lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

Publicado en: DOG 74 17/04/2007

Departamento: Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

Estado: En vigor

PDF

Compre ter en conta as modificacións levadas a cabo pola Orde 3 de outubro de 2009 (DOG núm. 196, 13/10/2011); Resolución do 16 de setembro de 2015 (DOG núm. 188, 01/10/2015); Resolución 20 de novembro de 2017 (DOG núm. 232, 07/12/2017); Orde do 22 de novembro de 2017 (DOG núm. 232, 07/12/2017); Resolución do 2 de agosto de 2018 (DOG núm. 160, 23/08/2018) e Resolución do 22 de marzo de 2019 (DOG núm. 64, 02/04/2019), non incorporadas ao presente texto consolidado.

A Lei estatal 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espazos naturais e da fauna e flora silvestres establece a obriga das administracións públicas de adoptar as medidas necesarias para garantir a conservación das especies da flora e da fauna que viven en estado silvestre no territorio español, prestando especial atención ás especies autóctonas. O artigo 21.2º desta lei sinala que as comunidades autónomas con competencia exclusiva en materia de espazos naturais protexidos, e con competencia para ditar normas adicionais de protección en materia de ambiente, poderán establecer, ademais das figuras de protección previstas na lei estatal, outras diferentes regulando as súas correspondentes medidas de protección.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, no seu título II, da fauna e flora, establece as medidas necesarias para garantir a conservación dos hábitats naturais e das especies da flora e fauna, con especial atención ás especies autóctonas e ás ameazadas, para o que se crean o Catálogo Galego de Especies Ameazadas e o Rexistro de Especies de Interese Galego.

Doutra banda, esa norma galega considera que o interese científico, estético ou monumental e ornamental dalgúns exemplares existentes en Galicia, de calquera especie botánica autóctona ou foránea, ou de agrupacións destes, aconsella que as normas protectoras se fagan extensivas a este tipo de árbores, xa que constitúen un patrimonio cultural valioso, de interese público, e irrecuperable no caso da súa destrución.

En Galicia xa se teñen declarado tres Monumentos Naturais pola presenza de árbores monumentais coma son: «Fraga de Catasós», no Concello de Lalín (provincia de Pontevedra), na que medran castiñeiros dos máis grandes de Europa; «Souto da Retorta», no Concello de Viveiro (provincia de Lugo), que inclúe entre os seus exemplares o que probablemente sexa o eucalipto branco de maior tamaño dos cultivados no continente europeo; e o «Souto de Rozabales », no Concello de Manzaneda (provincia de Ourense), onde poden contemplarse castiñeiros de extraordinarias dimensións e beleza.

Pero con independencia de que os exemplares ou as agrupacións deles poidan atoparse en espazos protexidos ou se lles poidan aplicar réximes específicos de protección, como os de monumento natural ou paisaxe protexida, entre outros, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, no seu artigo 52, procedeu á creación do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galicia, no cal se incluirán aqueles exemplares ou mouteiras cuxa conservación sexa necesario asegurar polos seus valores naturais, culturais, científicos, didácticos, estéticos ou paisaxísticos, sinalando que nos exemplares ou mouteiras incluídas no catálogo poderán levarse a cabo, logo de autorización da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, todo tipo de tratamentos silvícolas e actuacións encamiñadas á súa protección, conservación e mellora.

Procede, polo tanto, non só aprobar o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras no cal se establecerán as árbores e formacións singulares merecedoras dun ámbito especial de protección senón tamén regular o procedemento para a inclusión destas árbores e formacións no dito catálogo, coa finalidade de protexelos de posibles riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto aprobar o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, regular o procedemento para a inclusión destas árbores e formacións singulares no dito catálogo, así como establecer o réxime xurídico básico para as árbores e formacións que se inclúen nel.

Artigo 2º.-Árbores e formacións senlleiras.

Terán a consideración de senlleiras as árbores e as formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, que sexan merecentes de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.

Capítulo II Catálogo Galego de Árbores Senlleiras

Artigo 3º.-Aprobación do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

Apróbase o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, como rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección sinalados nos anexos I e II.

Artigo 4º.-Procedemento de catalogación e descatalogación.

1. O procedemento de catalogación ou descatalogación poderá ser iniciado de oficio pola consellería competente en materia de conservación da natureza ou por solicitude de persoa interesada.

2. Poderán instar o inicio do correspondente procedemento as persoas propietarias das árbores ou formacións, outras administracións públicas, centros de investigación ou asociacións e entidades privadas ou públicas que teñan entre os fins estatutarios a protección da natureza, mediante a presentación do modelo de solicitude de inclusión que figura no anexo III, acompañada da memoria xustificativa e de toda a información adicional da súa condición de senlleiro.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes dirixiranse ás xefaturas territoriais correspondentes desta consellería, en atención ao lugar en que se atopa a arbore ou formación obxecto desta solicitude.

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no DOG, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. No caso de que a documentación presentada sexa insuficiente, a xefatura territorial requirirá ao interesado, conforme prevé o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, que nun prazo de dez días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixase, se teña por desistido da súa solicitude, logo da resolución ditada en tal sentido.

4. A solicitude e a documentación presentada someteranse ao trámite de información pública por un prazo de vinte días, para os efectos de que os interesados poidan presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Igualmente, e previamente á proposta de resolución de catalogación, darase audiencia ás persoas propietarias dos exemplares ou formacións ou aos seus representantes.

5. Logo da valoración das alegacións, a persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza correspondente en función do lugar onde se localicen os exemplares formulará unha proposta de resolución que remitirá á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para a súa resolución.

Esta resolución, que deberá ditarse e notificarse no prazo máximo de cinco meses segundo o establecido no artigo 42.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, contado a partir da data do acordo de inicio ou da data en que se formulou a correspondente solicitude, non poñerá fin á vía administrativa e será susceptible de recurso de alzada ante a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes desde a súa notificación.

6. Transcorrido o prazo de cinco meses referido no número anterior sen que a Administración teña resolto expresamente o procedemento, entenderase estimada a dita solicitude de catalogación ou descatalogación, de conformidade co artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro; de tratarse dun procedemento iniciado de oficio pola Administración, observase o disposto no artigo 44 da dita lei.

7. A descatalogación producirase como consecuencia da morte biolóxica ou da perda dos valores que motivaron a súa inclusión.

8. As resolucións de catalogación ou descatalogación serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia

Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 4 nova redacción por artigo único apartado primeiro.

Artigo 4 bis. Efectos da iniciación do procedemento.

A iniciación do procedemento de catalogación dun exemplar ou formación singular só levará unida a aplicación inmediata e provisional das medidas de protección establecidas neste decreto cando así o acorde a Dirección Xeral de Conservación da Natureza por proposta da xefatura territorial correspondente, mediante resolución motivada, logo de ponderación dos valores ambientais protexibles da árbore ou da formación obxecto da solicitude.

No suposto de procedementos iniciados de oficio, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza adoptará mediante resolución motivada e cun carácter inmediato as medidas de protección que foren necesarias.

Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro.

Artigo engadido:Artigo 4 bis engadido por artigo único apartado segundo.

Capítulo III Comité das Árbores Senlleiras

Artigo 5º.-Creación do Comité das Árbores Senlleiras.

1. Crease o Comité das Árbores Senlleiras coma órgano consultivo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza nesta materia.

2. Este comité constitúese como órgano de asesoramento en relación coas inclusións, exclusións e as diferentes actuacións que se levarán a cabo no contorno destes exemplares.

3. O Comité das Árbores Senlleiras estará formado polos seguintes membros:

a) A Presidencia, que a exercerá a persoa encargada da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza.

b) Unha persoa que represente a dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, que exercerá as funcións de secretaría.

c) Unha persoa que represente a dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

d) Unha persoa que represente a dirección xeral competente en materia de montes e industrias forestais.

e) Unha persoa que represente a cada unha das tres universidades galegas que elas mesmas designen.

f) Unha persoa que represente o Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán.

g) Unha persoa que represente as asociacións que teñan coma finalidade a protección, conservación ou divulgación das árbores senlleiras.

h) Unha ou varias persoas expertas que a dirección xeral competente en materia de conservación da natureza considere necesario.

4. Nos nomeamentos das persoas integrantes do Comité das Árbores Senlleiras procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 5 apartado 4 engadido por artigo único apartado terceiro.

Decreto 11/2024, do 11 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 5 apartado 3 nova redacción por disposición derradeira tercera.

Artigo 6º.-Funcións do Comité das Árbores Senlleiras.

O Comité das Árbores Senlleiras terá, particularmente, as seguintes funcións:

a) Propor os criterios de inclusión no catálogo, atendendo aos indicadores relacionados cos méritos recollidos no artigo 2.

b) Propor a catalogación ou descatalogación das árbores e formacións singulares, con base na información debidamente documentada.

c) Emitir informe sobre as solicitudes de catalogación presentadas, naqueles supostos en que así o considere oportuno a xefatura territorial correspondente. Estes informes serán facultativos e non vinculantes, e serán emitidos polo Comité das Arbores Senlleiras no prazo máximo de quince días desde a súa solicitude.

d) Informar os diferentes plans de xestión que se elaboren para cada un dos exemplares e formacións catalogadas.

e) Aconsellar sobre as medidas de conservación e informar dos diferentes tratamentos fitosanitarios que se leven a cabo.

Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 6 nova redacción por artigo único apartado cuarto.

Artigo 7º.-Funcionamento do Comité das Árbores Senlleiras.

1. O réxime de funcionamento do Comité das Arbores Senlleiras axustarase ao previsto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e élle de aplicación o previsto na sección 3ª, capítulo I, do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. Corresponde á persoa que teña a súa presidencia acordar a convocatoria das sesións, conforme o artigo 16 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e o réxime de convocatorias que sexa establecido polo Comité no seu propio regulamento de funcionamento.

Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 7 nova redacción por artigo único apartado quinto.

Capítulo IV Xestión, protección e aproveitamento

Artigo 8º.-Medidas de xestión.

1. Para as árbores e formacións senlleiras que o requiran elaboraranse plans de xestión encamiñados á súa conservación, restauración e mellora. Estes plans serán elaborados pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza ou polas persoas propietarias dos terreos onde se asentan, debendo ser aprobados, neste último caso, pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Estes plans de xestión serán revisados coa periodicidade que neles se determine.

2. De ser necesario poderase establecer unha área de protección, que abranguerá o contorno inmediato das árbores, das mouteiras ou das formacións senlleiras. Esta área de protección establecerase nos plans de xestión sinalados no parágrafo anterior.

3. Cando as árbores ou formacións senlleiras se atopen dentro de espazos naturais protexidos, os plans rectores de uso e xestión ou os plans de conservación recollerán as medidas necesarias para a preservación destes elementos senlleiros.

Artigo 9º.-Protección.

1. As árbores e formacións senlleiras que se inclúan no catálogo considéranse protexidas para todos os efectos.

2. A protección implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente a súa integridade, a súa saúde e a súa aparencia. No caso de formacións naturais, esta protección entenderase aplicable tamén a todo o seu cortexo florístico.

3. Os proxectos cuxa execución poida ameazar os valores naturais, culturais, científicos, didácticos ou doutra orde, de árbores ou formacións singulares necesitarán autorización administrativa previa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

4. A realización de actuacións como podas ou tratamentos fitosanitarios, cando sexan necesarias para a conservación do propio exemplar só precisarán da comunicación previa á xefatura territorial, para o suposto de terse aprobado o correspondente plan de xestión. No caso contrario, estarán sometidas á autorización administrativa da xefatura territorial, que deberá outorgala no prazo máximo de tres meses, entendéndose outorgada de non se ter ditado resolución expresa no dito prazo, de acordo cos artigos 42 e 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro

No suposto de existir un perigo ou risco inmediato para a seguridade das persoas, así como nos supostos de especial gravidade no ámbito da sanidade vexetal, solicitarase autorización previa á correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de conservación da natureza para poder realizar as actuacións de poda, tratamento fitosanitario e mesmo da eliminación da árbore ou formación, autorización que queda sometida á previa comprobación e acreditación desta situación polo servizo de conservación da natureza da xefatura territorial correspondente. De non se resolver a dita solicitude no prazo de 15 días, entenderase estimada a solicitude de autorización, de acordo co previsto no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 9 nova redacción por artigo único apartado sexto.

Artigo 10º.-Réxime de axudas.

1. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá establecer un réxime de axudas económicas encamiñadas á súa conservación, protección e mellora ou, se é o caso, para realizar tratamentos fitosanitarios ou silvícolas de mantemento.

2. Así mesmo, poderase subscribir coas persoas propietarias convenios, os cales se axustarán ao disposto na súa normativa de aplicación, en que se consideren aspectos relacionados co uso público destes elementos singulares como o réxime de visitas, o acondicionamento de accesos e outros.

Artigo 11º.-Aproveitamentos.

Nos exemplares ou mouteiras incluídos no catálogo poderán seguirse levando a cabo os aproveitamentos que sexan compatibles coa conservación dos valores polos que estes exemplares foron declarados, de acordo co artigo 52 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Artigo 12º.-Servidumes.

Segundo establece o artigo 28 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, poderanse declarar as servidumes necesarias para a instalación e conservación de sinais indicadores da condición de árbores e formacións senlleiras, incluídas nun espazo natural protexido dos previstos no artigo 9 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

Capítulo V Infraccións e sancións

Artigo 13º.-Infraccións e sancións.

As infraccións administrativas cometidas contra o disposto neste decreto sancionarase de acordo co que prevé a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza e demais normativa que lles sexa de aplicación.

Artigo 14º.-Procedemento sancionador.

O procedemento sancionador por incumprimento das obrigas establecidas neste decreto rexerase polo establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Disposicións adicionais

Primeira.-

Cando se produza a morte biolóxica dun exemplar catalogado os seus restos conservarán a súa protección cando así o aconselle o seu interese científico, cultural ou histórico.

Segunda.

1. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia asumirá a propiedade e xestión dos elementos catalogados que lle sexan doados ou cedidos polas persoas propietarias, conforme cos termos previstos na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da comunidade autónoma galega e no Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril.

2. As transmisións onerosas inter vivos dos exemplares catalogados, incluídos nalgún dos espazos naturais protexidos previstos no artigo 9 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, estarán suxeitas aos dereitos de tanteo e retracto por parte da Administración autonómica. Estes dereitos exerceranse do xeito indicado no artigo 27 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Terceira.-

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible actualizará de forma periódica o inventario do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

Disposición derrogatoria

Única.-

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-

Autorízase ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para ditar cantas disposicións complementarias necesite o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-

Este decreto entrará en vigor aos vinte días seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

ANEXO I

Árbores Senlleiras

[táboa]

Véxase a ligazón ao decreto 10/2015.

Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro.

Artigo modificado:Anexo I nova redacción por disposición adicional primeira.

ANEXO II

Formacións senlleiras

[táboa]

Véxase a ligazón ao decreto 10/2015.

Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro.

Artigo modificado:Anexo II nova redacción por disposición adicional primeira.

ANEXO III

[Documento: dec_CMADS----_00067_2007_20070322]

Véxase a ligazón ao decreto 10/2015.

Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro.

Artigo modificado:Anexo III nova redacción por Decreto 10/2015.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia