lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Publicado en: DOG 202 20/10/1989

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Os montes veciñais en man común son unha das poucas formas de propiedades de terras en común que logrou sobrevivir á organización municipal do século XIX e ó fenómeno desamortizador.

Por iso, chama a atención que unha forma de propiedade tan orixinal e tan nosa non fose obxecto de regulamentación específica ata hai vinte anos.

A Lei 52/68, do 27 de xullo, de montes veciñais en man común, tivo sen dúbida o mérito de recoñece-la figura, pero desnaturalizouna coas limitacións e restriccións que contén, así como coa inxerencia municipal. A Lei 55/80, do 11 de novembro, quixo ser, e de feito foi, máis liberalizadora, pero aínda son moitos os atrancos que limitan as súas funcións.

A presente Lei pretende darlle resposta á necesidade dunha regulación realista dos montes veciñais en man común, propiedade peculiar e ben característica de Galicia, tantas veces posta de manifesto polos expertos, reivindicada polos campesiños e reclamada pola propia realidade económica.

Non ofrece dúbida a potestade lexislativa da nosa Comunidade por lle vir claramente atribuída no Estatuto de Autonomía (artigo 27.11) a competencia exclusiva en materia de «réxime xurídico dos montes veciñais en man común».

A lexislación relativa a estes montes esixe partir do recoñecemento da natureza privada destas terras a favor das Comunidades veciñais que adoito as viñan disfrutando, liberándoas de vencellos que a desnaturalizan. Neste recoñecemento non se poden esquece-los preceptos constitucionais referentes á función social da propiedade para que tales bens cumpran as necesidades da Comunidade propietaria, así como co interese xeral da sociedade, e, en consecuencia, levar a cabo un mellor aproveitamento dos recursos.

As causas de que importantes superficies de Galicia estean improductivas ou con aproveitamentos por debaixo do seu potencial radican en boa medida nos atrancos legais e institucionais que os veciños viñeron atopando para o aproveitamento dos seus propios montes. Esta Lei facilita a adicación das terras ós cultivos e aproveitamentos que máis conveñan ás circunstancias agrolóxicas dos solos e ós intereses dos veciños, e permite, así mesmo, a división dos montes entre eles, con carácter temporal, para o seu cultivo, aínda que adoptando medidas de protección e cautela que impidan racha-la unidade dos mesmos.

Preténdese, en definitiva, incorporar á actividade económica unha ampla superficie agraria baixo este réxime de propiedade e abrir vieiros para a mellora da dimensión económica das explotacións agrarias pertencentes ás Comunidades con montes veciñais en man común.

Esta Lei dálle á Comunidade de veciños plena autonomía para a xestión e o disfrute do monte, reduce as maiorías necesarias para a toma de decisións, establecendo garantías suficientes de publicidade e concorrencia, dicta as normas básicas de organización das Comunidades de veciños e simplifica o articulado —deixando para un posterior desenvolvemento regulamentario tódalas materias non fundamentais—, conseguindo con todo iso unha necesaria sistematización.

Para favorece-lo seu mellor aproveitamento polos veciños, unha vez superadas as limitacións lexislativas anteriores, considérase necesario incluír tamén o seu carácter preferente nas actuacións e axudas da Administración agraria galega.

Contémplase a fórmula de xestión cautelar pola Administración para aqueles casos nos que a Comunidade de veciños se extinga ou desapareza, e tamén para o suposto de que o monte non sexa xestionado de acordo cos seus recursos. A xestión cautelar queda en todo caso supeditada ó aproveitamento directo pola Comunidade, establecendo un procedemento que garanta este principio.

De acordo co previsto no artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e 24 da Lei reguladora da Xunta e do seu Presidente, sanciono e promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de montes veciñais en man común.

Título preliminar Disposicións xerais

Artigo 1

Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta Lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades productivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cuotas polos membros daquelas na súa condición de veciños.

Artigo 2

Os montes veciñais en man común son bens indivisibles, inalienables, imprescritibles e inembargables, e non están suxeitos a ningunha contribución de base territorial nin á cuota empresarial da Seguridade Social, de acordo co artigo 2.1 da Lei 55/80.

Artigo 3

1. A propiedade dos montes veciñais en man común, con independencia da súa orixe, é de natureza privada e colectiva, e a súa titularidade dominical e mailo aproveitamento correspóndenlle, sen asignación de cuotas, ó conxunto dos veciños titulares de unidades económicas, con casa aberta e residencia habitual nas entidades de poboación ás que tradicionalmente estivese adscrito o seu aproveitamento, e que veñan exercendo, segundo os usos e costumes da Comunidade, algunha actividade relacionada con aqueles.

2. A Comunidade veciñal a que se refire o apartado anterior entenderase composta polos veciños que a integren en cada momento.

Título I Réxime xurídico

Artigo 4

1. A Comunidade de veciños propietaria dun monte veciñal en man común terá plena capacidade xurídica para o cumprimento dos seus fins e a defensa dos seus dereitos, sobre o monte e os seus aproveitamentos, así como sobre a súa administración e disposición, nos termos establecidos na presente Lei.

2. Se se extinguise a Comunidade veciñal titular con independencia da súa vontade, haberase que ater, transitoriamente e ata tanto non se reconstitúa a Comunidade, ó disposto no artigo 27 da presente Lei.

Artigo 5. Cesións e arrendamentos

1. Os montes veciñais en man común, pese á súa inalienabilidade, poderán ser obxecto de cesión temporal, en todo ou en parte, a título oneroso ou gratuíto, por obras, instalacións, explotacións de diversa índole, servizos ou outros fins que redunden de modo principal no beneficio directo da comunidade de veciños, de acordo coas maiorías previstas no artigo 18.1. A cesión poderá ser por tempo indefinido a prol de calquera das administracións públicas cando sexa destinada a equipamentos a favor da propia comunidade e mentres se manteña o fin para o que se fixo a cesión.

2. Os montes veciñais en man común poderán ser obxecto de arrendamento total ou parcial, o cal se rexerá polo disposto no capítulo I do título VII da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, coas seguintes especialidades:

a) O período contractual non poderá ser superior a once anos, agás nos arrendamentos realizados a través do Banco de Terras de Galicia. Nestes arrendamentos a través do Banco de Terras de Galicia, o período máximo contractual será de trinta anos ou, no caso de especies forestais que se rexan por modelos silvícolas nos que estea establecida a idade de corta, o tempo correspondente á primeira quenda de corta.

b) As melloras e instalacións que poidan derivar do arrendamento quedarán de propiedade da comunidade veciñal ao rematar o prazo pactado, sen ningunha compensación para o arrendatario.

Lei 3/2018, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 5 nova redacción por artigo 19.

Artigo 6

1. Os montes veciñais só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalentes ós dos propios montes veciñais.

2. O importe das cantidades aboadas pola expropiación ou servidume deberase destinar á mellora do monte, ó establecemento de obras ou servicios de interese xeral da Comunidade de veciños propietarios, ou, na súa imposibilidade, repartilo entre os comuneiros, de acordo co que estea previsto nos Estatutos ou co que decida a Comunidade segundo as maiorías previstas no artigo 18.1.

3. Se como consecuencia da expropiación quedase todo o monte fóra da titularidade dominical da Comunidade, esta subsistirá para o exercicio dos dereitos que caiban e como titular do eventual dereito de reversión.

Artigo 7

1. A Comunidade de veciños propietarios poderá establecer dereitos de superficie con destino a instalacións ou edificacións ata o prazo máximo de trinta anos, ou a cultivos agrícolas de dez anos, pasando a ela, sen ningunha indemnización, ó caduca-lo dereito, a propiedade de todo o instalado, edificado ou plantado. No caso de aproveitamentos forestais de arborado, a Comunidade non poderá concertar prazos superiores ós correspondentes a un único turno da especie plantada, nin para outra clase de aproveitamentos có da corta do arborado plantado.

2. A constitución deste dereito formalizarase en escritura pública, que deberá inscribirse no Rexistro da Propiedade, será transmisible e susceptible de gravame, e rexerase polo título constitutivo do dereito, pola presente Lei e, subsidiariamente, polas normas do Dereito Privado.

3. Se o dereito de superficie afectase só a unha parte do monte veciñal, deberase practica-la correspondente delimitación para os efectos de inscrición daquel dereito.

Artigo 8

Malia o disposto no artigo 2, cando razóns de utilidade ou interese social das Comunidades de veciños así o aconsellen, poderán estas, dándolle conta ó Xurado Provincial de Clasificación, permutar terreos integrantes dos montes veciñais en man común, por outros terreos limítrofes que sexan de valor similar.

Título II Da clasificación e dos seus efectos

Artigo 9

A clasificación como monte veciñal dos terreos a que se refire o artigo 1 levarana a cabo os Xurados Provinciais na forma prevista nesta Lei e no seu Regulamento.

Artigo 10

En cada unha das provincias galegas existirá un Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais, coa seguinte composición:

— Presidente: O Delegado da Consellería de Agricultura.

— Vicepresidente: Un maxistrado da Audiencia Provincial correspondente.

— Vocais: Un letrado da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, un avogado designado polos Colexios Profesionais da provincia, un técnico da Consellería de Agricultura, un representante das Comunidades de montes de veciños da provincia e dous representantes da Comunidade propietaria en cada caso implicada.

— Secretario: Un funcionario da Delegación da Consellería de Agricultura.

Os representantes da Consellería de Agricultura nomearanse regulamentariamente en función do posto de traballo que desempeñen.

Regulamentariamente determinarase todo o relativo á organización, réxime de incompatibilidades, escusas, asistencias, axudas de custo, gastos, sancións, nomeamentos e substitucións dos membros do Xurado.

Artigo 11

1. Os expedientes de clasificación de montes veciñais iniciaraos de oficio o Xurado ou a instancia de calquera veciño, da Consellería de Agricultura, das comunidades parroquiais ou veciñais afectadas ou do Concello onde estea comprendido o monte.

2. Regulamentariamente, determinarase o procedemento de clasificación, tendo que ser oídos cantos resulten interesados no expediente e debéndoselles notificar na fase inicial ás persoas ou entidades que teñan ó seu favor a inscrición no Rexistro da Propiedade dalgún título relativo ó monte.

3. Cando se inicie un expediente de clasificación, a tramitación do cal non poderá exceder de un ano a partir do seu comenzo, daráselle publicidade oficial e mais mediante a fixación de edictos nos lugares públicos de costume e nos asentamentos da Comunidade veciñal interesada.

4. Unha vez clasificado o monte fixarase a superficie e os lindeiros do mesmo, achegando á resolución planimetría suficiente, cos datos descritivos precisos, e procederase ó seu sinalamento e deslinde, que levará a cabo de forma gratuíta a Consellería de Agricultura. Así mesmo figurará o estado económico de aproveitamentos, usos, concesións e consorcios.

5. Asemade o Xurado remitiralle testemuño da resolución ó Rexistro da Propiedade, para os efectos de que se proceda á anotación preventiva da clasificación do monte.

Artigo 12

As resolucións do Xurado Provincial poderán ser obxecto de recurso de reposición perante o propio Xurado, previo á súa impugnación en vía contencioso-administrativa, de conformidade coa Lei reguladora desta xurisdicción.

Artigo 13

A resolución firme de clasificación dun terreo como monte veciñal en man común deberá de conte-los requisitos necesarios para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade de conformidade co disposto na Lei Hipotecaria e no seu Regulamento, e virá acompañada de planimetría suficiente que permita a identificación do monte. A devandita resolución, de acordo co artigo 13 da Lei 55/80, unha vez firme, producirá os seguintes efectos:

a) Atribuírlle a propiedade á Comunidade veciñal correspondente, en tanto non exista sentencia firme en contra, dictada pola xurisdicción ordinaria.

b) Servir de título inmatriculador suficiente para a inscrición do monte no Rexistro da Propiedade e para excluílo do Catálogo dos de utilidade pública ou do Inventario de bens municipais se figurase neles, así como para resolver sobre as inscricións total ou parcialmente contradictorias que resulten afectadas.

Se a certificación para a inmatriculación do monte estivese en contradicción con algún asento non cancelado, procederase na forma prevista na lexislación hipotecaria.

c) Estará exento dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e serán gratuítas a primeira inscrición do monte e mailas cancelacións que se produzan por este motivo, de acordo co artigo 13 da Lei 55/80.

Título III Da organización das Comunidades

Artigo 14

1. A Asemblea Xeral, da que forman parte tódolos comuneiros, é o órgano supremo de expresión da vontade da Comunidade veciñal.

2. A Asemblea Xeral ordinaria será convocada unha vez ó ano e sempre dentro dos seis meses seguintes á data do pechamento do exercicio económico. Con carácter extraordinario, poderase convocar Asemblea Xeral por iniciativa da Xunta Rectora ou por pedimento dun mínimo do 20% dos comuneiros.

3. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando estean presentes ou representados máis da metade dos comuneiros e en segunda convocatoria cando estean polo menos un 25% dos mesmos. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá transcorrer un mínimo de dúas horas.

4. A convocatoria de Asemblea Xeral farase cun mínimo de 10 días de antelación, mediante notificación escrita a tódolos comuneiros e coa orde do día dos asuntos que se van tratar, e estará exposta durante o mesmo prazo nos taboleiros de anuncios do Concello, así como nos lugares de costume da entidade onde radique a Comunidade.

5. Para asistir á Asemblea Xeral, un comuneiro poderá delega-la súa representación noutro comuneiro, sen que ningún poida asumir máis de unha delegación. En todo caso, a delegación deberá ser expresa para cada Asemblea Xeral.

Artigo 15

1. A Xunta Rectora é o órgano de goberno, xestión e representación da Comunidade. Estará composta por un Presidente e o número de vocais que sinalen os Estatutos, sen que en ningún caso poidan ser menos de dous. A Xunta Rectora será elixida pola Asemblea Xeral por un período máximo de catro anos.

O Presidente da Xunta Rectora ostenta a representación legal da Comunidade.

2. Cando o número de comuneiros non permita a constitución da Xunta Rectora, conforme ó establecido no apartado 1, asumirá as súas funcións a Asemblea Xeral da Comunidade de veciños.

3. As Comunidades de veciños, logo de acordo da Asemblea Xeral, poderán mancomunarse para a mellor defensa dos seus intereses e consecución dos seus obxectivos.

Artigo 16

1. A Comunidade de veciños propietaria redactará e aprobará os Estatutos, que, sendo a norma reguladora do seu funcionamento, deberán recolle-los usos e costumes polos que se viña rexendo a Comunidade e as previsións desta Lei e conterán como mínimo os seguintes extremos:

a) A atribución da condición de comuneiro conforme ó disposto no artigo 3.1 desta Lei.

b) A representación por casa e a delegación entre comuneiros.

c) As condicións de admisión de novos comuneiros.

d) A maneira de exercita-los dereitos derivados da condición de comuneiros.

e) Obrigas dos comuneiros en canto a custodia, defensa e conservación do monte.

f) Os órganos ós que se lles encomenda o goberno e administración, modo de nomealos, substituílos, e funcións que lles corresponden.

g) Porcentaxe de reserva en rendementos económicos para investimentos en melloras e protección do monte, de acordo co artigo 23 da presente Lei.

h) Criterios ós que se deban axeita-los diversos aproveitamentos do monte.

2. Os Estatutos e as súas modificacións empezarán a surtir efecto ó día seguinte da súa aprobación, e remitirase unha copia, para efectos de coñecemento, ó Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común.

Artigo 17

Calquera comuneiro poderá defende-los intereses da Comunidade de montes en man común, tendo que serlle reintegrados os gastos que lle ocasione tal defensa, sempre que prosperen as súas pretensións ou sexa aprobado pola Asemblea Xeral.

Artigo 18

1. A aprobación, reforma ou revocación dos Estatutos, así como os acordos referidos a actos de disposición, correspóndenlle á Asemblea Xeral, requirindo a convocatoria expresa e o voto favorable da maioría dos presentes que represente alomenos o 50% do censo de comuneiros en primeira convocatoria e o 30% en segunda.

2. Para a aprobación da xestión e do balance do exercicio económico, aproveitamentos e actos de administración en xeral será suficiente a maioría simple, agás que nos Estatutos se esixa outra maioría.

Artigo 19

1. En tanto non se constitúan os órganos de goberno, ou se por calquera causa non existisen, exercerá as facultades que a estes lles corresponda unha Xunta provisional composta, como mínimo, por un Presidente e dous vocais, elixidos de entre os comuneiros e por estes, dando conta da súa composición ó Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común.

2. A Xunta provisional terá a representación da Comunidade e impulsará a redacción e aprobación dos Estatutos ou, se é o caso, a elección dos órganos de goberno. Confeccionará, de non existir, a lista provisoria de veciños comuneiros.

3. As Xuntas provisionais terán un prazo máximo de un ano para a redacción do proxecto de Estatutos da Comunidade.

4. AXunta provisional encargarase da xestión e administración do monte veciñal e poderá autorizar, por razóns de urxencia ou interese xeral, actos de administración de contía económica non superior a un millón de pesetas en total.

5. O mandato da Xunta provisoria rematará, en todo caso, coa aprobación dos Estatutos, e non poderá ser superior a un ano. Transcorrido este e persistindo as circunstancias sinaladas no apartado 1 do presente artigo, procederase a unha nova elección.

Artigo 20

En situacións xurídicas de pendencia por extinción ou desaparición da Comunidade de veciños titular do monte, a defensa dos seus intereses correspóndelle á parroquia onde radique o mesmo, ou subsidiariamente á Consellería de Agricultura, que regularán en concepto de titulares provisorios o aproveitamento do monte en beneficio da Comunidade parroquial.

Título IV Dos aproveitamentos

Artigo 21

1. O aproveitamento e disfrute dos montes veciñais en man común correspóndelle en orixe exclusivamente á Comunidade titular e farase segundo as normas recollidas nos seus Estatutos, nesta Lei e nas disposicións que a desenvolven.

3. Os aproveitamentos dos montes veciñais en man común poderán ser obxecto de gravame, e neste caso a execución soamente se poderá dirixir contra os aproveitamentos ou as rendas que se puidesen derivar da súa cesión feita de conformidade co disposto na presente Lei.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 21 apartado 2 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.b).

Artigo 22

1. A Comunidade de veciños propietaria poderá acordar para usos gandeiros ou agrícolas que parte do monte se poida aproveitar de xeito individual mediante a distribución entre os veciños comuneiros de lotes, sortes ou tenzas cedidos temporalmente a título oneroso ou gratuíto e por períodos non superiores ós once anos.

Na asignación de lotes procurarase que comuneiros que traballen conxuntamente baixo a fórmula de explotación comunitaria da terra teñan os lotes contiguos.

2. Cando a utilización de tal lote, sorte ou tenza, por parte do particular, sexa destinada a uso distinto ou contradictorio do acordado pola Comunidade, dará lugar á reversión inmediata de tal lote, sorte ou tenza á situación de aproveitamento colectivo.

3. Rematado o período de cesión, a Comunidade de veciños poderá optar por acomete-lo aproveitamento en común ou proceder a un novo reparto. Neste caso, os lotes que se lles entreguen ós comuneiros non poden coincidir cos que se aproveitaron no período anterior.

4. A Comunidade de veciños propietaria coidará de que as tenzas cedidas estean axeitadamente cultivadas e de que se poida atende- la demanda de lotes por parte dos que adquiran a condición de comuneiros despois de feita a distribución.

5. No caso de que o instrumento de ordenación ou xestión forestal do monte prevexa o aproveitamento de pastos e a comunidade de veciños propietaria acordase a distribución entre os veciños de parte do monte veciñal para este fin, a asignación de lotes constituirá un dereito para aqueles comuneiros que sexan titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras no lugar e que precisen base territorial para garantir a viabilidade da propia explotación ou a sustentabilidade do gando. Nestes casos, garantiráselles o dereito de aproveitar os terreos que precisen en proporción ao tamaño das súas explotacións e á superficie prevista para a distribución por lotes, sen prexuízo das novas reparticións que teña que efectuar a comunidade veciñal cando, por circunstancias sobrevidas, outros comuneiros precisen igualmente de base territorial para as súas explotacións e sempre nas condicións que adopte a comunidade de veciños propietaria en cada caso para evitar desequilibrios ou menoscabos na viabilidade do monte veciñal.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 22 apartado 5 nova redacción por artigo 16 apartado un.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo derrogado:Artigo 23 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.b).

Título V Protección e xestión cautelar

Artigo 24

A Comunidade titular dun monte veciñal en man común tomará as medidas necesarias para a xestión, explotación, protección e defensa do mesmo. Velará especialmente pola prevención e loita contra os incendios forestais en coordenación coa Administración Pública.

Artigo 25. Competencias da Comunidade Autónoma

A consellaría competente en materia de montes dará aos montes veciñais en man común, xunto con outras figuras de xestión conxunta da propiedade, carácter preferente nas súas actuacións de fomento e mellora do monte, na prevención e defensa contra os incendios forestais e na concesión de axudas económicas para as mesmas finalidades suxeitas a plans de viabilidade económica e ao cumprimento de instrumentos de ordenación ou xestión forestal. A dita consellaría, ademais das funcións especificamente sinaladas nesta lei, desenvolverá as seguintes funcións:

a) Promover a marcaxe dos lindes entre os montes veciñais.

b) Procura da súa conservación e integridade dos valores naturais do uso veciñal deste tipo de propiedade, vixiando polo cumprimento da execución dos instrumentos de ordenación ou xestión que se citan nos artigos 28 e 29 desta lei.

c) Impulso e promoción do aproveitamento do monte.

d) Asesoramento técnico ás comunidades veciñais.

e) Labores de gardaría forestal.

f) Coidar do cumprimento do disposto nesta lei e na normativa que a desenvolva, aplicando as medidas correctoras e sancionadoras establecidas legalmente.

g) Subscribir contratos temporais de xestión pública dirixidos a unha xestión sustentable do monte.

h) Defensa e xestión, nos casos en que proceda, en caso de grave abandono ou extinción da comunidade veciñal.

i) Velar polo cumprimento e execución do instrumento de ordenación ou xestión forestal.

j) Promover a constitución das comunidades veciñais cando estas non existan.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 25 nova redacción por disposición derradeira segunda.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 25 nova redacción por artigo 16 apartado dous.

Artigo 26

Na Consellería de Agricultura crearase un Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común que, en todo caso, será público, coa finalidade de manter unha relación actualizada dos mesmos e da súa situación estatutaria, así como dos actos de disposición a que se refiren os artigos 5, 6, 7, 8 e 22 desta Lei.

En cada Delegación Provincial existirá unha sección cos datos rexistrados dos montes veciñais do seu ámbito.

Regulamentariamente desenvolveranse as características deste Rexistro.

Artigo 27. Xestión cautelar

1. Os montes veciñais en man común serán xestionados cautelarmente pola consellaría competente en materia de montes cando se extinga ou desapareza a comunidade de veciños titular do monte, de xeito provisional, ata que, de ser o caso, se reconstitúa a comunidade, e sempre que a parroquia onde radique o monte non exerza o dereito conferido no artigo 20.

2. Tamén pasarán a ser xestionados cautelarmente pola consellaría competente en materia de montes cando a entidade xestora do Banco de Terras de Galicia informe de que existen razóns obxectivas de índole técnica que non permitan ou limiten, total ou parcialmente, o aproveitamento forestal do monte, de acordo co previsto no artigo 30.1.

3. A consellaría competente en materia de montes poderá exercitar a xestión cautelar prevista neste artigo mediante os seus propios órganos ou mediante a súa encomenda a entidades instrumentais do sector público autonómico.

4. Para o reinicio da actividade da comunidade veciñal extinguida ou desaparecida deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) A presentación da solicitude por parte dunha xunta provisional do monte veciñal.

b) A acreditación da existencia dunha comunidade veciñal formada por comuneiros de pleno dereito e elección dunha xunta provisional consonte o disposto nesta lei respecto dos órganos das comunidades veciñais.

c) O compromiso notarial da xunta provisional de asunción do estado contable do monte e do instrumento de ordenación ou xestión forestal vixente.

d) No caso de que, como consecuencia da inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade veciñal, o Banco de Terras de Galicia cedese ou arrendase con anterioridade o uso e aproveitamento dos montes a outra persoa ou entidade beneficiaria, o reinicio da actividade solicitada pola xunta provisional non será posible ata o remate da cesión ou arrendamento realizado polo Banco de Terras de Galicia, salvo que exista acordo entre as partes.

Lei 7/2007, do 21 de maio.

Artigo modificado:Artigo 27 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado un.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 27 nova redacción por artigo 16 apartado tres.

Artigo 28. Montes veciñais en estado de grave abandono ou degradación

1. Entenderase por monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación aquel que, de modo manifesto, sufrise unha grave deterioración ecolóxica, non sexa explotado de acordo cos seus recursos ou sufra unha extracción abusiva deles.

2. Corresponde á persoa titular da consellaría competente en materia de montes a competencia para declarar por razóns de utilidade pública e interese xeral o estado de grave abandono ou degradación, por proposta da persoa titular da dirección xeral que teña as atribucións na mesma materia.

3. A declaración en estado de grave abandono ou degradación implicará a execución dun instrumento de ordenación ou xestión forestal.

4. Mediante decreto do Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de montes, estableceranse periodicamente os indicadores obxectivos que sirvan para a determinación do estado de grave abandono ou degradación dos montes, sobre a base, fundamentalmente, dos seguintes criterios:

a) O grao de aproveitamento da extensión superficial.

b) O grao de manifesto desuso.

c) O grao de acomodación aos aproveitamentos establecidos en instrumentos de ordenación ou xestión forestal, de ser o caso, independentemente de que se refira a aproveitamentos madeireiros, de pastos ou outros.

d) O carácter depredador das actividades extractivas dos recursos.

e) O perigo manifesto de degradación das terras.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 28 nova redacción por artigo 16 apartado catro.

Artigo 29. Declaración do monte en estado de grave abandono ou degradación se existe comunidade veciñal

1. Se existe comunidade de veciños, o procedemento para a declaración dun monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación iniciarao a consellaría competente en materia de montes e acomodarase aos seguintes trámites:

a) A consellaría requirirá a comunidade de veciños para que presente un instrumento de ordenación ou xestión forestal no que se exprese o prazo para a súa execución.

b) Requirida a comunidade, esta terá un prazo de tres meses, prorrogable por outros tres, para presentar o devandito instrumento.

c) No caso de a comunidade non presentar o instrumento ou de non ser aprobado o presentado por non se axustar aos obxectivos previstos para conseguir a xestión e mellora integral do monte, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de montes elevará á persoa titular da súa consellaría a proposta para que o monte sexa declarado en estado de grave abandono ou degradación.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 29 nova redacción por artigo 16 apartado cinco.

Artigo 30. Incorporación ao Banco de Terras de Galicia

1. Cando se declare un monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación, a dirección xeral competente en materia de montes acordará a incorporación do monte veciñal ao Banco de Terras de Galicia, co fin de que a entidade xestora deste poida ceder o seu uso e aproveitamento nos termos previstos pola Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou norma que a substitúa.

Previamente á incorporación do monte veciñal ao Banco de Terras de Galicia, a dirección xeral competente en materia de montes solicitará á entidade xestora deste un informe no que indique se existen razóns obxectivas de índole técnica que non permitan ou limiten, total ou parcialmente, o aproveitamento forestal do monte. No caso de que a entidade xestora informe de que existen tales razóns, farase cargo da xestión do monte a consellaría competente en materia de montes.

A declaración de monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación substituirá a declaración como predio abandonado regulada na Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou norma que a substitúa.

2. A cesión do uso e aproveitamento dos montes veciñais en estado de grave abandono ou degradación requirirá a previa presentación pola persoa beneficiaria ante a consellaría competente en materia de montes dun instrumento de ordenación ou xestión forestal para a súa aprobación. A cesión non se poderá formalizar sen que conste a aprobación deste instrumento.

3. Formalizada a cesión do uso e aproveitamento do monte, corresponderá á comunidade de veciños a percepción da contraprestación económica que sexa aboada pola persoa beneficiaria da cesión, descontados, de ser o caso, os gastos de xestión realizados pola entidade xestora do Banco de Terras de Galicia. De non existir comunidade de veciños, percibirá a contraprestación a Administración forestal, que a destinará a un fondo para investir na promoción e apoio á xestión dos montes veciñais.

4. A cesión do uso e aproveitamento dos montes veciñais en estado de grave abandono ou degradación non poderá superar o prazo de 50 anos.

5. A incorporación ao Banco de Terras de Galicia pode ser igualmente solicitada de xeito voluntario por parte da comunidade veciñal propietaria do monte.

Lei 7/2007, do 21 de maio.

Artigo modificado:Artigo 30 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado dous.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 30 nova redacción por artigo 16 apartado seis.

Disposición adicional primeira

As resolucións dos Xurados Provinciais terán eficacia durante o prazo de un ano, a partir da súa firmeza, para rectifica-las inmatriculacións contradictorias do Rexistro da Propiedade, agás que estas se practicasen en virtude de sentencia dictada en xuício declarativo, de acordo coa Lei 55/80, do 11 de novembro.

Disposición adicional segunda

As comunidades propietarias de montes de veciños consorciados ou con convenios coa Administración, e con independencia de que neles sexan parte os concellos ou deputacións provinciais, poderán optar por subrogarse no consorcio ou convenio preexistente, realizar un novo convenio ou resolver o existente.

As débedas dos consorcios realizados pola Administración forestal do Estado serán condonadas polo importe a que ascendía a débeda no momento da clasificación do monte como veciñal en man común.

Se os consorcios coa Administración continúan en vigor, ben na súa forma orixinal ou transformados en convenios ao abeiro da disposición derradeira terceira da Lei 55/1980, do 11 de novembro, e a totalidade ou parte da débeda existente no momento da clasificación for amortizada, o importe desta devolveráselles ás comunidades en forma de investimentos que ten que realizar a Administración no propio monte.

Cando o consorcio ou convenio fose resolto e liquidado, as comunidades interesadas poderán solicitar a devolución do importe das amortizacións realizadas no momento da clasificación, que será compensado pola Administración en forma de investimentos materializados no propio monte.

Estes investimentos realizaranse con acordo expreso das comunidades propietarias, nun prazo máximo de catro anos.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Disposición adicional segunda nova redacción por artigo 16 apartado sete.

Disposición adicional terceira

Tódolos procedementos, agás o de clasificación, serán substanciados polo trámite de incidentes perante o Xulgado de Primeira Instancia.

Disposición adicional cuarta

Os dereitos atribuídos nesta Lei á parroquia entenderanse no marco do disposto e previsto nos artigos 40.3 e 27.2 do Estatuto de Galicia.

Disposición adicional quinta

A Consellería de Agricultura confeccionará, nun prazo de tres anos, un inventario xeral dos montes en man común no que consten individualizados os datos que permitan a perfecta identificación dos mesmos, tales como situación xeográfica, superficie, lindeiros, estado económico de aproveitamento, usos, concesións, convenios, consorcios e arrendamentos establecidos sobre os mesmos.

Disposición adicional sexta

Concluído o inventario a que fai referencia a Disposición Adicional quinta, a Consellería de Agricultura, partindo das demandas das Comunidades propietarias, elaborará un Plan de aproveitamento de montes veciñais en man común, que terá como obxectivo o mellor uso destas terras atendendo á súa vocación productiva e ás necesidades das Comunidades.

Este Plan, que será debatido no Parlamento Galego, contará coas previsións correspondentes de financiación e promoción de aproveitamentos.

A Xunta de Galicia impulsará e promoverá o aproveitamento cooperativo, ou comunitario, daqueles montes que polas súas circunstancias poidan ser susceptibles de aproveitamento industrial.

Disposición adicional sétima. Prazo para a realización de asembleas xerais e prórroga do mandato das xuntas reitoras

1. As asembleas xerais das comunidades de montes veciñais en man común, no que respecta ás obrigas previstas na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, en canto ao seu funcionamento e gobernanza, poderán, en función da evolución da situación de emerxencia sanitaria causada pola covid-19, aprazar a renovación de xuntas reitoras, a actualización do censo de comuneiros e do libro de contabilidade e a celebración anual de asembleas xerais e, por tanto, a aprobación de actos de disposición e outras obrigas normativamente previstas, como a comunicación anual de reinvestimentos.

2. Respecto do mandato das xuntas reitoras das comunidades de montes afectadas no relativo á súa renovación pola emerxencia sanitaria existente, e cuxa vixencia se vise afectada polas medidas excepcionais adoptadas desde o 14 de marzo de 2020, entenderase prorrogado ata o 31 de decembro de 2021, sen prexuízo de que poidan ser renovados ou separados en calquera momento anterior polo órgano competente.

As xuntas reitoras poderán tomar as decisións que resulten indispensables e necesarias para a boa gobernanza e xestión do monte veciñal en man común. Unha vez finalizado este período excepcional deberán informar cumpridamente os comuneiros da totalidade dos acordos adoptados e dos motivos que xustificaron a súa adopción, e, así mesmo, deben ser expresamente referendados na primeira asemblea xeral que teña lugar, en canto a situación sanitaria o permita.

As modificacións previstas nesta disposición serán aplicables directamente ás comunidades de montes en man común con independencia do que dispoñan os seus estatutos. Non obstante, cando se pretenda modificar os estatutos vixentes, estes deberán adaptarse integramente ao disposto nesta lei.

Lei 4/2021, do 28 de xaneiro.

Artigo engadido:Disposición adicional sétima engadida por artigo 17.

Disposición transitoria primeira

Ó entrar en vigor esta Lei os Xurados Provinciais dos montes veciñais en man común configuraranse de acordo co disposto nesta Lei, sen prexuício de que aqueles expedientes en trámite sexan resoltos de conformidade coa lexislación existente no momento de comenzalos.

Disposición transitoria segunda

Os Estatutos aprobados e as Xuntas de Comunidade constituídas de conformidade coa lexislación anterior adaptaranse ó disposto na presente Lei no prazo de un ano desde a entrada en vigor da presente Lei.

Disposición transitoria terceira

As actuacións para a declaración dun monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación non se poderán iniciar antes de transcorrido un ano desde a entrada en vigor da presente Lei para os montes xa clasificados ou desde a clasificación cando esta sexa posterior á mesma.

Disposición transitoria cuarta

O Ministerio Fiscal defenderá as Comunidades de veciños de montes en man común, cando estas se vexan afectadas na propiedade da que son titulares, ó abeiro da Lei 55/80, do 11 de novembro.

Disposición derradeira primeira

A Xunta de Galicia aprobará o Regulamento da presente Lei no prazo de seis meses, computados desde o día da entrada en vigor da mesma.

Disposición derradeira segunda

A presente Lei, xunto co costume, constitúen o dereito propio de Galicia en materia de montes veciñais en man común, que de conformidade co disposto no artigo 38.1 do Estatuto de Autonomía será de aplicación, no seu ámbito territorial, con preferencia a calquera outro.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 1989

Fernando Ignacio González Laxe

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia