lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 36/2022, do 10 de marzo, polo que se crea e regula a Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Publicado en: DOG 57 23/03/2022

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Estado: En vigor

PDF

Preámbulo

O artigo 39 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma a creación e estruturación da súa propia Administración pública, dentro dos principios xerais básicos do Estado. Pola súa parte, o artigo 41 indica que a Comunidade Autónoma exercerá as súas funcións administrativas por órganos ou entes dependentes da Xunta de Galicia.

A complexidade da ordenación do territorio e o urbanismo en Galicia e a crecente demanda dos concellos de Galicia de contar cun órgano de asesoramento e interpretación sobre aplicación e interpretación da normativa vixente relativa á ordenación do territorio e urbanismo, aconsella que a Comunidade Autónoma dispoña dunha Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, prevista na disposición adicional cuarta da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, engadida pola disposición derradeira décimo primeira da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

A Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo configúrase como un órgano consultivo, con funcións asesoras e de tutela da lexislación vixente, á vez que constitúe un instrumento útil para a elaboración de proxectos de disposicións legais, e a adopción de medidas necesarias para a adecuada coordinación e normalización dos distintos instrumentos de ordenación do territorio e urbanísticos de Galicia. Asumirá tamén as funcións da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, a cal se integrará na Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en canto esta se cree.

Comprenderá, dentro do seu ámbito de actuación, a Administración xeral da Comunidade Autónoma, as entidades locais galegas, así como os organismos públicos e as entidades de dereito público ou dependentes de ambas as dúas, os colexios profesionais e as organizacións empresariais.

Na composición, atribucións e funcionamento da Xunta Consultiva prima o carácter representativo desta, así como a cualificación profesional dos seus membros.

A súa adscrición formal realizarase á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

A creación da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo facilitaralles aos distintos operadores técnicos e xurídicos relacionados coa ordenación do territorio e urbanismo o desenvolvemento das súas funcións, ao habilitarse un órgano consultivo específico que poida colaborar coas diferentes administracións e dar resposta ás cuestións que se sometan á súa consideración.

Cómpre poñer de manifesto que moitas actividades produtivas precisan, para o seu inicio ou a súa continuidade, a tramitación de diferentes procedementos administrativos que teñen por finalidade a obtención dun permiso, autorización ou licenza, polo tanto, procedementos administrativos necesarios para a realización de actividades económicas.

Esta xunta consultiva contribuirá á axilización dos referidos procedementos na medida en que se prestará colaboración ante as dúbidas e cuestións que puidesen suscitarse na súa tramitación. En definitiva, o que se pretende é contribuír á simplificación, axilidade e eficacia na tramitación dos procedementos, no marco do principio de colaboración coas distintas entidades e administracións que así o precisen, a través do asesoramento naqueles aspectos que sexan requiridos, no marco das competencias da Comunidade Autónoma en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

Por outro lado, ao ter que emitir informes preceptivos, tanto os que se establezan nas disposicións legais ou regulamentarias como os relativos ás disposicións legais e regulamentarias cuxa iniciativa lle corresponde ao centro directivo competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, asegúrase que a normativa e a súa interpretación sexa coherente co resto do ordenamento xurídico, creando un marco normativo estable que facilite o seu coñecemento e comprensión.

Polo exposto, este decreto axústase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 16 de decembro, de racionalización do sector publico autonómico, nos que se exixe que «en todas as iniciativas normativas xustificarase a adecuación delas aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e accesibilidade, simplicidade e eficacia.».

O decreto contén 17 artigos, divididos en seis capítulos, unha disposición adicional, unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras.

O capítulo I dispón a creación da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo; no capítulo II recóllense as súas competencias.

O capítulo III dedícase a regular a composición dos distintos órganos que conforman a Xunta Consultiva, así como o nomeamento dos seus membros. Neste capítulo tamén se delimitan as competencias e funcións de cada un dos órganos.

O réxime xurídico da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo contense no capítulo IV, e regula o réxime das convocatorias das sesións, a constitución dos órganos e a adopción de acordos.

O capítulo V está de dicado aos informes que debe emitir, establece o carácter destes e o prazo para a súa emisión.

O capítulo VI regula a memoria anual.

O texto finaliza cunha serie de disposicións, entre elas, a disposición derradeira primeira, en que se recolle a modificación do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en dous aspectos: para efectuar as reestruturacións e cambios organizativos precisos na estrutura organizativa da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, para dotar a Xunta Consultiva do persoal necesario para o desenvolvemento das súas funcións; e, por outro lado, tamén se modifica para os efectos de incluír expresamente entre a relación de informes que son competencia da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, os informes en materia de costas que estaban regulados no Decreto 158/2005, do 2 de xuño, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, derrogado polo Decreto 97/2019, do 18 de xullo, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, e que non constan expresamente incluídos neste último.

Finalmente, tamén se prevé, entre outros extremos, que as referencias efectuadas na normativa vixente á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia deberán entenderse realizadas á Xunta Consultiva dende a súa constitución; a habilitación para o seu desenvolvemento regulamentario; a constitución da Xunta Consultiva e a data de entrada en vigor deste decreto.

Polo exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de marzo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Creación da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo

Artigo 1. Creación e adscrición

1. Créase a Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo (en diante, Xunta Consultiva), como órgano de carácter consultivo en materia de ordenación do territorio e urbanismo no ámbito da Comunidade Autónoma.

2. A Xunta Consultiva adscríbese á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

CAPÍTULO II Competencias

Artigo 2. Competencias da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo

1. Correspóndenlle á Xunta Consultiva, sen prexuízo das competencias expresamente atribuídas a outros órganos consultivos no eido da Comunidade Autónoma de Galicia e nos termos previstos na súa lexislación reguladora, as seguintes competencias:

a) Emitir os informes que, con carácter preceptivo, veñan exixidos, expresamente, pola normativa vixente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, así como sobre cantos asuntos lle sexan sometidos a consulta pola persoa titular da consellería competente nas ditas materias.

b) O asesoramento e a emisión de informes sobre a aplicación e interpretación da normativa vixente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

c) Informar preceptivamente os proxectos e anteproxectos normativos que afecten a ordenación do territorio e urbanismo cuxa iniciativa corresponda ao centro directivo competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

d) Prestar colaboración nos procedementos contencioso-administrativos en materia de ordenación do territorio e urbanismo, nos cales a consellería competente na devandita materia sexa parte, mediante a emisión de informes por instancia da Asesoría Xurídica Xeral, logo da petición do letrado actuante.

e) Elaborar e propoñer, de oficio ou por instancia das persoas sinaladas no artigo 15, instrucións e medidas que considere precisas para mellorar a eficacia da ordenación do territorio e o urbanismo no ámbito da Comunidade Autónoma, que serán aprobadas pola persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

f) Realizar estudos e investigacións sobre ordenación do territorio e urbanismo, trasladando aos órganos competentes en materia de ordenación do territorio e urbanismo as recomendacións que deriven daqueles.

g) Aprobar e elevar á persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, para a súa remisión ao Consello da Xunta, a memoria anual sobre a ordenación do territorio e urbanismo da Comunidade Autónoma, nos seus aspectos administrativos e técnicos, con proposta das medidas pertinentes para a mellora da eficacia na ordenación do territorio e no urbanismo.

2. En todo caso, as competencias sinaladas no número anterior enténdense sen prexuízo das atribuídas expresamente ao Consello Consultivo de Galicia, como órgano superior de carácter consultivo, e nos termos previstos na Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia.».

CAPÍTULO III Órganos e competencias

Artigo 3. Organización da Xunta Consultiva

1. Os órganos permanentes da Xunta Consultiva son a Presidencia, a Vicepresidencia, o Pleno, a Comisión Permanente e a Secretaría Xeral.

2. Poderán crearse comisións non permanentes, para o asesoramento, estudo e investigación de asuntos que, pola súa complexidade ou especial interese, se consideren necesarias pola Presidencia.

3. Na composición da Xunta Consultiva procurarase acadar unha presenza equilibrada entre mulleres e homes. Este principio será aplicable á composición do Pleno, da Comisión Permanente e de calquera outro órgano de carácter colexiado que se cree no seo da Xunta Consultiva.

Artigo 4. Presidencia

A Presidencia da Xunta Consultiva exerceraa a persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo e terá as funcións que o artigo 16 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector autonómico de Galicia, lles atribúe aos presidentes dos órganos colexiados, dirimindo co seu voto os empates.

Artigo 5. Vicepresidencia

A Vicepresidencia, con voz e voto, será exercida pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo e exercerá as funcións da Presidencia en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal ou por delegación.

Artigo 6. Composición do Pleno

1. O Pleno da Xunta Consultiva terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular da Presidencia.

b) Vicepresidencia: a persoa titular da Vicepresidencia.

c) As seguintes vogalías:

1º. A persoa titular da Dirección da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

2º. A persoa titular da dirección xeral competente en materia de Administración local.

3º. A persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

4º. A persoa titular da dirección xeral competente en materia de planificación enerxética e recursos naturais.

5º. A persoa titular da dirección xeral competente en materia de gandaría, agricultura e industrias agroalimentarias.

6º. A persoa titular da dirección xeral competente en materia de planificación e ordenación forestal.

7º. A persoa titular da dirección xeral competente en materia de calidade ambiental, sostibilidade e cambio climático.

8º. A persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio natural.

9º. A persoa titular da Dirección da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

10º. A persoa titular da Dirección do Instituto de Estudos do Territorio.

11º. A persoa titular da Dirección do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

12º. A persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

13º. A persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas.

14º. Catro titulares de alcaldía designados pola Federación Galega de Municipios e Provincias: un titular de alcaldía de municipios con menos de 5.000 habitantes; un dos municipios de entre 5.000 e 20.000 habitantes; un dos municipios de entre 20.001 e 50.000 habitantes; e outro de entre os municipios de máis de 50.000 habitantes.

15º. A persoa titular da presidencia de cada unha das deputacións provinciais de Galicia.

16º. Tres persoas en representación dos colexios oficiais con competencias nos eidos da ordenación do territorio e do urbanismo, en coherencia co establecido no Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Para os efectos do sinalado, deberá designarse un representante por cada un dos seguintes colexios profesionais: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia e Colexio Oficial da Avogacía de Galicia.

17º. Dúas persoas representantes das organizacións empresariais de sectores especialmente relacionados coa ordenación do territorio e o urbanismo.

18º. A persoa titular da Secretaría Xeral da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo

19º. Un/unha asesor/a xurídico/a da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

2. Poderán asistir ás sesións, con voz e sen voto:

a) A persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de urbanismo da consellería competente en materia de urbanismo.

b) A persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de ordenación do territorio da consellería competente en materia de ordenación do territorio.

3. A Presidencia poderá convocar as autoridades, o persoal funcionario e o persoal técnico que considere conveniente para o mellor asesoramento da Xunta Consultiva.

Artigo 7. Nomeamento e substitución dos vogais do Pleno e da Comisión Permanente

1. A persoa titular da Presidencia da Xunta Consultiva nomeará as vogalías, e, para aquelas que non o sexan por razón do cargo, o nomeamento realizarase por proposta das entidades nomeadas no número 1 do artigo 6.

2. A proposta de designación de vogal efectuada pola Federación Galega de Municipios e Provincias incluirá unha persoa como vogal titular e outra persoa como vogal suplente.

3. No caso de que un órgano sexa suprimido ou substituído, será vogal do Pleno ou da Comisión Permanente a persoa representante do órgano que asuma as súas funcións ou o substitúa.

4. Poderán actuar en nome das vogalías, as persoas ás que legalmente corresponda a súa substitución ou, se é o caso, na cal expresa e documentalmente se delegue, agás no caso das persoas representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias, en que a persoa vogal titular só poderá ser substituída pola persoa designada como suplente.

Artigo 8. Competencias do Pleno

Correspóndenlle ao Pleno as competencias sinaladas nas letras a), c), e), f) e g) do artigo 2.

Artigo 9. Comisión Permanente

1. A Comisión Permanente terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, ou persoa na que documentalmente delegue entre as vogalías da Comisión.

b) As seguintes vogalías:

1º. Un/unha asesor/a xurídico/a da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

2º. A persoa titular da dirección da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

3º. A persoa titular da subdirección xeral competente en materia de urbanismo da consellería con atribucións en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

4º. A persoa titular da subdirección xeral competente en materia de ordenación do territorio da consellería que teña atribucións en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

5º. A persoa titular da Secretaría Xeral da Xunta Consultiva, que asume as funcións de secretaría do órgano.

6º. Unha persoa designada pola Federación Galega de Municipios e Provincias, con acreditada experiencia ou vinculación coas materias relacionadas coa ordenación do territorio e urbanismo de Galicia.

7º. Unha persoa designada pola Federación Galega de Municipios e Provincias, que teña a condición de funcionaria da Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencente ás subescalas de secretaría ou secretaría-intervención.

Artigo 10. Competencias da Comisión Permanente

Correspóndenlle á Comisión Permanente as competencias sinaladas nas letras b) e d) do artigo 2.

Artigo 11. Secretaría Xeral

1. A Secretaría Xeral é o órgano de apoio técnico e administrativo da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral será a persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Administrativo da dirección xeral competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

3. A persoa titular da Secretaría Xeral deberá ser licenciada ou con grao en dereito, con experiencia en materia de ordenación do territorio e urbanismo. Asistirá con voz e voto ás reunións do Pleno e da Comisión Permanente, estudará e elaborará as propostas de acordos en relación con asuntos e expedientes de competencia da Xunta Consultiva e, en xeral, desenvolverá as demais funcións de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

CAPÍTULO IV Réxime de funcionamento

Artigo 12. Réxime de funcionamento

O réxime de funcionamento dos órganos da Xunta Consultiva axustarase, nos extremos non regulados expresamente neste decreto, ao establecido na sección 3ª, do capítulo I, do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e sección 3ª, do capítulo II, do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou normas que as substitúan, e será competente o Pleno da Xunta Consultiva para establecer ou complementar as súas propias normas de funcionamento.

Artigo 13. Réxime de convocatorias e sesións do Pleno e da Comisión Permanente

1. O Pleno da Xunta Consultiva celebrará sesión ordinaria trimestralmente, e sesión extraordinaria cantas veces sexa necesario por iniciativa da persoa titular da Presidencia do Pleno.

2. A Comisión Permanente da Xunta Consultiva celebrará sesión ordinaria unha vez ao mes e sesión extraordinaria cantas veces sexa necesario por iniciativa da persoa titular da Presidencia da Comisión Permanente.

3. Os membros do Pleno e da Comisión Permanente da Xunta Consultiva recibirán, cunha antelación mínima de corenta e oito horas á celebración da sesión, a convocatoria que conteña a orde do día da reunión xunto coa documentación necesaria para a súa deliberación, así como a acta da sesión anterior para os efectos da súa aprobación, cando proceda.

Artigo 14. Constitución e adopción de acordos do Pleno e da Comisión Permanente

1. Para a válida constitución do Pleno ou da Comisión Permanente, para os efectos de celebración da sesión, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza da persoa titular da Presidencia e da persoa titular da Secretaría ou, de ser o caso, daquelas persoas que as substitúan, e da metade, polo menos, do seu número legal de membros en primeira convocatoria e dun terzo do número legal de membros en segunda convocatoria.

2. En ambos os órganos, os acordos adoptaranse por maioría de votos emitidos polos membros asistentes, salvo que por precepto expreso se exixa unha maioría cualificada, dirimindo os empates a persoa titular da Presidencia co seu voto.

CAPÍTULO V Informes

Artigo 15. Petición de informes

1. A Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitirá os informes previstos na alínea b) do artigo 2 por pedimento escrito:

a) Das persoas titulares das secretarías e direccións xerais dos departamentos da Xunta, ou das direccións xerais ou das presidencias das entidades públicas vinculadas ou dependentes da Xunta de Galicia.

b) Das persoas titulares da alcaldía ou presidencia das entidades locais de Galicia ou das persoas que ocupen a presidencia dos organismos públicos dela dependentes.

c) Das persoas titulares da presidencia dos colexios profesionais e organizacións empresarias afectadas pola ordenación do territorio e urbanismo.

2. Xunto coa petición deberán achegarse cantos antecedentes, documentos e datos sexan necesarios para elaborar o informe.

Artigo 16. Carácter e prazo dos informes

1. Os informes da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo non serán vinculantes, e terán carácter interpretativo da norma ou situación obxecto de exame e aplicación.

2. As solicitudes de informes serán incluídos na orde do día da sesión ordinaria inmediata posterior que sexa convocada, sempre e cando transcorren cando menos quince días hábiles para os asuntos do Pleno, e dez días hábiles para os asuntos da Comisión Permanente, contados desde a recepción da solicitude, e de ser o caso, da documentación requirida para a emisión do informe.

O anterior enténdese sen prexuízo da posibilidade de convocatoria de sesión extraordinaria nos asuntos de especial interese público ou de urxencia, por iniciativa da Presidencia do órgano competente da Xunta Consultiva.

3. Os informes serán publicados na páxina web da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO VI Memorial anual

Artigo 17. Memoria anual

1. Anualmente a Secretaría Xeral da Xunta Consultiva elaborará unha memoria baseándose nos informes emitidos, con proposta das medidas pertinentes para a mellora da eficacia na ordenación do territorio e no urbanismo.

2. Na elaboración da memoria anual deberá terse en conta a perspectiva de xénero. Os datos recollidos na memoria que se refiran a persoas físicas, deberán recollerse e difundirse desagregados por sexo.

3. O proxecto de memoria trasladarase aos vogais da Comisión Permanente, co obxecto de que poidan presentar as observacións que consideren convenientes.

4. A memoria será aprobada polo Pleno e elevada á persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, para a súa remisión ao Consello da Xunta. Posteriormente, publicarase na páxina web da Xunta Consultiva.

Disposición adicional. Referencias da normativa vixente á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia

Todas as referencias efectuadas na normativa vixente á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, entenderanse realizadas á Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo desde o momento da súa constitución.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido neste decreto e, en particular, os artigos 12 a 16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

O Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, queda modificado como segue:

1. O artigo 3, punto 2, letra a), cuxa nova redacción é a seguinte:

«a) A Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, prevista na disposición adicional cuarta da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia».

2. O artigo 13, número 1, letra f), queda redactado como segue:

«f) O apoio e asesoramento necesario á Xunta Consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo».

3. O artigo 13, número 1, letra n), cuxa nova redacción é a seguinte:

«n) O outorgamento de autorizacións administrativas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, segundo o establecido na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, con excepción do establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, para as cortas de árbores; e a emisión de informes preceptivos en materia de costas, nos seguintes supostos:

1º. A emisión do informe autonómico nos procedementos de deslinde do dominio público marítimo-terrestre e as súas modificacións ou revisións e, en xeral, en todos aqueles que poidan derivar nunha delimitación ou modificación das liñas do dominio público marítimo-terrestre ou das súas servidumes de protección.

2º. A emisión de informe autonómico aos plans e normas de ordenación territorial e urbanística, así como as súas modificacións e revisións, cando incidan sobre as zonas de servidume de protección e de influencia do dominio público marítimo-terrestre.

3º. A emisión de informe nos proxectos de obra promovidos pola Administración xeral do Estado ou a Administración autonómica que afecten o dominio público marítimo terrestre ou ás servidumes de protección ou tránsito.

4º. En xeral, a emisión dos informes autonómicos requiridos en execución da normativa de costas, cando se refiran ao dominio público marítimo-terrestre ou ás súas zonas de servidume, que non estean previstos expresamente neste decreto e sempre que non estean atribuídos a outro órgano da Administración autonómica.»

4. Suprímese a letra q) do número 1 do artigo 13.

5. Suprímese o punto 2.2. do artigo 13, denominado «Servizo Xurídico-Administrativo».

6. Renuméranse os puntos do artigo 13 do seguinte xeito:

a) O número 2.3. do artigo 13, denominado «Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria » pasa a ser o número 2.2.

b) O número 2.4. do artigo 13, denominado «Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio », pasa a ser o número 2.3.

c) O número 2.5. «Subdirección Xeral de Urbanismo» pasa a ser o número 2.4.

7. Engádese un número 2.5. no artigo 13, que queda redactado como segue:

«2.5. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo.

2.5.1. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo exercerá as seguintes funcións:

a) As encomendadas á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo no que incumbe á área xurídico-administrativa.

b) A elaboración de informes sobre os recursos interpostos contra resolucións ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo nas materias da súa competencia.

c) As correspondentes á Secretaría Xeral da Xunta Consultiva de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

d) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2.5.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo contará co nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.5.2.1. O Servizo de Apoio Xurídico- Administrativo.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As que lle encomende a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo, no que incumbe á área xurídico-administrativa.

b) Prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo.

2.5.2.2. O Servizo de Apoio Técnico.

Correspóndenlle as funcións que lle encomende a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico- Administrativo, no que incumbe á área técnica».

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo a ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta norma.

Disposición derradeira terceira. Integración da Comisión Superior de Urbanismo e constitución na Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo

Na data de entrada en vigor deste decreto, a Comisión Superior de Urbanismo prevista no artigo 9 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 12 a 16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a dita lei, queda integrada na Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo de conformidade co previsto nesta disposición:

a) As competencias e funcións da Comisión Superior de Urbanismo previstas nos artigos sinalados, pasarán a desenvolverse pola Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo nos termos sinalados no artigo 2 deste decreto e conforme o novo réxime de organización e funcionamento previsto nel.

b) Os membros designados polas distintas entidades integrantes para formar parte da Comisión Superior de Urbanismo cesarán nas súas funcións.

c) As actas, informes e acordos da Comisión Superior de Urbanismo serán trasladadas á Secretaría Xeral da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo e pasarán a formar parte do seu arquivo documental.

d) A Xunta Consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo constituirase, tras a proposta de designación de membros formulada polas entidades sinaladas no artigo 6 deste decreto e a convocatoria dos correspondentes membros que o son por razón do cargo.

e) Non procede a integración efectiva na Xunta Consultiva en Materia de Ordenación Do Territorio e Urbanismo de persoal, patrimonio e outros bens ao carecer deles a Comisión Superior de Urbanismo.».

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de marzo de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto

Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia