lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 204 Bis 22/10/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 13 de novembro de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde de 29 de setembro 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, modificada pola Orde de 21 de outubro de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde de 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que «as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional ata que o Goberno declare de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de coordinación de alertas e emerxencias sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior».

De acordo coa lexislación estatal, continúa, polo tanto, existindo unha situación de crise sanitaria. Isto determina, por exemplo, que siga sendo de aplicación o deber de cautela e protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que «todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos, conforme o que se establece nesta lei». O dito deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei.

Deste modo, seguen sendo de aplicación as previsións desta lei sobre uso obrigatorio de máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia de seguridade interpersoal mínima.

En particular, debe terse en conta que seguirán sendo de aplicación os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria. A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública a nivel estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na dita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española, que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. O dito marco normativo débese completar, atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade de intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente das mans; distancia interpersoal mínima; uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan pronto como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

II

Sentado o anterior, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

De acordo co exposto, a persoa titular da Consellería de Sanidade, como autoridade sanitaria, debe continuar establecendo as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía e, en particular, adoptar as medidas previstas no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que sexan necesarias atendendo á evolución da pandemia.

Neste sentido, as medidas específicas contidas na presente orde seguen a consistir, en moitos casos, na fixación de capacidades máximas e determinación de regras que se deben observar para o desenvolvemento das distintas actividades recollidas no seu anexo, xa que as evidencias científicas apoian as políticas de control de limitación e capacidades e a súa eficacia fronte a outras políticas sen esta limitación, pero con redución xeneralizada da mobilidade. Todo isto ampara a efectividade e a eficiencia das medidas de control focalizadas nos sectores de maior risco. A isto únese que a maior parte dos gromos se producen nun contexto social, como consecuencia de exposicións prolongadas ás secrecións respiratorias que se emiten en forma de aerosois que conteñen o virus. Nesta liña hai estudos que proban que, dentro das intervencións non farmacolóxicas, as relacionadas coa diminución dos contactos sociais no interior de establecementos teñen a capacidade de ralentizar a velocidade de transmisión.

A Sentenza do Tribunal Supremo nº 719/2021, do 24 de maio, estableceu que as medidas limitativas de dereitos fundamentais non producen efectos nin son aplicables mentres non sexan ratificadas xudicialmente e aclarou que unicamente serán obxecto de ratificación as medidas que non están xa previstas, sexa pola lexislación sanitaria, sexa pola de policía administrativa ou pola correspondente a outras materias. É o caso, entre outras, das disposicións relativas a horarios e capacidades en establecementos públicos, ás actividades educativas, das que miran por preservar os espazos públicos e por impedir que neles se consuma alcohol, das que teñen por obxecto evitar a contaminación acústica ou doutra natureza e, en xeral, das dirixidas a manter a convivencia.

En vista do pronunciamento do Tribunal Supremo, e para os efectos dunha mellor operatividade na tramitación das medidas, seguirase a optar por distinguir entre aquelas que precisaban da correspondente autorización xudicial previa e aquelas que non, diferenciando dous tipos de ordes.

Neste sentido, a presente orde substitúe, no que respecta ás medidas de prevención específicas non limitativas de dereitos fundamentais, a Orde do 7 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifican a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde tamén se adapta, ademais, á realidade da evolución epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma, que neste momento é moi favorable.

A significativa mellora que presenta a situación epidemiolóxica en Galicia determina que se establezan, de forma progresiva, medidas de desescalada, cambiando o modelo que se veu aplicando ata este momento e ampliando, con carácter xeral, as capacidades máximas establecidas nos termos que a continuación se exporán.

As medidas contidas nesta orde resultan adecuadas e eficaces de acordo cos datos sobre a evolución da situación epidemiolóxica e, polo tanto, útiles para conseguir o fin proposto de protección da saúde pública, na espera de que a campaña de vacinación acade os resultados que se perseguen.

Tamén resultan necesarias, adecuadas e proporcionadas para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade.

Finalmente, debe indicarse que, en cumprimento do disposto no artigo 38.ter.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as medidas recollidas nesta orde terán unha duración determinada. Ademais, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

III

De conformidade co exposto, a adopción das medidas contidas nesta orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma. Así, do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 20 de outubro de 2021, destácanse os seguintes datos:

Segundo os datos reflectidos, o informe sinala que a taxa de incidencia segue a diminuír. A tendencia segue a amosar un descenso, desde o seu inicio o día 21 de xullo, con tres tramos de diferente intensidade de descenso, e está desde o 28 de setembro, día en que se detectou o terceiro cambio, cunha porcentaxe de cambio diaria do -1,8 %.

A taxa de incidencia a 7 días, no global de Galicia, está nos 7,29 casos por 100.000 habitantes, cunha razón de taxas a 7 días de 1,08 e unha porcentaxe de positividade do 0,72. Por áreas sanitarias, a de Santiago é a que presenta a incidencia acumulada a 7 días máis elevada, con 10,3 casos por 100.000 habitantes.

Por grupos de idade, a incidencia a 7 días, nos de 65 e máis anos, é de 5,09 casos por 100.000 habitantes. Neste grupo de idade, a razón de taxas a 7 días é de 0,42 e a porcentaxe de positividade é do 0,66 %.

En canto á hospitalización, a taxa de ingresos por 100.000 habitantes a 7 días, en unidades de agudos e críticos, respectivamente, é de 0,52 e de 0,11. A porcentaxe de ingresos en unidade de agudos dos casos dos últimos 7 días é do 4,8 % e nas unidade de críticos do 0,6 %. A taxa de ingresos por 100.000 habitantes nos últimos 7 días, no grupo de 65 e máis anos de idade, é de 1,45 ingresos por 100.000 habitantes en agudos, e de 0,29 ingresos por 100.000 habitantes nas unidades de críticos. A porcentaxe de ingresos nas unidades de críticos neste grupo de idade é do 3,2 % para os últimos 7 días.

En canto á porcentaxe dos casos orfos (complementario dos casos con vínculo epidemiolóxico) é do 18,4 %. No que atinxe aos gromos con, polo menos, casos terciarios, estes supoñen o 22,8 % do total de gromos. Non obstante, dado o pequeno número de gromos, estas porcentaxes o informe sinala que hai que tomalas con cautela.

Así mesmo, o informe engade que, desde a posta en marcha da vixilancia da prevalencia das variantes en Galicia, baseada na aplicación dunhas PCR específicas sobre unha mostra aleatoria das mostras positivas para SARS-CoV-2 por PCR da semana previa, identificadas nos servizos de microbioloxía dos hospitais CHUAC, CHUS, CHUVI, CHUO, HULA e Vithas (Vigo), na semana epidemiolóxica 40/2021 (do 4 ao 10 de outubro) a porcentaxe de positividade para a variante Delta foi do 99,2 % (IC95 %: 95,6-100 %).

Durante a semana 40 non se notificaron mostras con perfil compatible con outras variantes que non fosen a Delta. Ata a semana 40, esta incluída, das variantes de preocupación (VOC) identificáronse: 1.217 casos da variante Delta con secuenciación completa, 967 casos da variante Alfa con secuenciación completa, da variante Beta (B.1.351), 44 por secuenciación completa, da variante Gamma (P1), 87 casos por secuenciación completa, da variante Alfa coa mutación E484K, 5 casos por secuenciación completa. Ademais das VOC, tense constancia de 3 mostras coa variante Eta (B.1.525); 9 mostras coa variante Iota (B.1.526); 24 mostras coa variante Lambda (C.37) e 55 mostras con variante Mu (B.1.621). O informe destaca que a variante Delta segue a ser a predominante.

Por último, o informe conclúe que se poden esperar incrementos da incidencia en determinadas áreas, que poderán ir variando co tempo de área a área e que convén estar atentos ante cambios que poidan afectar máis áreas sanitarias nun mesmo momento.

Por outra banda, actualmente, o avance da campaña de vacinación masiva está a conseguir protexer a poboación e retomar actividades económicas e sociais ata o de agora limitadas para evitar un maior número de contaxios. Non obstante, é necesario seguir adoptando medidas preventivas e de control que permitan garantir as máximas condicións de seguridade e reducir o risco de contaxio e propagación da COVID-19, xa que aumentos na incidencia repercuten no aumento da probabilidade de contaxio de persoas vulnerables, a pesar da vacina. Estas medidas deben ser adecuadas e eficaces de acordo coa evolución da situación epidemiolóxica e de capacidade do sistema asistencial.

Tendo en conta o expresado en relación con que existe unha porcentaxe moi elevada de poboación vacinada, o cal permitiu unha redución importante de hospitalizacións e falecementos, foi necesario actualizar os indicadores de risco establecidos antes do inicio da campaña de vacinación. Deste xeito, a partir da adopción destes novos criterios, as medidas de prevención e control pretenden adaptarse ao novo escenario, onde prevalecen os casos entre a poboación máis nova e na cal unha porcentaxe maioritaria non ten consecuencias clínicas importantes.

Debe destacarse, ao fío do anterior, que Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, cunha porcentaxe de persoas de 65 e máis anos (ano 2020) do 25,4 % fronte ao 19,6 % do conxunto de España.

Porén, tamén hai que ter en consideración que, aínda que esta cobertura se obteña en determinados grupos, a distribución poboacional pode ser desigual, se se ten en conta toda a poboación e non os grupos de idade prioritarios que se están a vacinar en primeiro lugar. Tampouco se pode esquecer que, mentres non se consiga conter a pandemia no mundo, con países con alta circulación do virus, poden aparecer novas variantes, que poden ter a capacidade de escapar á inmunidade proporcionada polas vacinas actuais. Ademais, a circulación da variante Delta pode facer que haxa escape á inmunidade naquelas persoas que non estean completamente vacinadas e certo escape nas completamente vacinadas, sen esquecer que esta variante se considera que é un 40-60 % máis transmisible que a variante Alfa.

Non obstante, as medidas aplicaranse con criterios epidemiolóxicos, pero tamén de proporcionalidade, e estarán en vigor só durante o tempo preciso para asegurar que a evolución desta situación epidemiolóxica é boa e que se está a cortar a transmisión, que é o obxectivo destas medidas.

Sentado o anterior, procede acometer unha revisión tanto das medidas xerais como por sectores de actividade, coa finalidade de que a súa aplicación sexa proporcionada e se corresponda coa situación epidemiolóxica actual que vimos de describir.

Así, amplíanse, con carácter xeral, as capacidades máximas permitidas no desenvolvemento de distintas actividades, chegando ao 100 % a capacidade máxima establecida con carácter xeral, sen prexuízo das especialidades concretas previstas no anexo.

En particular, modificase tamén a regulación aplicable aos establecementos de hostalaría e restauración recollida na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia incrementando as capacidades máximas permitidas nos establecementos ata o 100 % e ampliando os seus horarios na fin de semana.

Así mesmo, nesta orde prorrógase a eficacia ata as 00.00 horas do día 13 de novembro de 2021, da Orde do 29 de setembro 2021, pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción modificada pola Orde do 21 de outubro de 2021. Esta orde do 21 de outubro publícase conxuntamente coa presente orde, unha vez obtida a autorización xudicial das medidas que afectan os dereitos fundamentais contidas nela, por Auto 113/2021, do 22 de outubro de 2021, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

E, finalmente, derrógase a Orde do 30 de xuño de 2020 pola que se restablece a actividade dos centros de lecer infantil e se aproba o Protocolo en materia de lecer infantil para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 para os efectos de adaptar as medidas á situación epidemiolóxica actual.

IV

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, e en aplicación do punto quinto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

1. Constitúe o obxecto desta orde establecer medidas de prevención específicas, atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As medidas contidas nesta orde son complementarias das que, de ser o caso, se estipulen nas correspondentes ordes polas que se establezan medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia que precisen para a súa eficacia da autorización xudicial e por plans específicos de seguridade, protocolos organizativos e guías adaptados a cada sector de actividade, que se encontren vixentes en cada momento.

Segundo. Alcance

Serán de aplicación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia as medidas de prevención específicas recollidas no anexo.

Terceiro. Medidas de prevención en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios

1. De acordo co establecido no artigo 38.1.k) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, as persoas desprazadas a Galicia deberán cumprir o establecido na Orde do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, en relación coa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia de persoas procedentes doutros territorios.

Por conseguinte, as persoas que cheguen á Comunidade Autónoma de Galicia despois de teren estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á dita chegada, en territorios cunha alta incidencia da COVID-19 en comparación coa existente na Comunidade Autónoma, deberán comunicar, no prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada á Comunidade Autónoma de Galicia, os datos de contacto e de estadía na Comunidade Autónoma de Galicia na forma establecida na orde.

Mediante a resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública determinaranse os territorios a que se refire o parágrafo anterior. A dita resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Servizo Galego de Saúde, e deberá ser obxecto de actualización, como mínimo, cada 15 días naturais.

2. Os datos subministrados serán empregados polas autoridades sanitarias autonómicas exclusivamente para contactar coas ditas persoas para o cumprimento de finalidades de saúde pública, para os efectos de facilitarlles a información e as recomendacións sanitarias que procedan, así como, de ser o caso, en atención ás concretas circunstancias concorrentes, para a adopción das medidas sanitarias que resulten necesarias, sempre de acordo coa lexislación aplicable e buscando, de maneira preferente, a colaboración voluntaria da persoa afectada coas autoridades sanitarias.

3. As persoas desprazadas a Galicia, unha vez que estean no lugar a que se despracen, deberán cumprir as limitacións de entrada e saída previstas, se é o caso, nesta orde, ademais do resto das medidas aplicables.

Cuarto. Control do cumprimento das medidas e réxime sancionador

1. A vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención que se recollen nesta orde e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios da cidadanía corresponderán aos respectivos concellos dentro das súas competencias e sen prexuízo das competencias da Consellería de Sanidade, tendo en conta a condición de autoridade sanitaria dos alcaldes e alcaldesas, de acordo co artigo 33.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e as competencias dos concellos de control sanitario de actividades e servizos que impacten na saúde da súa cidadanía e dos lugares de convivencia humana, de acordo co artigo 80.3 do mesmo texto legal, así como da súa competencia para a ordenación e control do dominio público.

2. Así mesmo, os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do cumprimento das medidas de prevención aplicables.

3. As forzas e corpos de seguridade darán traslado ás autoridades competentes das denuncias que formulen polo incumprimento das medidas de prevención.

Quinto. Teletraballo

1. Tendo en conta a evolución da situación epidemiolóxica, será aplicable o réxime ordinario de teletraballo previsto no Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 3 de decembro de 2020, publicado pola Orde do 14 decembro de 2020, da Consellería de Facenda e Administración Pública.

2. Sen prexuízo do indicado, no caso de que o persoal da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia incluído dentro do ámbito de aplicación do indicado acordo tivese autorizado o teletraballo polo réxime especial e tivese solicitado o teletraballo ordinario con anterioridade ás 00.00 horas do día 26 de xuño, e aínda non o tivese concedido, entenderase prorrogada a eficacia das resolucións de teletraballo ditadas polas distintas consellerías e entidades do sector público autonómico por razón da situación sanitaria derivada da COVID-19, ata a resolución do procedemento de autorización. Durante esta prórroga serán de aplicación no teletraballo as condicións recollidas no réxime especial establecido no artigo 12 do Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

A prórroga establecida no parágrafo anterior non será aplicable cando os postos de traballo non sexan susceptibles de seren desempeñados en réxime de teletraballo, de acordo co previsto no número 2 do artigo 3 do acordo, e sen prexuízo das excepcións establecidas nese artigo.

Sexto. Modificación do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modifícase o número 2 do punto 3.1 (nivel 1 c/unha cunchiña) do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021, que queda redactado como segue:

«2. Tanto no interior coma nas terrazas dos establecementos permitirase o 100 % da capacidade máxima permitida».

Dous. Modifícase o número 3 do punto 3.1 (nivel 1 número c/unha cunchiña) do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021, que queda redactado como segue:

«3. O horario límite de peche ao público será ás 1.00 horas, agás a noite do venres ao sábado e do sábado ao domingo, que será ás 1.30 horas».

Tres. Engádese un número 6 ao punto 3.1 (nivel 1 c/unha cunchiña) do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021, coa seguinte redacción:

«6. Permitirase o consumo en barra. Recoméndase que os clientes na barra manteñan a máscara correctamente colocada nos momentos en que non se poida garantir a distancia interpersoal co persoal traballador. Na barra non se poderán compatibilizar distintos usos, polo que haberá que diferenciar a zona destinada a clientes e a zona de barra destinada ao persoal».

Catro. Modifícase o número 2 do punto 3.2 (nivel 2 c/dúas cunchiñas) do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021, que queda redactado como segue:

«2. Tanto no interior coma nas terrazas dos establecementos permitirase o 100 % da capacidade máxima permitida».

Cinco. Modifícase o número 3 do punto 3.2 (nivel 2 c/dúas cunchiñas) do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021, que queda redactado como segue:

«6. Permitirase o consumo en barra. Recoméndase que os clientes na barra manteñan a máscara correctamente colocada nos momentos en que non se poida garantir a distancia interpersoal co persoal traballador. Na barra non se poderán compatibilizar distintos usos, polo que haberá que diferenciar a zona destinada a clientes e a zona de barra destinada ao persoal».

Seis. Modifícase o número 4 do punto 3.2 (nivel 2 c/dúas cunchiñas) do anexo I da Orde do 14 de setembro de 2021, que queda redactado como segue:

«4. O horario límite de peche ao público será ás 1.00 horas, agás a noite do venres ao sábado e do sábado ao domingo, que será ás 1.30 horas».

Sétimo. Prórroga da Orde de 29 de setembro 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 13 de novembro de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde de 29 de setembro 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, modificada pola Orde de 21 de outubro de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde de 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

Oitavo. Derrogación da Orde do 7 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifican a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia

Derrógase a Orde do 7 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifican a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

Noveno. Derrogación da Orde do 30 de xuño de 2020 pola que se restablece a actividade dos centros de lecer infantil e se aproba o Protocolo en materia de lecer infantil para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19

Derrógase a Orde do 30 de xuño de 2020 pola que se restablece a actividade dos centros de lecer infantil e se aproba o Protocolo en materia de lecer infantil para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Décimo. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 23 de outubro ata as 00.00 horas do día 27 de novembro de 2021.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Medidas de prevención específicas aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia Serán de aplicación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia as medidas de prevención específicas recollidas neste anexo.

1. Obrigas xerais.

1.1. Obrigas de cautela e protección.

Todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade da COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos. Este deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade.

Así mesmo, deberán respectarse as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da COVID-19.

1.2. Persoas con sintomatoloxía.

Calquera persoa que experimente algún dos síntomas máis comúns compatibles coa COVID-19, tales como febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos, deberá permanecer no seu domicilio e comunicalo ao seu servizo sanitario o antes posible.

Igualmente, se existen conviventes no domicilio, deberá evitar o contacto con eles e, se é posible, usar un cuarto de forma exclusiva ata recibir instrucións do seu servizo sanitario.

1.3. Distancia de seguridade interpersoal.

Na organización das distintas actividades deberán adoptarse as medidas necesarias para garantir a distancia interpersoal mínima de 1,5 metros, establecida pola Lei 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, entre grupos de persoas non conviventes.

Cando, polas condicións de desenvolvemento da actividade e capacidade máxima autorizadas en cada caso de acordo coas medidas de prevención previstas neste anexo, non sexa posible manter a dita distancia de seguridade, non se permitirá o consumo de alimentos e bebidas, deberá usarse máscara en todo momento, garantir unha adecuada ventilación e o cumprimento das medidas de prevención e hixiene aplicables, de acordo co establecido neste anexo, sen prexuízo de que se deba procurar manter a máxima separación posible entre os diferentes grupos de persoas non conviventes, así como o debido control para evitar as aglomeracións.

1.4. Obrigatoriedade do uso de máscaras.

Será obrigatorio o uso da máscara nas seguintes condicións:

a) Regras xerais.

Para as persoas de seis ou máis anos, será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, nos seguintes supostos:

1º) Cando estean en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.

2º) Cando estean na vía pública e en espazos ao aire libre e, en ambos os casos, pola aglomeración de persoas non resulte posible manter a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros entre persoas non conviventes.

Para os efectos do indicado no parágrafo anterior, entenderase que non é posible garantir o mantemento dunha distancia de seguridade interpersoal de, polo menos, 1,5 metros e, polo tanto, será obrigatorio o uso da máscara sempre que se transite ou se estea en movemento pola vía pública e en espazos ao aire libre e, pola concorrencia doutras persoas, non se poida garantir, atendendo ao número de persoas e ás dimensións do lugar, o mantemento da distancia de seguridade.

3º) Nos medios de transporte aéreo, marítimo, en autobús e por ferrocarril, incluídas as estacións de viaxeiros e as súas plataformas, así como nos transportes públicos e privados complementarios de viaxeiros en vehículos de ata 9 prazas, incluído o condutor.

4º) Nos eventos multitudinarios ao aire libre, cando os asistentes estean de pé ou, se están sentados, cando non se poida manter 1,5 metros de distancia entre persoas non conviventes.

b) Regras específicas.

1ª) Na realización de adestramentos e na celebración de competicións dentro da actividade deportiva federada de competencia autonómica aplicarase, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no protocolo das federacións deportivas respectivas.

2ª) Nos centros docentes observarase, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no correspondente protocolo.

3ª) Co obxecto de evitar a propagación de contaxios e asegurar o mantemento dos servizos, na prestación de asistencia ou axuda no fogar a persoas dependentes será obrigatorio o uso de máscara tanto por parte do persoal prestador do servizo como por parte das persoas dependentes e daquelas que se encontren no seu domicilio. A dita obriga non será exixible cando se trate de persoas dependentes que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

4ª) Nas actividades no ámbito laboral desenvolvidas en espazos comúns ou de uso colectivo ou en calquera outra dependencia en que estean varios traballadores/as ou traballadores/ as e/ou clientes será obrigatorio o uso da máscara.

5ª) Non será exixible o uso de máscara naqueles lugares ou espazos pechados de uso público que formen parte do lugar de residencia dos colectivos que alí se reúnan, como son as institucións para a atención de persoas maiores ou con diversidade funcional, as dependencias destinadas a residencia colectiva de traballadores esenciais ou outros colectivos que reúnan características similares, sempre e cando os ditos colectivos e os traballadores que alí exerzan as súas funcións teñan coberturas de vacinación contra o SARS-CoV-2 superiores ao 80 % con pauta completa, acreditado pola autoridade sanitaria competente.

Esta última excepción non será de aplicación aos visitantes externos nin aos traballadores dos centros residenciais de persoas maiores ou con diversidade funcional.

c) Condicións de uso da máscara.

Deberá darse un uso axeitado á máscara, é dicir, esta deberá cubrir desde parte do tabique nasal ata o queixo, incluído.

Ademais, a máscara que se debe empregar non deberá estar provista de válvula exhalatoria, agás nos usos profesionais para os cales este tipo de máscara poida estar recomendada.

d) Excepcións á obriga de uso da máscara.

A obriga de uso de máscara non será exixible nos seguintes supostos:

1º) Cando se trate de persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

2º) Nos vehículos de turismo, cando todas as persoas ocupantes convivan no mesmo domicilio.

3º) No mar, praias e piscinas, no exterior ou cubertas, lagos, encoros, ríos ou noutras zonas de baño, durante o baño, e mentres se permaneza nun espazo determinado, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes.

En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias e piscinas, lagos e demais contornos acuáticos, así como para o uso de vestiarios de piscinas públicas ou comunitarias, salvo nas duchas, cando non se poida manter a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros entre persoas non conviventes.

Para os efectos do indicado no parágrafo anterior, entenderase que non é posible garantir o mantemento dunha distancia de seguridade interpersoal de, polo menos, 1,5 metros e, polo tanto, será obrigatorio o uso da máscara sempre que se transite ou se estea en movemento polos espazos indicados e, pola concorrencia doutras persoas, non se poida garantir, atendendo ao número de persoas e ás dimensións do lugar, o mantemento da distancia de seguridade.

Entenderase por actividades incompatibles co uso da máscara as actividades de socorrismo ou rescate cando requiran acceder ao medio acuático.

4º) Nos establecementos de hostalaría e restauración, por parte dos clientes do establecemento exclusivamente nos momentos estritamente necesarios de comer ou beber.

5º) No interior dos cuartos de establecementos de aloxamento turístico e outros espazos similares, cando unicamente se encontren neles persoas que se aloxen no cuarto.

6º) Nos buques e embarcacións de transporte de competencia autonómica, no interior dos camarotes, cando unicamente se encontren neles persoas que se aloxen no camarote.

7º) No caso do exercicio de deporte individual en espazos ao aire libre e na vía pública, exclusivamente durante a realización da práctica deportiva, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, se poida garantir o mantemento da distancia de 1,5 metros con outras persoas ou deportistas non conviventes.

Seralles de aplicación o establecido no parágrafo anterior ás actividades que supoñan un esforzo físico de carácter non deportivo equiparable a este, ao aire libre e de forma individual.

8º) En supostos de forza maior ou situación de necesidade ou cando, pola propia natureza das actividades, o uso da máscara resulte incompatible, conforme as indicacións das autoridades sanitarias.

9º) No caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos, ou alimentos e bebidas, na vía pública ou en espazos ao aire libre, só se poderá exceptuar o uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que a persoa o efectúe parada e fóra dos lugares habituais de circulación dos viandantes, de tal xeito que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, se poida garantir o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas. O anterior será aplicable tamén para o uso de calquera dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas e asimilados.

10º) Na práctica de deporte no medio acuático, sexa este natural ou artificial.

e) Recomendacións sobre reunións de grupos de persoas en espazos privados.

Nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, recoméndase o uso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de ventilación e hixiene.

1.5. Medidas específicas para casos e contactos estreitos.

As persoas que sexan consideradas caso sospeitoso ou probable de infección polo virus SARS-CoV-2, por teren infección respiratoria aguda grave con cadro clínico ou radiolóxico compatible coa COVID-19, ou que estean pendentes dos resultados de probas diagnósticas por este motivo, as que sexan consideradas como caso confirmado con infección activa e as consideradas contacto estreito dun caso sospeitoso, probable ou confirmado deberán seguir as condicións de illamento ou corentena que lles sexan indicadas desde os dispositivos asistenciais ou de saúde pública, sen poder abandonar o seu domicilio ou lugar de illamento ou corentena en ningún caso, salvo autorización expresa do servizo sanitario por causas debidamente xustificadas.

1.6. Obrigatoriedade de levar máscara.

Para os efectos de posibilitar o uso da máscara sempre que sexa necesario de acordo co establecido nas regras previstas neste anexo, as persoas maiores de 6 anos obrigadas ao uso da máscara deberán levala sempre que saian á vía pública e en espazos ao aire libre.

2. Medidas xerais de hixiene e prevención.

Sen prexuízo das normas ou protocolos específicos que se establezan, serán aplicables a todos os establecementos, locais de negocio, instalacións e espazos de uso público e actividades de carácter público as medidas xerais de hixiene e prevención establecidas na presente orde.

Malia a boa evolución na fase de control da pandemia, todas as persoas deberán continuar adoptando as medidas necesarias para evitar a propagación da COVID-19, así como para protexerse ante o risco de infección. Para tal efecto, seguiranse os acordos, disposicións, protocolos e recomendacións establecidos polas autoridades sanitarias, co obxecto de garantir que os contornos de convivencia e as condicións nas diferentes actividades da vida cotiá sexan o máis saudables posible para poder facilitar estas medidas de prevención e protección.

Este deber de cautela será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade, principalmente a aquelas institucións ou empresas onde se desenvolvan actividades en espazos interiores.

3. Limitacións de capacidade e medidas de prevención específicas por sectores.

3.1. Medidas en materia de control de capacidade.

1. Os establecementos, instalacións e locais deberán expor ao público a capacidade máxima e asegurar que a dita capacidade e a distancia de seguridade interpersoal se respecta no seu interior, polo que se deberán establecer procedementos que permitan o reconto e control da capacidade, de forma que esta non sexa superada en ningún momento.

No caso do sector da hostalaría e restauración, aplicarase tamén o que establece a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, nomeadamente no relativo á distribución de espazos, ocupacións, mobiliario e outros elementos de seguridade.

No caso do sector do lecer nocturno, aplicarase tamén o que establece a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A organización da circulación de persoas e a distribución de espazos deberá procurar a posibilidade de manter a distancia de seguridade interpersoal. Na medida do posible, estableceranse itinerarios para dirixir a circulación de clientes e usuarios e evitar aglomeracións en determinadas zonas, tanto no interior como no exterior, e previr o contacto entre eles. Cando se dispoña de dúas ou máis portas, procurarase establecer un uso diferenciado para a entrada e a saída, co obxecto de reducir o risco de formación de aglomeracións.

3. Cando se dispoña de aparcadoiros propios para traballadores e usuarios, establecerase un control de accesos para mellor seguimento das normas de capacidade. Na medida do posible, as portas que se encontren no percorrido entre o aparcadoiro e o acceso á tenda ou aos vestiarios dos traballadores disporán de sistemas automáticos de apertura ou permanecerán abertas para evitar a manipulación dos mecanismos de apertura.

4. De ser o caso, o persoal de seguridade velará por que se respecte a distancia interpersoal de seguridade e evitará a formación de grupos numerosos e aglomeracións, prestando especial atención ás zonas de escaleiras mecánicas, ascensores, zonas comúns de paso e zonas recreativas.

5. En caso necesario, poderanse utilizar valos ou sistemas de sinalización equivalentes para un mellor control dos accesos e xestión das persoas para os efectos de evitar calquera aglomeración.

6. En calquera caso, a sinalización de percorridos obrigatorios e independentes ou outras medidas que se establezan realizaranse tendo en conta o cumprimento das condicións de evacuación exixibles na normativa aplicable.

3.2. Control de capacidade en centros e parques comerciais e grandes superficies.

Os centros e parques comerciais, así como os establecementos que teñan a consideración de grandes superficies, deberán dispor de sistemas ou dispositivos que permitan coñecer, en todo momento, o número de persoas usuarias existente no seu interior, así como o control da capacidade máxima permitida nas citadas instalacións.

O cumprimento da citada obriga será responsabilidade das persoas, físicas ou xurídicas, titulares das citadas instalacións ou das que teñan atribuída a súa xestión.

3.3. Velorios e enterros.

1. Os velorios poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, debidamente habilitadas.

2. Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións, de acordo co establecido no punto 1.3. O uso de máscara será obrigatorio nos termos previstos no punto 1.4.

3. Nas zonas comúns de paso evitaranse as aglomeracións de persoas.

4. Os servizos de hostalaría existentes nos establecementos funerarios rexeranse polo disposto no punto 3.22.

3.4. Lugares de culto.

1. Na Comunidade Autónoma de Galicia, a asistencia a lugares de culto poderá ser ata o cen por cento da súa capacidade.

Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións, de acordo co establecido no punto 1.3.

2. Deberán establecerse medidas para ordenar e controlar as entradas e saídas aos lugares de culto para evitar aglomeracións e situacións que non permitan cumprir coa distancia de seguridade.

3. As limitacións previstas nos números anteriores non poderán afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa.

4. Nas actuacións e nas actividades de ensaio que impliquen a participación de coros e agrupacións vocais de canto deberá asegurarse que se respecte en todo momento a distancia de seguridade interpersoal entre os integrantes do coro ou da agrupación e, polo menos, de 3 metros entre estes e o público. Será obrigatorio, en calquera caso, o uso de máscara durante toda a actuación e nas actividades de ensaio.

5. Sen prexuízo das recomendacións de cada confesión en que se teñan en conta as súas particularidades, na celebración dos actos de culto deberanse observar as seguintes medidas de hixiene e prevención:

a) Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre os participantes entre si e co público asistente, e o uso de máscara será obrigatorio consonte o disposto no punto 1.4.

b) Diariamente, deberanse realizar tarefas de desinfección dos espazos utilizados ou que se vaian utilizar e, de xeito regular, reiterarase a desinfección dos obxectos que se tocan con maior frecuencia.

c) Organizaranse as entradas e saídas para evitar aglomeracións de persoas nos accesos e inmediacións dos lugares de culto.

d) Poranse á disposición do público dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida, debidamente autorizados e rexistrados en lugares accesibles e visibles e, en todo caso, na entrada do lugar de culto, que deberán estar sempre en condicións de uso.

e) Facilitarase no interior dos lugares de culto a distribución dos asistentes sinalizando, se for necesario, os asentos ou zonas utilizables en función da capacidade permitida en cada momento.

f) Nos casos en que os asistentes se sitúen directamente no chan e se descalcen antes de entrar no lugar de culto, usaranse alfombras persoais e situarase o calzado nos lugares estipulados, embolsado e separado.

g) Limitarase ao menor tempo posible a duración dos encontros ou celebracións.

h) Durante o desenvolvemento das reunións ou celebracións evitarase o contacto persoal, tocar ou bicar obxectos de devoción ou outros obxectos que habitualmente se manexen.

6. A utilización do exterior dos edificios ou da vía pública para a celebración de actos de culto con acompañamento de público deberá desenvolverse nas condicións que determine a autoridade municipal, á cal lle corresponde a súa autorización. Nestes casos, con carácter previo á celebración, delimitarase o espazo ou itinerario. Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre os participantes entre si e co público asistente, e o uso de máscara será obrigatorio para os participantes e para o público asistente.

3.5. Cerimonias nupciais e outras celebracións relixiosas ou civís.

1. As cerimonias nupciais e demais celebracións relixiosas ou civís deberán respectar as regras de capacidade e as medidas de hixiene e prevención que sexan de aplicación ao lugar onde se desenvolvan.

2. As celebracións que poidan ter lugar tras a cerimonia en establecementos de hostalaría e restauración axustaranse ás condicións e á capacidade previstas para a prestación do servizo nestes establecementos.

3. Permítese a realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé, debendo respectar no momento de retirada da máscara para o consumo a distancia interpersoal de seguridade entre persoas non conviventes.

3.6. Establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais.

1. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros ou parques comerciais poderán desenvolver a actividade co 100 % da súa capacidade total autorizada.

Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nos locais e establecementos, de acordo co establecido no punto 1.3. O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal.

2. O horario de peche dos ditos establecementos e locais será o que teñan fixado de acordo coa normativa.

3. Recoméndase prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal se poderá concretar en medidas como o control de accesos ou caixas de pagamento específicas, e/ou en horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención. A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible neses establecementos e locais.

4. Os establecementos que teñan consideración de gran superficie, entendendo por tales os que teñan máis de 2.500 metros cadrados de superficie, deberán dispor de sistemas ou dispositivos que permitan coñecer, en todo momento, o número de persoas usuarias existente no seu interior, así como o control da capacidade máxima permitida nas citadas instalacións.

O cumprimento da citada obriga será responsabilidade das persoas, físicas ou xurídicas, titulares das citadas instalacións.

3.7. Establecementos que teñan a condición de centros e parques comerciais ou que formen parte deles.

1. Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público situados en centros e parques comerciais poderán desenvolver a súa actividade co 100 % da súa capacidade total autorizada.

Prestarase especial atención aos sistemas de ventilación, de xeito que se garanta unha circulación e renovación adecuada do aire interior.

Para estes efectos, entenderanse por centros e parques comerciais os establecementos comerciais de carácter colectivo definidos no número 2 do artigo 23 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

2. Os establecementos de hostalaría e restauración situados no interior dos centros e parques comerciais aplicarán os requisitos e capacidades máximas previstas na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O horario de peche dos centros e parques comerciais será o que teñan fixado de acordo coa normativa vixente.

4. Deberanse establecer as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no interior dos locais e establecementos e nas zonas comúns, de acordo co establecido no punto 1.3. O uso de máscara será obrigatorio en todo momento, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.4 deste anexo. Ademais, deberán evitarse as aglomeracións de persoas que comprometan o cumprimento destas medidas.

5. Os centros e parques comerciais deberán dispor de sistemas ou dispositivos que permitan coñecer, en todo momento, o número de persoas usuarias existente no seu interior, así como o control da capacidade máxima permitida nas citadas instalacións.

O cumprimento da citada obriga será responsabilidade das persoas, físicas ou xurídicas, titulares das citadas instalacións ou das que teñan atribuída a súa xestión.

6. Recoméndase prestar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos, o cal se poderá concretar en medidas como o control de accesos ou caixas de pagamento específicas, e/ou en horarios determinados que aseguren a dita preferencia na atención.A existencia do servizo de atención preferente deberá sinalarse de forma visible neses establecementos e locais.

3.8. Mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública.

1. No caso dos mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública ao aire libre ou de venda non sedentaria, coñecidos como feiras, poderán dispor do 100 % dos postos habituais ou autorizados.

En todo caso, limitarán a afluencia de clientes de maneira que se asegure o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

Os concellos poderán aumentar a superficie habilitada ou habilitar novos días para o exercicio desta actividade para compensar as limitacións previstas anteriormente, e prestarán especial atención á vixilancia do cumprimento das medidas sanitarias e dos protocolos aplicables nestes contornos. Os concellos establecerán requisitos de distanciamento entre os postos e as condicións de delimitación do mercado, co obxectivo de procurar manter a distancia de seguridade interpersoal entre traballadores, clientes e viandantes, de acordo co establecido no punto 1.3. O uso da máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal.

2. Deberá sinalarse de forma clara a distancia de seguridade interpersoal entre clientes, con marcas no chan ou mediante o uso de balizas, cartelaría e sinalización para aqueles casos en que sexa posible a atención individualizada de máis dun cliente ao mesmo tempo.

3. Recoméndase a posta á disposición de dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados nas inmediacións dos mercados ao aire libre ou de venda non sedentaria na vía pública.

4. Realizarase, polo menos unha vez ao día, unha limpeza e desinfección das instalacións con especial atención ás superficies de contacto máis frecuentes, especialmente mostradores e mesas ou outros elementos dos postos, anteparos, de ser o caso, teclados, terminais de pagamento, pantallas táctiles, ferramentas de traballo e outros elementos susceptibles de manipulación, prestando especial atención a aqueles utilizados por máis dun traballador.

5. Procurarase evitar a manipulación directa dos produtos por parte dos clientes.

3.9. Actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación.

1. A actividade que se realice en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación non incluídos no ámbito de aplicación do artigo 9 da Lei 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, inscritos no correspondente rexistro, poderá impartirse dun modo presencial co 100 % da capacidade máxima permitida.

2. Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións, de acordo co establecido no punto 1.3.

3. No caso de utilización de vehículos, será obrigatorio o uso da máscara tanto polo persoal docente como polo alumnado ou o resto de ocupantes do vehículo.

3.10. Hoteis, albergues, aloxamentos turísticos.

1. Os hoteis, albergues e establecementos turísticos poderán ofertar a totalidade das habitacións dispoñibles nos seus establecementos.

2. Os albergues poderán manter a ocupación máxima das prazas dos espazos de aloxamento de uso compartido sempre que os peregrinos realicen o Camiño en todas as súas etapas no territorio galego nun mesmo grupo «burbulla» ou de convivencia estable. Para estes efectos, fomentarase a constitución destes grupos de convivencia estable para a realización do Camiño e o aloxamento compartido na rede pública e privada de albergues de Galicia. Para a acreditación da constitución dos grupos de convivencia estable para o aloxamento compartido admitirase a declaración responsable por parte dos membros do grupo, sen que, unha vez feita, se poidan admitir novos membros. Cando o aloxamento compartido non sexa dun grupo de convivencia estable, a ocupación máxima das prazas nos espazos de aloxamento compartido será do 50 %. A ocupación poderá chegar ao 75 % no caso do cumprimento do previsto no punto primeiro da Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos ou, de ser o caso, norma que a substitúa.

Deberán realizarse tarefas de ventilación nos espazos de aloxamentos compartidos durante un mínimo de 30 minutos ao inicio e ao remate de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e limitarase ao mínimo indispensable a función de recirculación do aire interior.

3. A ocupación das zonas comúns dos hoteis, albergues e aloxamentos turísticos poderá chegar ao 100 % da súa capacidade.

Cada establecemento deberá determinar a capacidade dos distintos espazos comúns, así como aqueles lugares en que se poderán realizar eventos e as condicións máis seguras para a súa realización conforme a capacidade máxima prevista e de acordo coas medidas de hixiene, protección e distancia mínima establecidas.

4. Poderán facilitar servizos de hostalaría e restauración para os clientes aloxados nestes establecementos. Para o resto de clientes, resultará de aplicación o disposto no punto 3.22.

Sen prexuízo do anterior, permitirase o sistema de autoservizo ou bufete aberto, con consumo en mesa. Nos establecementos que conten con zonas de autoservizo, deberá evitarse a manipulación directa dos produtos por parte dos clientes, salvo no caso de que se trate de produtos envasados previamente. Para tal efecto, porase ao dispor daqueles os utensilios necesarios, de xeito que se evite o uso sucesivo de menaxe por distintos clientes.

5. No caso de instalacións deportivas de hoteis, albergues e aloxamentos turísticos, tales como piscinas ou ximnasios, rexeranse polas regras aplicables a este tipo de instalacións en función da incidencia acumulada do respectivo concello, de conformidade co previsto no punto 3.15.

3.11. Actividade cinexética.

Está permitida a actividade cinexética en todas as súas modalidades, sempre que se axuste ás regras establecidas pola autoridade ambiental competente e se respecten as medidas sanitarias básicas previstas no presente anexo.

3.12. Pesca fluvial e marítima, deportiva e recreativa.

Está permitida a práctica da pesca fluvial e marítima, deportiva e recreativa, en todas as súas modalidades, sempre que se axuste ás regras establecidas pola autoridade ambiental competente e se respecten as medidas sanitarias básicas previstas no presente anexo.

3.13. Parques e zonas deportivas de uso público ao aire libre.

1. Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas de skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte a capacidade máxima que teñan establecida.

2. Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións, de acordo co establecido no punto 1.3. O uso de máscara será obrigatorio nos termos previstos no número 1.4 do anexo I desta orde.

3. Recoméndase dispor neses espazos, especialmente no que se refire a parques infantís, de dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida, debidamente autorizados e rexistrados, ou dunha solución xabonosa no caso de espazos para menores de dous anos de idade.

3.14. Realización de actos e reunións laborais, institucionais, académicos ou profesionais, congresos e outros eventos.

1. A realización de actos e reunións laborais, institucionais, académicos, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativos, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, congresos e outros eventos poderá desenvolverse co 100 % da capacidade permitida, sempre que o público asistente permaneza sentado.

En feiras, congresos e actos profesionais permitirase o desprazamento dos asistentes nos espazos de exposición cunha capacidade limitada ao setenta e cinco por cento.

2. Permítese a realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé, debendo respectar no momento de retirada da máscara para o consumo a distancia interpersoal de seguridade entre persoas non conviventes.

3. En todo caso, deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal, de acordo co establecido no punto 1.3.

4. O recollido neste número será tamén de aplicación para as reunións de xuntas de comunidades de propietarios.

3.15. Actividade deportiva.

1. A realización da actividade física e deportiva non federada axustarase ás seguintes regras:

a) A práctica da actividade física e deportiva non federada poderase realizar ao aire libre ou en instalacións deportivas ao aire libre, e coa utilización de máscara, de acordo co disposto no punto 1.4.

b) A práctica da actividade física e deportiva non federada poderá realizarse de forma individual ou colectiva, en instalacións e en centros deportivos pechados, coa utilización da máscara.

Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

Tamén se permite o uso deportivo das piscinas ao aire libre ou cubertas.

Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas durante un mínimo de 30 minutos ao inicio e ao remate de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e, obrigatoriamente, ao remate de cada clase ou actividade de grupo.

No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e limitarase ao mínimo indispensable a función de recirculación do aire interior.

2. O uso de duchas e lavapés ao aire libre limitarase a unha persoa por dispositivo, sempre que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal, agás no caso de menores ou persoas que precisen asistencia, que poderán contar co seu acompañante.

Respecto do uso de vestiarios e aseos en todas as instalacións, poderase utilizar o 100 %.

3. A práctica da actividade deportiva federada de ámbito autonómico, adestramentos e competicións axustarase aos correspondentes protocolos Fisicovid-Dxtgalego aprobados.

4. No ámbito das competicións deportivas oficiais de ámbito estatal que se realicen na Comunidade Autónoma de Galicia, serán de aplicación as seguintes medidas:

a) Os equipos e deportistas galegos que participen nas ditas competicións deberán realizar os adestramentos e a competición en grupos de composición estable.

b) A totalidade dos membros da expedición dos equipos e deportistas procedente doutras comunidades autónomas que se despracen á Comunidade Autónoma de Galicia para participaren nas ditas competicións deberán comunicar, cunha antelación mínima de 24 horas, ás autoridades sanitarias autonómicas a relación das persoas integrantes da expedición trasladada a Galicia, a data e a hora de chegada á Comunidade Autónoma galega e o lugar de aloxamento.

As medidas previstas deben entenderse dentro do necesario respecto ás competencias das autoridades deportivas e sanitarias estatais, polo que serán aplicables sempre que resulten compatibles coas adoptadas polas ditas autoridades e mentres non existan medidas obrigatorias dimanantes delas que ofrezan un nivel de protección equivalente ou similar.

3.16. Centros, servizos e establecementos sanitarios.

1. Os titulares ou directores dos distintos centros, servizos e establecementos sanitarios, de natureza pública ou privada, deberán adoptar as medidas organizativas, de prevención e hixiene necesarias do seu persoal traballador e dos pacientes, co obxecto de aplicar as recomendacións emitidas nesta materia, relativas á distancia de seguridade interpersoal, ao uso de máscaras en sitios pechados de uso público, á capacidade, hixiene de mans e respiratoria, así como calquera outra medida que establezan as autoridades competentes.

2. Estas medidas deberán aplicarse na xestión dos espazos do centro, nos accesos, nas zonas de espera e na xestión das citas dos pacientes, así como na regulación de acompañantes ou visitas, tendo en conta a situación e actividade de cada centro. En todo caso, permitirase a presenza dunha persoa acompañante por usuario/a. Tamén se permitirá unha visita por paciente na UCI non COVID.

3. Así mesmo, adoptarán as medidas necesarias para garantir a protección da seguridade e saúde do seu persoal traballador, a limpeza e desinfección das áreas utilizadas e a eliminación de residuos, así como o mantemento adecuado dos equipamentos e instalacións.

4. Estarán obrigados a colaborar coas autoridades sanitarias e de política social nos labores de vixilancia, prevención e control da COVID-19.

3.17. Lonxas.

Nas lonxas deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal, de acordo co disposto no punto 1.3. O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no punto 1.4.

3.18. Transportes.

1. As condicións de capacidade dos vehículos e embarcacións que realicen servizos colectivos de transporte de viaxeiros de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, isto é, o transporte en autobús –de carácter interurbano e urbano, sexa de uso xeral, de uso especial ou discrecional– e o transporte marítimo en augas interiores, quedan establecidas do seguinte xeito:

a) Nos vehículos e nas embarcacións que dispoñan de asentos poderase ocupar a totalidade dos asentos. Deberase manter a máxima separación entre as persoas usuarias cando o nivel de ocupación o permita.

b) Nos vehículos e nas embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé poderá ocuparse a totalidade das prazas e procurarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posible.

2. Como medidas adicionais aplicables aos modos de transporte establécense as seguintes:

a) Durante toda a duración do traxecto, cando esta sexa inferior a dúas horas, as persoas usuarias non poderán consumir alimentos no interior dos vehículos ou embarcacións e deberán, igualmente e na medida do posible, evitar consumir bebidas, conversar ou manter calquera outro contacto directo con outras persoas ocupantes do dito vehículo ou embarcación.

b) Na prestación de servizos colectivos regulares de transporte de viaxeiros de carácter interurbano de uso xeral, cando non estean autorizadas prazas de pé, e na prestación de calquera servizo de transporte marítimo en augas interiores da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia será obrigatoria a expedición de billete coa identificación do servizo concreto de transporte de que se trate e do vehículo ou da embarcación que o preste.

Igualmente, todos os anteriores vehículos e embarcacións deberán ter numerados os seus asentos de forma clara e visible para as persoas usuarias.

Naqueles servizos respecto dos cales non haxa unha asignación previa de asento recoméndaselles ás persoas viaxeiras que anoten no seu billete o número de asento que ocupen e que o conserven durante os 14 días posteriores ao da viaxe.

c) As empresas concesionarias procurarán a máxima ventilación do vehículo, sen recirculación do aire, mantendo as fiestras abertas sempre que non se produzan correntes de aire.

Para tal efecto, os vehículos que realicen varias viaxes en diferentes quendas horarias deberán proceder á ventilación deste antes de cada quenda e, sempre que for posible, á súa limpeza e desinfección. En todo caso, realizarase como mínimo unha limpeza diaria, empregando produtos e procedementos previstos no plan de limpeza e desinfección.

d) Tanto as empresas concesionarias como as persoas usuarias observarán en todo momento as medidas de protección e o uso da máscara, e as demais medidas de prevención, evitando condutas como levantarse, interactuar, berrar, compartir obxectos, tocar superficies comúns ou outras condutas que poidan xerar risco de contaxio ou transmisión.

3. Os taxis e vehículos VTC poderán prestar servizos de transporte para tantas persoas como prazas teña o vehículo e procurarase, cando o nivel de ocupación o permita, a máxima separación entre as persoas usuarias. En todos os casos será obrigatorio o uso de máscara.

3.19. Áreas de servizo para profesionais do transporte.

1. Ás áreas de servizo para profesionais do transporte resultaranlles aplicables as medidas establecidas no número 3.22.

2. Adicionalmente, co obxecto de posibilitar os descansos adecuados en cumprimento da normativa de tempos de condución e descanso, imprescindibles para poder levar a cabo as operacións de transporte, e facilitarlles aos transportistas profesionais un servizo de restauración, aqueles establecementos situados en centros loxísticos e nas áreas de servizo da Rede de estradas do Estado en Galicia, vías de alta capacidade e Rede primaria básica de estradas de Galicia que dispoñan de cociña, servizos de restauración ou expendedores de comida preparada poderán permanecer abertos alén das limitacións horarias establecidas no número 3.22, incluído o horario nocturno de acordo coa súa regulación específica, para os únicos efectos de dar cumprimento a esta finalidade.

Para o acceso a estes establecementos, neste caso, será obrigatoria a presentación da tarxeta de profesional do transporte CAP, a consumición no interior deberá realizarse de xeito individual e sentado e non se poderá realizar a venda ou dispensación de bebidas alcohólicas.

3.20. Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais.

1. Nas bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais, tanto de titularidade pública como privada, as actividades presenciais poderán acadar a capacidade máxima do 100 % da capacidade máxima permitida.

2. Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, agás no caso de persoas conviventes.

3. Promoveranse aquelas actividades que eviten a proximidade física entre os participantes e primaranse as actividades de realización autónoma. Reforzarase o deseño de recursos educativos, científicos e divulgativos de carácter dixital que permitan a función como institucións educativas e transmisoras de coñecemento por medios alternativos aos presenciais. Quedará habilitado o uso dos elementos expostos deseñados para un uso táctil por parte do visitante.

3.21. Celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.

1. As competicións deportivas con público poderán celebrarse cunha ocupación máxima do 80 % en interior e do 100 % no exterior, sempre que o público asistente permaneza sentado e se garantan as medidas establecidas no punto 1.3.

2. As actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, e en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas con público sentado poderán desenvolverse co 100 % da capacidade máxima permitida.

En todo caso, deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións, de acordo co establecido no punto 1.3. O uso de máscara será obrigatorio nos termos previstos no número 1.4.

3. Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por espazo de, polo menos, 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e, obrigatoriamente, ao finalizar cada actividade. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e limitarase ao mínimo indispensable a función de recirculación do aire interior.

Deberán intensificarse as medidas de limpeza e desinfección das instalacións con produtos debidamente autorizados e rexistrados.

4. No referente á celebración dos espectáculos musicais/artísticos ao aire libre, aqueles organizados con público de pé ou sentado poderán desenvolverse co 100 % da ocupación máxima permitida. En todo caso, resultarán de aplicación as medidas sanitarias previstas nos protocolos publicados no seguinte enderezo electrónico:

https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Espectaculos-musicais-aire-libre

3.22. Hostalaría e restauración.

1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración en bares, cafetarías e restaurantes axustarase ás regras previstas na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo axustaranse tamén ás regras previstas no Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia e ao disposto no punto primeiro respecto da ocupación máxima por mesa ou agrupación de mesas.

3. Así mesmo, no caso de establecementos de hostalaría situados en centros educativos, aplicaranse as regras previstas no Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas regras non serán aplicables aos comedores escolares, que se rexerán pola súa normativa específica.

4. Aos furanchos resultaranlles de aplicación as regras previstas neste punto.

3.23. Realización de procesos selectivos polas administracións públicas e entidades do sector público.

A realización de procesos selectivos poderá desenvolverse, sempre que os asistentes permanezan sentados e que se establezan as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal de acordo co punto 1.3.

Adoptaranse medidas para evitar aglomeracións e deberase manter a máxima separación posible entre as persoas aspirantes. Haberá unha planificación adecuada para controlar os accesos e o fluxo de circulación dos asistentes. Debe preverse a apertura de todas as portas dispoñibles coa antelación suficiente. Organizaranse as entradas e saídas para evitar aglomeracións de persoas, tanto nos accesos como nas inmediacións, e distribuiranse proporcionalmente as persoas entre as portas dispoñibles.

O uso de máscara será obrigatorio nos termos previstos no número 1.4.

Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por un prazo de, polo menos, 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e, obrigatoriamente, ao finalizar cada actividade. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e non se poderá empregar a función de recirculación do aire interior.

Deberá existir un rexistro de asistentes e custodialo durante un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias, cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

Deberán intensificarse as medidas de limpeza e desinfección das instalacións con produtos debidamente autorizados e rexistrados.

A solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir xunto cun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade pola COVID-19 en España, elaborado polo Centro de coordinación de alertas e emerxencias sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.

3.24. Especificidades para determinadas actividades turísticas, centros de interpretación e visitantes, aulas da natureza, casetas e puntos de información.

1. Poderán realizarse actividades de turismo ao aire libre, organizadas por empresas habilitadas para iso, e a actividade de guía turístico para grupos, e deberán establecerse as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

2. Os centros de interpretación e visitantes, as aulas da natureza, as casetas e os puntos de información da Rede galega de espazos protexidos e espazos similares poderán desenvolver a súa actividade ao 100 % da súa capacidade. Ademais, deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, excepto no caso de persoas conviventes.

3.25. Centros de lecer infantil.

Enténdense por centros de lecer infantil os establecementos abertos ao público que se destinen a ofrecer xogos e atraccións recreativas deseñados especificamente para público de idade igual ou inferior a 12 anos, os espazos de xogo e entretemento, así como aqueles destinados á celebración de festas infantís.

Poderán desenvolver actividades cunha ocupación máxima do 100 %, tanto no interior como no exterior.

3.26. Actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil e albergues e campamentos xuvenís.

1. Poderanse realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil co 100 % da capacidade máxima que teñan autorizada.

2. As actividades que se realicen por grupo deberán traballar procurando limitar o contacto entre eles. Cada grupo terá asignado, cando menos, un monitor, que se relacionará sempre co seu mesmo grupo.

3. Os albergues e campamentos xuvenís poderán manter unha ocupación do 100 % da súa capacidade máxima.

Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións, de acordo co establecido no punto 1.3.

3.27. Uso das praias e piscinas de uso recreativo.

1. O concello respectivo deberá establecer limitacións tanto de acceso como de capacidade das praias co fin de asegurar que se poida respectar a distancia interpersoal de seguridade entre usuarios.

2. As piscinas ao aire libre ou cubertas de uso recreativo poderán dispor do 100 % da súa capacidade, tanto no relativo ao acceso como durante a propia práctica deportiva ou recreativa.

Habilitaranse sistemas de acceso que eviten a aglomeración de persoas e que cumpran coas medidas de seguridade e protección sanitaria.

3. A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares nas zonas de estadía das piscinas e praias levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a outros usuarios.

4. O uso de máscaras rexerase polo establecido no punto 1.4.

5. O uso de duchas e lavapés ao aire libre limitarase a unha persoa por dispositivo, sempre que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal, agás no caso de menores ou persoas que precisen asistencia, que poderán contar co seu acompañante.

Respecto do uso de vestiarios e aseos en todas as instalacións, poderase utilizar o 100 %.

3.28. Acuarios, establecementos e actividades zoolóxicas, botánicas ou xeolóxicas.

1. Os acuarios, establecementos e actividades zoolóxicas, botánicas ou xeolóxicas poderán realizar a súa actividade co 100 % de ocupación.

2. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade, de acordo co disposto no punto 1.3.

3. Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, no caso de que se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, a dita prestación axustarase ao previsto no punto 3.22.

3.29. Atraccións de feira.

Poderán desenvolver a súa actividade cumprindo coas seguintes medidas:

a) Nos espazos en que se instalen atraccións de feira respectaranse a distancia de seguridade interpersoal e as medidas hixiénicas exixibles a cada instalación ou actividade.

b) Deberase sinalizar o espazo en que se desenvolvan as atraccións de tal maneira que se facilite o establecemento de puntos diferenciados para a entrada e saída, que deberán estar identificados con claridade.

c) A autoridade sanitaria local verificará o respecto da capacidade nos espazos comúns e adoptará as medidas necesarias para evitar aglomeracións.

d) Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal nas atraccións e postos instalados.

e) Tanto os asistentes como o persoal das atraccións deberán levar máscara de maneira obrigatoria e lembraráselles aos asistentes, por medio de carteis visibles e mensaxes de megafonía, a dita obrigatoriedade, así como as normas de hixiene e prevención que deben observar.

f) No caso das atraccións, poderán ocuparse todas as prazas dispoñibles.

g) Disporanse dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida debidamente autorizados e rexistrados en cada unha das atraccións.

h) Cada atracción deberá aplicar as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ao tipo de actividade, á frecuencia e ás condicións de uso polas persoas usuarias, prestando especial atención ás superficies de contacto directo. En todo caso, cada atracción someterase a unha limpeza ao remate de cada xornada de uso.

3.30. Celebración de eventos deportivos e outras actividades deportivas non federadas de carácter organizado como campus deportivos, campamentos deportivos, escolas deportivas e outras actividades análogas.

1. A celebración de eventos deportivos recollidos no artigo 22 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, poderá desenvolverse cunha ocupación máxima do oitenta por cento en interior e do cen por cento no exterior, sempre que o público asistente permaneza sentado e se garantan as medidas establecidas no punto 1.3.

En todo caso, deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións, de acordo co establecido no punto 1.3.

O uso de máscara será obrigatorio nos termos previstos no número 1.4.

2. Os organizadores dos eventos deportivos e actividades deportivas non federadas de carácter organizado, como campus deportivos, campamentos deportivos, escolas deportivas e actividades análogas, recollidas no presente punto, deberán contar cun protocolo específico no ámbito da COVID-19, que será trasladado á autoridade competente e comunicado aos seus participantes.

Os protocolos, elaborados baixo a responsabilidade dos organizadores, deberán axustarse, con carácter mínimo, aos requirimentos que sexan de aplicación á concreta modalidade deportiva segundo o establecido nos protocolos aprobados consonte a Resolución do 15 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o protocolo Fisicovid-Dxtgalego.

Para o caso de que as actividades non conten cun protocolo federativo específico no ámbito da COVID-19, deberán de axustarse ao disposto no punto 3.15.

3. As actividades do programa Xogade desenvolveranse de acordo co protocolo aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte e axustaranse á Resolución do 15 de xuño de 2020 pola que se aproba o protocolo Fisicovid-Dxtgalego.

4. Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por espazo de, polo menos, 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e, obrigatoriamente, ao finalizar cada actividade. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e limitarase ao mínimo indispensable a función de recirculación do aire interior.

5. No caso de eventos realizados en recintos, sexan pechados ou ao aire libre, deberá existir un rexistro de asistentes e custodialo durante un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias e cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

6. Deberán intensificarse as medidas de limpeza e desinfección das instalacións con produtos debidamente autorizados e rexistrados.

3.31. Establecementos de xogo.

1. Os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, casinos, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, axustaranse ás regras previstas no novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En particular, serán de aplicación os niveis dos establecementos, capacidades máximas, horarios e medidas adicionais para cumprir en cada nivel establecidos no novo Plan de hostalaría segura.

3. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas.

Así mesmo, deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións, especialmente na disposición e no uso das máquinas ou de calquera outro dispositivo de xogo nos locais e establecementos en que se desenvolvan actividades, de acordo co previsto no punto 1.3. O uso da máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos na normativa vixente.

3.32. Parques de atraccións, multilecer e temáticos.

Os parques de atraccións, multilecer e temáticos poderán desenvolver a súa actividade co 100 % da súa capacidade máxima. Estableceranse os oportunos mecanismos de control de acceso, tanto nas entradas e saídas do recinto como nos accesos ás distintas atraccións, de xeito que se eviten aglomeracións e se manteña, obrigatoriamente, a distancia de seguridade interpersoal establecida no punto 1.3.

A entidade titular da instalación intensificará a limpeza e a desinfección dos elementos de uso compartido.

Aqueles establecementos que ofrezan servizos de hostalaría ou restauración nas súas instalacións observarán as regras establecidas no punto 3.22 para este tipo de servizos.

O uso da máscara rexerase polo establecido no punto 1.4.

Respecto do uso de vestiarios e aseos en todas as instalacións, poderase utilizar o 100 %.

3.33. Parques acuáticos.

1. Os parques acuáticos poderán desenvolver a súa actividade co 100 % da súa capacidade máxima.

Estableceranse os oportunos mecanismos de control de accesos, tanto nas entradas e saídas do recinto como nos accesos ás distintas atraccións, de xeito que se eviten aglomeracións e se manteña, obrigatoriamente, a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.

2. O emprego de flotadores ou outros elementos nas atraccións farase de xeito individual, agás no caso de menores ou persoas que precisen de asistencia. A entidade titular da instalación intensificará a limpeza e a desinfección respecto destes elementos de uso compartido.

3. A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares nas zonas de estadía e espazos comúns levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a outros usuarios.

4. Aqueles establecementos que ofrezan servizos de hostalaría ou restauración nas súas instalacións observarán as regras establecidas no punto 3.22 para este tipo de servizos.

5. O uso da máscara rexerase polo establecido no punto 1.4.

6. O uso de duchas e lavapés ao aire libre limitarase a 1 persoa por dispositivo, sempre que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal, agás no caso de menores ou persoas que precisen asistencia, que poderán contar co seu acompañante.

7. Respecto do uso de vestiarios e aseos en todas as instalacións, poderase utilizar o 100 %.

3.34. Establecementos de lecer nocturno.

Os establecementos de lecer nocturno, tales como discotecas, pubs, cafés espectáculo, salas de festas así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, axustaranse ao establecido na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.35. Centros educativos de réxime especial.

Manterán o seu funcionamento con actividade lectiva presencial os seguintes centros educativos de réxime especial:

1º) Escolas oficiais de idiomas.

2º) Escolas de arte e superior de deseño.

3º) Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

4º) Escola Superior de Arte Dramática.

5º) Conservatorios de música.

6º) Conservatorios de danza.

7º) Escolas de música.

8º) Escolas de danza.

9º) Centros autorizados de deportes, centros autorizados de fútbol, centros autorizados de fútbol sala.

10º) Centros autorizados de artes plásticas e deseño.

11º) Centros autorizados de música e centros autorizados de danza, salvo que estean integrados en centros docentes que permanezan abertos e que limiten a súa actividade ao alumnado dos ditos centros docentes.

12º) Escolas de música privadas e escolas de danza privadas.

Os establecementos de arte dramática, música, danza e deportes antes enumerados poderán desenvolver a súa actividade con contacto físico.

3.36. Centros sociocomunitarios, centros cívicos, centros de convivencia, centros sociais e demais de natureza análoga.

Estes centros poderán realizar a súa actividade co 100 % da súa capacidade máxima, prestando especial atención ás medidas de protección nas actividades de tipo grupal que se realizan neles. En todo caso, será obrigatorio o uso da máscara tanto en actividades individuais como grupais, de acordo co establecido no punto 1.3.

Permanecerán abertos, en todo caso, os centros de día de maiores e persoas con discapacidade e os ocupacionais, así como as casas do maior.

3.37. Centros de atención á infancia.

Aqueles centros de atención á infancia que se encontren regulados e inscritos, de conformidade co previsto no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, poderán manter os seus servizos observando as normas de prevención hixiénico-sanitarias previstas nos seus protocolos.

3.38. Festas, verbenas e outros eventos populares.

1. No caso de que nestas actividades se organicen espectáculos musicais ao aire libre, fóra de recintos pechados especificamente habilitados para o efecto, as medidas xerais aplicables serán as seguintes:

a) Deberán realizarse en espazos acoutados, sectorizados, perfectamente delimitados e pechados, aos cales unicamente se poida acceder polos accesos autorizados.

b) O número máximo de asistentes fixarase en función da situación epidemiolóxica segundo os límites establecidos nos correspondentes protocolos de espectáculos musicais ao aire libre.

c) Na zona de público non están permitidas as carpas con lonas laterais que impidan a ventilación natural.

d) Pódese bailar, sempre con máscara.

e) Poderá preverse o servizo de comida e bebidas se se realiza en espazos habilitados (que cumprirán as normas de hostalaría e restauración), debidamente dimensionados para o público que reciban. O consumo realizarase fóra da zona de baile. Os organizadores tomarán as precaucións oportunas para evitar a formación de aglomeracións. Os asistentes só poderán quitar a máscara para o momento específico do consumo.

f) Non está permitido fumar, consumir outros produtos do tabaco nin consumir cigarros electrónicos na área de público.

g) A venda/reserva de entradas, de ser o caso, será por adiantado, con rexistro previo dos asistentes.

Para o resto das medidas específicas serán de aplicación os protocolos de espectáculos musicais ao aire libre, accesibles no seguinte enderezo:

https://coronavirus.sergas.es/Contidos/Espectaculos-musicais-aire-libre

2. A celebración de romarías, desfiles, exhibicións de música ou baile, ou actividades similares en espazos abertos e con acompañamento de público na vía pública deberá desenvolverse nas condicións que deberá determinar a autoridade municipal correspondente. Nestes casos, con carácter previo á celebración, delimitarase o espazo ou o itinerario. Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre os participantes entre si e co público asistente, e o uso de máscara será obrigatorio para os participantes e para o público asistente.

3.39. Uso seguro de lugares e espazos públicos.

1. Os concellos deberán adoptar medidas que coadxuven ao control das aglomeracións de persoas en lugares e espazos públicos en que non se respecten as medidas de seguridade e de distanciamento persoal, polos riscos que presentan para a saúde pública, especialmente cando se realicen actividades prohibidas como o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, nos parques, xardíns e prazas públicas e noutros lugares de tránsito público.

2. De acordo co previsto no número anterior, nas rúas ou zonas de concentración de actividades de hostalaría e restauración, ou nos establecementos de lecer nocturno, os concellos deberán adoptar medidas de control e vixilancia para evitar que se produzan as aglomeracións de persoas antes indicadas, tanto durante o desenvolvemento das actividades de hostalaría e restauración ou de lecer nocturno como na súa finalización ao chegar o horario do seu peche, coa finalidade de evitar o uso indebido dos lugares e espazos públicos como continuación destas actividades.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia