lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

Publicado en: DOG 149 07/08/2019

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

I

A conservación do medio é unha das demandas da sociedade actual e unha obriga non só de calquera administración pública, senón de toda a cidadanía, tal e como se desprende do disposto no artigo 45 da Constitución española.

En materia de conservación do patrimonio natural, o Reino de España subscribiu diversos convenios internacionais de especial relevancia, como a Convención relativa ás zonas húmidas de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas, o Convenio relativo á conservación da vida silvestre e do medio natural en Europa, a Convención sobre a conservación das especies migratorias de animais silvestres, o Convenio sobre a diversidade biolóxica, o Protocolo de Nagoia sobre o acceso aos recursos xenéticos e a participación xusta e equitativa nos beneficios que deriven da súa utilización e mais o Convenio para a protección do medio mariño do Atlántico do nordés.

Pola súa parte, no ámbito comunitario, cómpre salientar a Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, e a Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro de 2009, relativa á conservación das aves silvestres. Ambas as directivas conforman o eixe fundamental da política de conservación da biodiversidade da Unión Europea e constitúen o marco normativo da Rede Natura 2000 a nivel comunitario. O obxectivo desta Rede Natura é o mantemento ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable, de determinados tipos de hábitats e especies, nas súas áreas de distribución natural, por medio de zonas especiais para a súa protección e conservación.

Consonte o artigo 149.1.23ª da Constitución española, o Estado ten a competencia en materia de lexislación básica sobre a protección do medio, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección.

No eido estatal, e dentro da normativa básica en materia de conservación do patrimonio natural, procede citar, fundamentalmente, a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, que establece o réxime xurídico básico da conservación, o uso sustentable, a mellora e a restauración do patrimonio natural e da biodiversidade española, como parte do deber de conservar e do dereito a gozar dun ambiente axeitado para o desenvolvemento da persoa, establecido no artigo 45.2 da Constitución española. Esta Lei 42/2007, do 13 de decembro, foi recentemente modificada pola Lei 7/2018, do 20 de xullo, de modificación da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e esta lei galega está adaptada á dita modificación.

Galicia posúe un incomparable patrimonio natural de excepcional valor, que constitúe un dos principais sinais de identidade da nosa comunidade autónoma e que exixe a súa axeitada preservación para satisfacer as necesidades non só das xeracións actuais senón tamén as das xeracións futuras.

De acordo co artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma galega ten a competencia exclusiva en materia de normas adicionais sobre a protección do medio, nos termos do artigo 149.1.23ª da Constitución española.

II

En exercicio destas competencias ditouse a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que constituíu o primeiro texto legal autonómico en establecer un marco de protección referido ao conxunto do territorio galego e que comprendía no seu ámbito de aplicación os espazos naturais, a fauna e a flora silvestres. As previsións desa lei e o seu desenvolvemento regulamentario permitiron salvagardar os valores intrínsecos aos espazos naturais declarados como protexidos e manter nun bo estado de conservación a biodiversidade presente en Galicia. Porén, o tempo transcorrido desde a súa aprobación e os importantes cambios producidos na normativa comunitaria e na normativa básica estatal aconsellan a aprobación dunha nova lei autonómica na materia.

A nova regulación que contén esta lei pretende levar a cabo unha protección transversal do patrimonio natural galego, integrando os requisitos de conservación, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade nas demais políticas sectoriais, e fomentar a información pública e os mecanismos de colaboración, cooperación e participación da sociedade na consecución dos seus obxectivos.

Consonte o artigo 37, alínea a), da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, procede sinalar que esta norma se axusta aos principios de necesidade e de eficacia, dado que o dereito a gozar dun ambiente axeitado para o desenvolvemento da persoa e a preservación do medio natural e da biodiversidade, a súa mellora, restauración e uso sustentable se configuran como as razóns de interese real e os fins que motivan esta disposición de rango legal; aos principios de proporcionalidade, de seguridade xurídica e de simplicidade, ao establecer os contidos necesarios para regular o patrimonio natural, sen resultar excesiva ou deficitaria na súa regulación, e ao establecer un marco xurídico claro e de doada comprensión para os distintos destinatarios desta disposición, ao tempo que acorde coa normativa europea e estatal de carácter básico na materia, e aos principios de transparencia e de accesibilidade, ao garantir no seu articulado os dereitos do público en xeral a acceder a toda a información documental e gráfica de que dispoña a administración nesta materia obxecto de regulación.

Por outra banda, con esta nova lei procédese á adaptación do réxime de autorización administrativa ao disposto na Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, que deseña un sistema que elimina regulacións innecesarias, establece procedementos máis áxiles e minimiza as cargas administrativas, co fin de fomentar e impulsar o emprendemento e a iniciativa dos operadores económicos. Non obstante, esa pretensión non pode descoñecer as especificidades de seu do relacionado co patrimonio natural e a biodiversidade na súa interacción coas persoas, especialmente atendendo a necesidade de fomentar a súa preservación e o uso sustentable, o que fai preciso configurar un réxime propio descrito nesta lei respecto da exixencia de autorización, que se funda en razóns de protección do medio, as cales constitúen unha das razóns de interese xeral previstas no artigo 17.1 da dita lei.

Esta lei require a necesidade de obter autorización para aqueles usos e actuacións que poidan implicar unha afección ao patrimonio natural ou á biodiversidade presente na nosa comunidade autónoma, sen prexuízo da súa posterior concreción nos correspondentes instrumentos de planificación ou no desenvolvemento regulamentario desta lei.

O réxime de autorización previsto nesta lei respecta as previsións da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior; da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, na medida en que a súa exixencia responde á razón imperiosa de interese xeral consistente na protección do medio e se circunscribe aos supostos en que a dita protección non se pode conseguir mediante a presentación dunha declaración responsable ou dunha comunicación previa.

III

Esta lei consta de cento trinta e seis artigos, divididos en catro títulos, cinco disposicións adicionais, oito disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e seis disposicións derradeiras. As rúbricas dos títulos fan referencia a «Disposicións xerais» (título I, artigos 1 ao 20), «Espazos naturais protexidos» (título II, artigos 21 ao 87), «Conservación das especies e dos hábitats» (título III, artigos 88 ao 115) e «Inspección e réxime sancionador» (título IV, artigos 116 ao 136).

O título I (artigos 1 ao 20) está composto por sete capítulos e establece en primeiro lugar o obxecto, o ámbito de aplicación e os principios xerais da lei, entre os que se consolida a prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística, a precaución respecto das posibles intervencións que poidan afectar negativamente o patrimonio natural ou a biodiversidade e mais a prevención dos problemas derivados do cambio climático. Tamén inclúe unha serie de definicións que contribúen a unha mellor comprensión do contido da lei e delimita as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia respectando a lexislación básica estatal e os pronunciamentos ditados para o efecto polo Tribunal Constitucional.

Establece mecanismos de colaboración e cooperación para fomentar a conservación e o uso sustentable do patrimonio natural con outras administracións e institucións públicas e privadas, coas persoas propietarias e usuarias do territorio, así como coas entidades de custodia do territorio, que se configuran como organizacións ás cales se lles atribúen importantes funcións en distintos ámbitos ao longo de toda a lei.

Recolle a necesidade de integrar a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade dentro das accións desenvoltas a nivel autonómico en materia de educación ambiental. Incide nas obrigas da Administración autonómica de dar acceso á información ambiental que conste no seu poder, de garantir a participación pública non só na execución das políticas públicas, senón tamén no seu deseño, e de promover a participación solidaria da cidadanía en actuacións de voluntariado.

Así mesmo, recolle os medios de financiamento que deben garantir o cumprimento dos obxectivos desta lei e prevé a posibilidade de outorgar axudas que contribúan á conservación e ao aproveitamento sustentable dos espazos naturais protexidos e da biodiversidade.

Por último, este primeiro título recolle a integración dos principios de conservación do patrimonio natural e da biodiversidade en diferentes actuacións sectoriais, tendo en conta o carácter transversal da conservación do patrimonio natural e da biodiversidade e os postulados comunitarios nesta liña, e permite condicionar o outorgamento das autorizacións previstas nesta lei á previa prestación dunha garantía financeira que responda dos posibles danos que poidan derivar da execución das actuacións autorizadas para os devanditos recursos naturais e que eviten que sexa a sociedade a que teña que facer fronte aos custos da reposición da situación alterada ao seu estado anterior.

IV

O título II (artigos 21 ao 87) é o máis extenso da lei, dedícase aos espazos naturais protexidos e está composto por oito capítulos.

Comeza este título definindo os espazos naturais que deben ser obxecto dunha protección especial e establece as súas categorías. Entre estas categorías inclúense varias novidades con respecto á regulación vixente con anterioridade: créanse como subcategoría dentro das reservas as microrreservas, que teñen unha superficie reducida e se declaran por un prazo de tempo determinado; suprímese a categoría de zona de especial protección dos valores naturais, tendo en conta que todos os espazos pertencentes ata o de agora á dita categoría teñen a condición tamén de espazos protexidos Rede Natura 2000; inclúese unha superficie mínima para que un novo espazo poida ser declarado parque natural, e establécese a Rede de parques de Galicia como un sistema axeitado para mellorar a coordinación na xestión dos parques declarados na nosa comunidade autónoma. A respecto dos espazos naturais de interese local, amplíase o seu ámbito, posto que poden comprender espazos integrados en máis dun termo municipal; introdúcese a posibilidade de acudir a diferentes modalidades asociativas e de colaboración para a súa xestión, e incídese no seu valor para o desenvolvemento de actuacións de educación ambiental e de uso social do ambiente.

A Rede galega de espazos protexidos mantense cos mesmos efectos que ata o de agora, ben que se inclúe a posibilidade de que aquelas limitacións ao uso dos bens e dereitos derivadas da declaración dun espazo incluído nesta rede ou dos seus instrumentos de planificación, que non foran indemnizables, poidan aínda así ser obxecto de axudas, subvencións ou outras medidas compensatorias para contribuír á conservación e ao aproveitamento sustentable do espazo. Permítese que a área de influencia socioeconómica dun espazo incluído nesta rede galega abarque non só o termo municipal no cal se localice o espazo e a súa zona periférica de protección, senón tamén outros municipios limítrofes, e recóllese a posibilidade de que a Administración autonómica outorgue axudas nestas áreas para o desenvolvemento de actividades tradicionais sustentables.

O procedemento de declaración dun espazo natural protexido regúlase con maior detalle que ata o de agora, salientando ademais dúas importantes novidades, como son o establecemento do procedemento de elaboración e aprobación de propostas de declaración de lugares de importancia comunitaria e a previsión de que, con carácter xeral, a declaración dun espazo natural protexido leva asemade á aprobación do seu correspondente instrumento de planificación. Con esta aprobación simultánea preténdese evitar que existan espazos naturais declarados como protexidos sen o seu correspondente e imprescindible instrumento de planificación.

Respecto do réxime de protección cautelar, requírese un informe favorable da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural desde a iniciación do procedemento de declaración dun espazo natural protexido ou de aprobación de calquera instrumento de planificación para o outorgamento de calquera autorización que habilite para realizar transformacións da realidade física, xeolóxica ou biolóxica no seu ámbito territorial. Pola súa banda, a vixencia do réxime de protección preventiva mantense ata a declaración do espazo natural protexido ou, se é o caso, do seu instrumento de planificación, por se considerar necesario para garantir en todo momento a protección dos valores naturais inherentes aos espazos.

As previsións relativas ás medidas de conservación, vixilancia e seguimento dos espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia manteñen as liñas básicas establecidas pola lexislación estatal, sen prexuízo dun incremento da participación social que ten lugar coa previsión dos acordos de custodia do territorio tamén neste ámbito.

Na regulación dos instrumentos de planificación dos recursos e dos espazos naturais mellórase a súa sistemática e o seu nivel de detalle, recollendo a prevalencia destes instrumentos de planificación sobre calquera outro instrumento de ordenación territorial, urbanístico, dos recursos naturais ou físico. Verbo das categorías destes instrumentos de planificación, substitúese a denominación de plans de conservación pola de plans de xestión e incorpóranse as normas de xestión e de conservación, que son o instrumento de planificación específico para os espazos naturais de interese local e para os espazos privados de interese natural. Con respecto ao contido dos instrumentos de planificación, cómpre salientar a exixencia dunha memoria económica acerca dos custos e dos instrumentos financeiros previstos para a súa aplicación, así como a exixencia de programas de seguimento; previsións que resultan coherentes e imprescindibles para conseguir a súa efectiva aplicación práctica. Estes instrumentos de planificación teñen unha vixencia indefinida, a excepción dos plans reitores de uso e xestión, que concretan en cada caso o seu prazo de vixencia, o cal será, como mínimo, de dez anos. Regúlanse os trámites que integran o procedemento de aprobación destes instrumentos de planificación, sendo tales trámites os que, polo carácter específico destas disposicións normativas, han de observarse, sen que resulten aplicables as previsións contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para a elaboración das disposicións regulamentarias autonómicas. Tamén se leva a cabo unha regulación xeral dos usos e das actividades para desenvolver nos espazos naturais protexidos, sen prexuízo da súa concreción en cada instrumento de planificación respectivo.

A regulación da xestión dos espazos naturais protexidos introduce como novidade a previsión dunha maior participación social, coa posibilidade de subscribir convenios ou acordos de xestión coas persoas propietarias e usuarias dos terreos ou con entidades de custodia do territorio, e modifícase a denominación das xuntas consultivas, que pasan a denominarse xuntas reitoras, sen que este cambio da denominación implique unha modificación das funcións que teñen encomendadas.

Non esquece esta lei exixir, con sometemento á lexislación básica estatal na materia, unha axeitada avaliación das repercusións no espazo, no caso dos plans, os programas ou os proxectos que poidan afectar espazos protexidos da Rede Natura 2000, e unha avaliación ambiental daqueles plans, programas e proxectos que poidan así mesmo afectar de forma apreciable os espazos incluídos na Rede galega de espazos protexidos.

Por último, este título recolle unha serie de previsións no tocante ás infraestruturas verdes e á conectividade e a restauración ecolóxicas, impoñendo a obriga de as consellarías con competencias afectadas elaboraren conxuntamente unha estratexia galega nesta materia que respecte a estratexia estatal aprobada para o efecto. Esta participación na elaboración da estratexia galega é unha mostra máis das numerosas previsións contidas nesta lei para facer efectiva a integración da consideración ambiental nas demais políticas sectoriais, exixencia derivada do propio Tratado de funcionamento da Unión Europea, no seu artigo 11.

V

O título III (artigos 88 ao 115) dedícase á regulación da conservación das especies e dos hábitats. Neste título inclúense dous capítulos: o primeiro relativo ás especies silvestres e o segundo aos hábitats, incorporando así o principio básico da relación directa entre a preservación das especies e a dos seus hábitats. Neste título desenvólvese a lexislación básica estatal e concrétanse aquelas cuestións singulares propias da Comunidade Autónoma de Galicia. Cómpre salientar que a regulación dos hábitats é unha novidade desta lei verbo do réxime legal existente ata o de agora en Galicia.

O capítulo I deste título III regula, polo tanto, a conservación das especies silvestres. Nel establécese unha serie de principios xerais e posteriormente determínanse un réxime de protección xeral – que se concreta nunha serie de prohibicións– e un réxime de protección especial.

O réxime de protección especial vén determinado pola inclusión dunha especie silvestre na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia, listaxe que se crea nesta lei coa terminoloxía empregada na lexislación estatal e que substitúe o Rexistro de especies de interese galego, que malia ser creado pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, non tivo dezasete anos despois un desenvolvemento regulamentario. Dentro da listaxe inclúese o Catálogo galego de especies ameazadas, que, ben que preexistente, ve agora restrinxidas as súas catro categorías a unicamente dúas: «en perigo de extinción» –coa subcategoría de «en perigo crítico de extinción»– e «vulnerable», para unha maior coherencia co establecido na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

Na mesma liña seguida nesta lei para outros procedementos, regúlase tamén dun xeito detallado o procedemento de inclusión dunha especie na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia, así como os efectos da dita inclusión. Entre estes efectos destacan, consonte o previsto tamén na lexislación estatal básica, unha serie de prohibicións e a necesidade de aprobar un plan de recuperación verbo das especies en perigo de extinción e un plan de conservación verbo das especies vulnerables. Con respecto aos plans de recuperación e de conservación das especies ameazadas terrestres e ás especies ameazadas non altamente migratorias cuxos hábitats se sitúen exclusivamente en espazos con continuidade ecolóxica do ecosistema mariño a respecto do espazo natural terrestre obxecto de protección, avalada pola mellor evidencia científica existente, especifícase o seu procedemento de aprobación e revisión, así como o seu contido mínimo, entre o que se inclúe, ao igual que nos instrumentos de planificación previstos no título anterior, unha memoria económica e unhas medidas para o seguimento da eficacia destes plans.

Pola súa banda, establécese unha serie de excepcións ás prohibicións, seguindo o disposto para o efecto pola normativa básica estatal e mantendo previsións autonómicas específicas. En todo caso, estas excepcións requiren da obtención da pertinente autorización por parte da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, título administrativo a través do cal se salvagarda a adecuada protección da biodiversidade.

Neste título tamén se aborda unha serie de cuestións complementarias á protección das especies silvestres, establecendo accións de conservación ex situ, de control das especies alóctonas e de reintrodución de especies autóctonas extinguidas. Por último, regúlase o Catálogo galego de árbores senlleiras, xa existente, e cuxo desenvolvemento se remite a un regulamento.

Pola súa parte, o capítulo II deste título III está destinado á conservación dos hábitats. Créase o Catálogo dos hábitats en perigo de desaparición de Galicia, en concordancia co respectivo catálogo nacional establecido pola normativa básica estatal, no cal se integrarán tanto os hábitats en perigo de desaparición declarados expresamente por parte da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural coma os incluídos no catálogo nacional e que se atopen en Galicia. Ademais, créase o Inventario galego do patrimonio natural e da biodiversidade, para os efectos de contribuír a unha mellor información pública sobre os elementos integrantes do patrimonio natural de Galicia.

VI

Por último, o título IV (artigos 116 ao 136) establece as previsións para a correcta vixilancia, a inspección e o control do cumprimento do disposto nesta lei e mais a tipificación e a clasificación das infraccións e das sancións, co respecto das previsións estatais básicas e o engadido das particularidades específicas da Comunidade Autónoma de Galicia. A lei dedica unha atención especial á reparación do dano causado e á reposición da situación alterada ao seu estado anterior, aspectos que poden ser materialmente tan importantes coma a mesma tipificación da infracción e a determinación da sanción aplicable.

As disposicións da parte final do articulado teñen por obxecto adecuar as situacións preexistentes á nova regulación contida nesta lei, salientando que, para os efectos de acadar unha maior celeridade na tramitación dos procedementos previstos nesta lei, a disposición adicional cuarta modifica o prazo máximo de emisión de informes que debe emitir o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible no eido das competencias que lle corresponden ao dito órgano conforme esta lei e as outras normas autonómicas.

Esta lei foi obxecto de consulta, ampla audiencia e ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

TÍTULO I Disposicións xerais

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta lei ten por obxecto establecer o réxime xurídico da conservación, do uso sustentable, da mellora e da restauración do patrimonio natural, da biodiversidade e da xeodiversidade, aplicable no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Principios xerais

Son principios inspiradores desta lei:

a) o mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais e dos sistemas vitais básicos, co apoio dos servizos dos ecosistemas para o benestar humano

b) a conservación e a restauración da biodiversidade e da xeodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. As medidas que se adopten para ese fin terán en conta as exixencias económicas, sociais e culturais, así como as particularidades rexionais e locais

c) a utilización ordenada dos recursos para garantir o aproveitamento sustentable do patrimonio natural, en particular das especies e dos ecosistemas, a súa conservación, restauración e mellora e mais para evitar a perda neta da biodiversidade

d) a conservación e a preservación da variedade, a singularidade e a beleza dos ecosistemas naturais, da diversidade xeolóxica e da paisaxe

e) a integración dos requisitos da conservación, do uso sustentable, da mellora e da restauración do patrimonio natural e da biodiversidade nas políticas sectoriais, e en particular na toma de decisións no ámbito político, económico e social

f) a prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística

g) a precaución nas intervencións que poidan afectar o patrimonio natural ou a biodiversidade

h) a garantía da información á cidadanía e a súa formación e concienciación sobre a importancia do patrimonio natural e da biodiversidade, así como a súa participación no deseño e na execución das políticas públicas dirixidas á consecución dos obxectivos establecidos por esta lei

i) a mellora do coñecemento científico como base da conservación do patrimonio natural e da biodiversidade, en coordinación coas universidades galegas e coas demais institucións de investigación públicas ou privadas

j) a prevención dos problemas derivados do cambio climático, a mitigación e a adaptación a el e mais a loita contra os seus efectos adversos

k) a contribución dos procesos de mellora na sustentabilidade do desenvolvemento asociados aos espazos naturais ou seminaturais

l) a participación dos habitantes e das persoas propietarias ou titulares dun dereito de uso dos territorios incluídos nos espazos naturais protexidos nas actividades coherentes coa conservación do patrimonio natural e da biodiversidade que se desenvolvan nos devanditos espazos e nos beneficios que deriven delas

m) o mantemento e a adaptación das poboacións de todas as especies de aves que viven normalmente en estado salvaxe nun nivel que corresponda en particular ás exixencias ecolóxicas, científicas e culturais, tendo en conta as exixencias económicas e recreativas.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos desta lei, enténdese por:

1) Acordo de custodia do territorio: o pacto subscrito de modo voluntario entre unha persoa física ou xurídica, pública ou privada, propietaria ou titular dun dereito de uso sobre un territorio e unha entidade de custodia do territorio co obxecto de favorecer a súa protección e conservación.

2) Biodiversidade ou diversidade biolóxica: a variabilidade dos organismos vivos de calquera fonte, incluídos, entre outras cousas, os ecosistemas terrestres e mariños e mais os outros ecosistemas acuáticos e os complexos ecolóxicos de que forman parte. Comprende a diversidade dentro de cada especie, entre as especies e dos ecosistemas.

3) Conservación: o mantemento ou o restablecemento en estado favorable do patrimonio natural e da biodiversidade, en particular dos hábitats naturais e seminaturais das poboacións de especies de fauna e de flora silvestres, así como o conxunto de medidas necesarias para o acadar.

4) Coñecemento tradicional: o coñecemento, as innovacións e as prácticas das poboacións locais ligados ao patrimonio natural e á biodiversidade, desenvolvidos desde a experiencia e adaptados á cultura e ao ambiente local.

5) Corredor ecolóxico: o territorio, de extensión e configuración variables, que, debido á súa disposición e ao seu estado de conservación, conecta funcionalmente espazos naturais de singular relevancia para a flora ou a fauna silvestres, separados entre si, permitindo, entre outros procesos ecolóxicos, o intercambio xenético entre poboacións de especies silvestres ou a migración de espécimes desas especies.

6) Custodia do territorio: o conxunto de estratexias ou técnicas xurídicas a través das cales se implican as persoas propietarias e usuarias do territorio na conservación e no uso dos valores e dos recursos naturais, culturais e paisaxísticos.

7) Ecosistema: o complexo dinámico de comunidades vexetais, de animais e de microorganismos e o seu medio non vivente que interactúan como unha unidade funcional.

8) Efectos significativos: a alteración de carácter permanente ou de longa duración do patrimonio natural, e, no caso dos espazos naturais protexidos, tamén toda alteración que afecte os elementos que motivaron a súa declaración e os obxectivos de conservación.

9) Entidade de custodia do territorio: a organización pública ou privada, sen ánimo de lucro, que leva a cabo iniciativas que inclúan a realización de acordos de custodia do territorio para a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade.

10) Especie ou subespecie: a unidade de categorización dos seres vivos.

Considéranse como tal os taxons que fosen descritos como tales nunha publicación científica de recoñecido prestixio e cando exista consenso por parte da comunidade científica acerca da súa validez.

11) Especie autóctona: a existente dentro da súa área de distribución natural.

12) Especie autóctona extinguida: a especie autóctona desaparecida no pasado da súa área de distribución natural.

13) Especie exótica invasora: a que se introduce ou establece nun ecosistema ou nun hábitat natural ou seminatural e que é un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, xa sexa polo seu comportamento invasor ou polo risco de contaminación xenética.

14) Especie naturalizada: a especie exótica establecida no ecosistema con carácter permanente, introducida legalmente antes da entrada en vigor da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e verbo da que non existan indicios nin evidencias de efectos significativos no medio natural en que habita, presentando ademais un especial interese, social ou económico.

15) Hábitat dunha especie: o medio definido por factores abióticos e bióticos específicos onde vive a especie nunha das fases do seu ciclo biolóxico.

16) Hábitats naturais: as zonas terrestres ou acuáticas diferenciadas polas súas características xeográficas, abióticas e bióticas, tanto se son enteiramente naturais coma seminaturais.

17) Instrumentos de planificación: calquera técnica de xestión dun espazo natural e dos seus usos, ou dunha especie silvestre, que fose sometido a un proceso de información pública, que fose obxecto dunha aprobación formal e que fose publicado.

18) Introdución: refírese ao movemento pola acción humana, voluntaria ou accidental, dunha especie fóra da súa área de distribución natural. Este movemento pódese realizar dentro dun país ou entre países ou zonas fóra da xurisdición nacional.

19) Lugares de importancia comunitaria: aqueles espazos do conxunto do territorio nacional ou do medio mariño, xunto coa zona económica exclusiva e a plataforma continental, aprobados como tales, que contribúen de forma apreciable ao mantemento ou, se é o caso, ao restablecemento do estado de conservación favorable dos tipos de hábitats naturais e dos hábitats das especies de interese comunitario, que figuran respectivamente nos anexos I e II da Lei 42/2007, do 13 de decembro, na súa área de distribución natural.

20) Material xenético: todo material de orixe vexetal, fúnxica, animal, microbiana ou doutro tipo que conteña unidades funcionais da herdanza.

21) Modificación non substancial dun instrumento de planificación: os cambios no instrumento xa aprobado que non constitúen variacións fundamentais no seu contido e que non afectan nin os obxectivos de conservación nin a normativa.

22) Modificación substancial dun instrumento de planificación: os cambios no instrumento xa aprobado que constitúen variacións fundamentais no seu contido ou que afectan os obxectivos de conservación ou a normativa.

23) Patrimonio natural: o conxunto de bens e de recursos da natureza fonte de diversidade biolóxica e xeolóxica, que teñen un valor relevante ambiental, paisaxístico, científico ou cultural.

24) Poboación: o conxunto de individuos do mesmo taxon que ocupan un lugar nun tempo determinado, que teñen descendencia fértil, illado doutros grupos, sen intercambio xenético normal entre eles, e que teñen trazos adaptativos únicos ou diferentes.

25. Praga ocasionada por fauna silvestre autóctona: aquela situación en que existe unha deterioración do hábitat natural ou das especies de flora ou fauna silvestres incluídas dentro do ámbito de aplicación desta lei, de tal modo que a dita situación sexa continua no tempo e estea por riba do limiar de tolerancia, entendido este como o límite a partir do cal a densidade da poboación dos individuos de fauna silvestre autóctona que conforman a praga poida ocasionar problemas ambientais, molestias ou produza ou poida producir prexuízos económicos ou danos de tal intensidade, extensión ou natureza que fagan necesaria a aplicación de medidas de control como medio máis eficaz para combatela.

26) Recursos naturais: todo compoñente da natureza susceptible de ser aproveitado polo ser humano para satisfacer as súas necesidades e que teña un valor actual ou potencial, tales como a paisaxe natural; as augas superficiais e subterráneas; o solo, o subsolo e as terras pola súa capacidade de uso maior, sexan agrícolas, pecuarias, forestais, cinexéticas e de protección; a biodiversidade; a xeodiversidade; os recursos xenéticos e os ecosistemas que lle dan soporte á vida; os hidrocarburos; os recursos hidroenerxéticos, eólicos, solares, xeotérmicos e similares; a atmosfera e o espectro radioeléctrico, e os minerais, as rochas e os outros recursos xeolóxicos renovables e non renovables.

27) Recursos xenéticos: o material xenético de valor real ou potencial.

28) Reservas da biosfera: os territorios declarados como tales no eido do Programa MAB (sobre o home e a biosfera) da UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura), de xestión integrada, participativa e sustentable do patrimonio e dos recursos naturais.

29) Solta: a liberación de exemplares de especies no medio natural.

30) Taxon: o grupo de organismos con características comúns.

31) Taxon autóctono: o taxon existente de forma natural nun lugar determinado, incluídos os extinguidos, se é o caso.

32) Taxon extinguido: o taxon autóctono desaparecido no pasado da súa área de distribución natural.

33) Uso sustentable do patrimonio natural: a utilización dos seus compoñentes dun modo e a un ritmo que non ocasione a súa redución no longo prazo, coa que se manteñen as posibilidades da súa achega á satisfacción das necesidades das xeracións actuais e futuras.

34) Uso tradicional: o uso e o costume practicados de forma histórica e que se veñan realizando sen que se detectasen efectos negativos apreciables sobre os bens e os recursos do patrimonio natural, así como todos aqueles que sexan especificamente identificados como tales nos instrumentos de planificación.

35) Xeodiversidade ou diversidade xeolóxica: a variedade de elementos xeolóxicos, incluídos as rochas, os minerais, os fósiles, os solos, as formas do releve, as formacións e as unidades xeolóxicas e as paisaxes, que son o produto e o rexistro da evolución da Terra.

36) Xeoparques ou parques xeolóxicos: os territorios delimitados que presentan formas xeolóxicas únicas, de especial importancia científica, singularidade ou beleza e que son representativos da historia evolutiva xeolóxica e dos eventos e procesos que as formaron. Tamén os lugares que destacan polos seus valores arqueolóxicos, ecolóxicos ou culturais relacionados coa xea.

37) Zonas especiais de conservación: os lugares de importancia comunitaria aprobados pola Comisión Europea e declarados pola administración competente xunto coa aprobación do correspondente plan ou instrumento de xestión.

38) Zonas de especial protección para as aves: os espazos do territorio nacional e do medio mariño, xunto coa zona económica exclusiva e a plataforma continental, declarados como tales pola administración competente, máis axeitados en número e en superficie para a conservación das especies de aves incluídas no anexo IV da Lei 42/2007, do 13 de decembro, e para as aves migratorias de presenza regular en España.

Lei 4/2021, do 28 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 3 apartado 25 nova redacción por artigo 10 apartado un.

Artigo 4. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia

Corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia o exercicio das funcións que esta lei atribúe á Administración e ao Parlamento autonómicos respecto dos espazos, das especies (agás no caso das especies altamente migratorias no ámbito mariño) e dos hábitats e das áreas críticas situados no medio terrestre da comunidade autónoma de Galicia, así como no medio mariño cando exista continuidade ecolóxica do ecosistema mariño co espazo natural terrestre obxecto de protección, avalada pola mellor evidencia científica existente.

Lei 4/2021, do 28 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 4 nova redacción por artigo 10 apartado dous.

Artigo 5. Deberes de conservación

1. A Administración autonómica, no seu respectivo ámbito competencial, as entidades de dereito público e privado e toda a cidadanía teñen o deber de respectar e conservar o patrimonio natural e a biodiversidade, prestando especial atención aos hábitats e ás especies silvestres en réxime de protección especial, así como, cando así se impoña, a obriga de restaurar ou reparar o dano que puidesen causar aos recursos naturais obxecto de protección por esta lei.

2. A Administración autonómica e as administracións locais galegas teñen os seguintes deberes:

a) os previstos no artigo 5.2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, no seu respectivo ámbito competencial

b) adoptar as medidas preventivas necesarias para evitar a execución de accións contrarias aos obxectivos desta lei e, se é o caso, determinar as medidas pertinentes para a reparación dos danos e as perdas causados

c) colaborar e cooperar entre si e coas entidades de dereito privado, nos termos establecidos nesta lei, para garantir un uso sustentable do patrimonio natural e da biodiversidade

d) incorporar criterios de sustentabilidade nas decisións sobre os aproveitamentos dos recursos, para garantir un gozo do medio natural que permita a satisfacción das necesidades das xeracións actuais e futuras.

CAPÍTULO II Mecanismos de colaboración e cooperación

Artigo 6. Mecanismos de colaboración e cooperación

1. A Administración autonómica fomentará a custodia do territorio mediante uns acordos entre as entidades de custodia e as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, propietarias e usuarias do territorio que teñan por obxectivo principal a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade.

2. A Administración autonómica, cando sexa titular de terreos situados en espazos naturais, poderá subscribir acordos de cesión da súa xestión, total ou parcial, a entidades de custodia do territorio.

Os acordos para a cesión da xestión formalizaranse por escrito, terán unha duración temporal limitada e recollerán, en todo caso, o sistema de financiamento para o seu axeitado desenvolvemento e as directrices mínimas de xestión, que se deberán fixar previamente nun documento de xestión. Estes acordos non supoñerán en ningún caso a transmisión da titularidade dos terreos obxecto destes.

3. Así mesmo, poderanse establecer mecanismos de cooperación da Administración autonómica con outras administracións e institucións públicas ou privadas coa finalidade de incentivar a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade e a integración dos sectores socioeconómicos nesta conservación.

4. Cando o ámbito territorial dun espazo natural protexido linde con outra comunidade autónoma, a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia poderá subscribir convenios ou acordos de cooperación coas comunidades autónomas correspondentes, logo do cumprimento das exixencias impostas pola normativa aplicable, co obxectivo de salvagardar a coherencia e a efectividade das medidas de protección correspondentes.

CAPÍTULO III Educación e formación

Artigo 7. Estratexia galega de educación ambiental

1. A Estratexia galega de educación ambiental é o documento de carácter programático e orientativo a través do cal a consellaría competente en materia de ambiente concreta os fundamentos, as directrices e as actuacións ligadas ao deseño, o desenvolvemento e a avaliación da educación ambiental na nosa comunidade autónoma.

2. A Estratexia galega de educación ambiental integrará entre os seus obxectivos a consecución dos principios inspiradores desta lei, para cuxos efectos incluirá uns programas de formación e educación específicos sobre a necesidade de protexer o patrimonio natural e a biodiversidade, nos que se promoverán os coñecementos tradicionais sustentables para a súa conservación e a implicación da cidadanía e dos axentes económicos e sociais coa conservación do dito patrimonio natural e da biodiversidade.

CAPÍTULO IV Información e participación pública

Artigo 8. Información

1. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural recompilará e poñerá á disposición do público toda a información documental e gráfica de que dispoña, relativa aos espazos naturais protexidos, á biodiversidade e á xeodiversidade, agás que resulte aplicable algunha das excepcións previstas no artigo 13 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente (incorpora as directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE).

2. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural colaborará coa Administración estatal na elaboración dos informes previstos no artigo 11 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

Artigo 9. Participación pública

1. A Administración autonómica garantirá a participación pública no deseño e na execución das políticas públicas dirixidas á consecución dos obxectivos desta lei. En todo caso, garántese a participación pública:

a) nos procedementos de declaración dos espazos naturais protexidos de competencia autonómica

b) nos procedementos de aprobación, revisión ou modificación dos instrumentos de planificación de espazos e nos procedementos de aprobación dos plans de recuperación e dos plans de conservación de especies catalogadas previstos nesta lei

c) nos proxectos de reintrodución de especies autóctonas extinguidas de competencia autonómica

d) na elaboración de disposicións de carácter xeral autonómicas dirixidas á consecución dos obxectivos establecidos nesta lei.

2. Igualmente, promoverá e facilitará a participación solidaria da cidadanía en actuacións de voluntariado, mediante actividades organizadas para o efecto.

3. Así mesmo, promoverá os mecanismos para facilitar a participación das persoas propietarias ou titulares dun dereito de uso dos terreos ou daqueles sectores socioeconómicos que resulten directamente afectados nas actuacións que se desenvolvan na Rede galega de espazos protexidos.

CAPÍTULO V Financiamento e axudas

Artigo 10. Financiamento

1. A Administración autonómica habilitará os medios humanos, materiais e financeiros necesarios para o cumprimento do establecido nesta lei.

2. As vías de financiamento que garantirán o cumprimento do establecido nesta lei son as seguintes:

a) as dotacións orzamentarias autonómicas específicas para a planificación, a ordenación, a protección, o uso e a xestión da Rede galega de espazos protexidos e mais para a protección e a conservación da biodiversidade

b) os recursos procedentes da Administración xeral do Estado e doutras administracións públicas

c) os recursos derivados de programas procedentes de fondos europeos

d) as achegas ou as doazóns realizadas por parte de persoas físicas ou xurídicas e con destino específico á promoción de actuacións de conservación da natureza

e) o importe resultante da incautación total ou parcial das garantías constituídas ao amparo desta lei

f) os ingresos derivados da prestación de servizos relacionados cos espazos naturais protexidos e da comercialización da súa imaxe de marca

g) as partidas específicas recollidas nos instrumentos de financiamento regulados na Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural, e no correspondente programa de desenvolvemento rural sustentable

h) o importe das sancións e das indemnizacións impostas en aplicación desta lei.

3. A aprobación por parte da Administración autonómica do instrumento de planificación dun espazo natural protexido ou dun plan de recuperación ou de conservación das especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas irá acompañada dunha previsión das fontes de financiamento que garantan o cumprimento dos seus fins.

Artigo 11. Axudas

1. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural poderá establecer axudas técnicas, económicas e financeiras co fin de contribuír á conservación e ao aproveitamento sustentable dos espazos naturais protexidos e da biodiversidade.

Estas axudas tamén poderán ter por obxecto a promoción do desenvolvemento socioeconómico das poboacións dos espazos naturais protexidos ou das súas áreas de influencia socioeconómica, coa finalidade de contribuír á mellora da calidade de vida dos seus habitantes e ao desenvolvemento sustentable nestes ámbitos.

2. No outorgamento das axudas previstas na alínea 1 deste artigo darase prioridade ás seguintes actuacións:

a) a promoción dos usos tradicionais sustentables, así como daqueles novos que contribúan favorablemente ao mantemento da biodiversidade

b) as actuacións desenvoltas nos espazos incluídos na Rede galega de espazos protexidos, e especialmente nos espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, ou nas súas respectivas áreas de influencia socioeconómica, así como sobre as especies presentes nos devanditos espazos, dirixidas á mellora do estado de conservación dos espazos e á redución de presións e ameazas e mais aqueloutras que resulten coherentes coa planificación

c) as actuacións para desenvolver nas áreas de presenza ou críticas para as especies ameazadas, ou nas áreas con hábitats ameazados ou cualificados como prioritarios para a Unión Europea

d) as actuacións para desenvolver por persoas propietarias ou titulares dun dereito de uso dos terreos afectados polas limitacións derivadas da declaración do espazo natural protexido ou da aprobación do seu instrumento de planificación

e) as actuacións previstas nos instrumentos de planificación das áreas protexidas por instrumentos internacionais.

3. A Administración autonómica, as administracións locais de Galicia e as entidades públicas que dependen delas, no exercicio das súas competencias, non poderán subvencionar ou conceder axudas, en relación cun plan, un programa ou un proxecto que se pretenda desenvolver nos espazos naturais protexidos, cando da análise das súas posibles repercusións sobre os valores que xustificaron a súa declaración se concluíse que terían efectos significativos negativos sobre eles. Exceptúanse desta prohibición os supostos previstos no artigo 84.3.

4. A Administración autonómica, as administracións locais de Galicia e as entidades públicas que dependen delas deberán, no exercicio das súas competencias, priorizar no outorgamento das axudas ou subvencións previstas neste artigo aqueles plans, programas, proxectos ou actividades que se executen nun espazo protexido cando contribúan ao desenvolvemento sustentable das poboacións locais e sexan acordes cos obxectivos de conservación.

A Administración autonómica, as administracións locais de Galicia e as entidades públicas que dependen delas deberanlle comunicar anualmente o outorgamento destas axudas ou subvencións á consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

CAPÍTULO VI Actuacións sectoriais

Artigo 12. Actuacións vinculadas con usos recreativos, deportivos e turísticos

1. A Administración autonómica en colaboración, se é o caso, con outras administracións públicas ou entidades privadas fomentará, dentro do seu respectivo ámbito competencial, a implantación e o desenvolvemento de modelos de turismo compatibles coa consecución dos obxectivos desta lei.

Neste senso, favorecerá aquelas actividades sustentables que posibiliten a divulgación do medio natural e que inclúan a interpretación do patrimonio natural como unha oferta dos seus servizos. Así mesmo, fomentará as actividades turísticas que incidan na mellora da economía e na calidade de vida das poboacións rurais en que se desenvolvan.

2. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, por causa de conservar o devandito patrimonio, poderá regular as condicións que, por razón da conservación do patrimonio natural, deben cumprir os usos recreativos, deportivos, turísticos e outros que se desenvolvan no medio natural, co fin de compatibilizar estes coa conservación do patrimonio natural. Así mesmo, determinará as condicións ou as regulacións en materia de turismo de observación, fotografía ou calquera outra actividade ligada coa xea e coa flora e a fauna silvestres, de xeito que a execución destas actividades se realice sen ocasionar danos ou molestias a estas.

Artigo 13. Control das pragas ocasionadas pola fauna silvestre autóctona

1. A consellaría competente en materia de patrimonio natural poderá declarar a situación de praga ocasionada por algunha especie de fauna silvestre autóctona cando exista unha deterioración do hábitat natural ou das especies de flora ou fauna silvestres incluídas dentro do ámbito de aplicación desta lei, de tal forma que a dita situación sexa continua no tempo e estea por riba do limiar de tolerancia, entendido este como o límite a partir do cal a densidade da poboación dos individuos de fauna silvestre autóctona que conforman a praga poida ocasionar problemas ambientais, molestias ou perdas económicas que produzan ou poidan producir prexuízos económicos ou danos de tal intensidade, extensión ou natureza que fagan necesaria a aplicación de medidas de control como medio máis eficaz para a combater.

2. A declaración dunha praga requirirá o establecemento de sistemas de control que, respectando a lexislación sectorial, aseguren o mantemento duns niveis poboacionais mínimos que garantan a viabilidade da poboación obxecto de control.

Lei 4/2021, do 28 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 13 apartado 1 nova redacción por artigo 10 apartado tres.

Artigo 14. Protección da avifauna e dos quirópteros contra a colisión e a electrocución nas liñas eléctricas

1. As novas liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica e a modificación das existentes deberán ser deseñadas de maneira que se minimicen os riscos de electrocución e colisión para a avifauna e os quirópteros, tanto na determinación dos trazados coma no deseño construtivo.

2. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural determinará, mediante unha resolución que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, as zonas de protección para a avifauna e os quirópteros existentes no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, entre as que se incluirán as zonas de especial protección para as aves, os ámbitos de aplicación dos plans de recuperación e de conservación elaborados pola Comunidade Autónoma para as especies de aves incluídas no Catálogo español de especies ameazadas ou no Catálogo galego e, cando non estean comprendidas nos anteriores, as áreas prioritarias de reprodución, alimentación, dispersión e concentración local das especies de aves incluídas nos ditos catálogos.

Nestas zonas adoptaranse as medidas de protección da avifauna e dos quirópteros previstas na normativa sectorial aplicable.

Artigo 15. Protección da avifauna e dos quirópteros no desenvolvemento do sector eólico

Na planificación do aproveitamento da enerxía eólica en Galicia, a Administración autonómica terá en conta o disposto na normativa sectorial vixente en canto á existencia de zonas de especial protección para as aves e ás necesidades das aves migratorias e dos quirópteros.

Artigo 16. Actuacións agrícolas

1. As consellarías competentes en materia de conservación do patrimonio natural e en materia agrícola identificarán conxuntamente os sistemas agrícolas e as prácticas asociadas que resulten máis relevantes para o mantemento da conservación da natureza, así como as áreas agrícolas de alto valor natural.

2. A loita contra as pragas agrícolas, os tratamentos fitosanitarios e a fertilización de sistemas agrarios deberanse realizar de xeito que resulten compatibles cos obxectivos desta lei e de conformidade coa súa normativa específica.

3. Para dar cumprimento ás alíneas anteriores, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural e a consellaría competente en materia agrícola elaborarán conxuntamente uns códigos de boas prácticas agrarias que permitan compatibilizar as actuacións agrarias coa conservación do patrimonio natural.

Artigo 17. Actuacións forestais

1. A xestión dos montes rexerase polos principios de aproveitamento sustentable, de conservación e de mellora do patrimonio natural.

2. A loita contra as pragas forestais, os tratamentos fitosanitarios e a fertilización forestal deberanse realizar de xeito que resulten compatibles cos obxectivos desta lei.

Artigo 18. Reestruturación parcelaria

1. As actuacións de reestruturación parcelaria en espazos naturais protexidos estarán condicionadas ao mantemento dos valores naturais das zonas por reestruturar conforme o que resulte da avaliación ambiental realizada polo órgano ambiental.

2. Nos procedementos de reestruturación parcelaria de carácter público, con carácter previo á elaboración polo órgano competente do estudo previo de iniciación, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural emitirá un informe relativo aos aspectos relacionados coa conservación da natureza, no que analizará, de forma conxunta, a totalidade das actuacións e no que motivadamente poderá propoñer a exclusión de parcelas da zona de reestruturación parcelaria.

3. Para a exclusión de parcelas da zona de reestruturación parcelaria teranse en conta os parámetros de conectividade ecolóxica e de funcionalidade dos hábitats, procurando de maneira preferente a contorna dos cursos de auga, das zonas húmidas e das áreas de relevancia para as aves. Asemade, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural emitirá informe sobre a adecuación do proxecto de restauración do medio natural.

Artigo 19. Planificación sectorial do aproveitamento dos recursos naturais

1. Os órganos da Administración autonómica responsables da aprobación da planificación sectorial do aproveitamento dos recursos naturais que poidan afectar os espazos protexidos, as especies ou os hábitats protexidos nesta lei, en especial os espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán integrar na planificación, como un dos seus obxectivos, que os aproveitamentos do recurso natural obxecto de planificación non causen prexuízos á integridade dos espazos nin ao estado de conservación das especies, dos hábitats e das formacións xeolóxicas protexidos.

2. A obriga recollida na alínea anterior terase particularmente en conta na planificación forestal, das infraestruturas agrarias, da pesca e o marisqueo, da acuicultura e da minaría.

3. Así mesmo, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural poderá elaborar conxuntamente coas consellarías sectorialmente competentes uns códigos de boas prácticas que permitan compatibilizar as actuacións que hai que desenvolver coa conservación do patrimonio natural.

CAPÍTULO VII Garantía financeira

Artigo 20. Garantía financeira

1. O outorgamento das autorizacións autonómicas previstas nesta lei, relativas ás actividades para desenvolver en espazos naturais protexidos e ás actuacións que poidan afectar as especies, poderase condicionar á dispoñibilidade por parte da persoa promotora da actuación dunha garantía financeira que responda dos posibles danos ao patrimonio natural ou á biodiversidade que poidan derivar da execución das actuacións autorizadas.

2. A exixibilidade da garantía e a fixación do importe desta, no caso de ser exixida, deberase basear na análise motivada das características, a perigosidade e o potencial risco sobre o patrimonio natural e a biodiversidade da actuación suxeita á autorización, así como na previa constitución ou non doutra garantía financeira consonte o disposto noutra normativa ambiental sectorial e, se é o caso, a súa cobertura respecto dos posibles danos ao patrimonio natural ou á biodiversidade.

TÍTULO II Espazos naturais protexidos

CAPÍTULO I Concepto e categorías

Artigo 21. Concepto de espazo natural protexido

1. Son espazos naturais protexidos da Comunidade Autónoma de Galicia aqueles que sexan declarados como tales pola administración competente, por concorrer neles algún dos seguintes requisitos:

a) conter sistemas ou elementos naturais representativos, singulares, fráxiles, ameazados ou de especial interese ecolóxico, científico, paisaxístico, xeolóxico ou educativo

b) contribuír a garantir o bo estado de conservación dos hábitats, das comunidades e das especies presentes en calquera das fases do seu ciclo vital, que se atopen ameazados ou que ao abeiro de convenios internacionais subscritos por España ou de disposicións específicas requiran unha protección especial

c) estar dedicados especialmente á protección e ao mantemento da diversidade biolóxica, da xeodiversidade e dos recursos naturais e culturais asociados, así como dos procesos evolutivos, a conectividade e a migración das especies e mais das funcións e dos procesos ecolóxicos esenciais

d) conter elementos de especial interese para a interpretación e o estudo do medio natural e dos valores culturais asociados.

2. Con carácter xeral, os espazos naturais protexidos non poderán comprender solos que teñan a condición de solos urbanos nun instrumento de planificación urbanística aprobado na data do inicio do procedemento de declaración do espazo natural como protexido, agás que se xustifique expresamente a súa inclusión por necesidades concretas de conservación.

Artigo 22. Categorías de espazos naturais protexidos

1. En función dos bens e dos valores que se deben protexer e dos obxectivos de xestión por cumprir, os espazos naturais protexidos regulados nesta lei clasifícanse nas seguintes categorías:

a) reserva natural

b) parque

c) monumento natural

d) zona húmida protexida

e) paisaxe protexida

f) espazo protexido Rede Natura 2000

g) espazo natural de interese local

h) espazo privado de interese natural.

2. Os espazos naturais protexidos de competencia autonómica poderán abranguer no seu perímetro ámbitos terrestres ou ámbitos terrestres e mariños cando exista continuidade ecolóxica do ecosistema mariño co espazo natural terrestre obxecto de protección, avalada pola mellor evidencia científica existente.

3. No ámbito territorial dun espazo natural protexido poderán coexistir distintas categorías de protección das previstas na alínea 1 deste artigo.

Porén, non se poderán declarar como espazos naturais de interese local ou espazos privados de interese natural aqueles espazos xa declarados nalgunha das categorías da Rede galega de espazos protexidos.

Artigo 23. Reserva natural

1. As reservas naturais son espazos naturais nos cales a declaración ten como finalidade a protección dos ecosistemas, das comunidades ou dos elementos biolóxicos que, pola súa rareza, fraxilidade, importancia ou singularidade, merecen unha valoración especial.

Nas reservas limitarase a explotación dos recursos, agás naqueles casos en que esta explotación sexa compatible coa conservación dos valores que se pretenden protexer. Con carácter xeral, prohibirase a apaña de material biolóxico ou xeolóxico, agás que se dispoña de autorización específica previa para a realización desta actividade por razóns de investigación, de conservación ou educativas.

2. Cando algunha zona incluída na reserva natural conteña ecosistemas ou comunidades nun estado de conservación que requira unha protección absoluta, poderá ser declarada zona de reserva natural integral. Nestas zonas prohibirase calquera tipo de aproveitamento e restrinxirase o acceso público, garantindo a mínima intervención exterior posible, salvo as medidas de conservación, de xestión e, de ser o caso, de investigación que se estimen pertinentes.

3. Como unha categoría específica das reservas naturais, poderanse declarar como refuxios de vida silvestre-microrreservas aqueles espazos de superficie inferior a vinte hectáreas e referidos a toda ou unha parte do hábitat en que vive unha especie, unha subespecie ou unha poboación e que conteñan hábitats raros ou que constitúan o hábitat de especies ameazadas e cuxa conservación resulte de especial importancia.

De igual xeito, mediante a aprobación de plans, poderanse establecer unhas medidas de conservación de carácter temporal ou permanente en áreas de pequena extensión co obxecto de garantir un estado de conservación favorable para as especies de flora e fauna catalogadas. Así mesmo, nas áreas críticas adoptaranse unhas medidas de conservación e uns instrumentos de xestión específicos para estas áreas ou integrados noutros plans, que eviten as afeccións negativas para as especies que motivaron a designación destas áreas.

Artigo 24. Parque

1. Os parques son áreas naturais que, pola beleza das súas paisaxes, a representatividade dos seus ecosistemas ou a singularidade da súa flora, da súa fauna ou da súa diversidade xeolóxica, incluídas as súas formacións xeomorfolóxicas, posúen uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos ou científicos cuxa conservación merece unha atención preferente.

2. De acordo co artigo 31.2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, os parques nacionais rexeranse pola súa normativa específica, conforme a cal a declaración se efectuará por unha lei das Cortes Xerais, e á Comunidade Autónoma de Galicia corresponderalle a xestión dos situados no seu territorio nos termos previstos na dita normativa.

3. Pola súa parte, a declaración dun espazo como parque natural correspóndelle á Administración autonómica.

A declaración dun espazo como parque natural requirirá, ademais do disposto na alínea 1 deste artigo, que teña unha superficie continua e non fragmentada, abonda para permitir que se manteñan as súas características físicas e biolóxicas, e que se asegure o funcionamento dos procesos naturais presentes. Para estes efectos, a superficie do parque natural, agás en casos debidamente xustificados, terá:

a) como mínimo, dúas mil cincocentas hectáreas nos parques naturais terrestres ou marítimo-terrestres insulares, e

b) como mínimo, dez mil hectáreas nos parques naturais terrestres ou marítimo-terrestres peninsulares.

4. Nos parques poderanse limitar os aproveitamentos dos recursos naturais, prohibíndose en todo caso os que resulten incompatibles coas finalidades que xustificaron a súa declaración.

5. Nos parques facilitarase a entrada de visitantes coas limitacións precisas para garantir a conservación dos seus valores naturais e para respectar os dereitos das persoas titulares dos terreos.

6. A Rede de parques naturais de Galicia, creada polo Decreto 69/2016, do 19 de maio, coordinará a xestión destes espazos naturais protexidos.

Artigo 25. Monumento natural

1. Os monumentos naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial.

2. Considéranse tamén monumentos naturais os seguintes elementos que fosen expresamente declarados como tales: as árbores senlleiras e monumentais, as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e mineralóxicos, os estratotipos e os demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou a importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.

3. Nos monumentos naturais limitarase con carácter xeral a explotación dos recursos, agás cando esta explotación sexa plenamente coherente coa conservación dos valores que se pretenden protexer, conforme o establecido nas súas normas de declaración ou xestión, ou naqueles casos en que, por razóns de investigación ou conservación ou por CVE-DOG se tratar de actividades económicas compatibles cun mínimo impacto e que contribúan ao benestar socioeconómico ou da poboación, se permita a devandita explotación, logo de autorización administrativa.

4. Créase o Inventario galego de lugares de interese xeomorfolóxico como rexistro público de carácter administrativo dependente da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Neste inventario incluirase a información actualizada sobre todos os espazos de carácter xeomorfolóxico situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os requisitos establecidos na normativa básica estatal para a súa inclusión no Inventario español de lugares de interese xeomorfolóxico. A Administración autonómica comunicará a información recollida neste inventario, para os efectos do seu reflexo no Inventario español de lugares de interese xeomorfolóxico.

O Inventario galego de lugares de interese xeomorfolóxico incorporará todos os monumentos naturais de carácter xeomorfolóxico.

Artigo 26. Zona húmida protexida

1. Son zonas húmidas protexidas as extensións de marismas, pantanos, turbeiras ou superficies cubertas de auga, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña nas cales a profundidade en marea baixa non exceda de seis metros, que á vez cumpran unha función de importancia internacional, nacional ou autonómica na conservación dos recursos naturais e que sexan declaradas como tales.

Poderán comprender zonas de ribeira, costeiras ou adxacentes, así como as illas ou as extensións mariñas de profundidade superior aos seis metros en marea baixa cando estas se atopen dentro da zona húmida.

2. Nas zonas húmidas protexidas poderanse limitar os aproveitamentos dos recursos naturais, prohibíndose en todo caso os incompatibles coas finalidades que xustificaron a súa declaración.

3. O Inventario de zonas húmidas de Galicia creado polo Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico das zonas húmidas protexidas e se crea o Inventario de zonas húmidas de Galicia, incorporará todos os espazos naturais protexidos declarados nesta categoría.

Artigo 27. Paisaxe protexida

1. As paisaxes protexidas son espazos que, polos seus valores naturais, estéticos e culturais e de acordo co Convenio da paisaxe do Consello de Europa, sexan merecedores dunha protección especial.

2. Nas paisaxes protexidas procurarase o mantemento das prácticas tradicionais que contribúan á preservación dos seus valores e recursos naturais e mais á conservación das relacións e dos procesos, tanto naturais coma socioeconómicos, que contribuíron á súa formación e fan posible o seu mantemento.

Artigo 28. Espazo protexido Rede Natura 2000

Os espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia estarán constituídos por:

a) os lugares de importancia comunitaria, ata a súa transformación en zonas especiais de conservación

b) as zonas especiais de conservación, e

c) as zonas de especial protección para as aves.

Artigo 29. Espazo natural de interese local

1. Son espazos naturais de interese local aqueles espazos integrados nun ou en varios termos municipais que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais a nivel local.

2. A responsabilidade e a competencia na xestión destes espazos corresponderalles ás entidades locais, no seu ámbito territorial respectivo.

3. As entidades locais poderán constituír consorcios, mancomunidades ou outras modalidades asociativas para a xestión destes espazos e poderán subscribir acordos de cesión total ou parcial da súa xestión con entidades de custodia do territorio, sen que os ditos acordos alteren o réxime de responsabilidade previsto na alínea anterior.

4. Estes espazos non se considerarán incluídos na Rede galega de espazos protexidos, e a súa declaración como espazos naturais protexidos non implicará a asignación de recursos da Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que poderán ter preferencia na obtención de axudas para a súa conservación e xestión.

5. Nestes espazos promoverase o desenvolvemento de actuacións de educación ambiental e uso social do ambiente.

6. A declaración dun espazo natural de interese local en terreos de propiedade privada requirirá a conformidade expresa das persoas propietarias ou titulares dun dereito de uso.

Artigo 30. Espazo privado de interese natural

1. Son espazos privados de interese natural aqueles terreos de titularidade privada nos cales existan formacións naturais, especies ou hábitats de flora ou fauna silvestres dos que se considere de interese a súa protección.

2. A responsabilidade na xestión destes espazos corresponderalles ás persoas promotoras da súa declaración, que deberán ser as propietarias ou as titulares dun dereito de uso dos terreos. E pola súa vez poderán subscribirse acordos de cesión total ou parcial da súa xestión con entidades de custodia do territorio.

3. Estes espazos non se considerarán incluídos na Rede galega de espazos protexidos, e a súa declaración como espazos naturais protexidos non implicará a asignación de recursos da Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que poderán ter preferencia na obtención de axudas para a súa conservación e xestión.

CAPÍTULO II Rede galega de espazos protexidos

Artigo 31. Composición

1. Na Rede galega de espazos protexidos, de competencia autonómica, están representados os principais ecosistemas, as paisaxes ou os hábitats presentes en Galicia. Esta rede contén aqueles espazos necesarios para asegurar o mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais e a preservación da diversidade xenética.

2. A Rede galega de espazos protexidos está constituída polos espazos naturais protexidos de competencia autonómica declarados e que se declaren no futuro nalgunha das categorías enumeradas no artigo 22.1, agás os das alíneas g) e h).

3. En relación cos parques nacionais, as competencias da Comunidade Autónoma galega serán as que correspondan de acordo coa normativa específica a eles aplicable.

Artigo 32. Efectos

A declaración dun espazo incluído na Rede galega de espazos protexidos terá os seguintes efectos:

a) a declaración de utilidade pública para os efectos expropiatorios de todos os bens e dereitos incluídos dentro do seu ámbito

b) a declaración de utilidade pública e interese social das obras necesarias para a conservación e a restauración do correspondente espazo natural protexido, en especial as que teñan por obxecto facer fronte a fenómenos catastróficos ou excepcionais, sen prexuízo do disposto no artigo 4.3 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade

c) o sometemento dos actos e dos negocios xurídicos de carácter oneroso e formalizados inter vivos de bens inmobles á facultade da administración de exercer os dereitos de tenteo e de retracto nas condicións e coas excepcións establecidas no artigo 33

d) a suxeición á servidume de instalación de sinais prevista no artigo 34

e) a utilización dos bens e dos recursos naturais comprendidos no correspondente espazo consonte o previsto nesta lei e nos instrumentos de planificación establecidos nela

f) a prioridade no desenvolvemento de actuacións de mellora das condicións socioeconómicas da poboación residente

g) calquera outro efecto que regulamentariamente se determine.

Artigo 33. Dereitos de tenteo e de retracto

1. Os actos ou os negocios xurídicos de carácter oneroso e formalizados inter vivos que comporten a creación, a transmisión, a modificación ou a extinción de dereitos reais que recaian sobre bens inmobles situados total ou parcialmente no ámbito dunha reserva natural, dun parque, dun monumento natural, dunha zona húmida protexida ou dunha paisaxe protexida sométense aos dereitos de tenteo e de retracto por parte da Administración autonómica de Galicia.

Quedan excluídos desta facultade todos os inmobles incluídos nos espazos pertencentes á categoría de espazo protexido Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e nos cales non concorra outra categoría das relacionadas no parágrafo anterior.

2. O prazo do exercicio do dereito de tenteo será de tres meses, contado a partir da notificación fidedigna do prezo e das condicións esenciais da transmisión pretendida que a persoa transmitente debe efectuar á consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Ao transcorrer o dito prazo sen que a consellaría lle notificase á persoa transmitente o exercicio do dereito de tenteo, a transmisión pretendida poderá levarse a cabo.

3. O dereito de retracto poderase exercer dentro do prazo dun ano, contado desde a notificación ou a data en que a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural teña coñecemento fidedigno da transmisión.

4. Haberá que aterse ao disposto no parágrafo terceiro do artigo 40.2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, respecto da inscrición dos documentos polos que se transmitan dereitos reais sobre os bens previstos neste artigo.

Artigo 34. Servidume de instalación de sinais

1. Os terreos comprendidos dentro dun espazo incluído na Rede galega de espazos protexidos estarán suxeitos á servidume forzosa de instalación de sinais indicadores da súa condición e do seu réxime, nos termos previstos neste artigo.

2. A declaración e a imposición desta servidume efectuaranse por unha resolución emitida pola consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, logo da tramitación do correspondente procedemento, no que, con audiencia das persoas interesadas, se deberá xustificar a conveniencia e a necesidade técnica da súa instalación.

3. A imposición da servidume comporta a obriga dos predios serventes de dar paso e permitir a realización dos traballos necesarios para a súa instalación, conservación ou renovación.

Artigo 35. Limitacións derivadas da declaración de espazo natural protexido

1. As limitacións ao uso dos bens e dos dereitos derivadas da declaración de espazo incluído na Rede galega de espazos protexidos ou dos seus instrumentos de planificación previstos nesta lei poderán dar lugar a axudas, subvencións ou outras medidas compensatorias.

2. As limitacións referidas na alínea anterior serán indemnizables cando así proceda consonte o disposto na lexislación de expropiación forzosa, na lexislación en materia de responsabilidade patrimonial ou noutra normativa aplicable.

Artigo 36. Zona periférica de protección

1. Nas declaracións dos espazos incluídos na Rede galega de espazos protexidos poderanse establecer unhas zonas periféricas de protección destinadas a evitar impactos ecolóxicos ou paisaxísticos procedentes do exterior. Cando proceda, na propia norma de creación estableceranse as limitacións necesarias.

2. As zonas periféricas de protección non terán a consideración de espazo natural protexido.

3. Nas zonas periféricas de protección fomentarase a realización de actuacións que resulten compatibles coa conservación do espazo natural protexido. Nelas poderanse establecer infraestruturas de uso público que non se poidan localizar no devandito espazo natural protexido.

Artigo 37. Áreas de influencia socioeconómica

1. As normas que declaren os espazos incluídos na Rede galega de espazos protexidos poderán delimitar áreas de influencia socioeconómica co fin de contribuír ao mantemento dos ditos espazos e de favorecer o desenvolvemento socioeconómico das poboacións locais de maneira compatible cos obxectivos de conservación do espazo.

O establecemento destas áreas de influencia socioeconómica incluirá a especificación do réxime económico e as compensacións adecuadas ao tipo de limitacións.

2. As áreas de influencia socioeconómica estarán integradas, cando menos, polo conxunto dos termos municipais onde se atope localizado o espazo natural protexido e a súa zona periférica de protección. Estas áreas poderán englobar tamén outros municipios limítrofes cando constitúan cos anteriores unha unidade territorial ou económica que o recomende ou cando concorran causas obxectivas que o xustifiquen e así se dispoña na norma declarativa do espazo.

3. A Administración autonómica promoverá nestas áreas o desenvolvemento de actividades tradicionais sustentables ligadas á dinamización da contorna do espazo natural protexido, e para o efecto poderá conceder unhas axudas técnicas, económicas ou financeiras.

4. Dentro do necesario respecto á normativa específica aplicable, poderase prever o uso de marcas que fagan referencia á denominación de espazos naturais protexidos por parte de produtos procedentes de actividades tradicionais sustentables do espazo natural protexido de que se trate ou da súa área de influencia socioeconómica.

CAPÍTULO III Procedementos de declaración dos espazos naturais protexidos

Artigo 38. Disposicións xerais

1. Correspóndelle á consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural a tramitación dos procedementos de declaración dun espazo natural protexido de ámbito autonómico, coa excepción do disposto no artigo 42 no tocante aos lugares de importancia comunitaria e na Lei 30/2014, do 3 de decembro, de parques nacionais.

A Administración autonómica poderá promover perante os organismos que corresponda a declaración doutras figuras de protección de ámbito supraautonómico.

2. A declaración dunha reserva natural ou dun parque natural requirirá a previa aprobación do correspondente plan de ordenación dos recursos naturais.

Excepcionalmente, poderanse declarar reservas naturais ou parques naturais sen a previa aprobación do plan de ordenación dos recursos naturais cando existan razóns que o xustifiquen, as cales deberán constar expresamente na norma que os declare. Neste caso, o correspondente plan de ordenación dos recursos naturais deberase aprobar no prazo máximo dun ano, contado a partir da entrada en vigor da norma que declare a reserva natural ou o parque natural.

3. Nos monumentos naturais, nas zonas húmidas protexidas, nas paisaxes protexidas, nos espazos naturais de interese local, nos espazos privados de interese natural, nas zonas especiais de conservación e nas zonas de especial protección para as aves a aprobación do correspondente instrumento de planificación será simultánea á declaración.

Artigo 39. Iniciación

1. A iniciación do procedemento de declaración dun espazo natural protexido, agás os recollidos na alínea seguinte deste artigo, efectuaraa de oficio a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural. O acordo do seu inicio publicarase no Diario Oficial de Galicia.

2. O procedemento de declaración dun espazo natural de interese local ou dun espazo privado de interese natural iniciarase por instancia dunha das partes mediante a presentación da documentación prevista nos artigos 40 e 64.

Artigo 40. Tramitación

1. A tramitación do procedemento de declaración dun espazo natural protexido requirirá a elaboración dunha memoria co contido mínimo seguinte:

a) a descrición das principais características do espazo

b) a xustificación da proposta de declaración como espazo natural protexido

c) a descrición dos límites do espazo e, se é o caso, da zona periférica de protección, tanto literal coma cartográfica

d) o réxime de protección aplicable, e

e) as liñas básicas do instrumento de planificación, agás no caso dos parques naturais e das reservas naturais.

2. A dita memoria acompañarase, se é o caso, da documentación seguinte:

a) a acreditación da conformidade das persoas propietarias ou titulares dun dereito de uso no caso de espazos naturais de interese local e espazos privados de interese natural que inclúan terreos de propiedade privada, e

b) o acordo do Pleno do concello ou dos concellos correspondentes, no caso dun espazo natural de interese local.

3. A memoria referida na alínea anterior someterase ao trámite de participación pública nos termos previstos no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente (incorpora as directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE).

4. Ao se concluír a participación pública, elaborarase o proxecto de norma que corresponda que inclúa a proposta de declaración do espazo natural protexido e, se é o caso, do instrumento de planificación respectivo.

5. Este proxecto de norma someterase durante o prazo dun mes aos trámites de audiencia ás persoas interesadas e de información pública. Igualmente, solicitaráselles un informe a aquelas consellarías cuxas competencias resulten afectadas, aos concellos situados no ámbito territorial do espazo obxecto do procedemento, a calquera outra administración afectada e, no caso dos espazos naturais protexidos para incluír na Rede galega de espazos protexidos, ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible; informe que deberán emitir, agás unha disposición en contrario, no prazo máximo de vinte días. No caso contrario procederase coa continuación do procedemento, a menos que se acordase a suspensión do prazo para resolver nos termos previstos no artigo 22.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 41. Declaración

1. A declaración das reservas naturais será realizada mediante unha lei do Parlamento de Galicia.

As microrreservas serán declaradas por un prazo de tempo determinado, mediante un decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural. Por vía regulamentaria desenvolverase o seu procedemento de declaración e os termos da revisión destas microrreservas.

2. A declaración dos parques naturais, dos monumentos naturais, das zonas húmidas protexidas, das paisaxes protexidas e dos espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia realizarase mediante un decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Exceptúanse do disposto no parágrafo anterior os lugares de importancia comunitaria, que os aprobará a Comisión Europea.

3. Os espazos naturais de interese local e os espazos privados de interese natural declararanse por unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

4. A norma autonómica que, conforme o indicado nas alíneas anteriores, declare un espazo natural protexido terá o contido mínimo previsto nas alíneas a), b), c) e d) do artigo 40.1. Nos monumentos naturais, nas zonas húmidas protexidas, nas paisaxes protexidas, nos espazos naturais de interese local, nos espazos privados de interese natural, nas zonas especiais de conservación e nas zonas de especial protección para as aves, a mesma norma aprobará o instrumento de planificación correspondente.

5. De acordo co artigo 45 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, da declaración das zonas especiais de conservación e das zonas de especial protección para as aves daráselle conta ao ministerio competente para os efectos da súa comunicación á Comisión Europea.

6. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural velará por que se cumpran as finalidades recollidas na declaración do espazo natural protexido.

Lei 4/2021, do 28 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 41 apartado 1 nova redacción por artigo 10 apartado catro.

Artigo 42. Dos espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia

1. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural poderá elaborar unha proposta de declaración de lugares de importancia comunitaria, que deberá observar o disposto no artigo 43.2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, someténdose en todo caso aos trámites de información pública, participación pública e consulta ás administracións afectadas.

2. Esta proposta incluirá, polo miúdo, os límites xeográficos, os hábitats naturais e as especies autóctonas de interese comunitario obxecto de conservación, incluídos os prioritarios, e aprobarase por un acordo do Consello da Xunta de Galicia.

A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural dará publicidade ao dito acordo e ao réxime de protección que resulte aplicable mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Esta proposta remitirase ao ministerio competente en materia de conservación do patrimonio natural, e solicitarase o seu traslado á Comisión Europea para a aprobación dos espazos propostos como lugares de importancia comunitaria.

4. Desde o momento do envío da lista de espazos propostos como lugares de importancia comunitaria ao ministerio competente en materia de conservación do patrimonio natural, a estes aplicaráselles o réxime de protección cautelar para garantir que non exista unha mingua do estado de conservación dos seus hábitats e as súas especies ata a súa declaración formal.

5. Unha vez aprobada a lista de lugares de importancia comunitaria por parte da Comisión Europea, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural elevará a proposta de declaración destes espazos como zonas especiais de conservación ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante un decreto o antes posible e como máximo dentro do prazo establecido pola lexislación básica estatal. A declaración como zona especial de conservación irá acompañada da aprobación das medidas de conservación necesarias nos termos previstos no artigo 47.

Para fixar a prioridade na declaración destas zonas atenderase o disposto no artigo 43.3 da Lei 42/2007, do 13 de decembro.

6. A Administración autonómica, na delimitación das zonas de especial protección para as aves, incluirá os terreos da comunidade autónoma máis axeitados en número e en superficie para a conservación das especies de aves incluídas no anexo IV da Lei 42/2007, do 13 de decembro, e para as especies de carácter migratorio que cheguen regularmente ao territorio galego terá en conta as necesidades de protección das súas áreas de reprodución, alimentación, muda, invernada e zonas de descanso, atribuíndo particular importancia ás zonas húmidas e moi especialmente ás de importancia internacional.

Artigo 43. Alteración da delimitación dun espazo natural protexido

1. A alteración da delimitación dun espazo natural protexido declarado por unha norma autonómica ou, se é o caso, da súa zona periférica de protección exixirá a súa aprobación mediante unha norma do mesmo rango que a da súa declaración, salvo cando se trate de realizar unicamente axustes cartográficos que non impliquen a alteración dos límites do espazo, en que se realizará mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

2. A alteración da delimitación consistente na redución da superficie do espazo natural protexido declarado por unha norma autonómica estará condicionada á previa xustificación dos cambios provocados nel pola súa evolución natural, que estea cientificamente demostrada.

3. A alteración prevista neste artigo someterase aos trámites de información pública e de consulta ás administracións afectadas.

4. No caso de se tratar de espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia requirirase, con posterioridade ao trámite previsto na alínea anterior, a aceptación da proposta por parte da Comisión Europea.

Toda modificación do ámbito dun espazo protexido Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia comunicaráselle ao ministerio competente en materia de conservación do patrimonio natural a través do procedemento establecido para os efectos polo devandito ministerio.

Artigo 44. Perda da categoría de espazo natural protexido

1. Cando desaparezan as condicións que determinaron a declaración por unha norma autonómica dun espazo natural como protexido, declararase a perda desta categoría. Esta declaración realizarase mediante unha norma do mesmo rango que a da súa declaración consonte o procedemento previsto no artigo 40, agás o contido da memoria prevista no artigo 40.1, que, neste caso, terá o seguinte contido mínimo:

a) a descrición das principais características do espazo

b) a xustificación da proposta de perda da categoría do espazo natural protexido

c) a descrición dos límites da perda da categoría e, se é o caso, da zona periférica de protección, tanto literal coma cartográfica.

2. Unicamente procederá declarar a perda da categoría de espazo natural protexido cando a desaparición das condicións que motivaron a súa protección sexa debida á súa evolución natural e, polo tanto, por razóns alleas á acción do ser humano, que estea cientificamente demostrada.

3. De acordo co artigo 49 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, a descatalogación total dun espazo incluído na Rede Natura 2000 só poderá propoñerse cando así o xustifiquen os cambios provocados nel pola evolución natural, que estea cientificamente demostrada, reflectidos nos resultados do seguimento previsto no artigo 48. En todo caso, o procedemento incorporará un trámite de información pública previo á remisión da proposta á Comisión Europea.

Artigo 45. Réxime de protección cautelar

1. A iniciación do procedemento de declaración dun espazo incluído na Rede galega de espazos protexidos ou do procedemento para a elaboración dos instrumentos de planificación destes espazos naturais protexidos determinará a prohibición de realizar actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física e biolóxica que dificulte de forma importante ou imposibilite a consecución dos obxectivos da declaración do espazo natural protexido ou do correspondente plan.

2. Logo de se iniciar os procedementos a que se alude na alínea 1, non se lles poderá recoñecer ás persoas interesadas a facultade de realizaren actos de transformación da realidade física, xeolóxica e biolóxica no ámbito territorial a que se refira a declaración ou o instrumento de planificación en trámite, sen informe favorable da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

O dito informe emitirase no prazo máximo de noventa días desde a súa solicitude, e entenderase desfavorable de non ser emitido neste prazo, salvo no caso dos procedementos de autorización administrativa de aproveitamentos madeireiros, que se rexerán polo establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou na norma que a substitúa.

3. O réxime de protección cautelar previsto neste artigo extinguirase coa aprobación do correspondente instrumento de planificación.

Artigo 46. Espazos naturais sometidos ao réxime de protección preventiva

1. Cando da información de que dispoña a Administración autonómica se deduza a existencia dunha zona ben conservada ameazada de maneira significativa por un factor de perturbación que poida alterar tal estado, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural adoptará as medidas necesarias para eliminar ou reducir o factor de perturbación ou promoverá a súa adopción por parte da administración competente.

2. No caso de que non sexa posible a eliminación ou a redución do factor de perturbación, establecerase mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural un réxime de protección preventiva consistente:

a) na obriga das persoas titulares dos terreos de facilitaren a información e o acceso ao persoal que, consonte o disposto no artigo 116, teña encomendadas as funcións de custodia dos recursos naturais

b) no inicio de inmediato do procedemento de declaración do espazo natural protexido ou do procedemento de aprobación do instrumento de planificación que corresponda, e

c) nas medidas que garantan o bo estado de conservación do espazo.

3. O réxime de protección preventiva aplicarase logo de cumprir cos trámites de audiencia ás persoas interesadas, de información pública e de consulta ás administracións afectadas. Este réxime de protección preventiva poderase compatibilizar co réxime de protección cautelar previsto no artigo anterior e extinguirase coa declaración do espazo natural protexido ou, se é o caso, do seu instrumento de planificación.

Artigo 47. Medidas de conservación dos espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia

1. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural fixará as medidas de conservación necesarias nas zonas especiais de conservación e nas zonas de especial protección para as aves que respondan ás exixencias ecolóxicas dos tipos de hábitats naturais e das especies presentes en tales áreas, que implicarán:

a) Uns axeitados plans ou instrumentos de xestión, específicos dos lugares ou integrados noutros plans de desenvolvemento, que inclúan, cando menos, os obxectivos de conservación do lugar e as medidas apropiadas para manter os espazos nun estado de conservación favorable. Estes plans deberán ter en especial consideración as necesidades daqueles municipios incluídos na súa totalidade ou nunha gran porcentaxe do seu territorio nestes lugares ou con limitacións singulares específicas ligadas á xestión do lugar.

b) Unhas apropiadas medidas regulamentarias, administrativas ou contractuais, que poderán incluír acordos de custodia do territorio asinados coas persoas propietarias ou titulares dun dereito de uso dos terreos incluídos nas zonas especiais de conservación ou nas zonas de especial protección para as aves.

2. Igualmente, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural tomará as medidas apropiadas, en especial nos devanditos plans ou nos instrumentos de xestión, para evitar nos espazos protexidos Rede Natura 2000 a deterioración dos hábitats naturais e dos hábitats das especies, así como as alteracións que repercutan nas especies que motivaron a designación destas áreas, na medida en que as ditas alteracións poidan ter un efecto apreciable no que respecta aos obxectivos da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e desta lei.

Artigo 48. Vixilancia e seguimento da Rede Natura 2000

1. A Administración autonómica de Galicia vixiará, no seu ámbito competencial, o estado de conservación dos tipos de hábitats e das especies de interese comunitario, tendo especialmente en conta os tipos de hábitats naturais prioritarios e as especies prioritarias, así como o estado de conservación das especies de aves que se enumeran no anexo IV da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

2. Neste senso, a Administración autonómica remitiralle ao ministerio competente en materia de conservación do patrimonio natural a información sobre os cambios no estado de conservación e as medidas de conservación a que se refire o artigo 47.1, a avaliación dos seus resultados e as propostas de novas medidas que se deben aplicar, para os efectos do seu reflexo no Inventario español do patrimonio natural e da biodiversidade e mais para a súa integración nos informes nacionais exixidos polas directivas europeas.

CAPÍTULO IV Instrumentos de planificación dos recursos e dos espazos naturais que hai que protexer

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 49. Clasificación

1. Os instrumentos de planificación dos recursos e dos espazos naturais que hai que protexer son os seguintes:

a) os plans de ordenación dos recursos naturais

b) os plans reitores de uso e de xestión

c) os plans de xestión

d) as normas de xestión e de conservación.

2. Con carácter previo á declaración dunha reserva natural ou dun parque natural requirirase a aprobación dun plan de ordenación dos recursos naturais, agás nos supostos excepcionais previstos no segundo parágrafo do artigo 38.2.

3. Nos monumentos naturais, nas zonas húmidas protexidas, nas paisaxes protexidas, nas zonas especiais de conservación e nas zonas de especial protección para as aves será necesario que na propia norma de declaración do espazo natural protexido se aprobe, polo menos, o correspondente plan de xestión. Malia o anterior, o instrumento de planificación destes espazos poderá ser o plan de ordenación dos recursos naturais cando así o decida motivadamente a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

4. Cando se trate de espazos naturais de interese local ou de espazos privados de interese natural, aprobaranse as súas normas de xestión e de conservación na propia norma de declaración do espazo natural protexido.

Artigo 50. Efectos

1. Os plans de ordenación dos recursos naturais serán obrigatorios e executivos nas materias reguladas nesta lei, prevalecerán sobre calquera outro instrumento de ordenación territorial, urbanístico, dos recursos naturais ou físico, incluso sobre os preexistentes, que deberán adaptarse a eles, e as súas disposicións constituirán un límite para tales instrumentos de ordenación.

2. As previsións dos ditos plans de ordenación dos recursos naturais serán determinantes para calquera outra actuación, plan ou programa sectorial. As actuacións, os plans ou os programas sectoriais tan só poderán contradicir ou non acoller o contido destes plans por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, que deberán ser acordadas polo Consello da Xunta de Galicia cando corresponda ao ámbito competencial autonómico e que deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia.

3. Os concellos, no seu ámbito competencial, poderán propoñer excepcións para garantir a prestación dos servizos mínimos previstos no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local. Estas excepcións deberán estar suficientemente motivadas e someterse á aprobación da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

4. O disposto nas alíneas anteriores será aplicable, dentro do necesario respecto ás competencias estatais, aos restantes instrumentos de planificación previstos no artigo anterior.

Sección 2ª. Plans de ordenación dos recursos naturais

Artigo 51. Definición e ámbito

1. Os plans de ordenación dos recursos naturais son os instrumentos de planificación específicos para a delimitación, a tipificación, a integración na rede e a determinación da súa relación co resto do territorio, dos sistemas que integran o patrimonio e dos recursos naturais dun determinado ámbito espacial.

2. Estes plans de ordenación dos recursos naturais axustaranse aos criterios e ás normas xerais establecidas nas directrices para a ordenación dos recursos naturais aprobadas por un real decreto conforme o previsto no artigo 17.2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

3. Poderanse integrar nun mesmo plan de ordenación dos recursos naturais varios espazos naturais xa declarados ou susceptibles de seren declarados protexidos cando existan elementos comúns que así o aconsellen.

4. Poderanse incluír no ámbito de aplicación dun plan de ordenación dos recursos naturais os solos que teñan a condición de urbanos nun instrumento de planificación urbanística aprobado na data de inicio do seu procedemento de aprobación, cando se xustifique expresamente a súa inclusión por necesidades concretas de conservación.

Artigo 52. Contido

Os plans de ordenación dos recursos naturais terán, como mínimo, o seguinte contido:

a) a delimitación do ámbito territorial obxecto de ordenación e a descrición e a interpretación das súas características físicas, xeolóxicas e biolóxicas

b) o inventario e a definición do estado de conservación dos compoñentes do patrimonio natural e da biodiversidade, dos ecosistemas e das paisaxes no ámbito territorial de que se trate, formulando unha diagnose deste e unha previsión da súa evolución futura

c) a determinación dos obxectivos e dos criterios para a conservación, a protección, a restauración e o uso sustentable dos recursos naturais, e en particular dos compoñentes da biodiversidade e da xeodiversidade no ámbito territorial de aplicación do plan

d) a zonificación do territorio afectado, de proceder

e) a determinación das limitacións xerais e específicas que respecto dos usos e das actividades deban establecerse en función da conservación dos compoñentes do patrimonio natural e da biodiversidade

f) a aplicación, se é o caso, dalgún dos réximes de protección dos espazos naturais

g) o establecemento dos criterios de referencia orientadores na formulación e na execución das diversas políticas sectoriais que inciden no ámbito territorial de aplicación do plan, para que sexan compatibles cos obxectivos de conservación do patrimonio natural e da biodiversidade

h) a identificación de medidas para garantir a conectividade ecolóxica, establecendo ou restablecendo uns corredores con outros espazos naturais de singular relevancia para a biodiversidade

i) a memoria económica acerca dos custos e dos instrumentos financeiros previstos para a súa aplicación

j) as directrices e os criterios para a redacción de plans reitores de uso e de xestión que os desenvolvan para o caso dos parques e das reservas naturais.

Artigo 53. Procedemento de aprobación

1. A elaboración e a tramitación dos plans de ordenación dos recursos naturais de competencia autonómica correspóndenlle á consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

2. O procedemento de aprobación iniciarase mediante un acordo da persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural. O acordo de inicio do procedemento adoptarase logo dunha proposta na cal figure a delimitación territorial do ámbito obxecto de ordenación, que deberá ser incorporada ao expediente unha vez que se inicie este.

3. O documento de inicio do plan de ordenación dos recursos naturais, que, como mínimo, incluirá a delimitación e a descrición do espazo, someterase ao trámite de participación pública nos termos previstos no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente (incorpora as directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE).

4. Con carácter previo á súa aprobación, o borrador do plan de ordenación dos recursos naturais someterase durante o prazo dun mes aos trámites de audiencia ás persoas interesadas, de información pública e de consulta dos intereses sociais e institucionais afectados e das organizacións sen ánimo de lucro que persigan o logro dos obxectivos da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade. Tamén se lles solicitará un informe a aquelas consellarías cuxas competencias resulten afectadas, aos concellos situados no ámbito territorial do plan, ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e a calquera outra administración afectada; informe que deberán emitir, agás unha disposición en contrario, no prazo máximo de vinte días. De non ser o caso, procederase coa continuación do procedemento, a menos que se acordase a suspensión do prazo para resolver nos termos previstos no artigo 22.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. A aprobación do plan de ordenación dos recursos naturais efectuarase mediante un decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

6. O dito plan deberase aprobar dentro do prazo de dous anos, contado desde a data do acordo de inicio. Porén, cando existan razóns que o xustifiquen, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural poderá acordar a ampliación deste prazo, sen que en ningún caso supere o prazo de tres anos.

Exceptúase desta previsión o suposto recollido no segundo parágrafo do artigo 38.2.

Artigo 54. Vixencia, revisión e modificación dos plans de ordenación dos recursos naturais

1. Os plans de ordenación dos recursos naturais terán unha vixencia indefinida, sen prexuízo da súa posible revisión conforme o estado da ciencia e da técnica e da aplicación das medidas de seguimento que correspondan.

2. Se a revisión dá lugar a unha modificación substancial do plan de ordenación dos recursos naturais, esta realizarase conforme o procedemento previsto para a súa aprobación.

3. Pola súa parte, se a revisión dá lugar a unha modificación non substancial do plan de ordenación dos recursos naturais, esta realizarase por medio dunha orde da persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación do patrimonio natural, logo de a someter aos trámites de información pública e de audiencia á correspondente xunta reitora e ás persoas interesadas.

Sección 3ª. Plans reitores de uso e de xestión

Artigo 55. Definición e ámbito

1. Os plans reitores de uso e de xestión son os instrumentos de planificación da xestión dos parques naturais e das reservas naturais. Para estes efectos, desenvolven as directrices e os criterios previstos no correspondente plan de ordenación dos recursos naturais, establecendo as directrices de actuación tanto da administración coma dos particulares no seu ámbito de aplicación para garantir a conservación, a protección e a mellora dos valores ambientais presentes neles e para fomentar a investigación e un uso público sustentable.

2. O seu ámbito territorial de aplicación será o constituído polos límites do parque natural ou da reserva natural a que se refira e pola súa zona periférica de protección, no caso de esta se establecer.

Artigo 56. Contido

Os plans reitores de uso e de xestión terán, como mínimo, o seguinte contido:

a) a análise e a diagnose do medio

b) a zonificación do espazo conforme o contido do plan de ordenación dos recursos naturais, con delimitación das áreas de diferentes usos

c) os obxectivos

d) as previsións de uso e de aproveitamento

e) as normas xerais de xestión, coa inclusión, como mínimo, das relativas á vixencia e á revisión do plan

f) as normas de regulación dos usos e das actividades, así como para a xestión, a protección, a conservación ou a mellora dos recursos naturais e dos valores ambientais, cando resulte preciso completar ou desenvolver as contidas no plan de ordenación dos recursos naturais

g) a programación das actuacións para acadar os obxectivos do plan de ordenación dos recursos naturais que se deben desenvolver no espazo natural, durante a vixencia do plan reitor de uso e de xestión

h) o programa de seguimento

i) a identificación das medidas para garantir a conectividade ecolóxica, establecendo ou restablecendo uns corredores con outros espazos naturais de singular relevancia para a biodiversidade

j) a memoria económica acerca dos custos e dos instrumentos financeiros previstos para a súa aplicación.

Artigo 57. Procedemento de aprobación

1. A elaboración e a tramitación do plan reitor de uso e de xestión correspóndenlle á consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

2. O procedemento de aprobación iniciarase mediante un acordo da persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, no que se delimitará o ámbito territorial obxecto do plan.

3. O documento de inicio do plan reitor de uso e de xestión, que, como mínimo, incluirá a delimitación e a descrición do espazo, someterase ao trámite de participación pública nos termos previstos no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente (incorpora as directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE).

4. O borrador do plan reitor de uso e de xestión someterase durante o prazo dun mes aos trámites de audiencia ás persoas interesadas e á xunta reitora correspondente e mais de información pública. Tamén se lles solicitará un informe a aquelas consellarías cuxas competencias resulten afectadas, aos concellos situados no ámbito territorial do plan, ás administracións competentes en materia urbanística, ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e a calquera outra administración afectada; informe que deberán emitir, agás unha disposición en contrario, no prazo máximo de vinte días. De non ser o caso, procederase coa continuación do procedemento, a menos que se acordase a suspensión do prazo para resolver nos termos previstos no artigo 22.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. A aprobación do plan reitor de uso e de xestión efectuarase mediante un decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Artigo 58. Vixencia, revisión e modificación dos plans reitores de uso e de xestión

1. Os plans reitores de uso e de xestión fixarán o seu prazo de vixencia, que, como mínimo, será de dez anos, e deberanse revisar ao termo do prazo de vixencia establecido ou antes, se for necesario, conforme o estado da ciencia e da técnica ou da aplicación das medidas de seguimento que correspondan.

2. Se a revisión dá lugar a unha modificación substancial do plan reitor de uso e de xestión, esta realizarase conforme o procedemento previsto para a súa aprobación.

3. Pola súa parte, se a revisión dá lugar a unha modificación non substancial do plan reitor de uso e de xestión, esta realizarase por medio dunha orde da persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación do patrimonio natural, logo de a someter aos trámites de información pública e de audiencia á correspondente xunta reitora e ás persoas interesadas.

Sección 4ª. Plans de xestión

Artigo 59. Definición e ámbito

1. Os plans de xestión son os instrumentos de planificación dos monumentos naturais, das zonas húmidas protexidas, das paisaxes protexidas e dos espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, que establecerán o réxime de usos e de actividades permisibles e as limitacións que se consideren necesarias para a conservación destes espazos, así como as medidas para a conservación dos hábitats e das especies.

Cando estes espazos naturais protexidos xa conten cun plan de ordenación dos recursos naturais, consonte o artigo 49.2, os plans de xestión desenvolverán as súas directrices e os seus criterios.

2. Poderanse integrar nun mesmo plan de xestión varios espazos naturais cando existan elementos comúns que así o aconsellen.

3. Quedan excluídos, en todo caso, do ámbito de aplicación dun plan de xestión os solos que teñan a condición de solos urbanos nun instrumento de planificación urbanística aprobado na data do inicio do seu procedemento de aprobación, agás que se xustifique expresamente a súa inclusión por necesidades concretas de conservación.

Artigo 60. Contido

1. Os plans de xestión terán, como mínimo, o seguinte contido:

a) a delimitación do seu ámbito de protección

b) a identificación dos valores que se deben protexer, o seu estado de conservación e os posibles riscos que poidan afectar os seus valores naturais

c) os obxectivos de conservación

d) as normas de uso e de aproveitamento do solo e dos recursos naturais, destinadas a protexer e conservar ou mellorar os valores ambientais

e) as normas relativas ao uso público, así como ás actividades científicas ou educativas

f) a programación das actuacións que se van desenvolver no espazo natural

g) o programa de seguimento

h) a identificación das medidas para garantir a conectividade ecolóxica, establecendo ou restablecendo uns corredores con outros espazos naturais de singular relevancia para a biodiversidade

i) os instrumentos financeiros precisos para cumprir os fins perseguidos coa declaración do espazo.

2. No caso dos plans de xestión que se elaboren en espazos que, consonte o artigo 49.2, teñan aprobado un plan de ordenación dos recursos naturais, o contido dos plans de xestión referido na alínea anterior desenvolverá as directrices e os criterios do respectivo plan de ordenación dos recursos naturais.

Artigo 61. Procedemento de aprobación

1. A tramitación do plan de xestión correspóndelle á consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, e a súa aprobación realizarase simultaneamente coa declaración do espazo natural protexido correspondente, consonte o disposto nos artigos 40 e 41.

2. No caso de plans de xestión que desenvolvan un plan de ordenación dos recursos naturais, o procedemento para a súa aprobación será o mesmo que o previsto no artigo 57.

Artigo 62. Vixencia, revisión e modificación dos plans de xestión

1. Os plans de xestión terán unha vixencia indefinida, sen prexuízo da súa posible revisión conforme o estado da ciencia e da técnica e da aplicación das medidas de seguimento que correspondan.

2. Se a revisión dá lugar a unha modificación substancial do plan de xestión, esta realizarase conforme o procedemento previsto para a súa aprobación.

3. Pola súa parte, se a revisión dá lugar a unha modificación non substancial do plan de xestión, esta realizarase por medio dunha orde da persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación do patrimonio natural, logo de a someter aos trámites de información pública e de audiencia ás persoas interesadas e mais a aqueloutros trámites previstos no artigo anterior que resulten necesarios, en función do alcance da modificación.

Sección 5ª. Normas de xestión e de conservación

Artigo 63. Definición e ámbito

As normas de xestión e de conservación son os instrumentos de planificación dos espazos naturais de interese local e dos espazos privados de interese natural, que establecerán o réxime de usos e de actividades permisibles e as limitacións que se consideren necesarias para a conservación destes espazos.

Artigo 64. Contido

O contido das normas de xestión e de conservación desenvolverase regulamentariamente e abranguerá, en todo caso, como mínimo:

a) a delimitación do seu ámbito de protección, que poderá ser descontinuo cando resulte necesario

b) a referencia á documentación acreditativa da titularidade dos terreos

c) a normativa urbanística aplicable ao solo en que se sitúe o espazo natural

d) os accesos e os posibles gravames existentes sobre o espazo natural

e) a identificación dos valores que se deben protexer e dos posibles riscos que poidan afectar os seus valores naturais

f) os usos, as actividades e os aproveitamentos do solo e dos recursos naturais existentes

g) a descrición socioeconómica da contorna

h) os obxectivos da conservación

i) a referencia ás normas de competencia da Administración local que se vaian aplicar nos espazos naturais de interese local

j) a programación das actuacións que se van desenvolver no espazo natural

k) as necesidades orzamentarias para a xestión e as fontes de financiamento previstas

l) o compromiso do promotor de asignar os recursos económicos necesarios para a xestión do espazo. No caso dos espazos naturais de interese local, este compromiso deberá contar co acordo dos organismos promotores, que serán as entidades locais correspondentes

m) o programa de seguimento

n) a identificación das medidas para garantir a conectividade ecolóxica, establecendo ou restablecendo uns corredores con outros espazos naturais de singular relevancia para a biodiversidade.

Artigo 65. Procedemento de aprobación

A tramitación e a aprobación das normas de xestión e de conservación correspóndenlle á consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, e realizaranse simultaneamente coa declaración do espazo natural protexido correspondente, consonte o disposto nos artigos 40 e 41.

Artigo 66. Vixencia, revisión e modificación das normas de xestión e de conservación

1. As normas de xestión e de conservación terán unha vixencia indefinida, sen prexuízo da súa posible revisión conforme o estado da ciencia e da técnica e da aplicación das medidas de seguimento que correspondan.

2. Se a revisión dá lugar a unha modificación substancial das normas de xestión, esta realizarase conforme o procedemento previsto para a súa aprobación.

3. Pola súa parte, se a revisión dá lugar a unha modificación non substancial das normas de xestión, esta realizarase por medio dunha orde da dirección xeral competente en materia de conservación do patrimonio natural, logo de a someter aos trámites de información pública e de audiencia ás persoas interesadas e mais a aqueloutros trámites previstos no artigo anterior que resulten necesarios, en función do alcance da modificación.

Sección 6ª. Zonificación dos espazos naturais protexidos

Artigo 67. Zonificación dos espazos naturais protexidos

Os instrumentos de planificación poderán prever unha zonificación do espazo natural protexido, entendida como a delimitación de diferentes áreas para as que se designarán limitacións xerais e específicas derivadas das necesidades de conservación do espazo e dos recursos naturais presentes nel.

Sección 7ª. Regulación dos usos e das actividades nos espazos naturais protexidos

Artigo 68. Regulación dos usos e das actividades

Para os efectos desta lei, os correspondentes instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos clasificarán os posibles usos e actividades para desenvolver no correspondente espazo como permitidos, autorizables ou prohibidos, en función da súa incidencia sobre os valores que motivaron a súa declaración.

Artigo 69. Usos e actividades permitidos

1. Terán a consideración de usos e actividades permitidos aqueles que resulten compatibles cos obxectivos da declaración do espazo natural protexido, e poderanse desenvolver sen limitacións especiais ou ben na totalidade do correspondente espazo natural protexido, ou ben nas áreas onde a categoría de zonificación así o permita.

2. Con carácter xeral, consideraranse usos e actividades permitidos aqueles de carácter tradicional que sexan compatibles coa protección do espazo natural por non causar unha afección apreciable.

3. Os usos e as actividades permitidos non requirirán unha autorización específica da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, sen prexuízo de calquera outro título habilitante que resulte exixible.

Artigo 70. Usos e actividades autorizables

1. Terán a consideración de usos e actividades autorizables aqueles sometidos a un réxime de intervención administrativa por razón da súa localización nun espazo natural protexido, co fin de evitar posibles efectos apreciables á conservación dos valores relevantes deste.

2. Para estes efectos, consideraranse usos e actividades autorizables todos aqueles que requiran:

a) A autorización expresa da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

b) O informe preceptivo e vinculante da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural en calquera procedemento de autorización sectorial que figure como sometido a un informe preceptivo na súa propia normativa sectorial. No caso de procedementos de autorización regulados na normativa estatal, o informe da antedita consellaría será vinculante de así se prever na dita normativa estatal aplicable. Este informe determinará a existencia ou non dunha afección apreciable sobre os valores naturais que xustificaron a declaración do espazo protexido.

Artigo 71. Usos e actividades prohibidos

Clasificaranse no correspondente instrumento de planificación do espazo como usos ou actividades prohibidos os susceptibles de causaren prexuízo á integridade do lugar ou sobre o estado de conservación dos compoñentes clave para a biodiversidade e que, por conseguinte, resulten incompatibles cos obxectivos de conservación do espazo.

CAPÍTULO V Xestión dos espazos naturais protexidos

Artigo 72. Disposicións xerais

1. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural será a responsable da xestión dos espazos incluídos na Rede galega de espazos protexidos. Para tal efecto, poderá subscribir convenios ou acordos coas persoas propietarias ou titulares dun dereito de uso dos terreos ou con entidades de custodia do territorio.

2. Para a xestión dos parques naturais e das reservas naturais, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural designará unha persoa que terá a dirección do espazo. Á persoa que posúa a dirección correspóndelle a xestión do espazo natural protexido, e en particular a elaboración e a proposta dos orzamentos e das actuacións e mais a execución dos instrumentos de planificación correspondentes.

3. As microrreservas poderán dispoñer dunha persoa que leve a súa dirección cando así o dispoña a norma de declaración do dito espazo.

4. A xestión dos espazos naturais de interese local e dos espazos privados de interese natural correspóndelles ás entidades locais e ao promotor da súa declaración respectivamente, sen prexuízo da posibilidade de subscribir acordos de xestión con entidades de custodia do territorio.

Artigo 73. Xunta reitora

1. Para colaborar na xestión dos espazos naturais protexidos e para canalizar a participación das persoas propietarias ou titulares dun dereito de uso dos terreos e os intereses sociais e económicos afectados constituirase, para cada parque natural ou reserva natural, unha xunta reitora, órgano colexiado de carácter asesor e consultivo adscrito á consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

As microrreservas só dispoñerán dunha xunta reitora cando así o dispoña a norma de declaración do dito espazo.

2. A composición da xunta reitora desenvolverase regulamentariamente e, como mínimo, incluirá a persoa titular da presidencia e a persoa titular da dirección do espazo natural protexido, e contará, en todo caso, coa representación:

a) dos concellos onde se sitúa o espazo natural protexido

b) das persoas propietarias ou titulares dun dereito de uso dos terreos incluídos no espazo natural protexido, e

c) das persoas ou das entidades que representen intereses ambientais, sociais, científicos, institucionais ou económicos relevantes implicados.

3. A presidencia exerceraa unha persoa de recoñecido prestixio, quen será nomeada pola persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, por proposta da persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación do patrimonio natural.

4. Na composición da xunta reitora procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 74. Funcións da xunta reitora

1. A xunta reitora colaborará na xestión dos espazos naturais protexidos a través da súa función asesora e consultiva, e en concreto desenvolverá as seguintes funcións:

a) a aprobación e a modificación do seu regulamento de réxime interior

b) a emisión daqueles informes que lle sexan solicitados

c) a proposta de actuacións e de iniciativas tendentes á consecución dos fins do espazo natural protexido, incluíndo os de difusión e información dos seus valores, así como os programas de formación e educación ambiental

d) a colaboración na promoción e na proxección exterior do espazo natural protexido e dos seus valores.

2. A xunta reitora dos parques naturais e das reservas naturais deberá ser oída, con carácter previo, para a adopción das seguintes decisións:

a) a aprobación, a modificación e a revisión da normativa relativa ao espazo natural protexido e dos seus instrumentos de planificación, e

b) a aprobación do orzamento de xestión do espazo natural protexido.

CAPÍTULO VI Outras figuras de protección dos espazos

Sección 1ª. Áreas protexidas por instrumentos internacionais

Artigo 75. Áreas protexidas por instrumentos internacionais

Terán a consideración de áreas protexidas por instrumentos internacionais todos aqueles espazos naturais que sexan formalmente designados consonte o disposto nos convenios e nos acordos internacionais de que sexa parte España, e en particular os seguintes:

a) as zonas húmidas de importancia internacional, do Convenio relativo ás zonas húmidas de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas

b) os sitios naturais da Lista do patrimonio mundial, da Convención sobre a protección do patrimonio mundial, cultural e natural

c) as áreas protexidas, do Convenio para a protección do medio mariño do Atlántico do nordés

d) os xeoparques, declarados pola UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura)

e) as reservas da biosfera, declaradas pola UNESCO

f) as reservas bioxenéticas do Consello de Europa.

Sección 2ª. Zonas húmidas de importancia internacional

Artigo 76. Zonas húmidas de importancia internacional

1. Poderanse propoñer para a inclusión de zonas húmidas de importancia internacional as áreas húmidas situadas no ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran cos criterios establecidos en cumprimento do Convenio relativo ás zonas húmidas de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas.

A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural será a competente para a realización dos trámites de competencia autonómica relacionados coa proposta de inclusión.

2. A dita consellaría deberá someter a proposta de inclusión ao trámite de información pública, xunto coa información básica e cun plano do perímetro abranguido por ela.

3. Esta inclusión como zona húmida de importancia internacional comportará a súa consideración como área húmida protexida cos efectos inherentes á súa declaración, e o órgano con competencias en materia de conservación do patrimonio natural deberá iniciar o procedemento para a súa declaración como zona húmida protexida. Mentres non se acorde a súa declaración poderase establecer un réxime de protección preventivo do espazo.

Sección 3ª. Xeoparques

Artigo 77. Xeoparques

No ámbito territorial de Galicia, poderanse propoñer para a súa declaración como xeoparques as zonas que cumpran cos estándares establecidos pola UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura).

Artigo 78. Procedemento de elaboración dunha proposta de declaración de xeoparque

1. A elaboración dunha proposta de declaración dunha zona como xeoparque poderaa iniciar, ou ben a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, ou ben outras administracións, ou ben aquelas entidades que, de acordo coa normativa aplicable, poidan efectuar tal proposta.

2. As administracións que promovan a declaración deberán someter a proposta de declaración aos trámites de información pública e de consulta ás administracións afectadas.

3. A proposta de declaración de xeoparque que non sexa iniciada pola consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, para ser remitida á Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura), deberá contar cunha carta de apoio desta consellaría, na forma que determine a dita comisión.

4. A proposta de declaración de xeoparque promovida pola consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural será aprobada mediante un acordo do Consello da Xunta de Galicia.

5. A proposta de declaración de xeoparque remitirase, logo da súa aprobación no suposto previsto na alínea anterior, á Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO para os efectos oportunos.

As entidades promotoras estarán obrigadas a lle comunicar esta remisión á consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

6. Cada xeoparque constituirá un órgano de xestión no que estarán representados todos os actores sociais do espazo e que terá, entre outras funcións, a emisión de informes, como mínimo cada catro anos, sobre a situación do espazo.

Sección 4ª. Reservas da biosfera

Artigo 79. Reservas da biosfera en Galicia

1. No ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia poderanse declarar reservas da biosfera, entendendo por tales as zonas de ecosistemas terrestres ou costeiros/ mariños, ou unha combinación destes, recoñecidas no plano internacional como tales no marco do Programa MAB (sobre o home e a biosfera) da UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura), de acordo co disposto no Marco estatutario da Rede mundial de reservas da biosfera.

2. Conforme o previsto no artigo 3 do Marco estatutario da Rede mundial de reservas da biosfera, as reservas da biosfera procurarán ser lugares de excelencia para o ensaio e a demostración de métodos de conservación e de desenvolvemento sustentable no eido autonómico, combinando as seguintes funcións:

a) a función de conservación, para contribuír á conservación das paisaxes, dos ecosistemas, das especies e da variación xenética

b) a función de desenvolvemento, para fomentar un desenvolvemento económico e humano sustentable desde os puntos de vista sociocultural e ecolóxico

c) a función de apoio loxístico, para prestar apoio a proxectos de demostración, de educación e capacitación sobre o ambiente e de investigación e observación permanente en relación con cuestións locais, rexionais, nacionais e mundiais de conservación e desenvolvemento sustentable.

3. A Rede de reservas da biosfera de Galicia inclúe todos os espazos declarados reserva da biosfera pola UNESCO situados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 80. Criterios para a elaboración dunha proposta de declaración dunha reserva da biosfera

De acordo co artigo 70 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, a proposta de declaración dunha reserva da biosfera en Galicia unicamente poderá referirse a unha zona que cumpra as directrices e as normas aplicables da UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) e que conte, como mínimo:

a) Cunha ordenación espacial integrada por:

1º. Unha ou varias zonas núcleo da reserva que sexan espazos naturais protexidos, cos obxectivos básicos de preservar a diversidade biolóxica e os ecosistemas, que deberán contar co axeitado planeamento de ordenación, uso e xestión que potencie basicamente os devanditos obxectivos.

2º. Unha ou varias zonas de protección das zonas núcleo, que permitan a integración da conservación básica da zona núcleo co desenvolvemento ambientalmente sustentable na zona de protección a través do correspondente planeamento de ordenación, uso e xestión, específico ou integrado no planeamento das respectivas zonas núcleo.

3º. Unha ou varias zonas de transición entre a reserva e o resto do espazo, que permitan incentivar o desenvolvemento socioeconómico para a mellora do benestar da poboación, aproveitando os potenciais recursos específicos da reserva de maneira sustentable, respectando os obxectivos desta e do Programa MAB (sobre o home e a biosfera).

b) Cunhas estratexias específicas de evolución cara aos obxectivos sinalados, co seu correspondente programa de actuación e cun sistema de indicadores adaptado ao establecido polo Comité MAB español, que permitan valorar o grao de cumprimento dos obxectivos do Programa MAB.

c) Cun órgano de xestión responsable do desenvolvemento das estratexias, das liñas de acción e dos programas, e outro de participación pública, no que estean representados todos os actores sociais da reserva.

Artigo 81. Procedemento de elaboración dunha proposta de declaración dunha reserva da biosfera

1. A elaboración dunha proposta de declaración dunha zona como reserva da biosfera poderá ser iniciada, ou ben pola consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, de oficio ou por proposta de entidades que teñan entre os seus fins a preservación do patrimonio natural ou da biodiversidade, ou ben por outras.

2. A proposta someterase aos trámites de información pública e de consulta ás administracións afectadas.

3. As propostas de declaración da reserva da biosfera que non sexan iniciadas pola consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural deberán contar coa carta de apoio da antedita consellaría.

4. As propostas de declaración das reservas da biosfera promovidas pola consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural serán aprobadas mediante un acordo do Consello da Xunta de Galicia.

5. A proposta de declaración da reserva da biosfera remitirase, logo da súa aprobación no suposto previsto na alínea anterior, ao Comité MAB (sobre o home e a biosfera) español para os efectos oportunos. As administracións promotoras distintas da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural estarán obrigadas a lle comunicar a esta a remisión da proposta ao Comité MAB español.

Artigo 82. Xestión das reservas da biosfera

A xestión das reservas da biosfera corresponderalle ao órgano de xestión sinalado no artigo 80.c), sen prexuízo da posibilidade de establecer mecanismos de cooperación con outras administracións e institucións públicas ou privadas e da posibilidade de subscribir convenios ou acordos de xestión coas persoas propietarias e usuarias do territorio ou con entidades de custodia do territorio.

Artigo 83. Revisión das reservas da biosfera

1. A situación de cada reserva da biosfera revisarase, polo menos, cada dez anos para avaliar o cumprimento dos criterios determinantes da súa declaración, consonte o artigo 9 do Marco estatutario da Rede mundial de reservas da biosfera.

2. A revisión realizarase consonte o disposto no artigo 69 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e na súa normativa de desenvolvemento.

CAPÍTULO VII Plans, programas e proxectos que se desenvolvan en espazos naturais protexidos

Artigo 84. Avaliación dos plans, programas e proxectos que poidan afectar espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Os órganos substantivos e ambientais competentes, no marco dos procedementos previstos na normativa de avaliación ambiental, adoptarán as medidas necesarias para evitar a deterioración, a contaminación e a fragmentación dos hábitats e as perturbacións que afecten as especies fóra da Rede Natura 2000, na medida en que estes fenómenos teñan un efecto apreciable sobre o estado de conservación dos ditos hábitats e especies.

2. Calquera plan, programa ou proxecto que, sen ter relación directa coa xestión do lugar ou sen ser necesario para esta, poida afectar de forma apreciable as especies ou os hábitats dos espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans, programas ou proxectos, someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións no espazo, que se realizará de acordo coas normas que sexan aplicables conforme o establecido na lexislación básica estatal e nas normas adicionais de protección ditadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta os obxectivos de conservación do dito espazo.

Para acreditar que un plan, un programa ou un proxecto ten relación directa coa xestión dun espazo protexido Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia ou que é necesario para a súa xestión, o promotor poderá sinalar a correspondente parte do plan de xestión en que conste a antedita circunstancia ou solicitar un informe ao órgano competente para a xestión do dito espazo.

Así mesmo, para acreditar que un plan, un programa ou un proxecto non é susceptible de causar efectos apreciables sobre un espazo protexido Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, o promotor poderá ou ben sinalar a correspondente parte do plan de xestión en que conste expresamente, como actividade permitida, o obxecto do devandito plan, programa ou proxecto, ou ben solicitar un informe ao órgano competente para a xestión dese espazo.

Nos supostos previstos nos dous parágrafos anteriores non será necesario someter o plan, o programa ou o proxecto á avaliación ambiental.

3. Á vista das conclusións da avaliación das repercusións no espazo e supeditado ao disposto na alínea 4 deste artigo, os órganos competentes para aprobar ou autorizar os plans, os programas ou os proxectos soamente poderán manifestar a súa conformidade con estes tras se asegurar de que non causarán prexuízo á integridade do espazo en cuestión e, de proceder, tras o someter a información pública.

4. Se, a pesar das conclusións negativas da avaliación das repercusións sobre o lugar e da falta de solucións alternativas, deber realizarse o plan, o programa ou o proxecto por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, incluídas as razóns de índole social ou económica, as administracións públicas competentes tomarán cantas medidas compensatorias sexan necesarias para garantir que a coherencia global da Rede Natura 2000 quede protexida.

A concorrencia de razóns imperiosas de interese público de primeira orde só se poderá declarar para cada suposto concreto:

a) Mediante unha lei.

b) Mediante un acordo do Consello de Ministros, cando se trate de plans, programas ou proxectos que deba aprobar ou autorizar a Administración xeral do Estado, ou mediante un acordo do Consello da Xunta de Galicia, cando se trate de plans, programas ou proxectos que deba aprobar ou autorizar a Administración autonómica. O dito acordo deberá ser motivado e público.

A adopción das medidas compensatorias levarase a cabo, se é o caso, durante o procedemento de avaliación ambiental dos plans e programas e o de avaliación do impacto ambiental dos proxectos consonte o disposto na normativa aplicable. Estas medidas aplicaranse na fase de planificación e de execución que determine a avaliación ambiental.

As medidas compensatorias adoptadas remitiranse, pola canle correspondente, á Comisión Europea.

5. No caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural ou unha especie prioritaria, sinalados como tales nos anexos I e II da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, unicamente se poderán alegar as seguintes consideracións:

a) as relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública

b) as relativas ás consecuencias positivas de primordial importancia para o ambiente, e

c) outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde, logo da súa consulta á Comisión Europea.

6. Desde o momento da declaración dunha zona de especial protección para as aves (ZEPA), esta quedará sometida ao disposto nas alíneas 2, 3 e 4 deste artigo.

Artigo 85. Autorización de proxectos que se desenvolvan na Rede galega de espazos protexidos

1. Calquera proxecto que, sen ter relación directa coa xestión do lugar ou sen ser necesario para esta, pretenda desenvolverse na Rede galega de espazos protexidos requirirá un informe preceptivo e vinculante que debe emitir a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, no cal se determine se existe ou non unha afección apreciable aos valores naturais que xustificaron a súa declaración. No caso de procedementos de autorizacións regulados na normativa estatal, o informe da consellaría será vinculante de así se prever na dita normativa estatal aplicable.

2. De non se prever unha afección apreciable no informe anterior, o proxecto requirirá unha autorización administrativa que outorgará a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, sen prexuízo das autorizacións que poidan corresponder a outras administracións ou a outros órganos da Administración autonómica. Quedan exceptuados desta autorización todos aqueles proxectos que teñan relación directa coa xestión do lugar ou sexan necesarios para ela, se así o determina o dito informe.

3. De se prever unha afección apreciable no informe recollido na alínea 1 deste artigo, o proxecto someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións no lugar, consonte o disposto para a Rede Natura 2000 na normativa vixente en materia de avaliación ambiental. Os proxectos sometidos a unha adecuada avaliación das súas repercusións que conten co informe do órgano competente en materia de conservación do patrimonio natural non necesitan autorización.

CAPÍTULO VIII Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas

Artigo 86. Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas

1. Para garantir a conectividade ecolóxica e a restauración do territorio galego, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural elaborará, no prazo máximo de tres anos, contado desde a aprobación da estratexia estatal ao respecto, unha Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas, logo da súa consulta coas consellarías afectadas.

2. Ademais da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, participarán na elaboración desta estratexia, polo menos, os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou as entidades instrumentais do sector público autonómico con competencias nas seguintes materias: forestal, agrícola, infraestruturas, augas, ordenación do territorio, enerxía, minaría e paisaxe.

3. A estratexia galega aprobarase no prazo máximo de tres anos, contado desde a aprobación da estratexia estatal ao respecto, por unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, e publicarase no Diario Oficial de Galicia.

4. A Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas incluirá, cando menos, os obxectivos contidos na estratexia estatal na materia.

Artigo 87. Coherencia e conectividade ecolóxica

1. Para mellorar a coherencia e a conectividade ecolóxica do territorio, a Administración autonómica fomentará na súa planificación ambiental a conservación de corredores ecolóxicos e a xestión daqueles elementos da paisaxe e das áreas territoriais que resulten esenciais ou revistan primordial importancia para a migración, a distribución xeográfica e o intercambio xenético entre poboacións de especies de fauna e flora silvestres, tendo en conta os impactos futuros do cambio climático.

2. A Administración autonómica outorgará un papel prioritario aos cursos fluviais, ás vías pecuarias, ás areas de montaña e a outros elementos do territorio lineais e continuos ou que actúan como puntos de enlace, con independencia de que teñan a condición de espazos naturais protexidos.

3. A Administración autonómica procurará establecer mecanismos de colaboración con outras administracións xestoras de espazos contiguos, así como, no marco das súas competencias e respectando a competencia estatal en materia de relacións internacionais, con órganos, organismos públicos ou entes doutros estados, para facilitar a conectividade e a coherencia na xestión.

TÍTULO III Conservación das especies e dos hábitats

CAPÍTULO I Conservación das especies

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 88. Garantía de conservación das especies

1. A Administración autonómica adoptará, no seu ámbito competencial, as medidas necesarias para garantir a conservación, a protección e a recuperación da biodiversidade que vive en estado silvestre en Galicia, atendendo preferentemente a preservación dos seus hábitats, con especial atención ás especies autóctonas e aos seus hábitats, e establecendo réximes específicos de protección para aquelas especies silvestres cuxa situación así o requira.

Igualmente, deberá adoptar as medidas pertinentes para que a recollida na natureza de espécimes das especies de fauna e flora silvestres de interese comunitario, que se enumeran no anexo VI da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, así como a xestión da súa explotación, sexa compatible co seu mantemento nun estado de conservación favorable.

2. Outorgarase preferencia ás medidas de conservación das especies autóctonas nos seus hábitats naturais, dando prioridade á conservación das especies ameazadas, ás especies endémicas, ás especies de fauna e flora silvestres recollidas nos anexos IV, V e VI da Lei 42/2007, do 13 de decembro, e a aqueloutras cuxa área de distribución sexa moi limitada ou a súa poboación moi escasa, así como ás migratorias. Cando for necesario, considerarase a adopción de medidas adicionais de conservación fóra dos ditos hábitats.

3. A Administración autonómica velará polo mantemento da conectividade entre as poboacións das especies de fauna e flora silvestres.

4. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural adoptará, no marco das súas competencias, as medidas recollidas na lexislación básica estatal no relativo á introdución no medio natural de especies ou subespecies alóctonas susceptibles de competiren coas especies silvestres autóctonas e de alteraren as súas características xenéticas ou os equilibrios ecolóxicos.

5. Queda prohibida a solta non autorizada de exemplares de especies alóctonas e autóctonas de fauna, ou de animais domésticos, no medio natural.

Sección 2ª. Réxime de protección xeral

Artigo 89. Réxime de protección xeral. Prohibicións

1. Queda prohibido dar morte, danar, molestar ou inquietar intencionadamente as especies silvestres animais, sexa cal for o método empregado ou a fase do seu ciclo biolóxico.

Nesta prohibición inclúese a súa retención e captura en vivo, a destrución, o dano, a recolección e a retención dos seus niños, das súas crías ou dos seus ovos, estes últimos aínda estando baleiros.

2. Queda igualmente prohibido posuír, transportar, traficar e comerciar con exemplares vivos ou mortos ou cos restos de animais silvestres.

3. Para as especies silvestres de animais non comprendidos nalgunha das categorías definidas nos artigos 56 e 58 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e nos artigos 90 e 91, estas prohibicións non se aplicarán nos supostos con regulación específica, en especial na lexislación de montes, caza, agricultura, sanidade e saúde públicas, pesca continental e pesca marítima, marisqueo e acuicultura e de taxidermia, ou nos supostos regulados pola Administración xeral do Estado, no seu ámbito competencial, para a súa explotación, de maneira compatible coa conservación desas especies.

Sección 3ª. Especies en réxime de protección especial

Artigo 90. Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia

1. Créase a Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia, que terá a natureza de rexistro público de carácter administrativo dependente da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural. Esta listaxe incluirá as especies, as subespecies e as poboacións de competencia autonómica, conforme o previsto no artigo 4, que sexan merecedoras dunha atención e protección particular en función do seu valor científico, ecolóxico, cultural, pola súa singularidade, rareza ou grao de ameaza, así como aquelas que figuren como protexidas nos anexos das directivas e nos convenios internacionais ratificados por España.

2. O contido da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia desenvolverase regulamentariamente.

3. A inclusión dunha especie, unha subespecie ou unha poboación que se atope dentro do ámbito de competencias da Comunidade Autónoma galega establecido no artigo 4 e na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial prevista no artigo 56.1 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, levará consigo a súa inclusión de oficio na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia.

Artigo 91. Catálogo galego de especies ameazadas

1. No seo da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia inclúese o Catálogo galego de especies ameazadas, que se configura como unha sección da dita listaxe. O contido deste catálogo desenvolverase regulamentariamente.

2. O Catálogo galego de especies ameazadas incluirá, cando exista unha información técnica ou científica que así o aconselle, as especies, as subespecies ou as poboacións de competencia autonómica conforme o previsto no artigo 4 que, atopándose ameazadas, requiran medidas de protección específicas. Estas especies ameazadas clasificaranse nalgunha das seguintes categorías:

a) En perigo de extinción.

Incluiranse nesta categoría aqueles taxons ou poboacións cuxa supervivencia é pouco probable de persistiren os factores causantes da súa actual situación.

Dentro desta categoría procede declarar unha especie en situación crítica cando do seguimento ou da avaliación do seu estado de conservación resulta que existe un risco inminente de extinción.

b) Vulnerable.

Incluiranse nesta categoría aqueles taxons ou poboacións que corren o risco de pasar á categoría anterior nun futuro inmediato de non seren corrixidos os factores adversos que actúan sobre eles.

3. A inclusión dunha especie, unha subespecie ou unha poboación de competencia autonómica, conforme o previsto no artigo 4, no Catálogo español de especies ameazadas a que se refire o artigo 58 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, supoñerá a súa inclusión de oficio no Catálogo galego de especies ameazadas, na mesma categoría ou na categoría superior á que teñan no primeiro.

4. Decláranse de utilidade pública e interese social, para os efectos do previsto na lexislación sobre a expropiación forzosa, as obras necesarias para a conservación das especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, especialmente as que teñan carácter de emerxencia e urxencia, segundo os casos.

Artigo 92. Procedemento de inclusión, de cambio de categoría ou de exclusión da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia

1. A inclusión, o cambio de categoría ou a exclusión dunha especie, unha subespecie ou unha poboación na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia realizarase mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

2. O procedemento poderase iniciar de oficio ou por solicitude dunha persoa interesada, cando exista información científica ou técnica que o xustifique. A dita información deberase recoller nunha memoria técnica xustificativa, que, no caso de inicio do procedemento por solicitude dunha persoa interesada, deberá estar elaborada por esta e achegarse xunto coa solicitude de iniciación.

3. Na iniciación do procedemento, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural poderá adoptar as medidas preventivas que, se é o caso, coide precisas para a protección da especie, da subespecie ou da poboación de que se trate. Estas medidas preventivas quedarán sen efecto, en todo caso, no prazo máximo de seis meses desde a súa adopción.

4. Este procedemento someterase durante o prazo dun mes aos trámites de audiencia ás persoas interesadas e de información pública. Tamén se lles solicitará un informe a aquelas consellarías cuxas competencias resulten afectadas, a calquera outra administración afectada e ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible; informe que deberán emitir, agás unha disposición en contrario, no prazo máximo de vinte días. De non ser o caso, procederase coa continuación do procedemento, a menos que se acordase a suspensión do prazo para resolver nos termos previstos no artigo 22.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. O prazo máximo de resolución deste procedemento será de seis meses, contado desde a data do acordo de inicio ou, no caso de iniciación por solicitude dunha persoa interesada, desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. O silencio administrativo terá efectos desestimatorios da solicitude, no caso de que o procedemento se iniciase por solicitude dunha persoa interesada.

6. A inclusión dunha especie, unha subespecie ou unha poboación na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia poderá supoñer o establecemento dun réxime preventivo mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Artigo 93. Efectos da inclusión na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia

A inclusión dunha especie, unha subespecie ou unha poboación na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia comporta as seguintes prohibicións xenéricas:

a) de se tratar de plantas, fungos ou algas, a de apañalos, cortalos, mutilalos, arrincalos ou destruílos intencionadamente na natureza, así como a colleita das súas sementes, do pole ou das esporas, e, no caso das especies ameazadas, tamén a destrución do seu hábitat

b) de se tratar de animais, incluídas as súas larvas, as crías ou os ovos, a de calquera actuación feita co propósito de lles dar morte, capturalos, perseguilos ou molestalos, así como a destrución ou a deterioración dos seus niños, as camas ou os tobos e das súas áreas de reprodución, invernada ou repouso, e, no caso das especies ameazadas, tamén a destrución do seu hábitat

c) en ambos os casos, a de posuír, naturalizar, transportar, vender, comerciar ou intercambiar, ofertar con fins de venda ou intercambio, importar ou exportar exemplares vivos ou mortos, así como os seus propágulos ou restos, agás nos casos en que estas actividades, dunha forma controlada pola administración, poidan resultar claramente beneficiosas para a súa conservación, nos casos que se determinen polas normas regulamentarias aplicables.

Estas prohibicións aplicaranse a todas as fases do ciclo biolóxico destas especies, subespecies ou poboacións.

Artigo 94. Medidas de seguimento

1. Ademais das obrigas en materia de seguimento previstas na normativa básica estatal, as especies, as subespecies ou as poboacións incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia e que non estean incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial prevista no artigo 56.1 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, serán obxecto dun seguimento específico coa finalidade de realizar unha avaliación periódica do seu estado de conservación cada seis anos.

2. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, no seu ámbito competencial, realizará un seguimento da información dispoñible sobre as capturas ou as mortes accidentais, e sobre a base desta información adoptará as medidas necesarias para que estas non teñan repercusións negativas importantes nas especies incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia e se minimicen no futuro.

Artigo 95. Efectos da inclusión no Catálogo galego de especies ameazadas

1. Ademais dos efectos previstos no artigo 93, a inclusión dunha especie, unha subespecie ou unha poboación no Catálogo galego de especies ameazadas terá os seguintes efectos:

a) A inclusión dunha especie, unha subespecie ou unha poboación na categoría de «en perigo de extinción» levará consigo, nun prazo máximo de tres anos, a adopción dun plan de recuperación, que incluirá as medidas máis axeitadas para restablecer as poboacións naturais a un estado que limite o seu risco de extinción.

b) A inclusión dunha especie, unha subespecie ou unha poboación na categoría de «vulnerable» levará consigo a adopción, nun prazo máximo de cinco anos, dun plan de conservación, que incluirá as medidas máis axeitadas para preservar, manter e restablecer as poboacións naturais facéndoas viables.

2. Os plans de recuperación e de conservación fixarán unhas medidas de conservación e uns instrumentos de xestión, específicos ou integrados noutros plans, que eviten as afeccións negativas para as especies.

3. Para aquelas especies, subespecies ou poboacións que comparten os mesmos problemas de conservación, hábitats ou ámbitos xeográficos similares poderán elaborarse plans que comprendan asemade varias especies, subespecies ou poboacións, que se denominarán neste caso plans integrais.

4. Os plans de recuperación ou de conservación ou os plans integrais das especies, as subespecies ou as poboacións que vivan exclusivamente ou en alta proporción nalgún dos espazos naturais protexidos incluídos na Rede galega de espazos protexidos ou en áreas protexidas por instrumentos internacionais poderanse integrar nos seus correspondentes instrumentos de planificación.

5. A realización ou a execución de calquera plan, programa ou proxecto que poida afectar de forma apreciable as especies incluídas nos anexos II ou IV da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, que fosen catalogadas, no ámbito estatal ou autonómico, como en perigo de extinción unicamente se poderán levar a cabo cando, en ausencia doutras alternativas, concorran causas relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, as relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o ambiente ou outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde. A xustificación do plan, do programa ou do proxecto e a adopción das correspondentes medidas compensatorias levarase a cabo conforme o previsto no artigo 84.3, salvo polo que se refire á remisión das medidas compensatorias á Comisión Europea.

Artigo 96. Procedemento de aprobación do plan de recuperación e do plan de conservación

1. A elaboración e a tramitación do plan de recuperación ou do plan de conservación correspóndelle á consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

2. O procedemento de aprobación do plan de recuperación ou do plan de conservación iniciarase mediante un acordo da persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

3. O acordo de inicio do plan de recuperación ou do plan de conservación someterase ao trámite de participación pública nos termos previstos no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente (incorpora as directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE).

4. Con carácter previo á súa aprobación, o borrador do plan someterase durante o prazo dun mes aos trámites de audiencia ás persoas interesadas e de información pública.

5. O plan de recuperación e o plan de conservación das especies ameazadas aprobaranse mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Artigo 97. Vixencia e revisión do plan de recuperación e do plan de conservación

1. Os plans de recuperación e de conservación terán unha vixencia indefinida, sen prexuízo da súa posible revisión conforme a problemática e as características da especie en cuestión.

2. A revisión destes plans realizarase consonte o procedemento previsto no artigo anterior para a súa aprobación.

Artigo 98. Contido dos plans de recuperación e de conservación

Os plans de recuperación e de conservación das especies ameazadas deberán incluír, polo menos, o seguinte contido:

a) unha diagnose do estado de conservación da especie, a subespecie ou a poboación e mais do seu hábitat

b) a finalidade e os obxectivos específicos mensurables para a conservación ou a recuperación da especie, a subespecie ou a poboación

c) a delimitación do ámbito espacial de aplicación, coa zonificación do territorio que proceda, considerando, se é o caso, as áreas críticas para unha especie, as áreas de presenza e as áreas de potencial reintrodución ou expansión

d) a normativa necesaria para acadar os obxectivos establecidos

e) un programa de actuacións para a conservación ou a recuperación das poboacións ou do seu hábitat

f) as medidas para o seguimento das poboacións e da eficacia do plan

g) a memoria económica para o desenvolvemento do plan

h) a estratexia de comunicación e de divulgación do plan.

Sección 4ª. Excepcións ás prohibicións e réxime de autorizacións

Artigo 99. Excepcións ás prohibicións

1. As prohibicións recollidas nos artigos 89 e 93 poderán quedar sen efecto, logo da autorización administrativa da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, no seu ámbito competencial, de non existir outra solución satisfactoria e sen que isto supoña causar un prexuízo ao mantemento nun estado de conservación favorable das especies, as subespecies ou as poboacións de que se trate, na súa área de distribución natural, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Se da súa aplicación derivan efectos prexudiciais para a saúde e a seguridade das persoas.

b) Para previr prexuízos importantes aos cultivos, ao gando, aos bosques, á pesca e á calidade das augas.

Salvo no caso das aves, tamén se poderá aplicar esta excepción no caso de prexuízo a outras formas de propiedade.

c) Por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, incluídas as de carácter socioeconómico e as consecuencias beneficiosas de importancia primordial para o ambiente.

Esta excepción non será aplicable no caso das aves.

d) Cando sexa necesario por razóns de investigación, educación, repoboación ou reintrodución, ou cando se precise para a cría en catividade orientada aos ditos fins. Nestes casos haberá que aterse ao disposto no Real decreto 53/2013, do 1 de febreiro, polo que se establecen as normas básicas aplicables para a protección dos animais utilizados en experimentación e outros fins científicos.

e) No caso das aves, para previr accidentes en relación coa seguridade aérea.

f) Para permitir, en condicións estritamente controladas e mediante métodos selectivos, a captura, a retención ou calquera outra explotación prudente de determinadas especies non incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial ou na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia, en pequenas cantidades e coas limitacións precisas para garantir a súa conservación. Nestes casos, haberá que aterse ao disposto na alínea 4 do artigo 61 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

g) Para protexer a flora e a fauna silvestres e os hábitats naturais.

2. Nos supostos de aplicación do último inciso da alínea 1.b) e da alínea 1.c), a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural especificará as medidas mediante as cales quedará garantido o principio de non-perda neta da biodiversidade, previsto no artigo 2.c), xa sexa mediante a figura dos bancos de conservación, xa sexa mediante a adopción doutros instrumentos.

3. As autorizacións para a captura en vivo de exemplares establecerán entre a súa lista de condicións que os métodos de captura ou de marcaxe adopten a alternativa con menor probabilidade de producir lesións ou provocar mortaldade dos exemplares capturados.

4. O outorgamento de autorizacións para a práctica da marcaxe de exemplares de fauna silvestre, en especial a través do anelamento científico, quedará supeditado a que a persoa solicitante acredite a súa aptitude para o desenvolvemento da actividade sobre unha base mínima de coñecementos comúns que estableza a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, coa colaboración das entidades e as sociedades científicas relacionadas coa marcaxe.

Artigo 100. Disposicións específicas en relación coas especies incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia

1. Quedan sometidas á autorización da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural os seguintes supostos particulares:

a) a realización de calquera actuación que poida supoñer unha afección aos exemplares das especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e en todo caso á súa cría ou ao seu cultivo

b) os labores silvícolas e fitosanitarios que precisen as especies de flora incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas

c) a exhibición pública con fins científicos ou educativos de exemplares naturalizados de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.

2. No caso do outorgamento da autorización de tenza de especies de fauna silvestre sometidas a un réxime de protección especial requirirase que se acredite que a orixe dos exemplares cumpre cos requisitos exixidos pola normativa aplicable.

Así mesmo, os exemplares de especies en réxime de protección especial de fauna silvestre mantidos en catividade deberán ser marcados individualmente de acordo co sistema que determine a autoridade competente. Poderase requirir a realización das análises complementarias necesarias para o recoñecemento futuro do exemplar ou asegurar a súa orixe.

Artigo 101. Autorizacións

1. O prazo máximo de que dispón a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural para resolver e notificar a resolución das solicitudes de autorización previstas nos artigos 99.1 e 100.1 será de tres meses, contado desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. De non se resolver e notificar a resolución no prazo sinalado, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Nos casos previstos no artigo 99.1, alíneas a), b), e) e f), cando se formulen solicitudes de autorización que garden identidade substancial ou íntima conexión, poderán tramitarse e resolverse conxuntamente nunha única resolución, na cal se recollan as condicións e os medios que se deben empregar.

3. As autorizacións a que se refire este artigo serán públicas e motivadas e especificarán, polo menos, o seguinte:

a) o obxectivo e a xustificación da acción

b) as especies a que se refira

c) os medios, as instalacións, os sistemas ou os métodos que se deben empregar e os seus límites, así como as razóns e o persoal cualificado para o seu emprego

d) a natureza e as condicións de risco, as circunstancias de tempo e lugar e, de proceder, as solucións alternativas non adoptadas e os datos científicos empregados

e) as medidas de control que se aplicarán.

4. O prazo de vixencia da autorización determinarase na súa resolución de outorgamento tendo en conta as circunstancias concorrentes na especie.

Poderase acordar a revogación das autorizacións previstas nos artigos 99.1 e 100.1 como sanción accesoria consonte o disposto no artigo 124.3.b) no momento en que se incumpran os condicionantes establecidos, así como cando se determine a non-adecuación das actuacións pola desaparición sobrevida dos presupostos, dos requisitos ou das condicións que determinaron o outorgamento da autorización.

5. As autorizacións outorgadas pola consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural comportarán a obriga para a persoa titular de lle subministrar á dita consellaría a información recompilada con base nestas autorizacións, en especial aquela relativa á localización xeográfica das poboacións das especies silvestres en réxime de protección especial. O prazo máximo para a presentación desta información será de tres meses, contado desde a finalización da vixencia ou a revogación da autorización outorgada.

Artigo 102. Comunicación das autorizacións

A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural comunicaralle anualmente ao ministerio competente as autorizacións outorgadas consonte o disposto no artigo 61 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e as normas que en desenvolvemento do dito precepto básico se recollen nesta lei, para os efectos da súa posterior notificación á Comisión Europea e aos organismos internacionais pertinentes, sinalando, en cada caso, os controis exercidos e os resultados obtidos destes.

Artigo 103. Taxidermia

1. As persoas físicas ou xurídicas que practiquen as actividades de taxidermia de especies de fauna silvestre inscribiranse no Rexistro de Taxidermistas. Para tal efecto, estableceranse regulamentariamente as especies de fauna silvestre que poden ser obxecto desta actividade, así como os datos obrigatorios que deben constar no dito rexistro e o seu réxime de funcionamento.

A inscrición neste rexistro non terá carácter habilitante para o exercicio da actividade.

2. O Rexistro de Taxidermistas configúrase como un rexistro público, dependente da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

3. As persoas inscritas neste Rexistro de Taxidermistas deberán levar un libro de rexistro, que estará á disposición da Administración autonómica, no que consten os datos de procedencia dos animais que sexan obxecto de preparación.

Sección 5ª. Conservación ex situ

Artigo 104. Propagación das especies silvestres incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 62 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, para as especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural impulsará o desenvolvemento de programas de cría ou de propagación fóra do seu hábitat natural, en especial cando tales programas estean previstos nas estratexias de conservación ou nos plans de recuperación ou de conservación.

Estes programas estarán dirixidos á constitución de reservas xenéticas ou á obtención de exemplares aptos para a súa reintrodución no medio natural.

2. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural realizará e promoverá, no ámbito competencial autonómico, a cría, a repoboación e a reintrodución das especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.

3. As organizacións sen ánimo de lucro, os parques zoolóxicos, os xardíns botánicos e os centros públicos e privados de investigación ou de conservación poderán participar, logo da autorización da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, nos programas de cría en catividade e de propagación das especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas que aprobe a dita consellaría.

4. A cría para a reintrodución ou a repoboación no medio natural de especies silvestres da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia non catalogadas como ameazadas requirirá unha autorización da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Artigo 105. Conservación ex situ de material biolóxico e xenético das especies silvestres

1. A Administración autonómica promoverá a existencia de bancos de material xenético e biolóxico das especies silvestres, co obxecto de contribuír a preservar a diversidade xenética das especies silvestres e de complementar as actuacións de conservación in situ.

2. A Administración autonómica promoverá e dará prioridade á conservación do material biolóxico e xenético de taxons da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial e da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia, con especial atención ás especies endémicas ou catalogadas.

3. Créase o Inventario galego de bancos de material xenético referido a especies silvestres como un rexistro público de carácter administrativo dependente da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Neste inventario incluirase a información actualizada sobre as coleccións conservadas nos bancos de material biolóxico e xenético de especies silvestres sitos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Para estes efectos, os bancos deberanlle proporcionar esta información, polo menos anualmente, á dita consellaría.

A Administración autonómica comunicará a información recollida neste inventario, para os efectos do seu reflexo no Inventario español de bancos de material biolóxico e xenético de especies silvestres.

Artigo 106. Acceso e utilización dos recursos xenéticos procedentes de taxons silvestres e distribución de beneficios

1. En materia de acceso e de utilización dos recursos xenéticos procedentes de taxons silvestres e a distribución de beneficios derivados da súa utilización haberá que aterse ao disposto no artigo 71 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Para os efectos do disposto no artigo 71 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, no ámbito competencial autonómico, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural será a autoridade autonómica competente no acceso aos recursos xenéticos.

3. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural comunicará, no ámbito das súas competencias, ao punto focal nacional as autorizacións outorgadas en materia de acceso aos recursos xenéticos, cuxo contido deberá axustarse ao establecido no Protocolo de Nagoia e nos seus mecanismos de desenvolvemento.

4. Os beneficios derivados da utilización dos recursos xenéticos destinaranse principalmente á conservación da biodiversidade e ao uso sustentable dos seus compoñentes.

5. En materia de control da utilización dos recursos xenéticos haberá que aterse ao disposto no artigo 72 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, e na súa normativa de desenvolvemento. Para os efectos previstos no artigo 13.2 do Real decreto 124/2017, do 24 de febreiro, relativo ao acceso aos recursos xenéticos procedentes de taxons silvestres e ao control da utilización, no ámbito competencial autonómico, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural será a autoridade autonómica competente.

No suposto de detectar infraccións no acceso ou na utilización dos recursos xenéticos baixo a súa competencia, por parte de usuarios que se atopen fóra do territorio español, notificarase a dita información ao punto focal nacional para os efectos oportunos.

Artigo 107. Centros de recuperación de fauna

1. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural establecerá uns centros de recuperación de fauna, que terán como finalidade o coidado e a recuperación dos exemplares da fauna silvestre autóctona que non estean en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural. O seu principal obxectivo é a súa reintegración ao medio natural ou, se isto non é posible, a súa integración en programas de conservación ex situ ou de educación ambiental.

2. Aqueles exemplares da fauna silvestre para os que non sexa posible conseguir a súa recuperación nin a súa incorporación a proxectos de cría en catividade, de divulgación ou de educación ambiental poderán, no marco das oportunas decisións técnicas e sempre baixo o necesario respecto á normativa aplicable, ser sacrificados coas oportunas garantías de benestar animal.

Sección 6ª. Especies alóctonas

Artigo 108. Especies exóticas invasoras

1. No ámbito competencial autonómico, a prohibición da posesión, o transporte, o tráfico e o comercio de exemplares vivos de especies exóticas invasoras incluídas no Catálogo español de especies exóticas invasoras, dos seus restos ou propágulos que poidan sobrevivir ou reproducirse poderá quedar sen efecto, logo da autorización administrativa da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural e da solicitude da persoa interesada, cando sexa necesario por razóns de investigación, saúde ou seguridade das persoas, ou con fins de control ou erradicación, no marco das estratexias, dos plans e das campañas que, para tal efecto, se aproben e tendo en conta a relevancia dos aspectos sociais ou económicos da actividade que afecten.

2. Esta autorización outorgarase no prazo máximo de tres meses, contado desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, e entenderase desestimada por silencio administrativo logo de transcorrer o prazo máximo de resolución sen que se ditase e notificase a resolución.

3. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural levará a cabo un seguimento das especies exóticas con potencial invasor en Galicia, en especial daquelas que demostrasen ese carácter noutras comunidades autónomas ou noutros países, co fin de propoñer, se é o caso, a súa inclusión no Catálogo español de especies exóticas invasoras.

4. Sen prexuízo do disposto no artigo 64.7 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural poderá, no seu ámbito competencial, elaborar uns plans que conteñan as directrices de xestión, control e posible erradicación das especies do Catálogo español de especies exóticas invasoras, outorgando prioridade a aquelas especies que supoñan un maior risco para a conservación da fauna, a flora ou os hábitats autóctonos ameazados, con particular atención á biodiversidade insular.

5. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural establecerá unha Rede de alerta para a vixilancia das especies exóticas invasoras que recompile e rexistre os datos sobre a incidencia no medio das especies exóticas invasoras.

6. A Administración autonómica adoptará as medidas de control ou de erradicación das especies exóticas invasoras. No marco dos plans de control e de erradicación da Administración autonómica poderáselles incluír a imposición da obriga de execución de tales medidas ás persoas responsables da introdución ou da propagación.

A prevención, a evitación e a reparación dos danos ambientais causados pola introdución de especies exóticas invasoras realizaranse nos termos establecidos na lexislación básica en materia de responsabilidade ambiental.

7. No caso de incumprimento por parte dos suxeitos responsables das medidas previstas na alínea anterior, a Administración autonómica poderá proceder á súa execución subsidiaria, á custa da persoa responsable.

8. Decláranse de utilidade pública e interese social as actuacións necesarias para a erradicación das especies exóticas invasoras.

Artigo 109. Especies exóticas invasoras de preocupación para a Unión Europea

1. A xestión das especies exóticas invasoras preocupantes para a Unión Europea realizarase consonte o disposto no Regulamento (UE) nº 1143/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de outubro de 2014, sobre a prevención e a xestión da introdución e propagación de especies exóticas invasoras.

2. O incumprimento das obrigas previstas no devandito regulamento comportará a imposición das respectivas sancións previstas no título VI da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e nesta lei.

Artigo 110. Liberación de especies non autóctonas

1. Prohíbese con carácter xeral, agás que se dispoña dunha autorización outorgada pola consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, a liberación de especies non autóctonas no territorio de Galicia, cando estas sexan susceptibles de competir coas especies autóctonas e de alterar as súas características xenéticas ou os equilibrios ecolóxicos, así como dar morte, danar ou inquietar os animais silvestres.

Exceptúase desta prohibición a liberación de especies non autóctonas que conten cunha regulación sectorial específica, sen prexuízo das previsións dos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos.

2. O disposto neste artigo entenderase sen prexuízo do disposto na normativa básica estatal en relación coa introdución en todo o territorio nacional de especies ou subespecies alóctonas.

Sección 7ª. Especies silvestres autóctonas extinguidas

Artigo 111. Reintrodución de especies silvestres autóctonas extinguidas

1. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural promoverá a reintrodución de especies silvestres autóctonas extinguidas en Galicia e das que aínda existan poboacións noutros lugares ou en catividade, en especial cando estas reintroducións contribúan ao restablecemento do estado de conservación favorable das especies ou dos hábitats de interese comunitario.

2. Esta reintrodución de especies silvestres autóctonas extinguidas en Galicia realizarase consonte o disposto no artigo 55 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

Sección 8ª. Árbores senlleiras

Artigo 112. Catálogo galego de árbores senlleiras

1. O Catálogo galego de árbores senlleiras configúrase como un rexistro público de carácter administrativo dependente da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, que incluirá aqueles exemplares ou formacións dos que, polos seus valores ou intereses natural, cultural, científico, educativo, estético ou paisaxístico, sexa necesario asegurar a súa conservación.

2. A realización nos exemplares ou nas formacións incluídos neste catálogo de todo tipo de tratamentos silvícolas ou de actuacións encamiñadas á súa protección, conservación e mellora requirirá, segundo se determine regulamentariamente, unha autorización da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural ou unha comunicación previa.

3. O réxime xurídico do Catálogo galego de árbores senlleiras é o que se estableza na súa normativa de desenvolvemento.

CAPÍTULO II Conservación dos hábitats

Artigo 113. Hábitats en perigo de desaparición

Son hábitats en perigo de desaparición aqueles que requiren medidas específicas de protección e conservación por se atoparen nalgunha das circunstancias seguintes:

a) ter a súa área de distribución moi reducida e en diminución

b) ter sido destruídos na maior parte da súa área de distribución natural

c) ter sufrido unha drástica deterioración da súa composición, estrutura e funcións ecolóxicas na maior parte da súa área de distribución natural, e

d) atoparse en alto risco de transformación irreversible a curto ou medio prazo nunha parte significativa da súa área de distribución, incluíndo o risco de transformación debido aos efectos do cambio climático.

Artigo 114. Catálogo dos hábitats en perigo de desaparición de Galicia

1. Créase o Catálogo dos hábitats en perigo de desaparición de Galicia como un rexistro público de carácter administrativo dependente da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural. O contido deste catálogo desenvolverase regulamentariamente.

2. No Catálogo dos hábitats en perigo de desaparición de Galicia incluiranse aqueles hábitats en perigo de desaparición existentes en Galicia, ou ben por seren declarados expresamente como tales por unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, ou ben por estaren incluídos no Catálogo español de hábitats en perigo de desaparición e se atoparen en Galicia.

3. O procedemento de inclusión ou de exclusión dun hábitat no Catálogo dos hábitats en perigo de desaparición de Galicia desenvolverase regulamentariamente.

4. A inclusión dun hábitat no Catálogo dos hábitats en perigo de desaparición de Galicia terá os seguintes efectos:

a) unha superficie adecuada incluirase nalgún instrumento de planificación ou nunha figura de protección dos espazos naturais, nova ou xa existente, e

b) a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural definirá e tomará as medidas necesarias para frear a recesión e eliminar o risco de desaparición destes hábitats nos instrumentos de planificación e doutro tipo adecuados para estes fins.

5. Decláranse de utilidade pública e interese social as obras necesarias para a conservación dos hábitats en perigo de desaparición, en especial as que teñan por obxecto facer fronte a fenómenos catastróficos ou excepcionais.

Artigo 115. Inventario galego do patrimonio natural e da biodiversidade

1. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, coa colaboración das institucións e das organizacións de carácter científico, económico e social, elaborará e manterá actualizado o Inventario galego do patrimonio natural e da biodiversidade, que recollerá a distribución, a abundancia, o estado de conservación e a utilización, así como calquera outra información que se considere necesaria, de todos os elementos integrantes do patrimonio natural de Galicia respecto dos que a Comunidade Autónoma galega teña competencias.

2. O contido e a estrutura do Inventario galego do patrimonio natural e da biodiversidade determinaranse regulamentariamente, e deberá formar parte del, cando menos, a información relativa:

a) ao Catálogo dos hábitats en perigo de desaparición de Galicia

b) á Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia, incluíndo o Catálogo galego de especies ameazadas

c) á relación dos espazos naturais protexidos sitos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia

d) ás áreas protexidas por instrumentos internacionais sitas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia

e) ao Inventario galego de bancos de material xenético referido a especies silvestres

f) ao Inventario de zonas húmidas de Galicia

g) ao Catálogo galego de árbores senlleiras

h) ao Inventario galego de lugares de interese xeomorfolóxico.

TÍTULO IV Inspección e réxime sancionador

CAPÍTULO I Inspección

Artigo 116. Persoal con funcións inspectoras

1. A inspección do cumprimento do disposto nesta lei e na normativa que a desenvolva será desempeñada polo persoal funcionario con funcións inspectoras dependente da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, sen prexuízo das funcións que, conforme a normativa aplicable, sexan desempeñadas por outro persoal.

2. O persoal funcionario con funcións inspectoras dependente da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural terá a condición de axente da autoridade para os efectos do previsto no artigo 77.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 117. Facultades do persoal con funcións inspectoras

O persoal dependente da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural indicado no artigo 116 está facultado no exercicio das súas funcións inspectoras para:

a) acceder ás propiedades privadas, sempre que non constitúan domicilio nin outros lugares cuxo acceso requira o consentimento da persoa titular, para levar a cabo as tarefas de inspección. Para o exercicio desta facultade non se precisará notificación previa da inspección

b) efectuar notificacións e realizar requirimentos de información e documentación ou de realización de actuacións concretas

c) proceder á toma de mostras

d) proceder á toma de fotografías ou doutro tipo de imaxes gráficas, sen prexuízo do disposto na normativa vixente sobre o segredo industrial e sobre a protección de datos de carácter persoal

e) realizar calquera outra actuación tendente a investigar os feitos que poidan constituír unha infracción administrativa consonte o disposto nesta lei

f) proceder ao comiso dos medios empregados para cometer as infraccións ou dos produtos ou dos exemplares obxecto destas.

Artigo 118. Deberes no exercicio das funcións inspectoras

O persoal con funcións inspectoras, dependente da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, durante o seu desenvolvemento está obrigado a:

a) identificarse e acreditarse como tal mediante unha tarxeta acreditativa ou similar

b) observar o respecto e a consideración debidos ás persoas interesadas

c) informar as persoas interesadas dos seus dereitos e deberes en relación cos feitos obxecto da inspección

d) obter toda a información necesaria dos feitos obxecto da inspección e dos seus posibles responsables, accedendo, cando resulte necesario para o exercicio da función inspectora e con respecto á normativa aplicable, aos rexistros públicos existentes

e) gardar sixilo profesional e segredo respecto dos asuntos que coñeza por razón do seu cargo e da súa actividade pública.

Artigo 119. Actuación inspectora do persoal dependente da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural

1. A actuación de inspección iniciarase de oficio, por acordo da persoa titular da xefatura territorial competente por razón do territorio da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, ou ben por propia iniciativa, ou ben como consecuencia dunha orde superior por petición razoada doutros órganos ou por denuncia dunha persoa particular.

2. Nas actas emitidas no exercicio das funcións de inspección farase constar, como mínimo, a data, a hora e o lugar da realización da inspección; a identificación e a sinatura do persoal actuante; a identificación da persoa ou da entidade inspeccionada ou das persoas con quen se entendan as actuacións; a descrición dos feitos constatados, e os datos da toma de mostra, se é o caso. As actas poderanse acompañar duns informes aclaratorios ou complementarios.

3. Logo de se formalizar a acta, entregarase unha copia á persoa ou á entidade inspeccionada coa que se entendan as actuacións, e esta asinará a súa recepción. Cando a parte inspeccionada ou a persoa con quen se entendan as actuacións se negue a subscribir a acta ou se negue a recibir un exemplar do documento, faranse constar estas circunstancias.

En ausencia de persoas con quen se poidan entender as actuacións, redactarase a acta facendo constar expresamente este extremo.

No caso de non resultar posible redactar a acta no momento da inspección, remitiráselle un exemplar á persoa inspeccionada no prazo dos tres días seguintes.

4. O asinamento da acta por parte da persoa ou da entidade inspeccionada non implica aceptar o seu contido. En todo caso, a negativa a asinala non supoñerá en ningún caso a paralización ou o arquivo das posibles actuacións motivadas pola actividade inspectora.

5. As actas emitidas polo persoal con funcións inspectoras e os informes aclaratorios ou complementarios dos que se acompañen, de ser o caso, nos que, observándose os requisitos legais correspondentes se recollan os feitos constatados por aqueles, farán proba destes agás que se acredite o contrario.

CAPÍTULO II Infraccións e sancións

Sección 1ª. Infraccións

Artigo 120. Infraccións

1. Constitúen infraccións administrativas en materia de conservación do patrimonio natural as accións ou as omisións tipificadas nos artigos seguintes e as tipificadas na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, sen prexuízo da responsabilidade exixible na vía penal, civil ou doutra orde a que poidan dar lugar.

2. Para os efectos desta lei, as infraccións cualifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 121. Infraccións leves

Son infraccións leves:

a) A captura, a tenza, a naturalización, a destrución, a morte, a deterioración, o comercio, o tráfico ou a exhibición non autorizados de especies incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia, sempre que non estean incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas ou na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial prevista no artigo 56 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

b) A produción de ruídos evitables que alteren a tranquilidade habitual das especies, provocando unha afección ás especies incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia.

c) Transitar, circular con vehículos, acampar e acender lume nos lugares expresamente prohibidos nos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos, cando non existan danos ao patrimonio natural ou á biodiversidade.

d) O incumprimento das condicións impostas nas autorizacións para realizar determinadas actuacións que poidan afectar os espazos e as especies protexidas ou nos instrumentos de planificación previstos nesta lei, cando non existan danos ao patrimonio natural ou á biodiversidade.

e) A destrución, a deterioración, a subtracción ou o cambio de localización dos sinais vinculados aos espazos protexidos, así como o incumprimento por parte das persoas titulares dos predios serventes da obriga de dar paso e permitir a súa instalación, conservación ou renovación.

f) Calquera outro incumprimento dos requisitos, das obrigas ou das prohibicións establecidas nesta lei, sempre que non estean cualificadas como infracción grave ou moi grave nesta lei ou na Lei 42/2007, do 13 de decembro.

Artigo 122. Infraccións graves

Son infraccións graves:

a) A destrución ou a alteración da estrutura ou do funcionamento ecolóxico do hábitat das especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia, sempre que non estean incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas ou na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial, en especial dos lugares de reprodución, invernada, repouso ou alimentación incluídos nos espazos naturais protexidos.

b) A tenza, a destrución, a morte, a deterioración, a recolección, o comercio, a captura ou a exposición para o comercio ou a naturalización non autorizados de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas na categoría de «en perigo de extinción» ou «vulnerable», ou expresamente identificadas para estes efectos nos instrumentos de planificación dos espazos naturais, así como dos seus propágulos ou restos, sempre que estas especies non teñan tal catalogación no Catálogo español de especies ameazadas.

c) A destrución ou a alteración da estrutura ou do funcionamento ecolóxico do hábitat das especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas na categoría de «en perigo de extinción» ou «vulnerable», en especial dos lugares de reprodución, invernada, repouso ou alimentación incluídos nos espazos naturais protexidos, sempre que estes hábitats non estean incluídos no Catálogo español de hábitats en perigo de desaparición.

d) A realización de obras, usos ou actividades nas zonas suxeitas legalmente a algún tipo de limitación conforme esta lei ou que incumpran a normativa dos instrumentos de planificación dos espazos naturais, sen a debida autorización administrativa.

e) A desobediencia ás ordes ou aos requirimentos do persoal inspector dependente da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural no exercicio das súas funcións de protección dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres regulados por esta lei, así como a obstaculización do dito exercicio.

f) A destrución de exemplares ou de formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras ou a alteración substancial da súa fisionomía ou da súa área de protección que poida alterar os valores que xustificaron a súa inclusión no dito catálogo.

g) O incumprimento das condicións impostas nas autorizacións ou nos instrumentos de planificación previstos nesta lei, cando tal incumprimento determine a produción de danos ao patrimonio natural ou á biodiversidade.

h) O abandono ou o depósito de residuos fóra dos lugares destinados para o efecto, cando non se producise un dano ou un risco serio para os valores dos ecosistemas.

i) O incumprimento das ordes de paralización ou de suspensión da actividade imposta pola Administración autonómica como medidas cautelares previas, cando estas medidas fosen confirmadas no acordo de inicio do procedemento administrativo sancionador.

j) Transitar, circular con vehículos, acampar e acender lume nos lugares expresamente prohibidos nos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos, cando se causen danos aos valores protexidos.

k) A comisión dunha infracción leve do mesmo tipo que a que motivou a sanción anterior no prazo de dous anos seguintes á notificación desta, sempre que a resolución sancionadora adquirise firmeza na vía administrativa.

Artigo 123. Infraccións moi graves

Son infraccións moi graves:

a) A colocación de veleno ou de cebos envelenados en espazos naturais protexidos ou as accións intencionadas que afecten gravemente a integridade do espazo.

b) A tenza, a destrución, a morte, a deterioración, a recolección, o comercio, a captura ou a exposición para o comercio ou a naturalización non autorizados de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas na categoría de «en perigo crítico de extinción » ou expresamente identificadas para estes efectos nos instrumentos de planificación dos espazos naturais, así como dos seus propágulos ou restos.

c) A destrución ou a alteración da estrutura ou do funcionamento ecolóxico do hábitat das especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas na categoría de «en perigo crítico de extinción», en especial dos lugares de reprodución, invernada, repouso ou alimentación incluídos nos espazos naturais protexidos.

d) A destrución ou a alteración da estrutura ou do funcionamento ecolóxico de hábitats incluídos no Catálogo dos hábitats en perigo de desaparición de Galicia ao seren declarados expresamente como tales por unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

e) Calquera outra das infraccións previstas nesta lei e non tipificadas na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, cando os danos causados ao patrimonio natural ou á biodiversidade superen os douscentos mil euros ou cando os beneficios obtidos superen os cen mil euros.

f) A comisión dunha infracción grave do mesmo tipo que a que motivou a sanción anterior no prazo de dous anos seguintes á notificación desta, sempre que a resolución sancionadora adquirise firmeza na vía administrativa.

Sección 2ª. Sancións

Artigo 124. Sancións

1. As infraccións tipificadas nesta lei sancionaranse coas seguintes multas:

a) infraccións leves: multa de 100 a 3.000 euros

b) infraccións graves: multa de 3.001 a 200.000 euros

c) infraccións moi graves: multa de 200.001 a 2.000.000 de euros.

2. Ademais da multa correspondente, poderase impoñer como sanción accesoria o comiso dos medios empregados para a comisión da infracción ou dos produtos ou dos exemplares obxecto dela consonte o disposto no artigo 135.5.

3. Cando se cometan infraccións graves ou moi graves, poderanse impoñer tamén as seguintes sancións accesorias:

a) a perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas da Administración autonómica de Galicia por un prazo de ata tres anos para as infraccións moi graves e de ata dous anos para as infraccións graves

b) a revogación das autorizacións outorgadas en aplicación desta lei cuxas condicións fosen incumpridas, ou a suspensión destas por un prazo de ata tres anos para as infraccións moi graves e de ata dous anos para as infraccións graves

c) o pechamento dos establecementos, dos locais ou das instalacións.

Artigo 125. Criterios para a graduación das sancións

1. Na imposición das sancións deberase gardar a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, tendo en conta os seguintes criterios: a magnitude do risco que supón a conduta infractora e a súa repercusión; a contía, se é o caso, dos danos ocasionados; a súa transcendencia polo que respecta á seguridade das persoas ou dos bens protexidos por esta lei; as circunstancias do responsable; o grao de intencionalidade apreciable na persoa infractora ou infractoras, e, se é o caso, o beneficio ilicitamente obtido como consecuencia da conduta infractora, así como a irreversibilidade dos danos ou das deterioracións producidos.

2. Cando da comisión dunha infracción derive necesariamente a comisión doutra ou doutras, impoñerase unicamente a sanción correspondente á infracción máis grave cometida.

3. A reincidencia na comisión de infraccións da mesma categoría nun prazo inferior ao da súa prescrición equipararase coa comisión dunha infracción da categoría inmediatamente superior.

4. Evitarase que o beneficio obtido por parte da persoa infractora sexa superior ao importe da sanción, para cuxos efectos poderá incrementarse o límite máximo da sanción ata o dobre do beneficio da persoa infractora.

5. A reposición da legalidade mediante a restauración do medio natural ao estado previo ao momento de se producir a infracción ou ben a obtención das autorizacións previstas nesta lei, cando teña lugar en calquera momento anterior á finalización do procedemento administrativo sancionador, determinará a aplicación á persoa interesada da contía sancionadora prevista para as infraccións de gravidade inmediatamente inferior.

Sección 3ª. Reparación do dano causado e indemnización

Artigo 126. Reparación do dano causado e indemnización

1. Sen prexuízo das sancións que en cada caso procedan por incumprimento do disposto nesta lei, a persoa infractora deberá reparar o dano causado na forma e nas condicións establecidas na Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental, reparación que comprenderá a obriga de repoñer a situación alterada ao seu estado anterior. A persoa infractora estará obrigada a indemnizar os danos e as perdas que non poidan ser reparados nos termos da correspondente resolución.

2. A consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural poderá proceder á execución subsidiaria das obrigas descritas na alínea anterior á custa da persoa responsable, logo do apercibimento e de que transcorrese o prazo establecido para a súa execución voluntaria. Non será necesario o apercibimento previo cando da persistencia da situación poida derivar un perigo inminente para a saúde humana ou o ambiente, ou en calquera dos supostos de actuación directa previstos na Lei 26/2007, do 23 de outubro.

No suposto de execución subsidiaria, facúltase a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural para proceder á ocupación dos terreos afectados polos danos, unha vez que sexa firme a resolución que impoña esta obriga, polo que quedan exentas estas actuacións da necesidade de obter un título habilitante municipal. Exceptúase desta facultade os supostos en que os terreos constitúan o domicilio ou os lugares cuxo acceso requira do consentimento da persoa titular, en que será necesaria a obtención deste consentimento ou da autorización xudicial correspondente.

2. A exixencia de repoñer a situación alterada ao seu estado anterior comprende a obriga da persoa infractora de destruír ou demoler toda clase de instalacións ou obras ilegais e de executar cantos traballos sexan precisos para tal fin, conforme os prazos, a forma e as condicións que estableza o órgano competente.

CAPÍTULO III Procedemento sancionador

Artigo 127. Principios xerais

1. A potestade sancionadora no ámbito competencial autonómico corresponderalle á consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural e exercerase a través do correspondente procedemento sancionador, para o que resultarán aplicables as regras e os principios establecidos na lexislación sobre o procedemento administrativo común e sobre o réxime xurídico do sector público.

2. O prazo máximo para a tramitación e a resolución do procedemento sancionador será dun ano, contado desde a data do acordo de iniciación. Ao transcorrer o devandito prazo sen que se ditase e notificase unha resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento na forma prevista pola lexislación reguladora do procedemento administrativo común.

3. Será pública a acción para exixir ante a Administración autonómica a observancia do establecido nesta lei, nas disposicións que se diten para o seu desenvolvemento e a súa execución e mais nos instrumentos de planificación previstos nela.

Quen exerza a acción pública prevista no parágrafo anterior deberá fundamentar suficientemente os feitos presuntamente constitutivos de infracción. A decisión de iniciación ou non dun procedemento sancionador por tales feitos será motivada e notificada a quen exercese a dita acción pública.

Artigo 128. Competencia sancionadora

1. A competencia para a incoación dos procedementos sancionadores por infraccións tipificadas nesta lei corresponderalle á persoa titular da xefatura territorial competente por razón do territorio da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Se a infracción administrativa afecta o ámbito territorial de dúas ou máis provincias, a competencia para a incoación poderá ser exercida por calquera das persoas titulares das xefaturas territoriais correspondentes, quen o notificará á outra xefatura territorial afectada.

2. Pola súa parte, a competencia para a imposición das sancións a que se refire esta lei corresponderalle:

a) no suposto das infraccións leves, á persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural no caso de que a infracción afecte unha única provincia, ou á persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación do patrimonio natural no caso de que a infracción afecte máis dunha provincia

b) no suposto das infraccións graves, á persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación do patrimonio natural, e

c) no suposto de infraccións moi graves, á persoa titular da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Artigo 129. Suxeitos responsables

1. Só poderán ser sancionadas por feitos constitutivos de infracción administrativa as persoas físicas e xurídicas así como, cando unha lei lles recoñeza capacidade de obrar, os grupos de afectados, as unións e as entidades sen personalidade xurídica e os patrimonios independentes ou autónomos que resulten responsables deles a título de dolo ou culpa.

2. As responsabilidades administrativas que deriven da comisión dunha infracción serán compatibles coa exixencia á persoa infractora da reposición da situación alterada por ela ao seu estado orixinario, así como coa indemnización polos danos e as perdas causados, que determinará e exixirá o órgano ao que lle corresponda o exercicio da potestade sancionadora. De non se satisfacer a indemnización no prazo que para o efecto se determine en función da súa contía, procederase na forma prevista no artigo 101 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Cando o cumprimento dalgunha obriga prevista nesta lei corresponda a varias persoas conxuntamente, responderán de forma solidaria das infraccións que, se é o caso, se cometan e das sancións que se impoñan. Non obstante, cando a sanción sexa pecuniaria e sexa posible, individualizarase na resolución en función do grao de participación de cada responsable.

Artigo 130. Concorrencia de sancións

Non poderán sancionarse os feitos que o fosen penal ou administrativamente, nos casos en que se aprecie a identidade do suxeito, do feito e do fundamento.

Artigo 131. Medidas provisionais

1. Ao se iniciar o procedemento sancionador, o órgano administrativo competente para o resolver poderá adoptar de oficio ou por instancia dunha parte, e de forma motivada, as medidas provisionais que coide pertinentes para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer, de existiren elementos de xuízo suficientes para iso, consonte os principios de proporcionalidade, efectividade e menor onerosidade.

2. Antes da iniciación do procedemento administrativo, o órgano competente para iniciar ou instruír o procedemento, de oficio ou por instancia dunha parte, nos casos de urxencia inaprazable e para a protección provisional dos intereses implicados, poderá adoptar de forma motivada as medidas provisionais que resulten necesarias e proporcionadas. No caso de se tratar da adopción do comiso, tamén será competente para a súa adopción o persoal con funcións inspectoras do artigo 116.

3. As medidas provisionais deberán ser confirmadas, modificadas ou formalizadas no acordo de iniciación do procedemento, que se deberá efectuar dentro dos quince días seguintes á súa adopción, o cal poderá ser obxecto do recurso que proceda. En todo caso, as ditas medidas quedarán sen efecto se non se inicia o procedemento no devandito prazo ou cando o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso acerca destas.

Artigo 132. Multas coercitivas

1. O órgano competente para o exercicio da potestade sancionadora procederá á imposición de multas coercitivas, reiteradas por lapsos de tempo non inferiores a quince días, de as persoas infractoras non procederen á reparación do dano causado conforme o ordenado pola administración. Estas multas coercitivas son independentes e compatibles coas multas que se poidan impoñer en concepto de sanción.

2. O importe de cada unha das multas coercitivas non excederá, en cada caso, de tres mil euros, sen que a contía de cada unha delas poida superar o importe da sanción fixada pola infracción cometida.

3. A determinación da contía das multas coercitivas fixarase atendendo os seguintes criterios:

a) o atraso no cumprimento da obriga de reparar

b) a existencia de intencionalidade ou a reiteración no incumprimento das súas obrigas

c) a natureza e a relevancia dos danos e as perdas causados.

4. No caso de non-pagamento, as multas coercitivas serán exixibles pola vía de constrinximento.

Artigo 133. Recoñecemento da responsabilidade

1. Logo de se iniciar un procedemento sancionador, se a persoa infractora recoñece a súa responsabilidade, poderase resolver o procedemento coa imposición da sanción que proceda.

2. Cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario ou ben caiba impoñer unha sanción pecuniaria e outra de carácter non pecuniario, mais se xustificase a improcedencia da segunda, o pagamento voluntario por parte da presunta persoa responsable, en calquera momento anterior á resolución, implicará o remate do procedemento, salvo no relativo á reposición da situación alterada ou á determinación da indemnización polos danos e as perdas causados pola comisión da infracción.

3. En ambos os casos, cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario, o órgano competente para resolver o procedemento aplicará reducións de, polo menos, o vinte por cento sobre o importe da sanción proposta, que serán acumulables entre si. As citadas reducións deberán estar determinadas na notificación de iniciación do procedemento, e a súa efectividade estará condicionada á desistencia ou á renuncia de calquera acción ou recurso na vía administrativa contra a sanción.

A porcentaxe de redución prevista nesta alínea poderá ser incrementada regulamentariamente.

Artigo 134. Responsabilidade penal

Nos supostos en que as infraccións poidan ser constitutivas de delito, o órgano instrutor trasladará as actuacións ao órgano xurisdicional competente e absterase de proseguir o procedemento sancionador mentres a autoridade xudicial non dite unha sentenza firme ou unha resolución que poña fin ao procedemento. A sanción da autoridade xudicial excluirá a imposición de sanción administrativa nos casos en que se aprecie identidade de suxeito, feitos e fundamento. No caso de non se apreciar a existencia de delito, a administración poderá continuar o procedemento sancionador, baseándose nos feitos que a xurisdición competente considerase probados.

Artigo 135. Comiso

1. Poderase acordar o comiso dos medios empregados para a comisión da infracción ou dos produtos ou dos exemplares obxecto desta como medida provisional nos termos previstos no artigo 131.

2. O comiso poderao efectuar tanto o órgano competente para iniciar o procedemento sancionador coma o persoal con funcións inspectoras regulado nesta lei.

Cando o comiso o acorde este persoal, deixarase constancia por escrito na acta de inspección correspondente.

3. Os comisos depositaranse en dependencias da Administración autonómica, sen prexuízo da posibilidade de subscribir acordos de colaboración con outras administracións públicas para estes efectos. En todo caso, darase recibo dos medios, dos produtos ou dos exemplares comisados, no cal se describirá o seu estado, e estes custodiaranse ata que se acorde o seu destino.

4. A medida provisional de comiso poderá ser alzada durante a tramitación do procedemento, de oficio ou por instancia dunha parte, en virtude de circunstancias sobrevidas ou que non se tivesen en conta no momento da súa adopción. Nos mesmos termos, a dita medida provisional poderá ser modificada pola prestación da garantía que se considere suficiente.

En todo caso, a medida provisional acordada extinguirase cando produza efectos a resolución administrativa que poña fin ao procedemento correspondente.

5. De acordo co artigo 124.2, o órgano competente para resolver o procedemento sancionador poderá acordar, como sanción accesoria, o comiso dos medios empregados para a comisión da infracción ou dos produtos ou dos exemplares obxecto desta. Na resolución en que se impoña esta sanción accesoria deberase determinar o destino definitivo dos medios, os produtos ou os exemplares comisados.

Artigo 136. Prescrición

1. As infraccións previstas nesta lei cualificadas como leves prescriben ao ano, as cualificadas como graves, aos tres anos, e as cualificadas como moi graves, aos cinco anos.

O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese. No caso de infraccións continuadas ou permanentes, o prazo comezará a contarse desde que finalizou a conduta infractora.

Interrompe a prescrición das infraccións a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento sancionador, e reiniciarase o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á presunta persoa responsable.

2. As sancións impostas pola comisión de infraccións leves prescriben ao ano, as impostas por infraccións graves, aos tres anos, e as impostas por infraccións moi graves, aos cinco anos.

O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que sexa executable a resolución pola que se impón a sanción ou transcorrese o prazo para presentar un recurso contra ela.

Interrompe a prescrición das sancións a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución, e reiniciarase o prazo se aquel estivese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á persoa infractora.

No caso de desestimación presunta do recurso de alzada interposto contra a resolución pola que se impón a sanción, o prazo de prescrición da sanción comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo legalmente previsto para a resolución do dito recurso.

3. A obriga de reparar o dano causado regulada nesta lei prescribirá no prazo de quince anos contados desde que a Administración ditou o acto que acorde a súa imposición, independentemente da data de inicio do cómputo da prescrición da sanción, consonte o que establece o número dous deste artigo. O anteriormente disposto entenderase sen prexuízo da aplicación da Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade medioambiental, para a reparación dos danos medioambientais regulados nela.

Lei 7/2019, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 136 apartado 3 nova redacción por artigo dezaseis apartado un.

Disposición adicional primeira. Solapamento nun mesmo lugar de distintas figuras de espazos protexidos

Se se solapan nun mesmo lugar distintas figuras de espazos protexidos, as súas normas reguladoras e os mecanismos de planificación deberán ser coordinados para os unificar nun único documento integrado, co obxecto de que os diferentes réximes aplicables en función de cada categoría conformen un todo coherente. Constitúen unha excepción ao anterior os supostos en que as distintas figuras de espazos protexidos correspondan a diferentes administracións públicas, sen prexuízo da colaboración interadministrativa pertinente.

Disposición adicional segunda. Prazos dos procedementos e senso do silencio administrativo

1. O prazo máximo para resolver os procedementos de competencia autonómica previstos nesta lei que non teñan fixado un prazo específico será de dous anos, contado desde a data do acordo de inicio ou, no caso de iniciación por solicitude dunha persoa interesada, desde a data en que a solicitude entrase no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

2. O silencio administrativo, no ámbito desta lei e para os casos en que non estean previstos expresamente os seus efectos, producirá efectos desestimatorios da solicitude no caso de procedementos iniciados por instancia dunha das partes.

Disposición adicional terceira. Competencias doutros órganos e administracións

As autorizacións previstas nesta lei enténdense sen prexuízo das que lles corresponda outorgar a outros órganos ou administracións no exercicio das súas respectivas competencias.

Disposición adicional cuarta. Prazo de emisión de informes polo Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible dispoñerá dun prazo máximo de vinte días hábiles para a emisión dos informes que se lle soliciten no eido das competencias do dito órgano.

Disposición adicional quinta. Recursos pesqueiros e recursos fitoxenéticos e zooxenéticos para a agricultura e a alimentación

Agás para o previsto no artigo 106, quedan excluídos do ámbito de aplicación desta lei:

a) os recursos pesqueiros regulados pola Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado

b) os recursos fitoxenéticos para a agricultura e a alimentación, regulados pola Lei 30/2006, do 26 de xullo, de sementes e plantas de viveiro e de recursos fitoxenéticos, e

c) os recursos zooxenéticos para a agricultura e a alimentación, que se rexerán pola súa normativa específica.

Disposición adicional sexta. Medidas de defensa e protección en materia de xestión da Rede Natura 2000 de Galicia

1. Terá a consideración de uso ou actividade permitida nos espazos protexidos Rede Natura 2000 de Galicia o mantemento das redes de faixas de xestión de biomasa por parte das correspondentes persoas responsables, sempre que se cumpran as seguintes condicións, e sen prexuízo do disposto nas especificacións técnicas relativas ao mantemento das redes de faixas de xestión de biomasa que desenvolva a consellaría competente en materia forestal:

a) No caso de precisar do emprego de maquinaria, prestarase especial atención a que non se provoque a compactación, erosión ou perda da estrutura do solo. Para tal finalidade, poderán empregarse máquinas portátiles ou pequenos tractores de rodas coa potencia mínima que permita axustar apeiros mecánicos.

b) Que non se provoque unha afección apreciable sobre os núcleos poboacionais das especies de interese para a conservación.

2. Terán a condición de usos ou actividades autorizables nas zonas 1 dunha zona especial de conservación ou dunha zona de especial protección para as aves da Rede Natura 2000 as construcións ou instalacións destinadas á defensa forestal, cando non resulte posible a súa localización nas zonas 2 e 3 e sempre que quede acreditada a compatibilidade da actividade co mantemento nun estado de conservación favorable dos hábitats ou das especies protexidas, de conformidade co disposto nos artigos 46.4 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e 84 da Lei 5/2019, do 22 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

Lei 4/2021, do 28 de xaneiro.

Artigo modificado:Disposición adicional sexta nova redacción por artigo 10 apartado cinco.

Disposición transitoria primeira. Xuntas reitoras

As xuntas consultivas que estean constituídas na entrada en vigor desta lei pasan a denominarse xuntas reitoras, sen que esta modificación da súa denominación supoña ningún cambio nas funcións que teñen encomendadas.

Disposición transitoria segunda. Zonas de especial protección dos valores naturais

As zonas de especial protección dos valores naturais que estean declaradas na entrada en vigor desta lei e que sexan un lugar de importancia comunitaria (LIC), unha zona especial de conservación (ZEC) ou unha zona de especial protección para as aves (ZEPA) terán a consideración de espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria terceira. Parques naturais declarados

Os parques naturais que estean declarados na entrada en vigor desta lei conservarán a súa consideración como tales, aínda que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 24.5.

Disposición transitoria cuarta. Áreas críticas para unha especie

As áreas prioritarias de conservación recollidas nos plans de recuperación ou de conservación aprobados con anterioridade á entrada en vigor desta lei terán a consideración de áreas críticas para unha especie

Disposición transitoria quinta. Espazos naturais protexidos cun instrumento de planificación aprobado

Os espazos naturais protexidos que conten cun instrumento de planificación aprobado con anterioridade á entrada en vigor desta lei non requirirán a aprobación dun novo instrumento de planificación dos previstos no artigo 49 durante todo o seu período de vixencia.

Disposición transitoria sexta. Solo urbano nos espazos naturais protexidos preexistentes

A exclusión recollida no artigo 21.2 non resultará aplicable a aqueles espazos naturais protexidos que xa estean declarados como tales na entrada en vigor desta lei.

Disposición transitoria sétima. Procedementos administrativos en tramitación

1. Os procedementos sancionadores que se atopen en tramitación na entrada en vigor desta lei continuarán a tramitarse consonte o establecido na lexislación vixente no momento en que se cometeu a infracción. As disposicións sancionadoras producirán efecto retroactivo en canto favorezan a presunta persoa infractora ou a persoa infractora, tanto no referido á tipificación da infracción coma á sanción e aos seus prazos de prescrición, incluso respecto das sancións pendentes de cumprimento ao entrar en vigor a nova disposición.

2. O resto dos procedementos administrativos en tramitación na entrada en vigor desta lei tramitarase pola normativa vixente ao se iniciar a súa tramitación.

3. O Catálogo galego de especies ameazadas regulado mediante o Decreto 88/2007, do 19 de abril, continuará a rexerse polo disposto na citada norma, en todo o que non se opoña a esta lei, ata que se leve a cabo a súa modificación.

4. A consideración dos terreos derivada da modificación do artigo 2.1.c) da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, pola disposición derradeira segunda desta lei aplicarase aos expedientes administrativos que se atopen en tramitación na entrada en vigor desta lei no marco dos procedementos de avaliación ambiental en que a condición de monte sexa determinante para a súa resolución.

Disposición transitoria oitava. Réxime transitorio dos terreos agrarios abandonados

A regulación dos terreos que teñen a consideración de montes por aplicación da modificación do artigo 2.1.c) da Lei 7/2012, do 28 de xuño, non se aplicará aos terreos que, cumprindo os requisitos establecidos no dito artigo, foron obxecto de plantación ou de labores forestais na entrada en vigor desta lei.

Disposición transitoria novena. Obrigas de reparación pendentes de cumprimento

Dentro do necesario respecto á normativa básica estatal, o disposto no número 3 do artigo 136 será de aplicación ás obrigas de reparación de danos pendentes de execución no momento da entrada en vigor da presente lei que fosen impostas pola Administración autonómica en aplicación da normativa en materia de protección da natureza.

Lei 7/2019, do 23 de decembro.

Artigo engadido:Disposición transitoria novena engadida por artigo dezaseis apartado dous.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogada a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

2. Quedan derrogados o Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais, e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural.

3. Así mesmo, quedan derrogadas cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia

A Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Engádese unha nova alínea 4 ao artigo 35, coa seguinte redacción:

«4. En todos aqueles supostos en que a lexislación sancione o inicio da realización dun proxecto sometido a avaliación ambiental sen ter obtido previamente a correspondente declaración de impacto ambiental ou o informe de impacto ambiental, a resolución sancionadora firme, ademais da sanción, impoñerá a obriga de realizar a avaliación dos posibles efectos significativos sobre o medio ambiente mediante os procedementos previstos na lexislación de avaliación ambiental.

Nestes casos, serán aplicables as especificidades previstas na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, para as avaliacións que deban efectuarse en execución dunha sentenza firme.»

Dous. Modifícase o artigo 42, coa seguinte redacción:

«Artigo 42. Restauración do medio e indemnización

1. Sen prexuízo da sanción que en cada caso proceda, o infractor deberá reparar o dano causado. A reparación e a reposición dos bens terán como finalidade acadar a restauración do medio ambiente ao seu estado anterior á comisión da infracción. O órgano correspondente da administración competente para impoñer a sanción serao para exixir a restauración.

2. Se o infractor non procede a reparar o dano causado no prazo que se lle sinale, a administración que impuxo a sanción procederá á imposición de multas coercitivas sucesivas de ata 3.000 euros cada unha ou, se é o caso, a realizar a execución subsidiaria.

3. No suposto en que unha resolución administrativa sancionadora impoña o sometemento dun proxecto executado, total ou parcialmente, a un procedemento de avaliación ambiental, a reparación e a restauración do medio natural só procederán no caso de que así se determine na correspondente declaración de impacto ambiental ou no informe de impacto ambiental.

4. En calquera caso, o promotor do proxecto ou o titular da actividade causa da infracción deberá indemnizar polos danos e perdas ocasionados. A valoración destes faraa a administración, logo da taxación contraditoria cando o citado responsable non lle dese a súa conformidade a aquela.

5. Os recursos xerados polas sancións que impoña a administración deberán destinarse integramente a accións dirixidas á mellora do medio ambiente.

6. As sancións que supoñan a suspensión de actividades ou o peche de establecementos publicaranse no Diario Oficial de Galicia.»

Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia

Modifícase o artigo 2.1.c) da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que queda redactado do seguinte xeito:

«c) Os terreos de antigo uso agrícola con polo menos corenta anos continuados de abandono, sempre que adquirisen sinais inequívocos de carácter forestal por existiren árbores na maioría da superficie, con especies por encima do sesenta por cento de fracción de cabida cuberta, aplicado a escala de subparcela catastral, e formen parte de superficies continuas de polo menos cinco hectáreas, agás que se trate de terreos que estean incluídos con ese fin nun banco de terras ou nun instrumento semellante.

Todo iso sen prexuízo de que as persoas titulares destes terreos poidan solicitar o recoñecemento da consideración de monte, sempre que, a xuízo da consellaría competente en materia forestal, sexan obxectivamente recuperables para fins forestais.»

Disposición derradeira terceira. Modificación da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia

Engádese na alínea 3 da disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, un novo parágrafo co seguinte contido:

«En garantía da sustentabilidade financeira do sistema e para permitir realizar as previsións oportunas en canto ao volume de residuos procedentes da fracción orgánica dos residuos urbanos (Forsu) que se van tratar na nova planta de compostaxe, os convenios terán un prazo mínimo de vixencia de cinco anos, que poderá ser prorrogado de común acordo polas partes.»

Disposición derradeira cuarta. Desenvolvemento regulamentario

Autorízase o Consello da Xunta a ditar cantas normas sexan precisas para o desenvolvemento desta lei.

Disposición derradeira quinta. Actualización dos importes das sancións

Mediante un decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia poderase proceder á actualización dos importes das sancións recollidas no artigo 124.1, que se realizará de conformidade coa normativa básica estatal en materia de desindexación.

Disposición derradeira sexta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2019

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia