lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 177 Bis 14/09/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

Téñase en conta que a Orde do 7 de outubro de 2021 que modifica a presente orde, foi derrogada pola Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse, mediante a Orde do 25 de xuño de 2021, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade.

Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que para lograr o fin proposto resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma exixiu modificar determinados aspectos da orde coa finalidade de adaptar as medidas contidas nela á realidade actual, o que se fixo mediante distintas ordes.

En particular, mediante a Orde do 13 de agosto de 2021 suspendeuse expresamente a exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista na Orde do 25 de xuño e substituíuse esta obriga por unha regulación transitoria e provisional, á espera do pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a autorización da exixencia dos certificados anteditos. A dita autorización foi denegada mediante o Auto 97/2021 da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Así mesmo, mediante a Orde do 20 de agosto de 2021 prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño. Nesta orde, á espera dunha resolución xudicial firme que se pronunciase sobre a autorización da medida da exixencia do certificado, mantíñase a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos e actualizábase a regulación transitoria e provisional ditada en substitución da referida obriga, coa finalidade de adaptala á evolución favorable da situación epidemiolóxica.

Finalmente, cabe destacar que mediante a Orde do 1 de setembro de 2021 prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do día 18 de setembro. A dita orde tamén acordou manter a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos.

II

Pola súa parte, a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecían medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia recolleu no seu punto cuarto as liñas fundamentais do Plan de hostalaría segura, e coa mesma data aprobouse tamén a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

O citado Plan de hostalaría segura consensuado cos axentes económicos e autoridades locais, e coa consideración de plan sanitario para os efectos do previsto no artigo 80 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, pretendía recoller unha apertura progresiva e segura da hostalaría establecendo o cumprimento de medidas na totalidade dos locais de hostalaría da nosa comunidade, dado o seu carácter de lugares de convivencia e interacción social, e controis por parte dos corpos de inspección sanitarios e polos corpos e forzas de seguridade que operan en Galicia.

O dito plan foi obxecto de sucesivas modificacións para adaptalo á situación epidemiolóxica. Así, mediante a Orde do 4 de marzo de 2021 modificouse o seu punto noveno, relativo á eficacia, para aprazar até o 12 de marzo o cumprimento das obrigas en materia de dispoñibilidade de cartelaría e códigos QR personalizados.

Posteriormente, mediante a Orde do 17 de marzo de 2021, modificouse no relativo á rastrexabilidade mediante códigos QR, así como no relativo á información aos clientes sobre os niveis máximos de ocupación en función da situación do respectivo ámbito territorial.

Así mesmo, mediante a Orde do 14 de abril de 2021, modificouse tamén no que atinxe á distribución no local de xeito homoxéneo das mesas e cadeiras posibles dentro da porcentaxe máxima de uso interior establecida dispoñible, e introduciuse a posibilidade de utilización da opción de ampliar o horario de peche dos establecementos máis alá do horario estipulado para os restantes establecementos de hostalaría, vencellado ao cumprimento duns requisitos de seguridade determinados.

Seguidamente, mediante a Orde do 21 de maio de 2021, modificouse a citada Orde do 25 de febreiro de 2021, no que atinxía aos requisitos exixibles para o exercicio da opción de ampliación de horario.

E, finalmente, mediante a Orde do 10 de xuño de 2021, modificouse suprimindo o previsto no punto sétimo bis, relativo aos requisitos aplicables nos establecementos que tivesen título municipal habilitante de restaurante que utilizasen a opción de ampliar o seu horario de peche máis alá do horario estipulado para os restantes establecementos de hostalaría.

III

Cómpre ter en consideración a importancia socioeconómica do sector hostaleiro en Galicia e a contribución deste ao PIB galego e ao mantemento dos niveis de ocupación, tendo en conta que na nosa comunidade existen case 23.000 restaurantes, bares e establecementos de aloxamento.

O impacto da crise sanitaria no sector é tamén proporcional á súa importancia económica, polo que as medidas preventivas provocadas pola situación epidemiolóxica teñen un impacto directo e significativo na súa actividade e proxección.

A Xunta de Galicia, consciente da importancia do sector e da necesidade de manter a súa viabilidade, acordou cos representantes do sector hostaleiro de Galicia o compromiso de seguir apostando por unha hostalaría segura.

Co obxectivo de seguir garantindo a máxima seguridade tanto para as persoas traballadoras coma para as persoas usuarias, cómpre incidir no control dos niveis de ocupación e na necesidade de manter en todo momento as normas hixiénico-sanitarias básicas de limpeza de mans e superficies, nas distancias de seguridade interpersoal, no uso de máscara, nas medidas de ventilación dos espazos e na limitación dos tempos de contacto.

Os establecementos de hostalaría e restauración son ambientes que favorecen os encontros entre persoas que comparten un mesmo espazo, con proximidade, e durante os cales se produce o consumo de alimentos ou bebidas e a consecuente necesidade de retirar a máscara nese instante.

Así, faise necesario continuar velando polo cumprimento das medidas na totalidade dos locais de hostalaría da nosa comunidade, dado o seu carácter de lugares de convivencia e interacción social, e seguir establecendo controis por parte dos corpos de inspección sanitarios e polos corpos e forzas de seguridade que operan en Galicia.

Todo isto debe completarse tamén coa necesaria información que debe transmitirse ás persoas usuarias, lembrándolles en todo momento a necesidade de observar as medidas básicas de prevención.

No novo Plan de hostalaría segura, previamente consensuado coa Asociación Provincial de Hostalaría da Coruña, Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Ourense, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo, Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra e Clúster Turismo de Galicia, establécese un procedemento para a clasificación dos establecementos segundo o seu nivel, en función das boas prácticas levadas a cabo e da aplicación de medidas sanitarias adicionais que fomenten espazos máis seguros e que ofrezan todas as garantías posibles.

Este novo plan permite unha estabilidade das condicións de apertura nos establecementos de hostalaría con independencia dos niveis de restrición de cada concello.

Contarase tamén cun terceiro nivel, un nivel de seguridade, que só será de aplicación cando así o decidan as autoridades sanitarias en situacións extraordinarias pola gravidade da situación epidemiolóxica e a ocupación asistencial.

Así mesmo, déixase sen efecto a regulación transitoria e provisional prevista nos puntos terceiro e cuarto da Orde do 20 de agosto de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se mantén a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nela e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e se substitúe por unha regulación transitoria e provisional.

Ademais, modifícase a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia en relación cos establecementos de hostalaría e establecementos de xogo para adaptalas ás regras do novo Plan de hostalaría segura, tendo en conta que nestes últimos se prestan servizos de hostalaría e restauración.

Polo que se refire á exixencia da exhibición de documentación para o acceso aos establecementos de hostalaría e restauración, debe terse en conta que, na data de aprobación desta orde, non se recibiu a notificación da sentenza do Tribunal Supremo resolutoria do recurso de casación presentado pola Administración autonómica fronte ao Auto 97/2021 da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A exixencia da documentación indicada, suspendida no momento da aprobación desta orde, recolleuse orixinariamente, como antes se expresou, na modificación da Orde do 25 de xuño efectuada pola Orde do 22 de xullo, atendidos os principios científicos, as probas científicas e a información dispoñible nese momento, por entender que a limitación do acceso ao interior dos locais a persoas vacinadas, persoas que contasen cunha proba negativa ou persoas que pasasen a enfermidade contribuía a diminuír as posibilidades da existencia de contaxio e gromos. A medida de exhibición de documentación configurábase como requisito para consumo no interior dos establecementos de hostalaría e restauración situados en concellos de nivel máximo e alto de restricións por parte de persoas maiores de 12 anos. A documentación debía acreditar que o seu titular recibira a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu autorización de comercialización conforme o Regulamento (CE) nº 726/2004, ou ben que dispoñía dunha proba diagnóstica de infección activa (PDIA) negativa, ou que se recuperara dunha infección polo SARS-CoV-2 diagnosticada e está no período comprendido entre o día 11 e o 180, ambos incluídos, despois da PDIA positiva.

Respecto desta cuestión, debe terse en conta que a evolución favorable da situación epidemiolóxica e o avance da campaña de vacinación permiten un cambio na orientación do novo Plan de hostalaría segura, que xa non recolle, en principio, para este sector medidas ligadas á situación epidemiolóxica de cada concello, sen prexuízo da posible activación do denominado nivel de seguridade cando se dean as circunstancias previstas no plan. Estas novas premisas, unidas á falta de notificación dunha resolución xudicial firme sobre a cuestión, determinan que se modifique a regulación da exhibición de documentación recollida na Orde do 25 de xuño, para recoller unha remisión ás medidas previstas no novo plan. Esta decisión debe entenderse sen prexuízo do estudo, no caso de que así o permita a doutrina sentada polo Tribunal Supremo e cos requisitos que esta marque, da posible introdución da medida de exixencia de documentación para o consumo en interiores en casos determinados, co obxectivo de diminuír as posibilidades da existencia de contaxio e gromos, sempre que así se decida de forma xustificada en atención á concreta situación epidemiolóxica dos ámbitos territoriais en que proceda a aplicación desta medida.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto e natureza

1. A presente orde ten por obxecto aprobar, coa natureza de medidas preventivas de acordo co disposto no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e de plan sanitario para os efectos do previsto no artigo 80 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que se incorpora como anexo.

2. A aplicación das medidas previstas no citado plan non poderá supor a exclusión da eficacia nin a exención do cumprimento doutras medidas preventivas que, en función da evolución epidemiolóxica, resulten necesarias en ámbitos territoriais ou sectores concretos.

Segundo. Principios de actuación

1. A Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia sanitaria, continuará desenvolvendo o novo Plan de hostalaría segura, baseado nas seguintes liñas fundamentais:

a) Corresponsabilidade dos operadores económicos na aplicación, cumprimento e seguimento do plan e na colaboración no establecemento de medidas e instrumentos que contribúan ao control e seguimento de posibles gromos, incluída a rastrexabilidade dos posibles contactos, co obxecto de garantir unha actividade nas adecuadas condicións de seguridade.

b) Definición de criterios claros e precisos para a organización e utilización de espazos, condicións de adecuada ventilación que velen pola calidade do aire interior e determinación de ocupación para efectos da aplicación das medidas sanitarias de prevención.

c) Colaboración coas entidades representativas do sector para o estudo, deseño e implementación das medidas de prevención aplicables, incluída a promoción da existencia de mecanismos de autocontrol e auditoría de cumprimento.

d) Xeración de confianza nos usuarios, así como información e concienciación deles sobre as medidas de prevención e o seu necesario cumprimento.

e) Establecemento dun plan de control e inspección autonómico e a adecuada colaboración coas entidades locais nas súas competencias de control e inspección, especialmente con aquelas de menor tamaño e medios.

f) Colaboración das forzas e corpos de seguridade no control e inspección.

2. As entidades locais participarán na aplicación e cumprimento do novo Plan de hostalaría segura mediante o exercicio das súas competencias de control sanitario establecidas na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, tendo en conta a súa consideración de plan sanitario para os efectos do previsto no artigo 80 da indicada lei.

Terceiro. Seguimento e inspección

1. A implantación do novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia comportará, como un dos elementos fundamentais, o establecemento dun plan de control e inspección autonómico e o desenvolvemento de actuacións de control e inspección municipais.

A Administración autonómica velará pola adecuada colaboración coas entidades locais, especialmente con aquelas de menor tamaño e medios.

Para estes efectos, o Plan de control e inspección autonómico atenderá a estas circunstancias, na priorización das actuacións inspectoras que se desenvolvan.

Así mesmo, o novo Plan de hostalaría segura baséase na colaboración das forzas e corpos de seguridade no seu control e inspección, impulsando a coordinación entre os distintos corpos existentes que garanta a efectividade da implantación das medidas acordadas.

2. As actuacións de inspección e control municipais deberán axustarse ao novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e aos estándares mínimos que definan as autoridades sanitarias autonómicas.

As actuacións de inspección municipais deberán adaptarse ao tamaño do concello e aos seus recursos e poderán prever a colaboración das forzas e corpos de seguridade na súa execución, de acordo cos protocolos que se deseñen con estas.

As autoridades sanitarias locais, de conformidade co establecido na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, poderán encomendar o exercicio de funcións de inspección de saúde pública para o desenvolvemento das súas actuacións de inspección e control, en caso de insuficiencia de medios, a outros corpos de funcionarios dependentes delas.

Para o desenvolvemento das súas competencias de control sanitario, os concellos poderán solicitar o apoio técnico do persoal e os medios das autoridades sanitarias autonómicas, de acordo cos protocolos que se establezan no Plan de control e inspección autonómico, de conformidade co establecido no artigo 80.6 da Lei 8/2008, de saúde de Galicia.

3. Dentro das súas respectivas competencias, os concellos colaborarán nas actuacións de inspección e control do cumprimento das medidas de prevención establecidas.

4. O obxecto das actuacións de inspección e control previstas no punto anterior será, como mínimo, o control e a comprobación do cumprimento, por parte do establecemento, das seguintes medidas:

a) Que, de conformidade coa Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, así como co establecido nas medidas de prevención sanitarias previstas nesta orde, teñen exposta, no exterior do local, a capacidade máxima permitida, nun lugar facilmente visible tanto para clientes como para os órganos inspectores, de acordo cos modelos de cartelaría postos á súa disposición polas autoridades sanitarias.

b) Que se cumpre a porcentaxe máxima de capacidade establecida especificamente en cada momento durante a situación da pandemia, así como as regras que estivesen en vigor, se é o caso, en canto á prohibición de uso de barras e ocupación máxima das mesas.

c) Que a apertura e o peche do establecemento están dentro do horario establecido.

d) Que os clientes e empregados do local cumpren coas medidas de seguridade interpersoal en canto ás distancias e ao uso das máscaras.

e) Que se cumpren as medidas en materia de ventilación segundo os niveis recollidos no Plan de hostalaría segura.

5. A autoridade sanitaria autonómica poderá solicitar aos concellos información sobre as actuacións de control e inspección realizadas e as denuncias levantadas, e determinará a periodicidade desta información. Así mesmo, a actuación realizada polas forzas e corpos de seguridade será obxecto de avaliación dentro dos órganos de coordinación e colaboración policial xa constituídos, nos cales se dará conta dos incumprimentos observados das medidas de prevención establecidas.

6. En particular, entenderase que existe un risco grave ou perigo inminente para as persoas naqueles casos en que se desenvolva a actividade de forma que se incumpran de forma grave as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias para evitar a COVID-19, dada a súa condición de enfermidade transmisible e o risco grave e inmediato que representa para a saúde.

De acordo co indicado, no suposto de incumprimento das medidas de prevención, os axentes dos corpos e forzas de seguridade poderán adoptar de forma directa, logo de requirimento ás persoas responsables do local e no caso de que este non for atendido, as seguintes medidas, de conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e co cumprimento dos requisitos que estas normas establecen:

a) A suspensión inmediata do espectáculo ou actividade e o desaloxo e precintaxe dos establecementos abertos ao público.

b) Aqueloutras medidas que se consideren necesarias, en atención ás circunstancias concorrentes en cada caso, para garantir a seguridade das persoas e os bens e a convivencia entre a cidadanía, e que garden a debida proporción en atención aos bens e dereitos obxecto de protección.

7. Para os efectos do establecido no número anterior, entenderase que concorre un perigo grave e inminente para as persoas nos casos de incumprimento das seguintes medidas de prevención:

a) Incumprimento xeneralizado no establecemento ou na actividade das distancias de seguridade interpersoal, xa sexa por unha deficiente organización dos espazos ou polo incumprimento da organización existente.

b) Incumprimento da obrigación do uso adecuado das máscaras por parte do persoal, clientes ou público asistente, cando non sexa meramente singular, puntual ou episódico.

c) Presenza no establecemento ou espazo aberto ao público de persoas con sintomatoloxía compatible coa COVID-19.

d) Presenza no establecemento ou espazo aberto ao público de traballadores ou público asistente sometidos a obrigas de illamento ou corentena.

e) Incumprimento grave das medidas de limpeza e desinfección.

f) Incumprimento das medidas relativas á capacidade máxima dos establecementos ou espazos.

g) Existencia de aglomeracións de persoas no interior ou no exterior dos establecementos ou espazos.

h) Incumprimento das medidas relativas a agrupacións máximas de persoas nas mesas ou agrupacións de mesas.

i) Non adopción das medidas requiridas para o cumprimento do límite de concentración de CO2 nos interiores dos locais establecido no novo Plan de hostalaría segura.

Cuarto. Perda de efectos da regulación transitoria e provisional establecida nos puntos terceiro e cuarto da Orde do 20 de agosto de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se mantén a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nela e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e se substitúe por unha regulación transitoria e provisional

Déixase sen efecto a regulación transitoria e provisional prevista nos puntos terceiro e cuarto, no que respecta aos establecementos de hostalaría e restauración e establecementos de xogo, da Orde do 20 de agosto de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se mantén a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nela e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e se substitúe por unha regulación transitoria e provisional.

Quinto. Modificación da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Suprímese o punto sexto da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Dous. Modifícase o punto 3.22 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«3.22. Hostalaría e restauración.

1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración en bares, cafetarías e restaurantes axustarase ás regras previstas no novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a ocupación máxima será de seis persoas no interior e dez persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.

2. Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo axustaranse tamén ás regras previstas no novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e ao disposto no punto primeiro respecto da ocupación máxima por mesa ou agrupación de mesas.

3. Así mesmo, no caso de establecementos de hostalaría situados en centros educativos, aplicaranse as regras previstas no novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e o disposto no punto primeiro respecto da ocupación máxima por mesa ou agrupación de mesas. Estas regras non serán aplicables aos comedores escolares, que se rexerán pola súa normativa específica».

Tres. Modifícase a epígrafe III.2.1 do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactada como segue:

«III.2.1. Establecementos de xogo.

III.2.1.1. Casinos.

III.2.1.2. Salas de bingo.

III.2.1.3. Salóns de xogo.

III.2.1.4. Tendas de apostas.

1. Os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, axustaranse ás regras previstas no novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En particular, serán de aplicación os niveis dos establecementos, capacidades máximas, horarios e medidas adicionais para cumprir en cada nivel establecidos no novo Plan de hostalaría segura.

3. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de seis persoas por mesa ou agrupación de mesas.

Así mesmo, deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións, especialmente na disposición e no uso das máquinas ou de calquera outro dispositivo de xogo nos locais e establecementos en que se desenvolvan actividades, de acordo co previsto no punto 1.3. O uso da máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos na normativa vixente».

Sexto. Derrogación da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Derrógase a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sétimo. Eficacia

1. As medidas previstas na presente orde e no seu anexo terán efectos a partir das 00.00 horas do 15 de setembro de 2021.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde e no seu anexo serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Obxectivos.

1. O Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia ten os seguintes obxectivos:

a) Proporcionar un marco de estabilidade das condicións de apertura nos establecementos de hostalaría con independencia dos niveis de restricións de cada concello.

b) Recoller as medidas sanitarias comúns de aplicación en todos os establecementos de restauración e hostalaría por mor da pandemia de SARS-CoV-2.

c) Establecer as medidas sanitarias de aplicación para garantir un nivel maior de compromiso e obter beneficios adicionais de capacidade e horario nos establecementos de restauración e hostalaría, independentemente da situación epidemiolóxica.

2. A nova estratexia recollida neste plan responde á situación actual do avanzado estado da vacinación na nosa comunidade: o 82 % da poboación albo e o 73 % da poboación total de Galicia ten a pauta completa. Por outra banda, a ocupación da hospitalización convencional e das unidades de coidados críticos e a porcentaxe de pacientes COVID nos servizos de urxencias tamén permiten o desenvolvemento deste novo plan.

Polo tanto, este plan sempre estará condicionado á evolución da situación asistencial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como dos parámetros epidemiolóxicos que poidan repercutir na capacidade asistencial do sistema sanitario. Deste xeito, será obxecto de seguimento e da avaliación continua por parte da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, co asesoramento do Comité Clínico, para propoñer os cambios e medidas oportunas.

2. Regras comúns para todos os establecementos de hostalaría e restauración.

2.1. Obrigas xerais.

1. Todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos. Este deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade.

2. Así mesmo, deberán respectarse as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da COVID-19.

2.2. Capacidade máxima.

1. Os establecementos deberán declarar e manter accesible ao público e á autoridade sanitaria a súa capacidade máxima, interior e exterior, do xeito que se determina neste plan.

Cada establecemento será responsable das capacidades máximas que declare, así como de controlar en todo momento que as porcentaxes máximas de uso sexan respectadas.

2. Esta información poderá ser auditada polos distintos mecanismos de control e auditoría establecidos para os efectos de seguir o seu correcto cumprimento.

3. Para tal efecto, a persoa responsable do establecemento deberá dispor, en soporte físico, da documentación acreditativa das superficies utilizadas para os cálculos das capacidades, do xeito descrito nos puntos seguintes:

a) Capacidade interior e porcentaxe máxima de uso:

1. Para a determinación da capacidade interior do establecemento, a persoa responsable deberá computar a superficie interior, en metros cadrados, excluíndo do cómputo de metros cadrados dispoñibles para os usuarios os metros correspondentes aos aseos, á barra e zona interior da barra. A superficie interior resultante será a que sirva para determinar a capacidade interior.

2. A capacidade interior será a resultante de dividir a superficie interior, en metros cadrados, entre 1,5, co fin de garantir unha superficie mínima de seguridade por persoa usuaria.

3. A capacidade interior obtida a través deste cálculo non poderá ser superior á capacidade máxima establecida no correspondente título habilitante de carácter municipal. Nese caso, prevalecerá a capacidade consignada na licenza municipal.

4. Á capacidade interior de persoas aplicaráselle a porcentaxe máxima de uso que estableza en cada momento a autoridade sanitaria.

5. Esta capacidade máxima de persoas deberá distribuírse no local de xeito homoxéneo entre os espazos dispoñibles para o consumo, evitando a súa concentración en espazos concretos, especialmente naqueles establecementos que dispoñen de varias salas ou comedores. Nos casos en que se dispón de varias salas ou comedores, a superficie dos que permanezan sen uso non computará para os efectos do cálculo da capacidade interior do establecemento.

b) Capacidade exterior e porcentaxe máxima de uso:

1. Para a determinación da capacidade exterior do establecemento, a persoa responsable deberá computar a superficie de terraza establecida no correspondente título habilitante de carácter municipal. A superficie exterior resultante será a que sirva para determinar a capacidade exterior.

A capacidade exterior obtida a través deste cálculo non poderá ser superior á establecida no correspondente título habilitante de carácter municipal. Nese caso, prevalecerá a capacidade consignada no indicado título.

2. Á capacidade exterior de persoas aplicarase a porcentaxe máxima de uso que estableza en cada momento a autoridade sanitaria.

c) Información para as persoas usuarias:

1. A apertura ao público do establecemento implicará a obriga de dispor nun lugar visible do acceso, preferentemente na porta de entrada, dun cartel que sexa de doada lectura, no cal conste a información sobre as capacidades máximas permitidas no establecemento.

i) Interior:

– Capacidade máxima interior permitida en condicións normais.

– Porcentaxe máxima de uso interior establecida pola autoridade sanitaria no nivel declarado.

– Capacidade máxima interior permitida en función da aplicación da porcentaxe máxima de uso establecida pola autoridade sanitaria no nivel declarado.

ii) Exterior:

– Capacidade máxima exterior permitida en condicións normais.

– Porcentaxe máxima de uso exterior establecida pola autoridade sanitaria no nivel declarado.

– Capacidade máxima exterior permitida en función da aplicación da porcentaxe máxima de uso establecida pola autoridade sanitaria no nivel declarado.

2. A persoa responsable do establecemento deberá actualizar esta información cada vez que se produza un cambio no nivel declarado, tanto na capacidade interior coma na exterior.

3. Para os efectos do establecido neste punto, deberán utilizarse os modelos de cartel en función do nivel do establecemento postos á disposición para a súa impresión na páxina web https://coronavirus.sergas.es/Contidos/Hostalaria-segura ou na plataforma de Turespazo (https://turespazo.turismo.gal).

4. Para o cálculo da capacidade usarase a superficie do interior do local destinada aos usuarios, excluíndo do cómputo de metros cadrados dispoñibles para os usuarios os metros correspondentes a aseos, barra e zona interior da barra. A superficie que se compute debe corresponderse coa superficie dedicada ao consumo no interior. Como resultado obteremos a capacidade máxima interior permitida en condicións normais.

A esta capacidade máxima aplicaráselle a porcentaxe de uso máximo que se estableza en función do nivel de compromiso declarado e obterase a capacidade máxima interior permitida nas condicións actuais.

d) Regras básicas sobre disposición do mobiliario:

1. A distribución das mesas e cadeiras deberá respectar en todo momento as distancias mínimas de separación previstas pola autoridade sanitaria.

2. A colocación será homoxénea entre os espazos dispoñibles para o consumo, evitando a súa concentración en espazos concretos, especialmente naqueles establecementos que dispoñen de varias salas ou comedores.

3. O tamaño das mesas será acorde co número de persoas que as ocupen.

2.3. Uso de máscara.

1. Para as persoas de seis ou máis anos será obrigatorio o uso da máscara, salvo nas disposicións recollidas na normativa aplicable en materia de uso da máscara.

2. O persoal do establecemento debe levala en todo momento e debe reforzarse o cumprimento dos clientes instando a que as manteñan postas sempre e só as quiten no momento de consumir alimentos e bebidas.

3. Deberá darse un uso axeitado á máscara, é dicir, esta deberá cubrir desde parte do tabique nasal ata o queixo, incluído, estar perfectamente axustada e usarse segundo as instrucións de renovación, reutilización etc. indicadas polo fabricante. Ademais, a máscara que se debe empregar non deberá estar provista de válvula exhalatoria.

2.4. Distancia de seguridade.

1. Con carácter xeral, no momento en que se estea circulando polo local deberá cumprirse a medida de mantemento da distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.

Non obstante, unha vez sentado, observarase o exposto nas regras específicas de cada nivel para a distancia entre as mesas ou persoas.

2.5. Medidas de hixiene, limpeza e desinfección.

1. O titular da actividade económica ou, de ser o caso, o responsable do establecemento deberá asegurar que se adoptan as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ás características e intensidade de uso dos locais e espazos.

2. Realizarase unha limpeza e desinfección do equipamento, en particular das mesas, cadeiras, barra, así como de calquera outra superficie de contacto, de forma frecuente (recomendable entre cliente e cliente). Así mesmo, deberase proceder á limpeza e desinfección do local polo menos unha vez ao día. Nas tarefas de limpeza prestarase especial atención ás zonas de uso común e ás superficies de contacto máis frecuentes, como pomos de portas, mesas, mobles, pasamáns, chans, teléfonos, perchas e outros elementos de similares características, de conformidade coas seguintes regras:

a) Utilizaranse desinfectantes como dilucións de lixivia (1:50) recentemente preparada ou calquera dos desinfectantes con actividade viricida que se atopan no mercado e debidamente autorizados e rexistrados. No uso dese produto respectaranse as indicacións da etiqueta.

b) Tras cada limpeza, os materiais empregados e os equipamentos de protección utilizados desbotaranse de xeito seguro, e procederase posteriormente ao lavado de mans.

As medidas de limpeza estenderanse tamén, de ser o caso, a zonas privadas dos traballadores, tales como vestiarios, armarios, aseos, cociñas e áreas de descanso.

3. Así mesmo, cando existan postos de traballo compartidos por máis dun traballador, estableceranse os mecanismos e procesos oportunos para garantir a hixienización destes postos.

Procurarase que os equipamentos ou ferramentas empregados sexan persoais e intransferibles, ou que as partes en contacto directo co corpo da persoa dispoñan de elementos substituíbles.

No caso daqueles equipamentos que deban ser manipulados por diferente persoal, procurarase a dispoñibilidade de materiais de protección ou o uso de forma recorrente de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con carácter previo e posterior ao seu uso.

4. No caso de que se empreguen uniformes ou roupa de traballo, procederase ao lavado e desinfección regular destes, seguindo o procedemento habitual.

5. A ocupación máxima para o uso dos aseos, vestiarios, probadores, salas de lactación ou similares de clientes, visitantes ou usuarios será dunha persoa para espazos de ata catro metros cadrados, salvo naqueles supostos de persoas que poidan precisar asistencia; nese caso tamén se permitirá a utilización por parte do seu acompañante. Para aseos de máis de catro metros cadrados que conten con máis dunha cabina ou urinario, a ocupación máxima será do cincuenta por cento do número de cabinas e urinarios que teña a estancia, e deberá manterse durante o seu uso a distancia de seguridade interpersoal. Deberá reforzarse a limpeza e desinfección dos referidos espazos garantindo sempre o seu estado de salubridade e hixiene.

6. Disporase de papeleiras para depositar panos e calquera outro material desbotable, que se deberán limpar de forma frecuente e, polo menos, unha vez ao día.

7. Deberanse pór á disposición do público dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida, debidamente autorizados e rexistrados, en lugares accesibles e visibles, e, en todo caso, na entrada do local ou establecemento, e deberán estar sempre en condicións de uso.

8. Os elementos auxiliares do servizo, como a vaixela, cristalaría, xogos de cubertos ou mantelaría, entre outros, almacenaranse en recintos pechados e, se isto non for posible, lonxe de zonas de paso de clientes e traballadores.

9. Nos establecementos que conten con zonas de autoservizo, deberá evitarse a manipulación directa dos produtos por parte dos clientes, salvo no caso de que se trate de produtos envasados previamente. Para tal efecto, porase ao dispor deles os utensilios necesarios, de xeito que se evite o uso sucesivo de tales utensilios por distintos clientes.

10. O persoal traballador que realice o servizo en mesa e en barra deberá procurar a distancia de seguridade co cliente e aplicar os procedementos de hixiene e prevención necesarios para evitar o risco de contaxio. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para o persoal destes establecementos na súa atención ao público.

2.6. Ventilación.

1. Débense realizar tarefas de ventilación periódica nas instalacións para acadar unha renovación do aire e garantir unha boa calidade deste, eliminando as partículas suspendidas nel e reducindo así o risco de transmisión do virus. Ao ventilar os espazos interiores, dilúense os aerosois potencialmente infecciosos e redúcese o risco de contaxio polo virus SARS-CoV-2.

Na Guía para as boas prácticas de ventilación na hostalaría no contexto da COVID-19 atópanse as recomendacións para asegurar unha boa ventilación do local. A dita guía atópase dispoñible no seguinte enderezo electrónico:

https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Documents/813/GUIA_VENTILACION_ HOSTALARIA.pdf

2. Non se deberán superar no interior as 800 ppm de concentración de CO2. Se o valor de CO2 obtido supera 800 ppm deberán adoptarse as seguintes medidas:

i) No caso de ventilación natural:

Deberase aumentar a frecuencia de apertura de xanelas ou o grao de apertura destas ata atopar a situación en que non se superen os valores recomendados. No caso de que, unha vez comprobados todos os escenarios posibles de apertura de xanelas e portas, se excedan os valores recomendados de CO2, hai varias opcións:

• Complementar con ventilación mecánica.

• Reducir a capacidade e o tempo de permanencia de persoas nos locais.

ii) No caso de ventilación mecánica ou forzada:

O persoal técnico axustará o equipamento de climatización:

• Aumentar o caudal de aire renovado (taxa) para que achegue a maior cantidade de aire exterior posible fronte á cantidade de aire recirculado.

• Reducir ou limitar a recirculación. Outras medidas para alcanzar a renovación de aire establecido polas autoridades sanitarias:

• Se é posible, complementar con ventilación natural.

• Reducir a capacidade e o tempo de permanencia de persoas nos locais.

3. A colocación dos medidores de CO2 deberá cumprir cos requisitos establecidos na Guía para as boas prácticas de ventilación na hostalaría no contexto da COVID-19. En particular, no caso de ventilación natural, os medidores non deben colocarse preto das xanelas, portas ou outros puntos de ventilación para que non se marquen valores máis baixos que os reais. Polo tanto, deben situarse nas zonas do local onde hai un maior número de persoas ou nas zonas con peor fluxo de renovación de aire, pero sen que estas poidan respirar directamente encima do sensor do dispositivo para non alterar as medidas. No caso de ventilación mecánica, o medidor non se debe colocar na saída dos condutos de ventilación, senón que o máis recomendable sería situalo na parede encima destes.

3. Niveis dos establecementos de hostalaría e restauración.

Establécense os seguintes niveis en función das boas prácticas levadas a cabo nos establecementos e da aplicación de medidas sanitarias adicionais que fomenten espazos máis seguros e que ofrezan todas as garantías posibles.

3.1. Nivel 1c (unha cunchiña).

1. Este nivel será o nivel de obrigado cumprimento aplicable por defecto para todos os establecementos, independentemente do nivel de restrición do concello en que se atope e salvo nos supostos en que a autoridade competente decida a aplicación do nivel de seguridade.

2. Tanto no interior coma nas terrazas dos establecementos permitirase o 100 % da capacidade máxima permitida.

3. O horario límite de peche ao público será ás 1.00 horas, agás a noite do venres ao sábado e do sábado ao domingo, que será ás 1.30 horas.

4. Deberán utilizarse os modelos de cartel correspondentes a este nivel postos á disposición para a súa impresión na páxina web https://coronavirus.sergas.es/Contidos/Hostalaria-segura ou na plataforma de Turespazo (https://turespazo.turismo.gal).

5. Os responsables dos establecementos comprométense a aplicar as regras comúns recollidas no número 2 do presente plan e as seguintes medidas adicionais:

a) Ter elaborado un Plan de continxencia pola COVID-19 que recolla todas as medidas hixiénico-sanitarias que se aplicarán e que sexa coñecido por todo o persoal. Este plan debe estar á disposición da autoridade sanitaria.

b) Asegurar unha distancia de 1,5 metros entre mesas e agrupacións de mesas.

c) En canto aos aseos, deberá sinalizarse a súa capacidade, e a súa limpeza e desinfección mínima será de dúas veces ao día.

d) No que respecta á calidade do aire interior, deberán adoptarse as seguintes medidas:

1. Avaliación non continua: dispor de dispositivos medidores de CO2, con marcación CE e con pantalla visible para os usuarios. Realizar e rexistrar as medicións polo menos cada 4 horas e nos momentos de máxima afluencia. Non se deberán superar no interior as 800 ppm de concentración de CO2.

2. Reforzar a ventilación dos espazos interiores. Recoméndase a ventilación natural de forma permanente (se non é posible, deberán realizarse tarefas de ventilación de forma frecuente). No caso da utilización de sistemas de ventilación forzada, deberá aumentarse a subministración de aire limpo e limitarase ao mínimo indispensable a función de recirculación do aire interior.

3. No caso de ter sistema de ventilación/climatización, deberá acreditar a certificación do seu mantemento periódico e da última revisión por parte de profesional autorizado.

4. Co fin de manter unha boa calidade de aire interior e cumprir cos límites de ppm establecidos no presente plan, recoméndase aplicar as medidas da Guía para as boas prácticas de ventilación na hostalaría no contexto da COVID-19. A dita guía atópase dispoñible no seguinte enderezo electrónico:

https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Documents/813/GUIA_VENTILACION_ HOSTALARIA.pdf

e) En materia do persoal traballador, deberán adoptarse as seguintes medidas:

1. Dotación de máscara obrigatoria cirúrxica e cambio cada 4 horas.

2. Asegurar a formación do persoal traballador segundo os contidos marcados pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre medidas hixiénicas e de seguridade na hostalaría no contexto da COVID-19. Poderanse establecer protocolos de colaboración entre as asociacións do sector e a Dirección Xeral de Saúde Pública co fin de coordinar esta formación (formación básica de 2 horas).

3. Deberá contarse con roupa de traballo específica.

f) En materia de medidas de protección colectiva, deberán adoptarse as seguintes medidas:

1. Os establecementos deberán contar con hidroxel en varios puntos do local ademais de na entrada e nos aseos.

2. Os establecementos deberán ter itinerarios de circulación diferenciados.

3. Control da máscara obrigatoria para clientes.

g) Os establecementos tamén deberán cumprir coas seguintes medidas complementarias: 1. No caso de dispoñer de mecanismos de pagamento electrónico, como o pagamento con tarxeta, ofrecelo como sistema fronte ao uso de diñeiro en efectivo. 2. No caso de ter carta material, esta deberá permitir a súa desinfección. 3. Deberase empregar manteis dun só uso. Non obstante, poderanse empregar manteis de tea sempre que se cambien entre cliente e cliente tras o seu lavado e desinfección.

4. Produtos autoservizo de uso individual: deben adoptarse medidas para o uso de produtos de autoservizo como gardapanos, portaescarvadentes, vinagreiras, aceiteiras etcétera, evitando o uso sucesivo entre clientes sen desinfección previa, ofrecendo o servizo por parte do persoal baixo petición do cliente ou priorizando as monodoses desbotables.

e) Declaración responsable: no momento de obter o cartel sinalizador a través da web correspondente, os titulares dos establecementos deberán realizar unha declaración responsable sobre a veracidade dos datos que se acheguen para a xeración do cartel, así como o compromiso de cumprimento das medidas recollidas neste nivel.

6. Permitirase o consumo en barra. Recoméndase que os clientes na barra manteñan a máscara correctamente colocada nos momentos en que non se poida garantir a distancia interpersoal co persoal traballador. Na barra non se poderán compatibilizar distintos usos, polo que haberá que diferenciar a zona destinada a clientes e a zona de barra destinada ao persoal.

3.2. Nivel 2c (dúas cunchiñas).

1. Este nivel será aplicable no caso de que os establecementos de hostalaría se comprometan a aplicar medidas adicionais recollidas a continuación para garantir unha maior seguridade no marco da pandemia, co fin de protexer a saúde do seu persoal traballador e da clientela.

2. Tanto no interior coma nas terrazas dos establecementos permitirase o 100 % da capacidade máxima permitida.

3. Permitirase o consumo en barra. Recoméndase que os clientes na barra manteñan a máscara correctamente colocada nos momentos en que non se poida garantir a distancia interpersoal co persoal traballador. Na barra non se poderán compatibilizar distintos usos, polo que haberá que diferenciar a zona destinada a clientes e a zona de barra destinada ao persoal.

4. O horario límite de peche ao público será ás 1.00 horas, agás a noite do venres ao sábado e do sábado ao domingo, que será ás 1.30 horas.

5. Deberán utilizarse os modelos de cartel correspondentes a este nivel postos á disposición para a súa impresión na páxina web https://coronavirus.sergas.es/Contidos/Hostalaria-segura ou na plataforma de Turespazo (https://turespazo.turismo.gal).

6. En particular, os responsables dos establecementos comprométense a aplicar as regras comúns recollidas no número 2 do presente plan e as seguintes medidas adicionais:

a) Ter elaborado un Plan de continxencia pola COVID-19 que recolla todas as medidas hixiénico-sanitarias que se aplicarán e que sexa coñecido por todo o persoal. Este plan debe estar á disposición da autoridade sanitaria.

b) Asegurar unha distancia de 1,5 metros entre os clientes dunha mesa e da contigua.

c) En canto aos aseos, deberá sinalizarse a súa capacidade e a súa limpeza e desinfección mínima será de tres veces ao día.

d) No que respecta á calidade do aire interior, deberán adoptarse as seguintes medidas

1. Avaliación continua: dispor de dispositivos medidores de CO2 en continuo, con marcación CE e con pantalla visible para os usuarios. Non se deberán superar no interior as 800 ppm de concentración de CO2. Recoméndase o uso de actuadores automáticos, no caso de sistemas de ventilación forzada, para a regulación da achega de aire no caso de superar as 800 ppm.

2. Reforzar a ventilación dos espazos interiores. Recoméndase a ventilación natural de forma permanente (se non é posible, deberán realizarse tarefas de ventilación de forma frecuente). No caso da utilización de sistemas de ventilación forzada, deberá aumentarse a subministración de aire limpo e limitarase ao mínimo indispensable a función de recirculación do aire interior.

3. No caso de ter sistema de ventilación/climatización deberase acreditar a certificación do mantemento periódico e da última revisión por parte de profesional autorizado.

4. Co fin de manter unha boa calidade de aire interior e cumprir cos límites de ppm establecidos no presente plan recoméndase aplicar as medidas da Guía para as boas prácticas de ventilación na hostalaría no contexto da COVID-19. A dita guía atópase dispoñible no seguinte enderezo electrónico:

https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Documents/813/GUIA_VENTILACION_ HOSTALARIA.pdf

e) En materia do persoal traballador, deberán adoptarse as seguintes medidas:

1. Dotación de máscara obrigatoria cirúrxica e cambio cada 4 horas. Dispoñer de máscaras FFP2 e ofertalas ao persoal traballador (cambio cada 8 horas).

2. Asegurar a formación do persoal traballador segundo os contidos marcados pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre medidas hixiénicas e de seguridade na hostalaría no contexto da COVID-19. Poderanse establecer protocolos de colaboración entre as asociacións do sector e a Dirección Xeral de Saúde Pública co fin de coordinar esta formación (formación básica de 4 horas).

3. Deberá contarse con roupa de traballo específica.

4. En particular, como medida específica de impulso da vixilancia da saúde dos traballadores, deberá ofrecerse ao persoal traballador a realización de probas diagnósticas periódicas cada 15 días. A frecuencia será cada 7 días no caso de que o nivel de restrición aplicable ao concello sexa alto ou máximo. A realización destas probas será voluntaria para o persoal traballador, polo que se realizará soamente cando a persoa traballadora preste o seu consentimento de acordo co establecido no artigo 22 da Lei de prevención de riscos laborais. A realización das probas poderá ser efectuada polos servizos de prevención da empresa, con aplicación do establecido polo artigo citado, ou ben polos mecanismos que habilite para o efecto a Consellería de Sanidade.

f) En materia de medidas de protección colectiva, deberán adoptarse as seguintes medidas:

1. Os establecementos deberán contar con hidroxel á disposición dos clientes en cada mesa ou agrupación de mesas.

2. Os establecementos deberán ter itinerarios de circulación diferenciados.

3. Control da máscara obrigatoria para clientes. Dispoñibilidade para dotar de máscara cirúrxica nova os clientes en caso necesario.

g) Os establecementos tamén deberán cumprir coas seguintes medidas complementarias:

1. Deberá dispoñer de mecanismos de pagamento electrónico, como o pagamento con tarxeta, e priorizar este sistema fronte ao emprego de efectivo.

2. Carta dixital, QR, taboleiro.

3. Deberanse empregar manteis dun só uso. Non obstante, poderanse empregar manteis de tea sempre que se cambien entre cliente e cliente tras o seu lavado e desinfección.

4. Produtos monodose: empregaranse formatos dun só uso, en envases individuais, no caso de produtos como vinagre, aceite, salsas e condimentos etcétera.

h) Rexistro de clientes: no caso de comidas e ceas, co obxectivo de facilitar o seguimento de contactos ante casos positivos de COVID-19, deberase dispoñer de mecanismos para o control dos asistentes (ben sexa mediante rexistro manual ou ben dixital por medio de aplicacións móbiles). Deberase contar polo menos coa información dun contacto por mesa que inclúa nome e apelidos, DNI e número de teléfono; a persoa responsable do establecemento terá a obriga de custodialo durante polo menos un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias e cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

i) Deberá fomentar o uso de ferramentas como PassCovid e RadarCovid, a través de carteis ou información dispoñible ao público.

j) Declaración responsable: no momento de obter o cartel sinalizador a través da web correspondente, os titulares dos establecementos deberán realizar unha declaración responsable sobre a veracidade dos datos que se acheguen para a xeración do cartel, así como o compromiso de cumprimento das medidas recollidas neste nivel.

3.3. Nivel de seguridade.

1. Este nivel só será de aplicación cando así o decidan as autoridades sanitarias en situacións extraordinarias pola gravidade da situación epidemiolóxica e a ocupación asistencial.

2. No interior dos establecementos permitirase o 30 % da capacidade máxima en condicións normais. Nas terrazas dos establecementos permitirase o 50 % da capacidade máxima en condicións normais.

3. O horario de peche ao público será ás 23.00 h.

4. Deberán utilizarse os modelos de cartel correspondente a este nivel postos á disposición para a súa impresión na páxina web https://coronavirus.sergas.es/Contidos/Hostalariasegura ou na plataforma de Turespazo (https://turespazo.turismo.gal).

5. Os responsables dos establecementos comprométense a aplicar as regras comúns recollidas no número 2 do presente plan.

En especial, no caso da calidade do aire interior, non se deberán superar no interior as 800 ppm de concentración de CO2.

Co fin de manter unha boa calidade de aire interior recoméndase aplicar as medidas da Guía para as boas prácticas de ventilación na hostalaría no contexto da COVID-19.

6. Declaración responsable: no momento de obter o cartel sinalizador a través da web correspondente, os titulares dos establecementos deberán realizar unha declaración responsable sobre a veracidade dos datos que se acheguen para a xeración do cartel, así como o compromiso de cumprimento das medidas recollidas neste nivel.

4. Verificación de medidas.

O cumprimento das medidas declaradas poderá ser verificado polos distintos mecanismos de control e inspección establecidos polas autoridades competentes.

Para tal efecto, resultará de aplicación o previsto na Orde pola que se aproba este novo Plan de hostalaría segura, así como nas disposicións normativas aplicables en materia de infraccións.

No caso das inspeccións en saúde pública, realizaranse no marco dunha campaña de inspección para a mellora das medidas sanitarias na hostalaría da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Orde do 23 de setembro de 2021.

Artigo modificado:Anexo nova denominación por artigo primeiro apartado un.

Orde do 7 de outubro de 2021.

Artigo modificado:Anexo I apartados 2.2, 2.5, 3.1 e 3.2 nova redacción por artigo sexto apartados un, dous, tres e catro.

Orde do 22 de outubro de 2021.

Artigo modificado:Anexo I apartados 3.1 e 3.2 nova redacción por artigo sexto apartados un, dous, tres, catro, cinco e seis.

ANEXO II

Contidos da formación do persoal da hostalaría e restauración no contexto da COVID-19 e procedementos para a validación da formación

1. Contidos mínimos dos programas de formación.

1.1. Un dos requisitos do novo Plan de hostalaría segura é asegurar a formación do persoal traballador segundo os contidos marcados pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre medidas hixiénicas e de seguridade na hostalaría no contexto da COVID-19.

Establécense dous tipos de formación en función do nivel dos establecementos:

a) Para o nivel 1c (unha cunchiña): a formación será básica (2 horas).

b) Para o nivel 2c (dúas cunchiñas): a formación será avanzada (4 horas).

1.2. Os contidos mínimos para o nivel de formación básico son os seguintes:

a) O novo Plan de hostalaría segura.

– Obxectivos e niveis.

b) Infección por SARS-CoV-2.

– Que é o SARS-CoV-2. Como se transmite.

– Que é a COVID-19 e cales son os síntomas. Consecuencias da infección pola COVID-19.

– Síntomas e actuacións en caso de contaxio. Illamento do caso sospeitoso. Caso e contacto.

c) Principais medidas ante a COVID.

– Uso correcto da máscara. Tipos de máscaras.

– Lavado de mans e outras medidas de hixiene.

– Distancia de seguridade e capacidades neste nivel.

– A importancia da ventilación. Medición de CO2.

d) Medidas específicas na hostalaría.

– Limpeza e desinfección: pautas para a súa realización; produtos autorizados.

– Organización adecuada dos espazos (itinerarios e zonas comúns).

– Medidas complementarias e medidas hixiénicas específicas das actividades (cociña, barra...).

1.3. Os contidos mínimos para o nivel de formación avanzado son os seguintes:

a) O novo Plan de hostalaría segura.

– Obxectivos e niveis.

b) Infección por SARS-CoV-2.

– Que é o SARS-CoV-2. Como se transmite.

– Que é a COVID-19 e cales son os síntomas. Consecuencias da infección pola COVID-19.

– Síntomas e actuacións no caso de contaxio. Illamento do caso sospeitoso. Caso e contacto.

– Control da transmisión:

• Detección precoz de casos.

• Manexo dos contactos estreitos.

• Cribados.

– As probas diagnósticas (PCR/tests de antíxenos) e seroloxías.

c) Principais medidas ante a COVID-19.

– Uso correcto da máscara. Tipos de máscaras.

– Lavado de mans e outras medidas de hixiene.

– Distancia de seguridade e capacidades neste nivel.

– A importancia da ventilación. Medición de CO2.

– Vacinas.

d) Medidas específicas na hostalaría.

– Limpeza e desinfección: pautas para a súa realización; produtos autorizados.

– Organización adecuada dos espazos (itinerarios e zonas comúns).

– Medidas complementarias e medidas hixiénicas específicas das actividades (cociña, barra...).

– Importancia do emprego de materiais dun só uso.

– Información sobre formas e sistemas de pagamento, itinerarios, zonas comúns.

– Rexistro de clientes.

– Pass COVID/Radar COVID.

e) Relacións coa clientela.

– Servizo e orientación ao cliente sobre as normas de hixiene, tanto a nivel individual como colectivo (grupos e familias).

– Transmisión de confianza e seguridade ao cliente sobre os servizos da hostalería.

1.4. Os contidos de cada curso acompañaranse de material didáctico, que debe incluír:

– Manual cos contidos teóricos.

– Outra información de interese: ligazóns e bibliografía.

1.5. Para a superación de cada curso, realizarase unha proba teórica formada, como mínimo, por 20 preguntas, das cales, para aprobar a proba, se debe contestar correctamente un 80 %.

1.6. Tras a superación de cada curso, porase á disposición do alumnado un certificado que conterá o programa da formación.

2. Como acceder á formación requirida.

2.1. Novos cursos organizados pola Administración autonómica.

A Xunta de Galicia no prazo máximo de 10 días, porá á disposición dos profesionais do sector unha plataforma de formación para acceder aos contidos de cada nivel e obter a certificación oportuna de forma gratuíta.

O acceso será a través da páxina web https://www.turismo.gal/galiciadestinoseguro/ formacion-niveis-covid-19.

Alí atoparanse as dúas opcións para acceder aos contidos da formación básica e da formación avanzada. Os contidos poderán visualizarse cantas veces se considere conveniente.

Tras a visualización dos contidos, o alumnado deberá rexistrarse para solicitar o acceso á proba que corresponda. A cada alumno que o solicite, enviaráselle por correo electrónico a ligazón para realizar a proba. Se a proba é superada, remitiráselle o certificado tamén por correo electrónico.

2.2. Novos cursos organizados por outras entidades e servizos de prevención de riscos laborais.

Os cursos para obter a formación básica e avanzada no contexto do novo Plan de hostalaría segura tamén poderán ser impartidos por entidades de formación, asociacións do sector e servizos de prevención de riscos laborais.

Os contidos para cada nivel deben ser, como mínimo, os que se achegan no punto 1.

Dado o carácter sanitario da formación, as titulacións dos docentes deberán ser: licenciaturas ou diplomaturas do ámbito sanitario, licenciatura en Veterinaria, técnicos de Seguridade e Hixiene, técnicos en Prevención de Riscos Laborais.

Ademais, deben exixir asistencia completa (presencial ou virtual) e a superación dunha proba para a obtención do certificado correspondente.

As entidades de formación, as asociacións do sector e os servizos de prevención de riscos laborais que pretendan acreditar esta formación comunicarán á Dirección Xeral de Saúde Pública a seguinte información:

– Nome do curso que se vai impartir.

– Modalidade (presencial e/ou virtual).

– Nivel de formación (básica ou avanzada).

– Programa.

– Duración.

– Docentes e titulación.

Tras a revisión da información achegada, a Dirección Xeral de Saúde Pública validará o curso ou comunicará, se é o caso, os requisitos que deban cumprirse para a indicada validación. Entenderanse validados se non se recibe a indicada comunicación nun prazo de quince días. Os cursos validados publicaranse na páxina web https://coronavirus.sergas.es/ Contidos/Hostalaria-segura.

2.3. Validez dos cursos xa realizados.

Os cursos xa realizados con anterioridade á data da eficacia do presente anexo daranse por válidos como formación básica, cando o seu contido coincida co recollido no punto 1.2 (cando menos nun 80 %), a duración sexa igual ou maior a 2 horas e se entregase o correspondente certificado acreditativo co programa. Estes requisitos poderán ser comprobados polas autoridades competentes no caso de inspección do establecemento.».

Orde do 23 de setembro de 2021.

Artigo engadido:Anexo II engadido por artigo primeiro apartado dous.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia