lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 10/2012, do 3 de agosto, de modificación da estrutura do Valedor do Pobo.

Publicado en: DOG 154 13/08/2012

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

De acordo co establecido na disposición derradeira segunda, esta norma entrou en vigor o 3 de setembro de 2015.

Exposición de motivos

O Valedor do Pobo é unha institución prevista no artigo 14 do Estatuto de autonomía de Galicia. A súa función estatutaria concretouse na Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, que lle atribuíu a defensa dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas recoñecidos na Constitución e a tutela dos dereitos individuais e colectivos emanados do Estatuto de autonomía. Tamén desenvolve as demais funcións que a lei lle atribúe, entre as que destaca a garantía do sometemento das administracións galegas á lei e ao dereito. Para tales efectos, o Valedor do Pobo supervisa a actividade das administracións por iniciativa propia (de oficio) e a través das queixas da cidadanía, promovendo desa forma unha mediación que posibilite, de ser o caso, a solución rápida dos problemas que afectan a cidadanía na súa relación coas administracións.

Tanto a previsión estatutaria do Valedor do Pobo coma o seu labor convérteno nun elemento relevante da estrutura institucional da Comunidade Autónoma. E o desenvolvemento adecuado das súas funcións sérvelle á cidadanía como un instrumento útil, rápido e gratuíto á hora de facer efectivos os seus dereitos dun xeito alternativo ás canles ordinarias.

As funcións atribuídas ao Valedor do Pobo deben realizarse de forma eficaz, pero tamén eficiente. Por iso, cómpre, garantíndolle os medios persoais e materiais precisos para o desenvolvemento do seu labor, dotalo dos mecanismos legais que lle permitirán funcionar con maior eficacia e eficiencia, para o que esta norma simplifica a súa estrutura de altos cargos, e dálle un impulso á promoción das comunicacións telemáticas e ao afianzamento dun procedemento caracterizado pola simplicidade e a rapidez.

Esta lei contén tamén unha previsión transitoria que permite a continuidade institucional mentres non se leve a cabo a renovación do titular prevista na Lei 6/1984, do 5 de xuño, de tal maneira que sexan as previsións desta norma as que permitan cubrir o período interino.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de modificación da estrutura do Valedor do Pobo.

Artigo 1. Modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo

A Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, queda modificada como segue a continuación:

Un. Os puntos 1, 2 e 4 do artigo 5 quedan redactados do seguinte xeito:

«1.6ª) Pola perda da condición política de galego ou galega.»

«2. O presidente do Parlamento declarará a vacante no cargo nos supostos de morte, renuncia, expiración do prazo do mandato ou perda da condición política de galego. Nos outros casos, decidirá o Pleno do Parlamento pola maioría establecida das tres quintas partes dos membros do Parlamento, mediante debate e logo de audiencia do interesado.»

«4. Nos demais supostos, a Comisión de Peticións poderá acordar por maioría simple, en tanto non se cubra a vacante, o desempeño das funcións do valedor do pobo polo seu adxunto, interinamente.»

Dous. O artigo 8 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 8

O valedor do pobo estará auxiliado por un adxunto, en quen poderá delegar as súas funcións e que o substituirá no exercicio destas.»

Tres. O artigo 9 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 9

1. A Comisión de Peticións propoñeralle ao valedor do pobo o nomeamento do adxunto. O nomeamento e o cesamento deste correspóndenlle ao valedor do pobo.

2. O nomeamento e o cesamento do adxunto serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

3. O adxunto deberá reunir as condicións establecidas no artigo 3.1, gozará durante o exercicio das súas funcións de todas as prerrogativas e garantías recoñecidas no artigo 6 e estará sometido ao réxime de incompatibilidades preceptuado no artigo 7 desta lei.»

Catro. O artigo 10.2 queda redactado do seguinte xeito:

«2. O cadro de persoal será aprobado pola Mesa do Parlamento por proposta do valedor do pobo. Dentro do devandito cadro, o valedor do pobo poderá designar catro asesores, sempre que sexa posible dentro dos límites orzamentarios.

O persoal restante deberá reunir a condición previa de funcionario de calquera das administracións públicas e poderá ser adscrito á súa oficina por libre designación ou por concurso público segundo a relación de postos de traballo.»

Cinco. O artigo 11 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 11

O adxunto e os asesores adscritos á oficina do Valedor do Pobo cesarán automaticamente no momento da toma de posesión dun novo valedor do pobo nomeado polo Parlamento.»

Seis. O punto 2 do artigo 12 queda redactado do seguinte xeito:

«2. A autorización dos gastos e a ordenación dos pagamentos corresponderanlle ao valedor do pobo, quen poderá delegalas no adxunto, e os réximes de contabilidade, intervención, contratación e adquisición de bens e dereitos serán os que rexan no Parlamento de Galicia.»

Sete. Engádeselle un novo punto 4 ao artigo 16, co seguinte texto:

«4. O Valedor do Pobo, para acelerar as comunicacións coas persoas interesadas e as administracións, utilizará sempre que sexa posible as comunicacións por vía telemática.»

Oito. O punto 1 do artigo 18 queda redactado do seguinte xeito:

«1. Toda queixa dirixida ao Valedor do Pobo poderá ser formulada oralmente ou por escrito, onde conste a identificación e o enderezo postal ou telemático do peticionario e se relate o feito que a motiva. As queixas orais só se poderán presentar na oficina da institución e deberán ser transcritas e asinadas pola persoa interesada. As queixas, que deberán ir subscritas, tramitaranse de xeito confidencial de o interesado o solicitar.»

Nove. O artigo 19 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 19

O Valedor do Pobo tramitará ou rexeitará as queixas recibidas. Só poderá rexeitar as queixas recibidas polos motivos establecidos nesta lei, e farao sempre mediante escrito motivado, no que se poderá informar a persoa interesada do máis oportuno en dereito á súa actuación.»

Dez. O punto primeiro do artigo 22 queda redactado do seguinte xeito:

«1. Admitida a trámite unha queixa, o Valedor do Pobo promoverá a oportuna investigación sumaria e informal. En todo caso, informará o organismo ou a dependencia administrativa do contido substancial da solicitude, reunindo cantos datos coide pertinentes, que terán que serlle remitidos no prazo de quince días, a non ser que a complexidade do asunto aconselle, ao seu criterio, prorrogar o prazo por un mes.»

Once. O artigo 23 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 23

No exercicio das súas funcións, o valedor do pobo, o seu adxunto ou a persoa en que delegue poderán comparecer en calquera centro ou dependencia da administración pública da Comunidade Autónoma galega, dos seus entes e empresas públicas dependentes desta ou afectos a un servizo público, para a comprobación de datos, realización de entrevistas persoais, estudo de expedientes e documentos relacionados co motivo da súa actuación sen que se lle poida negar o exame da documentación interesada, excepto nos casos taxativamente establecidos pola lei.»

Doce. O artigo 27 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 27

Se as autoridades, os funcionarios ou os axentes dificultaren ou entorpeceren a actuación do valedor do pobo, do seu adxunto ou delegados, aquel dará conta ao superior xerárquico e, se for o caso, ao Ministerio Fiscal para o exercicio das accións que poidan proceder, e recollerá tales actitudes nos seus informes ao Parlamento de Galicia.»

Trece. Engadir un novo parágrafo ao final do artigo 34, redactado do seguinte xeito:

«En todo caso, transcorridos tres meses desde a admisión a trámite dunha queixa, o Valedor do Pobo deberá informar a quen a formulase do seu estado.»

Catorce. Engadir unha disposición adicional bis, redactada do seguinte xeito:

«Disposición adicional bis

O Valedor do Pobo garantirá a posibilidade de presentar e tramitar por medios telemáticos as queixas, as solicitudes, as consultas e as comunicacións.»

Quince. Engadir unha disposición adicional ter, co seguinte contido:

«Disposición adicional ter

As referencias que se conteñen nesta lei á figura do valedor do pobo e do seu adxunto deberán entenderse referidas ao valedor ou á valedora do pobo e ao adxunto ou á adxunta.»

Artigo 2. Modificación da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia

A Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, queda modificada como segue a continuación:

Modifícase a alínea b) do punto 2 do artigo 4, que queda redactada do seguinte xeito:

«b) O valedor do pobo e o seu adxunto.»

Artigo 3. Modificación da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, queda modificada como segue a continuación:

Modifícase o artigo 44, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 44. Defensa dos dereitos da infancia e da adolescencia

As persoas menores de idade para a defensa dos seus dereitos poderán, persoalmente ou a través de quen as represente legalmente:

a) Dirixirse a calquera administración pública en demanda da protección que precisen e solicitar da que resulte competente os recursos sociais dispoñibles.

b) Poñer en coñecemento do Ministerio Fiscal todas aquelas situacións e actuacións que atenten contra os seus dereitos e contra a súa integridade física e moral.

c) Presentar queixas perante o Valedor do Pobo, quen, para a defensa dos dereitos referidos, poderá asignar, baixo a súa supervisión, a competencia ao seu adxunto.

As autoridades ou os responsables en materia de menores facilitaranlle ao Valedor do Pobo toda a información que lles sexa requirida.

Prestarase especial atención a:

- Defender os dereitos das e dos menores a todos os niveis.

– Velar polo respecto da lexislación vixente en materia de protección de menores.

– Propoñer, a través do Valedor do Pobo, medidas susceptibles de melloraren a protección das e dos menores ou de perfeccionaren a aplicación das xa existentes.

– Promover diante da sociedade galega a información sobre os dereitos referidos e sobre as medidas que é necesario tomar para a súa mellor atención e coidado.»

Artigo 4. Modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, queda modificada como queda a continuación:

Un.– O artigo 18 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 18. Obxecto e natureza

As atribucións do Valedor do Pobo en relación coa Administración sanitaria serán exercidas polo seu titular ou en caso de delegación a través do seu adxunto ou adxunta, que terá a consideración de valedor ou valedora do paciente e terá atribuída a defensa e a promoción dos dereitos e intereses dos usuarios e das usuarias do Sistema Público de Saúde de Galicia, baixo a supervisión do valedor do pobo.»

Dous. O artigo 19 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 19. Ámbito de actuación

As actuacións do valedor do pobo ou do seu adxunto como valedor ou valedora do paciente terán como ámbito o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta o peso da emigración na nosa comunidade autónoma, o ámbito de actuación do valedor ou da valedora do paciente comprenderá tamén aqueles centros sanitarios e institucións que teñan unha relación contractual ou de convenio coa Xunta de Galicia, aínda que se atopen fóra da comunidade.»

Tres. O artigo 20 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 20. Actuacións

1. No exercicio das súas atribucións, o valedor do pobo, directamente ou a través do seu adxunto, poderá iniciar e proseguir de oficio, ou por pedimento de parte, calquera investigación que conduza ao esclarecemento dos actos e das resolucións da administración relacionados cos servizos sanitarios e sociosanitarios.

2. Poderá dirixir suxestións ou reclamacións, nese aspecto, á oficina do Valedor do Pobo, directamente ou a través do seu adxunto, toda persoa natural ou xurídica que invoque un interese lexítimo en relación con situacións de lesión dos dereitos dos pacientes recoñecidos nesta lei.

3. Exclúese do disposto na alínea anterior a autoridade administrativa en asuntos da súa competencia, agás cando exerza como responsable directo dunha persoa menor de idade ou incapacitada legalmente na súa condición de usuaria.»

Catro. O artigo 21 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 21. Facultades

O valedor ou a valedora do pobo, ben directamente ou ben a través do seu adxunto, terá acceso directo a calquera centro sanitario ou de carácter administrativo da Comunidade Autónoma e, con suxeición á normativa de protección de datos, a calquera dos seus arquivos e rexistros.»

Disposición derradeira primeira

Nun prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta norma o Valedor do Pobo remitiralle ao Parlamento un proxecto de reforma do seu regulamento adaptado a esta reforma, para a súa tramitación de acordo co previsto nas Normas para a tramitación do Proxecto de regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, aprobadas pola Mesa do Parlamento na súa reunión do 10 de marzo de 1993.

Disposición derradeira segunda

Esta lei entrará en vigor ao día seguinte da toma de posesión do seu cargo dun valedor do pobo titular.

Santiago de Compostela, tres de agosto de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia