lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 181/2008, do 24 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Participación das Mulleres no Emprego e as Relacións Laborais, e a integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos laborais.

Publicado en: DOG 167 29/08/2008

Departamento: Consellería de Traballo

Estado: En vigor

PDF

Modificacións

A necesidade da creación das estruturas precisas para a introducción e o desenvolvemento do principio de igualdade entre mulleres e homes no ámbito do emprego e das relacións laborais xurde da obriga da aplicación do principio de transversalidade en todas as políticas públicas. Este principio inspirador das leis actuais de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes exixe a realización de modificacións funcionais, como a incorporación das medidas de igualdade en todos os ámbitos-educación, saúde, publicidade, emprego…-, ou a necesidade de examinar calquera decisión dos poderes públicos desde a perspectiva do seu impacto de xénero incluíndo os actos administrativos, as leis e as actuacións xudiciais.

Ademais das consideracións técnicas ou de actuación política, a incorporación do principio de transversalidade supón unha modificación substancial no deseño e na práctica das liñas políticas xa que sitúa as mulleres, e tamén os homes, no punto de mira de todas as accións.

E desde esta posición é posible a observación fiel do que en realidade existe na sociedade: mulleres e homes que seguiron camiños distanciados no seu desenvolvemento. Unha sociedade composta por homes e mulleres que secularmente impediu contemplar as necesidades dunhas e outros e facer compatible a súa atención cun desenvolvemento baseado na igualdade e na xustiza poñendo atención a esa parte da realidade, as mulleres, que resultou oscurecida, opaca ou distorsionada polo filtro do androcentrismo causando un prexuízo incalculable ao conxunto da sociedade.

O enfoque de xénero exixe observar e analizar dunha maneira específica tamén as situacións que afectan as mulleres, a nosa realidade tal como é, formada por homes e mulleres que inxustamente e secularmente se desenvolveron dunha forma desigual.

Aplicar o principio de transversalidade consiste en introducir no máis profundo do pensamento político a consciencia da realidade que nos rodea; consiste en dotarnos das ferramentas que nos permitan analizar de forma máis correcta e máis diáfana o que ten permanecido sepultado baixo a acumulación dunha cantidade inconmensurable de pensamento nesgado e androcéntrico.

Consiste en ter en conta os homes no desenvolvemento político e social pero tamén consiste en priorizar o que ao longo de séculos se mantivo na ocultación e nas marxes da acción pública: a existencia da outra metade da humanidade, a existencia de todo ese potencial ao que non se lle permitiu ou non se fixo visible a súa plena participación no crecemento da nosa sociedade, esa metade da cidadanía cuxas achegas constitúen unha parte fundamental do soporte do desenvolvemento social.

Pero a transversalidade obriga, así mesmo, á realización de modificacións orgánicas, aínda que estas habitualmente non se destacan da mesma forma nos estudos doutrinais e no debate político. Tales modificacións orgánicas exixen aos poderes públicos actuar coordinadamente entre si e cos suxeitos privados e a sociedade civil.

O avance da igualdade fíxonos ser testemuñas do moitas veces dispar, descoordinado e desacompasado desenvolvemento das accións positivas e do escaso despregamento de recursos económicos e humanos para a introdución do principio de igualdade na axenda política. Hoxe a acción de xestión pública enmárcase en novas coordenadas entre as que é preciso sinalar o maior número de persoas comprometidas nos ámbitos político, técnico e asociativo, e no progresivo desenvolvemento de redes que fan posible a coordinación para impregnar do principio de igualdade todas as políticas que se leven a cabo no ámbito do emprego e das relacións laborais.

Sen dúbida, esta forma de actuación atópase coas conseguintes dificultades aplicativas derivadas de varios factores relacionados coa estrutura mesma das administracións. Entre estes aspectos é de destacar, en primeiro lugar, a complexidade que entraña en si mesma a coordinación, tanto para cada ente administrativo na súa propia estrutura como para a coordinación entre a totalidade de departamentos da administración entre si. En segundo lugar, é frecuente escoitar desde algúns sectores sociais e políticos que a aplicación transversal das políticas de igualdade pode conducir a unha excesiva fragmentación na xestión destas actuacións. En terceiro lugar, ninguén dubida de que existen dificultades adicionais que poden derivar da ausencia total ou parcial de comunicación fluída que se percibe en ocasións entre os poderes públicos e a sociedade civil.

Estas dificultades pódense solventar, en boa medida, a través de organismos de participación conxunta entre a administración, os axentes sociais e as organizacións de mulleres e especialmente considerando a trascendencia do emprego e a inserción laboral como elemento de mellora substancial da igualdade entre mulleres e homes, é preciso articular esta participación a través de estruturas específicas no ámbito competencial do departamento da administración autonómica con competencias en materia de emprego. Unha das principais estruturas que neste senso ten producido resultados óptimos é o diálogo social que constitúe unha das principais canles de comunicación entre a Administración e as organizacións sindicais e empresariais máis representativas, servindo de apoio en todo momento na tarefa de potenciar a integración do principio de igualdade no ámbito do emprego, incluíndo os obxectivos e contidos que favorecen a igualdade de oportunidades laborais entre mulleres e homes nos seus acordos e compromisos de actuación.

Artellar esta fórmula organizativa permitirá manter unha comunicación fluída entre o departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de emprego, os axentes sociais, o empresariado e a sociedade civil e, paralelamente, facilitarase a coordinación entre os distintos órganos administrativos da citado departamento ao servir estas estruturas como canle eficaz de suxestións de mellora da aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes nos ámbitos económicos e no tecido produtivo do noso país.

Se a análise a realizamos desde unha perspectiva da igualdade, non podemos obviar que as políticas de igualdade se constrúen non só con elaboracións teóricas a partir duns principios xerais, senón ademais coas achegas prácticas de quen coñece a cotidianeidade da discriminación por razón de xénero, e, desde esta perspectiva, os poderes públicos teñen a obriga de se comunicar cos axentes sociais ou sociedade civil para construír unha política en todos os ámbitos que satisfaga as aspiracións, necesidades e preocupacións das mulleres.

E, no que se refire ao emprego e ao traballo, isto condúcenos á creación do Consello de Participación das Mulleres no Ámbito do Emprego e das Relacións Laborais, sen prexuízo de que se no futuro se creasen outros consellos de participación noutros ámbitos competenciais, se tendese á súa coordinación ou unificación.

A Constitución española, no seu artigo 9.2º, establece que corresponde aos poderes públicos promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica e social.

Así mesmo, no seu artigo 14, a Constitución española recoñece que os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer ningunha discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión, ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

En canto á normativa europea, a Directiva 2006/54, do 5 de xullo de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativa á aplicación do principio de igualdade de oportunidades e igualdade de trato entre homes e mulleres en asuntos de emprego e ocupación, establece no seu artigo 22, sobre o diálogo con organizacións non gobernamentais que se fomentará o diálogo coas correspondentes organizacións non gobernamentais que teñan un interese lexítimo por contribuír á loita contra a discriminación de sexo co fin de promover o principio de igualdade de trato.

Pola súa parte, o artigo 4.2º do Estatuto de autonomía de Galicia reitera o mandato dirixido a todos os poderes públicos para que promovan as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, e sinala, así mesmo, que lles corresponde remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e as galegas na vida política, económica, cultural e social.

Atendendo a estes mandatos, elaborouse a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia que contempla no título V a integración da igualdade na política preventiva e no título VII a participación das mulleres no departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo e establece nos seus artigos 52 e seguintes a creación do Consello Galego de Participación das Mulleres no Ámbito do Emprego e das Relacións Laborais. Así mesmo, na súa disposición adicional quinta recolle o compromiso da publicación autonómica dos anexos da Directiva 92/85/CEE, do Consello, do 19 de outubro de 1992 relativa á aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e a saúde no traballo da traballadora embarazada, que dese a luz ou en período de lactación.

Este decreto artéllase en dous capítulos que abranguen 33 artigos, cinco disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

No capítulo primeiro establécese a creación do Consello Galego de Participación das Mulleres no Ámbito do Emprego e das Relacións Laborais, o seu funcionamento, os órganos precisos para garantilo e o apoio administrativo e os recursos económicos; así mesmo, determínase a forma de adhesión das asociacións de mulleres e a representación no Consello Galego de Participación das Mulleres no Ámbito do Emprego e das Relacións Laborais das organizacións sindicais e empresariais. O segundo dedícase ás medidas concretas de integración da igualdade entre mulleres e homes nas políticas preventivas, o fomento público da erradicación na súa orixe dos riscos derivados das condicións de traballo que poidan afectar negativamente o embarazo, o parto e a lactación natural, as axudas económicas para tal efecto e a publicación dos anexos da Directiva 92/85/CEE, do Consello, do 19 de outubro de 1992 tal é como se establece na disposición adicional quinta da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

En virtude das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, por proposta do conselleiro de Traballo, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día vinte e catro de xullo de dous mil oito

CAPÍTULO I O CONSELLO GALEGO DE PARTICIPACIÓN DAS MULLERES NO ÁMBITO DO EMPREGO E DAS RELACIÓNS LABORAIS.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 1 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 2 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 3 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 4 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 5 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 6 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 7 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 8 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 9 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 10 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 11 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 12 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 13 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 14 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 15 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 16 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 17 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 18 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 19 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 20 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 21 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 22 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 23 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 24 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 25 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Artigo 26 derrogado por disposición derrogatoria única.

CAPÍTULO II MEDIDAS CONCRETAS PARA A INTEGRACIÓN DA IGUALDADE ENTRE MULLERES E HOMES NAS POLÍTICAS PREVENTIVAS.

Artigo 27º.-Fomento público da erradicación na súa orixe dos riscos derivados das condicións de traballo que poidan afectar negativamente o embarazo, o parto e a lactación natural.

1. Coa finalidade de evitar, na medida do posible, a aplicación das medidas de cambio de posto e dispensa de traballo reguladas no artigo 26 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, o departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo fomentará a formación, a información e a sensibilización das empresas e das traballadoras e traballadores co obxectivo de combater na súa orixe os riscos derivados das condicións de traballo que poidan afectar negativamente o embarazo, parto ou lactación natural.

2. Con idéntica finalidade, de conformidade co disposto no artigo 39.2º d da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, o departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo subvencionará o custo empresarial de adaptación dos postos de traballo con riscos para as traballadoras embarazadas, que teñan dado a luz ou en período de lactación, cando esa adaptación os elimine totalmente ou os reduza de maneira significativa.

O departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo aprobará as bases reguladoras destas subvencións que, en todo caso, deberán ter en conta as previsións pevistas nos artigos 28º e 29º.

Artigo 28º.-Importes das subvencións.

1. O importe da subvención poderá ser de ata o 50% do custo empresarial total de adaptación dos postos de traballo desenvolvidos en condicións que poden supoñer un risco para o embarazo, o parto e a lactación natural, que poderá chegar ao 75% cando a empresa non supere un volume de negocios en contía de 600.000 euros brutos anuais, ou cando concorran especiais motivos de fomento do emprego feminino.

2. Para os efectos desta subvención terá prioridade a adaptación de postos de traballo cando se trate dunha actividade en que as mulleres estean infrarrepresentadas entendéndose por tal para estes efectos calquera actividades en que, segundo a normativa estatal ou autonómica, se subvencione a contratación de mulleres por tal motivo.

Artigo 29º.-Criterios básicos.

1. Para acceder a estas subvencións será necesario que a empresa conte cun cadro de persoal no que cando menos un 40% das persoas traballadoras sexan do sexo feminino, ou que a empresaria ou empresario se comprometa a alcanzar esa porcentaxe contratando mulleres en todos os postos de traballo que sexan obxecto da súa adaptación e acredite unha estabilidade cando menos como a media de Galicia.

2. Considéranse postos de traballo desenvolvidos en condicións que poden supoñer un risco para o embarazo, o parto e a lactación natural, os especificados nos anexos I e II deste decreto e calquera outro no que resulte acreditado o risco.

3. Non se exixirá que o posto de traballo estea ocupado ou vaia ser ocupado por traballadora embarazada, que teña dado a luz ou en período de lactación.

4. Para a concesión das subvencións deberá presentarse como mínimo:

a) A avaliación dos riscos na empresa e, en xeral, calquera outra documentación técnica acreditativa da existencia de postos de traballo que se desenvolvan en condicións que poidan supoñer un risco para o embarazo, o parto ou a lactación natural.

b) A xustificación do gasto de eliminación total ou redución significativa dos riscos derivados das condicións de traballo que poidan afectar negativamente o embarazo, o parto e a lactación natural.

Artigo 30º.-Eficacia normativa da publicación autonómica.

1. A publicación autonómica dos anexos da Directiva 92/85/CEE, do Consello, de 19 de outubro de 1992, relativa á aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e a saúde no traballo da traballadora embarazada, que teña dado a luz ou en período de lactación, ten eficacia no ámbito das competencias autonómicas en materia de saúde laboral e, en particular, en canto á configuración regulamentaria das medidas de fomento público da erradicación na súa orixe dos riscos derivados das condicións de traballo que poidan afectar negativamente o embarazo, o parto e a lactación natural.

2. Tal publicación autonómica no suporá, en ningún caso, modificación dos dereitos, deberes e obrigas que correspondan de conformidade co establecido na normativa comunitaria sobre saúde laboral e na normativa interna ditada en desenvolvemento e, en particular, no artigo 26º da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 31º.-Carácter non exhaustivo das listaxes.

Sendo as listaxes recollidas nos anexos I e II, non exhaustivas de conformidade co establecido na Directiva 92/85/CEE, do Consello, de 19 de outubro de 1992, relativa á aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e a saúde no traballo da traballadora embarazada, que teña dado a luz ou en período de lactación, a non inclusión dun axente, procedemento ou condición de traballo nas listaxes non exonerará necesariamente os suxeitos responsables dos seus deberes e obrigas de conformidade co establecido na normativa comunitaria sobre saúde laboral e na normativa interna ditada en desenvolvemento e, en particular, no artigo 26 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Disposición adicional

Primeira.-

No funcionamento do Consello Galego de Participación das Mulleres no Ámbito do Emprego e das Relacións Laborais aplicaranse subsidiariamente as normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre órganos colexiados.

Segunda.-

Comisión permanente para a integración da igualdade nas políticas autonómicas de prevención de riscos laborais.

Para efectos da integración activa do principio de igualdade de trato entre mulleres e homes nos obxectivos e nas actuacións das competencias autonómicas en materia de prevención de riscos laborais, de conformidade co establecido na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia e, en especial, nos seus artigos 39 a 41, poderá constituírse unha Comisión para a Integración da Igualdade nas Políticas Autonómicas de Prevención de Riscos Laborais nos termos que se establecerán nos regulamentos de desenvolvemento da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e se regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Esta comisión para integrar a igualdade nas políticas autonómicas de prevención de riscos laborais de acordo coa obrigada aplicación do principio de transversalidade, tal e como se recolle na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, artigo 1.2º, garantirá a introdución do principio de igualdade no ámbito da saúde laboral.

En especial, e de conformidade co establecido no artigo 41 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, a comisión permanente de integración da igualdade nas políticas autonómicas de prevención de riscos laborais impulsará a realización de actuacións especiais en materia de prevención de riscos laborais sobre sectores laborais feminizados mediante a elaboración de estudos epidemiolóxicos, accións de información e asesoramento técnico e accións de vixilancia e control, a través da Inspección de Traballo e Seguridade Social, sobre o cumprimento das normas de prevención.

Terceira.-

Os anexos deste decreto modificaranse cando se modifiquen os anexos da Directiva 92/85/CEE, do Consello, do 19 de outubro de 1992, relativa á aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e a saúde no traballo da traballadora embarazada, que teña dado a luz ou en período de lactación, e a súa modificación limitarase, despois de realizar as adaptacións convenientes para a súa adecuada comprensión, a integrar a modificación dos anexos. Tales modificacións estritamente técnicas poderanse acordar mediante orde ditada pola Consellería de Traballo.

Os servizos autonómicos competentes en materia de saúde laboral elaborarán, no prazo de seis meses desde a publicación deste decreto, unhas directrices sobre avaliación do risco, tendo en conta especialmente o acervo comunitario, directrices que se manterán nunha constante actualización conforme as innovacións técnicas

Cuarta.-Control de legalidade dos convenios colectivos.

1. En desenvolvemento do artigo 26 da Lei 2/2007, do 28 de marzo e do artigo 90.6º do texto refundido do Estatuto dos traballadores, a unidade administrativa de igualdade deberá emitir informe de cada convenio que se rexistre ante a autoridade laboral nun prazo máximo de 30 días desde o seu rexistro.

2. Os informes remitiranse á Comisión Consultiva Autonómica para a igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva, que, na primeira reunión seguinte á emisión de cada informe individual, deberá pronunciarse sobre a comenencia de que a autoridade laboral se dirixa á xurisdición social co obxecto de emendar a eventual discriminación por sexo ou xénero. A decisión da comisión, en todo caso, deberá ser motivada.

3. O informe da comisión comunicarase á autoridade laboral para os efectos de actuación previstos nos artigos 90.5º e 90.6º do texto refundido do Estatuto dos traballadores e o artigo 162 da Lei de procedemento laboral.

4. Sempre que a autoridade laboral se dirixa á xurisdición social en aplicación do artigo 90.5º do texto refundido do Estatuto dos traballadores terá que remitirlle a esta copia do informe previsto no parágrafo primeiro e da decisión da Comisión Consultiva, agás que un ou outra non se emitisen por mor dos prazos. Os mesmos documentos rexistraranse para os efectos dos artigos 2 d) e 4 do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, de rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Quinta.-

Tal e como establece o artigo 52.3º da Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, o Consello Galego de Participación das Mulleres no Ámbito do Emprego e das Relacións Laborais, no suposto de creación dun consello galego das mulleres por parte do departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade, integrarase neste.

Disposición transitoria

Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012.

Artigo derrogado:Disposición transitoria derrogada por disposición derrogatoria única.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan o disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Primeira.-

Facúltase a persoa titular do departamento con competencias en materia de traballo para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

ANEXO I

Publicación autonómica da listaxe non exhaustiva dos axentes, procedementos e condicións de traballo que poderían presentar un risco específico de exposición para as traballadoras embarazadas, que teñan dado a luz ou en período de lactación

Para os efectos dunha adecuada publicidade, e no ámbito das competencias autonómicas en materia de saúde laboral, o anexo I deste decreto, elaborado de conformidade co anexo I da Directiva 92/85/CEE, do Consello, do 19 de outubro de 1992, relativa á aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e a saúde no traballo da traballadora embarazada, que teña dado a luz ou en período de lactación (DOCE número L 348 do 28-11-1992), transcribe os axentes, procedementos e condicións de traballo que poderían presentar un risco específico de exposición para as traballadoras embarazadas, que teñan dado a luz ou en período de lactación, atendendo ao establecido no número 1 do artigo 4 da Directiva, e na súa normativa interna de desenvolvemento e, en particular, no artigo 26 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Sección A. Axentes físicos, biolóxicos ou químicos.

1. Axentes físicos, cando se considere que poidan implicar lesións fetais e/ou provocar un desprendemento da placenta, en particular:

a) Choques, vibracións ou movementos.

b) Manutención manual de cargas pesadas que supoñan riscos, en particular dorsolumbares.

c) Ruído.

d) Radiacións ionizantes.

e) Radiacións non ionizantes.

f) Frío e calor extremos.

g) Movementos e posturas, desprazamentos tanto no interior como no exterior do establecemento, fatiga mental e física e outras cargas físicas vinculadas á actividade da traballadora embarazada, que teña dado a luz ou en período de lactación.

2. Axentes biolóxicos dos grupos de risco 2, 3 e 4, no senso dos números 2, 3 e 4 da letra d) do artigo 2 da Directiva 2000/54/CE, do 18-9-2000 (DOCE número L 262 do 17-10-2000), que derrogou a Directiva 90/679/CEE, do 26-11-1990 (DOCE número L 374 do 31-12-1990), e no senso das letras b), c) e d) do número 1 do artigo 3 do Real decreto 664/1997, do 12 de maio (BOE do 24-5-1997), coas súas modificacións posteriores, sempre que se saiba que os ditos axentes ou as medidas terapéuticas que necesariamente traen consigo poñen en perigo a saúde das mulleres embarazadas e da nena ou neno por nacer.

Un axente biolóxico do grupo 2 é aquel axente patóxeno que poida causar unha enfermidade no home ou na muller e poida supoñer un perigo para os traballadores e traballadoras; é pouco probable que se propague á colectividade, existen xeralmente unha profilaxe ou un tratamento eficaces.

Un axente biolóxico do grupo 3 é aquel axente patóxeno que poida causar unha enfermidade no home ou na muller e presente un grave perigo para as traballadoras e traballadores; existe o risco de que se propague na colectividade, pero existen xeralmente unha profilaxe ou un tratamento eficaces.

Un axente biolóxico do grupo 4 é aquel axente patóxeno que poida causar unha enfermidade grave no home ou na muller e supoña un grave perigo para os traballadores e traballadoras; existen moitas probabilidades de que se propague na colectividade; non existen xeralmente unha profilaxe ou un tratamento eficaces.

A Directiva 2000/54/CE, do 18.9.2000, e o Real decreto 664/1997, do 12 de maio, recollen unha clasificación de axentes biolóxicos nos seus anexos.

3. Axentes químicos, na medida en que se saiba que poñen en perigo a saúde das mulleres embarazadas e da nena ou neno por nacer e sempre que non figuren aínda no anexo II:

a) As substancias etiquetadas R40, R45, R46, R47, R61, R63 e R64 pola Directiva 67/548/CEE, do 16-8-1967 (DOCE número L 196, do 16-8-1967), coas súas modificacións posteriores, e polo Real decreto 363/1995, do 10 de marzo de 1995 (BOE do 5-6-1995), coas súas modificacións posteriores.

b) Os axentes químicos que figuran no anexo I da Directiva 2004/37/CE, do 29-4-2004 (DOCE número L 158, do 30-4-2004), que derogou á Directiva 90/394/CEE, do 28-6-1990 (DOCE número L 196, do 26-7-1990), e no Real decreto 665/1997, do 12 de maio (BOE do 24-5-1997), coas súas modificacións posteriores. Son os axentes químicos utilizados nos procedementos industriais referenciados na sección B.

c) Mercurio e derivados.

d) Medicamentos antimitóticos.

e) Monóxido de carbono.

f) Axentes químicos perigosos de penetración cutánea formal.

Sección B. Procedementos industriais que figuran no anexo I da Directiva de 2004/37/CE, de 29-4-2004 (DOCE número L 158 do 30-4-2004), que derrogou á Directiva 90/394/CEE, do 28-6-1990 (DOCE número L 196, do 26-7-1990), e no Real decreto 665/1997, do 12 de maio (BOE do 24-5-1997), coas súas modificacións posteriores, a saber:

1. Fabricación de auramina.

2. Traballos que supoñan exposición a hidrocarburos aromáticos policíclicos presentes no charrizo, o alcatrán ou a brea de hulla.

3. Traballos que supoñan exposición ao po, ao fume ou ás néboas producidas durante a calcinación e o afinado eléctrico das matas de níquel.

4. Procedemento con ácido forte na fabricación de alcohol isopropílico.

5. Traballos que supoñan exposición a serraduras de madeiras duras.

Sección C. Condicións de traballo:

Traballos de minaría subterráneos.

ANEXO II

Publicación autonómica da listaxe non exhaustiva dos axentes e condicións de traballo que determinan unha prohibición de exposición de traballadoras embarazadas ou en período de lactación

1. Para os efectos dunha adecuada publicidade, e no ámbito das competencias autonómicas en materia de saúde laboral, o anexo II deste decreto, elaborado de conformidade co anexo II da Directiva 92/85/CEE, do Consello, do 19 de outubro de 1992 (DOCE número L 348, do 28-11-1992), transcribe, na súa sección A, os axentes ou condicións de traballo que, de supoñer algunha actividade risco á súa exposición de acordo coa avaliación de riscos, non podería verse nunca obrigada a realizar a traballadora embarazada, atendendo ao establecido no artigo 4 da Directiva, e na súa normativa interna de desenvolvemento, e, en particular, no artigo 26 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

2. Para os efectos dunha adecuada publicidade, e no ámbito das competencias autonómicas en materia de saúde laboral, o anexo II deste decreto, elaborado de conformidade co anexo II da Directiva 92/85/CEE, do Consello, do 19 de outubro de 1992, transcribe, na súa Sección B, os axentes ou condicións de traballo aos que, de supoñer algunha actividade risco durante a súa exposición de acordo coa avaliación de riscos, non podería verse nunca obrigada a realizar a traballadora en período de lactación, atendendo ao establecido no artigo 6 da Directiva, e na súa normativa interna de desenvolvemento, e, en particular, no artigo 26 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Sección A. Traballadoras embarazadas.

1. Axentes.

a) Axentes físicos.

-Traballos en atmosferas de sobrepresión elevada, por exemplo en locais a presión, mergullamento.

b) Axentes biolóxicos.

-Toxoplasma.

-Virus da rubéola, salvo se existen probas de que a traballadora embarazada está suficientemente protexida contra estes axentes polo seu estado de inmunización.

c) Axentes químicos.

-Chumbo e derivados, na medida en que estes axentes sexan susceptibles de ser absorbidos polo organismo humano.

2. Condicións de traballo.

-Traballos de minaría subterráneos.

Sección B. Traballadoras en período de lactación.

1. Axentes.

a) Axentes químicos.

-Chumbo e os seus derivados, na medida en que estes axentes sexan susceptibles de ser absorbidos polo organismo humano.

2. Condicións de traballo.

-Traballos de minaría subterráneos.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia