lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas.

Publicado en: DOG 165 31/08/2015

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

1

Os partidos políticos configúranse como asociacións privadas de carácter voluntario pero, ao mesmo tempo, forman parte esencial da arquitectura constitucional ao desenvolveren funcións indispensables para un bo funcionamento do sistema democrático. Así o recoñece a propia Constitución española ao sinalar, no seu artigo 6, que os partidos políticos expresan o pluralismo político, concorren á formación e á manifestación da vontade popular e son instrumento fundamental para a participación política.

Atendendo, pois, o seu carácter de institucións básicas sobre as que se sustenta o noso sistema democrático, a regulación do financiamento dos partidos políticos foi obxecto de atención tanto polo lexislador estatal como autonómico. Así, no ámbito estatal, a vixente Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos, supuxo un avance respecto da anterior Lei orgánica 3/1987, do 2 de xullo, ao introducir unha regulación tendente a garantir a suficiencia, a regularidade, a transparencia e un maior control da actividade económico-financeira dos partidos políticos. As leis orgánicas 5/2012, do 22 de outubro, e 3/2015, do 30 de marzo, de reforma daquela, afondaron na consecución destes obxectivos.

No ámbito autonómico e ata este momento, a materia fora obxecto dunha regulación meramente parcial no título VI da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia.

Os textos legais citados manexan un concepto amplo de partido político, e inclúen nel, xunto cos partidos políticos en sentido estrito, as federacións, coalicións e agrupacións de persoas electoras. Todas estas entidades poden, así mesmo, englobarse na expresión de formación política.

Os acontecementos producidos nos últimos tempos puxeron de manifesto a necesidade de acometer, no ámbito autonómico, unha regulación da materia relativa ao financiamento das formacións políticas que, ao tempo que supoña unha reforma e actualización da contida na Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, abranga ámbitos non normativizados con anterioridade.

2

Tendo en conta a distribución constitucional de competencias, o ámbito de aplicación desta lei limítase ás formacións políticas que participen en procesos electorais cuxo ámbito se circunscriba ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión, polo tanto, dos procesos electorais de ámbito estatal, europeo e local, ao se trataren estes de materia de competencia estatal.

Por outra banda, no ámbito das formacións políticas foron constituíndose fundacións e outras entidades cuxa actividade presenta unha vinculación coa das formacións políticas, que xeralmente se traduce en fluxos financeiros e relacións económicas entre estas e aquelas. De aí que, xunto coas formacións políticas citadas, a lei inclúa no seu ámbito de aplicación as fundacións e entidades vinculadas a elas, fundacións e entidades definidas na disposición adicional sétima da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos, á que esta lei se remite.

Definido así o ámbito de aplicación da lei, son catro os principais aspectos obxecto de regulación.

En primeiro lugar, abórdase a regulación do financiamento público das formacións políticas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, incluíndo as subvencións para gastos electorais e para gastos de funcionamento. Ambos os tipos de subvencións se recollen expresamente no artigo 2 da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, dentro da relación de recursos económicos das formacións políticas, e están expresamente excluídos da normativa xeral en materia de subvencións, conforme o previsto no artigo 4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En canto ás subvencións para gastos electorais, tal e como se sinalou con anterioridade, trátase dunha materia que ata agora estaba regulada na Lei 8/1985, do 13 de agosto. A dita lei deu cumprimento á previsión contida no artigo 11 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril. Este precepto debuxa as liñas fundamentais da constitución e composición do Parlamento de Galicia e establece que nunha lei se determinarán os aspectos que deben constituír as normas electorais polas que deben rexerse as eleccións ao Parlamento de Galicia. Transcorridos case trinta anos desde a entrada en vigor da dita lei, as exixencias actuais da sociedade galega impoñen a necesidade de efectuar unha reforma e unha actualización das previsións contidas nela, na concreta cuestión do financiamento electoral. Para conseguir este obxectivo, no canto de realizar unha modificación do título VI da Lei 8/1985, do 13 de agosto, optouse pola derrogación do dito título e pola inclusión, nun texto único, da nova regulación do financiamento electoral xunto coa relativa a outras fontes de financiamento das formacións políticas e ao réxime de control e fiscalización, evitando así unha dispersión normativa en materia de financiamento das formacións políticas, ao ser precisamente un dos obxectivos de produción normativa recollidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, o consistente no mantemento dun marco normativo estable e o máis simplificado posible que posibilite o coñecemento rápido e comprensible da normativa vixente que resulte aplicable. Ao mesmo tempo, modifícase o artigo 1 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, co fin de recoller unha remisión expresa, en materia de financiamento electoral, á nova lei.

Partindo da anterior premisa, abórdase nesta lei a regulación do financiamento electoral, con especial atención ás subvencións para gastos electorais. Polo que respecta á competencia autonómica nesta materia, xunto co artigo 11 do Estatuto de autonomía de Galicia, debe partirse das previsións contidas na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral. Esta lei, xa no seu preámbulo, sinala que parte do máis escrupuloso respecto ás competencias autonómicas, deseñando un sistema que permita non só o seu desenvolvemento, senón mesmo a súa modificación ou substitución en moitos dos seus aspectos pola actividade lexislativa das comunidades autónomas. En concreto, tal e como dispón o seu artigo 1.2, cómpre aterse ao previsto na disposición adicional primeira, na que se deslindan os preceptos da lei orgánica de aplicación obrigada nas eleccións ás asembleas lexislativas das comunidades autónomas e os de aplicación só supletoria, na falta de regulación autonómica propia. De acordo con iso, e para unha mellor intelixibilidade da norma, nesta lei lévase a cabo unha integración das normas autonómicas propias con aquelas previsións da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, que son de aplicación directa, de modo que poida terse unha visión de conxunto da regulación aplicable.

Entre as principais innovacións introducidas no ámbito do financiamento electoral, cómpre destacar a relativa aos requisitos que deben reunir as formacións políticas para seren beneficiarias das subvencións para gastos electorais. Os recursos públicos destinados a estas subvencións son necesariamente limitados, o que obrigou tradicionalmente a restrinxir o ámbito de posibles formacións beneficiarias atendendo o criterio de contar cun nivel mínimo de apoio electoral, que se concreta na obtención de representación no Parlamento autonómico, o que, ademais, impide unha fragmentación excesiva e pouco práctica das candidaturas, evitando o efecto perverso de incitar os círculos políticos a presentaren múltiples candidaturas co único fin de percibir maiores ingresos. Coa nova regulación séguese a mesma liña pero engadindo novos requisitos. Trátase de fomentar que as formacións políticas se nutran en exclusiva de financiamento público e daquelas fontes de financiamento privado que non desvirtúan o papel que están chamadas a cumprir, na liña marcada pola reforma operada na Lei orgánica 3/2015, do 30 de marzo, de control da actividade económico-financeira dos partidos políticos, pola que se introducen numerosas novidades de calado no réxime de financiamento dos partidos políticos. En definitiva, coa introdución desta nova regulación dáse un paso máis na idea, asentada nos países europeos e, en xeral, no resto do mundo, conforme a cal o financiamento público e a normativa vinculada a el deben servir de instrumento para loitar contra a corrupción, realzar o papel importante que desempeñan as formacións políticas e poñer límite á excesiva dependencia de doadores privados.

Outras novidades que cómpre destacar en materia de financiamento electoral, e que responden á mesma idea de velar pola regularidade do financiamento das formacións políticas e de loitar contra a corrupción, son as relativas á ampliación das prohibicións para ser designado administrador ou administradora electoral, a previsión de que as achegas de fondos ás formacións políticas para sufragar os gastos electorais deben ser aboadas directamente polas persoas achegadoras nas contas abertas para tal fin e a inclusión dunha mención expresa ás funcións de control que debe desenvolver a Xunta Electoral de Galicia na liña do sinalado pola Xunta Electoral Central en varios dos seus informes.

Polo que respecta ás subvencións para gastos de funcionamento, a Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, prevé expresamente no seu artigo 3.Tres que as comunidades autónomas poderán outorgar aos partidos políticos con representación nas súas respectivas asembleas lexislativas subvencións anuais non condicionadas, con cargo aos orzamentos autonómicos correspondentes, para atender os seus gastos de funcionamento, as cales se distribuirán en función do número de escanos e de votos, en proporción e de acordo cos criterios que estableza a correspondente normativa autonómica. En aplicación destas previsións, recóllese na presente lei unha regulación ao respecto caracterizada polas seguintes notas. A distribución farase na seguinte porcentaxe: o 40 % da subvención repartirase en proporción ao número de escanos e o 60 % restante distribuirase en proporción aos votos obtidos por cada unha das formacións políticas nas eleccións autonómicas. A regulación destas subvencións está inspirada nos mesmos criterios establecidos anteriormente en relación coas subvencións para gastos electorais. Así, só poderán ser beneficiarias delas as formacións políticas que obtivesen representación parlamentaria nas últimas eleccións ao Parlamento de Galicia, que non recibisen doazóns de bens inmobles cos límites e requisitos establecidos nesta lei e que non recibisen doazóns de persoas físicas que desempeñen cargos en empresas que teñan contratos co sector público autonómico nin participacións directas ou indirectas que superen o 10 % en empresas con concertos ou contratos co sector público autonómico, e que teñan cumpridas as demais obrigas que derivan da lexislación xeral sobre financiamento dos partidos políticos. Ademais, e tendo en conta que, como sinalou a Sentenza do Tribunal Supremo do 20 de xullo de 1989, a verdadeira filosofía das subvencións que nos ocupan é a de manter ou coadxuvar ao mantemento dunha estrutura cuxo funcionamento sexa efectivo, incorpórase a exixencia de acreditación por parte das formacións políticas da adquisición polas persoas electas da condición plena de deputado ou deputada e do exercicio efectivo do cargo para o que foron elixidas, así como de presentar unha memoria detallada e documentada dos gastos de funcionamento no ámbito autonómico nos que as ditas formacións políticas incorresen e aos que aplicasen as subvencións. Con iso, e de acordo coa doutrina do Tribunal Constitucional en relación coas subvencións non condicionadas, introdúcense as exixencias mínimas indispensables para asegurar o destino da subvención á finalidade prevista nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, garantindo o cumprimento do principio de legalidade orzamentaria.

En segundo lugar, a regulación do financiamento público esténdese tamén ás fundacións e entidades vinculadas ou dependentes das formacións políticas mediante o establecemento de especialidades que serán aplicables ás subvencións outorgadas ás ditas entidades. Neste caso, e tendo en conta que tales fundacións e entidades, malia a súa vinculación coas formacións políticas, non desenvolven as funcións de transcendencia pública e democrática que teñen asignadas estas, a regulación das subvencións que poidan outorgarse ás devanditas entidades vai dirixida non a unha prohibición total de percepción de doazóns de persoas xurídicas, senón a garantir a regularidade das doazóns deste tipo que poidan percibir, todo iso no marco do necesario respecto á normativa básica en materia de subvencións e de financiamento dos partidos políticos.

En terceiro lugar, é obxecto de especial atención na lei o aspecto relativo ao control e á fiscalización da actividade económico-financeira das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas a elas. Son varias as razóns que xustifican o establecemento de mecanismos e sistemas adecuados de control e fiscalización, entre as que cabe destacar a obtención de financiamento público por parte das ditas entidades e, en consecuencia, a necesidade dunha correcta e adecuada xestión da súa actividade económico- financeira, a evitación de posibles desviacións na consecución das funcións que teñen encomendadas e a corrección das potenciais irregularidades que poidan manifestarse. Neste ámbito, destaca en especial o papel que se lle atribúe ao Consello de Contas, como órgano de control da contabilidade electoral das formacións políticas, así como, en xeral, como órgano fiscalizador das subvencións outorgadas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, tal e como prevé o artigo 4.b) da Lei 6/1985, do 24 de xuño. En todo caso, a actividade de fiscalización e control que se atribúe ao Consello de Contas, como non pode ser doutra forma, non exclúe nin é incompatible coa que corresponde ao Tribunal de Contas. Neste sentido, a propia lei, no seu artigo 37, remite para a fiscalización das subvencións para gastos de funcionamento ao disposto na Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo. Ademais, seguindo a doutrina constitucional contida nas sentenzas do Tribunal Constitucional 18/1991 e 187/1988, recóllense na lei previsións destinadas a evitar duplicidades e disfuncionalidades innecesarias, como a previsión consistente en que o Consello de Contas teña en conta na súa función fiscalizadora os informes emitidos polo Tribunal de Contas ao abeiro do previsto na Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo.

Coa regulación do outorgamento e da fiscalización das subvencións contida nesta lei preténdese, ademais, que a actuación da Administración sexa en todo caso regrada, incluíndo para tal fin as normas procedementais necesarias no exercicio da competencia prevista nos artigos 27.5 e 28.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, postos en relación, no aspecto relativo á fiscalización, co artigo 53.2.

Por último, recóllense na lei obrigas de transparencia específicas en relación coas subvencións outorgadas a formacións políticas e, por extensión, a fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas. Trátase fundamentalmente de obrigas de publicidade activa, algunhas das cales seguen a liña das contidas na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, mentres que outras constitúen regras adicionais ás recollidas na dita lei. O fundamento de tales obrigas estriba, ademais de na procedencia pública dos fondos, na importancia de que as formacións políticas acaden uns niveis de transparencia que afiancen a credibilidade e a confianza no importante papel que desenvolven na orde democrática, facendo posible o acceso da cidadanía á información relativa ao financiamento destas, en consonancia co carácter público das súas funcións e coa importancia cualitativa e cuantitativa dos recursos públicos destinados ao seu financiamento.

3

En canto á estrutura da lei, esta divídese en tres títulos, dúas disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

O título preliminar regula o obxecto e o ámbito de aplicación da lei e recolle, ademais, un cadro de definicións de varios conceptos que se empregan ao longo do texto.

O título I está dedicado ao financiamento das formacións políticas e está dividido en catro capítulos, relativos, respectivamente, ás fontes de financiamento das ditas formacións, ao financiamento electoral, ás subvencións para gastos de funcionamento e ás disposicións comúns ás subvencións para gastos electorais e para gastos de funcionamento.

O título II contén previsións en relación coas fundacións e entidades vinculadas ás formacións políticas. Así, tras un capítulo inicial relativo ás fontes de financiamento destas entidades, regúlanse noutro capítulo as especialidades aplicables ás subvencións das que sexan beneficiarias.

Finalmente, no título III incorpóranse regras en materia de transparencia.

Na parte final recóllense previsións sobre o necesario respecto á normativa en materia de protección de datos de carácter persoal, sobre a actualización de determinadas cantidades e sobre a aplicación temporal dos novos requisitos para que as entidades ás que se refire a lei poidan ser beneficiarias das subvencións, así como a derrogación expresa do título VI da Lei 8/1985, do 13 de agosto, e, en xeral, das disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto na lei. Por último, recóllese a modificación do artigo 1 da Lei 8/1985, do 13 de agosto. O texto péchase coa habilitación para ditar as disposicións de desenvolvemento desta lei e coa regra relativa á súa entrada en vigor.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas.

TÍTULO PRELIMINAR Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta lei ten por obxecto a regulación do financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas.

2. Constitúe, así mesmo, o obxecto desta lei o establecemento de mecanismos de control e fiscalización en relación coas formacións políticas e as fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas e a imposición de especiais obrigas de transparencia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta lei é aplicable ás formacións políticas que obteñan representación no Parlamento de Galicia, así como ás fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos desta lei, enténdese por:

a) Formacións políticas: os partidos políticos, as federacións, as coalicións e as agrupacións de persoas electoras.

b) Partidos políticos: asociacións privadas de carácter voluntario constituídas conforme o previsto na Lei orgánica 6/2002, do 27 de xuño, de partidos políticos.

c) Federacións: entidades constituídas de acordo co disposto na Lei orgánica 6/2002, do 27 de xuño, de partidos políticos.

d) Coalicións: formacións políticas constituídas por partidos e/ou federacións conforme o previsto no artigo 44.2 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

e) Agrupacións de persoas electoras: formacións políticas que reúnan os requisitos previstos no artigo 21.3 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia.

f) Fundacións e entidades vinculadas ás formacións políticas ou dependentes delas: as definidas como tales na disposición adicional sétima da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos.

g) Procesos electorais cuxo ámbito se circunscriba ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia: eleccións ao Parlamento de Galicia.

TÍTULO I Do financiamento das formacións políticas

CAPÍTULO I Fontes de financiamento

Artigo 4. Recursos económicos das formacións políticas

Os recursos económicos das formacións políticas están constituídos polos recursos procedentes do financiamento público e do financiamento privado que se enumeran no artigo 2 da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos.

CAPÍTULO II Do financiamento electoral

Sección 1ª. Dos administradores ou administradoras electorais

Artigo 5. Administradores ou administradoras das candidaturas

1. Toda candidatura debe ter un administrador ou unha administradora electoral responsable dos seus ingresos e gastos e da súa contabilidade.

2. A contabilidade axustarase ao disposto na materia pola Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos, así como polo plan de contabilidade adaptado ás formacións políticas que elabore o Tribunal de Contas ao abeiro do disposto na devandita lei orgánica, e deberá recoller necesariamente a orixe dos fondos e a súa aplicación.

Artigo 6. Administradores ou administradoras xerais

1. Os partidos políticos, as federacións e as coalicións que presenten candidaturas en máis dunha circunscrición deben ter, ademais, un administrador ou unha administradora xeral, que será responsable de todos os ingresos e gastos electorais realizados polo partido, a federación ou a coalición e polas súas candidaturas, así como da correspondente contabilidade, a cal deberá axustarse ao previsto no número 2 do artigo anterior.

2. Os administradores ou as administradoras das candidaturas actúan baixo a responsabilidade do administrador ou administradora xeral.

Artigo 7. Requisitos para ser designado administrador ou administradora electoral

1. Poderá ser designado administrador ou administradora electoral calquera persoa maior de idade e en pleno uso dos seus dereitos civís e políticos.

2. Non poderán ser designadas administradores ou administradoras electorais as persoas candidatas, as incursas en causa de incompatibilidade legal para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo, as inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, mentres non conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso, e as persoas funcionarias en servizo activo ao servizo de calquera administración pública.

3. Ademais, non poderán contar con antecedentes por delitos contra a liberdade contra o patrimonio e a orde socioeconómica, contra a Facenda pública e a Seguridade Social, contra os dereitos das traballadoras e traballadores, contra a Administración pública, a Constitución, a Administración de xustiza e a comunidade internacional, por traizón e contra a paz e a independencia do Estado e contra a orde pública, en especial o terrorismo.

4. A aparición sobrevida de causa impeditiva para ser designado administrador ou administradora electoral comportará a inhabilidade para o seu exercicio, e deberá ser comunicada de maneira inmediata á Xunta ante a que se procedese á súa designación. Se a causa sobrevén a partir do centésimo día posterior ao da celebración das eleccións, a comunicación deberá efectuarse ao Consello de Contas e á Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 8. Designación dos administradores ou administradoras das candidaturas

1. A designación dos administradores ou administradoras das candidaturas será efectuada por escrito ante a xunta electoral provincial correspondente polos seus respectivos ou respectivas representantes no acto de presentación das candidaturas. Ao escrito deberá xuntarse a declaración de aceptación da persoa designada.

2. As xuntas electorais provinciais comunicarán á Xunta Electoral de Galicia os administradores ou administradoras das candidaturas que fosen designados na súa circunscrición.

Artigo 9. Designación dos administradores ou administradoras xerais

Os/As representantes xerais dos partidos políticos, federacións e coalicións presentarán un escrito ante a Xunta Electoral de Galicia, antes do décimo quinto día posterior ao da convocatoria de eleccións, co nome do administrador ou da administradora xeral. Ao escrito deberá xuntarse a declaración de aceptación da persoa designada.

Sección 2ª. Das contas únicas para a recadación de fondos e das achegas

Artigo 10. Contas únicas para a recadación de fondos

1. De conformidade co disposto no artigo 125 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, todos os fondos destinados a sufragar os gastos electorais, calquera que sexa a súa procedencia, deben ingresarse nas contas abertas para a recadación de tales fondos e todos os gastos deben pagarse con cargo a estas. Rematada a campaña electoral, só se poderá dispoñer dos saldos destas contas para pagar, nos noventa días seguintes ao da votación, gastos electorais previamente contraídos.

2. Os administradores ou as administradoras electorais e as persoas autorizadas por eles/as para dispoñeren dos fondos das contas son responsables das cantidades ingresadas e da súa aplicación para os fins sinalados.

Artigo 11. Apertura de contas e comunicación

1. A apertura das contas ás que se refire o artigo anterior poderá realizarse, a partir da data do nomeamento dos administradores ou administradoras electorais, en calquera entidade de crédito.

2. Os administradores ou administradoras xerais e os das candidaturas comunicarán á Xunta Electoral de Galicia e ás xuntas provinciais, respectivamente, as contas abertas para a recadación de fondos nas vinte e catro horas seguintes á súa apertura.

Artigo 12. Achegas de fondos ás contas

1. Os fondos destinados a sufragar os gastos electorais deberán ser aboados directamente nas contas ás que se refiren os artigos anteriores polas persoas achegadoras.

2. As achegas de fondos rexeranse polo disposto nos artigos 126, 128 e 129 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

Artigo 13. Restitución de achegas

Se as candidaturas presentadas non son proclamadas ou renuncian a concorrer ás eleccións ao Parlamento de Galicia, as imposicións realizadas por terceiras persoas nas contas ás que se refiren os artigos anteriores deberán serlles restituídas polas formacións políticas que as promoveron.

Sección 3ª. Dos gastos electorais

Artigo 14. Concepto

De acordo co disposto no artigo 130 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, considéranse gastos electorais os que realicen as formacións políticas participantes nas eleccións ao Parlamento de Galicia desde o día da convocatoria ata o da proclamación de persoas electas polos seguintes conceptos:

a) Confección de sobres e papeletas electorais.

b) Propaganda e publicidade directa ou indirecta dirixida a promover o voto ás súas candidaturas, sexa cal for a forma e o medio que se utilice.

c) Alugamento de locais para a celebración de actos de campaña electoral.

d) Remuneracións ou gratificacións ao persoal non permanente que presta os seus servizos ás candidaturas.

e) Medios de transporte e gastos de desprazamento das persoas candidatas, das persoas dirixentes dos partidos, asociacións, federacións ou coalicións e do persoal ao servizo da candidatura.

f) Correspondencia e franqueo.

g) Xuros dos créditos recibidos para a campaña electoral xerados ata a data de percepción da subvención correspondente.

h) Cantos sexan necesarios para a organización e o funcionamento das oficinas e dos servizos precisos para as eleccións.

Artigo 15. Límites

1. O límite dos gastos electorais nas eleccións ao Parlamento de Galicia será o que resulte de multiplicar por sesenta e dous céntimos de euro (0,62 €) o número de habitantes correspondente á poboación de dereito da circunscrición na que presente as súas candidaturas cada formación política. Para a aplicación desta fórmula teranse en conta as cifras de poboación resultantes da última revisión do padrón municipal de habitantes oficialmente aprobada.

2. Non se inclúe no límite previsto no punto anterior a cantidade subvencionada de acordo co disposto no artigo 19.2 desta lei, sempre que se xustifique a realización efectiva da actividade á que se refire o dito precepto.

3. De conformidade co indicado no artigo 58 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, os gastos de publicidade na prensa periódica e nas emisoras de radio de titularidade privada non poderán superar o 20 % do límite de gastos previsto no número 1 deste artigo.

4. No suposto de coincidencia de dúas ou máis eleccións por sufraxio universal directo, haberá que aterse ao disposto no artigo 131.2 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

5. Ningunha formación política poderá realizar gastos electorais que superen os límites establecidos neste precepto.

6. Será aplicable ás eleccións ao Parlamento de Galicia o límite recollido no artigo 55.3 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

Sección 4ª. Das subvencións para gastos electorais

Artigo 16. Disposicións xerais

A Comunidade Autónoma subvenciona, de acordo coas regras previstas nesta lei e con cargo aos seus orzamentos xerais, os gastos ocasionados ás formacións políticas pola súa concorrencia ás eleccións ao Parlamento de Galicia.

Artigo 17. Beneficiarias das subvencións para gastos electorais

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as formacións políticas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Obteren representación parlamentaria nos termos previstos no artigo 19.

b) Non recibiren doazóns de bens inmobles situados no ámbito territorial de Galicia cando o seu valor de taxación sexa superior, no prazo dun ano, a 50.000 euros.

c) Non recibiren doazóns, por parte de persoas físicas que desempeñen, por si ou por persoas interpostas, cargos de toda orde en empresas ou sociedades que teñan contratos de calquera natureza co sector público autonómico nin de persoas físicas que teñan participacións directas ou indirectas, xunto co seu cónxuxe, persoa unida por análoga relación, fillos ou fillas dependentes e persoas tuteladas, superiores ao 10 % en empresas que teñan concertos ou contratos de calquera natureza co sector público autonómico.

d) Cumpriren coas obrigas que derivan da lexislación xeral sobre financiamento dos partidos políticos. No caso das federacións e coalicións, este requisito será aplicable tanto a estas como ás formacións políticas federadas ou coligadas.

2. Non poderán ser beneficiarias de subvencións as formacións políticas nas que concorran as circunstancias previstas nos puntos 3 e 4 do artigo 127 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

Artigo 18. Gastos subvencionables

Son subvencionables os gastos electorais, entendendo por tales os previstos no artigo 14 desta lei.

Artigo 19. Contía das subvencións para gastos electorais

1. Para os gastos electorais comprendidos no artigo 14 desta lei, con exclusión dos subvencionados conforme o previsto no número 2 deste artigo, a contía da subvención fixarase en función dos resultados electorais de acordo coas seguintes regras:

a) Vinte mil oitocentos oitenta e nove euros con dez céntimos (20.889,10 €) por cada escano obtido no Parlamento de Galicia.

b) Setenta e sete céntimos de euro (0,77 €) por cada un dos votos conseguidos por cada candidatura, se un, polo menos, dos membros dela obtivo escano de deputado ou deputada.

2. Para os gastos ocasionados polo envío directo e persoal ás persoas electoras de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral, a contía da subvención será de vinte e dous céntimos de euro (0,22 €) por persoa electora comprendida na circunscrición ou circunscricións nas que a formación política presentase candidatura, sempre que a candidatura de referencia obteña representación parlamentaria.

3. O importe dos gastos ocasionados polo envío directo e persoal ás persoas electoras de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral que non resulte cuberto polo disposto no número 2 deste artigo agregarase ao dos restantes gastos electorais, para os efectos previstos no número 1 deste artigo. O dito importe, ademais, será computado para efectos do cumprimento do límite máximo de gastos electorais contido no artigo 15.1.

4. En todo caso, polo concepto de gastos por envío directo e persoal ás persoas electoras de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral, soamente se subvencionará un envío por persoa electora e só serán obxecto de subvención os envíos realmente realizados, co límite máximo do número de persoas electoras das circunscricións nas que a formación política presentase candidatura e a candidatura de referencia obtivese representación parlamentaria, de acordo cos datos do censo electoral, coa exclusión das certificacións censuais.

5. En ningún caso a subvención correspondente a cada formación política poderá superar a cifra dos gastos electorais declarados xustificados polo Consello de Contas no exercicio da súa función fiscalizadora.

6. No suposto de que os ingresos electorais habidos para a campaña electoral superasen o importe dos gastos electorais, a diferenza detraerase da contía da subvención.

Artigo 20. Anticipos das subvencións para gastos electorais

1. A Comunidade Autónoma de Galicia concederá anticipos das subvencións mencionadas aos partidos, ás federacións e ás coalicións que os soliciten e que obtivesen subvencións nas últimas eleccións ao Parlamento de Galicia, agás que se visen privados delas con posterioridade.

2. A cantidade anticipada non poderá exceder o 30 % da subvención total por gastos electorais percibida polo mesmo partido, federación ou coalición naquelas eleccións.

3. Estableceranse regulamentariamente os criterios de cuantificación do anticipo no suposto de que algunha formación política concorrese ás últimas eleccións ao Parlamento de Galicia en coalición ou federación con outra ou outras formacións e se presente no proceso electoral convocado de forma individual, coligada ou federada con outra ou outras formacións políticas.

4. Os anticipos solicitaranse entre os días vixésimo primeiro e vixésimo terceiro posteriores ao da convocatoria, coa expresión da porcentaxe de anticipo solicitado. No suposto de falta de indicación expresa ao respecto, entenderase que a solicitude se efectúa polo 30 % da cantidade percibida nas últimas eleccións ao Parlamento de Galicia.

5. No caso de partidos, federacións ou coalicións que concorran en máis dunha provincia, a solicitude deberá ser presentada polos seus respectivos administradores ou administradoras xerais ante a Xunta Electoral de Galicia. Nos restantes supostos, as solicitudes serán presentadas polos administradores ou administradoras das candidaturas ante as xuntas provinciais correspondentes, que as cursarán á Xunta Electoral de Galicia.

6. A Xunta Electoral de Galicia remitirá ao órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma as solicitudes de anticipo das subvencións electorais formuladas e rexeitará aquelas presentadas polas formacións políticas sen dereito a elas.

7. A partir do vixésimo noveno día posterior ao da convocatoria, comprobado o cumprimento dos requisitos necesarios para a súa concesión e logo de resolución, o órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma poñerá á disposición dos administradores ou administradoras electorais os anticipos correspondentes.

8. A cantidade recibida en concepto de anticipo descontarase da subvención que finalmente corresponda a cada formación política ou será devolta pola entidade perceptora, despois das eleccións, na contía en que supere o importe daquela subvención definitiva.

9. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, procederá a devolución íntegra do anticipo concedido no caso de non acreditarse a adquisición por parte das persoas electas pertencentes ás ditas formacións políticas da condición plena de deputado ou deputada e o exercicio efectivo do cargo para o que fosen elixidas e por cuxa elección percibisen ou se perciban as subvencións recollidas neste capítulo.

10. Igualmente procederá a devolución íntegra do anticipo nos casos nos que non proceda aboar á formación política subvención ningunha.

Sección 5ª. Control e fiscalización

Subsección 1ª. Control pola Xunta Electoral de Galicia

Artigo 21. Control pola Xunta Electoral de Galicia

1. Desde a data da convocatoria ata o centésimo día posterior ao da celebración das eleccións, a Xunta Electoral de Galicia velará polo cumprimento das normas establecidas nos artigos anteriores deste capítulo.

2. Para os efectos previstos no punto anterior, corresponde á Xunta Electoral de Galicia o control da contabilidade electoral, e poderá solicitar, para estes efectos, a colaboración do Consello de Contas.

3. A Xunta Electoral de Galicia poderá solicitar en todo momento das entidades de crédito o estado das contas electorais, números e identidade dos suxeitos impositores e cantas cuestións xulgue precisas para o cumprimento da súa función fiscalizadora.

4. Así mesmo, poderá solicitar dos administradores ou administradoras electorais as informacións contables e sobre as actividades electorais que considere necesarias e abrir investigacións sobre a autenticidade dos datos achegados por eles ou elas, e deberá resolver por escrito as consultas que aqueles ou aquelas lle formulen.

5. Se das súas investigacións resultan indicios de condutas constitutivas de delitos electorais, comunicarallo ao Ministerio Fiscal para o exercicio das accións oportunas.

6. A Xunta Electoral de Galicia informará o Tribunal de Contas e o Consello de Contas dos resultados da súa actividade fiscalizadora.

Subsección 2ª. Fiscalización polo Consello de Contas e adxudicación e pagamento das subvencións

Artigo 22. Alcance da fiscalización do Consello de Contas

1. A función fiscalizadora do Consello de Contas esténdese á comprobación da regularidade das contabilidades electorais, así como do cumprimento dos requisitos previstos no artigo 17 desta lei.

2. No exercicio da súa función fiscalizadora, o Consello de Contas terá en conta os informes de fiscalización da actividade económico-financeira das formacións políticas emitidos polo Tribunal de Contas ao abeiro do previsto na Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, do réxime electoral xeral.

Artigo 23. Presentación de documentación

1. Entre os cen e os cento vinte e cinco días posteriores ao das eleccións, as formacións políticas que reúnan os requisitos exixidos para seren beneficiarias das subvencións ou que solicitasen anticipos con cargo a estas de acordo co disposto no artigo 20 desta lei deberán presentar ante o Consello de Contas unha contabilidade detallada e documentada dos seus respectivos ingresos e gastos electorais, a cal deberá axustarse ao disposto na Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos, así como ao plan de contabilidade adaptado ás formacións políticas que elabore o Tribunal de Contas ao abeiro do indicado na disposición derradeira oitava da Lei orgánica 3/2015, do 30 de marzo, de control da actividade económico-financeira dos partidos políticos. Esta contabilidade recollerá necesariamente a orixe dos fondos e a súa aplicación e deberá ir acompañada da documentación xustificativa dos ingresos e gastos electorais.

Ademais, en relación cos envíos ás persoas electoras de sobres e papeletas electorais e de propaganda e publicidade electoral, as formacións políticas ás que se refire o parágrafo anterior deberán declarar de forma expresa en documento á parte o número de envíos realizados e achegar a documentación acreditativa da súa realización.

A presentación da documentación prevista neste punto será realizada polos administradores ou administradoras xerais dos partidos, federacións e coalicións que concorresen ás eleccións en varias circunscricións e polos administradores ou administradoras das candidaturas nos restantes casos.

2. No mesmo prazo previsto no punto anterior, os partidos políticos, as federacións e as coalicións que reúnan os requisitos exixidos para seren beneficiarios das subvencións ou que solicitasen anticipos con cargo a estas de acordo co disposto no artigo 20 desta lei deberán presentar ante o Consello de Contas a seguinte documentación:

a) A acreditativa do cumprimento en prazo e coas obrigas establecidas en relación coa presentación das contas anuais, de acordo co establecido no artigo 14 da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos, correspondentes ao exercicio no que percibiron as subvencións, as cales deberán axustarse ao plan de contabilidade adaptado ás formacións políticas que elabore o Tribunal de Contas ao abeiro do indicado na disposición derradeira oitava da Lei orgánica 3/2015, do 30 de marzo, de control da actividade económico-financeira dos partidos políticos.

b) Copia das comunicacións de doazóns de bens inmobles situados no ámbito de Galicia que lle foron remitidas ao Tribunal de Contas conforme o disposto no punto 2 do artigo 5 da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos.

c) Acreditación de non teren recibido doazóns de persoas físicas das previstas na letra d) do punto 1 do artigo 17 desta lei.

3. A documentación indicada nos puntos anteriores presentarase mediante orixinais ou copias compulsadas e deberá ir acompañada dun escrito de remisión asinado polos suxeitos obrigados a efectuar a súa presentación, no que figurará debidamente identificada a documentación remitida.

4. No caso de que algunha da documentación prevista no número 2 deste artigo xa estea en poder do Consello de Contas en virtude do disposto no artigo 38 desta lei ou estea publicada na páxina web da formación política, será suficiente con poñer de manifesto esta circunstancia no escrito de remisión ao que alude o punto anterior.

5. Finalizado o prazo sinalado no número 1 deste artigo, e para os efectos da concesión dos anticipos previstos no artigo 26 desta lei, o Consello de Contas comunicará ao órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma a relación de formacións políticas que presentaron a documentación á que se refire este artigo e o número de envíos a persoas electoras de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral declarados como efectuados por cada unha delas.

Artigo 24. Remisión de información

Dentro do prazo indicado no artigo anterior, as entidades financeiras que concedesen crédito ás formacións políticas referidas nel deberán poñer ese feito en coñecemento do Consello de Contas, detallando as condicións dos créditos. Así mesmo, no mesmo prazo, as empresas que prestasen ás ditas formacións políticas servizos ou subministracións subsumibles no concepto de gastos electorais por importe superior a 10.000 euros deberán informar sobre iso o Consello de Contas.

Artigo 25. Deber de colaboración

1. O Consello de Contas poderá solicitar das formacións políticas sometidas a fiscalización, así como das fundacións e entidades vinculadas ás formacións políticas ou dependentes delas, as aclaracións e os documentos suplementarios que xulgue necesarios para o exercicio da súa función fiscalizadora.

2. As entidades que manteñan relacións de natureza económica coas formacións políticas referidas no punto anterior, así como as entidades de crédito nas que estas teñan abertas as contas ás que se refiren os artigos 10 e 11 desta lei e o artigo 4.Dous.b) da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos, están obrigadas, se son requiridas polo Consello de Contas, a proporcionarlle a este a información e a xustificación detallada que lles solicite, de acordo coas normas de auditoría externa xeralmente aceptadas, e só para os efectos de verificar o cumprimento dos límites, requisitos e obrigas establecidos nesta lei.

3. O incumprimento dos requirimentos formulados polo Consello de Contas dará lugar á imposición das multas coercitivas previstas no artigo 28 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia.

4. O Consello de Contas poñerá en coñecemento do Parlamento de Galicia a falta de colaboración dos suxeitos obrigados a prestala.

Artigo 26. Concesión de anticipos

1. Mentres non conclúan as actuacións de fiscalización do Consello de Contas, a Administración xeral da Comunidade Autónoma concederá anticipos do 90 % do importe das subvencións que, de acordo cos criterios establecidos neste capítulo, correspondan ás formacións políticas en función dos resultados das eleccións publicados e do número de envíos a persoas electoras de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral declarados como efectuados por cada unha delas, e deberá descontarse, de ser o caso, o importe do anticipo ao que se refire o artigo 20 desta lei.

No caso de impugnación dos resultados electorais publicados, de ser tal impugnación estimada por sentenza firme, haberá que aterse aos termos que resulten da dita sentenza.

2. Son requisitos necesarios para a concesión do anticipo:

a) A presentación ante o Consello de Contas da documentación prevista no artigo 23 desta lei.

b) A constitución por parte das formacións políticas dunha garantía por importe correspondente ao 10 % da subvención que, de acordo cos criterios establecidos neste capítulo, lles correspondería en función dos resultados das eleccións publicados e do número de envíos a persoas electoras de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral declarados como efectuados por cada unha delas. No caso de impugnación dos resultados electorais publicados, de ser tal impugnación estimada por sentenza firme, haberá que aterse aos termos que resulten da dita sentenza.

c) A adquisición por parte das persoas electas das ditas formacións da condición plena de deputado ou deputada e o exercicio efectivo por parte das ditas persoas do cargo para o que sexan elixidas.

3. A garantía á que se refire o punto anterior poderá prestarse nalgunha das seguintes formas: depósito en efectivo, aval ou contrato de seguro de caución.

4. A solicitude de anticipo deberá ser formulada polos administradores ou administradoras electorais no prazo dun mes contado desde a data de presentación ante o Consello de Contas da documentación á que se refire o artigo 23 desta lei. Á solicitude deberá xuntarse a documentación acreditativa da constitución da garantía, así como a certificación expedida polo órgano competente que acredite fidedignamente a adquisición por parte das persoas electas da condición plena de deputado ou deputada e o exercicio efectivo do cargo para o que sexan elixidas.

5. Logo da comprobación do cumprimento dos requisitos para a concesión dos anticipos, ditarase e notificarase a resolución pola que se concede ou se denega o anticipo solicitado no prazo dun mes contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente para a súa tramitación.

6. A cantidade recibida en concepto de anticipo descontarase da subvención que finalmente corresponda a cada formación política ou será devolta pola entidade perceptora na contía na que supere o importe daquela subvención definitiva.

7. Igualmente procederá a devolución íntegra do anticipo nos casos nos que non proceda aboar á formación política subvención ningunha.

8. Regularase regulamentariamente o réxime de levantamento e de execución da garantía constituída.

Artigo 27. Informe de fiscalización

1. Dentro dos seis meses posteriores ás eleccións, o Consello de Contas emitirá informe razoado e detallado no que se pronunciará, no exercicio da súa función fiscalizadora, sobre a regularidade da contabilidade electoral, así como sobre o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 17 desta lei, respecto de cada unha das formacións políticas.

2. Con carácter previo á emisión do dito informe, o Consello de Contas remitirá os resultados provisionais das súas actuacións fiscalizadoras ás formacións políticas co fin de que estas poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que xulguen pertinentes. Se, á vista das alegacións, documentos e xustificacións presentados, se acordan outras comprobacións ou dilixencias, concederase nova audiencia.

As alegacións formuladas incorporaranse ao informe, o cal deberá conter unha valoración delas.

3. Se o resultado da fiscalización é favorable, o Consello de Contas propoñerá, para aquelas formacións políticas que soliciten a subvención, a adxudicación desta, coa mención expresa da súa contía. Para a determinación desta, terase en conta o importe total que corresponda en función dos resultados electorais publicados e dos envíos a persoas electoras de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral que resultasen fiscalizados como xustificados polo Consello de Contas, tomando en consideración as regras contidas no artigo 19 desta lei. Ao total obtido segundo a regra anterior seranlle deducidos os importes aboados en concepto de anticipos.

No caso de impugnación dos resultados electorais publicados, de ser tal impugnación estimada por sentenza firme, a fixación da contía da subvención deberá axustarse aos termos que resulten da dita sentenza.

4. O Consello de Contas propoñerá a non adxudicación da subvención nos seguintes casos:

a) Incumprimento dos requisitos previstos no artigo 17 desta lei.

b) Falta de presentación da documentación contida nos números 1 e 2 do artigo 23 desta lei.

c) Incumprimento por parte da formación política do deber de colaboración recollido no artigo 25.1 desta lei, tras ser requirida para iso en dúas ocasións polo Consello de Contas.

O disposto neste punto 4 enténdese sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

5. Será proposta polo Consello de Contas a redución do importe da subvención nos seguintes supostos:

a) Incumprimento de calquera dos límites previstos no artigo 15 desta lei.

b) Superación do límite das achegas contido no artigo 129 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

Tanto neste caso como no previsto na letra a) deste punto 5 propoñerase a redución do importe da subvención nunha cantidade igual a aquela na que se superase o límite correspondente.

c) Incumprimento do artigo 128 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral. Neste suposto propoñerase a redución do importe da subvención na mesma contía que a correspondente á achega ou ás achegas prohibidas.

d) Incumprimento do disposto no artigo 12.1 desta lei. Neste caso propoñerase a redución do importe da subvención nunha contía igual ao importe da achega ou das achegas non aboadas directamente en conta polas persoas achegadoras.

e) Falta de xustificación fidedigna da procedencia dos fondos empregados na campaña electoral. Inclúense neste punto os supostos de achegas de fondos sen cumprir as exixencias contidas no artigo 126 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

Nos supostos previstos neste punto propoñerase a redución do importe da subvención nunha cantidade igual a aquela á que ascendan os fondos de procedencia non xustificada.

f) Realización de gastos non autorizados pola normativa electoral. Neste suposto propoñerase a redución do importe da subvención nunha cantidade igual á dos gastos non autorizados.

O disposto neste punto 5 enténdese sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

6. De se detectaren irregularidades non incluídas nos puntos anteriores, o Consello de Contas propoñerá o outorgamento da subvención, coa mención expresa da súa contía de acordo co disposto no número 3 deste artigo. O anterior enténdese sen prexuízo da obriga do dito órgano de poñer de manifesto no seu informe tales irregularidades e das posibles sancións que poidan corresponder.

7. Se o Consello de Contas, no exercicio da súa función fiscalizadora, advirte indicios de condutas constitutivas de delito, dará traslado ao Ministerio Fiscal.

Artigo 28. Traslado do informe de fiscalización

1. Dentro dos quince días seguintes ao da emisión do informe previsto no artigo anterior, o Consello de Contas elevarao ao Parlamento de Galicia, coa remisión de copias á Xunta de Galicia e ás formacións políticas afectadas.

2. Do informe tamén se dará traslado ao Tribunal de Contas.

Artigo 29. Adxudicación e pagamento das subvencións

1. Dentro do mes seguinte ao día da recepción do informe do Consello de Contas, o Consello da Xunta presentará ao Parlamento o proxecto de crédito extraordinario polo importe das subvencións que se van adxudicar, as cales deberán facerse efectivas dentro dos cen días posteriores ao da aprobación pola Cámara, logo da resolución de outorgamento.

2. O órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma entregaralles o importe das subvencións aos administradores ou administradoras electorais das entidades que deban percibilas, a non ser que aqueles ou aquelas lle notificasen á Xunta Electoral de Galicia que as subvencións serán aboadas en todo ou en parte ás entidades bancarias que designen, para compensar os anticipos ou créditos que lles outorgasen. O órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma verificará o pagamento conforme os termos da dita notificación, que non poderá ser revogada sen o consentimento da entidade de crédito beneficiaria.

3. Non procederá o pagamento das subvencións nos supostos establecidos nos números 2, 3 e 4 do artigo 127 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

Para efectos do previsto no artigo 127.2 da dita lei orgánica, con carácter previo a ditar a resolución de outorgamento á que se refire o número 1 deste artigo, deberáselles requirir ás formacións políticas a presentación da certificación expedida polo órgano competente que acredite fidedignamente a adquisición por parte das persoas electas da condición plena de deputado ou deputada e o exercicio efectivo do cargo para o que fosen elixidas, agás que a dita certificación xa estea en poder da Administración por terse presentado coa solicitude do anticipo regulado no artigo 26 desta lei.

Artigo 30. Suspensión do pagamento das subvencións para gastos electorais

1. No caso de suspensión cautelar da proclamación de persoas electas, prevista no artigo 108.4 bis da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, non procederá o pagamento das subvencións mentres subsista a medida de suspensión adoptada e só se levará a efecto se a resolución que poña fin ao procedemento xudicial é desestimatoria da demanda de ilegalización ou do incidente de execución previstos nos artigos 11 e 12.3 da Lei orgánica 6/2002, do 27 de xuño, de partidos políticos.

2. Tamén procederá a suspensión do pagamento das subvencións no suposto previsto o artigo 3.Cinco da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos.

CAPÍTULO III Das subvencións para gastos de funcionamento

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 31. Subvencións para gastos de funcionamento

A Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos nesta lei e con cargo aos orzamentos xerais do exercicio correspondente, outorgaralles ás formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia e que así o soliciten en cada exercicio subvencións anuais non condicionadas para atender os gastos de funcionamento nos que as ditas formacións incorran no territorio da Comunidade Autónoma.

Artigo 32. Beneficiarias das subvencións para gastos de funcionamento

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas neste capítulo as formacións políticas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teren representación parlamentaria de acordo cos resultados das últimas eleccións ao Parlamento de Galicia. En relación con este requisito será preciso, ademais, que as persoas electas procedan á adquisición da condición plena de deputado ou deputada e ao exercicio efectivo do cargo para o que sexan elixidas.

b) Cumpriren coas obrigas que derivan da lexislación xeral sobre financiamento dos partidos políticos. No caso das federacións e coalicións, este requisito será aplicable tanto a estas como ás formacións políticas federadas ou coligadas.

c) Non recibiren doazóns de bens inmobles situados no ámbito territorial de Galicia cando o seu valor de taxación sexa superior, no prazo dun ano, a 50.000 euros.

d) Non recibiren doazóns, por parte de persoas físicas que desempeñen, por si ou por persoas interpostas, cargos de toda orde en empresas ou sociedades que teñan contratos de calquera natureza co sector público autonómico nin de persoas físicas que teñan participacións directas ou indirectas, xunto co seu cónxuxe, persoa unida por análoga relación, fillos ou fillas dependentes e persoas tuteladas, superiores ao 10 % en empresas que teñan concertos ou contratos de calquera natureza co sector público autonómico.

2. A vulneración da normativa en materia de financiamento electoral comportará a minoración da subvención anual no importe correspondente ás cantidades indebidamente recibidas, en tanto non quede acreditada a súa devolución.

Artigo 33. Contía das subvencións para gastos de funcionamento

1. A contía anual total destas subvencións será a que, de ser o caso, se consigne para estes fins na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma do exercicio correspondente.

2. O crédito da aplicación orzamentaria destinada a ese fin dividirase en dúas partes. Unha parte distribuirase entre as formacións políticas que reúnan os requisitos para seren beneficiarias en proporción ao número de escanos obtidos por cada unha delas nas últimas eleccións ao Parlamento de Galicia, e a súa contía será equivalente ao 40 % do importe total da subvención. A outra, equivalente ao 60 % restante, distribuirase entre as mesmas formacións políticas en proporción aos votos obtidos por cada unha delas nas ditas eleccións.

Artigo 34. Incompatibilidades

De conformidade co previsto no artigo 3.Catro da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos, as subvencións previstas neste capítulo serán incompatibles con calquera outra axuda económica ou financeira incluída nos orzamentos xerais do Estado ou nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia destinada ao funcionamento das formacións políticas, agás as sinaladas no artigo 2.Un da dita lei orgánica.

Artigo 35. Aboamento

1. As formacións políticas con representación parlamentaria deberán presentar ante o órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma, no prazo dos dez días seguintes ao da entrada en vigor da devandita lei, unha declaración responsable do cumprimento dos requisitos para ser beneficiaria.

Así mesmo, deberán acreditar estar ao corrente dos pagamentos ás administracións tributarias e da Seguridade Social, ben a través da presentación dos certificados correspondentes, ben a través da autorización ao órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma para efectuar as consultas pertinentes por vía telemática.

2. Dentro dos dez días seguintes ao da finalización do prazo previsto no punto anterior, o órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ditará e notificará ás formacións políticas resolución na que se fixe a contía da subvención correspondente a cada unha delas, de acordo coas regras previstas no artigo 33 desta lei.

3. A contía total que corresponda a cada formación política ratearase en doce partes, correspondentes a cada un dos meses do ano.

4. O aboamento realizarase por meses naturais, agás nos casos de inicio do exercicio, nos que pode suceder que o primeiro aboamento comprenda máis dunha mensualidade, así como nos anos nos que se celebren eleccións ao Parlamento de Galicia, nos que haberá que aterse ao disposto no punto seguinte.

5. Nos anos nos que se celebren as eleccións ao Parlamento de Galicia aplicaranse as seguintes regras:

a) Nos meses anteriores á celebración das eleccións, aplicaranse as previsións contidas nos puntos anteriores deste artigo, segundo os resultados das últimas eleccións.

b) No mes no que se celebren as eleccións, a cantidade mensual ratearase por días ata a data das eleccións. A cantidade resultante aboarase ao final do mes.

c) Tras as eleccións, as formacións políticas que obtivesen representación parlamentaria presentarán a declaración responsable prevista no número 1 deste artigo, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao do acto de proclamación de persoas electas.

6. No caso de que non se impugnasen os resultados electorais, dentro dos dez días seguintes ao da finalización do prazo para a presentación da declaración responsable, o órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ditará e notificará ás formacións políticas resolución na que se fixe a contía da subvención que corresponda a cada unha delas.

7. De se impugnaren os resultados electorais, o outorgamento das subvencións quedará en suspenso ata que recaia sentenza firme. Se, como consecuencia da estimación daquela, algunha formación política obtén representación parlamentaria, unha vez comunicada a sentenza á Xunta Electoral de Galicia conforme o disposto no artigo 115.1 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, esta poñerá tal feito en coñecemento do órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma para efectos de que o dito órgano requira á formación ou ás formacións afectadas a presentación da declaración responsable prevista no número 1 deste artigo, e fixará para tal fin un prazo de dez días. Dentro dos dez días seguintes ao da finalización do dito prazo, o órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ditará e notificará ás formacións políticas resolución na que se fixe a contía da subvención que corresponda.

8. Para o cálculo da contía da subvención que corresponda a cada formación política, tanto se se impugnasen como non os resultados electorais, seguiranse as seguintes regras:

1ª) A cantidade global que se repartirá entre as formacións políticas será a resultante de descontar ao importe da partida consignada na Lei de orzamentos xerais o total aboado en concepto de subvencións para gastos de funcionamento ata a data das eleccións.

2ª) Esta cantidade global distribuirase entre as formacións políticas na proporción establecida no artigo 33.2 desta lei.

9. A contía da subvención que corresponda a cada formación política ratearase por meses naturais, e ratearanse por días os períodos inferiores a un mes. O aboamento efectuarase por meses naturais, agás o primeiro pagamento, o cal poderá comprender máis dunha mensualidade.

10. Os pagamentos deberán efectuarse directamente á formación política.

11. O aboamento das subvencións ás formacións políticas integrantes dunha federación ou coalición realizarase de acordo coas regras establecidas e o importe así obtido distribuirase en proporción aos deputados e deputadas obtidos por cada unha cando a pertenza á dita formación política se fixese constar xunto ao seu nome na papeleta electoral.

Artigo 36. Suspensión do pagamento das subvencións para gastos de funcionamento

1. Procederá a suspensión do pagamento das subvencións nos supostos previstos nos puntos Cinco, Sete e Oito do artigo 3 da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos.

2. Así mesmo, decretarase a suspensión do pagamento para gastos de funcionamento se, no curso do ano, concorren os seguintes supostos:

a) Que se diten sentenzas, aínda que non sexan firmes, onde se declare a responsabilidade penal da formación política en relación coa xestión dos fondos percibidos a través destas subvencións.

b) Que se diten sentenzas, aínda que non sexan firmes, onde se declare a responsabilidade directa das persoas responsables da xestión económico-financeira da formación política en relación coa xestión dos fondos percibidos a través destas subvencións.

Sección 2ª. Fiscalización

Artigo 37. Fiscalización das subvencións para gastos de funcionamento

Para a fiscalización das subvencións reguladas neste capítulo haberá que aterse ao disposto na Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos.

CAPÍTULO IV Disposicións comúns ás subvencións para gastos electorais e para gastos de funcionamento

Artigo 38. Reintegro

1. En todo o non previsto nesta lei, o reintegro das subvencións para gastos electorais e dos anticipos concedidos con cargo ás ditas subvencións, así como o reintegro das subvencións para gastos de funcionamento, rexerase polas previsións sobre a materia contidas na normativa sobre subvencións públicas.

2. O cumprimento do deber de reintegro sinalado no punto anterior non supoñerá exoneración das consecuencias que poidan derivar do eventual procedemento sancionador que poida seguirse.

Artigo 39. Compensación

Establecerase regulamentariamente o procedemento de compensación para o suposto de formacións políticas que resulten debedoras polo concepto de subvencións para gastos electorais ou subvencións para gastos de funcionamento.

TÍTULO II Do financiamento das fundacións e entidades vinculadas ás formacións políticas ou dependentes delas

CAPÍTULO I Fontes de financiamento

Artigo 40. Recursos económicos das fundacións e entidades vinculadas ás formacións políticas ou dependentes delas

Os recursos económicos que financien a actividade das fundacións e entidades vinculadas ás formacións políticas ou dependentes delas serán os previstos na lexislación aplicable en cada caso.

CAPÍTULO II Das subvencións a fundacións e entidades vinculadas ás formacións políticas ou dependentes delas

Artigo 41. Réxime xurídico das subvencións

1. As subvencións cuxas beneficiarias sexan fundacións ou entidades vinculadas ás formacións políticas ou dependentes delas que participen en procesos electorais cuxo ámbito se circunscriba ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que sexan concedidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma rexeranse polas especialidades contidas neste capítulo.

2. No non previsto nel serán aplicables as previsións contidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nas disposicións de desenvolvemento desta.

3. O disposto neste capítulo enténdese sen prexuízo do necesario cumprimento das previsións contidas na normativa básica en materia de subvencións, así como na restante normativa que resulte aplicable ás fundacións e entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 42. Requisitos para seren beneficiarias das subvencións

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas neste capítulo as fundacións e entidades vinculadas ás formacións políticas ou dependentes delas que cumpran os requisitos seguintes:

a) Cumpriren coas obrigas que derivan da lexislación xeral sobre financiamento das fundacións e entidades vinculadas ás formacións políticas ou dependentes delas.

b) Non recibiren doazóns de bens inmobles situados no ámbito territorial de Galicia cando o seu valor de taxación sexa superior, no prazo dun ano, a 50.000 euros.

c) Non recibiren doazóns, por parte de persoas físicas que desempeñen, por si ou por persoas interpostas, cargos de toda orde en empresas ou sociedades que teñan contratos de calquera natureza co sector público autonómico nin de persoas físicas que teñan participacións directas ou indirectas, xunto co seu cónxuxe, persoa unida por análoga relación, fillos ou fillas dependentes e persoas tuteladas, superiores ao 10 % en empresas que teñan concertos ou contratos de calquera natureza co sector público autonómico.

2. Co fin de acreditar o cumprimento do requisito previsto no punto anterior, nas bases reguladoras e na convocatoria das subvencións deberá recollerse a obriga de presentar o seu cumprimento en relación coa presentación das contas anuais, de acordo co establecido na disposición adicional sétima da Lei orgánica 8/2007, do 4 xullo, sobre financiamento dos partidos políticos.

3. A documentación indicada no punto anterior presentarase mediante orixinais ou copias compulsadas.

4. Así mesmo, de conformidade co indicado no punto 2 da disposición adicional cuarta da Lei orgánica 6/2002, do 27 de xuño, de partidos políticos, non poderán ser beneficiarias das subvencións previstas neste capítulo as fundacións vinculadas ás formacións políticas ou dependentes delas que non estean inscritas no Rexistro de Partidos Políticos. Con fin de acreditar o cumprimento deste requisito, nas bases reguladoras e nas convocatorias das subvencións deberá recollerse a obriga de presentar a documentación acreditativa da devandita inscrición.

Artigo 43. Fiscalización polo Consello de Contas e deber de colaboración

1. Sen prexuízo das actuacións ordinarias de fiscalización de subvencións, o Consello de Contas, por solicitude do Parlamento ou de oficio, emitirá informes de fiscalización selectiva das subvencións previstas neste capítulo.

2. No exercicio da súa función fiscalizadora, o Consello de Contas poderá solicitar das entidades e fundacións sometidas a fiscalización, así como das formacións políticas ás que estean vinculadas aquelas, as aclaracións e os documentos suplementarios que considere necesarios.

3. As entidades que mantivesen relacións de natureza económica cos suxeitos referidos no punto anterior están obrigadas, se son requiridas polo Consello de Contas, a proporcionar a este a información e xustificación detallada sobre as súas operacións con elas, de acordo coas normas de auditoría externa xeralmente aceptadas, e só para os efectos do exercicio por aquel da súa función fiscalizadora.

4. O incumprimento dos requirimentos formulados polo Consello de Contas dará lugar á imposición das multas coercitivas previstas no artigo 28 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia.

5. O Consello de Contas poñerá en coñecemento do Parlamento de Galicia a falta de colaboración dos suxeitos obrigados a prestala.

TÍTULO III Da transparencia

Artigo 44. Publicidade das subvencións

A Administración xeral da Comunidade Autónoma publicará, dentro dos tres meses seguintes á súa concesión, a información relativa ás subvencións outorgadas ás formacións políticas e ás fundacións e entidades vinculadas no exercicio anterior, coa indicación do seu importe, obxectivo ou finalidade, beneficiarios ou beneficiarias e identificación da normativa reguladora. A publicación efectuarase no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web do órgano concedente, dunha maneira clara, estruturada e entendible para as persoas interesadas, de modo que figuren nun mesmo documento os beneficiarios ou beneficiarias, o importe e os conceptos relativos á subvención de que se trate, e en formatos reutilizables.

Artigo 45. Publicidade dos informes de fiscalización

1. Os informes de fiscalización aos que se refiren os artigos 27 e 43 desta lei serán obxecto de publicación na páxina web do Consello de Contas dunha maneira clara, estruturada e entendible para as persoas interesadas e, preferiblemente, en formatos reutilizables.

A dita publicación non poderá efectuarse antes da constancia da recepción de tales informes pola Xunta de Galicia e polo Parlamento de Galicia.

2. Os informes aos que se refire o punto anterior serán tamén obxecto de publicación na páxina web do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou da entidade pública instrumental concedente das subvencións.

Artigo 46. Publicidade polas entidades subvencionadas

1. As formacións políticas, así como as entidades e fundacións vinculadas ou dependentes delas, deberán publicar, antes do 31 de xaneiro de cada ano, a información relativa ás subvencións previstas nesta lei que percibisen o ano anterior, coa indicación do seu importe, do seu obxectivo ou finalidade e do órgano ou entidade concedente. A publicación deberá realizarse nas correspondentes páxinas web dunha maneira clara, estruturada e entendible para as persoas interesadas e en formatos reutilizables.

2. Así mesmo, unha vez emitidos e publicados polo Consello de Contas os informes de fiscalización previstos nos artigos 27 e 43 desta lei, as formacións políticas, así como as fundacións e entidades vinculadas ás que aqueles se refiran, deberán publicalos na súa páxina web na forma prevista no punto anterior.

3. As entidades mencionadas nos puntos anteriores poderán ser sometidas, ademais, a exixencias de publicidade específicas nos termos que establezan as disposicións de desenvolvemento desta lei e as correspondentes bases reguladoras, respectando, en todo caso, a natureza privada de tales entidades e as finalidades que estas teñan recoñecidas.

Artigo 47. Outras obrigas en materia de transparencia

O establecido neste título enténdese sen prexuízo daqueloutras obrigas en materia de transparencia impostas pola normativa estatal e autonómica que resulten aplicables.

Disposición adicional primeira. Protección de datos de carácter persoal

A subministración, o tratamento e a publicidade da información aos que se refire esta lei deberán realizarse con suxeición ao disposto na normativa aplicable en materia de protección de datos de carácter persoal.

Disposición adicional segunda. Actualización de contías

As cantidades mencionadas nos artigos 15 e 19 desta lei refírense a euros constantes. Por orde da persoa titular da consellaría competente en materia de facenda fixaranse as cantidades actualizadas nos cinco días seguintes ao da convocatoria das eleccións.

Disposición transitoria única. Doazóns anónimas e doazóns de persoas xurídicas anteriores á entrada en vigor da lei

1. Os requisitos para seren beneficiarias das subvencións reguladas nesta lei previstos nos artigos 17.1.b), 32.b) e 42.1 desta lei rexerán a partir da entrada en vigor desta. En consecuencia, nas primeiras eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebren con posterioridade á súa entrada en vigor, a obriga de presentación de contas de exercicios anteriores prevista no artigo 23.2 desta lei debe entenderse referida ás contas dos exercicios pechados comprendidos entre o ano 2015, incluído, e o ano de celebración das eleccións.

2. Pola mesma razón, no caso de subvencións a fundacións e entidades vinculadas ou dependentes, a referencia á presentación das contas de exercicios anteriores contida no artigo 42 desta lei debe entenderse feita ás contas do exercicio 2015, incluído, e posteriores.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Derrógase o título VI da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia.

2. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual e inferior rango se opoñan ao previsto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia

Modifícase o artigo 1 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, que queda coa seguinte redacción:

«Artigo 1

1. Esta lei é aplicable ás eleccións a deputados e deputadas do Parlamento de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 11 do Estatuto de autonomía para Galicia.

2. A materia relativa a gastos e subvencións electorais rexerase polo disposto na lei que regula o financiamento de formacións políticas e de fundacións e entidades vinculadas a elas.»

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Habilítase o Consello da Xunta para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de agosto de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia