lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Publicado en: DOG 221 19/11/2015

Departamento: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Estado: Derrogada

PDF

O Decreto 116/2015, do 4 de outubro, modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, establecida polo Decreto 227/2012, do 2 de decembro, coa finalidade de adaptala ás necesidades que o momento actual aconsella acometer, tendo en conta os principios de eficacia, suficiencia e racionalización que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Esta nova dimensión organizativa reflíctese no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, que, no seu artigo 3, regula a estrutura da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

A nova estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio persegue facer máis áxil e eficaz a xestión administrativa, tendo en conta os principios aludidos que, neste ámbito, se traducen nunha maior racionalidade e eficacia no desenvolvemento competencial e de xestión das funcións que ten atribuídas.

Desde un punto de vista funcional, cabe destacar a nova organización que se efectúa na Secretaría Xeral Técnica, onde se reforzan os órganos dependentes desta para dar unha resposta máis áxil ás necesidades da Consellería. Esta organización comporta unha nova reordenación funcional no seo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que determina unha redución da súa estrutura para conseguir unha maior eficiencia na xestión administrativa. Así mesmo, créase unha xerencia na Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, como órgano de coordinación técnica e de apoio á Dirección.

Finalmente, polo que se refire á estrutura da Administración periférica, o presente decreto recolle o modelo organizativo previsto no Decreto 245/2009, do 30 de abril, de tal maneira que, en aplicación dos principios de racionalidade e eficacia, o Departamento Territorial de Pontevedra estende a súa competencia a todo o ámbito provincial, sen prexuízo das funcións de coordinación que corresponden aos/ás delegados/as territoriais de Pontevedra e Vigo no seu respectivo ámbito competencial, consonte o artigo 2 da norma citada.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 13 de novembro de 2015,

DISPOÑO:

TÍTULO I Ámbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1. Ámbito competencial

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma a que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, e conservación da natureza, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española e que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

Artigo 2. Estrutura da Consellería

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

a) O/a conselleiro/a.

b) A Secretaría Xeral Técnica.

c) A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

d) A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

e) A Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Artigo 3. Organismos, entes e órganos adscritos á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

1. Quedan adscritos a esta consellería os seguintes organismos e entes:

a) O ente público de natureza consorcial Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, creado pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cuxos estatutos establece o Decreto 213/2007.

b) A entidade pública empresarial Augas de Galicia, creada pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e cuxo estatuto foi aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

c) O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, creado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, en virtude do mandato recollido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e cuxos estatutos foron aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro.

2. Así mesmo, tamén quedan adscritos á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, co carácter, labores e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras, os seguintes órganos colexiados:

a) A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, prevista no artigo 225.1.d) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e no Decreto 119/1998, do 16 de abril.

b) A Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, creada polo Decreto 156/2012, do 12 de xullo.

c) O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, regulado no Decreto 74/2006, do 30 de marzo.

d) O Observatorio Galego da Biodiversidade, creado polo Decreto 260/2007, do 13 de decembro.

e) O Observatorio Galego de Educación Ambiental, regulado polo Decreto 193/2012, do 27 de setembro.

f) O Consello Galego de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade, creado polo Decreto 153/1998, do 2 de abril.

g) O Comité Galego de Pesca Fluvial. A Presidencia do Comité será asumida pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

h) Os comités provinciais de pesca fluvial. A Presidencia dos comités será asumida polos xefes ou xefas territoriais da Consellería.

i) O Comité Galego de Caza. A Presidencia do Comité será asumida pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

j) Os comités provinciais de caza. A Presidencia dos comités será asumida polos xefes ou xefas territoriais da Consellería.

k) Comité Galego das Árbores Senlleiras, creado mediante o Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, presidido pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

l) A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica, regulada polo Decreto 172/2012, do 1 de agosto.

TÍTULO II Servizos centrais

CAPÍTULO I

Artigo 4. O/a conselleiro/a

O/a conselleiro/a é a autoridade superior da Consellería e, con tal carácter, está investido das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

CAPÍTULO II Da Secretaría Xeral Técnica

Sección 1ª. Da Secretaría Xeral Técnica

Artigo 5. Atribucións

A Secretaría Xeral Técnica exercerá as funcións e competencias establecidas no artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais normativa aplicable, en relación coas diferentes unidades e servizos en que se estrutura a consellería, así como aqueloutras previstas na normativa aplicable ou mesmo as que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da consellería.

Artigo 6. Estrutura

1. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral Técnica contará cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e de Coordinación Administrativa e da Planificación.

c) Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio.

2. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e a Intervención Delegada, que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

A Asesoría Xurídica de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio rexerase polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, desenvolverá as funcións previstas no artigo 13.2 do devandito decreto en relación coa súa área funcional e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Sección 2ª. Da Vicesecretaría Xeral

Artigo 7. Funcións

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral, a Vicesecretaría Xeral, como órgano de dirección, exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión das competencias da Secretaría Xeral Técnica, a execución dos proxectos, obxectivos ou actividades e demais atribucións que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, así como a súa suplencia en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

2. Directamente, ou a través dos servizos que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da consellería; o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos implicados.

b) A elaboración do orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

c) A coordinación, control e seguimento da execución dos orzamentos da Consellería.

d) A xestión e a tramitación de todos aqueles expedientes de xestión do gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica e, en particular, os expedientes relativos a contratos menores de gasto corrente.

e) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos asuntos relativos ao persoal da Consellería.

f) A organización e supervisión das bases de datos e de rexistro de persoal, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia.

g) A xestión dos plans de formación do persoal da Consellería.

h) A organización dos aspectos que incumben ao réxime interior da Consellería.

i) Formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da Consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutras unidades da Consellería.

j) Asesorar e emitir os informes solicitados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, en especial, prestarlle asistencia, coordinar e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, por razón da súa competencia.

3. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Vicesecretaría Xeral contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Coordinación e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería, control da execución económica, tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria e a execución dos gastos que se lle atribúan.

b) A elaboración do orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

c) Xestión e tramitación de todos aqueles expedientes de xestión do gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

d) En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

3.2. Servizo de Xestión de Recursos Humanos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Ordenación, xestión e administración ordinaria dos recursos humanos da Consellería e seguimento e control do rexistro de persoal.

b) A organización e supervisión das bases de datos e de rexistro de persoal, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia.

c) Colaborar na xestión dos plans de formación do persoal da Consellería.

d) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Sección 3ª. Da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e de Coordinación Administrativa e da Planificación

Artigo 8. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e de Coordinación Administrativa e da Planificación exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da Consellería.

b) O estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta, así como a tramitación de reclamacións e recursos en materia de persoal.

c) A tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á Consellería polos xulgados, tribunais, Defensor/a do Pobo, Valedor/a do Pobo e outros órganos e institucións.

d) O estudo e informe dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

e) A coordinación dos plans, programas e estratexias que se promovan e elaboren desde a Consellería.

f) A interlocución cos restantes órganos da Administración pública ou coas entidades correspondentes por razón da materia, no marco da elaboración dos plans, programas e estratexias da Consellería.

g) A coordinación, para a súa remisión e ulterior publicación no Diario Oficial de Galicia, das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería.

h) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere adecuado, coas unidades da Consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

i) Rexistro e arquivamento das disposicións legais emanadas da Consellería, así como levar a cabo as recompilacións e refundicións das normas emanadas desta.

j) A tramitación dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a Consellería e non sexan competencia doutros órganos desta.

k) Coordinación das actuacións da Consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales esta exerza o protectorado, para cuxo efecto levará os libros de rexistro.

l) Elaboración de propostas de resolución daqueles procedementos cuxa resolución sexa competencia da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica sempre que non sexa competencia doutros órganos da Consellería.

m) A xestión do plan de publicacións e edicións audiovisuais da Consellería e as funcións relativas á súa representación na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia.

n) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Reclamacións e Recursos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Estudo e tramitación das reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

b) E en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e de Coordinación Administrativa e da Planificación.

2.2. Servizo de Coordinación Administrativa e da Planificación.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Estudo e informe dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

b) A tramitación dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a Consellería e non sexan competencia doutros órganos desta.

c) Coordinación das actuacións da Consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales esta exerza o protectorado, para cuxo efecto levará os libros de rexistro.

d) Efectuar a tramitación administrativa dos plans, programas e estratexias que promova ou elabore a Consellería.

e) Coordinar, baixo a supervisión da persoa titular da Subdirección Xeral, a elaboración dos plans, programas e estratexias da Consellería.

f) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e de Coordinación Administrativa e da Planificación.

2.3. Servizo de Desenvolvemento Normativo.

a) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da Consellería.

b) A coordinación e tramitación administrativa, para a súa remisión e ulterior publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería.

c) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e de Coordinación Administrativa e da Planificación.

Sección 4ª. Da Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio

Artigo 9. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión dos expedientes de contratación de competencia por razón da materia da Secretaría Xeral Técnica.

b) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes de contratación administrativa de competencia por razón da materia das persoas titulares das secretarías e das direccións xerais da Consellería, e por proposta destes, sempre que non se trate de contratos menores.

c) O estudo, tramitación e proposta de resolución, nos expedientes de recursos en materia de contratos públicos de competencia da Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio, así como en calquera outra reclamación ou requirimento na materia.

d) Coordinación do parque móbil da Consellería, sen prexuízo das competencias que corresponden a outros departamentos da Xunta de Galicia e coordinación das dotacións relativas ao vestiario do persoal.

e) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

f) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Tramitación Contractual.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As funcións inherentes á tramitación e xestión dos expedientes de contratación da Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio.

b) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio.

2.2. Servizo de Recursos Contractuais e do Patrimonio.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O estudo, tramitación e proposta de resolución, nos expedientes de recursos en materia de contratos públicos de competencia da Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio, así como en calquera outra reclamación ou requirimento na materia.

b) A tramitación administrativa dos expedientes regulados na lexislación patrimonial vixente e a realización de todas aquelas actuacións relativas á xestión patrimonial que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Subdirección Xeral.

c) A tramitación administrativa dos expedientes relativos ao parque móbil da Consellería, e as actuacións de xestión do parque móbil que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Subdirección Xeral.

d) E en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio.

CAPÍTULO III Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

Artigo 10. Funcións e estrutura

1. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo exercerá as funcións inherentes á dirección, planificación, impulso, xestión e coordinación das competencias que, en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral, así como as autorizacións e os informes na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre e no solo rústico que ten atribuídas a consellería e, en particular, corresponderanlle:

Con carácter xeral:

a) A materialización e posta en práctica da política territorial e de utilización racional do solo coa finalidade de favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio;contribuír a elevar a calidade de vida e a cohesión social da poboación e protexer e potenciar o patrimonio natural e cultural, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

b) O exercicio das funcións que a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, lle atribúe á persoa titular da dirección xeral competente en materia de urbanismo.

c) O fomento da formación e da investigación, e a elaboración e divulgación de estudos e proxectos en materia de urbanismo, ordenación do territorio e litoral.

d) O fomento, seguimento e control da actividade urbanística, sen prexuízo das competencias dos municipios e o requirimento de anulación de actos de aprobación de instrumentos de plan e xestión urbanística.

e) O fomento da participación cidadá na formulación, tramitación e xestión do plan territorial e urbanístico.

f) O apoio e asesoramento necesario á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

g) A elaboración de proxectos e anteproxectos de disposicións normativas en materia de urbanismo, ordenación do territorio e litoral.

h) A coordinación dos servizos territoriais de urbanismo.

i) A tramitación e proposta de resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial no ámbito das súas competencias.

j) As funcións inherentes á xestión económica, execución, seguimento, control e xestión da execución dos contratos administrativos e actividades de fomento no ámbito da súa competencia por razón da materia.

k) A xestión dos expedientes de contratación menores de competencia da Secretaría Xeral por razón da materia.

l) O exercicio de calquera competencia en materia de urbanismo que a lexislación vixente atribúa á Administración autonómica sen especificar o órgano que deba exercela.

m) A realización de actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

n) A emisión de informes preceptivos en materia de costas, nos supostos previstos polo artigo 24 do Decreto 158/2005, do 2 de xuño, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, así como o outorgamento de autorizacións administrativas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre segundo o establecido na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.

ñ) A preparación dos informes que conforme a lexislación de carácter sectorial lle corresponda emitir ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

o) A análise e a proposta de informe dos expedientes de solicitude de autorización de execución de grandes establecementos comerciais sobre a súa adaptación ao plan vixente e en tramitación, para a posta en coñecemento da súa viabilidade á Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais.

p) Informe de recursos interpostos contra resolucións ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo nas materias da súa competencia.

q) O asesoramento e a emisión de informes sobre a aplicación e interpretación da normativa vixente en materia de urbanismo.

En materia de ordenación do territorio e do litoral:

a) Impulso da cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins de protección, xestión e ordenación do territorio.

b) A programación, dirección e control da política de ordenación do territorio e do litoral.

c) A elaboración e tramitación administrativa dos instrumentos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio, que se formulen por iniciativa desta consellería.

d) A coordinación coas restantes consellerías ou outros organismos ou entidades para a formulación dos seus correspondentes plans ou programas de carácter sectorial con incidencia sobre o territorio, así como o seguimento, arquivamento e rexistro dos instrumentos de ordenación do territorio aprobados.

e) A elaboración de informes respecto dos demais instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio, cando así se exixa de acordo coa dita lei e a normativa e instrumentos que a desenvolvan.

En materia de urbanismo:

a) A preparación dos informes que, con carácter previo á aprobación inicial ou definitiva de instrumentos de planeamento urbanístico por parte dos concellos, prevé a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

b) A elaboración das propostas de resolución respecto dos instrumentos de planeamento urbanístico cuxa aprobación definitiva sexa competencia da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade coa Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

c) A elaboración e tramitación administrativa das normas técnicas de plan e das normas subsidiarias e complementarias de plan.

d) A tramitación administrativa dos instrumentos de planeamento urbanístico.

e) O apoio técnico e económico e a colaboración coas entidades locais para a formulación e tramitación do planeamento urbanístico e a súa xestión e execución.

f) O seguimento, arquivamento e rexistro dos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados e o requirimento de anulación de actos de aprobación de instrumentos de plan e xestión urbanística.

g) A xestión do Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras, de acordo co disposto polo Regulamento de xestión urbanística, aprobado polo Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto.

h) Seguimento, control e actualización do estado do plan en Galicia. Diagnose das necesidades.

i) Prestarlles asistencia e coordinación aos concellos en relación cos expedientes das subvencións que, en materia de plan, se tramiten nesta consellería.

2. Baixo a dependencia directa da persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, e para o exercicio das funcións e competencias enumeradas no artigo anterior, a Secretaría Xeral estrutúrase nos seguintes órganos administrativos:

2.1. Servizo de Obras e Supervisión de Proxectos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As funcións de supervisión de proxectos técnicos e seguimento dos contratos de dirección e de execución de obra relacionados coas actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

b) Prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2.2. Servizo Xurídico-Administrativo.

Esta unidade, con nivel orgánico de servizo, estará igualmente baixo a dependencia directa da persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, e correspóndenlle, entre outras, as seguintes funcións:

a) As encomendadas á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo no que incumbe á área xurídico-administrativa.

b) A elaboración de informes sobre os recursos interpostos contra resolucións ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo nas materias da súa competencia.

c) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2.3. Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio.

2.3.1. A Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio exercerá as seguintes funcións:

a) Impulso da cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins de protección, xestión e ordenación do territorio.

b) A programación, dirección e control da política de ordenación do territorio e do litoral.

c) A elaboración e tramitación administrativa dos instrumentos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio, que se formulen por iniciativa desta consellería.

d) A coordinación coas restantes consellerías ou outros organismos ou entidades para a formulación dos seus correspondentes plans ou programas de carácter sectorial con incidencia sobre o territorio, así como o seguimento, arquivamento e rexistro dos instrumentos de ordenación do territorio aprobados.

e) A elaboración de informes respecto dos demais instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio, cando así se exixa de acordo coa dita lei e coa normativa e instrumentos que a desenvolvan.

2.3.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.3.2.1. Servizo de Ordenación Territorial.

Correspóndenlle as funcións encomendadas á Subdirección Xeral no que incumbe á área temática de ordenación do territorio e, en xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral.

2.3.2.2. Servizo de Autorizacións e Informes Sectoriais.

Correspóndenlle as funcións de supervisión de expedientes e a emisión de informes e autorizacións, se é o caso, relacionados coas seguintes actuacións:

a) A emisión de informes preceptivos en materia de costas, nos supostos previstos polo artigo 24 do Decreto 158/2005, do 2 de xuño, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

b) A preparación dos informes e autorizacións que conforme a lexislación de carácter sectorial lle corresponda emitir ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

c) A preparación e elaboración das autorizacións administrativas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, segundo o establecido na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.

2.4. Subdirección Xeral de Urbanismo.

2.4.1. A Subdirección Xeral de Urbanismo exercerá as funcións de estudo, preparación, informe e seguimento dos instrumentos de planeamento urbanístico, así como prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2.4.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, esta subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.4.2.1. Servizo de Planificación Urbanística I.

2.4.2.2. Servizo de Planificación Urbanística II.

2.4.2.3. Servizo de Planificación Urbanística III.

Correspóndenlles as seguintes funcións:

a) O estudo, a preparación, o informe e o seguimento dos instrumentos de planeamento urbanístico.

b) En xeral, prestarlles asistencia e xestionar cantos asuntos lles sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Urbanismo.

CAPÍTULO IV Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

Artigo 11. Funcións e estrutura

1. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental exercerá as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico para o logro da adecuada protección ambiental.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental.

2.1.1. A Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental exercerá as seguintes funcións dentro do ámbito de competencias atribuídas á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental:

a) A elaboración dos anteproxectos de orzamentos da Secretaría, a súa execución, seguimento e coordinación.

b) As funcións inherentes á xestión económica execución, seguimento, control e xestión da execución dos contratos administrativos e actividades de fomento no ámbito da súa competencia por razón da materia.

c) A xestión dos expedientes de contratación menores de competencia da Secretaría Xeral por razón da materia

d) O seguimento e control dos convenios e protocolos de colaboración.

e) A planificación e realización de obras e infraestruturas que execute a Consellería para unha adecuada xestión dos residuos.

f) A potenciación e establecemento de procedementos que garantan a distribución da información ambiental á cidadanía que o requira, a través do mantemento e mellora do Sistema de información ambiental de Galicia (SIAM) e, en particular, a xestión do punto focal da Rede Eionet da Axencia Europea do Medio Ambiente.

g) O deseño, execución e seguimento de programas, accións e actividades formativas de concienciación ambiental dirixidas ao conxunto da sociedade.

h) O asesoramento e realización de estudos e informes.

i) O estudo e a elaboración dos proxectos normativos no ámbito das súas competencias.

j) A tramitación dos expedientes sancionadores competencia da Secretaría.

k) A xestión dos órganos de participación da Consellería relativos á integración ambiental.

l) A execución da normativa de responsabilidade ambiental respecto ás análises de riscos ambientais e garantías financeiras e respecto ás ameazas inminentes de danos ambientais e/ou danos ambientais que afecten o ámbito da Secretaría Xeral.

m) A realización de actividades encamiñadas ao control do cumprimento da normativa ambiental e, en particular, o seguimento e inspección ambiental.

n) O apoio á persoa titular da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no exercicio das súas funcións.

ñ) Aquelas que, por razón da súa competencia, se lle encomenden.

2.1.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1.2.1. Servizo de Xestión Ambiental.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As encomendadas á Subdirección Xeral no que atinxe á xestión orzamentaria, execución dos contratos administrativos, actividades de fomento e as derivadas da información ambiental.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.2. Servizo Xurídico-Administrativo.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As encomendadas á Subdirección Xeral no que atinxe á área xurídico-administrativa.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.3. Servizo de Intervención Ambiental.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As encomendadas á Subdirección Xeral no que atinxe ao control do cumprimento da normativa ambiental.

b) En xeral, prestarlle asistencia así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental.

2.2.1. A Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental exercerá as seguintes funcións dentro do ámbito de competencias atribuídas á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental:

a) A tramitación dos expedientes derivados da aplicación da Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental.

b) O impulso da integración do referente ambiental nas distintas políticas sectoriais e, en particular, no proceso de programación, realización, seguimento e avaliación das accións financiadas por fondos europeos.

c) O apoio técnico ao exercicio por parte da persoa titular do centro directivo das funcións que ten atribuídas como autoridade ambiental de Galicia, en particular as derivadas da súa condición de membro da Rede de autoridades ambientais de España.

d) A xestión e seguimento dos pactos ambientais.

e) As actuacións derivadas da normativa de ecoxestión, ecoauditoría e ecoetiquetaxe.

f) A homologación de empresas e equipamentos de avaliación de impactos e control da calidade ambiental.

g) A tramitación e seguimento das autorizacións ambientais integradas.

h) A xestión e coordinación das actuacións derivadas da lexislación sobre calidade dos solos e, en particular, a tramitación dos procedementos sometidos á lexislación sobre solos potencialmente contaminados.

i) A xestión da recuperación de solos contaminados.

j) Aquelas que, por razón da súa competencia, se lle encomenden.

2.2.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.2.2.1. Servizo de Avaliación Ambiental de Plans e Programas.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As encomendadas á Subdirección Xeral no que atinxe á avaliación da incidencia dos efectos de determinados plans e programas no ambiente.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2.2.2. Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As encomendadas á Subdirección Xeral no que atinxe á avaliación da incidencia dos efectos de determinados proxectos no ambiente.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2.2.3. Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As funcións encomendadas á Subdirección Xeral no que atinxe á tramitación e seguimento das actuacións derivadas das autorizacións ambientais integradas e da calidade dos solos.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral.

2.3. Subdirección Xeral de Residuos.

2.3.1. A Subdirección Xeral de Residuos exercerá as seguintes funcións dentro do ámbito de competencias atribuídas á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental:

a) A elaboración e seguimento dos programas autonómicos de prevención de residuos e dos plans autonómicos de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e das accións de desenvolvemento destes.

b) O fomento das accións de minimización da produción de residuos, da súa reutilización e reciclaxe e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas.

c) A tramitación e seguimento das autorizacións dos sistemas integrados de xestión.

d) O establecemento e xestión de procedementos que garantan a distribución da información en materia de residuos.

e) A tramitación das autorizacións de xestores/as e produtores/as de residuos.

f) A colaboración coas consellerías correspondentes no control da xestión dos residuos non incluídos no ámbito de aplicación da Lei de residuos de Galicia, especialmente coas consellerías de Sanidade, no control da xestión dos residuos producidos nos establecementos sanitarios, e do Medio Rural, no control da xestión dos residuos producidos nas explotacións agrícolas e gandeiras.

g) Aquelas que, por razón da súa competencia, se lle encomenden.

2.3.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.3.2.1. Servizo de Residuos.

a) As encomendadas á Subdirección Xeral no que atinxe ao control da xestión de residuos.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral.

2.4. Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático.

2.4.1. A Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático exercerá as seguintes funcións dentro do ámbito de competencias atribuídas á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental:

a) A xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e a súa difusión, sen prexuízo das competencias que correspondan á Consellería de Economía, Emprego e Industria, no ámbito de aplicación da Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A participación no desenvolvemento de plans de continxencia fronte a catástrofes naturais ou antropoxénicas, sen prexuízo das competencias que neste eido corresponden á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

c) O impulso, desenvolvemento e coordinación de iniciativas e proxectos de investigación en materia ambiental, a súa difusión e divulgación.

d) A coordinación e seguimento da estratexia galega fronte ao cambio climático e, en particular, as actuacións relacionadas co cumprimento do Protocolo de Quioto.

e) A elaboración e seguimento de inventarios de emisións de gases de efecto invernadoiro e a aplicación do réxime de comercio de dereitos de emisión destes.

f) As funcións de control das redes de calidade do aire e do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes.

g) O soporte analítico das actuacións da Secretaría Xeral e o desenvolvemento e posta en marcha de novos métodos analíticos instrumentais.

h) O asesoramento e asistencia aos concellos en materia de aplicación da normativa contra a contaminación acústica de Galicia.

i) Aquelas que, por razón da súa competencia, se lle encomenden.

2.4.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.4.2.1. Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As funcións encomendadas á Subdirección Xeral no que atinxe ao soporte analítico das actuacións da Secretaría Xeral.

b) En xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da Subdirección Xeral.

CAPÍTULO V Das direccións xerais

Sección 1ª. Da Dirección Xeral de Conservación da Natureza

Artigo 12. Funcións e estrutura

1. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza exercerá as competencias e funcións atribuídas á Consellería en materia de conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e dos seus elementos etnográficos, e a súa preservación para as xeracións futuras e, en particular, exercerá as seguintes:

a) O fomento de medidas de desenvolvemento socioeconómico dos espazos naturais protexidos.

b) A ordenación, conservación, protección, fomento e aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos e piscícolas nas augas continentais.

c) A divulgación dos valores do patrimonio natural; a xestión dos hábitats naturais, da flora e fauna silvestres, das paisaxes naturais e dos elementos senlleiros da xea da Comunidade Autónoma galega.

d) O desenvolvemento e dinamización do uso público e recreativo do medio natural.

e) A promoción da defensa integral da natureza e dos elementos que a compoñen.

f) A conservación específica dos espazos que compoñen a Rede galega de espazos protexidos e da Rede Natura 2000 de Galicia ou doutras zonas de alto valor ambiental, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

g) O estudo e a elaboración dos proxectos normativos no ámbito das súas funcións.

h) Informe de recursos interpostos contra resolucións ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza nas materias da súa competencia.

i) As funcións inherentes á xestión económica, execución, seguimento, control e xestión da execución dos contratos administrativos e actividades de fomento no ámbito da súa competencia por razón da materia.

j) A xestión dos expedientes de contratación menores de competencia da Dirección Xeral por razón da materia.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Espazos Naturais.

2.1.1. A Subdirección Xeral de Espazos Naturais exercerá as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento de medidas e instrumentos para a protección e conservación dos hábitats naturais, dos elementos senlleiros da xea e das paisaxes naturais e rurais, que conforman no seu conxunto o patrimonio natural.

b) A conservación, protección e promoción da Rede galega de espazos naturais protexidos e da Rede Natura 2000, así como doutras zonas de alto valor ambiental.

c) A elaboración e implementación dos instrumentos de planificación, desenvolvemento e xestión dos espazos naturais protexidos.

d) O fomento de medidas de colaboración e coordinación nas campañas relativas á obtención da bandeira azul.

e) A coordinación de procedementos de queixas e denuncias.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.1.2. Para o exercicio das súas funcións, a Subdirección Xeral contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1.2.1. Servizo de Conservación de Espazos Naturais.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O exercicio das funcións relativas á protección, conservación, xestión, restauración, mellora, recuperación, divulgación e promoción dos espazos protexidos.

b) O fomento, consolidación e promoción da Rede galega de espazos naturais protexidos e da Rede Natura 2000 e doutras zonas de alto valor ambiental.

c) A elaboración dos instrumentos de planificación e xestión.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.2. Servizo de Análise de Proxectos, Plans e Programas.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración de informes, directrices e criterios técnicos sectoriais en relación cos procedementos de avaliación dos proxectos, plans e programas que afecten o medio natural e os valores do patrimonio natural.

b) A emisión de informes ou autorizacións relativos a obras, instalacións e actividades que se precisen e, en particular, no referido a accións que afecten a Rede galega de espazos naturais ou a Rede Natura 2000.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.3. Servizo de Parques Naturais.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O exercicio de funcións relativas á dirección e xestión executiva ordinaria dos parques naturais das Fragas do Eume, do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, do Monte Aloia, e dos parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés, do Invernadeiro e da Serra da Enciña e da Lastra, así como o seguimento das actuacións das xuntas consultivas dos devanditos espazos protexidos. Igualmente, correspóndelle a dirección da Reserva Nacional de Caza dos Ancares. Neste sentido, coordinará as actuacións dos servizos provinciais de conservación da natureza relativas ao persoal que desenvolve as súas funcións nestes espazos.

b) A elaboración de instrucións para a formulación das propostas dos orzamentos e dos programas de xestión de cada un dos espazos relacionados no parágrafo anterior, así como para a execución e desenvolvemento do plan reitor de uso e xestión.

c) A realización das actuacións necesarias nos supostos de emerxencia que se poidan producir no interior dos parques.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas.

2.2.1. A Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas exercerá as seguintes funcións:

a) A ordenación, conservación, protección, fomento e aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos e piscícolas nas augas continentais.

b) O desenvolvemento de medidas e instrumentos para a protección e conservación das especies silvestres.

c) A elaboración de normativa que afecta o exercicio da caza e da pesca fluvial e o benestar animal, sen prexuízo, neste último suposto, das competencias que respecto diso teña atribuídas o órgano competente en materia de produción animal.

d) A tramitación dos expedientes administrativos para a declaración de terreos sometidos a réxime cinexético especial, así como das distintas figuras das augas continentais.

e) O control e policía da riqueza cinexética e piscícola nas augas continentais.

f) A inspección e o control dos establecementos cinexéticos, sen prexuízo das funcións que teñan atribuídas outros órganos en materia de sanidade animal, e a súa xestión cando dependan da Administración autonómica.

g) A elaboración e implementación dos instrumentos de planificación, desenvolvemento e xestión das especies.

h) Emitir informes sectoriais en relación cos procedementos de aprobacións e/ou modificacións de centros de acuicultura en augas continentais.

i) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.2.2. Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades co nivel orgánico de servizo:

2.2.2.1. Servizo de Caza e Pesca Fluvial.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A divulgación, formación e promoción específica dos recursos cinexéticos e piscícolas en augas continentais.

b) A inspección e control das granxas cinexéticas, sen prexuízo das funcións que teñan atribuídas outros órganos en materia de sanidade animal, e a súa xestión cando dependan da Administración autonómica.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2.2.2. Servizo de Conservación da Biodiversidade.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento das actuacións relativas á conservación das especies da fauna e da flora silvestre e a elaboración das propostas de catalogación de especies ameazadas e a dos plans para a súa xestión, así como a execución destes.

b) O desenvolvemento de medidas e instrumentos de seguimento, protección, control e conservación dos elementos que compoñen a biodiversidade, prestando atención particular ás especies introducidas de carácter invasor.

c) A aplicación de medidas de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

d) A coordinación dos centros de recuperación de fauna silvestre.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.3. Baixo a dependencia orgánica e funcional da persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza existen as seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.3.1. Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión executiva ordinaria do parque nacional e desenvolver os instrumentos de planificación e xestión.

b) A coordinación das funcións de vixilancia, inspección e denuncia exercidas polos/as axentes forestais e axentes facultativos ambientais no ámbito do parque nacional no exercicio das súas funcións como axentes da autoridade.

c) A coordinación de actuacións en situacións de emerxencia derivadas de accidentes que requiran medidas excepcionais para preservar os valores naturais do parque nacional, salvo naqueles casos en que sexa precisa a activación dalgún plan de emerxencias.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.3.2. Servizo Xurídico-Administrativo.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O estudo e a elaboración das resolucións dos procedementos administrativos sancionadores que, por razón da súa competencia, correspondan á persoa titular desta dirección.

b) A elaboración das propostas de informe dos recursos interpostos contra as resolucións ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

c) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

TÍTULO III Das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Artigo 13. Xefaturas territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións no ámbito provincial respectivo, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Á fronte de cada xefatura territorial estarán os/as xefes/as territoriais, que exercerán as seguintes funcións:

a) A dirección, despacho e proposta de resolución dos asuntos ordinarios.

b) A coordinación dos servizos ou unidades que o integran.

c) A elaboración do anteproxecto de orzamento de gastos da xefatura territorial.

d) A xestión, administración e habilitación dos medios económicos e materiais da xefatura territorial.

e) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto, o control contable e a xustificación dos créditos asignados.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia da xefatura territorial.

g) Cantas outras funcións expresamente lle sexan atribuídas ou delegadas.

3. Integran cada unha das xefaturas territoriais os seguintes servizos:

3.1. Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental.

Desenvolverá as funcións propias da Consellería sobre calidade e avaliación ambiental, así como aqueloutras que se lle asignen dentro do referido ámbito competencial.

3.2. Servizo de Urbanismo.

Desenvolverá as funcións propias da Consellería en materia de urbanismo, así como aqueloutras que se lle asignen dentro do referido ámbito competencial.

3.3. Servizo de Conservación da Natureza.

Exercerá, no respectivo ámbito territorial, as funcións propias da Dirección Xeral de Conservación da Natureza en materia de espazos naturais e biodiversidade e recursos cinexéticos e piscícolas.

Disposición adicional primeira

Sen prexuízo do establecido no artigo 7.1 deste decreto e no non previsto nel, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade dos titulares dos órganos superiores e de dirección da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polos órganos superiores e de dirección da Consellería, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Neste sentido, a substitución será asumida pola persoa titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa enunciada, e corresponderalle á primeira persoa, se for o caso, substituír a última.

Disposición adicional segunda

No exercicio das funcións a que se refire este decreto, integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición adicional terceira

Nos nomeamentos de altos cargos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, así como dos/as titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico do seu ámbito de competencias procurarase acadar o principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres.

Disposición adicional cuarta

Queda suprimida a Subdirección Xeral de Programación e Proxectos prevista no Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento do organismo autónomo de Augas de Galicia, cuxas funcións pasan a ser asumidas polo xerente da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

Disposición transitoria primeira

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase o/a conselleiro/a de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por orde do/da conselleiro/a por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, así como cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido neste decreto ou o contradigan.

Disposición derradeira primeira

Modifícase o punto segundo do artigo 5 do Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que queda redactado como segue:

Son órganos executivos a Dirección e a Xerencia.

Disposición derradeira segunda

Engádese un artigo 16 bis ao Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, co seguinte contido:

16 bis. A Xerencia

1. De acordo co previsto no artigo 65.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Xerencia da entidade será nomeada e separada polo Consello Reitor, por proposta da persoa titular da súa presidencia, de entre persoal funcionario ou persoal laboral da Xunta de Galicia ou das entidades do sector público autonómico que reúnan os requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica necesarios para o exercicio do cargo e de acreditada experiencia.

2. A xerencia, cargo asimilado á Secretaría Xeral prevista no artigo 65.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, terá retribucións equivalentes a un posto de subdirector xeral e será nomeado polo procedemento establecido na normativa vixente en materia de función pública.

3. Son funcións da Xerencia:

a) Coordinar, baixo a súa dependencia directa, a área técnica da entidade.

b) Coordinar a contratación pública da entidade, a través dos correspondentes órganos.

c) Coordinar, baixo a dirección da Dirección da entidade, as restantes áreas desta.

d) Coordinar e inspeccionar os órganos e unidades da entidade, ditar as disposicións, as instrucións e as circulares de funcionamento e comunicación entre os distintos órganos desta, así como supervisar os procedementos de xestión da entidade.

e) Elaborar os informes que lle solicite o director xeral.

f) Substituír ao director xeral nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Disposición derradeira terceira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira cuarta

Autorízase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Santiago de Compostela, trece de novembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia