lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 17 de setembro de 2021 mediante a que se modifica a Orde do 21 de outubro de 2019 pola que, ao abeiro do establecido no artigo 16.3 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, se procede ao establecemento de dous comités clínicos na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a súa composición, constitución, réxime de funcionamento e coordinación.

Publicado en: DOG 190 01/10/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

A Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, establece no artigo 15.c), respecto do segundo suposto de interrupción voluntaria do embarazo que se recolle nel que, con carácter excepcional, se poderá interromper o embarazo por causas médicas cando se detecte no feto unha enfermidade extremadamente grave e incurable no momento do seu diagnóstico e así o confirme un comité clínico.

O comité estará formado por un equipo pluridisciplinar integrado por dous/dúas médicos/ as especialistas en xinecoloxía e obstetricia ou expertos/as en diagnóstico prenatal e un/unha pediatra, e a muller poderá elixir un/unha destes/as especialistas.

A intervención do comité é preceptiva, mediante a emisión dun ditame habilitante sobre un aspecto clínico sen o cal a muller non poderá optar por unha interrupción voluntaria do embarazo. Non obstante, se o comité confirma o diagnóstico, a muller decidirá sobre a intervención.

O Real decreto 825/2010, do 25 de xuño, de desenvolvemento parcial da Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, prevé no seu artigo 2.2 que «existirá, polo menos, na rede sanitaria pública, un comité clínico en cada comunidade autónoma. Poderán existir, ademais, outros comités noutros centros da dita rede sanitaria, a decisión da comunidade, con base en criterios relacionados coa poboación, no número de especialistas que exercen no seu ámbito territorial, na óptima calidade asistencial das intervencións ou noutros criterios similares».

Desde o ano 2010, na Comunidade Autónoma de Galicia viña funcionando un comité. Ao longo dos anos de funcionamento púidose constatar o incremento da carga de traballo asumido polo comité, o cal se debe pronunciar sobre supostos que, en xeral, son complexos e respecto dos cales ten que emitir o seu ditame nun período relativamente curto de tempo.

Polo tanto, coa finalidade de dar un servizo de mellor calidade en relación co cumprimento das funcións que lles son propias a estes tipos de comités, ao abeiro do establecido no artigo 16.3 e 4 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, e no artigo 2.2. do Real decreto 825/2010, do 25 de xuño, considerouse necesario dispor de dous comités clínicos.

Así, ditouse a Orde do 21 de outubro de 2019 pola que, de conformidade co establecido no artigo 16.3 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, se procede ao establecemento de dous comités clínicos na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a súa composición, constitución, réxime de funcionamento e coordinación.

A orde establece dous comités clínicos e nomea nos artigos 3 e 4 as persoas especialistas que serán membros de cada un, tanto titulares como suplentes, e o artigo 6 dispón que «a designación das persoas titulares e suplentes dos comités clínicos establécese para un prazo de dous anos. Transcorrido este prazo, os seus membros continuarán nas súas funcións ata que se produza un novo nomeamento, que poderá recaer nas mesmas persoas».

A citada orde publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 30 de outubro de 2019 e entrou en vigor o mesmo día da publicación, de xeito que o prazo de dous anos para os cales foron nomeadas as persoas que integran os comités clínicos remata o 29 de outubro de 2021. A través desta orde procédese á renovación dos membros dos comités clínicos e a data do 30 de outubro de 2021 é a considerada como dies a quo a partir da cal se comezará a contar o prazo indicado de dous anos.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modifícase a Orde do 21 de outubro de 2019 pola que, ao abeiro do establecido no artigo 16.3 da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, se procede ao establecemento de dous comités clínicos na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a súa composición, constitución, réxime de funcionamento e coordinación.

Un. O artigo 3 queda redactado como segue:

«Artigo 3. Especialistas titulares dos comités

1. Noméanse membros titulares do Comité Clínico número 1 as seguintes persoas:

– Susana Blanco Pérez, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. Área Sanitaria (AS) de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

– Beatriz Alvar Mantiñán, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS da Coruña e Cee.

– José Luis Fernández Trisac, facultativo especialista en Pediatría. AS da Coruña e Cee.

2. Noméanse membros titulares do Comité Clínico número 2 as seguintes persoas:

– Roberto González Boubeta, facultativo especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Vigo.

– Sabela Iglesias Faustino, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Vigo.

– María Luisa González Durán, facultativa especialista en Pediatría. AS de Vigo».

Dous. O artigo 4 queda redactado como segue:

«Artigo 4. Especialistas suplentes dos comités

1. Noméanse membros suplentes do Comité Clínico número 1 as seguintes persoas:

– Elisa Leal Gómez, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

– Mariña Sánchez-Andrade Santiso, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Santiago de Compostela e Barbanza.

– Eloy Moral Santamarina, facultativo especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Pontevedra e O Salnés.

– Jesús Alberto Fuentes Carballal, facultativo especialista en Pediatría. AS da Coruña e Cee.

– Natalia Mandía Rodríguez, facultativa especialista en Pediatría. AS de Santiago de Compostela e Barbanza.

– Raquel Martínez Lorenzo, facultativa especialista en Pediatría. AS de Pontevedra e O Salnés.

2. Noméanse membros suplentes do Comité Clínico número 2 as seguintes persoas:

– Laura González Rodríguez, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Vigo.

– Vanesa Buján Costas, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Vigo.

– María Vélez Castillo, facultativa especialista en Xinecoloxía e Obstetricia. AS de Vigo.

– Cristina Durán Fernández-Feijóo, facultativa especialista en Pediatría. AS Vigo.

– María Suárez Albo, facultativa especialista en Pediatría. AS de Vigo».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o 30 de outubro de 2021.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia