lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 54/2022, do 28 de abril, polo que se crea e regula o Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia.

Publicado en: DOG 91 11/05/2022

Departamento: Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

Estado: En vigor

PDF

Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 96, do 19 de maio de 2022.

I

O deporte e a actividade física constitúen ámbitos de máxima importancia nas sociedades modernas. Vencellados directamente a modos de vida saudables e a sociedades activas, o deporte e a actividade física contribúen a mellorar a saúde das persoas, así como ao fortalecemento de valores individuais e sociais como o da superación, o respecto aos demais e ás normas, ou o crecemento persoal baseado no esforzo e na mellora do propio rendemento. Todos eles valores especialmente interesantes no proceso de sociabilidade e de mellora individual e social.

Así, a importancia do deporte queda recollida tanto na Constitución española como no Estatuto de autonomía de Galicia.

De acordo co disposto no número 22 do artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma ten a competencia exclusiva na promoción do deporte e da adecuada utilización do lecer. En exercicio desta competencia, apróbase a actual Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, que, de conformidade co disposto no artigo 1.1, ten por obxecto promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional, de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co artigo 3 da Lei 3/2012, do 2 de abril, recóllense, entre os seus principios reitores, entre outros, o dereito de toda a cidadanía a coñecer e a practicar deporte de forma libre, voluntaria e democrática, en termos de igualdade e sen discriminación ningunha, a consecución dunha práctica deportiva integrada nos valores de preservación do medio natural e a sustentabilidade e respecto con eles, a garantía da práctica deportiva en condicións de saúde e seguridade, para o que será necesaria a cualificación adecuada do persoal profesional que a dirixe, a optimización e complementariedade dos recursos públicos existentes e a necesaria concorrencia da participación privada, a eficacia, eficiencia, descentralización, desconcentración, coordinación, colaboración e participación das entidades públicas e privadas, e a promoción da colaboración entre o sector público e o privado, co fin de garantir a máis ampla e mellor oferta deportiva. Así mesmo, e entre outros principios xerais, o artigo 4 da lei recolle a adecuada utilización do medio natural para a práctica deportiva, e a súa compatibilización coa protección do medio, o fomento dunha adecuada protección, asistencia médica e sanitaria das persoas deportistas, así como o control das medidas de seguridade e salubridade das instalacións deportivas, e a planificación e promoción dunha rede de instalacións deportivas que posibilite a xeneralización práctica da actividade deportiva.

A Lei 3/2012, do 2 de abril, dentro do seu o título VI, relativo ás instalacións deportivas, dedica o capítulo I ao Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia. En concreto, no artigo 76 defínense as instalacións deportivas e prevese, no seu número 4, que regulamentariamente se poderá establecer unha tipoloxía de instalacións, así como un sistema de clasificación destas, atendendo, entre outras circunstancias, ás características da súa oferta deportiva e á calidade dos servizos prestados. De acordo co artigo 77, correspóndelle á Administración autonómica a creación e custodia do Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia, no que se inscribirán as instalacións deportivas de uso público da Comunidade Autónoma.

Neste contexto competencial e normativo insírese este decreto que ten por obxecto a a creación e regulación do Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia.

II

O decreto consta de 22 artigos, tres disposicións adicionais, unha transitoria e dúas disposicións derradeiras.

No título Preliminar establécense as disposicións xerais, determinándose o obxecto, ámbito de aplicación, contido e finalidade, natureza xurídica e adscrición, definicións, soporte e custodia, e a cooperación administrativa e deberes de colaboración.

No título I regúlase a estrutura do Ridega.

No título II, que se divide en catro capítulos, regúlanse o procedemento de inscrición e os efectos. No capítulo I regúlase a inscrición por instancia de parte, no capítulo II a modificación e baixa da inscrición por instancia de parte, no capítulo III a inscrición, modificación e baixa de oficio e no capítulo IV os efectos.

No título III regúlanse a publicidade e acceso á información contida no rexistro, e no título IV o réxime de infraccións e sancións.

Nas disposicións adicionais regúlase a inscrición das instalacións deportivas dos centros docentes públicos e mediante disposición transitoria regúlase a inscrición de oficio de instalacións recollidas na plataforma Galicia Saudable, e a actualización dos modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición e o soporte e custodia do Ridega. Nas disposicións derradeiras disponse a habilitación normativa para o desenvolvemento do decreto e a súa entrada en vigor.

A tramitación desta norma adecuouse ao disposto nos artigos 40 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, recadando, entre outros trámites, informe económico-financeiro, informe sobre impacto de xénero e informe da Asesoría Xurídica Xeral, así como se procedeu ao trámite de audiencia á Unión de Federacións Deportivas de Galicia e ás federacións deportivas de Galicia, as universidades galegas e a Federación Galega de Municipios e Provincias, e o proxecto foi publicado no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a norma adecúase aos principios de boa regulación establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, é dicir, aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia. Así, en virtude dos principios de necesidade, eficacia e proporcionalidade, o presente decreto está xustificado por unha razón de interese xeral ao ser necesario a día de hoxe contar coa regulación do Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia, recollendo as normas precisas para tal fin e sen impoñer maiores obrigas e cargas que as necesarias. No relativo ao principio de seguridade xurídica, a norma é coherente co resto do ordenamento xurídico, desenvolvendo a Lei 3/2012, do 2 de abril, e xerando un marco normativo estable. En cumprimento do principio de transparencia identifícanse con claridade na norma os obxectivos perseguidos e, ademais, durante a súa tramitación promoveuse a participación da cidadanía singularmente mediante a publicación no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia. E, de acordo co principio de eficiencia, evítanse cargas administrativas innecesarias ou accesorias e na aplicación da norma racionalizarase a xestión dos recursos públicos.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e oito de abril de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

TÍTULO PRELIMINAR Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. O presente decreto ten por obxecto a creación e a regulación do Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia (en diante, Ridega).

2. No presente decreto regúlase os procedementos para a inscrición das instalacións deportivas de uso público da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento DE001A), para a modificación ou baixa (código de procedemento DE001B), e para a comunicación para a inscrición de oficio (código de procedemento DE001C) no Ridega.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación deste decreto exténdese a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Contido e finalidade

1. No Ridega inscribiranse as instalacións deportivas de uso público da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de titularidade pública como de titularidade privada, de conformidade co disposto no artigo 77.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

2. O Ridega ten por finalidade:

a) Dispoñer de información ao servizo das funcións de planificación, fomento e xestión de instalacións deportivas, e de apoio para o exercicio das demais competencias que, en materia deportiva, fosen atribuídas ás administracións públicas galegas.

b) Servir de fonte de información para os suxeitos privados e as organizacións representativas de intereses colectivos relacionados co deporte, así como das persoas usuarias no que atinxe ao fomento da actividade deportiva, nas condicións establecidas no presente decreto.

c) Servir de fonte de información para confeccionar o Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia. En particular, de acordo co artigo 77.4 da Lei 3/2012, do 2 de abril, os datos que figuren no rexistro servirán para confeccionar o censo de instalacións deportivas, que se publicará coas agrupacións e clasificacións suficientes para dar a coñecer a situación das infraestruturas na Comunidade Autónoma e contribuír á planificación das novas que se poidan construír.

Artigo 4. Natureza xurídica e adscrición

O Ridega é un rexistro administrativo único para toda a Comunidade Autónoma, e está adscrito ao órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de deporte, que se encargará da súa xestión.

Artigo 5. Definicións

1. Teñen a consideración de instalacións deportivas de uso público aquelas abertas ao público en xeral, con independencia da súa titularidade ou da exixencia de contraprestación pola súa utilización, de conformidade co disposto no artigo 76.3 da Lei 3/2012, do 2 de abril.

2. Teñen a consideración de instalacións deportivas de titularidade pública, para efectos do presente decreto, aquelas instalacións deportivas de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma, das entidades locais de Galicia, das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia así como de organismos públicos ou entidades de dereito público ou de dereito privado vinculadas ou dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades locais de Galicia.

3. Considérase instalación deportiva aquel espazo onde pode practicarse deporte e tamén, se é o caso, desenvolverse exercicio ou actividade física. Ademais, pode incluír espazos complementarios e auxiliares. Atendendo ás características básicas dos espazos diferéncianse:

a) Instalación deportiva convencional: de acordo co artigo 76.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, ten a consideración de instalación deportiva convencional calquera espazo aberto ou pechado, infraestrutura ou inmoble proxectado ou adaptado especificamente para a práctica do deporte, que estea dotado das condicións aptas para o exercicio de calquera das súas modalidades ou especialidades (campo hockey herba, campo de béisbol e sóftball, campo de fútbol, campo de golf, campo de rugby, campo de tiro, campo de wáter polo, campo de tiro con arco, circuíto deportivo de motor, circuíto hípico, club náutico, estadio de atletismo, pista de atletismo, frontón, parque acuático, pavillón polideportivo, piscina, pista de squash, pista de tenis, pista de xeo, pista de piragüismo, pista polideportiva exterior, pista de remo, pista de pádel, rocódromo artificial, velódromo, así como outros análogos).

b) Espazos deportivos non convencionais: de acordo co artigo 76.2 da Lei 3/2012, do 2 de abril, teñen esta consideración aqueles nos que se desenvolven actividades deportivas e que se adaptan ás características do medio, natural ou urbano (áreas de actividades ao aire libre: parque/circuíto saudable, parque infantil, parque multiaventura, percorridos a cabalo, percorridos en bicicleta, carril de bicicleta, percorridos/paseos a pé, rutas de bicicleta todo terreo (btt), vía verde (bicicleta); áreas deportivas fluviais; áreas deportivas praia-mar; zona de actividade aeronáutica; zona de actividade de montaña; zona de xogos tradicionais/ populares, así como outros análogos).

c) Complexo deportivo: espazo que conta con varias instalacións deportivas e que posibilita a realización e práctica dunha variedade de exercicios, actividades físicas e/ou deportivas (pista polideportiva, centro deportivo, zona de actividades exterior, así como outros análogos).

Artigo 6. Colaboración administrativa

1. Os datos que constan no Ridega poderán ser obxecto de cesión ao Consello Superior de Deportes para o exercicio da súa función de actualización permanente do Censo Nacional de Instalacións Deportivas, de conformidade co disposto no artigo 8.1.n) da Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte.

2. De conformidade co disposto no artigo 141.1.c) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, as entidades locais de Galicia e as entidades do sector público autonómico e local deberán colaborar co órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de deporte no desenvolvemento das competencias do dito órgano relativas ao Ridega.

3. O órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de deporte colaborará cedendo ás entidades locais galegas os datos que constan no Ridega, correspondentes ás instalacións situadas no seu ámbito territorial de actuación, para o exercicio das súas competencias en materia deportiva e de promoción da vida activa.

4. En todo caso, garantirase o necesario respecto á normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

TÍTULO I Estrutura do Ridega

Artigo 7. Estrutura da información

1. A información das infraestruturas prevista no artigo 77.5 da Lei 3/2012, do 2 de abril, estruturase no Ridega do seguinte xeito:

a) Datos básicos.

b) Datos estruturais.

c) Datos de uso.

d) Actividades e servizos.

e) Entidades que utilizan a instalación.

f) Valoración da instalación.

Os datos que deberán incluírse en cada punto recóllense no anexo I.

2. Nos ditos puntos incluirase expresamente a capacidade e a accesibilidade das instalacións para persoas con algún tipo de discapacidade, de acordo coas condicións legais establecidas na normativa sectorial autonómica de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, así como na normativa de aplicación que garanta a participación en igualdade de oportunidades e non discriminación nas actividades deportivas, desde a condición da participación, da organización, do desenvolvemento, o acceso e gozo delas.

Igualmente, deberán incluírse os equipamentos dispoñibles e recursos axeitados para permitir o desenvolvemento da práctica deportiva de forma inclusiva, permitindo a plena integración e utilización por parte de persoas con discapacidade.

TÍTULO II Procedemento de inscrición no Ridega e efectos

CAPÍTULO I Inscrición a instancia de parte

Artigo 8. Solicitude de inscrición

1. O procedemento de inscrición no Rexistro axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común, coas especialidades previstas na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia e neste decreto. O procedemento iniciarase por instancia de parte, dirixindo a súa solicitude ao órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

2. A solicitude presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que figura como anexo II.

Na solicitude incluirase a declaración responsable na que se manifeste expresamente que son verdadeiros todos os datos e informacións contidos na solicitude e que serán verdadeiros os datos previstos no anexo I que se comuniquen á plataforma de xestión, logo da habilitación para o acceso ao sistema da persoa titular da instalación deportiva.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído osistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude o xustificante de ter pagada a taxa por primeira inscrición no rexistro (código da taxa 300200), agás nos supostos de exención previstos na normativa aplicable.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados neste decreto consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante. d) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución

1. O órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de deportes realizará as comprobacións que considere necesarias para verificar que a instalación cumpre as habilitacións técnicas e os requisitos necesarios para a práctica deportiva segura.

2. Á vista das comprobacións realizadas, a persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de deportes resolverá sobre a inscrición solicitada nun prazo máximo de tres meses contados desde que aquela tivese entrada no rexistro da Administración competente para a súa resolución. A falta de notificación da resolución expresa no dito prazo terá efecto estimatorio por silencio administrativo.

3. A inscrición poderá ser denegada cando a instalación non cumpra as habilitacións técnicas nin os requisitos necesarios para a práctica deportiva segura.

4. A resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada, ou recurso contencioso ante a xurisdición contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

CAPÍTULO II Modificación e baixa da inscrición a instancia de parte

Artigo 14. Modificación da inscrición a solicitude da persoa interesada

No caso de que se produza calquera modificación ou variación respecto dos datos básicos e/ou estruturais recollidos no anexo I, a persoa titular da instalación deberá presentar unha solicitude de modificación da inscrición que conteña a información que se altera.

Artigo 15. Baixa da inscrición a solicitude da persoa interesada

No caso de que non se cumpran as habilitacións técnicas nin os requisitos necesarios para a práctica deportiva segura, así como de peche ou cesamento da actividade na instalación, a persoa interesada deberá presentar unha solicitude de baixa da inscrición.

Artigo 16. Procedemento de solicitude de modificación ou baixa da inscrición da instalación deportiva a instancia da persoa interesada

1. A solicitude de modificación dos datos inscritos ou de baixa da inscrición deberán presentarse no prazo dun mes contado desde o momento no que se produza a circunstancia que deba ter acceso ao rexistro. Seguirase o procedemento con código DE001B.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que figura como anexo III. Na solicitude incluirase a declaración responsable na que se manifeste expresamente que todos os datos e informacións contidos na solicitude son verdadeiros.

3. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude o xustificante de ter pagada a taxa por modificación da primeira inscrición no rexistro (código da taxa 300200), agás nos supostos de exención previstos na normativa aplicable.

4. O procedemento de solicitude de modificación ou baixa da inscrición da instalación deportiva rexerase polas normas contidas nos artigos 8 a 13.

CAPÍTULO III Inscrición, modificación e baixa de oficio

Artigo 17. Inscrición e modificación de oficio

1. O órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de deporte realizará a inscrición de oficio nos seguintes supostos:

a) Cando, en cumprimento da obriga de comunicación prevista no artigo 83.2 da Lei 3/2012, do 2 de abril, os concellos comuniquen as licenzas das instalacións de uso público inscritas no censo municipal e se constante que as ditas instalacións non constan inscritas no Ridega ou existen modificacións que requiren unha modificación da inscrición.

b) Cando, ben por propia iniciativa ou como consecuencia da petición razoada doutros órganos, se constate que instalacións deportivas de uso público titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia non constan inscritas no Ridega ou existen modificacións que requiren unha modificación da inscrición.

2. A comunicación presentarase por medios electrónicos utilizando o formulario normalizado que figura como anexo IV.

3. O órgano instrutor será a persoa titular da xefatura de servizo competente en materia de deportes da correspondente provincia. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas así como, se é o caso, ao órgano ou departamento de adscrición da instalación deportiva de titularidade da Administración da Comunidade Autónoma, concedéndolles un prazo de dez días para os efectos de que poidan alegar e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.

A competencia para resolver corresponderá á persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de deporte. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de 3 meses contados desde a data do acordo de inicio do procedemento.

A resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada, ou recurso contencioso ante a xurisdición contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Baixa de oficio

1. Procederase á baixa da inscrición de oficio no momento en que se constate que aquela non se producise por instancia da persoa interesada e concorran os motivos sinalados no artigo 15.

2. A persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de deportes, ditará acordo de inicio da baixa da inscrición no Ridega. O procedemento continuará segundo o previsto no número 3 do artigo 17.

CAPÍTULO IV Efectos da inscrición

Artigo 19. Efectos da inscrición

1. A inscrición no Ridega da instalación deportiva correspondente será condición para poder celebrar competicións deportivas de carácter oficial de calquera ámbito territorial, de conformidade co disposto no artigo 77.2 da Lei 3/2012, do 2 de abril, e para a percepción de subvencións ou axudas da Administración autonómica para obras de mellora das correspondentes instalacións, de conformidade co disposto no artigo 84.1.a) da Lei 3/2012, do 2 de abril.

2. Neste último caso, o departamento convocante das axudas adoptará as medidas precisas para a constatación de tal punto, podendo exixir das entidades ou persoas solicitantes a correspondente acreditación.

O disposto no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do previsto no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

TÍTULO III Publicidade e acceso á información contida no rexistro

Artigo 20. Publicidade e acceso

1. O Ridega é público e os seus datos poderán ser consultados pola cidadanía. O persoal funcionario encargado do Ridega velará polo axeitado tratamento do contido deste, evitando a súa manipulación e cumprindo coas normas vixentes aplicables ás solicitudes de acceso e en materia de protección de datos de carácter persoal.

2. O uso e acceso ao Ridega rexerase polo disposto neste decreto, na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, así como na normativa reguladora da Administración electrónica, e en materia de transparencia e acceso á información pública.

3. O órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de deportes procederá, periodicamente, á publicación dos resultados das análises estatísticas elaboradas sobre a base dos datos recollidos no Ridega, na forma máis adecuada para lograr a maior difusión entre os colectivos interesados no sector do deporte. As estatísticas, cando corresponda, desagregarán os datos en atención ao sexo e en atención ás circunstancias vinculadas ao xénero.

Artigo 21. Consulta dos datos do Ridega para determinados fins

1. O acceso á información contida no Ridega con fins estatísticos, de investigación ou de docencia rexerase, no que atinxe á protección de datos de carácter persoal, polo disposto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. O acceso á información cos fins indicados no número anterior obriga a preservar os datos de identificación persoal rexistrados no Ridega, de maneira que, como regra xeral, quede asegurado o anonimato, excepto no caso de que a propia persoa ou a persoa que teña a súa representación legal dese o seu consentimento para non separalos.

O acceso aos datos e documentos do Ridega queda limitado estritamente aos fins específicos en cada caso.

3. O acceso á información contida no Ridega con fins de investigación levarase a cabo unicamente para proxectos de investigación que estiveran aprobados por unha entidade do sector público.

O acceso queda condicionado a que o responsable do Ridega comprobe a idoneidade da información a que se quere ter acceso para a finalidade do proxecto.

4. Co obxecto de garantir a confidencialidade da información, para os efectos da difusión ou publicación dos resultados da investigación, teranse en conta necesariamente as seguintes normas:

a) Non se difundirán aqueles datos que permitan a identificación de persoas físicas.

b) Cando sexa absolutamente necesario identificar persoas físicas, será preceptivo o consentimento desta ou da persoa que teña a súa representación legal.

c) A difusión ou a publicación de resultados seguirá, en todo caso, as normas e suxestións relativas á boa práctica en investigación.

5. A información contida no Ridega poderá ser utilizada polo persoal debidamente acreditado que exerza funcións de inspección de carácter público, na medida en que o precise para o cumprimento das súas funcións legalmente previstas de comprobación da calidade das instalacións e dos servizos, do respecto aos dereitos das persoas usuarias ou de calquera outro deber da persoa titular da instalación en relación coas persoas usuarias ou a propia Administración. O dito acceso terá o alcance do labor encomendado pola autoridade competente e respectará, en todo caso, os dereitos á protección dos datos e á intimidade persoal e familiar das persoas afectadas.

6. O acceso á información contida no Ridega con fins de avaliación e planificación obriga a disociar previamente os datos de identificación persoal das persoas físicas, se é o caso, de maneira que, como regra xeral, quede asegurado o anonimato delas, agás que a propia persoa ou a persoa que teña a súa representación legal dese o seu consentimento para non disocialos e autorizar a súa identificación.

TÍTULO IV Réxime de infraccións e sancións

Artigo 22. Infraccións e sancións

Será de aplicación o réxime sancionador previsto no capítulo VI do título VII da Lei 3/2012, do 2 de abril, no Regulamento xeral de protección de datos e no título IX da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, así como nas demais disposicións legais que resulten de aplicación.

Disposición adicional primeira. Instalacións deportivas dos centros docentes públicos

A consellería competente en materia de educación ditará as instrucións oportunas co obxecto de realizar a comunicación das instalacións deportivas das que sexa titular nos centros docentes públicos de educación primaria e secundaria para os efectos de súa inscrición de oficio no Ridega, segundo o procedemento recollido no artigo 17.

Disposición adicional segunda. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa Disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición, poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira. Soporte e custodia

1. O soporte técnico do Ridega é a plataforma de xestión do Plan de fomento de actividade física «Galicia Saudable».

2. Este sistema empregará os soportes documentais electrónicos adecuados para que a información e os documentos que se rexistren no Ridega se almacenen garantindo a súa autenticidade, integridade, seguridade e conservación.

3. A entidade do sector público autonómico competente en desenvolvemento dixital, na súa condición de encargada do tratamento, é responsable da custodia do Ridega e adoptará todas as medidas precisas para garantir a seguridade dos datos e da información contida nel.

Disposición transitoria única. Inscrición de oficio das instalacións recollidas na plataforma Galicia Saudable

Poderanse inscribir de oficio no Ridega as instalacións deportivas que no momento da entrada en vigor do presente decreto figuren na plataforma Galicia Saudable da Secretaría Xeral para o Deporte.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente por razón da materia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Da entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, excepto o artigo 17 o cal entrará en vigor no prazo de tres meses desde a dita publicación.

Santiago de Compostela, vinte e oito de abril de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

ANEXO I

A información do Ridega estrutúrase segundo os seguintes datos:

A) Datos básicos:

1º. Tipo de instalación.

Instalación deportiva convencional.

Espazo deportivo non convencional.

Complexo deportivo.

2º. Nome.

3º. Horario.

4º. Descrición.

5º. Enderezo/localización.

6º. Datos de contacto (teléfono, correo electrónico).

7º. Información sobre a accesibilidade universal da instalación.

Condicións legais e técnicas (acceso, itinerarios, espazos, aseos, comunicación horizontal, vertical...).

Equipamentos inclusivos e/ou adaptados.

Actividades inclusivas e/ou adaptadas.

Medidas de acción positiva, medidas contra a discriminación e igualdade de oportunidades.

8º. Fotografía (información adicional).

9º. Titularidade.

10º. Xestión e capacidade:

Ano de construción.

Ano da última remodelación.

Capacidade.

Tipo de xestión:

a) Pública.

b) Privada.

11º. Información sobre a homologación da instalación.

12º. Información sobre a licencia de primeira ocupación.

13º. Título habilitante para o exercicio da actividade.

B) Datos estruturais:

1º. Espazo deportivo:

Salas/pistas.

Cuberto/aire libre.

Dimensións:

a) Medidas.

b) Metros cadrados.

c) Altura libre.

d) Tipo de superficie.

Modalidades e especialidades deportivas que se poden desenvolver.

2º. Espazos non deportivos:

Gradas.

Vestiarios.

Zonas.

3º. Información sobre a iluminación da instalación.

4º. Información sobre as enerxías renovables coas que conta a instalación.

5º. Información sobre rede eléctrica coa que conta a instalación.

6º. Información sobre a rede de telefonía coa que conta a instalación.

7º. Información sobre a rede de telecomunicacións coas que conta a instalación.

8º. Seguridade e protección:

Instalacións cardioprotectoras.

Plan de emerxencia.

Plan de autoprotección.

C) Datos de uso:

1º. Recursos humanos propios da instalación, desagregados por sexo:

Dirección e coordinación.

Recursos humanos.

Profesionais especializados na atención a persoas con discapacidade, así como persoal de apoio.

2º. Medias de horas de actividades semanais:

Tipo de actividade:

a) Actividades dirixidas: fitnes.

b) Actividades dirixidas: envellecemento activo.

c) Actividades dirixidas: saúde (pilates, ioga...).

Escolas deportivas.

Competicións deportivas.

Número de persoas usuarias da instalación, desagregado por sexo.

Media de horas de actividades semanais dirixidas á infancia e á xuventude.

3º. Competicións federadas semanais:

a) Federación.

b) Horas de competición.

4º. Contraprestación polo uso da instalación.

5º. Descontos na contraprestación segundo tramos de idade ou situación familiar (familias numerosas, etc.).

6º. Normas de uso.

D) Actividades e servizos:

1º. Actividades.

2º. Servizos.

E) Entidades que utilizan a instalación.

F) Valoración da instalación:

1º. Estado de conservación.

2º. Información sobre a necesidade de reformas urxentes.

3º. Información sobre a necesidade de reformas dalgunha dependencia.

ANEXO II

[Documento]

ANEXO III

[Documento]

ANEXO IV

[Documento]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia