lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 3/2004, do 7 de xuño, de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

Publicado en: DOG 116 17/06/2004

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

A presente lei foi derrogada pola disposición derrogatoria única da Lei 11/2008, do 16 de decembro, con efectos a partir do 16 de xuño de 2009, e declarada vixente pola disposición adicional única da Lei 6/2009, do 11 de decembro, que entrou en vigor o 15 de decembro de 2009.

De conformidade co establecido no artigo 148.1º.11 da Constitución española (CE), o artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle a esta Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de pesca nas augas interiores, o marisqueo e a acuicultura. Así mesmo, o artigo 39 do mesmo texto estatutario recoñece a potestade de autoorganización da Administración pública galega.

Dentro das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndenlle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos as relativas á calidade das augas e á produción de moluscos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura. Segundo dispón o Decreto 125/2002, do 4 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, estas funcións son exercidas polo Centro de Control do Medio Mariño, integrado na devandita consellaría co rango de dirección xeral.

O Centro de Control do Medio Mariño ten como obxectivo xeral desenvolver un estrito e intensivo sistema de control sobre as características do medio mariño para darlle cumprimento formal á lexislación vixente en canto á produción de organismos mariños, achegar os coñecementos científicos necesarios para a correcta xestión dos recursos mariños e protexer e mellorar a calidade das augas costeiras.

Tendo en conta a natureza altamente cambiante e de difícil predición do medio mariño así como a estrutura organizativa e as condicións de explotación do propio sector pesqueiro, marisqueiro e acuicultor, requírese que as funcións do Centro de Control do Medio Mariño se exerciten dunha forma áxil, coa adopción de medidas e a achega de solucións dunha forma urxente. Para iso, cómpre a creación dun instrumento especializado que pola súa natureza teña capacidade económica e funcional e poida actuar coa axilidade e urxencia que as súas funcións exixen.

Polo tanto, créase o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia como ente público adscrito á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia con personalidade xurídica e patrimonio de seu, que asume as competencias atribuídas ao Centro de Control do Medio Mariño, integrado como dirección xeral na Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

Título I Disposicións xerais

Artigo 1º.-Creación e réxime xurídico.

1. No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e ao amparo do seu Estatuto de autonomía, créase coa denominación de Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia un ente de dereito público con personalidade xurídica e patrimonio de seu e con plena capacidade e autonomía para o cumprimento dos seus fins.

2. O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia rexerase por esta lei e polas disposicións que se diten no seu desenvolvemento e someterá a súa actividade ao dereito privado agás cando exercite potestades administrativas ou nos casos establecidos nesta lei ou noutras disposicións legais.

3. O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia actuará baixo a dependencia da Xunta de Galicia no exercicio das funcións que lle confire esta lei e calquera outra que puidese asumir se fose necesario para o cumprimento dos seus fins.

4. O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia adscríbese á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 2º.-Finalidade e funcións.

1. O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia é o instrumento da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio das funcións de control da calidade do medio mariño, de aplicación das disposicións legais en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar e de asesoría técnico-científica sobre pesca, marisqueo e acuicultura no ámbito das zonas de produción en augas competencia da Comunidade Autónoma.

2. O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia ten como obxectivo xeral desenvolver un estrito e intensivo sistema de control sobre as características do medio mariño para darlle cumprimento formal á lexislación vixente en canto á produción de moluscos e outros organismos mariños, contribuír a desenvolver novas estratexias de explotación e comercialización baseada en ofertar produtos de óptima calidade con absoluta garantía sanitaria, desenvolver estudos de carácter científico-técnico destinados a facilitar os coñecementos necesarios para a correcta xestión dos recursos mariños e protexer e mellorar a calidade das augas.

3. Dentro da competencia da Administración autonómica, e sen prexuízo das competencias atribuídas a outros organismos, correspóndenlle ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, entre outras, as seguintes potestades administrativas:

a) Aplicación da normativa sobre calidade das augas e da produción de moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura. En concreto, o control das condicións oceanográficas, bioxeoquímica mariña e poboacións fitoplanctónicas, das biotoxinas mariñas, da contaminación química e da contaminación microbiolóxica, tanto no referente aos organismos coma ás zonas de produción.

b) A investigación para o coñecemento e control das patoloxías dos organismos mariños sometidos á explotación comercial mediante a pesca, o marisqueo e a acuicultura.

c) Decretar a apertura e o pechamento do exercicio da actividade pesqueira, de marisqueo e acuicultura en función do resultado dos controis que se realicen sobre a calidade das augas e os produtos, en aplicación da normativa vixente.

d) Aquelas funcións que regulamentariamente se lle atribúan na loita contra a contaminación mariña.

e) O cumprimento dos programas de control do medio mariño que, no ámbito das funcións que establece esta lei, determine a Xunta de Galicia en función da lexislación vixente na materia e das súas propias necesidades para a xestión do medio mariño.

f) Aquelas funcións que, no ámbito de competencias da Comunidade Autónoma, poidan serlle atribuídas pola Xunta de Galicia en materia de control das características do medio mariño e dos seus recursos sometidos á explotación comercial.

4. O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia dispoñerá das potestades administrativas e das facultades necesarias para o cumprimento dos seus fins, determinadas neste artigo, así como daqueloutras que se determinen nos seus estatutos ou no decreto de desenvolvemento, se é o caso. Nos devanditos estatutos ou decreto, determinaranse os órganos aos que se lles asignará a facultade de exercer as citadas potestades.

5. Corresponderalle ao instituto, ademais das potestades administrativas establecidas nos parágrafos anteriores, entre outras, as actividades de asesoría técnico-científica para o coñecemento das características da pesca, o marisqueo e a acuicultura, a elaboración de informes relativos ás funcións dos puntos a) ao c) e propoñerlle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos as modificacións lexislativas necesarias para adaptar a lexislación autonómica ás novas normativas que diten, así como os cambios necesarios para darlles cobertura legal ás novas exixencias que o sistema de control estableza como necesarias.

Artigo 3º.-Das súas funcións.

1. Para o cumprimento das súas funcións, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia goza de autonomía administrativa e económica e de plena capacidade de obrar, e pode realizar toda clase de actividades económicas e financeiras, sen máis limitación que o disposto nesta lei e nas disposicións que sexan aplicables. En particular, poderá conceder subvencións, prestar toda clase de servizos e executar obras, obrigarse, interpoñer os recursos e exercer as accións previstas polas leis.

2. Así mesmo, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia poderá establecer as correspondentes relacións de colaboración con institucións públicas ou privadas que desenvolvan actividades relacionadas coas súas actividades.

Artigo 4º.-Dos recursos.

1. Contra os actos administrativos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia procederán os recursos previstos nas normas sobre procedemento administrativo aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os actos administrativos ditados polo consello de administración ou polo seu presidente poñerán fin á vía administrativa e os ditados polo director poderán ser obxecto de recurso de alzada perante o presidente do consello de administración.

2. O exercicio de accións civís e laborais rexerase polas normas de xeral aplicación, e a reclamación administrativa previa ao exercicio das ditas accións dirixirase ao presidente do consello de administración.

Título II Estrutura orgánica

Artigo 5º.-Órganos.

Os órganos reitores do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia son o presidente do consello de administración, o consello de administración e o director.

Artigo 6º.-O presidente do consello de administración.

1. O presidente do consello de administración será, por razón do seu cargo, o conselleiro competente en materia de pesca, marisqueo e acuicultura.

2. O presidente desempeñará a representación do instituto e exercerá as seguintes funcións:

a) Ordenar a convocatoria do consello, fixar a orde do día e presidir as sesións del.

b) Velar polo cumprimento das directrices de actuacións marcadas pola Xunta de Galicia.

c) Exercitar no seu nome accións e recursos, sen prexuízo do disposto no artigo 8º.2 b).

3. O presidente poderá delegar no director calquera función que teña atribuída, excepto as que por prescrición legal sexan indelegables.

Artigo 7º.-O consello de administración.

1. O consello de administración é o órgano superior colexiado de goberno do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

2. O consello de administración estará constituído polos seguintes membros:

a) O presidente do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, que será o presidente do consello de administración.

b) Un vicepresidente, que será o director do instituto.

c) Catro vocais designados pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, de entre persoal ao servizo da Administración autonómica, que deberá ser persoal funcionario ou persoal laboral fixo.

d) Un vogal que teña a condición de representante dos traballadores do instituto.

e) Un secretario nomeado pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, que actuará con voz pero sen voto.

3. Correspóndenlle ao consello de administración as seguintes facultades:

a) Establecer e aprobar as directrices xerais e os plans de actuación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

b) Aprobar as normas de réxime interior do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, así como a organización dos servizos.

c) Aprobar o cadro de persoal e o seu réxime retributivo.

d) Aprobar a memoria anual, o balance e a conta de perdas e ganancias de cada exercicio económico.

e) Aprobar e elevarlle o anteproxecto de orzamentos e o programa de actuación e financiamento do ente ao órgano competente da Xunta de Galicia.

4. Regulamentariamente determinarase o funcionamento e o réxime de adopción de acordos do consello de administración.

Artigo 8º.-O director.

1. O director do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia será nomeado polo Consello da Xunta por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos.

2. O director será o órgano encargado da dirección e xestión do ente público, e corresponderanlle as seguintes atribucións:

a) Executar os acordos do consello de administración.

b) Aprobar e subscribir todos aqueles contratos, actos e negocios xurídicos que sexan necesarios para o desenvolvemento das funcións do ente e o cumprimento dos seus fins.

c) Exercer a dirección do persoal do ente público.

d) Dirixir a xestión ordinaria do ente público.

e) Elaborar os orzamentos anuais e o programa de actuación e financiamento do ente, que lle serán elevados ao consello de administración.

f) Propoñerlle ao consello de administración as directrices xerais e os plans de actuación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

g) Propoñer a adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e o funcionamento do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

h) Autorizar os gastos e ordenar os pagamentos.

i) Exercer todas as funcións que lle sexan encomendadas e calquera outra non atribuída expresamente a outro órgano do ente público.

Título III Facenda e réxime de financiamento

Artigo 9º.-Facenda.

1. Constituirá a facenda do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia o conxunto dos seus bens e dereitos.

2. Os recursos estarán formados por:

a) Os bens que lle sexan adscritos pola Xunta de Galicia, así como os bens e valores que constitúen o seu patrimonio.

b) As consignacións orzamentarias que lle sexan asignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, que serán suficientes para o desenvolvemento daquelas funcións definidas como potestades administrativas nesta lei, así como daquelas que como tales se designen regulamentariamente.

c) As doazóns, os legados, as subvencións ou as achegas voluntarias de entidades e institucións públicas ou privadas, así como de particulares.

d) Os ingresos que poida percibir polas súas actividades, a prestación de servizos e a execución de obras.

e) As rendas e os produtos que xeren os bens e valores que constitúen o seu patrimonio.

f) Os créditos, os préstamos e as demais operacións financeiras que concerte.

g) Calquera outro recurso ordinario ou extraordinario que se lle poida atribuír conforme as disposicións en vigor.

Artigo 10º.-Réxime de financiamento.

O réxime orzamentario, contable e financeiro do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia e das entidades e doutras formas asociativas que del dependan axustarase ao disposto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na demais normativa concorrente.

Artigo 11º.-Efectividade dos créditos.

Para o cobramento dos créditos que teñan a consideración de créditos de dereito público, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia poderá utilizar o procedemento de constrinximento nos termos regulados na normativa tributaria.

Artigo 12º.-Réxime tributario.

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia queda sometido ao mesmo réxime tributario que lle corresponde á Xunta de Galicia.

Título IV Persoal

Artigo 13º.-Réxime de persoal.

1. O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia estará integrado polo persoal contratado en réxime de dereito laboral, sen prexuízo do establecido nas disposicións transitorias.

2. O réxime de acceso aos postos de traballo do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia será determinado polo devandito ente, de conformidade coa normativa vixente, así como os requisitos e as características das probas que deben realizarse para poder acceder a eles, sempre de acordo coas súas necesidades de persoal, coas vacantes existentes e coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

A selección do persoal farase, en todo caso, de acordo con sistemas baseados nos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

3. A relación laboral do persoal contratado polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia rexerase polo convenio colectivo propio do ente público, que en ningún caso establecerá unhas condicións inferiores ás establecidas no convenio colectivo vixente en cada momento para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

4. A pertenza ao consello de administración non xerará en ningún caso dereitos laborais.

5. O persoal que preste servizos no instituto, no suposto de reingreso á administración, terá dereito ao recoñecemento dese tempo para os efectos de antigüidade e dereitos pasivos.

6. No suposto de extinción do instituto, o persoal afectado pasará a ser persoal da Xunta de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Subrogación do instituto.

1. Regulamentariamente fixarase a data para o inicio da actividade do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

2. Na data de inicio da actividade do ente público extínguese o Centro de Control do Medio Mariño como dirección xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, subrogándose o ente público en todos os procedementos e as relacións xurídicas, excepto as de natureza laboral, que se rexerán polo disposto nas disposicións transitorias desta lei, correspondentes á devandita dirección xeral.

3. Como consecuencia do anterior, os postos de traballo que, na data de inicio da actividade do novo ente, dependesen do Centro de Control do Medio Mariño quedarán amortizados dentro das relacións de postos de traballo dependentes da Administración autonómica de Galicia, agás o disposto na disposición transitoria primeira, parágrafo segundo, e na disposición transitoria terceira, parágrafo segundo.

Segunda.-Adscrición de bens.

Para o desempeño das súas funcións adscríbense ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia os bens que regulamentariamente se determinen de conformidade coa Lei de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A adscrición implica a transferencia ao ente público das facultades de uso, xestión, administración e explotación vinculadas aos fins deste, sen cambio de titularidade ou cualificacións xurídicas dos bens e dereitos cedidos.

Disposicións transitorias

Primeira.-Persoal funcionario.

1. O persoal funcionario de carreira da Xunta de Galicia que á entrada en vigor desta lei preste servizos no Centro de Control do Medio Mariño, integrado na Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos co rango de dirección xeral, poderá optar, mediante escrito dirixido ao presidente do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, e durante o prazo que regulamentariamente se determine, por integrarse no cadro de persoal do ente público como persoal laboral fixo del, con recoñecemento, en todo caso, da antigüidade que lle corresponda, quedando no seu corpo de orixe na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade prevista no artigo 55.1º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia. No suposto de reingreso na Administración autonómica terán dereito ao recoñecemento do tempo que permanecesen en tal situación, para efectos de antigüidade e dereitos pasivos.

2. No caso de non exercitar a devandita opción, o persoal ao que se refire o parágrafo anterior permanecerá no posto de traballo que ocupaba na relación de postos de traballo da consellaría competente en materia de pesca, marisqueo e acuicultura, prestando os seus servizos no instituto.

Segunda.-Persoal interino.

1. O persoal interino da Xunta de Galicia que á entrada en vigor desta lei estivese adscrito ao Centro de Control do Medio Mariño, integrado na Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos co rango de dirección xeral, cesará como tal por amortización do posto de traballo, de acordo co previsto na disposición adicional primeira desta lei.

2. Porén, o persoal ao que se refire o parágrafo anterior pasará a integrarse no cadro de persoal do ente público como persoal laboral temporal del, con recoñecemento, en todo caso, da antigüidade que polos servizos prestados lle corresponda.

Terceira.-Persoal laboral fixo.

1. O persoal laboral fixo da Xunta de Galicia que á entrada en vigor desta lei estivese adscrito ao Centro de Control do Medio Mariño, integrado na Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos co rango de dirección xeral, poderá optar, mediante escrito dirixido ao presidente do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, e durante o prazo que regulamentariamente se determine, por integrarse no cadro de persoal do ente público como persoal laboral fixo del, con recoñecemento, en todo caso, da antigüidade e dos dereitos laborais de todo tipo que lle correspondan, quedando no seu grupo e categoría de orixe na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade prevista no artigo 24.5º do IV Convenio colectivo único para persoal laboral da Xunta de Galicia. No suposto de reingreso na Administración autonómica terán dereito ao recoñecemento do tempo que permanecesen en tal situación, para efectos de antigüidade, podendo optar a un posto de igual ou inferior categoría á súa de orixe.

2. No caso de non exercitar a devandita opción, o persoal ao que se refire o parágrafo anterior permanecerá no posto de traballo que ocupaba na relación de postos de traballo da consellaría competente en materia de pesca, marisqueo e acuicultura, prestando os seus servizos no instituto.

Cuarta.-Persoal laboral temporal.

1. O persoal laboral temporal da Xunta de Galicia que á entrada en vigor desta lei estivese adscrito ao Centro de Control do Medio Mariño, integrado na Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos co rango de dirección xeral, cesará como tal por amortización do posto de traballo, de acordo co previsto na disposición adicional primeira desta lei, polo que se extingue a súa relación laboral coa Administración autonómica.

2. Porén, o persoal ao que se refire o parágrafo anterior pasará a integrarse no cadro de persoal do ente público como persoal laboral temporal del, con recoñecemento, en todo caso, da antigüidade e dos dereitos laborais de todo tipo que teña recoñecidos.

Quinta.-Convenio colectivo.

Mentres non sexa aprobado o convenio colectivo propio do ente público, será aplicable o Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, agás no referente á selección de persoal, que se realizará consonte o establecido no artigo 13.2º desta lei.

Sexta.-Probas de selección de persoal laboral fixo do ente.

Nun prazo non superior a tres meses desde o inicio da actividade, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia realizará unha primeira convocatoria das probas necesarias para a selección do persoal laboral fixo, que se realizarán de acordo cos principios e coas previsións establecidos no artigo 13º.2 desta lei.

O número de prazas para ofertar nesta primeira convocatoria será, como mínimo, igual ás prazas ocupadas polo persoal laboral temporal e persoal interino existentes no Centro de Control do Medio Mariño no momento da súa extinción.

Disposición derrogatoria

Derrogación xenérica.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento regulamentario.

Autorízase o Consello da Xunta a ditar cantas normas sexan precisas para efectuar o desenvolvemento e a correcta aplicación desta lei. No prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei, o Consello da Xunta deberá aprobar o decreto de desenvolvemento da lei, e esta aprobación é requisito necesario para o inicio das actividades.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xuño de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia