) Pola agrupación única do resto de municipios abastecidos, un representante por cada cen mil habitantes ou fracción, ata un máximo de dous.

c) Un/unha representante por cada Administración ou institución pública titular de grandes encoros, de acordo coa definición de gran encoro prevista na normativa xeral en materia de augas.

d) Nos usos agrícolas de rega que utilicen augas superficiais pola agrupación de todas as comunidades de regadores e regadores individuais, un/unha representante, elixido entre eles.

e) Cada empresa produtora de enerxía eléctrica con potencia hidroeléctrica instalada superior a 100.000 kVA designará un/unha representante.

f) Polo resto de aproveitamentos non incluídos entre os anteriores, e en representación de intereses non específicos, a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia poderá designar ata dous/dúas representantes máis.

g) Garantirase, en todo caso, a representación individual ou colectiva das entidades públicas ou privadas que teñan algún dereito específico sobre o encoro de que se trate, en caso de non se incluír nos supostos das letras precedentes.

6. A persoa titular da Dirección de Augas de Galicia ordenará as actuacións de encoramento e desaugamento de encoros, ou outras actuacións encamiñadas a evitar riscos ou a lograr o aproveitamento máis racional da auga de conformidade coas propostas que formulen as comisións de desaugamento por maioría de dous terzos dos seus membros. No caso de non acadarse esa maioría, correspóndelle á persoa titular da Dirección a adopción da resolución que xulgue máis axeitada á vista dos antecedentes e das deliberacións da comisión.

Artigo 22. Réxime de funcionamento das Comisións de Desaugamento.

A comisión celebrará sesións ordinarias dúas veces ao ano, unha no outono e outra na primavera, sen prexuízo daquelas outras sesións extraordinarias que se celebren para o cumprimento das funcións establecidas na alínea primeira do artigo anterior.

Artigo 23. Comité Técnico.

En casos de precipitacións extraordinarias, inundacións ou calquera outra circunstancia de carácter excepcional, constituirase inmediatamente no seo de Augas de Galicia e designado pola persoa titular da Dirección da entidade, un comité técnico en que se integrarán o xefe da Área Técnica, o xefe da Áárea de Xestión do Dominio Público Hidráulico, a persoa titular do órgano directivo da Administración autonómica competente en materia de protección civil, e os técnicos encargados de dirixir a explotación dos encoros afectados. O devandito comité poderá adoptar as determinacións que crea oportunas e tamén ordenar operacións de encoramento ou desaugamento de encoros extraordinarias, sen que se precise reunir previamente as comisións de desaugamento respectivas, que serán informadas, non obstante, coa máxima urxencia das medidas adoptadas.

Sección 7.ª Organización territorial

Artigo 24. Servizos territoriais, número e sede.

1. O territorio de Galicia queda dividido nas zonas hidrográficas que se indican de seguido, incluíndose as correspondentes augas costeiras e de transición:

a) Zona Hidrográfica de Galicia-Norte, con sede na cidade da Coruña, que abrangue: as bacías dos ríos intracomunitarios vertentes ao mar Cantábrico, e as do océano Atlántico ata a bacía do río Grande, esta incluída.

b) Zona Hidrográfica de Galicia-Centro, con sede na cidade de Santiago de Compostela, que abrangue: as bacías dos ríos intracomunitarios vertentes ao océano Atlántico, entre a Zona Hidrográfica de Galicia-Norte e ata a bacía do río Ulla, esta incluída.

c) Zona Hidrográfica de Galicia-Sur, con sede na cidade de Vigo, que abrangue: as bacías dos ríos intracomunitarios vertentes ao océano Atlántico, entre a Zona Hidrográfica de Galicia-Centro e ata a desembocadura do río Miño.

d) Nas cidades de Lugo e Ourense existirán oficinas de Augas de Galicia que exercerán as funcións que lles encomende a persoa titular da súa Dirección no ámbito das súas respectivas provincias

2. Existirán, con sede nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Lugo e Ourense, os servizos territoriais de Augas de Galicia, que dependerán da Dirección de Augas de Galicia.

3. O territorio da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, de cada unha das zonas hidrográficas desta demarcación e de cada un dos seus sistemas de explotación detállase na dirección electrónica da páxina web do sistema de información IDE-DHGC (Infraestrutura de datos espaciais da demarcación hidrográfica Galicia-Costa), que estará dispoñible desde a dirección electrónica da páxina web corporativa do organismo de bacía Augas de Galicia (na actualidade https://augasdegalicia.xunta.gal).

4. A persoa titular da Dirección de Augas de Galicia establecerá as adscricións dos sistemas ou subsistemas hidráulicos de explotación aos respectivos servizos territoriais, así como as funcións e servizos que lles sexan transferidos.

Decreto 42/2020, do 30 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 24 apartado 3 nova redacción por artigo primeiro apartado un.

Artigo 25. Competencias dos servizos territoriais.

1. Son competencias dos servizos territoriais de Augas de Galicia das zonas hidrográficas de Galicia-Norte, Galicia-Centro e Galicia-Sur, nos seus respectivos ámbitos territoriais, respectándose en todo momento o principio de unidade de xestión de bacía hidrográfica, as seguintes:

a) Representar a Augas de Galicia no seu respectivo ámbito territorial e velar polo cumprimento e correcta aplicación de todas as disposicións, instrucións e ordes que diten os órganos de goberno e administrativos da entidade.

b) A xestión do rexistro e do servizo de información ao cidadán, así como a organización e realización das tarefas ordinarias de réxime interior requiridas para o seu funcionamento.

c) A tramitación ata a proposta de resolución dos expedientes de autorizacións e concesións relativos ao uso e aproveitamento do dominio público hidráulico, agás os relativos aos aproveitamentos hidroeléctricos, de establecemento de servidumes de augas e de constitución de comunidades de usuarios; a tramitación dos expedientes en que se require declaración responsable para determinados usos da auga.

d) A incoación, instrución e tramitación ata a fase de proposta de resolución dos procedementos sancionadores en materia de augas, coa excepción dos referidos a verteduras.

e) O seguimento da execución das obras programadas polos servizos centrais de Augas de Galicia e que lles sexan expresamente encomendadas.

f) A organización e coordinación dos efectivos da Gardaría Fluvial adscritos ao seu ámbito territorial de conformidade coas instrucións emanadas da Dirección de Augas de Galicia; o control dos aproveitamentos de augas públicas e das obras derivadas das autorizacións e concesións de dominio público hidráulico.

g) Informar e asesorar as entidades locais, mancomunidades, consorcios e empresas públicas en materias da súa competencia, e especialmente no relativo á xestión e utilización racional da auga no respectivo ámbito territorial.

h) En xeral, o desenvolvemento de cantas funcións lle sexan encomendadas pola Dirección de Augas de Galicia.

2. Son funcións dos servizos territoriais de Augas de Galicia nas cidades de Lugo e Ourense, nos seus respectivos ámbitos territoriais, respectándose en todo momento o principio de unidade de xestión de bacía hidrográfica, as seguintes:

a) A xestión do rexistro e do servizo de atención ao cidadán, así como a organización e realización das tarefas ordinarias de réxime interior requiridas para o funcionamento das dependencias propias.

b) O seguimento da execución das obras programadas polos servizos centrais de Augas de Galicia e que lles sexan expresamente encomendadas.

c) En xeral, o desenvolvemento das funcións que lle sexan encomendadas pola Dirección de Augas de Galicia.

Sección 8.ª Participación en sociedades mercantís e fundacións e promoción de mancomunidades e consorcios

Artigo 26. Supostos de participación en sociedades mercantís e fundacións e promoción de mancomunidades e consorcios.

1. Para o mellor cumprimento dos seus fins e cun obxecto acorde cos seus obxectivos, a entidade poderá formular proposta de creación de sociedades mercantís autonómicas ou fundacións do sector público autonómico ou participar nelas. Será requisito imprescindible a pertinente aprobación da proposta polo Consello Reitor e o cumprimento dos trámites previstos nos artigos 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. Augas de Galicia pode propoñer a constitución de consorcios con outras administracións públicas para finalidades de interese común ou con entidades privadas sen ánimo de lucro que teñan finalidades de interese público concorrentes coas da entidade, de conformidade co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. Augas de Galicia pode promover a constitución de mancomunidades de entes locais coa finalidade de levar a cabo actuacións en materia de augas, especialmente no que se refire ao abastecemento, o saneamento e a depuración ou, en xeral, a xestión integrada da auga.

CAPÍTULO III Réxime xurídico do funcionamento de Augas de Galicia

Artigo 27. Normativa aplicable.

1. O réxime xurídico aplicable a Augas de Galicia comprende a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, o presente estatuto, así como as leis e disposicións xerais de aplicación ás entidades públicas empresariais de Galicia.

2. A actividade da entidade sométese con carácter xeral nas relacións xurídicas externas ao dereito privado, coas excepcións previstas nos puntos seguintes.

3. As relacións de Augas de Galicia coa consellería competente en materia de augas e cos demais entes integrantes do sector público autonómico así como os actos derivados destas relacións sométense ao dereito público.

4. Queda expresamente sometida ao dereito público a actividade de Augas de Galicia relacionada coa xestión da auga e, en particular:

a) Os actos de ordenación e xestión do Dominio Público Hidráulico e Marítimo-Terrestre.

b) Os actos ditados en exercicio da potestade sancionadora.

c) Os actos de xestión, inspección e recadación dos tributos da Comunidade Autónoma de Galicia sobre a auga e outros ingresos de dereito público.

d) O réxime de impugnación de actos e do silencio administrativo.

e) Os actos derivados das relacións da entidade con terceiros que impliquen o exercicio de potestades públicas e, en xeral, calquera acto de gravame ou beneficio que implique o exercicio desas potestades.

Artigo 28. Plan de actuación.

A actividade de Augas de Galicia desenvólvese consonte o plan anual de actuación que é aprobado pola consellería competente en materia de augas, nos termos do artigo 91 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 29. Persoal.

1. A entidade Augas de Galicia contará con persoal funcionario e persoal laboral da Xunta de Galicia. En todo caso, quédanlle reservadas ao persoal funcionario as funcións que impliquen a participación directa ou indirecta no exercicio de potestades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e das administracións públicas, así como aquelas que se determinen na normativa aplicable en materia de emprego público.

2. O persoal funcionario ao servizo da entidade rexerase polo disposto na normativa reguladora da función pública e nas súas normas de desenvolvemento.

3. O persoal laboral ao servizo da entidade rexerase polo convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia e pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A aprobación e modificación da proposta de relación de postos de traballo será acordada polo Consello Reitor da entidade, por proposta da persoa titular da Dirección, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública. En todo caso, a aprobación da relación de postos de traballo con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de planificación de persoal.

5. A selección e provisión de postos de traballo será realizada polo centro directivo competente en materia de función pública, de conformidade cos principios xerais e procedementos de selección e provisión establecidos na normativa de función pública.

6. O persoal da entidade Augas de Galicia queda sometido ao réxime xeral de incompatibilidades aplicable ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 30. Persoal directivo.

1. Constitúen postos que serán ocupados por persoal directivo aqueles que, de ser o caso, veñan definidos como tales na estrutura orgánica da entidade Augas de Galicia, en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das tarefas asignadas.

2. O persoal directivo da entidade Augas de Galicia é nomeado e separado polo Consello Reitor, por proposta motivada da persoa titular da Dirección. A súa designación atenderá a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade, e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

3. Cando o persoal directivo da entidade Augas de Galicia teña a condición de funcionario/a, permanecerá na situación administrativa que lle corresponda segundo a normativa de función pública.

Cando o persoal directivo reúna a condición de persoal laboral estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección. Neste caso, a fixación das súas retribucións deberá contar cun informe previo favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública.

Artigo 31. Patrimonio e réxime económico-financeiro.

O patrimonio, réxime contable, económico-financeiro e de intervención e control de Augas de Galicia e das entidades e outras formas asociativas que dependan dela, será o determinado con carácter xeral no disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia, na Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e na demais normativa de xeral aplicación.

Artigo 32. Réxime orzamentario.

1. Consonte ao previsto no artigo 83.1 e 3 do texto refundido de la Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, Augas de Galicia, a través dos seus órganos competentes, elaborará e aprobará anualmente un programa de actuación, investimentos e financiamento. Igualmente, formará anualmente un orzamento de explotación, que detallará o contido da súa conta de explotación, e un orzamento de capital, no cal se especificarán as orixes e a aplicación dos seus fondos.

2. Os documentos mencionados no punto anterior serán remitidos á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da consellería competente en materia de augas, unha vez aprobados polo Consello Reitor. O orzamento de explotación e de capital integrarase no proxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa aprobación polo Parlamento de Galicia, de acordo co principio de unidade de orzamento.

3. As modificacións orzamentarias seguirán o previsto no artigo 83.5 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 33. Control da xestión económico-financeira.

1. O control externo da xestión económico-financeira de Augas de Galicia correspóndelle ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

2. O réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e control da entidade pública empresarial Augas de Galicia será o establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Sen prexuízo do control establecido no punto anterior, a entidade estará sometida a un control de eficacia no cumprimento do seu plan de actuación, que será exercido pola consellería de adscrición e que terá por finalidade a comprobación do grao de cumprimento dos obxectivos fixados e da adecuada utilización dos recursos que lles fosen asignados para a consecución destes obxectivos.

Artigo 34. Recursos económicos.

1. Os recursos económicos de Augas de Galicia están integrados por:

a) Os ingresos, ordinarios e extraordinarios, derivados do exercicio das súas actividades.

b) Os ingresos procedentes da recadación dos tributos en materia de augas regulados na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, así como, se for o caso, dos previstos na normativa xeral en materia de augas.

c) A taxa por dirección e explotación de obra, de contratos de servizos, e demais taxas e prezos públicos que lle correspondan.

d) Os ingresos que procedan do exercicio da potestade sancionadora administrativa.

e) As indemnizacións establecidas como compensación de danos e perdas ao dominio público hidráulico e marítimo-terrestre.

f) As asignacións que se establezan nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) As subvencións e achegas da Administración xeral do Estado, das entidades locais ou outras entidades públicas, e as doazóns, legados ou achegas voluntarias de entidades públicas ou privadas, así como de particulares que, en xeral, se outorguen á entidade pública.

h) Os produtos e rendas derivados do seu patrimonio.

i) Os créditos, préstamos e demais operacións financeiras que concerte consonte o establecido no ordenamento financeiro e orzamentario vixente.

j) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído consonte o ordenamento xurídico vixente.

2. Os recursos indicados no punto anterior dedícanse exclusivamente ao sostemento das políticas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia relacionadas coa xestión pública da auga que leva a cabo a través de Augas de Galicia.

3. Para o cumprimento das súas funcións, Augas de Galicia, nos termos da normativa aplicable vixente na materia, poderá:

a) Contraer préstamos con entidades financeiras públicas ou privadas.

b) Obter da Adminstración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia garantías ou avais para as súas operacións de crédito.

c) Celebrar convenios con outras administracións públicas e empresas, e institucións públicas e privadas.

Artigo 35. Réxime de contratación.

1. Conforme o previsto na disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a entidade pública empresarial Augas de Galicia, en atención ás súas características, á súa actividade e aos fins institucionais de carácter público que a súa contratación persegue, suxeitará a súa actividade contractual ao texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, como Administración pública.

2. O órgano de contratación de Augas de Galicia é a persoa titular da Presidencia, sen prexuízo das delegacións que poida levar a cabo sobre a persoa titular da Dirección.

Artigo 36. Recursos contra actos de Augas de Galicia.

1. Os actos administrativos da Presidencia e do Consello Reitor de Augas de Galicia esgotarán a vía administrativa e serán impugnables directamente perante os órganos competentes da xurisdición contencioso-administrativa, logo da interposición potestativa do recurso de reposición perante o mesmo órgano que os ditou.

Os actos administrativos da Dirección da entidade poderán ser impugnados en alzada perante a Presidencia, agás que foran ditados por delegación desta.

2. Os actos de natureza tributaria poderán ser obxecto de recurso potestativo de reposición perante o órgano que ditase o acto recorrido. Contra a resolución do recurso de reposición ou contra o propio acto, se non se interpón aquel, poderá reclamarse perante a Xunta Superior de Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade coas súas disposicións reguladoras.

3. Os actos de Augas de Galicia sometidos ao dereito civil ou laboral serán susceptibles de impugnación perante a xurisdición competente. Antes desta impugnación deberase formular a pertinente reclamación previa perante a Presidencia de Augas de Galicia, que deberá ser resolta polo Consello Reitor da entidade, todo isto de acordo co regulado na lexislación aplicable.

Artigo 37. Asistencia xurídica e representación e defensa en xuízo da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

A entidade pública empresarial Augas de Galicia acordará a sinatura dun convenio coa Asesoría Xurídica Xeral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de de Galicia para efectuar o asesoramento xurídico e a representación e defensa en xuízo da entidade nos termos previstos no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da asesoría xurídica da Xunta de Galicia, sen prexuízo de que, posteriormente, se estableza na estrutura orgánica da entidade unha Asesoría Xurídica para realizar a función de asesoramento xurídico de acordo co dito regulamento.

Artigo 38. Responsabilidade patrimonial.

A responsabilidade patrimonial derivada da actuación ou omisión de Augas de Galicia será exixible nos mesmos casos e mediante o mesmo procedemento que a responsabilidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Decreto 42/2020, do 30 de xaneiro.

Artigo derrogado:Anexo suprimido por artigo primeiro apartado dous.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia