lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 1/2023, do 14 de marzo, de medidas sobre o réxime xurídico do persoal ao servizo do Valedor do Pobo e do Consello de Contas.

Publicado en: DOG 55 20/03/2023

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

A experiencia estatutaria de funcionamento dos órganos obxecto da presente lei e a evolución normativa levada a cabo nas distintas administracións públicas aconsellan, por razón de eficiencia institucional, a actualización de certos aspectos instrumentais referidos ao réxime xurídico do persoal que integra os citados órganos.

Coa finalidade expresada e tendo en conta a motivación común das reformas puntuais propostas, resulta aconsellable a tramitación simultánea da reforma das dúas leis reguladoras das citadas institucións, isto é, a Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, e mais a Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de medidas sobre o réxime xurídico do persoal ao servizo do Valedor do Pobo e do Consello de Contas.

Artigo 1. Modificación da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas

Un. Modifícase a letra l) do número 2 do artigo 13, que queda redactada como segue:

«I) O exercicio da súa profesión ou de calquera outra actividade remunerada, agás a docencia, a produción e creación literaria, artística, científica e técnica e as publicacións derivadas daquela nos termos previstos na normativa reguladora do Poder Xudicial, sempre que a citada remuneración non proveña dalgunha das entidades do sector público da Comunidade Autónoma ou das persoas físicas ou xurídicas que están sometidas á actuación do Consello de Contas en virtude do disposto nos apartados 2 e 3 do artigo 2 desta lei».

Dous. Engádese un apartado 2 bis no artigo 17, coa seguinte redacción:

«2 bis. O conxunto de postos de traballo vacantes recollidos na relación de postos de traballo poderá constituír a oferta de emprego público do Consello de Contas, de conformidade co disposto na lexislación da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de emprego público. A citada oferta de emprego público comunicarase á Mesa do Parlamento de Galicia. A selección do persoal do Consello poderá efectuarse mediante convocatoria pública polos sistemas de oposición, concurso-oposición e concurso, debendo garantirse, en todo caso, os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, de conformidade co establecido na lexislación da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de emprego público»

Artigo 2. Modificación da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo

Un. Modifícase o artigo 10, que queda redactado da seguinte forma:

«1. O persoal ao servizo do Valedor do Pobo considerarase persoal ao servizo do Parlamento mentres permaneza no exercicio das súas funcións. Dependerá orgánica, funcional e disciplinariamente do Valedor do Pobo e rexerase polas normas de réxime interior previstas na disposición adicional e, con carácter supletorio, polo Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

2. O cadro de persoal será aprobado pola Mesa do Parlamento, por proposta do valedor ou da valedora do pobo. Dentro do devandito cadro, o valedor ou a valedora do pobo poderá designar ata cinco persoas asesoras, sempre que sexa posible dentro dos límites orzamentarios e sen prexuízo das substitucións que procedan de acordo con causas debidamente xustificadas.

O persoal restante deberá reunir a condición previa de funcionario ou funcionaria de calquera das administracións públicas e poderá ser adscrito á súa oficina por libre designación ou por concurso público, segundo a relación de postos de traballo.

3. O persoal funcionario proveniente das administracións públicas galegas, parlamentaria, local e da Comunidade Autónoma, adscrito á oficina do Valedor do Pobo terá dereito a ser declarado na situación administrativa de servizos especiais na súa administración de orixe, agás o que se incorpore por concurso público, que pasará á situación prevista no artigo 54 da Lei da función pública de Galicia».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos quince días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia