lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

Publicado en: DOG 84 14/07/1983

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

O proceso histórico centralista acentuado no decorrer dos séculos tivo para Galicia dúas consecuencias profundamente negativas: anula-la posibilidade de constituír institucións propias e impedi-lo desenvolvemento da nosa cultura xenuína cando a imprenta ía promove-lo grande despegue das culturas modernas.

Sometido a esta despersonalización política e a esta marxinación cultural, o pobo galego padeceu unha progresiva depauperación interna que xa no século XVIII foi denunciada polos ilustrados e que, desde mediados do XIX, foi constantemente combatida por tódolos galegos conscientes da necesidade de evita-la desintegración da nosa personalidade.

A Constitución de 1978, ó recoñece-los nosos dereitos autonómicos como nacionalidade histórica, fixo posible a posta en marcha dun esforzo constructivo encamiñado á plena recuperación da nosa personalidade colectiva e da súa potencialidade creadora.

Un dos factores fundamentais desa recuperación é a lingua, por se-lo núcleo vital da nosa identidade. A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade. Únenos co pasado do noso pobo, porque del a recibimos como patrimonio vivo, e uniranos co seu futuro, porque a recibirá de nós como legado da identidade común. E na Galicia do presente serve de vínculo esencial entre os galegos afincados na terra nativa e os galegos emigrados polo mundo.

A presente Lei, de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía garantiza a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo.

Polas devanditas razóns, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 22 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de Normalización Lingüística.

Téñase en conta a Sentencia núm. 84/1986, do 26 de xuño dictada polo Tribunal Constitucional, que declara inconstitucional o inciso «o deber de coñecelo» do artigo 1.

Título I Dos dereitos lingüísticos en Galicia

Artigo 1

O galego é a lingua propia de Galicia.

Tódolos galegos teñen o deber de coñecelo e o dereito de usalo.

Artigo 2

Os poderes públicos de Galicia garantizarán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma.

Artigo 3

Os poderes públicos de Galicia adoptarán as medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razón de lingua.

Os cidadáns poderán dirixirse ós xuíces e tribunais para obte-la protección xudicial do dereito a emprega-la súa lingua.

Título II Do uso oficial do galego

Artigo 4

1. O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma.

2. Tamén o é o castelán como lingua oficial do Estado.

Artigo 5

As leis de Galicia, os Decretos lexislativos, as disposicións normativas e as resolucións oficiais da Administración Pública galega publicaranse en galego e castelán no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6

1. Os cidadáns teñen dereito ó uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

2. As actuacións administrativas en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada.

3. Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.

4. A Xunta dictará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As Corporacións Locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta Lei.

Artigo 7

1. No ámbito territorial de Galicia, os cidadáns poderán utilizar calquera das dúas linguas oficiais nas relacións coa Administración de Xusticia.

2. As actuacións xudiciais en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada. En todo caso, a parte ou o interesado terá dereito a que se lle entere ou notifique na lingua oficial que elixa.

3. A Xunta de Galicia promoverá, de acordo cos órganos correspondentes, a progresiva normalización do uso do galego na Administración de Xusticia.

Artigo 8

Os documentos públicos outorgados en Galicia poderanse redactar en galego ou castelán. De non haber acordo entre as partes, empregaranse ámbalas dúas linguas.

Artigo 9

1. Nos Rexistros Públicos dependentes da Administración autonómica, os asentamentos faranse na lingua oficial en que estea redactado o documento ou se faga a manifestación. Se o documento é bilingüe, inscribirase na lingua que indique quen o presenta no Rexistro. Nos Rexistros Públicos non dependentes da Comunidade Autónoma, a Xunta de Galicia promoverá, de acordo cos órganos competentes, o uso normal do galego.

2. As certificacións literais expediranse na lingua na que se efectuase a inscrición reproducida. Cando non sexa transcrición literal do asentamento, empregarase a lingua oficial interesada polo solicitante.

3. No caso de documentos inscritos en doble versión lingüística pódense obter certificacións en calquera das versións, a vontade do solicitante.

Artigo 10

1. Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.

2. Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente.

3. Estas denominacións son as legais a tódolos efectos e a rotulación terá que concordar con elas. A Xunta de Galicia regulamentará a normalización da rotulación pública respetando en tódolos casos as normas internacionais que subscriba o Estado.

Artigo 11

1. A fin de facer efectivos os dereitos recoñecidos no presente Título, os poderes autonómicos promoverán a progresiva capacitación no uso do galego do persoal afecto á Administración Pública e ás empresas de carácter público en Galicia.

2. Nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da Administración Autónoma e Local considerarase, entre outros méritos, o grado de coñecemento das linguas oficiais, que se ponderará para cada nivel profesional.

3. Na resolución dos concursos e oposicións para prove-los postos de Maxistrados, Xuíces, Secretarios Xudiciais, Fiscais e tódolos funcionarios ó servicio da Administración de Xusticia, así como Notarios, Rexistradores da Propiedade e Mercantís, será mérito preferente o coñecemento do idioma galego.

Título III Do uso do galego no ensino

Artigo 12

1. O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos.

2. A Xunta de Galicia regulamentará a normalización do uso das linguas oficiais no ensino, de acordo coas disposicións da presente Lei.

Artigo 13

1. Os nenos teñen dereito a recibi-lo primeiro ensino na súa lingua materna.

O Goberno Galego arbitrará as medidas necesarias para facer efectivo este dereito.

2. As Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promove-lo uso progresivo do galego no ensino.

3. Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razón da lingua. Tamén se evitará, a non ser que con carácter excepcional as necesidades pedagóxicas así o aconsellaren, a separación en aulas diferentes.

Artigo 14

1. A lingua galega é materia de estudio obrigatorio en tódolos niveis educativos non universitarios.

Garantizarase o uso efectivo deste dereito en tódolos centros públicos e privados.

2. O Goberno Galego regulará as circunstancias excepcionais en que un alumno pode ser dispensado do estudio obrigatorio da lingua galega. Ningún alumno poderá ser dispensado desta obriga se tivera cursado sen interrupción os seus estudios en Galicia.

3. As autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantizarán que ó remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.

Artigo 15

1. Os profesores e os alumnos no nivel universitario teñen o dereito a empregar, oralmente e por escrito, a lingua oficial da súa preferencia.

2. O Goberno Galego e as autoridades universitarias arbitrarán as medidas oportunas para facer normal o uso do galego no ensino universitario.

3. As autoridades educativas adoptarán as medidas oportunas a fin de que a lingua non constitúa obstáculo para facer efectivo o dereito que teñen os alumnos a recibir coñecementos.

Artigo 16

1. Nos cursos especiais de educación de adultos e nos cursos de ensino especializado nos que se ensine a disciplina de lingua, é preceptivo o ensino do galego.

Nos centros de ensino especializado dependentes da Xunta de Galicia establecerase o ensino da lingua galega nos casos en que o seu estudio non teña carácter obrigatorio.

2. Nos centros de educación especial para alumnos con deficiencias físicas ou mentais para a aprendizaxe, empregarase como lingua instrumental aquela que, tendo en conta as circunstancias familiares e sociais de cada alumno, mellor contribúa ó seu desenvolvemento.

Artigo 17

1. Nas Escolas Universitarias e demais centros de Formación do Profesorado será obrigatorio o estudio da lingua galega. Os alumnos destes centros deberán adquiri- la capacitación necesaria para facer efectivos os dereitos que se amparan na presente Lei.

2. As autoridades educativas promoverán o coñecemento do galego por parte dos profesores dos niveis non incluídos no párrafo anterior, a fin de garantiza-la progresiva normalización do uso da lingua galega no ensino.

Título IV Do uso do galego nos medios de comunicación

Artigo 18

O galego será a lingua usual nas emisoras de radio e televisión e nos demais medios de comunicación social sometidos a xestión ou competencia das institucións da Comunidade Autónoma.

Artigo 19

O Goberno Galego prestará apoio económico e material ós medios de comunicación non incluídos no artigo anterior que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.

Artigo 20

Serán obrigas da Xunta de Galicia:

1. Fomenta-la producción, a doblaxe, a subtitulación e a exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega.

2. Estimula-las manifestacións culturais, representacións teatrais e os espectáculos feitos en lingua galega.

3. Contribuír ó fomento do libro en galego, con medidas que potencien a producción editorial e a súa difusión.

Título V Do galego exterior

Artigo 21

1. O Goberno Galego fará uso dos recursos que lle confiren a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía para que os emigrantes galegos poidan dispoñer de servicios culturais e lingüísticos en lingua galega.

2. Así mesmo fará uso do previsto no artigo 35 do Estatuto de Autonomía a fin de protexe-la lingua galega falada en territorios limítrofes coa Comunidade Autónoma.

Título VI Da Administración Autonómica e a función normalizadora

Artigo 22

O Goberno Galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega; asesorará á Administración e ós particulares, e coordinará os servicios encamiñados a consegui-los obxectivos da presente Lei.

Artigo 23

O Goberno Galego establecerá un plan destinado a resalta-la importancia da lingua como patrimonio histórico da comunidade e a poñer de manifesto a responsabilidade e os deberes que esta ten respecto da súa conservación, protección e transmisión.

Artigo 24

1. A Escola Galega de Administración Pública encargarase da formación dos funcionarios a fin de que poidan usa-lo galego nos términos establecidos pola presente Lei.

2. O dominio das linguas galega e castelá será condición necesaria para obte-lo diploma da Escola Galega de Administración Pública.

Artigo 25

O Goberno Galego e as Corporacións Locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras. Con esta finalidade e por actos singulares, poderanse outorgar reduccións ou exencións das obrigas fiscais.

Disposición adicional

Nas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega, estimarase como criterio de autoridade o establecido pola Real Academia Galega.

Esta normativa será revisada en función do proceso de normalización do uso do galego.

Disposición final

A presente Lei entrará en vigor ó día seguinte da súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 1983

Gerardo Fernández Albor

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia