lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 13 de febreiro de 2023 pola que se establece o currículo das materias optativas do bacharelato e se regula a súa oferta.

Publicado en: DOG 40 27/02/2023

Departamento: Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

Estado: En vigor

PDF

De acordo co calendario de implantación establecido na disposición derradeira primeira do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, o establecido nesta orde implantarase para o primeiro curso de bacharelato no curso escolar 2022/23.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do seu artigo 81, o desenvolvan, e das facultades que lle atribúe ao Estado o artigo 149.1º.30 da Constitución.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na redacción dada pola Lei orgánica 3/2020, do 20 de decembro, establece no seu artigo 34.7 que lles corresponde ás administracións educativas a ordenación das materias optativas, e o Real decreto 243/2022, do 5 de abril, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas do bacharelato, determina no seu artigo 14.1 que lles corresponde ás administracións educativas a regulación da oferta das materias optativas do bacharelato, que deberá incluír, cando menos, unha segunda lingua estranxeira.

O Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, determina no seu artigo 10.7 que todo o alumnado do primeiro curso do bacharelato debe cursar unha materia optativa, e no seu artigo 11.7, que todo o alumnado do segundo curso do bacharelato debe cursar unha materia optativa. Tamén establece que a consellería con competencias en materia de educación establecerá o currículo desas materias optativas.

En consecuencia, de conformidade co exposto e no uso da habilitación normativa que figura na disposición derradeira segunda do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, como conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer o currículo das materias optativas do bacharelato e regular a súa oferta.

2. Esta orde será de aplicación nos centros docentes correspondentes ao ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan as ensinanzas de bacharelato.

Artigo 2. Materias optativas

1. As materias optativas no bacharelato contribúen a completar a formación do alumnado en aspectos propios da modalidade elixida ou ampliando a propia formación xeral e teñen a mesma carga horaria que as materias de modalidade.

2. De conformidade co establecido no artigo 10.7 do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, todo o alumnado do primeiro curso do bacharelato debe cursar unha materia optativa, en función da oferta dos centros docentes, de entre as seguintes:

– Anatomía Aplicada.

– Antropoloxía.

– Cultura Científica.

– Literatura Galega do Século XX e da Actualidade.

– Segunda Lingua Estranxeira I.

– Tecnoloxías da Información e da Comunicación I.

– As materias de modalidade de primeiro curso.

3. De conformidade co establecido no artigo 11.7 do citado Decreto 157/2022, do 15 de setembro, todo o alumnado do segundo curso do bacharelato debe cursar unha materia optativa, en función da oferta dos centros docentes, de entre as seguintes:

– Métodos Estatísticos e Numéricos.

– Psicoloxía.

– Segunda Lingua Estranxeira II.

– Tecnoloxías da Información e da Comunicación II.

– Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia.

– As materias de modalidade de segundo curso.

Artigo 3. Oferta das materias optativas

1. Os centros docentes ofertarán, en calquera das modalidades que impartan, a materia optativa de Segunda Lingua Estranxeira.

2. O resto das materias optativas as que se refire o artigo 2 desta orde, entre as cales se encontran as materias de modalidade impartidas no centro ou non, poderán ser ofertadas en calquera das modalidades de bacharelato sempre que a organización e os recursos do centro o permitan.

3. Os centros docentes concretarán a súa oferta de materias optativas que formará parte do da súa concreción curricular.

Artigo 4. Requisitos para a oferta das materias optativas

1. Nos centros docentes públicos, as materias optativas deberán contar cun número mínimo de dez alumnas e/ou alumnos para seren impartidas.

Coa finalidade de atender a diversidade en ámbitos rurais, pequenos núcleos de poboación e/ou outras circunstancias que así o aconsellen, poderanse impartir cun número menor de alumnas ou alumnos que, en ningún caso, será inferior a cinco. Neste caso, precisarase a autorización expresa da xefatura territorial da consellería con competencias en materia de educación.

2. Na oferta das materias optativas respectarase o tratamento análogo das linguas cooficiais e os criterios establecidos no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Artigo 5. Currículo das materias optativas

1. O currículo das materias optativas do bacharelato nos centros docentes correspondentes ao ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia será o que se recolle para as distintas materias no anexo I desta orde.

2. O dito currículo ten a mesma estrutura curricular que a establecida no artigo 13 do citado Decreto 157/2022, do 15 de setembro.

Artigo 6. Profesorado

A atribución docente das materias optativas do bacharelato establecidas nesta orde correspóndelle ao profesorado do corpo de catedráticas e catedráticos de ensino secundario ou do corpo de profesorado de ensino secundario das especialidades establecidas no anexo II desta orde.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. A partir da total implantación do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, no curso escolar 2023/24, quedarán derrogadas as seguintes normas:

a) Orde do 15 de xullo de 2015 pola que se establece a relación de materias de libre configuración autonómica de elección para os centros docentes nas etapas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, e se regula o seu currículo e a súa oferta.

b) Orde do 13 de xullo de 2016 pola que se amplía a relación de materias de libre configuración autonómica de elección para os centros docentes nas etapas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, e se regula o seu currículo e a súa oferta.

c) Orde do 7 de agosto de 2018 pola que se amplía a relación de materias de libre configuración autonómica de elección para os centros docentes nas etapas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, e se regula o seu currículo e a súa oferta.

d) Orde do 8 de xullo de 2021 pola que se amplía a relación de materias de libre configuración autonómica de elección para os centros docentes na etapa de bacharelato, e se regula o seu currículo e a súa oferta.

2. Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Calendario de implantación

De acordo co calendario de implantación establecido na disposición derradeira primeira do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, o establecido nesta orde implantarase para o primeiro curso de bacharelato no curso escolar 2022/23.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2023

Román Rodríguez González

Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO I Currículo das materias

1. Anatomía Aplicada.

1.1. Introdución.

A materia de Anatomía Aplicada pretende achegar os coñecementos científicos que permitan comprender a estrutura e o funcionamento do corpo humano e a súa motricidade en relación coas manifestacións artísticas corporais e coa saúde. Ademais, constitúe a sistematización dos saberes da ciencia referidos ao ser humano como ser biolóxico desde unha perspectiva xeral e unha particular, na cal as estruturas corporais se poñen en funcionamento ao servizo da creación artística. Para acadar este obxectivo, esta materia integra coñecementos, destrezas e actitudes procedentes de diversas áreas de coñecemento como, por exemplo, a Anatomía, a Fisioloxía, a Biomecánica, a Bioquímica, ou as Ciencias da Actividade Física.

Esta materia permitiralle ao alumnado aumentar a súa comprensión do corpo humano desde o punto de vista biolóxico xeral e tamén mellorar o seu rendemento físico e artístico nas distintas artes escénicas, tendo en conta a importancia da prevención da aparición de procesos patolóxicos relacionados directa e/ou indirectamente co seu corpo.

A Anatomía Aplicada abrangue as estruturas e as funcións do corpo humano máis relacionadas coa acción motora e o seu rendemento, como son o aparello locomotor e o cardiopulmonar, ou os sistemas de control e regulación; afonda en como estas estruturas determinan o comportamento motor e as técnicas expresivas que compoñen as manifestacións artísticas corporais, e os efectos que a actividade física ten sobre elas e sobre a saúde. Na mesma liña, abórdanse tamén nocións básicas dos sistemas de achega e utilización da enerxía, e afóndase nas bases da conduta motora.

Esta materia estrutúrase en oito bloques: «O traballo nas ciencias», «A organización do corpo humano», «O aparello dixestivo e o metabolismo», «O aparello circulatorio e o respiratorio», «O aparello uroxenital», «Os sistemas de coordinación e de regulación», «O aparello locomotor e o movemento» e «Expresión e comunicación corporal».

No bloque 1, «O traballo nas ciencias», comézase a abordar esta materia, cun bloque transversal en relación coa metodoloxía de traballo, é dicir, a partir da análise e do coñecemento do método científico, valorando o traballo das persoas dedicadas á ciencia e a súa relevancia nos avances sociais en distintos ámbitos.

No bloque 2, «A organización do corpo humano», faise unha descrición da organización xeral do corpo humano utilizando distintas estratexias e formatos para a súa análise, e tamén un breve percorrido pola evolución histórica dos canons de beleza e a súa influencia na sociedade.

No bloque 3, «O aparello dixestivo e o metabolismo», abórdanse os distintos aspectos anatómicos e fisiolóxicos relacionados coa alimentación e a nutrición, para finalizar reflexionando sobre a importancia de incorporar hábitos nutricionais que incidan favorablemente na saúde, analizando tamén cales son os factores sociais que conducen á aparición dos trastornos alimenticios máis comúns.

No bloque 4, «O aparello circulatorio e o respiratorio», estúdanse as principais características anatómicas e fisiolóxicas que os conforman, analizando cales son as enfermidades máis comúns relacionadas con eles e reflexionando sobre a importancia de incorporar hábitos saudables ás nosas vidas.

No bloque 5, «O aparello uroxenital», realízase unha identificación e descrición das distintas partes que forman os aparellos excretor e reprodutor, así como das súas funcións, e da importancia de manter hábitos saudables relacionados con eles para acadar unha saúde integral.

No bloque 6, «Os sistemas de coordinación e de regulación», identifícanse o sistema nervioso e o endócrino como responsables da coordinación e regulación xeral do organismo; estúdanse tamén as principais enfermidades relacionadas con eles, así como os efectos das drogas sobre o sistema nervioso e a súa prevención.

No bloque 7, «O aparello locomotor e o movemento», localízanse os principais compoñentes do aparello locomotor, estúdase a súa fisioloxía e identifícanse as principais enfermidades e lesións dos seus compoñentes. Analízanse tamén as características da execución das accións motoras co obxectivo de relacionalas directa e/ou indirectamente coa finalidade expresiva das actividades artísticas.

No bloque 8, «Expresión e comunicación corporal», identifícanse as diferentes formas de expresión corporal e o seu papel no desenvolvemento persoal e social, como un medio de comunicación que utiliza unha linguaxe propia como fonte de desenvolvemento creativo.

En conclusión, a materia de Anatomía Aplicada preséntase como unha ampliación dos contidos científicos e técnicos estudados na educación secundaria obrigatoria e tamén como unha oportunidade para relacionar os coñecementos adquiridos con etapas posteriores como, por exemplo, os ciclos formativos e graos relacionados coas ciencias da saúde e a actividade física, ou mesmo con ensinanzas artísticas superiores.

1.2. Obxectivos.

[Documento]

1.3. Criterios de avaliación e contidos.

1º curso.

[Documento]

1.4. Orientacións pedagóxicas.

A intervención educativa na materia de Anatomía Aplicada desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos da materia e, en combinación co resto de materias, unha adecuada adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos da etapa.

Neste sentido, no deseño das actividades, o profesorado terá que considerar a relación existente entre os obxectivos da materia e as competencias clave a través dos descritores operativos e das liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe, que se presentan nas epígrafes seguintes, e seleccionar aqueles criterios de avaliación do currículo que se axusten á finalidade buscada, así como empregalos para verificar as aprendizaxes do alumnado e o seu nivel de desempeño.

Relación entre os obxectivos da materia de Anatomía Aplicada e as competencias clave a través dos descritores operativos establecidos no anexo I:

[figura]

Liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe:

– O entendemento da materia desde unha dobre perspectiva, teórica e práctica, promovendo no alumnado o desexo de coñecer o seu propio funcionamento como ser vivo e a súa relación directa co contorno, así como os coñecementos xerais sobre o corpo humano que lle permitan comprender o funcionamento do sistema intelecto-corpo que o constitúe.

– A realización de proxectos significativos para o alumnado e a resolución colaborativa e cooperativa de problemas, que reforzan a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.

– A adquisición dos coñecementos da materia como vehículo para a súa aplicación na sociedade e como medio para gozar dos beneficios físicos e psíquicos que a práctica das actividades artísticas e a adquisición de hábitos saudables achega á sociedade.

– A posta en práctica de situacións de aprendizaxe ou actividades competenciais que enfronte o alumnado ao reto de utilizar probas e argumentar nun contexto real mediante o diálogo entre iguais, e que mobilice, de forma integrada, unha ampla variedade de coñecementos, destrezas e actitudes.

– A énfase na atención á diversidade do alumnado, na atención individualizada, na prevención das dificultades de aprendizaxe e na posta en práctica de mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten estas dificultades.

– O estímulo dunha avaliación autorreguladora, de forma continua ao longo de todo o proceso de ensino e de aprendizaxe, permitindo a modificación e a readaptación da dinámica e das actividades de aula en función das necesidades do alumnado e do contexto.

2. Antropoloxía.

2.1. Introdución.

O que diferencia claramente a Antropoloxía doutras disciplinas veciñas é, sen lugar a dúbidas, o seu marcado e específico carácter global e comparativo. Os pobos, as crenzas, a cultura... son observados baixo a potente lente dunha análise obxectiva que, de seguro, debe contribuír de xeito decisivo ao coñecemento da persoa como tal e, sinaladamente, como ser social e, hoxe, engadiriamos global. Pero ademais, esta materia proporciona múltiples perspectivas, xa que combina, dentro do vasto campo antropolóxico, outras achegas de saberes e ópticas diversas. A rica combinación de saberes e contribucións que converxen nesta materia convértena nunha área singular para tratar de insuflarlles ás alumnas e aos alumnos un aire de comprensión e universalidade que os libere do cinto de etnocentrismo que acotío preside as súas vidas.

Esta riqueza de perspectivas pode axudar o alumnado dun xeito determinante, por unha banda, a acadar unha fértil madureza como persoa e, por outra, a fixar e relacionar os diversos coñecementos que foi adquirindo na súa traxectoria académica: filosofía, bioloxía, linguas, historia, economía, arte, etc. Daquela, a Antropoloxía convértese por dereito propio nunha materia que, caracterizada pola súa inherente transversalidade, lle propón ao alumnado a reflexión como eixe fundamental dunha existencia cívica, crítica e construtiva. Pero é que a Antropoloxía, como estudo da humanidade, dos pobos antigos e modernos e dos seus estilos de vida, lle proporciona ao discente unha sorte de visión de amplo espectro que, con certeza, lle procura un horizonte de comprensión abstracto que pode axudalo, dun xeito moi específico e práctico, a entender de forma madura e intelixente o mundo global en que nos movemos e a incardinarse nel. E, desde logo, sen renunciar a achegar un punto de vista antropoloxicamente mediado da nosa realidade en Galicia. Ser quen de contrastar ou, por mellor dicir, examinar cientificamente outras crenzas e visións do mundo desde unha perspectiva eminentemente crítica é un obxectivo que se debe lograr para o enriquecemento do pensamento do alumnado e a súa propia autocomprensión como persoa galega.

O currículo da materia consta de catro bloques que reflicten a evolución histórica desta disciplina. Logo do primeiro, de carácter introdutorio, abórdanse tres bloques específicos. Comezando pola Antropoloxía filosófica, enfocada desde unha perspectiva histórica, pásase despois á Antropoloxía físicobiolóxica e finalízase facendo especial fincapé na Antropoloxía sociocultural, na cal, ademais, se lle presta unha atención específica á cultura galega mediante a realización dun traballo de campo.

2.2. Obxectivos.

[Documento]

2.3. Criterios de avaliación e contidos.

1º curso.

[Documento]

2.4. Orientacións pedagóxicas.

A intervención educativa na materia de Antropoloxía desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos da materia e, en combinación co resto de materias, unha adecuada adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos da etapa.

Neste sentido, no deseño das actividades, o profesorado terá que considerar a relación existente entre os obxectivos da materia e as competencias clave a través dos descritores operativos e das liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe, que se presentan nas epígrafes seguintes, e seleccionar aqueles criterios de avaliación do currículo que se axusten á finalidade buscada, así como empregalos para verificar as aprendizaxes do alumnado e o seu nivel de desempeño.

Relación entre os obxectivos da materia de Antropoloxía e as competencias clave a través dos descritores operativos establecidos no anexo I:

[figura]

Liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe:

– O uso de distintos métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, favorezan a capacidade de aprender por si mesmo e promovan o traballo en equipo.

– A realización de proxectos significativos para o alumnado e a resolución colaborativa de problemas que reforzan a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.

– A énfase na atención á diversidade do alumnado, na atención individualizada, na prevención das dificultades de aprendizaxe e na posta en práctica de mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten estas dificultades.

– O uso de estratexias para traballar transversalmente a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, a competencia dixital, o fomento da creatividade, do espírito científico e do emprendemento.

– A incentivación dun afán de indagación e necesidade de novos coñecementos a través da capacidade de xeración de curiosidade.

– O uso de estratexias para traballar o carácter transversal e práctico, empregando no proceso de ensino e aprendizaxe, de xeito asiduo, as tecnoloxías da información e da comunicación, que permiten o acceso a recursos virtuais.

– O emprego de metodoloxías activas que procuren un «saber facer» que conecte coas habilidades prácticas.

3. Cultura Científica.

3.1. Introdución.

Tanto a ciencia como a tecnoloxía son a base para o benestar e o desenvolvemento da sociedade, e ambas son necesarias para que un país se poida enfrontar a novos retos e poida atopar solucións para eles.

O desenvolvemento social, económico e tecnolóxico dun país, a súa posición nun mundo cada vez máis competitivo e globalizado, así como o benestar da cidadanía na sociedade da información e do coñecemento, dependen directamente da súa formación intelectual e, entre outros factores, da súa cultura científica.

Que a ciencia forma parte do acervo cultural da humanidade é innegable; de feito, calquera cultura pasada apoiou os seus avances e logros nos coñecementos científicos que se ían adquirindo e que se debían ao esforzo e á creatividade humana. A materia denominada Cultura Científica debe, daquela, contribuír á adquisición desta dimensión da competencia en conciencia e expresión culturais.

Individualmente considerada, a ciencia é unha das grandes construcións teóricas da humanidade; o seu coñecemento forma o individuo, proporciónalle capacidade de análise e de procura da verdade. Na vida diaria estamos en continuo contacto con situacións de carácter científico que nos afectan directamente, situacións que a cidadanía do século XXI debe ser capaz de entender e de valorar criticamente.

Repetidas veces, os medios de comunicación informan sobre cuestións científicas e tecnolóxicas de actualidade. A materia de Cultura Científica contribúe a que o alumnado avalíe enunciados relacionados con estas cuestións e tome decisións fundamentadas en probas de carácter científico, diferenciándoas das crenzas e das opinións. En definitiva, trátase de que as cidadás e os cidadáns sexan competentes para tomaren decisións baseadas no coñecemento científico, nun marco democrático de participación cidadá, desenvolvendo, deste xeito, a competencia cidadá. Ademais, o fomento de vocacións científicas, especialmente entre as nenas e as adolescentes, é outra das dimensións a que esta materia debe contribuír.

Un dos aspectos básicos da competencia matemática e da competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría é a capacidade de utilizar probas e argumentar en relación con cuestións de carácter científico, e tomar decisións baseadas nestas. Partindo do enfoque competencial do currículo, a materia de Cultura Científica servirá para o desenvolvemento das demais competencias: en comunicación lingüística, plurilingüe, dixital, persoal, social e de aprender a aprender, emprendedora e en conciencia e expresión culturais.

En primeiro de bacharelato, no bloque 1, «O traballo nas ciencias», establécense os procedementos de traballo para abordar os contidos dos outros bloques de coñecemento. Neste sentido, é relevante no desenvolvemento curricular a valoración da importancia da ciencia e da tecnoloxía na vida diaria e ao longo da historia, así como a obtención, selección crítica e comunicación da información de carácter científico en diferentes soportes.

No bloque 2, «O Universo», estúdase a orixe e a evolución do Universo centrándose no Sistema Solar.

O bloque 3, «A Terra e a vida», aborda, por un lado, o estudo da Terra desde a teoría da tectónica de placas e continúase cos riscos internos e externos, dando relevancia aos métodos de predición, prevención e corrección. Por outra banda, estúdase a vida partindo das diferentes hipóteses sobre a súa orixe e a evolución celular, e conclúese coa teoría da evolución dos seres vivos.

No bloque 4, «A saúde e a biomedicina», analízanse os principais progresos na investigación médica e farmacéutica e algúns aspectos relativos á saúde, como son o estudo do sistema inmune, os trastornos mentais e os problemas derivados do uso das drogas.

No bloque 5, «A reprodución e a sexualidade», abórdanse contidos vinculados á sexualidade humana e ao estudo das enfermidades de transmisión sexual ou á diferenza entre sexo e xénero, co fin de propiciar a reflexión e o fomento de actitudes non discriminatorias.

O bloque 6, «O desenvolvemento social e os materiais», comeza coa análise da relación entre o desenvolvemento da humanidade co uso dos materiais para continuar co estudo dos seus procesos de obtención, recoñecendo os impactos que xeran e finalizando coa aplicación dos novos materiais.

O bloque 7, «Os avances tecnolóxicos», analiza as tecnoloxías da información e da comunicación centrándose no coñecemento de aspectos básicos da informática na ciencia, as aplicacións da tecnoloxía dixital e os perigos asociados á conectividade, reflexionando sobre os cambios que producen nas relacións humanas e co fin de adoptar unha postura crítica ante o seu uso.

No bloque 8, «O coidado do ambiente», estúdanse os diferentes recursos naturais e fontes de enerxía, analizando as causas e consecuencias no medio, derivados da súa explotación e emprego. Ademais, foméntanse as accións para a súa conservación.

En conclusión, a materia de Cultura Científica pretende que o alumnado, como parte da sociedade, adquira unha cultura científica básica que lle permita entender o mundo actual e sexa quen de tomar decisións baseadas no coñecemento científico en distintos contextos, é dicir, conseguir a alfabetización científica da cidadanía.

3.2. Obxectivos.

[Documento]

3.3. Criterios de avaliación e contidos.

1º curso.

[Documento]

3.4. Orientacións pedagóxicas.

A intervención educativa na materia de Cultura Científica desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos da materia e, en combinación co resto de materias, unha adecuada adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos da etapa.

Neste sentido, no deseño das actividades, o profesorado terá que considerar a relación existente entre os obxectivos da materia e as competencias clave a través dos descritores operativos e das liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que se presentan nas epígrafes seguintes e seleccionar aqueles criterios de avaliación do currículo que se axusten á finalidade buscada, así como empregalos para verificar as aprendizaxes do alumnado e o seu nivel de desempeño.

Relación entre os obxectivos da materia de Cultura Científica e as competencias clave a través dos descritores operativos establecidos no anexo I:

[figura]

Liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe:

– Os contidos da materia traballados de forma competencial que propicien a adquisición e o desenvolvemento das competencias clave buscando a interdisciplinariedade e ligándoa sempre ao contexto do alumnado.

– A posta en práctica de situacións de aprendizaxe ou actividades competenciais que enfronten o alumnado ao reto de utilizar probas e argumentar nun contexto real mediante o diálogo entre iguais, e que mobilicen, de forma integrada, unha ampla variedade de coñecementos, destrezas e actitudes.

– A realización de proxectos significativos para o alumnado e a resolución colaborativa de problemas, que reforzan a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.

– Realización de tarefas grupais que supoñan compilar e organizar información, expola de xeito oral e escrito, elaborar presentacións e defender as opinións propias en debates e noutras situacións de aula.

– O traballo cooperativo e colaborativo, a formulación de tarefas en contextos reais e o traballo experimental e de campo promovendo a observación, curiosidade e colaboración para permitirlle ao alumnado asimilar de xeito significativo os saberes da materia.

– A énfase na atención á diversidade do alumnado, na atención individualizada, na prevención das dificultades de aprendizaxe e na posta en práctica de mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten estas dificultades.

– Situacións de aula que fomenten a responsabilidade do alumnado no proceso de aprendizaxe, a avaliación e a autoavaliación, a autocrítica e a promoción da iniciativa do alumnado para que sexa o protagonista do proceso.

4. Métodos Estatísticos e Numéricos.

4.1. Introdución.

Os grandes retos globais, como a transformación dixital, o respecto ao ambiente, a eficiencia enerxética ou a industrialización inclusiva e sustentable, aos cales a sociedade terá que facer fronte, requiren dun alumnado capaz de adaptarse ás condicións cambiantes, de aprender de forma autónoma, de modelizar situacións, de explorar novas vías de investigación e de usar a tecnoloxía de forma efectiva.

As matemáticas proporcionan ferramentas para a creación de modelos no estudo de diferentes fenómenos. En ocasións, é posible definir relacións funcionais entre as magnitudes implicadas, de que se obteñen modelos deterministas, pero moitos fenómenos son tan complexos no seu comportamento e interveñen neles tantas magnitudes que precisan modelos estocásticos para un mellor estudo. Os métodos numéricos permítennos atopar unha solución aproximada naqueles problemas en que non é posible obter a solución exacta. Faise necesario, xa que logo, complementar a formación científica xeral que o alumnado de bacharelato acada a partir doutras materias cunha educación neste pensamento estatístico, probabilístico e de cálculo aproximado.

O desenvolvemento curricular de Métodos Estatísticos e Numéricos oriéntase ao logro dos obxectivos xerais da etapa, e presta unha especial atención ao desenvolvemento e á adquisición das competencias clave conceptualizadas nos descritores operativos do bacharelato que o alumnado debe conseguir ao finalizar a etapa. Así, a interpretación dos problemas e a comunicación dos procedementos e resultados están relacionadas coa competencia en comunicación lingüística e coa competencia plurilingüe. Establecer un plan de traballo en revisión e modificación continua enlaza coa competencia emprendedora. A toma de decisións ou a adaptación ante situacións de incerteza son compoñentes propios da competencia persoal, social e de aprender a aprender. O uso de ferramentas dixitais no tratamento da información e na resolución de problemas entronca directamente coa competencia dixital. O razoamento e a argumentación, a modelización e o pensamento computacional son elementos característicos da competencia STEM. As conexións establecidas entre as matemáticas e outras áreas de coñecemento, e a resolución de problemas en contextos sociais están relacionadas coa competencia cidadá. Doutra banda, o mesmo coñecemento matemático como expresión universal da cultura contribúe á competencia en conciencia e expresión culturais.

En continuidade coa educación secundaria obrigatoria e o bacharelato, os eixes principais dos obxectivos de Métodos Estatísticos e Numéricos son a comprensión efectiva de conceptos e procedementos matemáticos xunto coas actitudes propias do quefacer matemático, que permiten construír unha base conceptual sólida a partir da resolución de problemas, do razoamento e da investigación matemática, especialmente enfocados á interpretación e á análise de cuestións da vida cotiá, da tecnoloxía e das ciencias. Os obxectivos céntranse nos procesos que mellor lle permiten ao alumnado desenvolver destrezas como a resolución de problemas, o razoamento e a argumentación, a representación e a comunicación, xunto coas destrezas socioafectivas. Estes procesos son os de resolución de problemas, razoamento e proba, conexións, comunicación e representación, ademais do desenvolvemento socioafectivo.

A resolución de problemas e a investigación matemática son dous compoñentes fundamentais no ensino das matemáticas, xa que permiten empregar os procesos cognitivos inherentes a esta área para abordar e resolver situacións relacionadas coa vida cotiá, coa tecnoloxía e coas ciencias, desenvolvendo o razoamento, a creatividade e o pensamento abstracto. Os obxectivos de resolución de problemas, razoamento e proba e as súas conexións están deseñados para adquirir os procesos propios da investigación matemática, como son a formulación de preguntas, o establecemento de conxecturas, a xustificación e a xeneralización, a conexión entre as diferentes ideas matemáticas e o recoñecemento de conceptos e procedementos propios das matemáticas noutras áreas de coñecemento, particularmente na tecnoloxía e nas ciencias. Débese salientar o carácter instrumental das matemáticas como ferramenta fundamental para as áreas de coñecemento científico, social, tecnolóxico, humanístico e artístico ao cal presta especial atención o currículo da materia de Métodos Estatísticos e Numéricos.

Outros aspectos importantes da educación matemática son a comunicación e a representación. O proceso de comunicación axuda a darlles significado e permanencia ás ideas ao facelas públicas. Doutra banda, para entender e utilizar as ideas matemáticas é fundamental a forma en que estas se representan. Por iso, inclúense dous obxectivos enfocados á adquisición dos procesos de comunicación e representación tanto de conceptos como de procedementos matemáticos.

Co fin de asegurar que todo o alumnado poida facer uso dos conceptos e das relacións matemáticas fundamentais, e tamén chegue a experimentar a súa beleza e importancia, incluíuse un obxectivo relacionado co aspecto emocional, social e persoal das matemáticas. Preténdese contribuír, deste xeito, a desterrar ideas preconcibidas na sociedade, como a crenza de que só quen posúe un talento innato pode aprender matemáticas, usalas e gozar delas, ou falsos estereotipos fortemente arraigados como, por exemplo, os relacionados con cuestións de xénero.

O logro dos obxectivos valorarase cos criterios de avaliación, que priorizan a adquisición das competencias fronte á memorización de conceptos ou a reprodución rutineira de procedementos.

Os criterios de avaliación e os contidos foron agrupados en bloques denominados «sentidos », entendidos como o conxunto de destrezas relacionadas co dominio en contexto de contidos numéricos, métricos, alxébricos, estocásticos e socioafectivos, que permiten empregalos dunha maneira funcional e con confianza na resolución de problemas ou na realización de tarefas.

O sentido numérico caracterízase pola aplicación do coñecemento sobre numeración e cálculo en distintos contextos, e polo desenvolvemento de destrezas e modos de facer e de pensar baseados na comprensión, a representación, o uso flexible dos números, de obxectos matemáticos formados por números e das operacións.

O sentido da medida céntrase na comprensión e comparación de atributos dos obxectos do mundo que nos rodea, así como da medida da incerteza.

O sentido alxébrico proporciona a linguaxe en que se comunican as matemáticas. Son características deste sentido ver o xeral no particular, recoñecer padróns e relacións de dependencia entre variables e expresalas mediante diferentes representacións, así como modelizar situacións matemáticas ou do mundo real con expresións simbólicas. O pensamento computacional e a modelización incorporáronse neste bloque, pero non se deben interpretar como exclusivos del, senón que se deben desenvolver tamén no resto dos bloques.

O sentido estocástico comprende a análise e a interpretación de datos, a elaboración de conxecturas e a toma de decisións a partir da información estatística, a súa valoración crítica e a comprensión e comunicación de fenómenos aleatorios nunha ampla variedade de situacións.

O sentido socioafectivo implica a adquisición e aplicación de coñecementos, destrezas e actitudes necesarias para entender e manexar as emocións que aparecen no proceso de aprendizaxe das matemáticas, o dominio de estratexias para o traballo en equipo, a adecuada comunicación das ideas e a organización na resolución de problemas da vida cotiá, da tecnoloxía e das ciencias. Este sentido non se debe traballar de forma illada, senón ao longo do desenvolvemento da materia.

Este enfoque, diferente do habitual, permite un ensino da materia de Métodos Estatísticos e Numéricos que fai predominar e dar sentido aos conceptos en contexto fronte á aprendizaxe de destrezas e algoritmos en situacións descontextualizadas.

As matemáticas non son unha colección de saberes separados e inconexos, senón que constitúen un campo integrado de coñecemento. O conxunto de obxectivos, criterios de avaliación e contidos está deseñado para constituír un todo que facilite a formulación de tarefas sinxelas ou complexas, individuais ou colectivas, de carácter multidisciplinario. Sen abandonar o uso de lapis e papel nos casos sinxelos, o emprego de ferramentas dixitais para analizar e interpretar situacións da vida cotiá, da tecnoloxía e das ciencias posibilita que procesos e operacións que requiren sofisticados e tediosos métodos manuais se poidan abordar de forma sinxela mediante o uso de calculadoras, follas de cálculo ou outro software específico, favorecendo o razoamento fronte ás aprendizaxes memorísticas e rutineiras.

4.2. Obxectivos.

[Documento]

4.3. Criterios de avaliación e contidos.

2º curso.

[Documento]

4.4. Orientacións pedagóxicas.

A intervención educativa na materia de Métodos Estatísticos e Numéricos desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos da materia e, en combinación co resto de materias, unha adecuada adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos da etapa.

Neste sentido, no deseño das actividades, o profesorado terá que considerar a relación existente entre os obxectivos da materia e as competencias clave a través dos descritores operativos e das liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe, que se presentan nas epígrafes seguintes, e seleccionar aqueles criterios de avaliación do currículo que se axusten á finalidade buscada, así como empregalos para verificar as aprendizaxes do alumnado e o seu nivel de desempeño.

Relación entre os obxectivos da materia de Métodos Estatísticos e Numéricos e as competencias clave a través dos descritores operativos establecidos no anexo I:

[figura]

Liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe:

– A potenciación do razoamento, argumentación, investigación e comunicación, máis que os procedementos repetitivos.

– A interpretación, análise e modelización de situacións problemáticas en diferentes contextos, fomentando a adquisición do razoamento matemático e construíndo novos coñecementos a partir dos seus coñecementos previos.

– O emprego da historia das matemáticas para mostrar como se foi adquirindo o coñecemento matemático e as súas achegas á tecnoloxía e ás ciencias.

– O desenvolvemento de métodos para a realización de proxectos matemáticos e de resolución de problemas, individuais ou en grupo, dunha forma eficiente e lóxica, buscando xeneralizacións co fin de crear estratexias que poidan ser utilizadas en situacións análogas, proporcionando unha visión das matemáticas como un campo integrado de coñecemento en si mesmo e aplicado á tecnoloxía e ás ciencias.

– A realización de cálculos con lapis e papel débese limitar aos casos máis sinxelos. Nos casos máis complicados, utilizaranse as ferramentas tecnolóxicas máis axeitadas.

– A valoración do razoamento e a explicación dos procedementos empregados para obter os resultados, así como a súa análise crítica, primará sobre a outorgada aos cálculos realizados e aos posibles erros cometidos.

– A transmisión da importancia da comunicación das ideas matemáticas de forma ordenada e coherente, así como da utilización da linguaxe matemática en diferentes contextos coa precisión e o rigor adecuados.

– O fomento da adquisición das destrezas e actitudes necesarias para entender e manexar as emocións que xorden na aprendizaxe das matemáticas.

– O uso de distintos métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, favorezan a capacidade de aprender por si mesmos e promovan o traballo en equipo.

– A realización de proxectos, con ideas matemáticas relevantes, significativos para o alumnado e a resolución colaborativa de problemas, que reforzan a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.

– A énfase na atención individualizada á diversidade do alumnado: prevención das dificultades de aprendizaxe, detección de altas capacidades e posta en práctica de mecanismos de reforzo ou ampliación tan pronto como se detecten estas necesidades.

– O uso de estratexias para traballar transversalmente a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual e a competencia dixital, e o fomento da creatividade, do espírito científico e do emprendemento.

5. Literatura Galega do Século XX e da Actualidade.

5.1. Introdución.

Como complemento á de Lingua Galega e Literatura, esta materia pretende que o alumnado galego poida ampliar o seu coñecemento da cultura da comunidade de que forma parte, aumentar o seu coñecemento do mundo, analizar de forma crítica a realidade e, así, mellorar as súas posibilidades comunicativas e estéticas.

Nesta materia de Literatura Galega preséntanse contidos referentes á literatura do século XX e da actualidade por estaren próximos á sensibilidade da xuventude, proximidade que facilitará a relación coa obra literaria a nivel contextual, textual e estético.

Todo o alumnado durante a etapa do bacharelato cursa Lingua Galega e Literatura, co cal adquire unha visión xeral da creación literaria. Polo tanto, para o desenvolvemento desta materia débese partir da materia común, de forma que non se produza unha redundancia de contidos e se favoreza o afondamento na formación literaria do alumnado.

Esta materia permitiralle ao alumnado, ademais da ampliación de coñecementos literarios, a mellora na utilización de procedementos, técnicas, habilidades e estratexias que axudarán na análise, na investigación, no desenvolvemento do xuízo crítico e na reutilización da información, aplicables non só no campo literario senón tamén noutros ámbitos do saber e en situacións da súa vida cotiá.

A lectura será actividade fundamental nesta materia, entendida como acción complexa que implica comprender, explicar, analizar, interpretar e valorar a obra literaria, de forma que se perciba como algo vivo, creativo e lúdico, que conforme lectoras e lectores con sensibilidade, curiosidade, reflexión e respecto cara a todas as manifestacións literarias, artísticas e de pensamento ou opinión.

É fundamental propiciar o traballo da aula que estimule as inquedanzas literarias do alumnado e no cal se fomente o espírito crítico, a escoita e o respecto polas distintas ideas e opinións sobre unha obra, a autoría ou un tema. O desenvolvemento destas actitudes conseguirá non só que as alumnas e os alumnos afonden nos seus coñecementos literarios, senón tamén que completen a súa personalidade como persoas responsables, críticas e tolerantes, que sexan quen de expor as súas opinións de xeito argumentado e de captar e aceptar as das doutras persoas.

A materia aparece distribuída en seis bloques:

O primeiro, «Aspectos comúns», presenta os contidos dos restantes bloques.

O segundo, «Narrativa», inclúe, entre outros aspectos, as principais características do relato (estrutura, técnicas, extensión) e os trazos definitorios da novela (tipos de narrador, personaxes, espazo e tempo).

O terceiro, «Poesía», atende á análise dos paradigmas, contextos, influencias, temas e ao estudo da forma ou expresión (voces, estrutura, figuras...) dos principais textos poéticos do período.

O cuarto, «Teatro», céntrase, por unha banda, no teatro desde o seu compoñente literario (caracterización da traxedia, comedia e drama) e, por outra, analiza o teatro como espectáculo, con especial atención ao funcionamento dos elementos e axentes escénicos.

O quinto, «Ensaio», aborda ensaios literarios (biografías, libros de viaxe, memorias, diarios, crítica literaria) e xornalísticos (artigos de opinión, crónicas e entrevistas).

E o sexto, «A literatura e outras artes», vira arredor das relacións, influencias e producións híbridas de literatura e outras manifestacións artísticas, que van desde o cinema, a música, as artes plásticas ou a fotografía, ata a banda deseñada e as novas tecnoloxías.

Esta materia contribuirá a que o alumnado coñeza a realidade galega no aspecto literario, lingüístico e cultural, cunha aproximación aos principais movementos literarios existentes no final do século XX e na actualidade a través de autoras e autores que, nesta altura, están a espallar, por medio das súas obras e da súa presenza en diversos foros ao longo de Galicia, a súa mensaxe e o seu pensamento.

5.2. Obxectivos.

[Documento]

5.3. Criterios de avaliación e contidos.

1º curso.

[Documento]

5.4. Orientacións pedagóxicas.

A intervención educativa na materia de Literatura Galega do Século XX e da Actualidade desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos da materia e, en combinación co resto de materias, unha adecuada adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos da etapa.

Neste sentido, no deseño das actividades, o profesorado terá que considerar a relación existente entre os obxectivos da materia e as competencias clave a través dos descritores operativos e das liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe, que se presentan nas epígrafes seguintes, e seleccionar aqueles criterios de avaliación do currículo que se axusten á finalidade buscada, así como empregalos para verificar as aprendizaxes do alumnado e o seu nivel de desempeño.

Relación entre os obxectivos da materia de Literatura Galega do Século XX e da Actualidade e as competencias clave a través dos descritores operativos establecidos no anexo I:

[figura]

Liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe:

– O uso de distintos métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, que a capacidade de aprender por si mesmos e promovan o traballo en equipo. A metodoloxía deberá ser activa e participativa, de maneira que fomente a creatividade e o espírito crítico a través da investigación, da análise e do comentario de fragmentos e obras literarias de cada modalidade ou xénero textual, tendo en conta as interrelacións existentes entre os contextos socioculturais en que se producen as ditas obras, así como as formas e os contidos destas.

– A realización de proxectos significativos para o alumnado e a resolución colaborativa de problemas, que reforzan a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade. O profesorado que guíe estes proxectos didácticos debe propiciar a cooperación e a repartición equitativa de tarefas entre as alumnas e os alumnos participantes. A escenificación dunha peza teatral, a realización dun programa de radio sobre literatura ou a gravación dunha curtametraxe a partir dunha obra literaria son accións que requiren esforzo conxunto, toma de decisións, respecto pola opinión dos demais e outras dinámicas positivas que enriquecerán o desenvolvemento da personalidade adulta do alumnado.

– A atención á diversidade e a detección e prevención das dificultades de aprendizaxe ou outros problemas que se adoitan manifestar no ámbito escolar. Alén de reforzar os contidos académicos cunha atención máis individualizada aos estudantes que o precisaren, a clase de literatura galega, a través da lectura e do comentario de textos escollidos, pódese converter nunha canle de expresión das distintas problemáticas que poden afectar as alumnas e os alumnos dunhas aulas cada vez máis diversas (identidade de xénero, adaptación sociocultural, acoso escolar, violencia doméstica...).

– O uso de estratexias para traballar transversalmente a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, a competencia dixital e o fomento da creatividade, do espírito científico e do emprendemento. A proposta de lecturas e comentarios de textos de distinta temática e tipoloxía (ensaísticos, xornalísticos...) non só servirá para reforzar a adquisición das destrezas lingüísticas e outros saberes interdisciplinarios, senón que tamén serán fundamentais para achegar aspectos singulares da realidade sociocultural galega e acordar a capacidade crítica nun alumnado que debe saber interpretar a información dos medios e identificar boatos e noticias falsas.

– A proposta de obras e fragmentos literarios atendendo ás preferencias do público xuvenil e aos valores socioculturais e éticos que promovan a defensa dos dereitos humanos (a igualdade entre mulleres e homes, a paz, a solidariedade...) e a conciencia ambiental (a sustentabilidade do planeta, a conservación do medio natural, o benestar animal...). Tampouco se debe esquecer a abordaxe de textos desde unha perspectiva de xénero. As charlas con escritoras e escritores, os faladoiros e clubs de lectura ou os obradoiros literarios resultarán unha boa ferramenta para afondar nestes contidos.

– O coñecemento e a posta en valor de todos os axentes culturais relacionados coa literatura galega dos séculos XX e XXI. Poderanse promover iniciativas que permitan afondar e difundir as figuras máis destacadas nos distintos ámbitos: a organización de entrevistas con escritoras/es, ilustradoras/es, contacontos, regueifeiras/os, a participación en roteiros literarios por distintos lugares da xeografía galega, así como o desenvolvemento de traballos de investigación (exposicións, monográficos, compilacións, etc.) en formato analóxico ou dixital (realidade aumentada, códigos QR...).

– O fomento da interdisciplinariedade co fin de complementar o estudo e o desfrute das obras literarias. O traballo conxunto co profesorado e alumnado das disciplinas máis vinculadas ás artes (educación musical, artes escénicas...) axudará a explorar novos camiños de interpretación e profundar nos vínculos entre a literatura galega e outras manifestacións artísticas. Poderanse propor actividades en que se combinen, por exemplo, a poesía e a música (poemas musicados, videopoemas, raps, videoclips), a poesía e a expresión plástica (concursos de poemas ilustrados asociados a imaxes, fotografías...), e a novela e o cinema (dobraxe de películas, sesións de cinefórum sobre filmes baseados en novelas que se levaron á gran pantalla, etc.).

– A expresión e difusión dos gustos propios sobre as experiencias de lectura a través de distintos medios e soportes. A revista do centro (recensións, artigos...), a radio escolar (podcasts, sección de recomendacións lectoras, programas de literatura...), a TV escolar (coloquios, conversas con escritoras/es), as redes sociais ou as plataformas dixitais (booktrailers, booktubers...) serán espazos axeitados para que o alumnado vaia perfilando a súa identidade lectora e manifeste as súas opinións, tanto sobre os libros de lectura obrigatoria como doutros títulos que foren do seu interese.

– A potenciación da creatividade literaria oral e escrita a través de distintas canles, fomentado os produtos audiovisuais e a divulgación a través das TIC. Poderanse propor concursos virtuais de microrrelatos, micropoemas, micropílulas teatrais para difundir en dispositivos móbiles, relatos en banda deseñada creados con aplicacións informáticas, curtas de animación gravadas coa técnica stop motion ou retos e xogos interactivos como o escape room. Cómpre incidir especialmente na recuperación e actualización temática da regueifa e outras mostras da tradición oral galega próximas ao repentismo ou ao feestyle rap, de tanta aceptación entre a mocidade actual. Poderanse organizar concursos, obradoiros e festivais intercentros que teñan como protagonista a regueifa e outras formas de improvisación oral en verso, presentes en Galicia e noutras comunidades.

– A énfase na interterritorialidade e a lectura comparada de textos literarios e non literarios de autoras e autores galegos dos séculos XX e XXI con outros coetáneos de escritoras e escritores portugueses e tamén cataláns e vascos. O coñecemento de manifestacións literarias doutros territorios, con especial atención a Portugal e ás comunidades lusófonas, servirá tamén para profundar en distintas realidades socioculturais e lingüísticas. A organización de iniciativas conxuntas (concursos, exposicións...) ou os intercambios presenciais ou virtuais con alumnado que curse un nivel similar da materia en centros portugueses poden resultar actividades moi atractivas para o alumnado.

6. Psicoloxía.

6.1. Introdución.

A Psicoloxía é unha rama do saber cuxa finalidade esencial é tanto a comprensión da propia individualidade como das condutas sociais e a súa interrelación. Desde uns antecedentes históricos afastados, moi ligados ao desenvolvemento do saber filosófico, a Psicoloxía evolucionou cun cariz, en certo xeito, bifronte. Por unha banda, ten unha indubidable filiación humanística; por outra parte, a súa temática busca regularidades e explicacións científicas. Con estas características distintivas, polo seu obxecto de estudo e a súa metodoloxía, a Psicoloxía pódese considerar unha disciplina moi interesante para o alumnado de segundo de bacharelato, cunha indubidable vertente práctica, na medida en que o axudará a coñecerse mellor como individuo, a desenvolverse como persoa e, ao tempo, a afrontar os diversos problemas e retos que a convivencia suscita.

A propia complexidade, inscrita de seu no propio ser humano, faise visible na súa capacidade de relación con outros saberes, sinaladamente coa bioloxía, a socioloxía, a química e, desde logo, a filosofía. O significativo carácter dual da Psicoloxía pode axudar a desenvolver e adquirir de xeito especial as seguintes competencias clave: as vencelladas á competencia persoal, social e de aprender a aprender, a competencia cidadá e a competencia en conciencia e expresións culturais, así como a competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría. Trátase, xa que logo, dunha materia que, dada a súa riqueza de contidos e amplitude de horizontes, se pode converter en paradigmática para a adquisición da maior parte das competencias clave.

A Psicoloxía é, por outra banda, unha disciplina que contribúe ao desenvolvemento dalgúns elementos transversais do currículo, posto que axuda ao coñecemento das propias emocións e porque traballa o contido transversal referente á educación para a convivencia e o respecto nas relacións interpersoais, a competencia emocional, a autoestima e o autoconcepto como elementos necesarios para o adecuado desenvolvemento persoal, así como o rexeitamento e a prevención de situacións de acoso escolar, discriminación ou maltrato. Así mesmo, pode axudar a acadar a promoción do benestar, a seguridade e a protección de todos os membros da comunidade educativa. De xeito sinalado, a materia pode contribuír a desenvolver os valores e as actuacións necesarias para o impulso da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, así como o recoñecemento da contribución de ambos os sexos ao desenvolvemento da nosa sociedade, por canto a psicoloxía estuda, desde o respecto á diversidade, a variedade de comportamentos humanos dependentes de distintos padróns físicos, biolóxicos e/ou culturais.

Unha das finalidades da materia é iluminar o alumnado a respecto das significativas diferenzas entre os seus conceptos intuitivos do que é a Psicoloxía e as achegas máis específicas da Psicoloxía como ciencia, de modo que sexan capaces de profundar nas causas e consecuencias da conduta humana e da construción do seu coñecemento. A materia debe aproveitar as peculiaridades do alumnado como adolescente, explotando o desexo nesta etapa de coñecerse a si mesmo, para entender os procesos psíquicos e socioafectivos polos cales está pasando, e así poder contribuír a que se enfronte mellor ao seu propio desenvolvemento persoal. A través da materia de Psicoloxía, o alumnado ten a oportunidade de realizar experiencias e experimentos didácticos e participativos sobre o modo en que os seres humanos perciben a realidade, a interpretan e actúan en consecuencia, favorecendo, en suma, a construción cooperativa do coñecemento e a aplicación dunha metodoloxía dinámica e colaborativa no grupo.

A materia organízase en seis bloques: «A Psicoloxía como ciencia», «Fundamentos biolóxicos da conduta», «Os procesos cognitivos básicos: percepción, atención e memoria», «Procesos cognitivos superiores: aprendizaxe, intelixencia e pensamento», «A construción do ser humano. Motivación, personalidade e afectividade» e «Psicoloxía social». Daquela, desde a consideración da disciplina como ciencia analízanse os fundamentos biolóxicos da conduta, as capacidades cognitivas como a percepción, a memoria e a intelixencia, afondando na aprendizaxe e na construción da nosa personalidade individual e social. En suma, a materia de Psicoloxía, desde a dobre vertente humanística e científica, pode colaborar dun xeito representativo e versátil a fomentar o espírito científico aplicado ao seu campo de acción, pero tamén, desde unha vertente práctica, como disciplina que pode cooperar na mellora xenérica das condicións de vida das persoas e, ao mesmo tempo, patrocinar, desde o autocoñecemento, o xenuíno desenvolvemento persoal.

6.2. Obxectivos.

[Documento]

6.3. Criterios de avaliación e contidos.

2º curso.

[Documento]

6.4. Orientacións pedagóxicas.

A intervención educativa na materia de Psicoloxía desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos da materia e, en combinación co resto de materias, unha adecuada adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos da etapa.

Neste sentido, no deseño das actividades, o profesorado terá que considerar a relación existente entre os obxectivos da materia e as competencias clave a través dos descritores operativos e das liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe, que se presentan nas epígrafes seguintes, e seleccionar aqueles criterios de avaliación do currículo que se axusten á finalidade buscada, así como empregalos para verificar as aprendizaxes do alumnado e o seu nivel de desempeño.

Relación entre os obxectivos da materia de Psicoloxía e as competencias clave a través dos descritores operativos establecidos no anexo I:

[figura]

Liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe:

– O uso de distintos métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, favorezan a capacidade de aprender por si mesmo e promovan o traballo en equipo.

– A realización de proxectos significativos para o alumnado e a resolución colaborativa de problemas, que reforzan a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.

– A énfase na atención á diversidade do alumnado, na atención individualizada, na prevención das dificultades de aprendizaxe e na posta en práctica de mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten estas dificultades.

– O uso de estratexias para traballar transversalmente a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, a competencia dixital, o fomento da creatividade, do espírito científico e do emprendemento, e que permitan, en suma, abordar un tratamento integrado das competencias, facendo realidade palpable a construción colaborativa do coñecemento.

– A elaboración de tarefas ou situacións-problema, suscitadas cun obxectivo concreto, para resolvelas facendo un uso adecuado de distintos tipos de coñecementos, destrezas, actitudes e valores.

– A incentivación dun afán de indagación e necesidade de novos coñecementos a través da capacidade de xeración de curiosidade.

– O uso de estratexias para traballar o carácter transversal e práctico, empregando no proceso de ensino e aprendizaxe de xeito asiduo as tecnoloxías da información e da comunicación, que permiten o acceso a recursos virtuais.

– O emprego de metodoloxías activas que procuren un «saber facer» que conecte coas habilidades prácticas.

7. Segunda Lingua Estranxeira.

7.1. Introdución.

Instrumento de coñecemento, comunicación e creatividade, as linguas vehiculan, ademais, culturas e modos de ser e de facer. Así, o coñecemento de varias linguas pon a persoa usuaria en contacto cunha diversidade rica e complexa de experiencias e de construcións culturais, tanto individuais como colectivas.

O coñecemento de linguas é, pola súa vez, un instrumento esencial para a existencia curiosa e participativa nun mundo global, no cal se desenvolve un sentido de comunidade que está a dar lugar a comunidades dixitais, estilos de vida, hábitos de consumo e sensibilidades comúns respecto do que consumimos ou das condicións ambientais. Transitar adecuadamente, con instrumentos lingüísticos e culturais suficientes, por estes ámbitos da globalización, converteuse nunha necesidade para que poidan fluír o diálogo intercultural, a solidariedade internacional e os dereitos humanos universais.

Ao acceder ao bacharelato, o alumnado ten desenvolvidas a competencia en comunicación lingüística e a competencia plurilingüe grazas ás experiencias de aprendizaxe nas linguas ambientais e en dúas linguas estranxeiras, que o puxeron en relación con culturas e modos de interaccións diferentes ao seu contexto habitual. Na etapa previa, educación secundaria obrigatoria, adquiriu e desenvolveu un repertorio plural de recursos lingüísticos e culturais, consciencia de metalinguaxe para describir os sistemas lingüísticos das linguas, coñecementos discursivos e estratexias comunicativas de comprensión, produción, interacción e mediación. Así, nesta nova etapa educativa o alumnado posúe xa unha madurez lingüística e social que lle permitirá ampliar as marxes da súa competencia plurilingüe e pluricultural e utilizar conscientemente todo o repertorio de recursos lingüísticos e culturais que posúe, para enfrontarse con maior dominio ás actividades lingüísticas de produción, comprensión, interacción e mediación nesta segunda lingua estranxeira, á vez que fai evolucionar tal repertorio.

Mediante a competencia plurilingüe e pluricultural, o alumnado poderá mobilizar o repertorio plural dos recursos lingüísticos e culturais das linguas que conforman o seu repertorio lingüístico (linguas cooficiais da nosa comunidade, linguas estranxeiras –vivas ou clásicas– e linguas de migración, se é o caso) e así enfrontarse á necesidade de comunicar noutra lingua estranxeira apoiado polos coñecementos e as experiencias lingüísticas e culturais adquiridos en todas as linguas coñecidas ou aprendidas. Pois, á fin e ao cabo, todas as linguas seguen un desenvolvemento similar e serven ao entendemento e á comunicación humana.

Pola súa banda, a segunda lingua estranxeira contribuirá a que o alumnado desenvolva a súa competencia intercultural, abríndolle o ámbito da alteridade e axudándoo a comprender mellor o outro, ampliando as súas competencias de mediación entre diferentes grupos sociais e a súa capacidade de cuestionar aqueles aspectos da súa propia cultura que poidan parecer incuestionables. Así, mediante a aprendizaxe dunha segunda lingua estranxeira desenvolveranse actitudes abertas para aprender tanto a xestionar con intelixencia emocional outras formas de contacto coa alteridade como a afrontar con curiosidade, empatía e seguridade o encontro co descoñecido.

En consecuencia con todo o anterior, os obxectivos da materia de Segunda Lingua Estranxeira no bacharelato toman en consideración as competencias adquiridas durante a educación secundaria obrigatoria. Isto implica ter en conta como coñecementos previos as súas estratexias comunicativas, xa adquiridas, de comprensión, produción, interacción e mediación. Enténdese esta última, neste contexto de adquisición dunha segunda lingua estranxeira, como a actividade orientada a transmitir mensaxes comúns e habituais co fin de facilitar a comprensión mutua e de transferir información, actuando de intermediario entre persoas interlocutoras de linguas e culturas diferentes en situacións de comunicación que non presenten unha especial dificultade.

En canto aos criterios de avaliación da materia, aseguran a consecución dos obxectivos, polo que se presentan directamente vinculados a eles. Na súa formulación competencial, exponse enunciando o proceso ou a capacidade que o alumnado debe mostrar, xunto co contexto ou modo de aplicación e uso do dito proceso ou capacidade. A nivelación dos criterios de avaliación está adecuada á madurez, experiencias de aprendizaxe lingüísticas previas e desenvolvemento psicoevolutivo do alumnado da etapa de bacharelato.

Pola súa banda, os contidos son os coñecementos (saber), as destrezas (saber facer) e as actitudes (saber ser) necesarios para a realización das aprendizaxes e a avaliación das capacidades ou procesos enunciados nos criterios de avaliación. Estrutúranse en tres bloques. O bloque «Comunicación» abrangue os coñecementos, destrezas e actitudes que é necesario mobilizar para o desenvolvemento das actividades lingüísticas de comprensión, produción, interacción e mediación, incluídos os relacionados coa procura de fontes de información e a xestión das fontes consultadas. O bloque «Plurilingüismo e reflexión sobre a aprendizaxe» engloba as estratexias e os procesos, de maneira que aqueles traballados nunha lingua sexan igualmente utilizados nas actividades lingüísticas das demais. O dominio das aprendizaxes establecidas neste bloque vai permitir que o alumnado poida focalizar, no proceso de ensino e aprendizaxe, nos elementos propios da lingua estranxeira e en todos aqueles aspectos que teñen incidencia directa na capacidade de comunicarse adecuadamente. Por último, no bloque «Interculturalidade» agrúpanse os coñecementos, destrezas e actitudes sobre as culturas vehiculadas a través da lingua estranxeira e a oportunidade de enriquecemento e de relación cos demais que estas posibilitan. Resultan esenciais neste bloque as actitudes de interese, aprecio e respecto por outras linguas, variedades lingüísticas e culturas. Neste sentido, o currículo de Segunda Lingua Estranxeira estrutúrase ao redor da variedade estándar da lingua coa única finalidade de que a persoa usuaria se poida comunicar cun maior número de persoas interlocutoras.

7.2. Obxectivos.

[Documento]

7.3. Criterios de avaliación e contidos.

1º curso.

[Documento]

2º curso.

[Documento]

7.4. Orientacións pedagóxicas.

A intervención educativa na materia de Segunda Lingua Estranxeira desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo nos distintos niveis da etapa as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos da materia e, en combinación co resto de materias, unha adecuada adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos da etapa.

Neste sentido, no deseño das actividades, o profesorado terá que considerar a relación existente entre os obxectivos da materia e as competencias clave a través dos descritores operativos e das liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que se presentan nas epígrafes seguintes, e seleccionar aqueles criterios de avaliación do currículo que se axusten á finalidade buscada, así como empregalos para verificar as aprendizaxes do alumnado e o seu nivel de desempeño.

Relación entre os obxectivos da materia de Segunda Lingua Estranxeira e as competencias clave a través dos descritores operativos establecidos no anexo I:

[figura]

Liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe:

– Unha serie de elementos propios das metodoloxías: as actividades, tarefas ou proxectos que facilitarán a adquisición das aprendizaxes e o desenvolvemento das competencias consideradas nos obxectivos; os agrupamentos necesarios para facilitar a realización das actividades en contextos de aprendizaxe colaborativos, a coavaliación e autoavaliación; os materiais e recursos que serán necesarios para pór o alumnado en contacto coa lingua meta; a avaliación e, en todo momento, o seu rol de docente e o rol do alumnado.

– Actividades ou tarefas non só de orientación exclusivamente lingüística, senón tamén para o desenvolvemento cognitivo. Este tipo de actividades cunha orientación humanística e sociocultural pon o desenvolvemento comunicativo ao servizo da formación integral do alumnado, ao considerar contidos como a autoconfianza, a autonomía, a iniciativa, o respecto á diversidade lingüística e cultural, o enriquecemento persoal e social, etc.

– Actividades que guíen o alumnado na explotación da diversidade de experiencias das súas aprendizaxes lingüísticas, promovendo o recurso ás linguas que coñece para comprender e facerse comprender; en definitiva, comunicar nunha sociedade global en que existe cada día unha maior interrelación.

– Actividades que promovan o coñecemento dos padróns culturais que ordenan as relacións entre xeracións, sexos, clases e grupos sociais da propia cultura, para informar e sensibilizar sobre a necesidade de coñecer e respectar as normas que rexen a dimensión social do uso da lingua noutra comunidade lingüística.

– Propostas que tomen en consideración a motivación do alumnado, así como os seus intereses e preferencias.

– En definitiva, débese lograr a convivencia entre actividades controladas de memorización, exercicios gramaticais, etc. e actividades comunicativas como xogos de rol, realización de proxectos, xogos, debates, etc., xa que, ao cabo, a finalidade das actividades de aprendizaxe non é outra que contribuír ao logro das competencias establecidas no currículo de Segunda Lingua Estranxeira, facilitando o desenvolvemento da competencia comunicativa, a toma de conciencia das estratexias e coñecementos propios para mellorar a aprendizaxe, e o interese e respecto pola diversidade lingüística e cultural.

8. Tecnoloxías da Información e da Comunicación.

8.1. Introdución.

A revolución tecnolóxica que vivimos na actualidade fai que cada día manexemos dispositivos capaces de conectarnos, crear e acceder á información dunha forma tan global, rápida e diversa que, hai uns anos, nin sequera podiamos imaxinar.

A importancia dos ditos dispositivos radica na súa incorporación tanto ao ámbito profesional como ás actividades da vida cotiá e de ocio, nas cales cada vez facemos máis uso deles. Isto provoca a necesidade de adquirir unhas habilidades e desenvolver capacidades que ata hai ben pouco non eran necesarias na nosa vida. De aí xorde a necesidade dunha alfabetización dixital que nos permita dominar tanto a linguaxe propia destas tecnoloxías como o manexo seguro delas.

Na sociedade actual, as tecnoloxías da información e da comunicación desenvolvéronse arredor da electrónica, da informática e das telecomunicacións, pero non consideradas de forma illada, senón como un conxunto que permitiu evolucionar desde os primeiros ordenadores persoais ata a telefonía móbil.

A materia de Tecnoloxías da Información e da Comunicación ten o obxectivo de ir máis alá dese proceso de alfabetización dixital, xa iniciado na etapa de primaria e continuado na educación secundaria obrigatoria nas materias de Tecnoloxía e Dixitalización, Educación Dixital e Dixitalización, de tal forma que dotará o alumnado das competencias necesarias que lle permitan acceder con autonomía, capacidade de adaptación e autoaprendizaxe permanente no uso das tecnoloxías da información e da comunicación, de xeito que consiga estar preparado para atender ás demandas deste campo de tan rápida evolución.

O uso de ordenadores e dispositivos electrónicos non está exento de riscos nin de ser susceptible de delitos, polo que cómpre a creación duns límites éticos e legais que vaian vinculados á xeración e ao intercambio de datos, sobre todo, considerando as posibilidades infinitas que implican a versatilidade, a capacidade multimedia e a popularidade dos novos dispositivos e as súas aplicacións. De aí que tamén sexa necesario educar no uso de ferramentas que faciliten a interacción con este contorno dixital en condicións de seguridade e reflexión ética apropiadas a esta nova era.

Por todo o exposto, a competencia dixital vai ser transversal ao longo de todas as etapas e as diferentes materias, polo que é vital a integración do uso das tecnoloxías da información e da comunicación e o desenvolvemento dunha cultura dixital na aula.

A contribución da materia á competencia en comunicación lingüística é clara, xa que está directamente vinculada coa comunicación da información, o cal lle exixe ao alumnado recibir e emitir mensaxes claras, coherentes e concretas, facendo uso dun vocabulario adecuado.

Para iso, ademais das situacións de ensino-aprendizaxe diarias que se traballan na aula, o alumnado débese enfrontar a situacións concretas e contextualizadas en que teña que comunicarse. Para iso, e tendo en conta as estratexias metodolóxicas que se aplican nas diferentes materias, o alumnado deberá elaborar documentos técnicos para informar sobre os traballos prácticos realizados, realizar exposicións ou presentacións específicas, defender e convencer sobre os produtos deseñados ou elaborados, realizar buscas de información e, polo tanto, establecer técnicas adecuadas para conseguir un adecuado tratamento da información.

Así mesmo, a materia repercute de forma directa na adquisición da competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría, pois o alumnado debe abordar e resolver os problemas e as situacións que se lle propoñan, os cales estarán relacionados, na medida do posible, coa vida cotiá, na cal estas tecnoloxías toman hoxe en día un carácter relevante, cando non case imprescindible, no noso modo de vida. Para iso, debe determinar, analizar e propor preguntas adecuadas, identificar situacións similares para contrastar diferentes solucións e utilizar aplicacións tecnolóxicas en dispositivos de comunicación.

A proposta da materia incide no desenvolvemento de estratexias de busca, análise e procesamento da información facendo uso da web, ordenadores e outros dispositivos no propio proceso de ensino-aprendizaxe, dominio do software adecuado para deseñar e xerar produtos de comunicación (textos, son, imaxes e vídeo), manexo de procesadores de texto, programas de cálculo, deseño de presentacións, deseño web, etc., para crear, procesar, publicar e compartir información de xeito colaborativo ou individual, e todo iso respectando os dereitos e as liberdades individuais e de grupo, e mantendo unha actitude crítica e de seguridade no uso da rede.

A propia natureza empírica da materia e a dinámica no uso de dispositivos de comunicación e información xustifican a súa contribución á competencia persoal, social e de aprender a aprender, xa que o alumnado debe ser capaz, de xeito autónomo, de buscar estratexias organizativas e de xestión para resolver situacións que se propoñan, tomando conciencia do seu propio proceso de ensino-aprendizaxe. Proporánselle en todo momento situacións nas cales, antes de empezar a actuar, debe pasar por un proceso de reflexión no cal se fai necesaria a organización e planificación de tarefas para xestionar individualmente, ou de forma colaborativa, as accións que se van levar a cabo, de xeito que, a partir dunhas instrucións dadas, sexa quen de obter os resultados que se lle piden e constrúa as aprendizaxes necesarias para iso, e sexa quen, ademais, de extrapolar estas accións a outras situacións.

A contribución da materia á competencia cidadá realízase a través de varias vías, e unha delas é o traballo colaborativo en rede, no cal se fomentan a tolerancia, a toma de decisións de forma activa e democrática, o respecto aos dereitos sobre a propiedade e a igualdade de xénero, onde se traballa para evitar esta discriminación, ás veces patente na sociedade actual, sobre todo pondo especial énfase na linguaxe textual e multimedia, a cal debe estar desprovista de intencionalidade sexista, traballando así as actitudes non discriminatorias por razón de sexo, cultura ou rango social, e fomentando, no eido das tecnoloxías da información e da comunicación, especialmente a vocación das nenas e das adolescentes.

As tecnoloxías da información e da comunicación están directamente vinculadas ás destrezas e habilidades esenciais relacionadas coa competencia emprendedora; así, a capacidade de planificar, organizar e xestionar para transformar as ideas en resultados trabállase de xeito case constante nesta materia. A metodoloxía activa proposta vai permitir unha aprendizaxe colaborativa, de maneira que o alumnado actúe como axente social, asuma responsabilidades e desafíos e sexa quen de levar a cabo negociacións para chegar a acordos consensuados para transformar as ideas en produtos finais, de modo que, a través da aplicación das aprendizaxes traballadas e de estratexias persoais e grupais, consiga a resolución, con éxito, dos problemas e das situacións propostos. A materia dota o alumnado, ademais, de habilidades que están moi recoñecidas e valoradas no mundo laboral actual nun eido, o das tecnoloxías da información e da comunicación, que supón unha das liñas profesionais con máis perspectivas de futuro.

Esta materia contribúe á competencia en conciencia e expresión culturais na medida en que o alumnado, a través das situacións que se lle propoñan, sexa quen de desenvolver a súa capacidade creadora nos diferentes contextos e tipos de produtos, entre os cales destacan as producións audiovisuais. Neste punto, fomentará a súa imaxinación e creatividade co deseño e coa mellora dos produtos multimedia, analizará a súa influencia nos modelos sociais e expresará as súas ideas e experiencias buscando as formas e canles de comunicación máis axeitadas para cada situación. Co traballo colaborativo desenvolve actitudes nas cales toma conciencia da importancia de apoiar tanto as súas producións como as alleas, de reelaborar as súas ideas, de axustar os procesos para conseguir os resultados desexados e de apreciar as contribucións do grupo con interese, respecto e recoñecemento do traballo realizado.

8.2. Obxectivos.

[Documento]

8.3. Criterios de avaliación e contidos.

1º curso.

[Documento]

2º curso.

[Documento]

8.4. Orientacións pedagóxicas.

A intervención educativa na materia de Tecnoloxías da Información e da Comunicación desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo nos distintos niveis da etapa as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos da materia e, en combinación co resto de materias, unha adecuada adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos da etapa.

Neste sentido, no deseño das actividades, o profesorado terá que considerar a relación existente entre os obxectivos da materia e as competencias clave a través dos descritores operativos e das liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe, que se presentan nas epígrafes seguintes, e seleccionar aqueles criterios de avaliación do currículo que se axusten á finalidade buscada, así como empregalos para verificar as aprendizaxes do alumnado e o seu nivel de desempeño.

Relación entre os obxectivos da materia de Tecnoloxías da Información e da Comunicación e as competencias clave a través dos descritores operativos establecidos no anexo I:

[figura]

Liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe:

– O primeiro bloque de contidos, «Desenvolvemento de proxectos dixitais», debe funcionar como eixe vertebrador da materia, que pretende que o alumnado sexa quen de realizar proxectos significativos e de resolver problemas de forma colaborativa, o que reforza a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.

– A aplicación dos proxectos sobre os bloques de contidos «Creación, tratamento e presentación da información e os datos», «Programación» e «Creación e edición de contidos audiovisuais» permite que a materia sexa flexible e adaptable aos diferentes intereses e motivacións do alumnado, de xeito que lle poidamos dar un enfoque máis técnico ou más artístico-creativo segundo o grupo de alumnado.

– O último bloque, «Seguridade, benestar e cidadanía dixital», debe ser abordado tamén de forma transversal, de maneira que en todo momento o alumnado adquira unha actitude de respecto na interacción na rede e manteña a seguridade tanto da súa persoa como dos equipamentos con que traballa.

– Deberanse empregar distintos métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, favorezan a capacidade de aprender por si mesmos e promovan o traballo en equipo.

– A énfase na atención á diversidade do alumnado, na atención individualizada, na prevención das dificultades de aprendizaxe e na posta en práctica de mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten estas dificultades.

– A distribución de espazos, debido ao carácter práctico da materia, orientarase a unha aula equipada cos dispositivos informáticos e a conectividade necesarios para a realización das actividades atendendo a pautas básicas de accesibilidade.

– A organización por grupos debe proporcionar un marco de colaboración para acadar obxectivos onde o liderado estea compartido e as persoas teñan a capacidade de ser críticas consigo mesmas e coas demais.

– A selección de ferramentas, recursos e materiais didácticos deberase orientar cara a aqueles que favorezan o traballo colaborativo en rede a través da variedade de posibilidades que existen na actualidade.

9. Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia.

9.1. Introdución.

A realidade xeográfica, histórica e artística de Galicia, como unha das tres nacionalidades históricas recollidas na Constitución española de 1978, demanda o estudo científico dos aspectos históricos, xeográficos, artísticos e antropolóxicos de maior transcendencia para coñecer e explicar a evolución e a situación da sociedade galega actual. Daquela, Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia complementa os coñecementos e as competencias que lle achegan ao alumnado as materias de Historia de España, de Historia do Mundo Contemporáneo e de Historia da Arte, polo que debe afondar no coñecemento crítico das especificidades históricas de Galicia en perspectiva comparada co resto do Estado español e co contexto mundial.

A selección de contidos desta materia atende á descrición dos procesos e dos fenómenos máis salientables da conformación xeográfica e histórico-artística de Galicia. A dita selección de contidos fomenta, tamén, a aplicación de técnicas de análise de fontes diversas e perspectivas interpretativas propias das ciencias sociais, así como o estudo do pasado como estratexia de ensino e aprendizaxe que favoreza a comprensión crítica da multicausalidade histórica e das características da Galicia actual. Os referidos contidos organizan, tanto cronoloxicamente como tematicamente, os aspectos económicos, sociais, políticoinstitucionais, relixiosos e culturais que marcaron o devir histórico de Galicia.

O estudo desta materia debe fomentar a capacidade para contextualizar cronolóxica e espacialmente o espazo xeográfico e os feitos e procesos históricos, interrelacionando as variables económicas, políticas, sociais e culturais. Deste xeito, o alumnado será quen de analizar fontes diversas, sintetizando a información e elaborando interpretacións razoadas e multicausais, e para iso utilizará tanto o material bibliográfico e as fontes escritas como os medios propios das tecnoloxías da información e da comunicación dixital.

O patrimonio artístico e cultural galego caracterízase pola súa riqueza, diversidade e extensión xeográfica, así como pola vinculación á paisaxe que o rodea. O estudo do seu patrimonio permite comprender que elementos materiais e inmateriais do seu acervo cultural son obxecto de protección, conservación e difusión consonte a normativa de referencia, tanto por parte das administracións públicas como por parte dos particulares. As distintas competencias clave desenvólvense ao longo da materia mediante elementos que son propios da historia da arte de Galicia, mediante o estudo e o aprecio do patrimonio ou a través das vertentes máis actitudinais e procedementais das competencias.

Os criterios de avaliación e os contidos agrúpanse en seis bloques que abranguen desde a xeografía á historia, a arte e o patrimonio cultural de Galicia. Estes bloques teñen a seguinte denominación: bloque I «A xeografía de Galicia», bloque II «As raíces da historia de Galicia», bloque III «A eclosión de Galicia na Idade Media; o Camiño de Santiago», bloque IV «O éxito dunha sociedade tradicional: Galicia no Antigo Réxime», bloque V «Galicia no camiño da modernización. A Idade Contemporánea», bloque VI «Patrimonio material e cultural en Galicia». Optouse pola presentación cronolóxica, coa cal o profesorado e o alumnado se encontran máis familiarizados, pero na súa propia definición e articulación pódese observar unha intención temática, incidindo naqueles aspectos ou elementos que resultan máis relevantes de cada época histórica.

O enfoque competencial do bacharelato e da materia abre novas oportunidades e posibilidades para crear escenarios de aprendizaxe máis activos e atractivos nos cales dotar de maior protagonismo o alumnado, que permitan o traballo en equipo, os procesos de indagación e investigación, a creatividade e a transferencia do coñecemento adquirido.

9.2. Obxectivos.

[Documento]

9.3. Criterios de avaliación e contidos.

2º curso.

[Documento]

9.4. Orientacións pedagóxicas.

A intervención educativa na materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos da materia e, en combinación co resto das materias, unha adecuada adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos da etapa.

Neste sentido, no deseño das actividades, o profesorado terá que considerar a relación existente entre os obxectivos da materia e as competencias clave a través dos descritores operativos e das liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe, que se presentan nas epígrafes seguintes, e seleccionar aqueles criterios de avaliación do currículo que se axusten á finalidade buscada, así como empregalos para verificar as aprendizaxes do alumnado e o seu nivel de desempeño.

Relación entre os obxectivos da materia de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia e as competencias clave a través dos descritores operativos establecidos no anexo I:

[figura]

Liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe:

– O uso de distintos métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, favorezan a capacidade de aprender por si mesmos e promovan o traballo en equipo. Todo iso implica dispor de novos instrumentos para valorar un conxunto amplo e diverso de accións, tendo en conta a diversidade e individualidade do alumnado.

– O uso de estratexias para traballar transversalmente a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, a competencia dixital, o fomento da creatividade, do espírito científico e do emprendemento.

– Utilizar estratexias nas cales o alumnado exercite tanto os procesos instrumentais como as actitudes, utilizando as bases discursivas do pensamento histórico na construción do coñecemento.

– O uso da metodoloxía propia da historia e das ciencias sociais, promovendo a análise crítica das fontes e o desenvolvemento da terminoloxía e dos coñecementos que lle permitan ao alumnado afrontar con solvencia a redacción de composicións históricas.

– O emprego de métodos cuantitativos de carácter serial, gráfico e estatístico de longa e curta duración, que lle permitan ao alumnado comprender e explicar as variables sociais e económicas que incidiron no devir histórico da historia de Galicia.

– A análise do enclave espazo-temporal da produción artística para unha adecuada comprensión e explicación do contexto político, social, cultural, económico, relixioso e ideolóxico en que esta se desenvolve.

– A explicación dos aspectos técnicos, conceptuais e formais das artes plásticas e da arquitectura, que lle permitan ao alumnado afrontar con solvencia a análise dunha obra.

– Facer énfase nas diversas orientacións de carácter competencial (indutivas e dedutivas) á disposición da persoa historiadora, para o coñecemento crítico dos procesos e transformacións sociais, as súas causas e as consecuencias derivadas, traballando especialmente sobre conceptos e logros esenciais como a perspectiva de xénero e o acceso á cidadanía, á liberdade, á igualdade, á equidade e ao benestar social.

– Fomentar no alumnado a fundamentación de xuízos propios baseados no uso habitual de fontes primarias e textos historiográficos que lle permitan o achegamento crítico ás diversas ideoloxías e identidades presentes no pensamento sociopolítico da historia de Galicia.

– O exercicio do pensamento crítico, fundamentado e razoado, ao igual que a transferencia de información e do coñecemento elaborado que, ademais de supor o uso avanzado de medios dixitais, implique tamén o desenvolvemento de estratexias comunicativas eficaces.

– Realizar traballos de investigación e «obradoiros de historia», xerando produtos a través da indagación e da investigación que poñan en valor o patrimonio histórico considerado como un ben común que cómpre conservar. Realización concreta dun traballo de investigación sobre o patrimonio cultural galego, a súa protección legal, e accións públicas e privadas para a súa conservación, mantemento e posta en valor.

ANEXO II Especialidades do profesorado con atribución docente nas materias optativas do bacharelato

[figura]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia