lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Publicado en: DOG 143 24/07/2008

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Modificacións
Cómpre ter en conta que as referencias ao termo «atención especializada» que figuran nos artigos 10, 12, 48, 50, 51 e 97, así como no parágrafo sexto do apartado IV da exposición de motivos, quedan substituídas por «atención hospitalaria».

Preámbulo

1

Consonte o disposto nos artigos 148 e 149 da Constitución española e no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma galega o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, así como en materia de Seguridade Social, agás as normas que configuran o seu réxime económico, e tamén, de acordo co disposto no artigo 28 do Estatuto, en materia de establecementos farmacéuticos. A comunidade autónoma poderá organizar e administrar para tales fins e dentro do seu territorio todos os servizos relacionados coas materias antes expresadas, e exercerá a tutela das institucións, as entidades e as fundacións en materia de sanidade e Seguridade Social.

Como desenvolvemento deste título competencial, o Parlamento galego lexislou sobre distintos aspectos da ordenación sanitaria da nosa comunidade, concretándose, neste momento, o marco legal autonómico nas seguintes leis: Lei 5/1983, do 30 de xuño, en materia de persoal; Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servizo Galego de Saúde, reformada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo; Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da comunidade autónoma; Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas; Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, modificada pola Lei 4/2005, do 17 de marzo, e mais pola Lei 7/2006, do 1 de decembro; Lei 3/2001, do 28 de maio, reguladora do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes, modificada pola Lei 3/2005, do 17 de marzo. Finalmente, no ano 2003, promúlgase a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, en diante Losga.

Da relación normativa exposta, soamente a Losga pretende a regulación de carácter xeral do sistema da sanidade en Galicia; non obstante o marcado carácter regulamentarista desta norma levouna a deixar fóra do seu ámbito de actuación aspectos primordiais do dereito da protección da saúde que a actual sociedade galega desexa que pasen a informar o modelo do Sistema de Saúde de Galicia.

2

Faise necesario, xa que logo, un novo texto lexislativo básico que, partindo dos preceptos da Lei 14/1986, xeral de sanidade, e en herdanza directa dos seus principios e valores, plasme o compromiso de todos os poderes públicos galegos coa cidadanía de cara á protección da súa saúde, piar básico no que se asenta o Estado do benestar. Este novo texto incorpora a concepción de saúde por enriba da formulación puramente de ordenación sanitaria que caracterizaba a Losga e configúrase como o marco legal estruturalista que dará base para a articulación dun verdadeiro código sanitario galego, no que se integrarán as futuras leis de saúde pública de Galicia, do Servizo Galego de Saúde, do empregado público da saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia, da Escola Galega da Administración Sanitaria, do Sistema de Información de Saúde de Galicia e do Centro de Servizos Tecnolóxicos do Sistema Público de Saúde de Galicia, do Instituto Galego de Investigación Sanitaria, de ordenación farmacéutica de Galicia, de Galicia sobre drogas e das demais normas que se diten baixo os seus principios. Deste xeito, a protección da saúde pasa a ser unha política xeral que se deberá ter presente nas políticas sectoriais e orienta a acción dos gobernos cara a un dos piares fundamentais do Estado de benestar, como é a saúde e a sanidade.

3

A primeira característica que define esta lei é a de centrar o modelo de saúde na cidadanía. Con esta orientación, a lei, desde o momento inicial da súa elaboración, busca o maior consenso e acordo social arredor dos seus principios básicos. O seu texto foi sometido á consulta de todos os sectores implicados -directamente, a través dos mecanismos de representación institucional establecidos, dos órganos de representación e de diálogo social establecidos, a través dos instrumentos de participación directa, etc.-, e de toda a cidadanía, a través da páxina web da consellaría, coa finalidade de facer efectivo, real e eficaz o principio de participación.

A regulación dos dereitos da cidadanía constitúe outro trazo da nova concepción da saúde, que se recolle como demanda lexítima da actual sociedade galega. O novo papel que a lei lles outorga á cidadanía e aos seus dereitos tradúcese tanto no seu aspecto formal -reserva do título I para unha pormenorizada relación, estruturación e clarificación dos dereitos e os deberes cara a un completo desenvolvemento normativo posterior- coma substancial. Aparecen así reflectidos de xeito novidoso os dereitos relacionados co acompañamento do ou da paciente e mais os dereitos relacionados coa autonomía do ou da paciente, como son o de dispor dos tecidos e das mostras biolóxicas para acadar unha segunda opinión médica, o de rexeitar a participación en procedementos experimentais ou o dereito a que se proceda á eliminación dos tecidos e das mostras biolóxicas. Entre os dereitos relacionados coa información recóllese o dereito á utilización de novas tecnoloxías da información e a comunicación. Significativa é a formulación do dereito á integridade da persoa, así como os relacionados cos avances en xenética. Especial mención merece o dereito ao voluntariado, sen esquecer a gran transcendencia que supón o recoñecemento do dereito das mulleres a disporen de programas específicos durante os seus períodos vitais. Ademais, incorpórase a esta lei xeral o dereito a non recibir información, que malia estar recollido na Lei 3/2001, do 28 de maio, reguladora do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes, modificada pola Lei 3/2005, do 17 de marzo, non aparecía establecido na Losga.

Directamente relacionado con este punto dos dereitos, a nova lei propón a existencia de un vicevaledor ou unha vicevaledora do paciente dependente do Valedor do Pobo. Desta maneira dáselle a independencia necesaria para cumprir as súas funcións, e non se altera, senón que mesmo se potencia, esta figura institucional.

4

Como primeiro requirimento ao que debe dar resposta esta nova Lei de saúde será a plasmación dos novos principios reitores da sanidade galega, como son a integración funcional de todos os recursos sanitarios públicos -apostando por fórmulas colaborativas en lugar de fórmulas competitivas-, a participación e implicación dos profesionais no sistema sanitario, a promoción do uso racional dos seus recursos, a acreditación e avaliación continua dos servizos de saúde e sanitarios prestados na comunidade autónoma, a descentralización, desconcentración e autonomía na xestión dos servizos, a eficacia, efectividade e eficiencia na xestión das organizacións sanitarias ou a coordinación dos recursos sanitarios, sociosanitarios e de saúde laboral.

Os anteriores principios definen o novo marco do Sistema Público de Saúde de Galicia e son o resultado do proceso de formulación da súa misión, visión e valores nos seguintes termos:

A súa misión comprende as actuacións dirixidas a conseguir o adecuado desenvolvemento das competencias que no ámbito sanitario lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, mellorar a saúde diminuíndo a aparición de novas enfermidades, limitando a expansión das xa existentes, reducindo a mortalidade prematura e aumentando a calidade de vida da cidadanía, garantir os dereitos e deberes sanitarios recoñecidos na lexislación vixente e manter a sustentabilidade económica e financeira do sistema.

A visión do Sistema Público de Saúde de Galicia estará dirixida a traballar a prol dun sistema sanitario que obteña resultados satisfactorios para a cidadanía de Galicia, a través dos profesionais do sistema sanitario e cunha organización sanitaria eficiente.

Identifícanse como valores que informan o Sistema Público de Saúde de Galicia: a orientación aos resultados na saúde dos galegos e das galegas na garantía dos dereitos recoñecidos na lexislación sanitaria e na humanización da asistencia; a promoción e potenciación do seu carácter público; a actuación con eficiencia en todos os seus niveis orgánicos e asistenciais para garantir a sustentabilidade financeira do sistema; a transparencia na xestión en todos os seus niveis e ámbitos, e mais a participación real e continua dos profesionais, da cidadanía e, en xeral, de toda a sociedade galega como base para a obtención de todos os obxectivos e resultados da organización.

Esta lei recolle unha nova configuración do concepto de saúde e das prestacións sanitarias previstas no Sistema Público de Saúde de Galicia para a súa protección, co encadramento nestas das prestacións de saúde pública, de atención primaria, de atención hospitalaria, de atención sociosanitaria, de atención de urxencias, farmacéutica, de atención ortoprotésica, de produtos dietéticos e de transporte sanitario. A saúde mental e a atención ás drogodependencias son incorporadas dentro da asistencia como calquera outro aspecto de saúde, polo que deixan de ser consideradas como prestacións sanitarias independentes, namentres que a atención sociosanitaria se inclúe como prestación do Sistema Público de Saúde de Galicia e se establecen os mecanismos básicos de coordinación entre sanidade e benestar social para os efectos do seu axeitado desenvolvemento.

5

En iniciando a presentación das principais novidades desta lei, corresponde salientar a incorporación das grandes liñas estratéxicas da sanidade galega, como son a potenciación do seu carácter público, a eliminación das desigualdades nos dereitos e nas garantías, a xestión eficiente para garantir a sustentabilidade do sistema, a participación e implicación dos profesionais, dos e das pacientes e do conxunto da sociedade, a transparencia na xestión, a equidade e o equilibrio territorial dos servizos.

Trátase, ademais, de acadar un maior grao na autonomía da xestión. A Lei de saúde deberá garantir que o nivel de saúde e de risco para a saúde dos galegos e das galegas o decidan os propios galegos e galegas. Deste xeito a Lei de saúde de Galicia propugna, dentro da Constitución española e en herdanza directa da Lei xeral de sanidade, un verdadeiro pacto de Estado pola sanidade no ámbito do Consello Interterritorial do Sistema Nacional da Saúde. Dentro deste ámbito configúrase o Sistema Público de Saúde de Galicia como a estrutura conceptual fundamental para organizar os esforzos públicos na procura da protección da saúde da cidadanía. Nesta nova dimensión do Sistema Público de Saúde de Galicia quedan incluídos, ademais da Consellaría de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, todas as fundacións sanitarias e todos os entes públicos xa creados ou previstos nesta lei que teñen como obxecto a promoción e protección da saúde, e que como tales se manteñan tras o proceso de ordenación do sector sanitario público que se está a acometer (especialmente, a integración das fundacións hospitalarias no Servizo Galego de Saúde), sen prexuízo das competencias atribuídas a outros departamentos e administracións da Comunidade Autónoma de Galicia sobre aspectos que poidan ter incidencia na saúde da poboación ou que constitúan determinantes da saúde potencialmente modificables.

Polo tanto, o Sistema Público de Saúde de Galicia, está composto polas persoas, as institucións e os recursos públicos organizados coordinadamente e de acordo coas políticas establecidas, para mellorar a saúde da poboación á que serve. Así conséguese evidenciar e pór énfase no carácter público do sistema. Ademais, a Lei de saúde establece o denominado Sistema de Saúde de Galicia, onde ten lugar o encontro e a complementariedade do conglomerado público e o sector privado de atención sanitaria; sector privado no que se inclúen os centros, establecementos e servizos sanitarios de titularidade privada, tales como hospitais, clínicas, farmacias, transporte sanitario, laboratorios e demais provedores privados.

Esta proposta modifica a anterior concepción plasmada na Losga, que incluía, nun mesmo sistema, as actividades e os centros públicos e privados. Esta concepción dificultaba o desenvolvemento dos principios que debían rexer o sistema sanitario público, pois trátase de conciliar criterios, orientacións, valores e principios que non só non son de doada conciliación senón que son mesmo lexitimamente contrapostos.

A utilización de recursos privados considérase como complementaria e subsidiaria no ámbito do Sistema de Saúde de Galicia e está regulada por un título específico, co que se fai desaparecer deste xeito a Rede Galega de Atención Sanitaria de Utilización Pública, que non tería sentido neste novo modelo.

Continuando coas achegas desta lei, en especial vén ser novidosa a regulación e a ordenación dos empregados e das empregadas públicas da saúde, que responde á necesidade, reiteradamente constatada, de romper co concepto do persoal do Servizo Galego de Saúde para implantar a definición do empregado do Sistema Público de Saúde de Galicia, do que se salienta como principios e criterios de actuación, entre outros, a transparencia, a obxectividade, a dedicación prioritaria ao servizo público, a garantía de asistencia sanitaria, o traballo en equipo e mais a mellora e a modernización do servizo.

Outras destacadas achegas desta lei son a inclusión dunha parte na que se fai especial fincapé na determinación do obxectivo da diminución dos desequilibrios e das desigualdades territoriais e sociais en saúde, así como a referida ao financiamento do sistema público desde un punto de vista de eficacia, eficiencia e sustentabilidade económica e financeira deste; o concepto de calidade e o de mellora continua como principios fundamentais; a inclusión da saúde pública como prestación de acordo coa Lei 16/2003, de calidade e cohesión do Sistema Nacional de Saúde; a regulación dos sistemas de información e a avaliación do conxunto do Sistema de Saúde de Galicia que lle corresponde á Consellería de Sanidade, e mais a regulación do voluntariado no marco do sistema público.

No epígrafe de ordenación territorial a lei aposta claramente polas áreas de saúde como ámbito territorial de cara á prestación de servizos asistenciais, polo que se fan desaparecer os distritos sanitarios para permitir unha xestión eficaz e eficiente das devanditas áreas. A definición das áreas de saúde terá presente factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, epidemiolóxicos e de accesibilidade, así como os criterios e as directrices xerais da Xunta de Galicia sobre a ordenación e o desenvolvemento territorial de Galicia, co que se facilita a incorporación no futuro de novas figuras de articulación territorial: áreas metropolitanas, rexións funcionais, etc.

Con respecto á participación social, esta lei fortalécea con novas fórmulas de participación, a través das distintas formas asociativas de conformidade co artigo 22 da Constitución española, vinculadas á sistemática incorporación da visión e a percepción da sociedade no deseño e mais á posta en funcionamento de «proxectos asistenciais e/ou de garantía de dereitos».

Como expresión dunha das características salientables das sociedades máis modernas e avanzadas, esta lei supón a institucionalización, no ámbito e para o conxunto do Sistema Público de Saúde de Galicia, do diálogo social entre a Administración sanitaria e os axentes económicos e sociais, de conformidade co artigo 7 da Constitución española, representados polas organizacións empresariais e sindicais máis representativas.

A Constitución española, no seu artigo 9.2, o Estatuto de autonomía no artigo 4.2, o Convenio número 150 da Organización Internacional do Traballo-OIT e a Comunicación do 12 de agosto de 2004 da Unión Europea sobre o diálogo social europeo destacan a importancia adquirida polo diálogo social en canto que ten contribuído a mellorar a gobernabilidade a escala económica e social. Por outra banda, a Lei orgánica de liberdade sindical e o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores atribúenlles o exercicio do dereito de participación só ás organizacións sindicais e empresariais que teñen a condición de máis representativas. Esta é a orientación coa que se aliña o capítulo VII do título I desta lei ao regular a participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia e ao incorporar como novidade o Foro de Participación Institucional da Sanidade.

Especial relevancia presenta a nova atribución de competencias e funcións de cada compoñente do Sistema Público de Saúde de Galicia. Conceptualmente un sistema de saúde ten que asumir as funcións de acadar autonomía financeira para o sistema sanitario e dispor dun financiamento sustentable, definir e prestar servizos sanitarios, conseguir e desenvolver os recursos necesarios e mais exercer a acción de tutela de todo o sistema. Ademais tamén se debe definir a quen se lle asignan as funcións de financiamento e provisión de servizos sanitarios. Con este marco, a lei asígnalle á Consellería de Sanidade as funcións clásicas de autoridade e dirección do sistema sanitario, e deixa para o Servizo Galego de Saúde a función de provisión integrada de servizos sanitarios de forma adecuada, efectiva e eficiente, así como a coordinación funcional dos instrumentos de xestión existentes que incidan nas prestacións asistenciais.

Así mesmo, e coa intención de ir fixando criterios que permitan avanzar cara a unha nova ordenación das actividades e dos servizos de saúde pública e para un adecuado desenvolvemento das competencias que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito sanitario, esta lei senta as bases para a futura creación dunha organización especializada de saúde pública. A lei establece a previsión desta como un instrumento organizativo idóneo para contribuír a preservar a saúde da cidadanía galega, garantindo os dereitos sanitarios que nela son recoñecidos.

6

En canto á súa estrutura formal, esta Lei de saúde responde á seguinte orde:

O título preliminar define o obxecto e o alcance da lei e mais engade unha definición dos principais termos e conceptos que se utilizan ao longo dela.

O título I regula os dereitos e os deberes sanitarios da cidadanía. No seu capítulo I identifica os titulares dos dereitos que son expostos no capítulo II, agrupados en dereitos relacionados coa integridade e a intimidade, co acompañamento, coa autonomía de decisión, coa confidencialidade e a información, coa documentación sanitaria, coas suxestións e as reclamacións, coas prestacións de servizos sanitarios por parte do Sistema Público de Saúde de Galicia, coa participación e cos dereitos relacionados cos grupos especiais. No capítulo III defínense os deberes sanitarios da cidadanía galega, formulados estes en clave de corresponsabilidade da sustentabilidade económica e financeira do sistema, baseada na utilización racional dos recursos públicos. As garantías dos dereitos e dos deberes atópanse no capítulo IV. A figura do vicevaledor ou da vicevaledora do paciente é regulada no capítulo V, órgano esencial para a garantía dos dereitos e dos deberes sanitarios da cidadanía. No capítulo VI desenvólvese o dereito á participación social e defínense os órganos e as fórmulas desta, entre as que se establece o voluntariado como expresión dun dereito de participación social. Por último, no capítulo VII desenvólvese a participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.

O Sistema Público de Saúde de Galicia regúlase no título II. No seu capítulo II exponse os principios reitores do funcionamento do sistema. A seguir, no capítulo III, preséntanse as intervencións públicas do sistema que garanten o libre exercicio dos dereitos e dos deberes da cidadanía. Como complemento destas intervencións, no capítulo IV regúlanse as infraccións e sancións. Para facer efectivo o dereito á protección da saúde o sistema ten que ofertar unha serie de prestacións que son definidas no capítulo V, e inclúese como novidade a incorporación da saúde pública como prestación. Tras definir as prestacións e os servizos que se poden ofertar no sistema sanitario, faise necesario aclarar cales son as prioridades no sistema. Con este propósito defínense no capítulo VI a planificación do Sistema Público de Saúde de Galicia, as directrices de política sanitaria de Galicia e o Plan de saúde. Como complemento á planificación sanitaria, o capítulo VII define a ordenación territorial do Sistema Público de Saúde de Galicia. No capítulo VIII faise mención ao sistema de información e avaliación do sistema, e do financiamento trata o capítulo IX. Finalmente, o capítulo X regula o contrato de servizos sanitarios.

Co obxectivo de aclarar as diferentes competencias dentro do Sistema de Saúde de Galicia incorpórase o título III. No capítulo I del asígnanse as competencias da Xunta, tanto do seu Consello coma da consellaría, do consello asesor e das organizacións prestadoras de servizos sanitarios. No capítulo II regúlanse as competencias da Administración local e o sistema de delegación de competencias.

O título IV establece o sistema de relación do Sistema Público de Saúde de Galicia con outros países e organizacións internacionais, e coa Unión Europea no capítulo I, coa Administración xeral do Estado no capítulo II e con outras comunidades autónomas, así como coas comunidades galegas no exterior, no seu capítulo III.

No título V regúlase a participación do sector privado de atención sanitaria co Sistema Público de Saúde de Galicia. Esta relación establécese como unha relación de complementariedade, subsidiaria e de colaboración, e defínense os sistemas de relación e as garantías dos dereitos que deberán cumprir. Tamén formula a lei a conveniencia de definir os criterios sanitarios de produción e os sistemas de verificación do cumprimento destes criterios como garantía de dereitos da cidadanía. Por todo iso, inclúense como sector privado sanitario non soamente os centros de asistencia sanitaria privados senón calquera empresa do sector sanitario. Todas estas empresas proporcionan a complementariedade necesaria no Sistema Público de Saúde de Galicia.

O Servizo Galego de Saúde, como principal provedor e integrador de servizos sanitarios de carácter asistencial, é regulado na lei no título VI, no que se expón a súa natureza, as súas funcións, os seus instrumentos para a prestación de servizos sanitarios, no capítulo I, a súa organización no capítulo II, a organización dos seus servizos no capítulo III, o réxime xurídico no capítulo IV, a xestión dos medios materiais e o seu réxime patrimonial no capítulo V e, por último, o réxime financeiro, orzamentario e contable no capítulo VI.

Baixo o nome de «A organización da saúde pública no Sistema Público de Saúde de Galicia», o título VII da lei dispón a necesidade de crear unha estrutura organizativa especializada que terá como obxectivo a provisión dos servizos e das prestacións de saúde pública no marco do Sistema Público de Saúde de Galicia e que será desenvolta na futura Lei de saúde pública de Galicia.

O título VIII está dedicado á ordenación dos empregados e das empregadas do Sistema Público de Saúde de Galicia. Ao longo dos seus nove capítulos defínese e regúlase o persoal que integra este colectivo, o seu réxime xurídico, a planificación e ordenación dos recursos humanos, a selección, provisión e promoción interna, as retribucións e a xornada, a carreira profesional, a saúde laboral, a mesa de negociación, a función directiva e as garantías de modernización e prestación da asistencia.

O título IX da lei regula a docencia e a investigación sanitaria. Neste título a lei incorpora os principios xerais inspiradores das políticas públicas en materia de docencia e investigación, a creación do Instituto Galego de Investigación Sanitaria que unifique e dirixa programas de investigación do Sistema Público de Saúde de Galicia, o establecemento de mecanismos de coordinación entre hospitais e universidades, o establecemento de mecanismos de coordinación entre programas de investigación no ámbito sanitario e nas universidades e mais o establecemento de mecanismos de coordinación do Plan galego de investigación e desenvolvemento en materia sanitaria co Plan galego de I+D+I. Todo isto compleméntase coa Escola Galega da Administración Sanitaria, da que define a súa entidade xurídica, as súas funcións e o sistema de financiamento.

Para rematar, o título X define o marco institucional de coordinación da atención sociosanitaria en Galicia, expón os principios xerais que deberán regular esta coordinación e crea un instrumento de coordinación: a Comisión Interdepartamental de Coordinación da Atención Sociosanitaria de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de saúde de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR OBXECTO, ALCANCE E DEFINICIÓNS

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta lei ten por obxecto a regulación xeral de todas as accións que permitan facer efectivo, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, o dereito constitucional á protección da saúde no marco das competencias que lle atribúe o Estatuto de autonomía, mediante a ordenación do Sistema de Saúde de Galicia, que comprende os sectores sanitarios público e privado, e a regulación do Sistema Público de Saúde de Galicia e mais dos dereitos e dos deberes sanitarios da cidadanía galega, así como dos instrumentos que garanten o seu cumprimento.

Artigo 2º.-Alcance

Esta lei comprende os seguintes ámbitos:

1. A definición e a garantía dos dereitos e das obrigas da cidadanía no ámbito sanitario, en concordancia e desenvolvemento do previsto na Lei 14/1986, xeral de sanidade, e nas leis de ámbito estatal que desenvolven esta.

2. A ordenación do Sistema Público de Saúde de Galicia.

3. A planificación sanitaria do Sistema Público de Saúde de Galicia e a definición das actuacións e das intervencións públicas en materia de saúde.

4. A ordenación das prestacións e dos servizos sanitarios que configuran o dereito á protección da saúde e á atención sanitaria no ámbito territorial de Galicia.

5. A ordenación e a regulación do Servizo Galego de Saúde.

6. A regulación xeral das competencias sanitarias das diferentes administracións públicas de Galicia, das actuacións da Xunta de Galicia en relación coa Unión Europea e das relacións de cooperación co Estado, con outras comunidades autónomas e coas comunidades galegas no exterior en materia sanitaria.

7. O establecemento e a regulación da colaboración do sector sanitario privado co Sistema Público de Saúde de Galicia como complemento que contribúe a facer efectivo o dereito constitucional á protección da saúde e á atención sanitaria no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

8. A formación e a investigación no ámbito da sanidade.

9. A coordinación da prestación dos servizos sociosanitarios.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos desta lei enténdese por:

1. Acción intersectorial: a acción na que o sector sanitario e outro relevante sector da economía ou doutro sector público ou privado colaboran ou interactúan para conseguir obxectivos de saúde.

2. Acreditación sanitaria: o conxunto de procedementos e criterios que, superando os requisitos técnicos e as condicións mínimas exixidas para a autorización sanitaria, deban cumprir os centros, servizos e establecementos sanitarios, tocante a mellorar e recoñecer a calidade destes e das súas prestacións. A acreditación será requisito para a subscrición de contratos de servizos sanitarios nos supostos determinados regulamentariamente.

3. Actividade sanitaria: calquera resolución, intervención, servizo, prestación ou actuación que teña como obxectivo principal a saúde das persoas.

4. Atención sanitaria: calquera tipo de servizo recibido de forma individual e proporcionado por profesionais sanitarios con impacto no estado de saúde. É sinónimo de asistencia sanitaria. Toda referencia ao ámbito «asistencial» que se fai ao longo desta lei enténdese referida á asistencia sanitaria.

5. Autoridade sanitaria: o órgano da administración pública que ten asignadas pola lexislación vixente competencias ou funcións de ordenación, regulación, inspección, control ou sanción no ámbito sanitario ou da saúde.

6. Autorización sanitaria: a resolución administrativa que, segundo os requirimentos que se establezan, faculta un centro, servizo ou establecemento sanitario para a súa instalación, funcionamento, modificación das súas actividades sanitarias ou, de ser o caso, o seu pechamento.

7. Carteira de servizos: o conxunto de técnicas, tecnoloxías ou procedementos, entendendo por tales cada un dos métodos, das actividades e dos recursos baseados no coñecemento e na experimentación científica, mediante os que se fan efectivas as prestacións sanitarias.

8. Catálogo de prestacións sanitarias: os servizos ou o conxunto de servizos preventivos, diagnósticos, terapéuticos, rehabilitadores e de promoción e mantemento da saúde da cidadanía que teñen por obxecto garantir as condicións básicas e comúns para unha atención integral, continuada e no nivel axeitado de atención.

9. Centro sanitario: o conxunto organizado de medios técnicos e instalacións no que profesionais capacitados, pola súa titulación oficial ou habilitación profesional, realizan basicamente actividades sanitarias co fin de mellorar a saúde das persoas.

10. Establecemento sanitario: o conxunto organizado de medios técnicos e instalacións no que profesionais capacitados, pola súa titulación oficial ou habilitación profesional, realizan basicamente actividades sanitarias de dispensación de medicamentos ou de adaptación individual de produtos sanitarios.

11. Función de produción/provisión de servizos: as actividades que permiten a produción e a oferta de servizos sanitarios.

12. Intervención sanitaria: unha actividade ou un conxunto de actividades que intentan, modificando un proceso, o curso de acción ou a secuencia de eventos, mellorar o resultado esperado en saúde, referido sempre a un aspecto previamente determinado.

13. Paciente: a persoa que require asistencia sanitaria e está sometida a coidados profesionais para o mantemento ou a recuperación da súa saúde.

14. Sanidade: o conxunto de servizos públicos ordenados para preservar a saúde do común dos habitantes dun territorio administrativo. Sinónimo de sistema sanitario ou sistema de saúde cando este sexa definido como público.

15. Saúde pública: o conxunto de iniciativas, actividades e servizos organizados polas administracións públicas para mellorar a saúde da poboación mediante intervencións colectivas ou sociais. As intervencións colectivas ou sociais son aquelas que teñen por obxectivo a identificación e a modificación, de ser o caso, dos factores protectores e de risco para a saúde que evitan ou condicionan a aparición de morbilidade, mortalidade prematura e discapacidade.

16. Saúde: o estado da persoa que lle permite realizar as funcións vitais e sociais propias da súa idade, adaptarse e superar dificultades de forma socialmente aceptable e persoalmente satisfactoria. Este concepto inclúe, polo tanto, os aspectos físicos, psíquicos e sociais.

17. Sector privado de atención sanitaria: o conxunto de actividades e axentes económicos que teñen como características homoxéneas a elaboración e a prestación de produtos e servizos sanitarios e a súa titularidade privada.

18. Servizos sanitarios: calquera servizo que poida contribuír a mellorar a saúde ou a diagnosticar, tratar ou rehabilitar unha persoa, e non necesariamente limitado a servizos médicos ou servizos de atención sanitaria. Enténdense tamén como as organizacións destinadas a vixiaren e protexeren a saúde da cidadanía.

19. Sistema de Saúde de Galicia: o conxunto de recursos, actividades, servizos e prestacións, públicos e privados, que teñen por finalidade a promoción e a protección da saúde, a prevención da enfermidade, a asistencia sanitaria, a rehabilitación e a reinserción social, todo iso baixo unha perspectiva de asistencia sanitaria integral e funcionalmente articulada.

20. Sistema Público de Saúde de Galicia: o conxunto de recursos, medios organizativos, actividades, servizos e prestacións públicas que teñen por finalidade a promoción e a protección da saúde, a prevención da enfermidade, a asistencia sanitaria, a rehabilitación e a reinserción social, todo iso baixo unha perspectiva de asistencia sanitaria integral e funcionalmente articulada.

21. Sustentabilidade: a capacidade de responder ás necesidades presentes sen comprometer a posibilidade de responder ás necesidades futuras.

22. Usuario/Usuaria: a persoa que utiliza os servizos sanitarios.

TÍTULO I DOS DEREITOS E DOS DEBERES SANITARIOS DA CIDADANÍA

CAPÍTULO I DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 4º.-Titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria.

1. O dereito á protección da saúde e á atención sanitaria con cargo a fondos públicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e de cobertura universal garánteselles a todas as persoas que residan nos concellos desta comunidade autónoma.

Para acreditar a residencia prevista nesta alínea terase en conta algún dos seguintes criterios:

– Que conste o empadroamento en calquera dos concellos da comunidade autónoma cunha antigüidade de máis de 183 días.

– Que radique en Galicia o núcleo principal ou a base dos seus intereses económicos, de forma directa ou indirecta.

– Que residan habitualmente en Galicia o cónxuxe, ou a persoa con análoga relación de afectividade, non separado legalmente, e os fillos ou as fillas menores de idade que dependan da persoa física.

Aos transeúntes e desprazados no territorio da comunidade autónoma garantiránselles, na forma e nas condicións que estableza a lexislación vixente, o dereito comunitario e europeo e mais os convenios nacionais ou internacionais que resulten aplicables, así como a todos os galegos e a todas as galegas de orixe ou ascendencia que, residindo fóra de Galicia, se vexan amparados polos convenios para o efecto, no xeito e nas condicións establecidos neles.

2. Igualmente, garánteselles a protección da saúde e a atención sanitaria con cargo a fondos públicos ás persoas menores e ás mulleres xestantes non incluídas na alínea 1 deste artigo.

3. Ademais, garánteselles a todas as persoas a atención sanitaria en situación de urxencia e emerxencia.

4. Este dereito garántese con pleno respecto á súa personalidade, dignidade e intimidade, sen ningunha discriminación por razón de raza, sexo, relixión, opinión, idioma, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Lei 12/2011, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 4 apartado 1 nova redacción por artigo 32.

CAPÍTULO II DEREITOS SANITARIOS

Artigo 5º.-Dereitos sanitarios.

Os titulares do dereito á protección da saúde e á asistencia sanitaria gozarán dos dereitos sanitarios que se recollen neste capítulo, sen prexuízo da aplicación e do recoñecemento dos definidos na Lei 14/1986, xeral de sanidade, así como noutras leis sanitarias de ámbito estatal que sexan aplicables.

Artigo 6º.-Dereitos relacionados coa integridade e a intimidade da persoa.

Serán dereitos sanitarios relacionados coa integridade e a intimidade da persoa os seguintes:

1. Dereito á integridade física e psíquica.

2. Dereito ao máximo respecto posible da intimidade da persoa, en todos os centros, servizos e establecementos sometidos a esta lei, na prestación de actividades sanitarias tales como exploracións, coidados ou actividades de hixiene.

3. Dereito a que se reduza a presenza de profesionais, estudantes e investigadores, ou doutros usuarios, que non colaboren directamente na realización de tales atencións, cando así sexa expresamente solicitado.

4. Dereito a non ser gravada mediante fotografías, vídeos ou outros medios que permitan a súa identificación como destinataria de servizos sanitarios, a non ser que a persoa afectada, logo de lle seren explicados claramente os motivos da súa realización e o ámbito de difusión, preste autorización expresa para iso.

Artigo 7º.-Dereitos relacionados co acompañamento do ou da paciente

1. Serán dereitos relacionados co acompañamento do ou da paciente os seguintes:

1. Dereito a ser acompañado ou acompañada, polo menos, por unha persoa que manteña vínculos familiares ou de feito co ou coa paciente ou por unha persoa da súa confianza.

2. Dereito de toda muller a que se lle facilite o acceso ao proceso do parto a aquela persoa designada por ela para tal efecto.

3. Dereito das persoas menores a estaren acompañadas polos seus pais, titores ou gardadores.

4. Dereito das persoas incapacitadas a estaren acompañadas polos responsables legais da súa garda e protección.

2. Os dereitos anteriormente citados limitaranse, e mesmo exceptuaranse, nos casos nos que esas presenzas sexan desaconselladas ou incompatibles coa prestación sanitaria conforme criterios clínicos. En todo caso, esas circunstancias seranlles explicadas aos afectados e ás afectadas de xeito comprensible.

Artigo 8º.-Dereitos relacionados coa autonomía de decisión.

Serán dereitos relacionados coa autonomía de decisión os seguintes:

1. Dereito a que se solicite consentimento informado nos termos establecidos na Lei 3/2001, do 28 de maio, e na Lei 3/2005, do 7 de marzo, de modificación da anterior. Entenderase por consentimento informado o prestado libre e voluntariamente pola persoa afectada para toda actuación no ámbito da súa saúde e así que, logo de recibir a información axeitada, valorase as opcións propias do caso. O consentimento será verbal, por regra xeral, e prestarase por escrito nos casos de intervencións cirúrxicas, procedementos diagnósticos e terapéuticos invasores e, en xeral, na aplicación de procedementos que supoñan riscos ou inconvenientes de notoria e previsible repercusión negativa sobre a saúde do ou da paciente.

2. Dereito á libre elección entre as opcións que lle presente o responsable médico do seu caso e a rexeitar o tratamento, agás nos casos sinalados nesta ou noutras leis, e para iso deberá solicitar e asinar a alta voluntaria. De non o facer así, corresponderalle darlle a alta á dirección do centro. Todo isto sen prexuízo de que o ou a paciente poida recibir outros tratamentos alternativos, curativos ou paliativos e sanitarios.

3. Dereito a outorgar o consentimento por substitución e a manifestar as súas instrucións previas ao abeiro do establecido na Lei 3/2001, do 28 de maio, e na Lei 3/2005, do 7 de marzo, de modificación da anterior, e nas disposicións concordantes.

4. Dereito a elixir médico xeral e pediatra de entre os que presten os seus servizos na zona sanitaria do seu lugar de residencia de conformidade coas normas regulamentarias que resulten aplicables.

5. Dereito a unha segunda opinión médica co obxectivo de fortalecer a relación médico-paciente e de complementar as posibilidades da atención sanitaria.

6. Dereito a dispor dos tecidos e das mostras biolóxicas que proveñen de biopsias ou extraccións no seu proceso asistencial, coa finalidade de acadar unha segunda opinión médica e garantir a continuidade asistencial.

7. Dereito a rexeitar aquelas accións preventivas que se propoñan, para situacións que non impliquen riscos a terceiros, sen prexuízo do disposto na normativa sanitaria aplicable.

8. Dereito a rexeitar a participación en procedementos experimentais como alternativa terapéutica para o seu proceso asistencial.

9. Dereito a rexeitar o uso ou a conservación, fóra do seu proceso asistencial, dos seus tecidos e mostras biolóxicas que proveñan de biopsias, extraccións ou nacementos e, polo tanto, dereito a que se proceda á súa eliminación como residuo sanitario.

Artigo 9º.-Dereitos relacionados coa confidencialidade e a información.

1. O dereito á confidencialidade concrétase en:

a) Dereito á confidencialidade sobre o seu estado de saúde, dos seus datos referidos a crenzas, relixión, ideoloxía, vida sexual, orixe racial ou étnica, malos tratos e outros datos especialmente protexidos. En todo caso, o grao de confidencialidade, entendido como a identificación do destinatario e o contido da información que se pode subministrar, será decidido polo ou pola paciente, agás nos casos nos que legalmente se prevexa o deber de información.

b) Dereito á confidencialidade da información do seu xenoma e a que este non poida ser utilizado para ningunha forma de discriminación.

Os datos persoais aos que se refire esta alínea 1 someteranse ao réxime de protección establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. O dereito á información no seu proceso asistencial concrétase en:

a) Dereito a coñecer, con motivo de calquera actuación no ámbito da súa saúde, toda a información dispoñible sobre esta, agás nos supostos exceptuados pola lei. A información, como regra xeral, proporcionarase verbalmente, da que se deixará constancia na historia clínica, e comprenderá, como mínimo, a finalidade e a natureza de cada intervención, os seus riscos e as súas consecuencias. A información clínica será verdadeira e comunicaráselle ao ou á paciente de forma comprensible e adecuada ás súas necesidades como axuda para tomar decisións de acordo coa súa propia e libre vontade.

b) Dereito a renunciar a recibir información.

c) Dereito a ser informado ou informada e advertido ou advertida de se os procedementos de prognóstico, diagnóstico e terapéuticos aplicados van ser empregados nun proxecto docente ou de investigación, o que non poderá comportar en ningún caso perigo adicional para a súa saúde. En todo caso, será imprescindible o consentimento previo por escrito do ou da paciente e a aceptación por parte do profesional sanitario e da dirección do correspondente centro sanitario.

d) Dereito a solicitar e a obter información comprensible e axeitada sobre o custo das prestacións e dos servizos de saúde recibidos.

e) Dereito a coñecer os requisitos de uso das prestacións e dos servizos de saúde en relación co seu proceso asistencial.

3. O dereito á información sobre os seus dereitos, deberes, servizos e programas do Sistema Público de Saúde de Galicia concrétase en:

a) Dereito a ser informado ou informada dos plans, dos programas e das accións que se están a desenvolver no Sistema Público de Saúde de Galicia, de forma comprensible e mediante as mellores canles.

b) Dereito a dispor en todos os centros, servizos e establecementos sanitarios do sistema público dunha carta de dereitos e deberes e mais a que esta sexa facilitada como marco de relación entre o centro sanitario e os seus usuarios e usuarias.

c) Dereito a coñecer a carteira de servizos como marco de compromiso entre o centro sanitario e os seus usuarios e usuarias.

4. Dereito a ser informado ou informada pola autoridade sanitaria dos problemas de saúde que o afecten e sobre os riscos sanitarios para a súa saúde, mediante información difundida en termos comprensibles, veraces e axeitados.

5. Dereito a recibir información epidemiolóxica ante un risco grave e probado para a saúde pública.

6. Dereito á utilización de novas tecnoloxías da información e a comunicación para potenciar a interacción electrónica entre a cidadanía e o Sistema Público de Saúde.

7. Para garantir a confidencialidade dos datos relativos ao ou á paciente, regularase mediante unha norma legal o persoal que poida acceder aos datos do ou da paciente.

8. Para garantir a mellor información sobre a historia clínica do ou da paciente, tendo en conta as novas tecnoloxías, os datos desta estarán dispoñibles en tres idiomas (galego, castelán e inglés), facendo para iso as adaptacións técnicas necesarias.

Artigo 10º.-Dereitos relacionados coa documentación sanitaria.

Son dereitos relacionados coa documentación sanitaria:

1. Dereito do ou da paciente a que quede constancia por escrito ou en soporte técnico adecuado de todo o seu proceso e a que ao rematar o episodio asistencial se lle entregue o informe de alta hospitalaria, de interconsulta de atención hospitalaria e de urxencias.

2. Dereito a acceder á súa historia clínica e a obter os informes e os resultados das exploracións que sobre o seu estado de saúde ou enfermidade se inclúan nela, así como unha copia dos devanditos documentos, de acordo co establecido na Lei 3/2001, do 28 de maio, do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes, e nas disposicións concordantes.

3. Dereito a que se lle faciliten os informes ou as certificacións acreditativas do seu estado de saúde. Estes serán gratuítos, cando así o estableza unha disposición legal ou regulamentaria.

Artigo 11º.-Dereitos relacionados coas suxestións e as reclamacións.

Son dereitos relacionados coas suxestións e as reclamacións:

1. Dereito a empregar os procedementos áxiles e efectivos de suxestións e reclamacións, así como a recibir resposta por escrito nos prazos establecidos regulamentariamente.

2. Dereito ao libre acceso ao vicevaledor ou á vicevaladora do paciente.

3. Desenvolveranse as medidas necesarias para que todos os centros, servizos e establecementos sanitarios e sociosanitarios teñan permanentemente á disposición dos ususarios e das usuarias formularios de suxestións e reclamacións, asemade estarán habilitadas canles na web institucional.

Artigo 12º.-Dereitos relacionados coa prestación de servizos sanitarios por parte do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Son dereitos relacionados coa prestación de servizos sanitarios:

1. Dereito á humanización da asistencia sanitaria evidenciada na calidade humana da prestación dos servizos sanitarios e mais á incorporación dos adiantos científicos a esta, que deberá ser axeitada aos valores, ás crenzas e ás culturas da cidadanía.

2. Dereito a obter unha garantía de demoras máximas, de xeito que determinadas prestacións sanitarias financiadas publicamente lles sexan dispensadas nuns prazos previamente definidos e coñecidos.

3. Dereito a obter os medicamentos e os produtos sanitarios que se consideren necesarios para promover, conservar ou restablecer a súa saúde.

4. Dereito á utilización das vantaxes das novas tecnoloxías xenómicas dentro do marco legal vixente.

5. Dereito á asignación de persoal facultativo, que será o seu interlocutor principal co equipo asistencial, e, de ser o caso, do persoal de enfermaría responsable do seguimento e do plan de coidados. No caso de ausencia, as persoas substitutas asumirán tal responsabilidade.

6. Dereito á educación sanitaria e á información axeitada que propicien a adopción de hábitos e estilos de vida saudables.

7. Dereito a medidas de protección da saúde fronte a riscos ambientais e laborais, xerais ou específicos.

8. Dereito a medidas de prevención da enfermidade de probada efectividade e seguridade.

9. Dereito á continuidade asistencial, á coordinación e á integración das funcións asistenciais da atención primaria e hospitalaria.

10. Dereito a coñecer e identificar, de forma rápida e clara, o persoal que lle presta asistencia sanitaria. Para a eficacia deste dereito, o persoal que preste a devandita asistencia levará sempre visible a súa tarxeta identificativa.

11. Dereito das mulleres nos períodos de embarazo, lactación e menopausa a disporen de programas específicos.

12. Dereito das mulleres que sofren ou sufrisen violencia de xénero á atención sanitaria, incluído o dereito á asistencia psicolóxica gratuíta e ao seguimento da evolución do seu estado de saúde, ata o seu total restablecemento. Tratarase, en todo caso, de servizos gratuítos e accesibles con carácter prioritario, que garantan a privacidade e a intimidade das mulleres.

13. Dereito das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo, en todos os supostos previstos pola normativa vixente aplicable.

14. Dereito a que os servizos e as actividades sanitarias ou asistenciais que o Sistema Público de Saúde de Galicia contrate co sector privado de asistencia sanitaria se axusten aos mesmos parámetros, estándares, dereitos ou criterios de actuación exixibles para os do propio Sistema Público de Saúde de Galicia.

Artigo 13º.-Dereitos relacionados coa participación.

A cidadanía da Comunidade Autónoma de Galicia terá dereito a participar, nos termos establecidos nesta lei, na xestión do Sistema Público de Saúde de Galicia, a través dos órganos de participación comunitaria.

Artigo 14º.-Dereitos relacionados con grupos especiais.

1. As persoas menores, as maiores dependentes, as enfermas mentais e terminais, as doentes que padecen enfermidades crónicas e discapacitantes, os e as pacientes diagnosticados de enfermidades raras ou de baixa incidencia na poboación e as persoas pertencentes a grupos de risco, en tanto que colectivos que deben ser obxecto de especial atención polas administracións sanitarias competentes, teñen dereito a actuacións e/ou programas sanitarios específicos e preferentes, que se executarán a través dos centros, servizos e establecementos do Sistema Público de Saúde de Galicia.

2. As persoas enfermas mentais, ademais dos dereitos sinalados nas alíneas anteriores, gozan dos seguintes dereitos:

a) Nos ingresos voluntarios, se desaparecese a plenitude de facultades durante o internamento, a que a dirección do centro solicite a correspondente ratificación xudicial para a súa continuación, nos termos establecidos no artigo 763 da Lei de axuizamento civil.

b) Nos ingresos forzosos, o dereito a que se reexamine periodicamente a necesidade do internamento, nos termos do precepto ao que se refire a alínea anterior.

c) As persoas enfermas mentais menores de idade teñen dereito ao internamento en centros ou unidades de saúde mental infanto-xuvenil.

3. Ás persoas enfermas terminais, ademais dos dereitos sinalados na alínea 1, recoñécenselles os seguintes dereitos:

a) Ao rexeitamento de tratamentos de soporte vital que prolonguen sen necesidade o seu sufrimento.

b) Ao axeitado tratamento da dor e aos coidados paliativos.

c) Á posibilidade de decidir a presenza de persoas coas que manteña vínculos familiares ou de feito nos procesos que requiran hospitalización.

4. As persoas menores e as dependentes que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero terán dereito á asistencia psicolóxica gratuíta, que comprenderá medidas de apoio psicosocial específicas e adaptadas ás súas características e necesidades.

5. Ás persoas con discapacidade seralles aplicable o previsto no artigo 25, alíneas b), c), d) e f), da Convención de dereitos das persoas con discapacidade, ratificada por España o 30 de marzo de 2007.

6. Accesibilidade universal. De acordo co previsto na Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, así como no artigo 9 da Convención da Organización das Nacións Unidas-ONU, garántese o acceso das persoas con discapacidade, en igualdade de condicións coas demais, ás instalacións e aos servizos sanitarios, consonte os principios de normalización, accesibilidade universal, deseño para todos e transversalidade.

CAPÍTULO III DEBERES SANITARIOS

Artigo 15º.-Deberes.

A cidadanía, en relación coas institucións e cos organismos do Sistema Público de Saúde de Galicia, ten os seguintes deberes e obrigas individuais:

1. Cumprir as prescricións xerais de natureza sanitaria comúns a toda a poboación, así como as específicas determinadas polos servizos sanitarios.

2. Manter o debido respecto ao persoal que presta os seus servizos no ámbito do sistema público.

3. Coidar as instalacións e colaborar no mantemento da habitabilidade das institucións sanitarias.

4. Usar axeitadamente os recursos, os servizos e as prestacións ofrecidas polo sistema sanitario.

5. Manter a debida observancia das normas establecidas en cada centro.

6. Asinar os documentos de alta voluntaria cando non desexe a continuidade do tratamento que se lle dispensa. Porén, o feito de non a aceptar non determinará a alta inmediata cando existan outros tratamentos alternativos, curativos ou paliativos e o ou a paciente desexe recibilos. Neste último caso, tal situación deberá quedar debidamente documentada despois da información correspondente.

7. Cooperar coas autoridades sanitarias na protección da saúde e na prevención das enfermidades.

8. Facilitar información veraz dos datos de filiación, identificación e do estado de saúde que sexan necesarios no seu proceso asistencial ou sexan solicitados por razóns de interese xeral debidamente motivadas.

9. Aceptar a alta cando rematase o seu proceso asistencial, cando se comprobase que a situación clínica do ou da paciente non melloraría prolongando a súa estadía ou cando a complexidade do proceso aconselle o seu traslado a un centro de referencia.

10. Cumprir as normas e os procedementos de uso e acceso aos dereitos que se lle outorguen a través desta lei.

11. Comunicarlle ao sistema sanitario, coa maior brevidade posible, a non utilización por calquera causa dun servizo programado previamente.

12. Tamén estarán suxeitos aos deberes establecidos nas alíneas 1, 2, 3, 4, 5, 7 e 10 as persoas familiares ou acompañantes dos usuarios e das usuarias do sistema sanitario.

CAPÍTULO IV GARANTÍA DOS DEREITOS E DOS DEBERES SANITARIOS

Artigo 16º.-Garantías normativas e de organización.

1. O Estatuto do e da paciente, entendido como o conxunto de dereitos e deberes relatados nos artigos precedentes, definirase e concretarase mediante normas e instrumentos xurídicos que regulen o seu alcance, desenvolvemento e contido.

2. As actuacións que se adopten en desenvolvemento do estatuto xurídico do e da paciente irán dirixidas a:

a) Dispor das canles de información suficientes, adecuadas e comprensibles sobre os dereitos, os deberes e as garantías sanitarias.

b) Velar polo efectivo cumprimento dos dereitos, dos deberes e das garantías sanitarias segundo dispoñan as leis, as normas e os regulamentos que os desenvolvan, garantindo ademais a eliminación de calquera tipo de desigualdade.

c) Adoptar as medidas organizativas, de xestión e de comunicación que fomenten a satisfacción da cidadanía respecto dun sistema sanitario orientado a ela.

d) Establecer mecanismos de arbitraxe e conciliación.

3. As infraccións por violacións destes dereitos e o incumprimento dos deberes estarán sometidas ao réxime sancionador previsto nesta lei, sen prexuízo da responsabilidade de calquera orde na que puidese incorrer o seu autor ou autora segundo a lexislación vixente.

4. Todos os centros, servizos e establecementos e o seu persoal sometidos a esta lei teñen a obriga de adoptar as medidas oportunas para garantiren os dereitos recoñecidos nela. Os poderes públicos de Galicia velarán polo seu axeitado cumprimento.

5. As autoridades sanitarias proporcionarán información pública de cada área sobre indicadores de calidade dos servizos, coberturas de programa, listas de espera e eficiencia dos procesos do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Artigo 17º.-Garantías de sustentabilidade.

O desenvolvemento normativo e organizativo dos dereitos sanitarios terá en conta os principios de:

a) Optimización da eficiencia en custos de todos os seus niveis orgánicos e asistenciais.

b) Sustentabilidade financeira do sistema sanitario no seu conxunto e de xeito integral, tendo en conta aspectos como a dispersión, o envellecemento e a comorbilidade da poboación.

CAPÍTULO V DA DEFENSA E PROMOCIÓN DOS DEREITOS DOS USUARIOS E DAS USUARIAS DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE DE GALICIA

Artigo 18. Obxecto e natureza

As atribucións do Valedor do Pobo en relación coa Administración sanitaria serán exercidas polo seu titular ou en caso de delegación a través do seu adxunto ou adxunta, que terá a consideración de valedor ou valedora do paciente e terá atribuída a defensa e a promoción dos dereitos e intereses dos usuarios e das usuarias do Sistema Público de Saúde de Galicia, baixo a supervisión do valedor do pobo.

Lei 10/2012, do 3 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 18 nova redacción por artigo 4 apartado un.

Artigo 19. Ámbito de actuación

As actuacións do valedor do pobo ou do seu adxunto como valedor ou valedora do paciente terán como ámbito o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta o peso da emigración na nosa comunidade autónoma, o ámbito de actuación do valedor ou da valedora do paciente comprenderá tamén aqueles centros sanitarios e institucións que teñan unha relación contractual ou de convenio coa Xunta de Galicia, aínda que se atopen fóra da comunidade.

Lei 10/2012, do 3 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 19 nova redacción por artigo 4 apartado dous.

Artigo 20. Actuacións.

1. No exercicio das súas atribucións, o valedor do pobo, directamente ou a través do seu adxunto, poderá iniciar e proseguir de oficio, ou por pedimento de parte, calquera investigación que conduza ao esclarecemento dos actos e das resolucións da administración relacionados cos servizos sanitarios e sociosanitarios.

2. Poderá dirixir suxestións ou reclamacións, nese aspecto, á oficina do Valedor do Pobo, directamente ou a través do seu adxunto, toda persoa natural ou xurídica que invoque un interese lexítimo en relación con situacións de lesión dos dereitos dos pacientes recoñecidos nesta lei.

3. Exclúese do disposto na alínea anterior a autoridade administrativa en asuntos da súa competencia, agás cando exerza como responsable directo dunha persoa menor de idade ou incapacitada legalmente na súa condición de usuaria.

Lei 10/2012, do 3 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 20 nova redacción por artigo 4 apartado tres.

Artigo 21. Facultades

O valedor ou a valedora do pobo, ben directamente ou ben a través do seu adxunto, terá acceso directo a calquera centro sanitario ou de carácter administrativo da Comunidade Autónoma e, con suxeición á normativa de protección de datos, a calquera dos seus arquivos e rexistros.

Lei 10/2012, do 3 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 21 nova redacción por artigo 4 apartado catro.

CAPÍTULO VI PARTICIPACIÓN SOCIAL

Artigo 22º.-Aspectos xerais.

1. Consonte o establecido nos artigos 9.2 e 129.1 da Constitución española e nos artigos 5 e 53 da Lei 14/1986, xeral de sanidade, así como no artigo 13 desta lei, a cidadanía da Comunidade Autónoma galega ten o dereito a participar, a través dos órganos de participación comunitaria, na xestión do Sistema Público de Saúde de Galicia, nas cuestións que afecten directamente a calidade de vida ou o benestar xeral e, en concreto, na formulación da política sanitaria e no control da súa execución.

2. A participación na formulación da política sanitaria e no control da súa execución constitúe un dereito da cidadanía e da sociedade en xeral, un valor social e un instrumento de cooperación e información no ámbito do Sistema Público de Saúde de Galicia, para a mellora da saúde e o benestar da cidadanía.

3. As distintas organizacións que compón o Sistema Público de Saúde de Galicia deberán incorporar sistematicamente a visión e percepción da sociedade na elaboración de normativas, políticas e plans de actuación sanitaria.

4. O dereito de participación supón a responsabilidade no seu exercicio e obriga a actuar con lealdade ao interese xeral, ao ben público e á promoción do benestar social.

Artigo 23º.-Órganos de participación social.

1. A participación social realizarase a través do Consello Galego de Saúde, de ámbito comunitario, dos consellos de saúde de área, dos consellos de saúde de distrito, no ámbito propio destes, do Consello Asesor de Pacientes e doutros posibles órganos de participación que regulamentariamente se establezan, segundo o disposto no artigo 53, números 2 e 3, da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

2. Estes órganos desenvolverán funcións consultivas e de asesoramento na formulación de plans e obxectivos xerais no ámbito territorial respectivo, así como de seguimento e avaliación dos resultados de execución.

3. Os membros dos órganos de participación terán dereito á información relativa ás materias sobre as que teñan competencia, con acceso e consulta, en calquera momento e nun tempo razoable, respecto de datos ou documentos dos que dispoña a administración da que dependa o órgano consultivo.

4. Na composición destes órganos, que se determinará por decreto do Consello da Xunta, haberá representación, como mínimo, da Secretaría Xeral de Igualdade, dos concellos, dos colexios oficiais de profesionais sanitarios, das asociacións de pacientes, así como das organizacións empresariais, das organizacións sindicais e doutras entidades e organizacións do ámbito sanitario, de forma que quede garantida a participación efectiva de todas as persoas interesadas e se poida contar cunha visión e percepción ampla da sociedade.

5. Na composición destes órganos procurarase unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 23 nova redacción por artigo único apartado un.

Artigo 24º.-Consello Galego de Saúde.

1. O Consello Galego de Saúde é o órgano colexiado de participación comunitaria no Sistema público de saúde de Galicia ao que lle corresponde o asesoramento á consellaría competente en materia de sanidade na formulación da política sanitaria e no control da súa execución.

2. Son funcións do Consello Galego de Saúde as seguintes:

a) Presentar propostas de mellora da atención sanitaria no ámbito autonómico.

b) Propor medidas de carácter sanitario trasladándolle á consellaría competente en materia de sanidade as iniciativas que teñan como finalidade elevar o nivel de saúde da poboación.

c) Coñecer o plan de saúde da Comunidade Autónoma e ser informado da súa avaliación.

d) Promover a participación cidadá, e trasladar as iniciativas que no ámbito sanitario presenten os distintos sectores e colectivos sociais.

e) Coñecer e informar sobre as prestacións sanitarias e a carteira de servizos do Sistema público de saúde de Galicia.

f) Ser informado sobre o proxecto de orzamentos do Servizo Galego de Saúde e do da Consellería de Sanidade e coñecelos

g) Coñecer o anteproxecto de memoria anual do Sistema publico de saúde de Galicia.

h) Elaborar e aprobar o seu regulamento de funcionamento interno.

i) Coñecer do documento de prioridades sanitarias que elabore a consellaría competente en materia de sanidade, de conformidade co Real decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde e o procedemento para a súa actualización, tendo en conta os criterios establecidos pola Comisión de Prestacións, Aseguramento e Financiamento, dependente do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

j) Aqueloutras que lle sexan atribuídas polas leis ou polos regulamentos.

3. A composición, funcionamento e réxime xurídico, tanto do Consello Galego de Saúde coma dos consellos de saúde de área e dos consellos de saúde de distrito, serán establecidos por decreto aprobado polo Consello da Xunta.

4. En todo caso, as persoas representantes dos colectivos e entidades que formen parte do Consello serán elixidas polas propias entidades representadas.

5. Regulamentariamente poderanse establecer outros órganos de participación e consulta para ámbitos concretos, referidos á actividade asistencial, coa determinación da súa vinculación orgánica, a súa composición e as súas funcións administrativas. Na composición destes órganos procurarase unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Lei 12/2013, do 9 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 24 apartado 3.c) nova redacción por disposición derradeira cuarta apartado un.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 24 nova redacción por artigo único apartado dous.

Artigo 25º.-Os consellos de saúde de área.

1. Os consellos de saúde de área son os órganos colexiados de participación social no ámbito territorial das áreas sanitarias, conforme o indicado nos artigos 67 e 68.

2. Os consellos de saúde de área terán as seguintes funcións:

a) Proporlles aos órganos de dirección da área aquelas medidas de carácter sanitario que contribúan a elevar o nivel de saúde da poboación.

b) Coñecer o plan de saúde e mais o documento estratéxico da área sanitaria, e ser informados da súa avaliación.

c) Coñecer a memoria anual da área sanitaria.

d) Propor medidas dirixidas a mellorar a xestión sanitaria.

e) Elaborar e aprobar o seu regulamento de funcionamento interno.

f) Aqueloutras que lles sexan atribuídas por outras leis ou regulamentos.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 25 nova redacción por artigo único apartado tres.

Artigo 25 bis. Os consellos de saúde de distrito.

1. Os consellos de saúde de distrito son os órganos colexiados de participación social no ámbito territorial dos distritos sanitarios, conforme o indicado nos artigos 67 e 69.

2. Os consellos de saúde de distrito terán as seguintes funcións:

a) Proporlles aos órganos de dirección do distrito aquelas medidas de carácter sanitario que contribúan a elevar o nivel de saúde da poboación.

b) Coñecer a carteira de servizos e a estrutura organizativa e técnica dos centros sanitarios do distrito.

c) Coñecer os mapas de derivacións, segundo patoloxías, dependendo da carteira de servizos dos centros sanitarios do distrito.

d) Coñecer os investimentos e melloras implantadas nos centros sanitarios do distrito.

e) Elaborar e aprobar o seu regulamento de funcionamento interno.

f) Aqueloutras que lles sexan atribuídas por outras leis ou outros regulamentos.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo engadido:Artigo 25 bis engadido por artigo único apartado catro.

Artigo 26º.-Outras formas de participación social: as comisións de participación cidadá.

1. Por orde da persoa titular da Consellería de Sanidade poderanse establecer órganos de participación comunitaria a outros niveis territoriais e funcionais do Sistema Público de Saúde de Galicia coa finalidade de asesorar os correspondentes órganos directivos e de implicar as organizacións sociais e cidadás no obxectivo de acadar maiores niveis de saúde.

2. Correspóndelle á persoa titular da Consellería de Sanidade, mediante orde, regular a composición e establecer as normas xerais de organización e funcionamento dos órganos aos que se refire a alínea anterior.

3. Estes órganos de participación poderán incluír, ademais do persoal e dos representantes de equipo directivo que se considere, entre outros, representantes dos colexios profesionais sanitarios, sociedades científicas, asociacións, entidades locais e consumidores e usuarios, así como persoas físicas e xurídicas de recoñecido prestixio no eido das ciencias da saúde.

4. Na composición destes órganos procurarase unha composición paritaria de mulleres e homes.

Artigo 26 bis. Os consellos asesores de pacientes.

1. O Consello Asesor de Pacientes de Galicia é o órgano de participación, no ámbito territorial galego, das asociacións nas que se agrupan os pacientes, e ten como finalidade a mellora da calidade da asistencia sanitaria a través da percepción dos propios pacientes.

2. Nas áreas sanitarias existirán consellos asesores de pacientes de área como órganos de participación das asociacións nas que se agrupan os pacientes no ámbito territorial das respectivas áreas.

3. A composición e o réxime de funcionamento destes órganos estableceranse por orde da consellaría competente en materia de sanidade. Na composición destes órganos procurarase unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo engadido:Artigo 26 bis engadido por artigo único apartado cinco.

Artigo 27º.-Do voluntariado.

1. Sen prexuízo do disposto na Lei 3/2000, do 22 de decembro, de voluntariado social de Galicia, e na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, ou noutras normas sectoriais, no eido estritamente sanitario poderase recoñecer a colaboración desinteresada, individual ou colectiva, dentro do Sistema Sanitario Público de Saúde de Galicia, entendida como a expresión dun compromiso libre e altruísta coa sociedade, que se desenvolve individualmente ou dentro do marco daquelas organizacións sociais que teñan como obxectivo a mellora da calidade de vida, que non teñan afán de lucro e que estean integradas principalmente por voluntarios e voluntarias ou cooperantes.

2. O departamento da Xunta de Galicia competente en materia de voluntariado facilitará a colaboración e cooperación co Sistema Público de Saúde de Galicia, e habilitará as canles necesarias para que as achegas desinteresadas, individuais ou colectivas, poidan ser efectivas.

3. Exclúese daquela colaboración e cooperación o exercicio de funcións ou tarefas propias dos empregados públicos.

4. A colaboración das organizacións de voluntarios e voluntarias ou cooperantes coas organizacións sanitarias adscritas ou vinculadas á Consellería de Sanidade poderase instrumentar, de ser o caso, a través de convenios, concertos, programas de subvencións, etc., de conformidade coa natureza da colaboración que se pretenda establecer. Ningunha colaboración, individual ou colectiva, implicará relación laboral coa Administración sanitaria.

5. Regulamentariamente estableceranse os supostos e as condicións baixo as que o persoal que preste servizos no Sistema Público de Saúde de Galicia poderá prestar servizos como voluntario ou cooperante, de conformidade coa normativa vixente.

CAPÍTULO VII PARTICIPACIÓN INSTITUCIONAL DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS MÁIS REPRESENTATIVAS DE GALICIA

Artigo 28º.-Foro de Participación Institucional de Sanidade.

1. Consonte o establecido na normativa vixente en materia de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais, o Foro de Participación Institucional de Sanidade configúrase como o marco da participación institucional das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais galegas máis representativas.

2. Para os efectos do que se dispón nesta lei, enténdese por participación institucional o exercicio de tarefas e actividades de promoción e defensa no seo da Administración autonómica, os seus organismos e empresas públicas dos intereses xerais, comúns, sectoriais e intersectoriais que corresponden a todos os traballadores e traballadoras e aos empresarios e empresarias.

3. O Foro de Participación Institucional de Sanidade estará conformado, baixo o criterio de proporcionalidade en relación coa súa representatividade, polas organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas no ámbito de Galicia, xunto con representantes da Administración sanitaria galega. Será, polo tanto, tripartito e paritario.

4. Son organizacións máis representativas no ámbito de Galicia, para os efectos do que se dispón nesta lei, as que teñan a devandita condición segundo o disposto nos artigos 6.2.a) e 7.1 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e na disposición adicional sexta do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

5. A designación das persoas representantes realizarase de conformidade coas propostas formuladas polo órgano de dirección das organizacións representadas no Foro de Participación Institucional de Sanidade, procurando unha composición paritaria de mulleres e homes.

Artigo 29º.-Dereitos e deberes no exercicio da participación institucional.

1. A representación das organizacións integrantes do Foro de Participación Institucional de Sanidade levará a cabo as súas tarefas de participación institucional de acordo cos principios de boa fe, negociadora e de confianza lexítima.

2. Son funcións do Foro de Participación Institucional de Sanidade:

a) Coñecer, con carácter previo, os anteproxectos de lei ou os proxectos de normas regulamentarias de desenvolvemento de normas legais, en relación coas materias de ámbito sanitario.

b) Emitir ditame con carácter previo sobre os proxectos de normas regulamentarias de desenvolvemento da participación social.

c) Recibir información sobre os plans, os programas e as actuacións desenvolvidas sobre materias de natureza sanitaria.

d) Propor e participar na elaboración de criterios, directrices e liñas xerais de actuación en relación con materias de natureza sanitaria.

e) Proporlle á Consellería de Sanidade a adopción de iniciativas lexislativas en actuacións concretas que coiden convenientes nas materias obxecto de participación.

3. No seu labor, as persoas que exerzan funcións de participación institucional no Foro de Participación Institucional de Sanidade teñen os seguintes deberes:

a) Asistir ás xuntanzas do Foro de Participación Institucional de Sanidade como órgano de participación institucional no que as organizacións sindicais e empresariais ás que pertenzan teñan legalmente recoñecida a súa presenza.

b) Custodiar os documentos aos que se teña acceso con motivo do exercicio do dereito de participación institucional.

c) Gardar a confidencialidade debida sobre as deliberacións producidas no seo do Foro de Participación Institucional de Sanidade e non utilizar a información obtida nas súas xuntanzas, e que fose declarada reservada, para fins diferentes dos que se someten a consideración.

TÍTULO II DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE DE GALICIA

CAPÍTULO I DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 30º.-Sistema Público de Saúde de Galicia.

1. O Sistema Público de Saúde de Galicia é parte integrante do Sistema Nacional de Saúde, sen prexuízo das competencias e das funcións que sobre o primeiro lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade coas leis.

2. Non se inclúen dentro do Sistema Público de Saúde de Galicia as actividades ou os servizos que sexan prestados con recursos non-públicos.

Artigo 31º.-Dirección do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Correspóndelle á consellería competente en materia de sanidade, sen prexuízo das competencias atribuídas ao Consello da Xunta de Galicia, a dirección do Sistema Público de Saúde de Galicia, e ten como principais funcións de carácter estratéxico as seguintes:

1. As intervencións que supoñan exercicio de autoridade necesarias para garantir a tutela xeral da saúde.

2. A ordenación das relacións coas persoas no sistema de saúde e as prestacións sanitarias de cobertura pública.

3. A fixación de obxectivos de mellora da saúde, de garantía de dereitos sanitarios e de sustentabilidade financeira do sistema.

4. A delimitación dos dispositivos de medios de titularidade pública ou adscritos ao sistema, segundo as necesidades de saúde da poboación.

5. A ampliación, cando proceda, do catálogo de prestacións básicas ofrecidas polo Sistema Nacional de Saúde.

CAPÍTULO II OS PRINCIPIOS REITORES DO SEU FUNCIONAMENTO

Artigo 32º.-Principios reitores do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Conforman o Sistema Público de Saúde de Galicia os seguintes principios:

1. A universalidade do dereito aos servizos e ás prestacións de cobertura pública.

2. A orientación cara á cidadanía e á participación social e comunitaria na formulación de políticas sanitarias, así como do control das súas actuacións.

3. A concepción integral da saúde, que inclúe a promoción da saúde, a protección fronte a situacións e circunstancias que supón risco para a saúde, en particular a protección fronte aos riscos ambientais, a prevención da enfermidade e a asistencia sanitaria, así como a rehabilitación e integración social, dende a perspectiva da asistencia sanitaria.

4. A promoción da equidade e do equilibrio territorial no acceso e na prestación dos servizos sanitarios. A promoción da superación das desigualdades sociais en saúde.

5. A adecuación das prestacións sanitarias ás necesidades de saúde da poboación.

6. A promoción do interese individual, familiar e social pola saúde e o Sistema Público de Saúde de Galicia, coa potenciación da solidariedade e da educación sanitaria.

7. A información sobre as formas de vida saudables, os recursos e os servizos existentes.

8. A promoción do uso racional do Sistema Público de Saúde de Galicia.

9. A cooperación intersectorial como elemento de cohesión das políticas de todos os sectores con responsabilidades sobre a saúde.

10. A integración funcional de todos os recursos sanitarios públicos, coa aposta por fórmulas colaborativas en lugar de fórmulas competitivas.

11. A calidade dos servizos e a mellora continua, cunha énfase especial na calidade da atención clínica e da organización dos servizos, nunha atención personalizada e humanizada, e da docencia como estratexia de garantía de calidade.

12. A seguridade, efectividade e eficiencia no desenvolvemento das actuacións, que deberán basearse na evidencia científica dispoñible e nos valores éticos, sociais e culturais.

13. A acreditación e avaliación continua dos servizos sanitarios prestados na comunidade autónoma.

14. A participación e implicación de profesionais no sistema sanitario.

15. A descentralización, desconcentración e autonomía na xestión dos servizos sanitarios.

16. A eficacia, efectividade e eficiencia na xestión do Sistema Público de Saúde de Galicia.

17. A promoción da investigación básica e clínica no ámbito das ciencias da saúde cun carácter translacional á práctica clínica.

18. A coordinación dos recursos sanitarios, sociosanitarios e de saúde laboral. 19. A procura da súa suficiencia financeira e de medios.

CAPÍTULO III AS INTERVENCIÓNS PÚBLICAS QUE GARANTEN OS DEREITOS E OS DEBERES DA CIDADANÍA

Artigo 33º.-Autoridade sanitaria.

1. Dentro das súas respectivas competencias, teñen a condición de autoridade sanitaria o Consello da Xunta de Galicia, a persoa titular da consellaría con competencias en sanidade, as persoas titulares dos órganos de dirección da consellaría con competencias en materia de sanidade de quen dependan a inspección de servizos sanitarios e a inspección no ámbito da saúde pública, e os alcaldes ou alcaldesas. Así mesmo, teñen a condición de autoridade sanitaria as persoas titulares das xefaturas territoriais da consellaría competente en materia de sanidade no seu ámbito correspondente. No desempeño das súas funcións, o persoal que leve a cabo as funcións de inspección terá a consideración de autoridade sanitaria.

2. Corresponderalles ás persoas titulares dos órganos citados establecer as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e os deberes sanitarios da cidadanía.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 33 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado seis.

Artigo 34º.-Intervencións públicas sobre actividades, centros e bens.

As intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde son:

1. Establecer un rexistro único de profesionais do Sistema de Saúde de Galicia, que será desenvolto regulamentariamente seguindo a clasificación establecida na Lei de ordenación das profesións sanitarias.

2. Establecer sistemas de información e rexistro sobre patoloxías, perigos e riscos para a saúde ou poboacións específicas.

3. Establecer as exixencias de autorizacións por razóns sanitarias a empresas, produtos e actividades.

4. Establecer prohibicións e requisitos mínimos para o uso e tráfico de bens e produtos, cando supoñan un prexuízo ou unha ameaza para a saúde mediante normativa.

5. Establecer as exixencias das autorizacións dos centros sanitarios da comunidade autónoma.

6. Establecer, controlar e inspeccionar as condicións hixiénico-sanitarias, de funcionamento e desenvolvemento de actividades que poidan ter repercusión sobre a saúde das persoas.

7. Controlar a publicidade e a propaganda de produtos e actividades que poidan ter incidencia sobre a saúde, co fin de axustala a criterios de veracidade e evitar o que poida constituír un prexuízo para esta.

8. Controlar e inspeccionar o funcionamento das entidades, as instalacións e as actividades que teñan o seu funcionamento regulado sanitariamente.

9. Controlar a actividade asistencial prestada a través de mutualidades e compañías aseguradoras, vinculadas ao principio de universalidade das prestacións.

10. Tomar mostras e analizar os produtos ou os compoñentes da produción que poidan ter repercusión sobre a saúde da poboación.

11. Exixir certificacións ou ditame sanitario de produtos antes da súa entrada no mercado.

12. Adoptar as medidas preventivas que se consideren pertinentes no caso de que exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e extraordinario para a saúde. Para tal efecto, a Administración sanitaria poderá proceder á incautación ou inmobilización de produtos, á suspensión do exercicio de actividades, ao pechamento de empresas ou das súas instalacións, á intervención de medios materiais e persoais e mais a cantas outras medidas se consideren sanitariamente xustificadas. A duración das medidas ás que se refire esta alínea fixarase para cada caso, sen prexuízo das prórrogas sucesivas acordadas por resolucións motivadas, e non excederá do que exixa a situación de risco extraordinario que as xustificou.

13. Incoar un expediente sancionador nos casos que sexan recoñecidos como faltas tipificadas na lexislación vixente.

14. Calquera outra intervención conducente a establecer normativamente os requisitos e as condicións que, dende o punto de vista sanitario, deben reunir todos os centros, as actividades e os bens que poidan supor un risco para a saúde, así como vixiar, controlar e inspeccionar, do xeito establecido nas correspondentes normas, o seu cumprimento.

Artigo 35º.-Intervencións públicas sanitarias en materia de saúde laboral.

1. A Xunta de Galicia promoverá actuacións en materia sanitaria referentes á saúde laboral, no marco do disposto na Lei 14/1986, xeral de sanidade, e na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

2. A Consellería de Sanidade, os organismos e as entidades dependentes dela, no ámbito das súas competencias, desenvolverán a prevención, protección, promoción e mellora da saúde integral dos seus traballadores e traballadoras.

3. Sen prexuízo das competencias atribuídas ás restantes administracións públicas de Galicia, e en coordinación con elas, correspóndelle á Consellería de Sanidade en materia de saúde laboral o exercicio das seguintes funcións:

a) O desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia dos sistemas de información sanitaria ordenados a determinar a morbilidade e a mortalidade por patoloxías profesionais, de xeito integrado co resto de sistemas de información e vixilancia epidemiolóxica.

b) A elaboración e a aprobación dos protocolos de vixilancia sanitaria específica segundo os riscos para a detección precoz de problemas de saúde que poidan afectar os traballadores e as traballadoras no desenvolvemento das súas tarefas.

c) A promoción da información, a formación e a participación dos traballadores e empresarios nos plans, nos programas e nas actuacións sanitarias no ámbito da saúde laboral.

d) A realización de estudos epidemiolóxicos para a identificación e a prevención de patoloxías que, con carácter xeral, se poidan ver producidas ou agravadas polas condicións de traballo.

e) A inspección, a supervisión e o rexistro dos servizos de prevención autorizados ou que soliciten autorización para o seu recoñecemento como tales no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no que atinxe os aspectos sanitarios.

f) A supervisión da formación que, no terreo de prevención e promoción da saúde laboral, deba recibir o persoal sanitario dos servizos de prevención autorizados.

g) Todas aquelas funcións que a normativa vixente lle encomende en materia de accidentes de traballo, enfermidades profesionais, entidades colaboradoras da Seguridade Social, mutuas aseguradoras, incapacidade temporal e servizos de prevención de riscos laborais, coa promoción da mellora na vixilancia e no control da saúde dos traballadores e das traballadoras, incluíndo a prescrición na asistencia médicofarmacéutica derivada de continxencias profesionais a través do persoal sanitario dos servizos de prevención, actividade que terá, en todo caso, carácter voluntario tanto para os traballadores coma para as empresas.

h) Calquera outra función que lle poida ser encomendada polo Consello da Xunta.

Artigo 36º.-Das limitacións impostas nas intervencións públicas sobre actividades.

As limitacións impostas dentro das intervencións públicas especificadas nos artigos anteriores seguirán os seguintes principios:

a) Preferencia da colaboración voluntaria coas autoridades sanitarias.

b) Minimización da incidencia sobre a libre circulación de persoas e bens, a liberdade de empresa e calquera outro dereito.

c) Prohibición de ordenar medidas obrigatorias que supoñan risco para a vida.

d) Proporcionalidade aos fins que en cada caso se persigan.

Artigo 37º.- Da inspección de servizos sanitarios e de saúde pública.

1. O persoal que realice funcións de inspección de servizos sanitarios e de saúde pública ten carácter de autoridade sanitaria no exercicio das funcións que ten encomendadas.

2. O persoal ao servizo da Administración sanitaria que actúe no exercicio das funcións de inspección e acreditando a súa identidade estará autorizado para:

a) Entrar libremente e sen previa notificación en calquera momento en todo centro, servizo ou establecemento suxeito a esta lei.

b) Proceder a realizar as probas, as investigacións ou os exames que considere necesarios para comprobar o cumprimento desta lei e das normas que se aproben para o seu desenvolvemento.

c) Tomar ou sacar mostras coa finalidade de comprobar o cumprimento do previsto na normativa sanitaria vixente. A toma de mostras non xerará por si mesma dereito a indemnización, agás que se acredite a concorrencia dos supostos previstos legalmente como xeradores dunha eventual responsabilidade derivada do funcionamento normal ou anormal dos servizos públicos.

d) Realizar cantas actuacións sexan necesarias para o cumprimento das funcións de inspección que exerza.

e) Comunicarlle inmediatamente á autoridade sanitaria competente a situación de risco grave e inmediato para a saúde que detecte. Así mesmo, e sen prexuízo da dita obriga de comunicación, o persoal da inspección poderá proceder a adoptar as medidas cautelares temporais necesarias e proporcionadas durante a visita de control oficial, tales como a inmobilización de produtos, a suspensión temporal de actividades ou outras, que se consideren necesarias e proporcionadas, co fin de evitar prexuízos para a saúde en casos de urxencia inaprazable por existencia dun risco grave e inminente para a saúde. Estas medidas adoptaranse de xeito motivado, con inclusión da motivación na correspondente acta de inspección, e daráselle conta inmediata das actuacións realizadas ao órgano competente para a incoación do procedemento sancionador, que deberá confirmar, modificar ou levantar as medidas no acordo de iniciación do procedemento, o cal deberá efectuarse dentro dos quince días seguintes á adopción daquelas. En todo caso, as medidas quedarán sen efecto se non se inicia o procedemento no dito prazo, ou cando o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso sobre elas.

3. Os feitos constatados por funcionarios ou funcionarias aos que se lles recoñece a condición de autoridade e que se formalicen en documento público con observancia dos requisitos legais pertinentes terán valor probatorio, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou achegar os propios cidadáns ou cidadás, consonte o artigo 77.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 37 nova redacción por artigo único apartado sete.

Artigo 38º.-Intervencións públicas sobre individuos.

As autoridades sanitarias poderán levar a cabo as seguintes intervencións públicas nos supostos de riscos para a saúde de terceiras persoas:

1. Medidas de recoñecemento, diagnóstico, tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios racionais que permitan supor a existencia de perigo para a saúde da poboación debido á situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de persoas ou polas condicións sanitarias nas que se desenvolva unha actividade.

2. Co fin de controlar as enfermidades transmisibles, ademais de realizar as accións preventivas xerais, poderán adoptar as medidas oportunas para o control das persoas enfermas, das que estean ou estivesen en contacto con elas e do medio inmediato, así como as que se consideren necesarias no caso de risco de carácter transmisible.

CAPÍTULO IV INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 39º.-Concepto e procedemento.

1. Son infraccións sanitarias as accións ou as omisións tipificadas nesta lei e nas leis estatais e autonómicas que lles sexan aplicables nesta materia.

2. As infraccións serán obxecto, logo da incoación do oportuno expediente, das sancións administrativas establecidas neste título, sen prexuízo da responsabilidade civil, penal ou doutra orde que puidese concorrer.

3. En calquera momento do procedemento sancionador no que o órgano instrutor considere que as infraccións puidesen ser constitutivas de delito, a administración pasaralle o tanto de culpa á xurisdición competente e absterase de seguir o procedemento sancionador mentres a autoridade xurisdicional non dite resolución xudicial firme. De non se estimar a existencia de delito, a administración continuará o expediente sancionador, tomando como base os feitos que os tribunais considerasen probados.

4. Igualmente, se o órgano competente para resolver o procedemento sancionador tivese coñecemento da instrución de causa penal perante os tribunais de xustiza e estimase que existe identidade de suxeito, feito e fundamento entre a infracción administrativa e a infracción penal que puidese concorrer, acordará a suspensión do procedemento ata que recaia resolución xudicial firme.

5. As medidas administrativas que se adoptasen para salvagardar a saúde e a seguridade das persoas manteranse ata que a autoridade xudicial se pronuncie verbo delas ou ben cese a súa necesidade.

6. Non se imporá en ningún caso unha dobre sanción polos mesmos feitos e en función dos mesmos intereses públicos protexidos; non obstante deberanse exixir as demais responsabilidades que se deduzan doutros feitos ou infraccións concorrentes.

7. Non terán carácter de sanción a clausura ou o pechamento de establecementos, instalacións ou servizos que non conten coas autorizacións ou cos rexistros sanitarios preceptivos, ou a suspensión do seu funcionamento ata que se rectifiquen os defectos ou se cumpran os requisitos exixidos por razóns de sanidade, hixiene ou seguridade, nin a retirada do mercado, cautelar ou definitiva, de produtos ou servizos polas mesmas razóns.

8. O prazo máximo para ditar e notificar as resolucións sancionadoras por infraccións en materia sanitaria será de nove meses, sempre e cando non exista unha norma específica reguladora do procedemento de que se trate que estableza un distinto.

Lei 2/2017, do 8 de febreiro.

Artigo modificado:Artigo 39 alínea 8 modificada por artigo 37.

Artigo 40º.-Cualificación das infraccións.

As infraccións cualifícanse como leves, graves e moi graves, atendendo aos criterios de risco para a saúde, á contía do eventual beneficio obtido, ao grao de intencionalidade, á gravidade da alteración sanitaria e social producida, á xeneralización da infracción e á reincidencia.

Artigo 41º.-Infraccións leves.

Sen prexuízo das que establezan outras leis especiais, tipifícanse como infraccións sanitarias leves as seguintes:

a) As simples irregularidades no cumprimento da normativa sanitaria vixente, sen transcendencia directa para a saúde, que non se encontren expresamente recollidas nesta relación.

b) O incumprimento simple do deber de colaboración coas autoridades sanitarias para a elaboración dos rexistros e dos documentos de información sanitaria establecidos legal ou regulamentariamente.

c) A negativa a informar as persoas que se dirixan aos servizos sanitarios sobre os dereitos e as obrigas que as afectan, nos termos establecidos nesta lei.

d) A emisión ou a difusión ao público de anuncios publicitarios ou de propaganda comercial por calquera medio, con repercusión directa sobre a saúde humana ou co fin de promover a contratación de bens ou servizos sanitarios, sen dispor da correspondente autorización administrativo-sanitaria.

e) A obstrución do labor inspector mediante calquera acción ou omisión que o perturbe ou atrase.

f) A identificación falsa ou contraria ao principio de veracidade en canto aos méritos, á experiencia ou á capacidade técnica do persoal sanitario na súa actividade profesional e nas súas relacións asistenciais coa poboación, agás cando mereza ser cualificada como grave ou moi grave.

g) O incumprimento, por simple neglixencia, dos requisitos, das obrigas ou das prohibicións establecidas na normativa sanitaria, así como calquera outro comportamento, a título de imprudencia ou inobservancia, sempre que se produza alteración ou risco sanitario e este sexa de escasa incidencia.

h) Aquelas infraccións que, ao abeiro dos criterios previstos neste artigo, merezan a cualificación de leves ou non proceda a súa cualificación como faltas graves ou moi graves.

Artigo 42º.-Infraccións graves.

Sen prexuízo das que establezan outras leis especiais, tipifícanse como infraccións sanitarias graves as seguintes:

a) O exercicio ou o desenvolvemento de actividades sen a correspondente autorización ou rexistro sanitario preceptivo, ou transcorrido o seu prazo de vixencia, así como a modificación non autorizada pola autoridade competente das expresas condicións técnicas ou estruturais sobre as cales se outorgase a autorización correspondente.

b) A creación, a modificación ou a supresión de centros, servizos ou establecementos sanitarios sen obter as autorizacións administrativas correspondentes, consonte a normativa que sexa aplicable, así como o incumprimento das normas relativas ao rexistro e á acreditación deles.

c) O incumprimento dos requirimentos específicos e das medidas cautelares ou definitivas que formulen as autoridades sanitarias, sempre que se produzan por primeira vez e non concorra dano grave para a saúde das persoas.

d) A negativa a subministrar datos, facilitar información ou prestarlles colaboración ás autoridades sanitarias ou aos seus axentes no desenvolvemento dos labores de inspección ou control sanitarios e investigacións epidemiolóxicas de brotes ou situacións de especial risco para a saúde da poboación.

e) O incumprimento, por neglixencia grave, dos requisitos, das condicións, das obrigas ou das prohibicións establecidas na vixente lexislación en materia sanitaria, así como calquera outro comportamento que supoña imprudencia grave, sempre que ocasionen alteración ou risco sanitario, aínda que sexan de escasa entidade. E o mesmo incumprimento e comportamento cando, cometidos por neglixencia simple, produzan risco ou alteración sanitaria grave. Para os efectos desta alínea, constituirá un suposto de neglixencia a omisión do deber de control ou a falta dos controis ou das precaucións exixibles na actividade, no servizo ou na instalación da que se trate.

f) A promoción ou venda para uso alimentario ou a utilización ou posesión de aditivos ou substancias estrañas de uso non autorizado pola normativa vixente na elaboración do produto alimenticio ou alimentario do que se trate, cando non produzan riscos graves e directos para a saúde dos consumidores.

g) A elaboración, distribución, subministración ou venda de preparados alimenticios, cando a súa presentación induza a confusión sobre as súas verdadeiras características sanitarias ou nutricionais, e o uso de selos ou identificacións falsas en calquera das actuacións citadas.

h) O dificultarlles ou impedirlles o gozo dos dereitos recoñecidos nesta lei aos usuarios e ás usuarias do sistema sanitario, ben sexa no eido dos servizos sanitarios ou sociosanitarios públicos ou privados.

i) A comisión por neglixencia das condutas tipificadas como infracción moi grave, cando o risco ou a alteración sanitaria producida sexa de escasa entidade.

j) A reincidencia na comisión de infraccións leves nos últimos tres meses.

k) As actuacións tipificadas no artigo 41º que, consonte o grao de concorrencia dos elementos ao que se refire o artigo 40º, merezan a cualificación de faltas graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou moi graves.

l) As actuacións que por razón da súa expresa cualificación na normativa especial sanitaria aplicable en cada caso merezan a tipificación de faltas graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou moi graves.

m) O incumprimento por parte do persoal que en virtude das súas funcións deba ter acceso á información relacionada co estado individual de saúde do deber de garantir a confidencialidade e a intimidade das persoas.

n) As faltas leves que sexan concorrentes con outras infraccións sanitarias leves ou puidesen servir para facilitalas ou encubrilas.

Artigo 43º.-Infraccións moi graves.

Sen prexuízo das que establezan outras leis especiais, tipifícanse como infraccións sanitarias moi graves as seguintes:

a) O incumprimento das medidas cautelares ou definitivas que adopten as autoridades sanitarias competentes, cando se produzan de xeito reiterado ou cando concorra dano grave para a saúde das persoas.

b) A resistencia, a coacción, a ameaza ou represalia, o desacato ou calquera outra forma de presión sobre as autoridades sanitarias ou os seus axentes, e a coacción, ameaza, agresión ou calquera forma de violencia exercida sobre os profesionais ou as profesionais do Sistema público de saúde de Galicia, no exercicio das súas funcións.

c) O incumprimento consciente e deliberado dos requisitos, das obrigas ou das prohibicións establecidas na normativa sanitaria, ou calquera comportamento doloso, sempre que ocasionen alteración, danos ou risco sanitario grave.

d) A preparación, a distribución, a subministración, a venda de alimentos, bebidas ou produtos relacionados directa ou indirectamente coa alimentación humana que conteñan xermes, substancias químicas ou radioactivas, toxinas ou parasitos capaces de lle produciren ou transmitiren enfermidades ao home.

e) A promoción ou venda para uso alimentario ou a utilización ou posesión de aditivos ou substancias estrañas de uso non autorizado pola normativa vixente na elaboración ou conservación do produto alimenticio ou alimentario do que se trate, cando produza riscos graves e directos para a saúde dos consumidores.

f) O desvío para consumo humano de produtos non-aptos para iso ou destinados especificamente para outros usos.

g) A alteración ou a falsificación dos documentos de rexistro e transporte dos produtos destinados ao consumo humano, cando tales modificacións supoñan ou poidan supor un risco para a saúde.

h) A reincidencia na comisión de faltas graves nos últimos cinco anos.

i) As actuacións tipificadas nos artigos 41º e 42º que, consonte o grao de concorrencia dos elementos ao que se refire o artigo 40º, merezan a cualificación de faltas moi graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou graves.

j) As actuacións que por razón da súa expresa cualificación na normativa especial sanitaria aplicable en cada caso merezan a tipificación de faltas moi graves ou non proceda a súa cualificación como faltas leves ou graves.

k) As faltas graves que sexan concorrentes con outras infraccións sanitarias graves ou que servisen para facilitar ou encubrir a súa comisión.

l) O incumprimento reiterado dos requirimentos específicos que formulen as autoridades sanitarias.

m) A negativa absoluta a lles facilitar información ou prestar colaboración aos servizos de inspección e control.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 43 apartado b) nova redacción por artigo único apartado oito.

Artigo 44º.-Sancións.

1. As infraccións serán sancionadas gardando a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, establecéndose unha gradación desta de mínimo, medio e máximo para cada nivel de cualificación, en función da fraude ou conivencia, do incumprimento das advertencias previas, do número de persoas afectadas, dos prexuízos causados, dos beneficios obtidos a causa da infracción e da permanencia e transitoriedade dos riscos.

2. As infraccións sanitarias tipificadas nos artigos 41, 42 e 43 serán sancionadas con multas, consonte a seguinte gradación:

a) Infraccións leves:

-Grao mínimo: ata 601,01 euros.

-Grao medio: de 601,02 a 1.803,04 euros.

-Grao máximo: de 1.803,05 a 3.005,06 euros.

b) Infraccións graves:

-Grao mínimo: de 3.005,07 a 6.010,12 euros.

-Grao medio: de 6.010,13 a 10.517,71 euros.

-Grao máximo: de 10.517,72 a 15.025,30 euros.

c) Infraccións moi graves:

-Grao mínimo: de 15.025,31 a 120.202,42 euros.

-Grao medio: de 120.202,43 a 360.607,26 euros.

-Grao máximo: de 360.607,27 a 601.012,11 euros.

As cantidades expresadas poden exceder ata acadar o quíntuplo do valor dos produtos ou dos servizos obxecto da infracción.

3. Sen prexuízo da multa que proceda consonte o previsto na alínea 2 anterior, e para os efectos de evitar que a comisión de infraccións resulte máis beneficiosa para a persoa que comete a infracción que o cumprimento das normas infrinxidas, a sanción económica que de ser o caso se impoña poderá ser incrementada coa contía do beneficio ilícito obtido.

4. Nos supostos de infraccións moi graves, o Consello da Xunta poderá acordar como sanción accesoria o pechamento temporal do establecemento, da instalación ou do servizo por un prazo máximo de cinco anos, todo iso cos efectos laborais que determina a lexislación aplicable nesta materia.

5. A autoridade á que lle corresponda resolver o expediente poderá acordar, xunto coa sanción correspondente, o comiso de bens ou produtos deteriorados, caducados, non autorizados ou que por calquera outra causa poidan entrañar risco para a saúde ou a seguridade das persoas, e serán por conta de quen cometa a infracción os gastos que orixine a súa intervención, depósito, comiso, transporte ou destrución.

6. As contías sinaladas na alínea 2 poderán ser actualizadas periodicamente a través da oportuna disposición legal, tendo en conta a variación dos índices de prezos para o consumo.

Artigo 45º.-Competencia para a imposición de sancións.

1. Os órganos da Administración da comunidade autónoma competentes para a imposición das sancións previstas nesta lei son os seguintes:

a) Os órganos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, de ser o caso, ata 120.202,42 euros, nos termos que se establezan regulamentariamente.

b) O Consello da Xunta, dende 120.202,43 euros.

2. Os concellos da comunidade autónoma, ao abeiro das súas respectivas ordenanzas municipais, poderán sancionar as infraccións previstas nesta lei, sempre que as devanditas infraccións afecten as áreas de responsabilidade mínima sobre as que exercen competencias de control sanitario.

3. Para os efectos da alínea anterior, deberáselle comunicar á Consellería de Sanidade a ordenanza municipal pola que se acorda exercer a devandita potestade sancionadora, así como os expedientes sancionadores incoados ao seu abeiro e as resolucións definitivas que recaian, de ser o caso. Cando pola natureza e a gravidade da infracción se teña que superar a contía máxima establecida na alínea 1.a), a entidade local correspondente remitiralle á Consellería de Sanidade as actuacións que constan no expediente, debidamente tramitado, xunto coa proposta de sanción. A Consellería de Sanidade comunicaralle á entidade local correspondente a sanción recaída, así como as restantes actuacións que deriven da súa intervención.

4. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia poderá actuar en substitución dos concellos nos supostos e cos requisitos previstos na lexislación de réxime local.

Artigo 46º.-Medidas cautelares.

Ao se ter iniciado o procedemento sancionador, o órgano competente para resolver poderá adoptar, logo da audiencia da persoa interesada e mediante acordo motivado, as medidas cautelares que resulten necesarias para asegurar o cumprimento da resolución que puidese recaer, así como o cumprimento da legalidade e a salvagarda da saúde. Tales medidas, entre outras, poderán ser:

a) A suspensión total ou parcial da actividade.

b) A clausura de centros, servizos, establecementos ou instalacións.

c) A exixencia de fianza.

Artigo 47º.-Prescrición e caducidade.

1. As infraccións e as sancións tipificadas nesta lei como leves prescriben ao ano, as graves aos dous anos e as moi graves aos cinco anos.

2. A prescrición das infraccións comezarase a computar dende o día no que se cometese a infracción e interromperase coa iniciación do procedemento sancionador, con coñecemento da persoa interesada. Ademais, o prazo de prescrición das sancións comezará a contar dende o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción.

3. A acción para perseguir as infraccións caducará se, coñecida pola administración competente a existencia dunha infracción e rematadas as dilixencias dirixidas ao esclarecemento dos feitos, transcorresen seis meses sen que a autoridade competente ordenase incoar o oportuno procedemento. Para tal efecto, de haber toma de mostras, as actuacións da inspección entenderanse finalizadas despois de practicada a análise inicial.

CAPÍTULO V PRESTACIÓNS SANITARIAS DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE DE GALICIA

Artigo 48º.-Prestacións sanitarias.

As distintas prestacións de saúde que constitúen o catálogo de prestacións sanitarias, tal como se define no artigo 3º.8 desta lei, comprenden as prestacións de saúde pública, de atención primaria, de atención hospitalaria, de atención sociosanitaria nos termos do artigo 53º.2, de atención de urxencias, farmacéutica, de atención ortoprotésica, de produtos dietéticos e de transporte sanitario.

Artigo 49º.-Saúde pública.

Sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, a prestación de saúde pública comprende:

a) A medición do nivel de saúde da poboación e a identificación dos problemas e os riscos para a saúde.

b) A investigación das causas ou os determinantes dos problemas de saúde que afectan a poboación a través do establecemento dos rexistros e das análises de datos que, respectando a normativa en materia de protección de datos persoais, permitan analizar e coñecer as situacións que teñen influencias sobre a saúde, incluíndo o ámbito laboral. Nos rexistros que se elaboren teranse en conta en especial os casos de violencia de xénero, maltrato infantil e calquera outra manifestación de violencia, coa inclusión nas enquisas de saúde de indicadores sobre esta materia.

c) Os estudos epidemiolóxicos necesarios para orientar con maior eficacia a prevención de riscos para a saúde, así como a planificación e a avaliación sanitaria.

d) A prevención e o control das enfermidades transmisibles.

e) O establecemento de estándares de produción e de medidas de protección da saúde fronte a riscos ambientais, como os derivados de produtos alimenticios, do uso de produtos químicos, de axentes físicos, da contaminación atmosférica, do uso das zonas de baño, da xestión e o tratamento de refugallos e augas residuais, das augas de consumo e da sanidade mortuoria, entre outros.

f) O establecemento de estándares e de medidas de promoción de estilos de vida saudables e de prevención, en especial os de carácter intersectorial.

g) A comunicación á poboación da información sobre a súa saúde e dos determinantes principais que a afectan. A promoción da cultura sanitaria entre a poboación.

h) O establecemento de sistemas de farmacovixilancia.

i) A promoción dos estándares sanitarios de produción de bens e servizos e de estilos de vida, a través da educación para a saúde e outras actividades.

j) A verificación do cumprimento dos estándares sanitarios definidos.

k) As actuacións necesarias para fomentar e verificar a corrección das desviacións dos estándares sanitarios definidos.

l) O fomento da formación e da investigación científica en materia de saúde pública.

m) O control sanitario e a prevención dos riscos para a saúde derivados das substancias susceptibles de xeraren dependencia.

n) O establecemento e a difusión de guías de actuación preventiva para profesionais e para a poboación fronte a problemas comunitarios de saúde.

o) A prevención dos riscos para a saúde nos casos de catástrofes ambientais.

p) Estudos epidemiolóxicos precisos para coñecer, previr e planificar a asistencia en relación coas persoas discapacitadas.

q) Calquera outra acción ordenada para mellorar a saúde da poboación.

Artigo 50º.-Atención primaria.

1. A atención primaria constitúe o primeiro nivel de acceso ordinario da poboación ao Sistema Público de Saúde de Galicia e caracterízase por un enfoque global e integrado da atención e da saúde e por asumir un papel orientador e de canalización da asistencia requirida polo ou pola paciente en calquera punto do sistema sanitario.

2. Sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde a atención primaria incluirá entre o seu catálogo de servizos as seguintes funcións e modalidades de atención sanitaria:

a) A indicación ou prescrición e a realización, de ser o caso, de procedementos diagnósticos e terapéuticos.

b) As actividades programadas en materia de vixilancia e información, así como a promoción e protección da saúde e a prevención da enfermidade.

c) As atencións e os servizos específicos relativos a programas integrais de atención a grupos específicos de poboación: atención á muller e aos anciáns, así como os referidos no artigo 14º desta lei.

d) A atención ordinaria e continuada das urxencias.

e) A rehabilitación básica.

f) A atención paliativa a enfermos terminais.

g) A atención pediátrica.

h) A atención á saúde bucodental.

i) A atención á saúde mental, en coordinación cos servizos de atención hospitalaria.

j) O traballo social cos usuarios e as usuarias, en coordinación co sistema de servizos sociais.

k) A participación na docencia, a formación continuada e a investigación, así como a súa promoción, no seu ámbito de actuación.

l) A realización das prestacións sociosanitarias que corresponden con este nivel de asistencia, en coordinación co sistema de servizos sociais.

m) Calquera outra función ou modalidade asistencial que se lle encomende, así como os restantes servizos e prestacións facilitadas en cada momento polo Sistema Nacional de Saúde no que se refire a este ámbito da atención sanitaria.

3. As actuacións de atención primaria desenvolveranse nos centros de saúde ou noutros periféricos que deles dependan, nos puntos de atención continuada, así como nos domicilios dos doentes, nos centros que presten servizos sociosanitarios ou en calquera outro lugar que se determine regulamentariamente. Estas actividades poderán ser desenvolvidas en réxime de:

a) Consultas a demanda ou programadas nos centros sanitarios de atención primaria.

b) Atención de urxencias de atención primaria.

c) Atención a domicilio.

4. En función dos medios técnicos e profesionais e do coñecemento dispoñible en cada momento, a atención primaria disporá progresivamente do acceso á realización de técnicas, á información clínica e aos medios técnicos dispoñibles en atención hospitalaria na medida en que sexan necesarios para garantir a continuidade asistencial a través do mellor seguimento e/ou resolución dos procesos clínicos completos dos seus pacientes.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 50 apartado 2 nova redacción por artigo único apartado nove.

Artigo 51º.-Atención hospitalaria.

1. A atención hospitalaria é o nivel de asistencia que, tras superar as posibilidades de diagnóstico e tratamento da atención primaria, se caracteriza por unha alta intensidade dos coidados requiridos ou pola especificidade do coñecemento e/ou a tecnoloxía que os e as pacientes precisan para a súa axeitada atención sanitaria.

2. Sen prexuízo do disposto no artigo 13 da Lei de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, a atención hospitalaria comprenderá as seguintes funcións:

a) A indicación ou prescrición e a realización, de ser o caso, de procedementos diagnósticos e terapéuticos.

b) As atencións de saúde mental e a asistencia psiquiátrica e psicolóxica.

c) A atención ás urxencias hospitalarias.

d) A atención paliativa a enfermos terminais.

e) A rehabilitación en pacientes con déficit funcional recuperable.

f) A educación para a saúde e a prevención de enfermidades no seu ámbito de actuación, así como a participación nos sistemas de vixilancia e información.

g) A participación na docencia, na formación continuada e na investigación.

h) A realización das prestacións sociosanitarias que corresponden con este nivel de asistencia, en coordinación co sistema de servizos sociais que se determine, así como a busca de alternativas para a alta hospitalaria.

i) Calquera outra función ou modalidade asistencial que se lle encomende, así como os restantes servizos e prestacións facilitados en cada momento polo Sistema Nacional de Saúde no que se refire a este eido da atención sanitaria.

j) A participación nas accións de coordinación, produción de documentación clínica e consultoría cos centros de atención primaria a través dos procedementos que se determinen.

3. A atención hospitalaria será prestada polos hospitais ou os complexos hospitalarios. O hospital, xunto cos centros de especialidades adscritos a el, constitúe a estrutura sanitaria responsable da asistencia especializada programada e urxente á poboación do seu ámbito de influencia. Estas actividades poderán ser desenvolvidas en réxime de:

a) Consultas externas.

b) Hospital de día.

c) Ambulatorio de procedementos cirúrxicos menores e de cirurxía maior.

d) Hospitalización para os procesos médicos, cirúrxicos, pediátricos ou obstétricos que así o requiren.

e) Hospitalización a domicilio.

4. A atención hospitalaria prestarase, sempre que as condicións do ou da paciente o permitan, en consultas externas e en hospital de día.

Artigo 52º.-Atención a urxencias e emerxencias

1. Todo o Sistema Público de Saúde de Galicia prestará a atención continuada e das urxencias a través dos seus dispositivos asistenciais.

2. En situacións de emerxencia orixinadas por catástrofes ou accidentes en calquera lugar de Galicia, o Sistema Público de Saúde de Galicia facilitará, a través dos seus dispositivos asistenciais, a asistencia sanitaria in situ, o traslado de persoas afectadas e a asistencia nos centros máis apropiados.

3. A atención de urxencia préstaselle ao paciente nos casos nos que a súa situación clínica obriga a unha atención sanitaria inmediata. Dispensarase tanto en centros sanitarios coma fóra deles, incluíndo o domicilio do paciente, durante as vinte e catro horas do día, mediante a atención médica e de enfermaría.

4. Ante situacións de crise, alerta ou alarma de saúde pública, o Sistema Público de Saúde de Galicia responderá con mecanismos e accións precisas que garantan a protección da saúde da poboación.

Artigo 53º.-Atención sociosanitaria.

1. Para os efectos desta lei, considérase atención sociosanitaria o conxunto de coidados sanitarios e daqueloutros que lles correspondan dentro do sistema de servizos sociais establecido na súa normativa específica, destinados a aqueles doentes, xeralmente crónicos, que polas súas especiais características poden beneficiarse da atención simultánea e sinérxica dos servizos sanitarios e sociais para aumentar a súa autonomía, paliar as súas limitacións ou sufrimentos e facilitar a súa reinserción social.

2. No eido sanitario a atención sociosanitaria comprenderá:

a) Os coidados sanitarios de longa duración.

b) A atención sanitaria á convalecencia.

c) A rehabilitación en pacientes con déficit funcional recuperable.

3. A continuidade do servizo será garantida polos servizos sanitarios e sociais a través da axeitada coordinación entre as administracións públicas correspondentes, así como entre os departamentos competentes en materia de sanidade e en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia.

Artigo 54º.-Prestacións farmacéuticas.

1. A prestación farmacéutica comprende os medicamentos e produtos sanitarios e mais o conxunto de actuacións encamiñadas a que os e as pacientes os reciban de forma axeitada ás súas necesidades, nas doses precisas segundo os seus requirimentos individuais, durante o período de tempo apropiado e co menor custo posible para eles e a comunidade.

2. A Administración sanitaria da Xunta garantirá a prescrición e a dispensación de medicamentos no Sistema Público de Saúde de Galicia nos termos previstos na lexislación vixente.

3. A política autonómica en relación coa prestación farmacéutica promoverá o desenvolvemento de programas orientados a racionalizar o emprego dos recursos farmacoterapéuticos nos servizos sanitarios e na prestación sociosanitaria, con criterios de efectividade, seguridade e custo. Do mesmo xeito, impulsará programas e actividades de información e formación dirixidos aos profesionais sanitarios, así como á cidadanía en xeral.

Artigo 55º.-Prestacións ortoprotésicas.

1. A prestación ortoprotésica consiste na utilización de produtos sanitarios implantables ou non, que teñen como finalidade substituír total ou parcialmente unha estrutura corporal ou ben modificar, corrixir ou facilitar a súa función.

2. Sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, a prestación ortoprotésica inclúe as seguintes prestacións:

a) As próteses cirúrxicas fixas e a súa oportuna renovación.

b) As próteses ortopédicas permanentes ou temporais (próteses externas) e a súa oportuna renovación.

c) Os vehículos para persoas con discapacidade das que a invalidez así o aconselle.

3. Esta prestación será facilitada polos servizos de saúde ou dará lugar a axudas económicas, nos casos e de acordo coas normas que regulamentariamente fixen as administracións sanitarias competentes.

4. A prescrición será realizada polos facultativos especialistas e/ou polos médicos de atención primaria na materia correspondente á clínica que xustifique a prescrición e axustarase ao establecido no catálogo autorizado pola Administración sanitaria, e a súa prestación seguirá o procedemento regulado pola Administración sanitaria.

5. As modificacións do catálogo ou a prescrición de produtos ortoprotésicos non incluídos nel requirirán a aprobación pola Consellería de Sanidade.

Artigo 56.º.-Transporte sanitario.

1. A prestación do transporte sanitario, que deberá ser accesible ás persoas con discapacidade, comprende o transporte especial de persoas accidentadas ou enfermas cando concorra unha situación de urxencia que implique risco vital ou dano irreparable para a saúde da xente afectada, ou exista unha imposibilidade física ou outras causas clínicas que impidan ou incapaciten para a utilización de transporte ordinario para se desprazar a un centro sanitario ou ao seu domicilio logo de recibir atención sanitaria.

2. A prescrición corresponderalle ao facultativo que preste asistencia e/ou á inspección de servizos sanitarios, e a súa prestación seguirá o procedemento regulado pola Administración sanitaria.

Artigo 57º.-Produtos dietéticos.

1. A prestación de produtos dietéticos comprende a dispensación dos tratamentos dietoterápicos ás persoas que padezan determinados trastornos metabólicos conxénitos e a nutrición enteral domiciliaria para pacientes aos que non lles é posible cubrir as súas necesidades nutricionais, a causa da súa situación clínica, con alimentos de uso ordinario.

2. A prescrición corresponderalle ao facultativo que preste asistencia, a súa indicación obedecerá só a causas clínicas e a súa prestación seguirá o procedemento regulado pola Administración sanitaria.

Artigo 58º.-Prestacións complementarias.

1. Son prestacións complementarias todas aquelas que supón un elemento adicional e necesario para a consecución dunha asistencia completa e axeitada.

2. A prescrición corresponderalle ao facultativo que preste asistencia, a súa indicación obedecerá só a causas clínicas e a súa prestación seguirá o procedemento regulado pola Administración sanitaria.

En todo caso terase en conta a disposición adicional décimo segunda da Lei 29/2006, do 26 de xullo, sobre garantías e uso racional dos medicamentos.

Artigo 59º.-Prestacións e servizos sanitarios financiados publicamente.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia asegúralles, como mínimo, a todas as persoas ás que se refire o artigo 4º desta lei as prestacións e os servizos de saúde individual ou colectiva facilitados en cada momento polo Sistema Nacional de Saúde, así como a garantía de poderen acceder, mediante financiamento público, ás prestacións ou técnicas terapéuticas que, estando recoñecidas polo Sistema Nacional de Salud, non se realizan na comunidade autónoma galega e poidan resultar beneficiosas para o ou a paciente ao ser prescritas por profesionais do Sistema Público de Saúde.

2. A inclusión de novas prestacións e servizos sanitarios financiados publicamente requirirá a aprobación do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Sanidade e logo do sometemento destes a un proceso de avaliación tecnolóxica en relación coa súa seguridade, eficacia, efectividade, eficiencia, impacto dende o punto de vista económico e dende o punto de vista ético e da súa contribución ao benestar individual e social, debéndose garantir en todo caso o financiamento correspondente.

3. Serán beneficiarios das novas prestacións que se inclúan no financiamento público, consonte o previsto na alínea anterior, os beneficiarios definidos no artigo 4º desta lei.

Artigo 60º.-Carteira de servizos.

1. A carteira de servizos do Sistema Público de Saúde de Galicia será definida pola Consellería de Sanidade despois dun proceso de identificación e selección en relación coas necesidades de saúde e cos criterios científicos utilizados na avaliación de tecnoloxías sanitarias. O procedemento da súa actualización será definido regulamentariamente.

2. Para garantir a equidade e a accesibilidade a unha axeitada atención sanitaria, o Servizo Galego de Saúde, dentro da carteira de servizos aprobada, establecerá a de cada centro ou establecemento do Sistema Público de Saúde de Galicia, de conformidade co procedemento que regulamentariamente se determine.

CAPÍTULO VI PLANIFICACIÓN DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE DE GALICIA: AS DIRECTRICES DE POLÍTICA SANITARIA DE GALICIA E O PLAN DE SAÚDE DE GALICIA

Artigo 61º.-Obxecto e ámbito das directrices de política sanitaria de Galicia.

1. As directrices de política sanitaria de Galicia serán o principal instrumento de planificación e dirección do Sistema Público de Saúde de Galicia, que establecerá o plan de mellora do sistema e ordenará todos os proxectos e accións de mellora organizativa tocante a cumprir os obxectivos de saúde definidos no Plan de saúde, polo que é un instrumento complementario deste.

2. As directrices de política sanitaria de Galicia identificarán aqueles puntos fortes, debilidades estruturais e organizativas e áreas de mellora do sistema que incidan máis sobre a consecución dos obxectivos de saúde definidos no Plan de saúde e definirán o conxunto de proxectos e accións orientadas á mellora organizativa e á efectividade dos cambios estruturais necesarios no Sistema Público de Saúde de Galicia.

Artigo 62º.-Contido das directrices de política sanitaria de Galicia.

As directrices de política sanitaria de Galicia conterán, polo menos, os seguintes aspectos:

1. A identificación dos puntos fortes e das debilidades do Sistema Público de Saúde de Galicia.

2. A identificación das áreas de mellora do Sistema Público de Saúde de Galicia e a súa priorización.

3. A visión, os valores e os eixes estratéxicos da política sanitaria galega.

4. Os obxectivos de xestión do Sistema Público de Saúde de Galicia.

5. As estratexias para a consecución dos obxectivos mencionados na alínea anterior.

6. Os plans, os programas, os proxectos ou as accións necesarias para desenvolver as estratexias elixidas.

7. A vixencia do documento estratéxico.

8. O sistema de seguimento e avaliación das directrices de política sanitaria de Galicia.

Artigo 63º.-Tramitación das directrices de política sanitaria de Galicia.

1. A elaboración das directrices de política sanitaria de Galicia correspóndelle á Consellería de Sanidade.

2. A Consellería de Sanidade presentaralle o proxecto das directrices de política sanitaria de Galicia ao Consello Galego de Saúde. Ademais, informará a este órgano do resultado da súa avaliación.

3. A Consellería de Sanidade elevaralle as directrices de política sanitaria de Galicia ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación.

4. Así que se aproben esas directrices de política sanitaria de Galicia serán presentadas no Parlamento de Galicia pola persoa titular da Consellería de Sanidade.

5. Anualmente seralle remitido ao Parlamento de Galicia un informe coa avaliación dos obxectivos contidos nas directrices de política sanitaria de Galicia.

Artigo 64º.-Obxecto e ámbito do Plan de saúde.

1. No marco dos criterios xerais da planificación sanitaria, o Plan de saúde de Galicia é o instrumento técnico superior de planificación e dirección do Sistema Público de Saúde de Galicia, que, integrando os plans ou as estratexias de saúde das áreas sanitarias, condiciona todas as accións orientadas a acadar o mellor estado de saúde posible, o cumprimento dos dereitos recoñecidos nesta lei, de acordo cos principios que inspiran o Sistema Público de Saúde de Galicia.

2. O Plan de saúde identificará aqueles problemas de saúde que estean incidindo máis sobre a saúde dos galegos e das galegas e definirá o conxunto de accións dirixidas á consecución ordenada dos fins propostos, mediante proxectos e plans de actuación.

3. Nos seus contidos e obxectivos, o Plan de saúde de Galicia deberá incluír as políticas públicas de carácter intersectorial que teñan relación cos principais determinantes da saúde da poboación de Galicia.

4. Con carácter previo á súa elaboración deberase realizar o diagnóstico de situación do estado de saúde da comunidade e das áreas sanitarias nas que estea ordenada, identificando as patoloxías que máis inflúan nos indicadores do estado de saúde. Así mesmo, engadiranse medidas específicas para a prevención, a detección, a atención e as intervencións nos casos de violencia de xénero, incluíndo disposicións que permitan avaliar o impacto e os efectos da violencia na saúde das mulleres.

Artigo 65º.-Formulación e contido do Plan de saúde.

Tras seleccionar os problemas que hai que abordar, e tocante á formulación e á elaboración do contido do plan deberase:

1. Definir os obxectivos que hai que acadar en cada problema ou grupo de problemas de saúde.

2. Definir as estratexias, os plans, os proxectos e as accións que se teñen que levar a cabo para modificar os factores identificados como responsables dos problemas. Estas estratexias e accións terán presente:

a) O coñecemento científico e os valores éticos, sociais e culturais.

b) Os recursos dispoñibles.

c) Os principios reitores do Sistema Público de Saúde de Galicia.

d) As políticas de igualdade de xénero no sistema sanitario.

e) As políticas de responsabilidade social corporativa.

3. Definir o sistema de xestión e seguimento das estratexias, dos plans, dos proxectos e das accións definidas.

4. Indicar o seu prazo de vixencia.

5. Definir o sistema de avaliación do plan e comunicación, atendendo aos seguintes criterios:

a) O Plan de saúde someterase a un proceso de avaliación continua, e deberase elaborar á metade do período da súa vixencia un informe de avaliación do devandito plan.

b) Correspóndelle á Consellería de Sanidade a elaboración, a difusión, o seguimento, a vixilancia e a avaliación do cumprimento do Plan de saúde.

Artigo 66º.-Tramitación do Plan de saúde.

1. A elaboración do Plan de saúde correspóndelle á Consellería de Sanidade.

2. A Consellería de Sanidade presentaralle o anteproxecto do Plan de saúde ao Consello Galego de Saúde, informándoo do resultado da súa avaliación.

3. A Consellería de Sanidade trasladaralle o Plan de saúde ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación.

4. Así que sexa aprobado será enviado e presentado pola Consellería de Sanidade no Parlamento de Galicia para o seu coñecemento.

5. Tras ser coñecido polo Parlamento de Galicia seralle remitido ao Ministerio de Sanidade.

6. O informe de avaliación dos obxectivos contidos no Plan de saúde, elaborado á metade do período da súa vixencia, seralle remitido ao Parlamento de Galicia para o seu coñecemento.

CAPÍTULO VII ORDENACIÓN TERRITORIAL DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE DE GALICIA

Artigo 67º.- Ordenación territorial

1. O Sistema público de saúde de Galicia ordénase territorialmente en áreas sanitarias, equivalentes ás áreas de saúde previstas na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, en distritos sanitarios e en zonas sanitarias.

2. As áreas sanitarias, os distritos sanitarios e as zonas sanitarias virán determinadas por criterios de carácter funcional, considerando as condicións xeográficas, demográficas, epidemiolóxicas e de accesibilidade, e conforme as necesidades da poboación e as directrices de ordenación establecidas pola Xunta de Galicia, tendo en conta o previsto no artigo 56 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

3. Sen prexuízo do anterior, atendendo á singularidade dunha zona xeográfica, así como a factores sociosanitarios, demográficos, laborais, ás vías de comunicación e a outros que concorran nunha determinada poboación, e considerando as necesidades existentes, poderanse establecer por decreto outras divisións territoriais adicionais para a atención sanitaria da poboación afectada.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 67 nova redacción por artigo único apartado dez.

Artigo 68º.-Áreas sanitarias.

1. Ás áreas sanitarias correspóndelles a xestión integrada dos recursos sanitarios asistenciais públicos existentes no seu ámbito territorial, así como das prestacións e programas que se desenvolvan no mesmo ámbito.

2. A división territorial do Sistema público de saúde de Galicia estrutúrase nas seguintes áreas sanitarias:

a) Área sanitaria da Coruña e Cee.

b) Área sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza.

c) Área sanitaria de Ferrol.

d) Área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

e) Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

f) Área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

g) Área sanitaria de Vigo.

3. O ámbito xeográfico de cada área sanitaria establecerase no correspondente mapa sanitario, que será aprobado por decreto do Consello da Xunta. A estrutura e as funcións dos órganos de dirección e xestión das áreas determinaranse regulamentariamente.

4. A área sanitaria será a principal estrutura de referencia para a organización das actividades sanitarias, e a súa organización asegurará a continuidade da atención sanitaria en todos os niveis asistenciais e facilitará a coordinación de todos os recursos que correspondan co fin de configurar un sistema sanitario coordinado e integral.

A estrutura e as funcións dos órganos de dirección e xestión das áreas sanitarias e dos dispositivos sanitarios dependentes destas, de ser o caso, determinaranse regulamentariamente.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 68 nova redacción por artigo único apartado once.

Artigo 69º.-Distritos sanitarios.

1. Os distritos sanitarios son divisións territoriais das áreas sanitarias e constitúen o marco de referencia para a coordinación dos dispositivos de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria.

2. Cada distrito sanitario contará cun hospital no seu ámbito xeográfico.

3. O ámbito xeográfico de cada distrito sanitario establecerase no correspondente mapa sanitario, que será aprobado por decreto do Consello da Xunta. A estrutura e as funcións dos órganos dos distritos determinaranse regulamentariamente.

4. No Sistema público de saúde de Galicia configúranse os seguintes distritos sanitarios:

a) Distrito sanitario da Coruña.

b) Distrito sanitario de Cee.

c) Distrito sanitario de Santiago de Compostela.

d) Distrito sanitario da Barbanza.

e) Distrito sanitario de Ferrol.

f) Distrito sanitario de Lugo.

g) Distrito sanitario da Mariña.

h) Distrito sanitario de Monforte de Lemos.

i) Distrito sanitario de Ourense.

j) Distrito sanitario de Verín.

k) Distrito sanitario do Barco de Valdeorras.

l) Distrito sanitario de Pontevedra.

m) Distrito sanitario do Salnés.

n) Distrito sanitario de Vigo.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 69 nova redacción por artigo único apartado doce.

1. As zonas sanitarias son as unidades básicas de prestación de servizos sanitarios. A división en zonas sanitarias de cada distrito realizarase atendendo a criterios de carácter funcional, considerando as condicións xeográficas, demográficas, epidemiolóxicas e de accesibilidade, e conforme as necesidades da poboación e as directrices de ordenación establecidas pola Xunta de Galicia, tendo en conta o previsto no artigo 56 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

2. A división en zonas sanitarias establecerase no mapa sanitario que será aprobado por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 70 nova redacción por artigo único apartado trece.

CAPÍTULO VIII SISTEMA DE INFORMACIÓN DE SAÚDE E AVALIACIÓN DO SISTEMA DE SAÚDE DE GALICIA

Artigo 71º.-Sistema de Información de Saúde de Galicia.

1. A Consellería de Sanidade creará o Sistema de Información de Saúde de Galicia, cos obxectivos de dispor dunha ferramenta útil para a realización da planificación sanitaria, a verificación do cumprimento do Estatuto do e da paciente e mais a realización da avaliación da calidade dos servizos e das prestacións sanitarias.

2. A Consellería de Sanidade é a responsable do Sistema de Información de Saúde de Galicia e garantirá o seu funcionamento continuo, o cumprimento da lexislación vixente en materia de protección da información e a utilización de estándares internacionais.

3. Crearase o Centro de Servizos de Tecnoloxías e Sistemas de Información do Sistema Público de Galicia como centro operativo da Consellería de Sanidade que actuará en coordinación con outros servizos e centros de información da Xunta de Galicia. A estrutura, as funcións, os recursos e o réxime de persoal del serán definidos regulamentariamente, logo de informe do Consello Galego de Saúde.

Artigo 72º.-Avaliación do Sistema de Saúde de Galicia.

Serán obxecto de avaliación, seguimento ou intervención por parte da autoridade sanitaria competente:

a) O nivel de adecuación e calidade das prestacións sanitarias.

b) O grao de cumprimento dos dereitos recoñecidos por esta lei.

c) O cumprimento por parte da poboación das obrigas respecto dos servizos sanitarios contidos nesta lei.

d) O cumprimento nos centros e nos organismos do Sistema Público de Saúde de Galicia da lexislación vixente, en materia de saúde laboral, accidentes de traballo, enfermidades profesionais e situacións de incapacidade e invalidez.

e) O desenvolvemento das políticas e dos programas sanitarios.

f) Os servizos e as actividades sanitarias ou asistenciais que o Sistema Público de Saúde de Galicia contrate co sector privado de asistencia sanitaria, de xeito que se axusten aos mesmos parámetros, estándares, dereitos ou criterios de actuación exixibles para os do propio Sistema Público de Saúde de Galicia.

g) En xeral, toda a actividade sanitaria do persoal, dos centros, dos servizos e dos establecementos sanitarios da comunidade autónoma respecto do cumprimento das normas sanitarias vixentes.

CAPÍTULO IX FINANCIAMENTO DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE DE GALICIA

Artigo 73º.-Financiamento.

1. O Sistema Público de Saúde de Galicia financiarase con criterios de autonomía, equidade, racionalidade, sustentabilidade, solidariedade e suficiencia orzamentaria con cargo a:

a) Os recursos que lle correspondan pola participación da Comunidade Autónoma nos orzamentos do Estado afectos aos servizos e ás prestacións sanitarias.

b) Os rendementos obtidos polos tributos cedidos total ou parcialmente polo Estado á Comunidade Autónoma cos fins anteriores.

c) Os recursos que lle sexan asignados por conta dos orzamentos da Comunidade Autónoma.

2. Así mesmo, constitúen fontes de financiamento do Sistema Público de Saúde de Galicia:

a) As contribucións que deban realizar as corporacións locais con cargo ao seu orzamento.

b) Os rendementos dos bens e dereitos propios e dos que teñan adscritos, de acordo co previsto na normativa patrimonial de referencia.

c) As subvencións, doazóns e contribucións voluntarias de entidades e particulares.

d) Os ingresos ordinarios e extraordinarios que estea autorizado a percibir, a teor das disposicións vixentes e dos convenios interadministrativos que se puidesen subscribir para a atención sanitaria, así como calquera outro recurso que puidese ser atribuído ou asignado.

e) Outros ingresos públicos recollidos na Lei 14/1986, xeral de sanidade, así como calquera outro recurso que se puidese asignar para a atención sanitaria.

CAPÍTULO X CONTRATO DE SERVIZOS SANITARIOS

Artigo 74º.-O contrato de servizos sanitarios.

1. O contrato de servizos sanitarios é o instrumento mediante o que se ordenan as relacións entre a Consellería de Sanidade e os diferentes provedores de servizos sanitarios, financiados publicamente, para a consecución dos obxectivos do Sistema Público de Saúde de Galicia.

2. Do mesmo xeito, é o instrumento mediante o que se ordenan as relacións entre o Servizo Galego de Saúde e as organizacións, os centros, os servizos e os establecementos, públicos e privados, para a consecución dos obxectivos asistenciais fixados.

3. O contrato de servizos sanitarios revestirá a forma de protocolos internos de actividade-financiamento, contratos, contratos-programa, concertos, convenios, acordos ou outros instrumentos de colaboración.

4. Regulamentariamente estableceranse os supostos nos que a subscrición dun contrato de servizos sanitarios requira a acreditación sanitaria previa.

5. Motivadamente, e por razóns de interese público, urxencia vital ou por necesidades urxentes de asistencia sanitaria, a Consellería de Sanidade poderá establecer, mediante resolución, excepcións ao requisito de previa acreditación sanitaria. Co mesmo carácter de excepcionalidade poderase autorizar o uso de servizos sanitarios non concertados.

6. Os servizos e as actividades sanitarias ou asistenciais que o Sistema Público de Saúde de Galicia contrate co sector privado de asistencia sanitaria deberanse axustar aos mesmos parámetros, estándares, dereitos ou criterios de actuación exixibles para os do propio Sistema Público de Saúde de Galicia.

TÍTULO III DAS COMPETENCIAS DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE DE GALICIA

CAPÍTULO I A ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

Artigo 75º.-Consello da Xunta de Galicia.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia o exercicio das seguintes competencias:

a) O establecemento das directrices da política de protección da saúde da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A aprobación do Plan de saúde de Galicia.

c) A aprobación das directrices de política sanitaria da Xunta de Galicia.

d) A aprobación da ordenación territorial do Sistema Público de Saúde de Galicia.

e) A aprobación da estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

f) A aprobación do proxecto de orzamento da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

g) O nomeamento e o cesamento dos altos cargos da Administración pública sanitaria da Xunta de Galicia.

h) A autorización para a constitución ou participación da Xunta de Galicia ou do Servizo Galego de Saúde en entidades de nova creación ou xa existentes que actúen no ámbito sanitario ou sociosanitario, de acordo co establecido na lexislación financeira e orzamentaria, así como patrimonial da comunidade autónoma.

i) A autorización da subscrición de convenios coa Administración xeral do Estado e con outras comunidades autónomas.

j) A aprobación das normas de autorización e acreditación que deben cumprir os centros, servizos e establecementos para os efectos da prestación de servizos sanitarios en Galicia.

k) A aprobación de novas prestacións, entendidas no sentido do sinalado no capítulo V do título II desta norma.

l) Os acordos de creación de hospitais públicos en Galicia.

m) As restantes competencias que lle atribúe a normativa vixente.

Artigo 76º.-Consellería de Sanidade.

Correspóndelle á Consellería de Sanidade o exercicio das seguintes competencias:

a) A avaliación, en termos de saúde e actividade, do funcionamento do Sistema Público de Saúde de Galicia.

b) A elaboración, o desenvolvemento e a coordinación da execución das directrices da política sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A elaboración do proxecto do Plan de saúde de Galicia e a súa remisión ao Consello da Xunta de Galicia.

d) A definición e o establecemento dos obxectivos relativos aos dereitos da cidadanía e a súa comunicación e garantía.

e) A planificación da ordenación territorial do Sistema Público de Saúde de Galicia.

f) A proposta sobre incorporación de novas prestacións no Sistema Público de Saúde de Galicia, así como a actualización da carteira de servizos.

g) A planificación estratéxica da política de recursos humanos conxunta do Sistema Público de Saúde de Galicia, sen prexuízo do exercicio de planificación que cada organización especializada deba realizar.

h) O nomeamento e o cesamento do persoal directivo da Consellería de Sanidade e os dos entes, organismos e/ou instrumentos de xestión a ela adscritos, en tanto que titular da súa presidencia.

i) A aprobación do anteproxecto de orzamento do Servizo Galego de Saúde e dos correspondentes a outras entidades con personalidade xurídica de seu adscritas á consellería.

j) A proposta dos módulos económicos para a prestación de servizos propios e a aprobación dos concertados.

k) A articulación e a xestión do rexistro único de profesionais sinalado no artigo 34º desta lei.

l) A autorización para a creación, a modificación, o traslado e a supresión ou o pechamento de centros, servizos e establecementos sanitarios. O seu rexistro e catalogación.

m) A confección dos estándares de calidade e a determinación dos criterios e dos mecanismos de autorización e acreditación dos centros, servizos e establecementos sanitarios, e a súa remisión ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

n) A inspección sanitaria no seu ámbito competencial.

o) O exercicio da potestade disciplinaria en relación co persoal con destino na Consellería de Sanidade e no Servizo Galego de Saúde, con excepción da sanción de separación do servizo, e sen prexuízo das competencias que nesta materia teña atribuídas a persoa titular da consellería competente en materia de administración pública.

p) O exercicio da potestade sancionadora sobre os centros, servizos e establecementos sanitarios, agás a imposición de sancións pecuniarias atribuídas ao Consello da Xunta consonte o establecido no artigo 45º desta lei.

q) A vixilancia e o control da publicidade susceptible de repercutir positiva ou negativamente sobre a saúde das persoas.

r) Os rexistros, as autorizacións sanitarias obrigatorias e as inspeccións de calquera tipo de instalacións, establecementos, servizos, actividades e produtos, directa ou indirectamente relacionados coa saúde da poboación, sen prexuízo das competencias doutras consellerías e das corporacións locais.

s) A definición, a comunicación e o establecemento de obxectivos e garantías de cumprimento dos criterios de xestión incorporados na prestación de servizos sanitarios.

t) A planificación, a xeración, a posta á disposición e a avaliación dos recursos necesarios para a prestación de servizos sanitarios dentro do Sistema Público de Saúde de Galicia.

u) A provisión directa de servizos sanitarios.

v) As restantes competencias que lle atribúe a normativa vixente, sen prexuízo das competencias doutros departamentos ou administracións.

Artigo 77º.-Instrumentos de xestión da Consellería de Sanidade e dos seus organismos dependentes.

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Sanidade e os seus organismos dependentes poderán:

a) Desenvolvelas directamente ou a través de organismos autónomos, entes públicos de carácter institucional ou axencias públicas vinculadas organicamente ao Servizo Galego de Saúde ou á Consellería de Sanidade e co obxectivo posible de crear estruturas específicas vinculadas a criterios técnicos ou territoriais para xestións especializadas (emerxencias, transfusión, aprovisionamentos, avaliación de tecnoloxías, desenvolvemento de tecnoloxías da información, docencia, investigación ou para avaliación de sistemas de promoción profesional).

A relación entre as devanditas entidades, como medio propio instrumental e servizo técnico da administración, coa Consellería de Sanidade ou co Servizo Galego de Saúde regularase, tanto para a prestación de servizos sanitarios coma doutros incluídos no seu obxecto social ou finalidade, a través dos instrumentos previstos no artigo 74º, que permitirán vincular o funcionamento daquelas e o seu financiamento cos criterios de planificación da consellería ou do Servizo Galego de Saúde e coas necesidades dos usuarios e das usuarias.

b) Delegar funcións no Servizo Galego de Saúde ou noutros organismos ou entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

c) Establecer encomendas de xestión, acordos, convenios ou contratos -calquera que sexa a súa tipoloxía e modalidade-con entidades públicas ou privadas.

d) Participar en calquera outra entidade pública ou privada, cando así conveña á xestión e á execución das competencias asignadas.

2. Correspóndelles ao Foro de Participación Institucional de Sanidade e ao Consello Galego de Saúde coñeceren e emitiren informe sobre os expedientes de autorización da constitución ou participación da comunidade autónoma nos organismos e nas entidades de nova creación ou xa existentes ás que se refire a alínea anterior.

3. Correspóndelle ao Consello da Xunta autorizar a constitución ou a participación da comunidade autónoma nos organismos e nas entidades de nova creación ou xa existentes ás que se refire a alínea 1 deste artigo, de acordo co establecido na lexislación financeira e orzamentaria, así como patrimonial da comunidade autónoma.

Artigo 78º.-Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia.

1. O Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia é o órgano non-colexiado superior de consulta e asesoramento da Consellería de Sanidade.

2. O Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia estará integrado maioritariamente por profesionais deste. A composición, de ser o caso, e as normas xerais de organización e funcionamento do consello determinaranse por orde da persoa titular da Consellería de Sanidade.

3. O Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia contará cunha secretaría permanente, que o coordinará e lle prestará soporte técnico e loxístico.

4. O nomeamento das persoas que formen parte do Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia será, en todo caso, a título individual, e procurarase unha composición paritaria de mulleres e homes. O devandito nomeamento poderase facer con carácter temporal, mentres duren as funcións de asesoramento asignadas á súa persoa titular ou ben con carácter permanente, comportando neste caso a dispoñibilidade da persoa nomeada para prestar labores de asesoramento cando lle sexan requiridos.

5. A persoa titular da Consellería de Sanidade poderá designar asesores sectoriais en materias específicas relacionadas coa asistencia e a organización sanitarias, a saúde pública, a docencia e investigación nas ciencias da saúde e, en xeral, en calquera outra materia de interese sanitario respecto da cal resulte conveniente solicitar asesoramento especializado.

Artigo 79º.-Organizacións, entidades e centros públicos provedores de servizos sanitarios.

Correspóndenlles ás organizacións, ás entidades ou aos centros públicos provedores de servizos sanitarios as seguintes funcións:

1. A planificación, disposición, distribución e xestión dos recursos técnicos, humanos e económicos precisos para cumprir coa prestación das actividades acordadas coa consellería.

2. A articulación, de ser o caso, das áreas de xestión clínica e a garantía na aplicación das guías de práctica clínica, vías clínicas, e plans e programas na súa área de responsabilidade.

3. A formalización de contratos de servizos sanitarios con terceiros.

CAPÍTULO II A ADMINISTRACIÓN LOCAL

Artigo 80º.-Competencias da Administración local.

1. As entidades locais participarán no Sistema Público de Saúde de Galicia nos termos previstos nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan, na Lei xeral de sanidade e na demais lexislación específica.

2. As entidades locais exercerán as competencias que en materia sanitaria lles atribúe a lexislación de réxime local e as restantes que lles confire o ordenamento xurídico.

3. Os concellos, sen prexuízo das competencias das demais administracións públicas, terán en relación co obrigado cumprimento das normas e dos plans sanitarios as seguintes obrigas derivadas das súas competencias:

a) A prestación dos servizos mínimos obrigatorios determinados na lexislación de réxime local no referente aos servizos de saúde e aos regulados nesta lei.

b) O control sanitario do medio natural, e, en especial, a contaminación atmosférica, os ruídos e as vibracións, o abastecemento e saneamento de augas, os residuos urbanos.

c) O control sanitario de industrias, actividades, servizos e transportes que impacten na saúde da súa cidadanía.

d) O control sanitario de edificios e lugares de vivenda e convivencia humana, especialmente dos centros de alimentación, perruquerías, saunas e centros de hixiene persoal, hoteis e centros residenciais, escolas, campamentos turísticos e áreas de actividade física, deportiva e de recreo.

e) O control sanitario da distribución e da subministración de alimentos, bebidas e demais produtos relacionados co uso ou o consumo humano, así como dos medios para o seu transporte que estean dirixidos aos cidadáns e ás cidadás do municipio.

f) O control sanitario dos cemiterios e a policía sanitaria mortuoria.

g) O desenvolvemento de programas de promoción da saúde, a educación sanitaria e a protección de grupos sociais con riscos específicos que se prevexan nos plans de saúde.

h) A participación en órganos de dirección e/ou participación das organizacións públicas de saúde na forma que regulamentariamente se determine.

i) A colaboración, nos termos nos que se acorde en cada caso, na construción, na reforma e/ou no equipamento de centros e servizos sanitarios.

4. Ademais, os concellos poderán realizar actividades complementarias das que sexan propias doutras administracións públicas nas materias obxecto desta lei, nos termos establecidos na lexislación reguladora do réxime local.

5. Igualmente, os concellos poderán prestar os servizos relacionados coas materias obxecto desta lei que deriven das competencias que neles delegue a Xunta de Galicia ao abeiro da lexislación de réxime local e por aplicación do Plan de acción local de Galicia.

6. Para o desenvolvemento das funcións relacionadas nas alíneas anteriores, os concellos solicitarán o apoio técnico do persoal e os medios das áreas sanitarias nas que se encontren comprendidos. O persoal sanitario da Consellería de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde ou doutras organizacións públicas provedoras de servizos que presta apoio aos concellos terá, para estes efectos, a consideración de persoal ao servizo destes, coas súas obrigadas consecuencias en canto ao réxime de recursos e ás responsabilidades persoais e patrimoniais.

7. A elaboración e o desenvolvemento da normativa municipal nas materias obxecto desta lei incluirán o seu coñecemento previo por parte da Consellería de Sanidade, a prol da efectiva coordinación e da eficacia administrativa.

8. Os plans sanitarios xerais de Galicia poranse en coñecemento das entidades locais de Galicia, a través das súas organizacións representativas. Os plans especiais remitiránselles aos concellos que afecten.

9. Para un mellor cumprimento dos fins desta lei as entidades locais poderán establecer convenios coa Administración sanitaria autonómica.

Artigo 81º.-Delegación de competencias na Administración local.

1. Sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores, as entidades locais poderán asumir competencias delegadas pola Consellería de Sanidade, sempre que acrediten poder executar plenamente as funcións que en materia de saúde lles asigne como competencia propia a lexislación vixente e obteñan a pertinente acreditación para a delegación de tales competencias na forma que regulamentariamente se determine.

2. As competencias ás que se refire a alínea anterior soamente poderán ser delegadas, de acordo cos principios de autonomía municipal e responsabilidade financeira, cando as entidades locais asuman os resultados económicos da súa xestión.

TÍTULO IV DAS RELACIÓNS DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE DE GALICIA COA UNIÓN EUROPEA, COA ADMINISTRACIÓN XERAL DO ESTADO E CON OUTRAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS

CAPÍTULO I DA RELACIÓN CON OUTROS PAÍSES, CON INSTITUCIÓNS INTERNACIONAIS SANITARIAS E COA UNIÓN EUROPEA

Artigo 82º.-Relación con outros países e institucións internacionais sanitarias.

1. O Goberno de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, realizará as actividades de colaboración sanitaria con outros países e institucións internacionais sanitarias co obxectivo de lograr un impacto na saúde da poboación, sen prexuízo do disposto no artigo 38.1º da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

2. Do mesmo xeito, poderá formalizar acordos de colaboración sanitaria con autoridades sanitarias doutros países para os efectos de lles garantir a axeitada prestación sanitaria ás comunidades galegas asentadas no exterior.

3. Estas liñas de colaboración poderán ser recollidas en acordos ou convenios que serán tramitados seguindo a normativa vixente nesta materia.

Artigo 83º.-Actuación da Xunta coa Unión Europea.

1. Nas materias obxecto desta lei, correspóndelle á Xunta de Galicia a transposición, o desenvolvemento e a execución da normativa comunitaria naqueles ámbitos que sexan propios da súa competencia ao abeiro do previsto na Constitución e no Estatuto de autonomía de Galicia.

2. A Xunta de Galicia participará de modo efectivo no proceso de formación da vontade do Estado español no tocante á adopción de decisións e á emisión de actos normativos polos órganos da Comunidade Europea que afecten as materias obxecto desta lei, nos termos previstos nas leis e nos convenios que se establezan coa Administración do Estado.

CAPÍTULO II DAS RELACIÓNS COA ADMINISTRACIÓN DO ESTADO

Artigo 84º.-Das relacións de cooperación coa Administración do Estado.

1. Nas materias obxecto desta lei, a Xunta de Galicia participará de modo efectivo no exercicio das competencias que de acordo co bloque da constitucionalidade lle corresponden ao Estado, nos termos que establecen as leis e os convenios que se subscriban con este, e, en particular, polo que se refire ao establecemento das bases, á coordinación xeral da sanidade e á alta inspección, todo iso sen prexuízo do previsto na alínea 4 deste artigo. Esta participación dirixirase á consecución dunha coordinación, unha integración e un aproveitamento das actividades e actuacións que desenvolve cada comunidade autónoma en materia sanitaria, co fin de mellorar a saúde de toda a poboación.

2. En defecto de leis estatais que garantan a efectiva participación á que se refire a alínea anterior ou co obxecto de completar as previsións que ao respecto se conteñen nelas, o Consello de Goberno da Xunta de Galicia promoverá coa indicada finalidade a formalización dos oportunos convenios coa Administración do Estado consonte o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nas disposicións concordantes.

3. Igualmente, en defecto de leis estatais que así o establezan, a Xunta de Galicia promoverá a formalización dos oportunos convenios coa Administración do Estado, así como a adopción de cantas medidas sexan precisas para facer efectiva a participación daquela nos órganos de goberno dos organismos e das entidades dependentes da Administración xeral do Estado, calquera que sexa a súa natureza xurídica, que desenvolvan a súa actividade nas materias obxecto desta lei.

4. Por razóns de eficacia, a Xunta de Galicia promoverá a formalización dos oportunos convenios coa Administración xeral do Estado co fin de lles encomendar aos órganos da comunidade ou aos organismos ou ás entidades dela dependentes, no ámbito territorial de Galicia, a prestación dos servizos e o desempeño das competencias executivas e de inspección e control que en materia sanitaria lle corresponden ao Estado de acordo co bloque da constitucionalidade, todo iso sen prexuízo da súa eventual transferencia ou delegación a esta comunidade.

5. A Xunta de Galicia poderá acordar a realización de plans e programas conxuntos de actuación coa Administración xeral do Estado para o logro de obxectivos comúns nas materias obxecto desta lei, consonte o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nas disposicións concordantes.

CAPÍTULO III DAS RELACIÓNS CON OUTRAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS E COAS COMUNIDADES GALEGAS NO EXTERIOR EN MATERIA SANITARIA

Artigo 85º.-Das relacións de cooperación con outras comunidades autónomas.

1. A Xunta de Galicia poderá establecer relacións de cooperación con outras comunidades autónomas para a consecución de obxectivos comúns nas materias obxecto desta lei mediante calquera das fórmulas admitidas en dereito e, de ser o caso, mediante a formalización dos oportunos convenios de colaboración e acordos de cooperación, que se tramitarán consonte o establecido nos artigos 145.2º da Constitución, 35 do Estatuto de autonomía de Galicia e 4.8º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

2. Ademais, poderá acordar a realización de plans e programas conxuntos de actuación con outras comunidades autónomas para o logro de obxectivos de interese común, en especial de carácter territorial en relación coa protección da saúde e coa provisión dos servizos sanitarios e sociosanitarios en áreas limítrofes e de carácter sectorial verbo da atención de determinadas patoloxías ou ámbitos da asistencia en concreto e/ou colectivos necesitados de especial protección.

Artigo 86º.-Das relacións de cooperación coas comunidades galegas no exterior.

1. A Xunta de Galicia poderá asinar acordos de colaboración e cooperación coas comunidades galegas asentadas no exterior no marco previsto no Estatuto de autonomía.

2. Os convenios e os acordos de colaboración e cooperación poderán consistir na adopción de fórmulas de xestión directa ou indirecta dos centros asistenciais pertencentes ás comunidades galegas e no recoñecemento, de acordo co principio de reciprocidade, á prestación de asistencia sanitaria aos seus membros en desprazamentos temporais á comunidade autónoma.

TÍTULO V DO SECTOR PRIVADO DE ATENCIÓN SANITARIA E DAS SÚAS RELACIÓNS CO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE DE GALICIA

Artigo 87º.-Autorización e acreditación de centros.

Todos os centros, servizos e establecementos sanitarios de titularidade privada que presten servizos na comunidade autónoma deberán ser autorizados seguindo a regulación establecida. Regulamentariamente determinaranse os supostos nos que deberán contar coa acreditación correspondente.

Artigo 88º.-Complementariedade e subsidariedade do sector sanitario privado.

1. Para a consecución dos obxectivos e dos principios reitores do Sistema Público de Saúde de Galicia recoñécese a importancia do sector privado de atención sanitaria como complementario e subsidiario a toda a súa actividade.

2. Para a cooperación do sector privado de atención sanitaria co Sistema Público de Saúde de Galicia, e sen prexuízo do disposto expresamente nesta lei, o Plan de saúde de Galicia determinará ademais as accións que durante a súa vixencia sexan susceptibles dunha acción conxunta.

Artigo 89º.-Mecanismo de relación co Sistema Público de Saúde de Galicia.

1. A colaboración do sector privado de atención sanitaria co Sistema Público de Saúde de Galicia instrumentarase a través das diferentes fórmulas de contratos de servizos definidas no artigo 74 desta lei.

2. Os contratos de servizos realizaranse en igualdade de condicións de eficacia, eficiencia e calidade, tendo en conta os principios de subsidiariedade, complementariedade complementariedade e optimización, a axeitada coordinación na utilización de recursos públicos e privados e mais as necesidades de atención sanitaria.

3. As entidades e as organizacións sen ánimo de lucro terán consideración preferente para a subscrición de contratos de servizos, nos termos expresados na alínea anterior.

Artigo 90º.-Xestión dos contratos de servizos co sector privado de atención sanitaria.

1. Para a realización de contratos de servizos coa Consellería de Sanidade ou cos organismos dependentes dela e co Servizo Galego de Saúde, as entidades e as institucións deberán reunir os requisitos establecidos nos regulamentos vixentes.

2. Non se poderán realizar contratos de servizos con aquelas entidades e institucións nas que presten a súa actividade profesionais con funcións directivas no Sistema Público de Saúde de Galicia.

3. Non se poderán contratar servizos a entidades e institucións privadas cando estes sexan realizados por persoal vinculado laboralmente ao Sistema Público de Saúde de Galicia, aínda que se encontre en situación legal de compatibilidade.

4. Os contratos cumprirán as especificacións que regulamentariamente se determinen e, consonte o disposto no artigo 74.6º desta lei, a prestación destes servizos farase con suxeición ao sistema de garantías dos dereitos e dos deberes sanitarios previstos nesta lei.

Artigo 91º.-Garantía dos dereitos no sector sanitario privado.

1. Os centros e os establecementos sanitarios privados, para lles poderen prestar servizos sanitarios aos seus usuarios e usuarias, deberán cumprir todas as exixencias normativas en materia de protección de saúde que sexan aplicables.

2. Respectando o peculiar réxime económico de cada centro sanitario, os dereitos previstos nos artigos 5º, 6º, 7º, 8º, 9º e 10º desta lei serán garantidos polos centros e establecementos sanitarios privados. Igualmente cumprirán con aqueloutros dereitos recollidos na normativa vixente e que no seu alcance inclúa os centros e establecementos sanitarios privados.

3. Para a actividade que presten en réxime de concerto co Sistema Público de Saúde de Galicia, haberá que aterse ao disposto nos artigos 12º, 13º e 74º.6 desta lei.

TÍTULO VI DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

CAPÍTULO I PRINCIPIOS XERAIS

Artigo 92º.-Natureza.

1. Para o adecuado desenvolvemento das competencias que no ámbito sanitario lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia configúrase o Servizo Galego de Saúde, creado pola Lei 1/1989, como un organismo autónomo de natureza administrativa, dotado de personalidade xurídica de seu e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

2. O Servizo Galego de Saúde está adscrito á Consellería de Sanidade, que exercerá sobre el as facultades de dirección, vixilancia e tutela e, en particular, o exercicio das potestades regulamentarias e de organización que lle atribúen esta lei e as restantes disposicións que sexan aplicables.

3. O Servizo Galego de Saúde rexerase polo establecido nesta lei e nas normas ditadas no seu desenvolvemento e polas restantes disposicións que lle sexan aplicables. En materia de contratación, o servizo réxese polo recollido na lexislación sobre contratos das administracións públicas. A contratación de servizos sanitarios rexerase polas súas normas específicas.

4. O Servizo Galego de Saúde e a totalidade de entidades adscritas a el gozan da reserva de nomes e dos beneficios, de exencións e de franquías de calquera clase e natureza que as leis lles atribúen á Xunta de Galicia e ás entidades públicas encargadas da xestión da Seguridade Social.

5. O obxectivo do Servizo Galego de Saúde é a provisión dos servizos e das prestacións de atención sanitaria individual de cobertura pública no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do marco básico de financiamento do Sistema Público de Saúde de Galicia, garantindo os dereitos sanitarios recoñecidos nesta lei.

Artigo 93º.-Centros e servizos.

1. Integran o Servizo Galego de Saúde os centros, servizos e establecementos sanitarios e administrativos creados pola Administración da Xunta de Galicia ou procedentes de transferencias, así como as entidades sanitarias de natureza pública que se lle adscriban.

2. Do xeito que regulamentariamente se determine e tras a súa liquidación, integraranse no Servizo Galego de Saúde ou nas adscritas á Consellería de Sanidade, segundo o artigo 77º.1 a) desta lei, as fundacións públicas sanitarias e as sociedades públicas sanitarias, ambas de carácter asistencial.

Artigo 94º.-Funcións.

Para a consecución do seu obxectivo, o Servizo Galego de Saúde desenvolve, baixo a supervisión e o control da Consellería de Sanidade, as seguintes funcións:

a) A prestación directa de asistencia sanitaria nos seus propios centros, servizos e establecementos ou nos adscritos ao servizo.

b) O desenvolvemento dos programas de actuación sanitaria.

c) O goberno, a dirección e a xestión dos centros, servizos e establecementos sanitarios propios ou adscritos ao Servizo Galego de Saúde.

d) A planificación, a coordinación e a xestión dos recursos humanos, materiais e financeiros asignados ao servizo para o cumprimento dos seus fins.

e) A introdución de novas técnicas e procedementos diagnósticos e terapéuticos, logo da súa avaliación en termos de eficacia, seguridade, custo e impacto dende o punto de vista bioético.

f) A promoción da docencia e a investigación en ciencias da saúde no ámbito dos centros, servizos e establecementos sanitarios asistenciais.

g) O establecemento da carteira de servizos que presta cada un dos centros, servizos e establecementos sanitarios asistenciais propios ou adscritos, consonte o previsto no artigo 60º desta lei.

h) A xestión da carteira de servizos á que se refire a alínea anterior.

i) O desenvolvemento de programas de calidade e mellora da práctica clínica e de mellora de xestión.

j) A xestión das prestacións farmacéuticas e complementarias que corresponda no ámbito das súas competencias.

k) A formalización de contratos de servizos sanitarios con organizacións, centros, servizos e establecementos, públicos e privados, para a consecución dos obxectivos asistenciais fixados.

l) A aprobación dos plans, dos programas, das directrices e dos criterios de actuación aos que se deben someter os centros, servizos e establecementos incluídos no Servizo Galego de Saúde, así como o exercicio da supervisión e do control respecto deles.

m) A elaboración, o desenvolvemento e a avaliación dos programas sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

n) A definición, a comunicación e o establecemento de obxectivos e garantías dos criterios de xestión dos servizos sanitarios que preste o Servizo Galego de Saúde.

o) A definición, a planificación e a compra de actividades sanitarias que desenvolva o Servizo Galego de Saúde no cumprimento dos seus fins.

p) A planificación, a xeración, a posta á disposición e a avaliación dos recursos que precise no cumprimento dos seus fins.

q) O establecemento, a xestión e a actualización dos acordos, convenios e contratos, calquera que sexa a súa tipoloxía e modalidade, con terceiras entidades titulares de centros, servizos e establecementos sanitarios.

Artigo 95º.-Instrumentos de prestación de servizos sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

O Servizo Galego de Saúde poderá utilizar os instrumentos de xestión previstos no artigo 74º.

CAPÍTULO II ORGANIZACIÓN

Artigo 96º.-Órganos de administración.

1. Será presidente ou presidenta do Servizo Galego de Saúde a persoa titular da Consellería de Sanidade.

2. O Servizo Galego de Saúde disporá dun consello de dirección que será presidido pola persoa titular da Consellería de Sanidade ou por un alto cargo designado por esta como director-xerente.

3. Terá os órganos directivos que regulamentariamente se determine.

4. A estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, tanto no seu nivel central coma periférico, determinarase regulamentariamente, segundo as necesidades asistenciais da cidadanía en cada territorio e atendendo aos principios de eficacia, eficiencia, simplicidade, transparencia e proximidade. En todo caso, deberase ter en conta a ordenación territorial do Sistema Público de Saúde de Galicia vixente en cada momento. Definiranse tamén os órganos unipersonais mínimos de dirección propios.

CAPÍTULO III ORGANIZACIÓN DE SERVIZOS. CENTROS SANITARIOS. ORGANIZACIÓN E XESTIÓN

Artigo 97º.-Instrumentos de organización e xestión.

1. A modernización do sistema require a introdución de modelos de xestión que dinamicen o servizo público e garantan un marco de innovación tecnolóxica adecuado, co fin de obter a meirande rendibilidade social.

2. Introduciranse fórmulas organizativas cunha visión horizontal e integradora dos procesos asistenciais e adoptaranse as medidas que fomenten a coordinación, a colaboración e a cooperación.

3. Estas fórmulas organizativas tenderán a superar a compartimentación existente, especialmente nos hospitais, e a relación primaria-especializada froito da progresiva especialización e da fragmentación do traballo, facendo compatible este cunha atención horizontal das necesidades asistenciais dos e das pacientes e facilitando unha meirande autonomía de xestión dos centros e establecementos sanitarios.

4. Todo instrumento de organización e xestión articularase baixo o principio básico de garantía da participación real e efectiva dos profesionais na xestión do centro e/ou da área sanitaria.

CAPÍTULO IV RÉXIME XURÍDICO

Artigo 98º.-Réxime xurídico dos actos.

O réxime xurídico dos actos emanados dos órganos de dirección e xestión do Servizo Galego de Saúde será o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na normativa de organización e funcionamento da Administración da comunidade autónoma.

CAPÍTULO V MEDIOS MATERIAIS E RÉXIME PATRIMONIAL

Artigo 99º.-Medios materiais.

O Servizo Galego de Saúde contará cos medios materiais precisos para o cumprimento dos fins que esta lei lle atribúe.

Artigo 100º.-Patrimonio.

1. Constitúen o patrimonio propio do Servizo Galego de Saúde todos os bens e dereitos que lle pertenzan á entrada en vigor desta lei ou que adquira ou reciba no futuro por calquera título.

2. Constitúen o patrimonio adscrito ao Servizo Galego de Saúde:

a) Os bens e dereitos do patrimonio da comunidade autónoma afectos a servizos de asistencia sanitaria que teña adscritos ou que se lle adscriban.

b) Os bens e dereitos de toda índole afectos aos servizos de asistencia sanitaria do sistema de Seguridade Social transferidos á Xunta de Galicia, con pleno respecto ao previsto na disposición adicional sétima da Lei xeral de sanidade.

c) Os bens e dereitos das entidades locais que se lle adscriban.

d) Calquera outro ben e dereito adquirido por outro título xurídico.

Artigo 101º.-Réxime xurídico do patrimonio.

1. O réxime xurídico do patrimonio do Servizo Galego de Saúde rexerase polo establecido nesta lei e, no seu defecto, polo disposto na normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e deberase axustar aos seguintes principios:

a) O Servizo Galego de Saúde ten plena capacidade para adquirir e posuír bens e dereitos polos medios establecidos no ordenamento xurídico, así como para exercer as accións e os recursos que procedan para a defensa e a tutela do seu patrimonio.

b) Son bens de dominio público do Servizo Galego de Saúde os afectos á prestación directa de servizos públicos propios do organismo e os inmobles da súa propiedade nos que se aloxen as súas unidades e entidades dependentes da súa administración, e como tal gozan dos beneficios tributarios que lles sexan aplicables.

c) Aplicaráselles o réxime xurídico demanial aos dereitos reais do Servizo Galego de Saúde nos que concorran as circunstancias descritas na alínea anterior.

d) A declaración de utilidade pública enténdese implícita en toda expropiación relativa a obras e servizos que sexan competencia do Servizo Galego de Saúde para o cumprimento das funcións e a consecución dos fins fixados pola lei.

2. O Servizo Galego de Saúde poderá adquirir por si mesmo bens inmobles e dereitos a título gratuíto logo da autorización do Consello da Xunta. As adquisicións gratuítas de bens mobles poderaas facer directamente sen necesidade de autorización previa, deixando constancia no expediente da conveniencia da adquisición.

3. O Servizo Galego de Saúde poderá arrendar directamente os inmobles que sexan necesarios para o desenvolvemento das súas funcións e deberá publicar o anuncio e a adxudicación no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, exceptuarase a publicación do anuncio naqueles casos nos que se acredite que baseándose nas peculiaridades do ben deba arrendarse un inmoble determinado.

4. O Servizo Galego de Saúde poderá dispor dos bens e dos dereitos que lle pertenzan en propiedade e que non sexan necesarios para o exercicio das súas funcións.

5. Poderánselles ceder os bens mobles propiedade do organismo a terceiros no marco de relacións de colaboración e para fins de interese sanitario. Tamén se poderán ceder con fins benéficos bens mobles dos que non se prevexa a súa utilización.

Artigo 102º.-Inventario.

O Servizo Galego de Saúde levará un inventario dos bens e dos dereitos que integran o seu patrimonio para os efectos de coñecer en todo momento a súa natureza e cualificación, así como a súa situación, uso e destino.

CAPÍTULO VI RÉXIME FINANCEIRO, ORZAMENTARIO E CONTABLE

Artigo 103º.-Réxime financeiro.

O Servizo Galego de Saúde financiarase cos recursos que lle sexan asignados con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, entre os que poderán figurar os seguintes:

a) Os destinados pola comunidade autónoma ao financiamento dos servizos sanitarios da Seguridade Social pola aplicación do establecido na Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía.

b) A parte que, por razón das funcións conferidas, lle poida corresponder pola participación da Xunta de Galicia nos recursos destinados a financiar a xestión dos servizos sanitarios.

c) As achegas que deban realizar as entidades locais con cargo aos seus orzamentos, de ser o caso.

d) Os produtos e as rendas de toda índole procedentes dos bens e dos dereitos que integran o seu patrimonio, propio ou adscrito.

e) Os ingresos ordinarios e extraordinarios que legalmente ou convencionalmente estea autorizado a percibir, e, en particular, os ingresos procedentes da prestación de servizos sanitarios cando existan terceiros obrigados ao pagamento e os procedentes de acordos con entidades aseguradoras de asistencia sanitaria ou con outras comunidades autónomas.

f) As subvencións, as doazóns e calquera outra achega voluntaria de entidades e particulares.

g) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído ou asignado.

Artigo 104º.-Orzamento.

O orzamento do Servizo Galego de Saúde débese orientar de acordo coas previsións contidas no Plan de saúde de Galicia e nas directrices de política sanitaria da comunidade autónoma, débese incluír nos orzamentos da Xunta de forma diferenciada e rexerase polas disposicións do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 105º.-Contabilidade.

O Servizo Galego de Saúde estará sometido ao réxime de contabilidade pública nos termos que se establecen no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e nas disposicións concordantes.

Artigo 106º.-Réxime de control.

A Intervención Xeral da Xunta de Galicia exercerá as súas funcións no ámbito do Servizo Galego de Saúde, nos termos que establecen o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e as demais disposicións que resulten aplicables.

TÍTULO VII DA ORGANIZACIÓN DA SAÚDE PÚBLICA NO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE DE GALICIA

Artigo 107º.-A organización da saúde pública.

Para o adecuado desenvolvemento das competencias que no ámbito sanitario lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia e para a provisión dos servizos e das prestacións de saúde pública de cobertura pública no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Sanidade dotarase da estrutura organizativa e de xestión que mellor permita o axeitado desenvolvemento das seguintes funcións:

a) A prestación directa de servizos de saúde pública nos seus propios centros, servizos e establecementos ou nos adscritos a ela.

b) O desenvolvemento dos programas de actuación sanitaria.

c) O goberno, a dirección e a xestión dos centros e servizos propios ou adscritos.

d) A coordinación e a xestión dos recursos humanos, materiais e financeiros que lle sexan asignados para o cumprimento dos seus fins.

e) A promoción da docencia e a investigación en saúde pública.

f) O desenvolvemento de programas de calidade e mellora da saúde pública e de mellora de xestión.

g) A formalización de contratos de servizos sanitarios con organizacións, centros, servizos e establecementos, para a consecución dos obxectivos fixados coa Consellería de Sanidade.

h) O fomento da avaliación do impacto en saúde para garantir que se teñan en conta as repercusións que sobre a saúde poidan ter as decisións sobre políticas públicas.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 107 apartado h) nova redacción por artigo único apartado catorce.

TÍTULO VIII DOS EMPREGADOS E DAS EMPREGADAS PÚBLICOS DA SAÚDE DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE DE GALICIA

CAPÍTULO I ÁMBITO E RÉXIME XURÍDICO

Artigo 108º.-Empregado público da saúde.

1. Para os efectos desta lei son empregados públicos da saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia aqueles que prestan servizos nas institucións e estruturas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do ámbito competencial da Consellería de Sanidade e dos organismos dela dependentes.

2. Integran o colectivo de empregados públicos da saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia ao que se refire a alínea anterior:

a) O persoal estatutario da Comunidade Autónoma de Galicia que presta servizos nas institucións, nos órganos, nas unidades ou nas estruturas do Sistema Público de Saúde de Galicia.

b) O persoal funcionario pertencente aos diferentes corpos, xerais ou especiais, da Administración estatal ou dos seus organismos autónomos que preste servizos nas institucións, nos órganos, nas unidades ou nas estruturas do Sistema Público de Saúde de Galicia.

c) O persoal transferido, calquera que sexa o réxime xurídico de dependencia, laboral, funcionario ou estatutario, doutras administracións públicas con ocasión do traspaso e/ou da asunción das competencias, dos medios e dos servizos na materia de asistencia sanitaria.

d) O persoal que preste servizos nas entidades de titularidade pública, con personalidade xurídica de seu, que estean adscritas á Consellería de Sanidade.

3. Os funcionarios, que por aplicación do disposto na Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da comunidade autónoma, estean adscritos á Consellería de Sanidade integraranse no colectivo de empregados públicos da saúde do Sistema Sanitario de Galicia, sen prexuízo de que pola natureza xurídica do seu vínculo se manteñan sometidos en canto ás súas condicións laborais e retributivas ao réxime xurídico funcionarial, en tanto non se integren no réxime estatutario consonte o previsto no artigo 112º.5.

Artigo 109º.-Réxime xurídico do empregado público e da empregada pública da saúde.

1. Con carácter xeral, o réxime xurídico dos empregados públicos de saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia, ao que se refire o artigo 108º, será o correspondente á relación funcionarial do persoal estatutario.

2. O réxime xurídico dos empregados públicos de saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia, ao que se refire o artigo 108º, rexerase polas disposicións que lle sexan aplicables, atendendo á natureza xurídica do seu vínculo.

3. Desenvolverase por lei o Estatuto xurídico dos empregados ou das empregadas públicas de saúde de Galicia.

Artigo 110º.-Interrelacións entre os distintos réximes de persoal.

1. Coa finalidade de conseguir a mellor utilización dos recursos humanos da Administración galega, determinaranse os supostos, os efectos e as condicións en que o persoal do Sistema Público de Saúde de Galicia poida pasar a prestar servizos en postos de traballo doutros ámbitos da Administración da Xunta de Galicia. Para tal efecto subscribiranse os oportunos convenios de colaboración entre os órganos competentes atendendo estritamente a condicións de reciprocidade.

2. O persoal do Sistema Público de Saúde de Galicia que pase a prestar servizos en postos de traballo das unidades e dos servizos da Administración sanitaria, de distinto réxime xurídico ao da súa pertenza, terá dereito a percibir as retribucións correspondentes ao posto de traballo que desempeñe efectivamente e mais os complementos persoais que teña asignados no seu réxime orixinario.

3. A relación de emprego dos funcionarios sanitarios locais terá a consideración dunha única prestación de servizos para todos os efectos, sen prexuízo do exercicio voluntario da opción de integración no novo modelo de atención primaria.

4. O réxime xurídico dos profesionais que desempeñen prazas vinculadas, ás que se refire o artigo 105º da Lei xeral de sanidade, será o establecido pola lexislación vixente en correlación co nomeamento ou cos nomeamentos que deron lugar á vinculación dos postos de traballo. O réxime de dereitos e deberes colixirase da aplicación da normativa vixente para o persoal estatutario e o profesorado universitario que sexa compatible co exercicio das funcións inherentes a cada un dos postos de traballo desempeñados polo profesional.

CAPÍTULO II PLANIFICACIÓN E ORDENACIÓN DOS RECURSOS HUMANOS

Artigo 111º.-Principios e criterios xerais de ordenación.

Xunto aos fundamentos xerais de actuación incorporados a esta lei e daqueles que son propios do Estatuto xeral dos empregados públicos e do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, a ordenación do persoal da saúde inspirarase nos seguintes principios e criterios:

a) Garantía de servizo á cidadanía.

b) Mellora da relación entre o persoal da saúde e o usuario e/ou a usuaria do sistema sanitario.

c) Modernización do servizo a través dos seus profesionais.

d) Igualdade de xénero e non discriminación.

e) Transparencia na xestión.

f) Obxectividade, responsabilidade e imparcialidade no desempeño das funcións.

g) Dedicación prioritaria ao servizo público.

h) Estabilidade do emprego.

i) Participación do persoal da saúde na mellora da organización sanitaria da que forma parte.

j) Cooperación interprofesional e traballo en equipo.

k) Avaliación do desempeño.

l) A negociación colectiva.

Artigo 112º.-Planificación de recursos humanos.

1. A planificación do persoal realizarase tendo en conta as necesidades reais do servizo, coa finalidade de lles dar cumprimento aos dereitos da cidadanía previstos polas normas en materia de saúde.

2. A planificación dos recursos humanos tenderá ao seu axeitado dimensionamento para a adecuación entre os recursos dispoñibles e as necesidades da poboación, a prol de promover a eficacia e eficiencia do servizo sanitario público e de mellorar a calidade asistencial e atención aos usuarios e ás usuarias do Sistema Público de Saúde de Galicia.

3. Poderanse realizar plans globais de ordenación de recursos humanos nos que se recollan os obxectivos e as bases xerais de planificación, en materias relevantes na xestión dos recursos humanos, con vixencia máxima de catro anos. Pódense realizar tamén plans parciais relativos a materias concretas de persoal e plans de vixencia inferior.

4. Os plans de ordenación de recursos humanos serán aprobados pola Consellería de Sanidade ou polo órgano que se determine regulamentariamente, logo da súa negociación cos representantes do persoal e do informe favorable da Consellería de Economía e Facenda.

5. Co obxecto de homoxeneizar as relacións de emprego do persoal que preste os seus servizos no Sistema Público de Saúde de Galicia e de mellorar a eficacia na xestión, a Administración sanitaria pública galega promoverá as medidas co fin de establecer procedementos para a integración directa e voluntaria do persoal na condición de persoal estatutario, coas especialidades que procedan polas peculiaridades das institucións, os centros e os servizos e das diferentes agrupacións de persoal.

6. Así mesmo, a Administración sanitaria galega poderá establecer procedementos para a integración directa do persoal temporal ou interino na condición de estatutario temporal.

Artigo 113º.-Clasificación do persoal.

1. A ordenación do persoal realizarase segundo a súa dependencia orgánica e réxime xurídico de pertenza e de conformidade cos criterios de clasificación determinados pola normativa vixente, atendendo á función desenvolvida, ao nivel de titulación exixido para o ingreso e ao nomeamento. Poderase realizar a clasificación do persoal por categorías e áreas funcionais atendendo ás competencias técnicas e capacidades comúns do grupo de titulación. Na clasificación do persoal poderanse ter en conta criterios que propugnen o traballo en equipo e faciliten a realización dos procesos asistenciais ou administrativos auxiliares.

2. Na procura da mellora da eficacia dos servizos e da adaptación do desenvolvemento do traballo á organización da prestación asistencial e á evolución das tecnoloxías, o ámbito funcional de cada categoría de persoal correspóndese co conxunto de aptitudes e capacidades que derivan da titulación académica exixida para o ingreso, da formación e do estado actual do coñecemento e dos medios técnicos.

3. Por orde da Consellería de Sanidade poderanse determinar os postos de traballo dos que a provisión poderá ser realizada por persoal estatutario de diversas categorías da mesma ou similar área funcional, mediante os sistemas que se determinen regulamentariamente. A súa determinación realizarase despois da negociación colectiva previa.

Se os devanditos postos están incluídos tanto na relación de postos de traballo da Consellería de Sanidade coma do Servizo Galego de Saúde, a Consellería de Sanidade proporá a devandita modificación para que, seguindo as canles regulamentarias, sexa aprobada, de ser o caso, polo Consello da Xunta de Galicia.

4. A creación, a modificación e a supresión de categorías estatutarias realizarase por decreto do Consello da Xunta.

5. Poderase acordar a integración do persoal fixo das categorías que se declaren para extinguir noutras categorías en función das necesidades organizativas ou asistenciais nos ámbitos que se determinen regulamentariamente.

Artigo 114º.-Estrutura dos postos de traballo.

1. Sen prexuízo do que establece a normativa básica de función pública para os colectivos que a afectan, o instrumento técnico de ordenación do persoal do Sistema Público de Saúde de Galicia é o cadro de persoal, recollido no anexo de persoal das correspondentes leis de orzamentos da comunidade autónoma. A totalidade dos postos de traballo de carácter estrutural do Sistema Público de Saúde de Galicia, con independencia do seu réxime xurídico ou retributivo, estarán consignados nel, desagregados no terreo da categoría profesional.

2. O cadro de persoal do Sistema Público de Saúde de Galicia constitúe a expresión cifrada, contable e sistemática dos efectivos que, como máximo, poden prestar servizos con carácter estrutural tanto na súa organización central e periférica coma nas súas institucións, centros e servizos con suxeición ás dotacións económicas consignadas nas correspondentes leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, e sen prexuízo das contratacións ou dos nomeamentos de carácter temporal para o mantemento da continuidade dos servizos ou para atender necesidades de carácter non-permanente que se poidan realizar con cargo aos créditos existentes para esta finalidade.

3. Correspóndelle á Consellería de Sanidade a xestión e a modificación dos cadros de persoal coas limitacións establecidas nas disposicións orzamentarias en vigor.

4. O Consello da Xunta, dentro do respecto á normativa orzamentaria e de función pública, poderá determinar outros instrumentos organizativos dos postos de traballo ou modificar os existentes, nos niveis central e periférico, establecendo un sistema de agrupamento e enumeración de postos ou prazas orientado a mellorar a calidade, a eficacia e a eficiencia dos servizos.

5. Os devanditos instrumentos estableceranse atendendo ás características das institucións, dos órganos, dos centros e dos servizos e mais ás peculiaridades das diferentes agrupacións de persoal.

CAPÍTULO III SELECCIÓN, PROVISIÓN E PROMOCIÓN INTERNA

Artigo 115º.-Selección e provisión de prazas.

1. A provisión de prazas e postos de traballo no Sistema Público de Saúde de Galicia realizarase a través dos procedementos de selección, promoción interna, mobilidade, reingreso ao servizo activo e libre designación.

2. A selección do persoal do Sistema público de saúde de Galicia realizarase de conformidade cos requisitos e sistemas establecidos pola normativa básica vixente e a autonómica de desenvolvemento.

Malia o anterior, en virtude da previsión contida no artigo 57.5 do Texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, por razóns de interese xeral e necesidades obxectivas, poderá eximirse do requisito da nacionalidade para o acceso á condición de persoal estatutario das categorías profesionais de licenciado sanitario.

3. A oferta de emprego público do Sistema Público de Saúde de Galicia terá polo menos unha periodicidade bianual.

4. Cando nos procedementos de acceso exista a fase de concurso poderán terse en conta, entre outros méritos e na medida que se determine regulamentariamente e nas correspondentes convocatorias, a experiencia na actividade sanitaria, a actualización da formación, a investigación e a docencia, relacionada co posto de traballo ao que se accede, con sistemas selectivos adecuados aos postos que hai que cubrir e á titulación ou formación de acceso.

5. No acceso á Administración sanitaria poderase requirir a acreditación do manexo básico de ferramentas informáticas en todas as categorías profesionais do sector sanitario, así como o manexo de novas tecnoloxías ou técnicas sanitarias.

6. Por razóns organizativas e de exixencia na cualificación profesional, a Administración sanitaria poderá establecer os requisitos de cualificación, traxectoria e experiencia profesional para poder optar aos destinos que se determinen. Así mesmo, as convocatorias dos procesos de mobilidade poderán valorar preferentemente o desempeño de postos de traballo en destinos especiais, atendendo ás específicas condicións de dificultade, illamento ou carga de traballo.

7. O persoal que desempeñe os postos de traballo abertos a distintas categorías terá a obriga de desempeñar as funcións inherentes a ese posto sen prexuízo da categoría á que pertenza como persoal estatutario fixo. Estes postos non lle poderán ser ofertados en ningún caso ao persoal de novo ingreso que non pertenza á súa categoría orixinaria.

8. Sen prexuízo do posto de traballo do que o profesional acredite a súa titularidade e do ámbito determinado no seu nomeamento, os profesionais do Sistema Público de Saúde de Galicia consideraranse adscritos á área de saúde onde radique o seu destino.

9. A Administración sanitaria poderá trasladar, temporal ou definitivamente, o seu persoal, cando existan razóns de imperiosa necesidade da organización sanitaria, variando a adscrición dos postos de traballo dos que sexan titulares, con dereito ao mantemento das súas retribucións e ao aboamento das indemnizacións establecidas regulamentariamente. O cambio da adscrición definitiva dos postos de traballo realizarase logo da consulta ás organizacións representadas na mesa sectorial. Cando a variación da adscrición dos postos se incardine no seo dun plan de ordenación de recursos humanos levarase a cabo logo da negociación na mesa correspondente.

10. A administración establecerá medidas de mobilidade do persoal, tendentes á protección das vítimas de violencia de xénero e a favorecer a conciliación da vida persoal e familiar e a protección da saúde laboral. Para tal efecto, poderá subscribir convenios de colaboración con outras administracións públicas.

11. Os procesos de mobilidade na área deberán ser negociados polos órganos de representación de persoal neses ámbitos, coas bases que sexan determinadas pola mesa de negociación do persoal da saúde.

12. O acceso e a permanencia en determinados centros sanitarios caracterizados pola súa distancia, illamento ou dimensión poderán ser incentivados e valorados especificamente nos sistemas de provisión, de carreira, de acceso á formación e de condicións de traballo, a través dos mecanismos que se determinen mediante a negociación colectiva.

13. Regulamentariamente determinaranse en atención ás funcións que teñan que desenvolver os postos de traballo, que poderán ser cubertos mediante o sistema de libre designación.

14. De acordo cos principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade, e coa finalidade de facilitar a mobilidade voluntaria dos profesionais e das profesionais do Sistema público de saúde de Galicia, favorecer a conciliación da vida laboral e familiar e acadar un mellor desenvolvemento profesional, as bases reguladoras dos concursos de traslados poderán establecer a posibilidade de convocatoria única, que manterá a súa vixencia no tempo ata o momento no que se peche de xeito expreso, e regularán a posibilidade de presentación de solicitudes de participación en calquera momento da vixencia da indicada convocatoria e o mantemento no tempo destas ata a adxudicación de destino, sen prexuízo da modificación das solicitudes ou da desistencia da persoa interesada de acordo cos requisitos que se establezan. Así mesmo, as bases regularán a publicación da oferta de prazas, que dará lugar ao inicio de oficio de cada procedemento ou ciclo de adxudicación, e a súa periodicidade, que será, como mínimo, anual.

Cada procedemento ou ciclo de adxudicación establecido, no que se terán en conta as solicitudes de participación presentadas ata o día fixado nas bases, finalizará coa correspondente resolución de adxudicación de destinos, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia. O prazo máximo no que deberá publicarse a resolución expresa será dun ano, que se contará desde a publicación da oferta de prazas, sen prexuízo de que as bases poidan establecer un inferior.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 115 apartado 2 nova redacción por artigo único apartado quince.

Artigo 116º.-Promoción interna.

1. A Administración sanitaria poderá realizar convocatorias específicas para a promoción interna dos profesionais que favorezan o seu acceso a outras categorías profesionais do mesmo ou superior grupo de clasificación.

2. As convocatorias poderán prever a exención dunha ou máis probas para os e as aspirantes que accedan por esta quenda e procedan de categorías da mesma área funcional que as prazas que se van prover, sempre que as devanditas probas garden relación coas funcións anteriormente desenvolvidas.

3. A promoción interna entre categorías de grupo de nivel de titulación e/ou especialidade idéntico e da mesma área funcional poderase realizar polos sistemas que se determinen. Na quenda de promoción interna poderase reservar unha cota da oferta para o acceso de aspirantes pola promoción interna horizontal da mesma área funcional e grupo de titulación. Para o caso de que a selección se produza polo sistema do concurso de méritos as convocatorias poderán prever puntuacións mínimas por debaixo das cales non se poderá acceder á categoría obxecto da convocatoria.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 116 apartado 14 nova redacción por artigo único apartado dezaseis.

Artigo 116 bis. Itinerarios profesionais.

1. A Administración sanitaria, a través do órgano de dirección con competencias en materia de recursos humanos do Servizo Galego de Saúde, poderá definir itinerarios profesionais para o persoal do Sistema público de saúde de Galicia.

2. Para os efectos desta lei, considerarase itinerario profesional o conxunto de postos de traballo que conforman unha área de competencias, capacidades, coñecementos e formación comúns que habilitan, para o seu desempeño, o persoal de distintas categorías do sistema sanitario de Galicia.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo engadido:Artigo 116 bis engadido por artigo único apartado dezasete.

CAPÍTULO IV RETRIBUCIÓNS E XORNADA

Artigo 117º.-Retribucións e xornada.

1. O persoal do Sistema Público de Saúde de Galicia percibirá as súas retribucións de acordo co réxime xurídico que rexa a súa relación de emprego e dentro dos límites que anualmente fixa a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma.

A Administración sanitaria poderá establecer, logo do informe favorable emitido pola Consellería de Economía e Facenda, un modelo retributivo orientado á calidade do servizo, á incentivación da actividade, á motivación dos profesionais, á consideración singular de actuacións concretas no ámbito sanitario e á consecución dos obxectivos planificados, despois da negociación na mesa sectorial.

2. A xornada laboral do persoal do Sistema Público de Saúde será determinada, logo da negociación na correspondente mesa sectorial, tendo en conta as específicas cargas de traballo e a penosidade que supón a necesaria prestación de servizos continuados e permanentes por parte dos centros sanitarios.

CAPÍTULO V CARREIRA PROFESIONAL

Artigo 118º.-Carreira profesional.

1. Estableceranse mecanismos de carreira profesional articulados nun sistema de graos para o persoal estatutario e, de acordo coa súa normativa básica, para o resto do persoal do Sistema Público de Saúde de Galicia, de forma que se posibilite a promoción do persoal e o cumprimento dos obxectivos da organización.

Os sistemas de carreira basearanse no recoñecemento do desenvolvemento profesional en canto ao cumprimento dos obxectivos da organización, dos coñecementos e da experiencia profesional na Administración sanitaria.

2. O sistema de carreira profesional das persoas licenciadas e diplomadas sanitarias basearase nos criterios xerais de desenvolvemento profesional recollidos na normativa de ordenación das profesións sanitarias, adaptados ás características do Sistema Público de Saúde de Galicia e, de ser o caso, ás dos propios centros.

Cando así proceda en atención aos obxectivos da organización, poderase outorgar especial recoñecemento á prestación de servizos en centros comarcais con dificultades para a provisión de prazas de especialistas, así como a determinadas actividades formativas, docentes e de investigación.

3. Os graos I a IV da carreira profesional recoñecidos ao persoal estatutario retribuiranse mediante o complemento de carreira establecido para o correspondente grao e categoría.

O persoal fixo dunha categoría que pase a prestar servizos noutra, por promoción interna, manterá o dereito a percibir o complemento de carreira correspondente aos graos recoñecidos na categoría de orixe. No suposto de que se teñan recoñecidos graos retribuídos de diversas categorías (graos I a IV), percibirase o complemento de carreira correspondente a todos os graos recoñecidos, ata o límite de catro graos. Cando o profesional teña recoñecidos máis de catro graos, percibirá o complemento de carreira correspondente aos catro graos de maior contía.

Este complemento percibirase en todo caso na situación de servizo activo na correspondente categoría ou durante o desempeño de postos ou cargos no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, fundacións sanitarias de natureza pública e sociedades públicas sanitarias con contido asistencial, ou nos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma relacionados na disposición adicional primeira, letra a), da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Tamén percibirán este complemento os liberados sindicais.

O persoal que se encontre na situación de servizos especiais polo desempeño de postos ou cargos no ámbito delimitado no parágrafo anterior percibirá dentro das retribucións do posto ou cargo que desempeñe unha contía equivalente á correspondente ao complemento que lle sería aplicable de acordo con este precepto.

Lei 3/2018, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 118 apartado 3 nova redacción por artigo 18.

CAPÍTULO VI SAÚDE LABORAL

Artigo 119º.-Saúde laboral.

A Administración sanitaria, no marco da lexislación xeral en materia de saúde laboral e prevención de riscos laborais, adoptará as medidas oportunas para a protección da saúde dos traballadores e das traballadoras do sector sanitario público a través de órganos dedicados en exclusiva a esta función.

Estableceranse medidas de coordinación que obriguen a participar ás unidades dos centros e dos órganos cando por razón da materia teña relevancia a súa cooperación na protección da saúde laboral e na prevención de riscos laborais no sector.

CAPÍTULO VII MESA DE NEGOCIACIÓN DO EMPREGADO PÚBLICO DA SAÚDE DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE DE GALICIA

Artigo 120º.-Mesa de negociación do empregado público da saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia.

De conformidade co que estableza a normativa básica sobre os dereitos de participación na determinación das condicións de traballo e de representación do persoal, poderase promover a constitución dunha mesa sectorial para o ámbito do Sistema Público de Saúde de Galicia coas competencias que se determinen.

As unidades electorais, para os efectos da constitución das xuntas de persoal, serán as áreas sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia.

CAPÍTULO VIII FUNCIÓN DIRECTIVA

Artigo 121º.-Función directiva.

1. É persoal directivo aquel que desempeña funcións directivas profesionais no Sistema público de saúde de Galicia. En ningún caso se considerarán incluídas dentro das funcións directivas profesionais as correspondentes aos órganos da consellaría competente en materia de sanidade, do Servizo Galego de Saúde e das entidades instrumentais adscritas a estes cuxos titulares teñan a consideración de alto cargo de acordo co establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. En particular, os estatutos das entidades públicas instrumentais determinarán se as persoas titulares dos seus órganos executivos teñen a consideración de alto cargo, cuxa designación se realizará por decreto do Consello da Xunta de Galicia, ou de persoal directivo profesional.

2. Consideraranse funcións directivas as funcións de dirección, xerencia e xestión do Sistema público de saúde de Galicia nos seus niveis central e periférico, sempre que non correspondan ás funcións dos órganos cuxos titulares teñan a consideración de alto cargo conforme o indicado no número anterior.

3. O persoal directivo estará suxeito a avaliación segundo criterios de eficacia e eficiencia, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que se lle fixen.

4. Os postos de traballo do persoal directivo entenderanse como de especial dedicación e serán incompatibles con calquera outra actividade pública ou privada, agás as derivadas da docencia universitaria nos termos do artigo 4 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

5. A Consellería de Sanidade ou o órgano que se determine regulamentariamente establecerá os criterios e a contía para a remuneración do desempeño de cargos directivos, despois do informe favorable da Consellería de Economía e Facenda.

6. A selección do persoal directivo rexerase polos principios de mérito, capacidade, idoneidade e publicidade.

7. A designación do persoal directivo será realizada polo órgano competente de conformidade coa lexislación vixente, mediante nomeamento de libre designación, de ser nomeado o persoal funcionario ou estatutario fixo, ou contrato de alta dirección, para o caso de persoal que non acredite a devandita condición. En todo caso, se a función directiva que se vai desenvolver implica a participación directa ou indirecta no exercicio das potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da comunidade autónoma e das administracións públicas, o profesional deberá acreditar a condición de funcionario de carreira ou estatutario fixo.

8. O persoal funcionario ou estatutario que acceda ao desempeño de postos directivos será declarado no seu posto de orixe na situación administrativa de servizos especiais de conformidade co Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e coa Lei 55/2003, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde. O desempeño dos servizos prestados nos citados postos será computado para os procesos de selección e provisión como prestados na praza de orixe, así como para os efectos de trienios e a determinación do grao de desenvolvemento profesional.

9. O exercicio da función directiva non impedirá a participación no sistema de desenvolvemento profesional, nin o gozo dos dereitos de carácter económico e/ou profesional inherentes ao grao acreditado.

10. As condicións de traballo do persoal directivo non serán obxecto da negociación colectiva.

Lei 12/2013, do 9 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 121 apartado 4 nova redacción por disposición derradeira cuarta apartado dous.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 121 apartados 1 e 2 nova redacción por artigo único apartado dezaoito.

CAPÍTULO IX GARANTÍAS DE MODERNIZACIÓN E PRESTACIÓN DA ASISTENCIA

Artigo 122º.-Novas tecnoloxías.

1. Como exixencia da ineludible necesidade de incorporar os resultados do desenvolvemento tecnolóxico en beneficio dos usuarios e das usuarias e pacientes, o persoal deberá adaptarse e utilizar as novas tecnoloxías e novas habilidades no desempeño dos postos de traballo.

2. Todo o persoal das unidades nas que se establezan novas tecnoloxías como ferramenta necesaria para a modernización do sector sanitario estará obrigado a adaptarse e a utilizalas cando sexa necesario para a prestación do servizo.

3. A Administración sanitaria realizará as accións formativas necesarias para a adaptación dos traballadores e das traballadoras que requiran o uso de novas tecnoloxías ou novas habilidades no desempeño do seu posto de traballo.

Artigo 123º.-Avaliación do desempeño.

1. A Administración sanitaria establecerá os sistemas e os mecanismos que permitan avaliar o desempeño do traballo polos profesionais na consecución dos obxectivos da organización, a implicación no servizo e o nivel de satisfacción dos usuarios e das usuarias.

2. Nos procedementos e na determinación da avaliación do desempeño rexerán os principios de igualdade, publicidade, ponderación axeitada e transparencia.

3. A Administración sanitaria determinará os efectos que terá a avaliación do desempeño na carreira profesional, a mobilidade, as retribucións complementarias vinculadas á produtividade ou o cumprimento dos obxectivos.

Artigo 124º.-Prestacións en diferentes centros.

Os profesionais poderán prestar servizos conxuntos en dous ou máis centros, aínda cando manteñan a súa vinculación a un só deles, cando se manteñan alianzas estratéxicas ou proxectos de xestión compartida entre distintos establecementos sanitarios, ou así o demanden necesidades urxentes e inaprazables para garantir a asistencia sanitaria en todas as áreas do Sistema Público de Saúde de Galicia. Para estes efectos poderanse expedir nomeamentos ou ditar ordes de servizos específicos vinculados aos citados proxectos ou á cobertura das necesidades asistenciais.

TÍTULO IX DA DOCENCIA, INVESTIGACIÓN E INNOVACIÓN.

CAPÍTULO I DOCENCIA E FORMACIÓN

Artigo 125º.-Principios xerais.

1. A Xunta de Galicia velará pola coordinación entre os sistemas sanitario, educativo e investigador de Galicia, co fin de conseguir unha maior adecuación da formación dos profesionais e das profesionais ás necesidades de saúde da poboación.

2. O Sistema público de saúde de Galicia estará en disposición de ser aproveitado para a docencia de pregrao e de posgrao, conforme o previsto na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e na normativa reguladora das profesións sanitarias. Estableceranse para este efecto os convenios de colaboración que correspondan.

3. A consellaría competente en materia de sanidade promoverá a formación continuada dos profesionais e das profesionais do Sistema público de saúde de Galicia, co obxectivo de axeitar os seus coñecementos e habilidades ás necesidades do profesional ou da profesional, así como ás liñas estratéxicas do sistema. En todos os plans de formación do persoal existirá un módulo sobre a igualdade entre homes e mulleres, no que se fará especial referencia á violencia de xénero.

4. A consellaría competente en materia de sanidade garantirá un sistema autonómico de acreditación da formación continuada das profesións sanitarias, integrado dentro do sistema estatal, co fin de velar pola calidade das actividades de formación continuada realizadas por axentes públicos e privados.

5. A consellaría competente en materia de sanidade establecerá os mecanismos necesarios para garantir o recoñecemento do exercicio das titorías e demais actividades docentes dos profesionais e das profesionais do Sistema público de saúde de Galicia.

A consellaría competente en materia de sanidade adoptará as medidas necesarias para cumprir co mandato da normativa estatal de disposición do Sistema público sanitario de Galicia para a súa utilización na docencia especializada dos profesionais. Entre tales medidas, poderá incluír a relativa a que en cada centro docente acreditado existan postos para cuxa cobertura se requira a correspondente acreditación como titor de formación sanitaria especializada, sen prexuízo da posibilidade de que calquera profesional dos citados centros poida acceder ás funcións de titoría de acordo coa normativa aplicable.

6. As organizacións sindicais participarán na programación e execución do Plan de formación continuada do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Lei 1/2018, do 2 de abril.

Artigo modificado:Artigo 125 nova redacción por artigo único apartado vinte.

Lei 7/2019, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 125 apartado 5 engadido por artigo 37 apartado un.

Artigo 126º.-Colaboración en materia de educación e sanidade.

1. As autoridades públicas competentes en educación e sanidade establecerán o réxime de colaboración entre as universidades e as institucións sanitarias nas que se deben impartir ensinanzas universitarias, para os efectos de garantir a docencia práctica de medicina, enfermaría e outras ensinanzas que así o exixisen, mediante os oportunos convenios.

2. As universidades deberán contar, polo menos, cun hospital e tres centros de atención primaria para o exercicio docente e investigador, concertados segundo o establecido polas disposicións vixentes.

3. Os centros de formación profesional da rama sanitaria contarán con centros asistenciais concertados, segundo as necesidades das distintas especialidades e de acordo coas necesidades organizativas do Sistema Público de Saúde de Galicia.

4. As consellerías competentes en materia de educación e sanidade promoverán a revisión e a mellora continuada dos programas docentes das ensinanzas relacionadas coas ciencias da saúde, co obxecto de conseguir a mellor adecuación da formación dos profesionais e as necesidades do Sistema Público de Saúde de Galicia.

CAPÍTULO II ESCOLA GALEGA DA ADMINISTRACIÓN SANITARIA

Lei 1/2015, do 1 de abril

Artigo derrogado:Artigo 127 derrogado por disposición derrogatoria única apartado dous.

Lei 1/2015, do 1 de abril

Artigo derrogado:Artigo 128 derrogado por disposición derrogatoria única apartado dous.

Lei 1/2015, do 1 de abril

Artigo derrogado:Artigo 129 derrogado por disposición derrogatoria única apartado dous.

Lei 1/2015, do 1 de abril

Artigo derrogado:Artigo 130 derrogado por disposición derrogatoria única apartado dous.

CAPÍTULO III DA INVESTIGACIÓN E A INNOVACIÓN NO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE DE GALICIA

Artigo 131º.-Principios xerais.

1. A Administración sanitaria promoverá a investigación biosanitaria, especialmente na súa vertente translacional, como un instrumento para a mellora da saúde da poboación tendo en conta as prioridades marcadas polos plans de investigación e innovación vixentes en cada momento. Todos os centros e servizos sanitarios estarán en disposición de favorecer e desenvolver a investigación, e promoverán a cultura científica, tecnolóxica e de innovación.

2. A Administración sanitaria tamén promoverá a valorización, a protección e a transferencia do amplo coñecemento xerado polo seu persoal e/ou nos seus centros co obxecto de que os resultados da investigación sexan transferidos á sociedade, así como un modelo de innovación aberta orientado a impulsar a creatividade, a cooperación e a aplicación no sistema sanitario dos cambios que acheguen valor a pacientes e profesionais.

Dentro das medidas de valorización e transferencia do coñecemento, a Administración sanitaria poderá conceder licenzas ou ceder os seus dereitos de explotación sobre os resultados da investigación a favor do seu persoal investigador autor destes ou a favor dun terceiro sen vinculación co Sistema público de saúde de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 34 da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia.

Tamén poderá crear ou participar en spin-off que teñan como obxecto social realizar actividades relacionadas coa investigación sanitaria ás que se lles outorgará unha licenza para a explotación comercial dos resultados, nas condicións que se establezan, e que deberá en todo caso axustarse ao disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e na disposición adicional primeira da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia.

O persoal investigador que teña a consideración de inventor ou autor dos resultados da investigación sanitaria poderá participar nos beneficios obtidos pola consellaría competente en materia de sanidade, polo Servizo Galego de Saúde ou polas súas entidades instrumentais derivados da súa explotación comercial, nos termos que se desenvolvan regulamentariamente.

3. Neste mesmo contexto, a Administración sanitaria tamén impulsará medidas para o desenvolvemento da transferencia inversa do coñecemento que incluirán a posta de manifesto polo sector produtivo das súas necesidades co fin de contribuír a orientar as liñas e obxectivos da investigación dos centros públicos de investigación sanitaria de cara a alcanzar un maior impacto socioeconómico. Así mesmo, impulsaranse medidas de transferencia do coñecemento non orientadas á comercialización ou á explotación mercantilizada, como a creación de espazos ou foros públicos comúns en materia de saúde pública.

4. As autoridades públicas competentes en investigación e sanidade establecerán o réxime de colaboración co Sistema público de saúde de Galicia.

Pola súa parte, a consellaría competente en materia de sanidade, o Servizo Galego de Saúde e as súas entidades instrumentais, de conformidade coas súas respectivas competencias, poderán subscribir contratos ou convenios con outras entidades públicas e/ou privadas para a realización de proxectos específicos de investigación ou innovación, que permitan o desenvolvemento conxunto de novas solucións, servizos ligados ao coñecemento, tecnoloxías ou produtos sanitarios.

5. A Administración sanitaria impulsará, en coordinación coa consellaría competente en materia de I+D+i, e desenvolverá os mecanismos de cooperación, colaboración e articulación de redes tendentes a favorecer que o sector sanitario se converta nun dos motores de desenvolvemento económico de Galicia en termos de actividade produtiva, de xeración de emprego de calidade, de incremento da produtividade e de achega ao produto interior bruto de Galicia.

Nese sentido, co obxecto de impulsar a aplicación de tecnoloxías emerxentes, o fomento da innovación empresarial no ámbito sanitario e a promoción da mellora na calidade dos servizos públicos de saúde, a Administración sanitaria incentivará, na medida en que sexa posible, a presentación de solucións innovadoras nas súas licitacións baixo calquera modalidade de contratación pública de innovación.

6. A Administración sanitaria adoptará medidas para fomentar o investimento público e privado en actividades de investigación e innovación sanitaria e/ou biosanitaria, de acordo co previsto no artigo 35 da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, así como estimulará a sensibilidade pola investigación en saúde pública entre os sectores económicos, académicos e sociais.

7. As consellarías competentes en materia de saúde e de I+D+i crearán unha comisión conxunta de control que avalíe os contratos, acordos, convenios e outras colaboracións que se poidan establecer no eido da investigación sanitaria, para velar pola transparencia e o fortalecemento do sistema público.

CAPÍTULO IV INSTITUTO GALEGO DE INVESTIGACIÓN SANITARIA

Lei 1/2015, do 1 de abril

Artigo derrogado:Artigo 132 derrogado por disposición derrogatoria única apartado dous.

Lei 1/2015, do 1 de abril

Artigo derrogado:Artigo 133 derrogado por disposición derrogatoria única apartado dous.

Lei 1/2015, do 1 de abril

Artigo derrogado:Artigo 134 derrogado por disposición derrogatoria única apartado dous.

Lei 1/2015, do 1 de abril

Artigo derrogado:Artigo 135 derrogado por disposición derrogatoria única apartado dous.

TÍTULO X DA COORDINACIÓN INTERDEPARTAMENTAL DA ATENCIÓN SOCIOSANITARIA

Artigo 136º.-Principios xerais.

1. A consecución dunha sociedade galega de avanzada calidade de vida, onde todas as persoas teñan dereito ao benestar e a vivir a súa vida con plenitude, saúde e madureza, de acordo coas súas decisións, precisa uns servizos sociosanitarios axeitados e de calidade.

2. Como parte dos servizos de benestar, a atención sociosanitaria deberá cubrir as diferentes necesidades das persoas baixo criterios de igualdade, equidade, accesibilidade, universalidade e complementariedade na acción das diferentes administracións.

3. Neste sentido a Consellería de Sanidade promoverá a cooperación e a coordinación co Sistema Galego de Servizos Sociais, para que a atención ás circunstancias e necesidades sociais e mais as accións de prevención e asistencia sanitaria se complementen de forma axeitada. Igualmente, fomentará actuacións integrais sociais e sanitarias ante aquelas circunstancias de dependencia, cronicidade, discapacidade ou outras nas que a cooperación dos dous sistemas comporte vantaxes sociais e asistenciais.

Artigo 137º.-Instrumento de coordinación.

1. Coa finalidade de garantir unha axeitada, efectiva e eficiente coordinación institucional créase a Comisión Interdepartamental de Coordinación da Atención Sociosanitaria de Galicia.

2. A Comisión Interdepartamental de Coordinación da Atención Sociosanitaria de Galicia estará integrada polo menos por:

a) A persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade.

b) A persoa titular do departamento da Xunta de Galicia con competencias na planificación e a ordenación do Sistema Galego de Servizos Sociais.

c) A persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade.

d) As persoas titulares da(s) secretaría(s) xeral/xerais da(s) consellería(s) con competencias en materia de benestar social.

e) Dúas persoas representantes do Servizo Galego de Saúde.

f) Unha persoa representante de cada unha das diferentes áreas da Administración da Xunta de Galicia con competencias no ámbito sociosanitario.

g) Unha persoa representante da Consellería de Economía e Facenda.

3. Por decreto da Xunta de Galicia determinaranse os sistemas de asignación de representantes na comisión, así como os mecanismos para a súa designación.

4. Son funcións da Comisión Interdepartamental de Coordinación da Atención Sociosanitaria de Galicia:

a) Orientar as directrices da política sociosanitaria de Galicia.

b) Coordinar as diferentes administracións e organizacións que participan na atención sociosanitaria.

c) Proporcionar a información que permita o funcionamento en rede dos centros e das entidades dedicadas á atención sociosanitaria.

d) Colaborar na resolución dos problemas que se identifican en Galicia dentro da atención sociosanitaria.

e) Coordinar os diferentes recursos para acadar a eficiencia na prestación de servizos sociosanitarios.

f) Elaborar o seu regulamento de funcionamento.

5. Por orde conxunta das consellerías competentes en materia de sanidade e benestar social estableceranse as normas xerais de organización e funcionamento da comisión interdepartamental.

6. Por decreto da Xunta de Galicia e por proposta da Comisión Interdepartamental de Coordinación da Atención Sociosanitaria de Galicia estableceranse os mecanismos e os instrumentos de coordinación da atención sociosanitaria a nivel territorial nas áreas sanitarias. Nestes instrumentos de coordinación garantirase unha axeitada representación dos poderes públicos locais con competencias na materia.

TÍTULO XI Da COMISIÓN INTERPARTAMENTAL EN MATERIA DE EDUCACIÓN E SAÚDE

Artigo 138º.-Creación da Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde.

Coa finalidade de establecer de forma permanente a coordinación e o impulso necesarios para o desenvolvemento de iniciativas de promoción, protección e educación para a saúde, e atendendo aos principios de eficacia, eficiencia e participación, créase a Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde.

Artigo 139º.-Composición e funcionamento.

1. A composición da Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde, da que formarán parte as persoas titulares das consellarías con competencia en materia educativa e sanitaria, regularase por decreto do Consello da Xunta.

2. As normas xerais de organización e funcionamento desta comisión estableceranse por orde conxunta das consellarías competentes en materia educativa e sanitaria.

3. Na composición deste órgano procurarase unha presenza paritaria de mulleres e homes.

Artigo 140º.-Funcións.

Son funcións da Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde as seguintes:

a) A análise dos estudos dos problemas de saúde relevantes e a súa incidencia no ámbito educativo.

b) A aprobación ou proposta, de ser o caso, de liñas de actuación preferentes.

c) A coordinación dos diferentes recursos existentes para acadar unha maior eficiencia na promoción da saúde no ámbito educativo.

d) A coordinación das intervencións relacionadas coa protección da saúde; en particular, aquelas orientadas á seguridade alimentaria e á protección fronte a riscos ambientais.

e) A coordinación dos programas desenvolvidos para a atención aos escolares e ás escolares con necesidades especiais de saúde.

f) Aqueloutras que veñan establecidas por disposicións normativas de carácter xeral.

Disposición adicional única. Sistema integrado de información da investigación clínica do Sistema Público de Saúde de Galicia

1. A consellaría competente en materia de sanidade porá en marcha un Sistema integrado de información da investigación clínica do Sistema Público de Saúde de Galicia que dea cobertura a todos os centros que o compoñen, coa finalidade de aproveitar as sinerxías en investigación clínica e facilitar e fomentar a incorporación de terapias innovadoras en fases temperás de desenvolvemento.

2. Na implantación deste sistema adoptaranse todas as medidas tecnolóxicas, organizativas e de seguridade que sexan necesarias para garantir o cumprimento da lexislación sectorial específica e sobre protección de datos, así como para mellorar a coordinación das actuacións desenvolvidas na xestión das actividades de investigación e proporcionar maior valor aos seus resultados.

Dentro destas medidas, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde promoverá o traballo en rede que facilite a xestión dos distintos tipos de estudos de investigación e a colaboración e a coordinación entre os distintos centros, entidades e servizos sanitarios. Para iso, aprobará modelos de contratos para a realización dos ensaios clínicos e recomendacións e instrucións para a realización dos devanditos estudos de investigación no Sistema Público de Saúde de Galicia.

3. A consellaría competente en materia de sanidade, como responsable do tratamento dos datos dentro do Sistema Público de Saúde de Galicia, incluirá no rexistro de actividades de tratamento efectuadas baixo a súa responsabilidade a información sobre os tratamentos de datos con fins de investigación en saúde e, en particular, con fins de investigación biomédica, conforme o previsto no artigo 30 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE. Así mesmo, aprobará modelos de contrato de encargado de tratamento de datos para a súa utilización dentro do Sistema Público de Saúde de Galicia.

A consellaría competente en materia de sanidade incluirá no alcance da súa análise e xestión dos riscos do tratamento de datos os estudos de investigación con datos de saúde realizados dentro do Sistema Público de Saúde de Galicia e realizará unha avaliación de impacto relativa á protección dos datos que abarque todos os anteditos estudos de investigación.

Así mesmo, calquera estudo de investigación con datos de saúde que se realice no Sistema Público de Saúde de Galicia requirirá a valoración previa por parte da consellaría competente en materia de sanidade, como responsable do tratamento, sobre a existencia de base lexítima para o tratamento.

4. Coa finalidade de mellorar a calidade e adecuación dos datos xerados nas actividades de investigación e axilizar a participación do Sistema Público de Saúde de Galicia na investigación, desenvolvemento e innovación en medicamentos, dispositivos ou outras tecnoloxías obxecto da investigación, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde poderá impulsar a realización de diálogos temperáns, de acordo coa normativa aplicable e co obxectivo de proporcionar un asesoramento científico prospectivo e oportuno antes do inicio dos ensaios clínicos.

5. A consellaría competente en materia de sanidade creará un rexistro autonómico de xestión dos consentimentos recollidos na disposición adicional décimo sétima da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. Neste rexistro recolleranse de xeito coherente e unificado os ditos consentimentos, garantindo o máximo respecto aos dereitos recoñecidos no tratamento de datos relativos ás persoas físicas no marco dos proxectos de investigación en saúde.

Este rexistro estará conectado co Sistema integrado de Información da Investigación Clínica do Sistema Público de Saúde de Galicia e coa Historia Clínica Electrónica.

Lei 1/2015, do 1 de abril

Artigo derrogado:Disposición adicional única derrogada por disposición derrogatoria única apartado dous.

Lei 7/2019, do 23 de decembro.

Artigo engadido:Disposición adicional única engadida por artigo 37 apartado dous.

Disposicións transitorias

Primeira.-Desenvolvemento da estrutura da consellería e do Servizo Galego de Saúde.

No prazo de seis meses, contados a partir da entrada en vigor desta lei, aprobaranse as normas regulamentarias que resulten necesarias para adaptar a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ao establecido nela, manténdose en tanto vixentes as normas de estrutura e de delegación de competencias vixentes na data de entrada en vigor desta lei.

Segunda.-Áreas sanitarias.

1. Mentres non se estableza a estrutura das áreas sanitarias correspondentes manteranse as estruturas das direccións provinciais, baixo a dependencia do secretario xeral do Sergas, coas seguintes funcións:

a) A avaliación, o seguimento e o control dos plans e das actuacións do Sergas.

b) A dirección da xestión dos servizos da dirección provincial e o exercicio da supervisión e do seguimento das súas actividades, asumindo a plena representatividade deles.

c) As informacións previas e instrucións de expedientes disciplinarios do persoal estatutario nonfacultativo, nos termos previstos na normativa reguladora.

d) A recepción, a tramitación e, de ser o caso, a resolución de cantas denuncias, queixas, recursos e reclamacións se produzan no seu ámbito funcional.

e) A coordinación daquelas cuestións que afecten máis dun centro ou institución sanitaria, así como a relación entre os hospitais e os servizos de atención primaria.

f) A xestión do persoal da propia dirección provincial e a avaliación, o seguimento e o control da xestión do persoal de todos os centros de gasto e das institucións sanitarias do seu ámbito territorial.

g) A xestión económica da propia dirección provincial e a avaliación, o seguimento e o control da xestión dos centros de gasto e das institucións, así como a xestión económica das prestacións sanitarias.

h) Calquera outra función, competencia administrativa ou atribución que as leis e as demais disposicións xerais lles confiran ou que lles sexan delegadas pola autoridade competente.

2. Sen prexuízo do anterior, o conselleiro ou a conselleira de Sanidade e o presidente ou a presidenta do Servizo Galego de Saúde poderá delegar nos xerentes de atención primaria e especializada funcións relacionadas cos seus correspondentes ámbitos de actuación.

Lei 12/2013, do 9 de decembro.

Artigo derrogado:Disposición transitoria segunda queda sen efecto por disposición transitoria terceira apartado tres.

Disposición derrogatoria

Única.-

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei, en particular, a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia; a Lei 5/1983, do 30 de xuño, de sanidade escolar, e o Decreto 44/1985, do 29 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de sanidade escolar.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación do artigo 8 da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo.

Para os efectos determinados no artigo 18 desta lei, modifícase o artigo 8 da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, que quedará redactado como segue:

«Artigo 8

1. O Valedor do Pobo estará auxiliado por ata un máximo de tres vicevaledores ou vicevaledoras, nos que poderá delegar as súas funcións e que o substituirán no exercicio delas de acordo coa orde que se estableza no seu nomeamento, segundo o disposto no artigo 5º.4 desta lei.

2. Un dos vicevaledores ou unha das vicevaledoras será designado ou designada para o exercicio das funcións previstas no capítulo V do título I da Lei de saúde de Galicia, e para estes efectos terán a consideración de vicevaledor ou vicevaledora do paciente».

Segunda.-Desenvolvemento regulamentario da lei.

Sen prexuízo do previsto nas disposicións adicionais e transitorias desta lei, autorízase o Consello da Xunta para que aprobe os regulamentos que sexan necesarios para a aplicación e o desenvolvemento desta lei.

Terceira.-Entrada en vigor da lei.

Esta lei entrará en vigor dous meses despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia