lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 144/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos.

Publicado en: DOG 213 09/11/2016

Departamento: Consellería de Economía, Emprego e Industria

Estado: En vigor

PDF

Modificacións

A Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, establece un réxime xurídico único do exercicio de actividades en Galicia, eliminando de xeito pleno e efectivo a licenza de apertura previa á instalación e ao inicio da actividade (licenzas de actividade ou instalación e de apertura ou funcionamento). A lei regula as actividades inocuas, as actividades obxecto de incidencia ambiental e os espectáculos públicos e actividades recreativas, dotando deste xeito as actividades económicas dun réxime xurídico de intervención administrativa homoxéneo e adaptado ao marco legal de liberdade de exercicio.

Así mesmo, modificou a regulación das licenzas de obra, de xeito que se establece tamén un novo réxime xeral que é o de comunicación previa xunto cunha reserva para a licenza naqueles casos en que unha norma estatal así o exixa.

A disposición derradeira sexta da lei autorizou o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións para o desenvolvemento regulamentario, nomeadamente, un regulamento único que estableza o réxime xurídico e o procedemento de intervención administrativa das actividades obxecto da lei.

Mediante o presente decreto apróbase o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos (en adiante, RIAE), tanto das actividades inocuas como das actividades clasificadas e os espectáculos públicos e actividades recreativas.

Para a plena efectividade do establecido no RIAE os concellos aplicarán as normas subsidiarias contidas no título V deste decreto. Unha vez que entren en vigor as ordenanzas, as normas aplicaranse con carácter complementario, para suplir as indeterminacións e lagoas que aquelas poidan presentar.

Por último, a disposición derradeira sexta, número 2, da Lei 9/2013 faculta a Xunta de Galicia para que, mediante decreto, poida modificar o anexo desta lei coa finalidade de o adaptar á normativa aplicable e aos requirimentos ambientais ou de carácter técnico. Mediante o presente decreto modifícase o anexo da citada lei e para unha maior seguridade xurídica establécese tamén o catálogo de actividades que deben de ser sometidas a incidencia ambiental mediante un anexo I do RIAE, no cal tamén se clarifican e definen con maior concreción o tipo de industrias e instalacións sometidas.

Este decreto consta dun artigo único, sete disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e cinco disposicións derradeiras.

O RIAE consta de 99 artigos e inclúe como anexo I a relación de actividades e o tipo de industrias e instalacións sometidas ao procedemento de incidencia ambiental previsto no regulamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e dous de setembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Regulamento

Apróbase o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos (en adiante, RIAE) cuxo texto se inclúe a seguir.

Disposición adicional primeira. Actualización normativa

Os preceptos deste regulamento que, por razóns sistemáticas, reproducen aspectos da lexislación vixente, e os que inclúan remisións a preceptos destas, entenderanse automaticamente modificados ou substituídos no momento en que se produza a modificación dos preceptos legais e regulamentarios de que deriven.

Disposición adicional segunda. Competencias das deputacións provinciais

Nos termos establecidos polas alíneas b) e g) do punto primeiro do artigo 36 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e no artigo 109 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, as deputacións provinciais garantirán nos municipios con poboación inferior a 20.000 habitantes a dispoñibilidade polos concellos dos medios persoais, técnicos e materiais necesarios para a aplicación deste regulamento e, en especial, para o exercicio das competencias municipais de comprobación e inspección de instalacións, establecementos e actividades, a que se refire a alínea c) do punto segundo do artigo 3, así como a prestación dos servizos de administración electrónica necesarios para dar cumprimento ao previsto no artigo 5.

Disposición adicional terceira. Modificación e actualización dos formularios normalizados

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición adicional cuarta. Adaptación de procedementos administrativos

Os órganos administrativos autonómicos que tivesen habilitados procedementos administrativos que queden integrados no procedemento establecido neste decreto procederán de oficio á súa adaptación.

Disposición adicional quinta. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar os presentes procedementos, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

Disposición adicional sexta. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación dos procedementos require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas o órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na normativa básica do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Disposición adicional sétima. Notificacións

1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

3. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

4. Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa básica do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición transitoria única. Procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor do presente decreto

As persoas que iniciasen procedementos con anterioridade á entrada en vigor deste decreto poderán desistir da súa solicitude e optar pola aplicación da nova normativa, sempre que o poñan de manifesto antes da resolución do procedemento. En caso contrario, continuarase coa tramitación segundo a normativa que resulte de aplicación.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Aprobación da ordenanza única de regulación integrada do exercicio de actividades económicas e apertura de establecementos públicos

No prazo máximo de nove meses desde a publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, os concellos aprobarán a ordenanza única de regulación integrada do exercicio de actividades económicas e a apertura de establecementos públicos prevista polo punto primeiro do artigo 4.

Disposición derradeira segunda. Procedementos de comunicación e verificación posterior

No prazo máximo de seis meses desde a publicación deste regulamento no Diario Oficial de Galicia, os concellos establecerán e planificarán para os supostos de comunicación previa os procedementos de comunicación necesarios, así como os de verificación posterior do cumprimento polas persoas interesadas dos requisitos previstos na lexislación sectorial para o exercicio das actividades concernidas.

Disposición derradeira terceira. Publicidade dos procedementos de licenza local de actividade

No prazo máximo de seis meses desde a publicación deste regulamento no Diario Oficial de Galicia, os concellos adoptarán un acordo que outorgue publicidade aos procedementos nos cales, de acordo coa lexislación de aplicación, subsiste o réxime de sometemento á licenza local de actividade, debendo manter a dita relación axustada á normativa vixente en cada momento.

Disposición derradeira cuarta. Modificación do anexo da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

1. Modifícanse as epígrafes 3.2, 9.1.b) 1º e 2º do anexo da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, que quedan coa seguinte redacción:

3.2. Plantas de preparación de formigón cunha capacidade de elaboración diaria superior a 50 m3.

9.1.b) Tratamento e transformación, diferente do simple envasado, das seguintes materias primas, tratadas ou non previamente, destinadas á fabricación de produtos alimenticios ou pensos a partir de:

1º. Materia prima animal (que non sexa exclusivamente o leite) dunha capacidade de produción de produtos acabados de entre 3 e 75 toneladas por día.

2º. Materia prima vexetal cunha capacidade de produción de entre 5 e 300 toneladas por día de produtos acabados (valores medios trimestrais). (...)

2. Inclúese como anexo I ao Regulamento o tipo de industrias e instalacións contidas nas epígrafes de actividades do anexo a que fai referencia o artigo 34 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de setembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Francisco José Conde López

Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos

TÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Este regulamento ten por obxecto establecer o réxime xurídico e o procedemento de intervención administrativa aplicables ao exercicio de actividades económicas e á apertura dos establecementos destinados a estas, e á organización e desenvolvemento de espectáculos públicos e actividades recreativas en cumprimento do mandato de desenvolvemento regulamentario contido na disposición derradeira sexta da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

2. Así mesmo, é obxecto deste regulamento o réxime xurídico das entidades de certificación de conformidade municipal, en execución da habilitación normativa contida na disposición derradeira sexta da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Este regulamento aplícase:

a) Á instalación, implantación ou exercicio de calquera actividade económica, empresarial, profesional, industrial ou comercial no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e á apertura dos establecementos destinados a este tipo de actividades.

b) Á organización e celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e á apertura dos establecementos públicos destinados a este tipo de actividades.

c) Ás entidades de certificación de conformidade municipal que desenvolvan a súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Competencias administrativas

1. No ámbito de aplicación deste regulamento, corresponde especificamente á Administración da Comunidade Autónoma:

a) A incoación, tramitación e resolución do procedemento de avaliación de incidencia ambiental.

b) A autorización dos espectáculos públicos e as actividades recreativas ou deportivas que se desenvolvan en máis dun termo municipal.

c) A recepción das comunicacións previas ao exercicio da actividade das entidades de certificación de conformidade municipal e a declaración de ineficacia destas, o rexistro, o control e a inspección destas entidades, a tramitación e resolución das reclamacións que se presenten contra as súas actuacións e a incoación, tramitación e resolución dos procedementos sancionadores contra elas.

d) O control, inspección e sanción das entidades de certificación de conformidade municipal.

2. No ámbito de aplicación deste regulamento, corresponde aos municipios:

a) A recepción das comunicacións previas ao exercicio das actividades e á apertura dos establecementos.

b) A concesión das licenzas municipais para a organización e desenvolvemento de espectáculos públicos e actividades recreativas e para a apertura dos establecementos públicos destinados a estes, nos casos en que este título habilitante resulte exixible segundo o presente regulamento.

c) A comprobación e inspección de instalacións, establecementos e actividades.

d) A incoación, tramitación e resolución dos procedementos de modificación, caducidade ou declaración de ineficacia das comunicacións previas e as licenzas municipais.

e) A incoación, tramitación e resolución de procedementos sancionadores, de responsabilidade patrimonial e de restablecemento da legalidade e mais a execución, de ser o caso, das resolucións ditadas nestes.

f) A adopción das medidas de carácter preventivo con carácter previo á incoación ou con ocasión da tramitación de calquera dos procedementos sinalados nas alíneas anteriores, así como, en calquera outro caso, cando se dean motivos de urxencia ou gravidade.

3. Para o restablecemento da legalidade en materia de actividades seguirase o procedemento para a protección da legalidade establecido na normativa urbanística.

4. O procedemento sancionador será o previsto con carácter xeral para o exercicio da potestade sancionadora e axustarase ao previsto no capítulo V do título III da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Artigo 4. Ordenanza única de regulación integrada do exercicio de actividades e apertura de establecementos

1. Os concellos aprobarán unha ordenanza única que estableza a regulación integrada do exercicio das actividades e a apertura dos establecementos incluídos no ámbito de aplicación deste regulamento.

2. Entrementres non entren en vigor as ordenanzas previstas no punto primeiro, para a plena efectividade do establecido neste regulamento os concellos aplicarán as normas subsidiarias contidas no título V deste decreto. Unha vez que entren en vigor as devanditas ordenanzas, as ditas normas aplicaranse con carácter complementario, para suplir as indeterminacións e lagoas que aquelas poidan presentar.

Artigo 5. Portal electrónico de comunicacións previas e licenzas municipais

Todos os concellos de Galicia deberán dispor nas súas sedes electrónicas dun portal electrónico de comunicacións previas e licenzas municipais, que servirá para dar cumprimento ás previsións deste regulamento en materia de difusión da información, presentación de comunicacións previas e solicitudes de licenza ou autorización, e comunicacións administrativas por vía electrónica.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das comunicacións previas e as solicitudes de licenza ou autorización

1. Os concellos e a Administración autonómica contarán con modelos normalizados para a presentación das comunicacións previas e as solicitudes de licenza ou autorización da súa competencia incluídas no ámbito de aplicación deste regulamento e poranos ao dispor das persoas interesadas a través do portal electrónico previsto no artigo anterior ou, no caso da Administración autonómica, da sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. As comunicacións previas e as solicitudes de licenza ou autorización poden presentarse nos rexistros administrativos e demais lugares previstos pola lexislación do procedemento administrativo común para a presentación de solicitudes, escritos e comunicacións aos órganos das administracións públicas.

3. Así mesmo, poden presentarse electronicamente, xunto cos documentos que deban acompañalas, nos termos establecidos pola lexislación que regula o acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos. En tal caso, as comunicacións e resolucións da Administración tramitaranse do mesmo xeito.

Artigo 7. Información e consulta previa

1. Consonte o previsto na lexislación do procedemento administrativo común, as persoas interesadas teñen dereito a obter información e orientación sobre os requisitos xurídicos ou técnicos que as disposicións vixentes impoñan aos proxectos, actuacións ou solicitudes que se propoñan realizar no ámbito de aplicación deste regulamento.

2. Para facer efectivo o dereito previsto no punto anterior, os concellos e a Administración autonómica, no ámbito das súas respectivas competencias, difundirán a través do portal elctrónico de comunicacións previas e licenzas municipais e, no caso da Administración autonómica, da sede electrónica da Xunta de Galicia a información sobre os requisitos exixidos e os trámites que as persoas interesadas deberán formalizar para o inicio das actividades e a apertura dos establecementos aos cales lles resulta de aplicación este regulamento.

3. Así mesmo, as persoas interesadas poden formular consultas por escrito ou electronicamente á Administración competente sobre os requisitos exixidos e os trámites que deberán formalizar para o inicio dunha determinada actividade ou para a apertura dun determinado establecemento. Coa solicitude achegaranse cantos datos e documentos permitan identificar claramente a información requirida.

As consultas serán contestadas no prazo máximo dun mes. A resposta que se emita non terá carácter vinculante.

Artigo 8. Instrucións técnicas de aplicación

1. Se xorden discrepancias de interpretación entre os distintos servizos dunha mesma Administración sobre o réxime aplicable ás actividades e actos incluídos no ámbito de aplicación deste regulamento e esas discrepancias exceden do simple labor de interpretación xurídico ao abeiro do previsto nas regras de aplicación das normas xurídicas e a interpretación das normas urbanísticas, sectoriais ou ambientais, poderá instarse de oficio a elaboración dun criterio interpretativo que solucione a discrepancia detectada, no marco do disposto na normativa básica do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A unidade que detecte o problema ou requira a decisión elaborará un informe, ditame ou proposta de xeito sucinto e concreto, que recolla as epígrafes de consulta ou problema, normativa afectada e proposta, de ser o caso, e dará traslado do documento para a súa posterior tramitación.

3. O órgano competente para aprobar o criterio interpretativo será aquel superior xerárquico a quen corresponda resolver por razón da materia obxecto da interpretación.

4. Os criterios interpretativos así establecidos terán efectos fronte a todos os servizos da Administración respectiva desde a data da resolución e, unha vez aprobados, serán comunicados aos diferentes servizos e inseridos no portal electrónico de comunicacións previas e licenzas municipais e, no caso da Administración autonómica, na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. As persoas interesadas poderán solicitar do concello correspondente a emisión de criterios interpretativos en relación coa aplicación das determinacións da normativa municipal vixente, para o que seguirán o procedemento establecido nos números 2, 3 e 4 deste artigo.

TÍTULO II Exercicio de actividades económicas e apertura de establecementos destinados a estas

CAPÍTULO I Réxime de comunicación previa

Artigo 9. Actividades e establecementos suxeitos

1. A instalación, implantación ou exercicio de calquera actividade económica, empresarial, profesional, industrial ou comercial no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a apertura dos establecementos destinados a este tipo de actividades, require a presentación por parte da persoa titular da actividade dunha comunicación previa co contido previsto neste regulamento ante o concello en que se pretenda desenvolver a actividade ou abrir o establecemento.

2. Cando a actividade se exerza nun só establecemento, bastará unha única comunicación previa por actividade e persoa titular desta. Noutro caso, deberá presentarse unha comunicación por establecemento.

3. Dentro das actividades que hai que incluír neste título compréndense as actividades desenvoltas, entre outras, por entidades sen ánimo de lucro e entidades públicas, así como a posta en funcionamento de equipamentos públicos.

4. Cando no presente título se empregue a expresión actividades debe entenderse que se refire, en sentido amplo, a todas as actividades económicas, empresariais, profesionais, industriais ou comerciais.

Artigo 10. Excepcións

Exceptúanse do establecido no punto primeiro do artigo anterior:

a) O exercicio de actividades e a apertura de establecementos sometidos a outro réxime de intervención administrativa pola normativa sectorial que resulte de aplicación.

b) O exercicio de actividades que non estean vinculadas a un establecemento físico.

Artigo 11. Contido

1. A comunicación previa deberá estar asinada polos interesados e conterá os seguintes datos e documentos:

a) Os datos identificativos da persoa física ou xurídica titular da actividade ou do establecemento e, de ser o caso, de quen a represente, así como un enderezo para efectos de notificacións.

b) Unha memoria explicativa da actividade que se pretenda realizar que detalle os seus aspectos básicos, a súa localización e o establecemento ou establecementos onde se vai desenvolver.

c) O xustificante do pagamento dos tributos municipais que resulten preceptivos.

d) Unha declaración da persoa titular da actividade ou do establecemento, de ser o caso, subscrita por técnico competente, de que se cumpren todos os requisitos para o exercicio da actividade e de que o establecemento reúne as condicións de seguridade, salubridade e as demais previstas no plan urbanístico.

e) O proxecto e a documentación técnica que resulte exixible segundo a natureza da actividade ou instalación. Para estes efectos, enténdese por proxecto o conxunto de documentos que definen as actuacións que se van desenvolver, co contido e detalle que lle permita á Administración coñecer o obxecto delas e determinar o seu axuste á normativa urbanística e sectorial aplicable, segundo o regulado na normativa de aplicación. O proxecto e a documentación técnica serán redactados e asinados por persoa técnica competente.

f) A autorización ou declaración ambiental, de ser o caso.

g) As demais autorizacións e informes sectoriais que sexan preceptivos.

h) De ser o caso, o certificado de conformidade emitido polas entidades de certificación de conformidade municipal previstas neste regulamento.

2. Se para o desenvolvemento da actividade ou a apertura do establecemento é precisa a realización dunha obra, a documentación anterior presentarase coa comunicación previa prevista na normativa urbanística ou coa solicitude de licenza de obra, para os efectos do establecido no artigo 13 deste regulamento. Logo de rematar a obra, presentarase comunicación previa para o inicio da actividade ou a apertura do establecemento sen máis requisitos que os datos de identificación da persoa titular e a referencia da comunicación previa ou a licenza urbanística que amparou a obra realizada e o certificado final de obra asinado por técnico competente, así como cando proceda o certificado acústico.

Artigo 12. Efectos

1. A presentación dunha comunicación previa que cumpra os requisitos establecidos neste regulamento habilita desde o mesmo momento da dita presentación para o inicio da actividade ou a apertura do establecemento a que esta se refira, salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros. A referida presentación non constitúe unha autorización administrativa tácita, senón unicamente a transmisión da información correspondente para efectos do coñecemento municipal e de posibilitar a intervención mediante o control posterior, sen prexuízo das facultades de inspección ordinaria.

2. Non obstante, cando a actividade requira a execución de obras ou instalacións, non se poderán iniciar ou desenvolver as actividades ata que estean as obras ou instalacións totalmente finalizadas e se presente a comunicación previa de inicio ou desenvolvemento da actividade acompañada coa documentación indicada neste regulamento.

3. O erro por parte da persoa titular da actividade na cualificación do escrito presentado non impedirá que produza os efectos previstos neste artigo, sempre que se deduza o seu verdadeiro carácter e conteña todos os datos e documentos previstos no artigo anterior.

4. A persoa titular da actividade é responsable do mantemento no tempo dos requisitos que a actividade tiña que cumprir cando se presentou a comunicación previa, así como da adaptación aos novos requisitos que posteriores normativas establezan.

Artigo 13. Obras destinadas ao desenvolvemento dunha actividade

1. Cando a obra teña por obxecto o desenvolvemento dunha actividade, consignarase expresamente esa circunstancia e, xunto coa comunicación previa ou a solicitude de licenza de obra, de ser o caso, poñeranse en coñecemento da Administración municipal os datos identificativos e achegarase a documentación prevista no artigo 11 deste regulamento.

2. Nos casos previstos neste artigo, as facultades municipais de comprobación, control e inspección exerceranse en primeiro lugar en relación coa actividade a que vaia destinada a obra, e debe suspenderse toda actuación administrativa en relación con esta última entrementres a persoa interesada non acredite debidamente o cumprimento dos requisitos legais para o exercicio da actividade, nos seguintes termos:

a) Se o réxime aplicable á obra é o de comunicación previa urbanística e a Administración municipal formula requirimento á persoa interesada para emendar os incumprimentos ou deficiencias detectados na documentación ou nos requisitos relativos á actividade dentro do prazo de quince días, ese prazo quedará en suspenso desde a notificación do requirimento ata a acreditación da emenda dos incumprimentos ou deficiencias e a comunicación previa urbanística relativa á obra non terá eficacia mentres non se produza o restablecemento do cómputo do devandito prazo e o total cumprimento deste.

b) Se o réxime aplicable á obra é o de licenza urbanística e se formula requirimento á persoa interesada para emendar os incumprimentos ou deficiencias detectados na documentación ou nos requisitos relativos á actividade, o procedemento de outorgamento da licenza e o prazo de resolución deste quedarán en suspenso desde a notificación do requirimento ata a acreditación da emenda dos incumprimentos ou deficiencias, sen prexuízo da eventual aplicación das normas da lexislación do procedemento administrativo común sobre caducidade dos procedementos iniciados por solicitude de persoa interesada por paralización destes por causa imputable á persoa interesada.

Artigo 14. Publicidade

1. No caso da apertura de establecementos, unha copia selada da comunicación previa deberá expoñerse nun lugar visible e de fácil acceso destes.

2. Sen prexuízo do previsto no punto anterior, a persoa titular da actividade deberá dispor dunha copia selada da comunicación previa e exhibila cando llo requira unha inspección administrativa ou calquera persoa para a cal se realice a actividade.

Artigo 15. Procedemento de verificación

1. Unha vez recibida unha comunicación previa, o concello verificará de oficio:

a) A súa propia competencia.

b) Se se trata do medio de intervención legalmente indicado para a actividade ou o establecemento.

c) Se a comunicación previa contén os datos e a documentación exixidos por este regulamento.

2. Se o concello considera que non lle corresponde a competencia para a recepción da comunicación previa ou que a actividade ou establecemento a que se refire a comunicación previa está sometido a outro réxime de intervención administrativa, iniciará de oficio o procedemento de declaración de ineficacia desta.

3. Se os datos ou a documentación presentados coa comunicación previa están incompletos ou teñen calquera outra deficiencia emendable, o concello concederá á persoa que a presentou un prazo de reparación de dez días.

Se as deficiencias detectadas son inemendables ou non se emenden no prazo outorgado, iniciarase de oficio o procedemento de declaración de ineficacia da comunicación previa.

4. En todos os supostos previstos nos puntos anteriores, o órgano competente para declarar a ineficacia da comunicación previa poderá adoptar medidas provisionais para a protección dos intereses públicos e de terceiras persoas, incluído o cesamento do exercicio da actividade ou o pechamento do establecemento, nos termos establecidos pola lexislación do procedemento administrativo común.

5. Se a deficiencia detectada é un erro na cualificación do escrito presentado que, consonte o previsto no punto terceiro do artigo 12, non impide a súa eficacia como comunicación previa, notificarase á persoa titular da actividade esta circunstancia para o efecto de que teña coñecemento de que cumpre os requisitos administrativos para o exercicio da actividade ou a apertura do establecemento.

6. Esta actuación de verificación será potestativa naqueles supostos en que a documentación achegada inclúa un certificado de conformidade emitido polas entidades de certificación de conformidade municipal previstas neste regulamento.

7. As actuacións de verificación non exixen en ningún caso unha resolución ou acto administrativo nos supostos de que os datos e a documentación presentada estivesen completos. En caso contrario actuarase segundo o establecido nos parágrafos anteriores.

Artigo 16. Actuacións de control

1. Ademais do previsto no artigo anterior, o concello pode realizar en calquera momento, de oficio ou por solicitude de persoa interesada, as actuacións de inspección e control da actividade ou do establecemento que sexan necesarias para comprobar o cumprimento dos requisitos establecidos pola normativa que resulte de aplicación.

2. As actuacións de inspección de oficio serán obxecto de planificación por parte dos concellos.

3. As solicitudes de comprobación obrigan o concello a notificar o resultado da actuación de inspección e control realizada á persoa solicitante e á persoa titular da actividade ou do establecemento, no prazo que estableza a ordenanza prevista no artigo 4 deste regulamento ou, na súa falta, no prazo máximo de tres meses.

4. A acta de comprobación que documente o resultado da actividade de inspección e control sinalará expresamente se se cumpren os requisitos para o exercicio da actividade e, de ser caso, a apertura do establecemento.

5. No suposto de que os requisitos non se cumpran, sinalaranse os concretos incumprimentos ou deficiencias detectados e concederase á persoa titular da actividade un prazo de emenda, sempre que aqueles fosen emendables. O órgano competente para declarar a ineficacia da comunicación previa pode adoptar medidas provisionais para a protección dos intereses públicos e de terceiras persoas, incluído o cesamento do exercicio da actividade ou o pechamento do establecemento, nos termos establecidos pola lexislación do procedemento administrativo común.

6. A corrección dos incumprimentos ou deficiencias detectados no prazo de emenda mencionado no punto anterior declararase por resolución administrativa que se notificará á persoa titular da actividade e, de ser o caso, á persoa que solicitase a comprobación, no prazo que estableza a ordenanza prevista no artigo 4 ou, na súa falta, no prazo máximo dun mes desde o vencemento do prazo de emenda.

7. O transcurso do prazo de emenda sen que se corrixan os incumprimentos ou deficiencias detectados ou o carácter inemendable destes dará lugar á iniciación de oficio do procedemento de declaración de ineficacia da comunicación previa, sen prexuízo das responsabilidades sancionadoras que procedan, as cales se exixirán a través do correspondente procedemento sancionador.

Artigo 17. Causas de ineficacia

1. Son causas de ineficacia das comunicacións previas reguladas neste capítulo:

a) O incumprimento orixinario ou sobrevido dos requisitos legais a que estivese sometida a actividade ou o establecemento.

b) A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se achegase ou incorporase á comunicación previa.

c) A presentación da comunicación previa ante unha Administración incompetente para recibila ou cando a actividade ou establecemento estivese sometido a outro réxime de intervención administrativa.

d) O non exercicio da actividade no prazo de seis meses contado desde que a comunicación previa habilite para o exercicio desta, sen prexuízo da posibilidade de poder formular unha nova comunicación previa conforme a normativa vixente para o exercicio da actividade.

e) A interrupción da actividade durante un ano, contado desde a data en que se produciu esta interrupción, sen prexuízo da posibilidade de poder formular unha nova comunicación previa conforme a normativa vixente para o exercicio da actividade.

2. Para o efecto do establecido na alínea b) do punto anterior, entenderase por:

a) Inexactitude de carácter esencial: a falta de correspondencia coa realidade do contido de calquera dato, manifestación ou documento que se achegase ou incorporase á comunicación previa, sempre que as características reais da actividade ou do establecemento non se axusten aos requisitos legais a que estivese sometida a actividade ou o establecemento e non exista falsidade de carácter esencial de acordo co previsto na alínea seguinte.

b) Falsidade de carácter esencial: a introdución intencionada de elementos que non se correspondan coa realidade en calquera dato, manifestación ou documento que se achegase ou incorporase á comunicación previa, co fin de superar os controis administrativos previstos neste regulamento sen cumprir os requisitos legais a que estivese sometida a actividade ou o establecemento.

c) Omisión de carácter esencial, a ausencia de calquera dato, manifestación ou documento que fose preceptivo achegar ou incorporar á comunicación previa segundo o artigo 11 deste regulamento e a ordenanza prevista no artigo 4, e que sexa determinante para verificar o cumprimento dos requisitos normativos a que estivese sometida a actividade ou o establecemento.

Artigo 18. Procedemento de declaración de ineficacia

1. O procedemento de declaración de ineficacia iniciarase de oficio polo concello ante o que se presentou a comunicación previa. O órgano competente para resolver pode adoptar ou, de ser o caso, prorrogar as medidas provisionais necesarias para a protección dos intereses públicos e de terceiras persoas, incluído o cesamento do exercicio da actividade ou o pechamento do establecemento, nos termos establecidos pola lexislación do procedemento administrativo común.

2. No procedemento darase audiencia á persoa titular da actividade ou establecemento. Se a causa de ineficacia é emendable, no mesmo trámite concederase á persoa titular da actividade un prazo de emenda dos incumprimentos ou deficiencias detectados, salvo que xa se tivese concedido nun procedemento previo de verificación ou control ou se aprecie reiteración ou reincidencia no incumprimento. En ningún caso poderá considerarse emendable a falsidade de carácter esencial en calquera dato, manifestación ou documento que se achegase ou incorporase á comunicación previa.

Se se emenda a irregularidade no prazo de emenda concedido ou se acredita no trámite de audiencia que se emendou, o procedemento será sobresido.

3. A resolución será motivada e notificarase nos termos previstos pola lexislación do procedemento administrativo común no prazo máximo de tres meses, transcorrido o cal o procedemento caducará e deberán arquivarse as actuacións, de oficio o por solicitude da persoa interesada.

4. Se a causa de ineficacia é a presentación de comunicación previa ante unha Administración incompetente para recibila ou cando a actividade ou establecemento estivese sometido a outro réxime de intervención administrativa, a resolución indicará o procedemento de intervención aplicable e, de ser o caso, ante que Administración deberá tramitarse. Se se trata do propio concello, os datos e documentos achegados coa comunicación previa, se son pertinentes, incorporaranse á solicitude que eventualmente presente a persoa interesada se esta así o pide nela.

Artigo 19. Efectos da declaración de ineficacia

1. A declaración de ineficacia dunha comunicación previa impide, desde o momento da súa notificación á persoa titular da actividade ou do establecemento, o exercicio daquela ou a apertura deste.

2. Igualmente, comportará a iniciación de oficio das correspondentes actuacións de restablecemento da legalidade, que poderán determinar a obriga da persoa interesada de restituír a situación xurídica ao momento previo ao inicio da actividade ou á apertura do establecemento e a indemnización dos danos e perdas producidos a bens públicos.

3. Así mesmo, poderá determinar a inhabilitación da persoa interesada para presentar ante o concello unha nova comunicación previa para a mesma actividade ou establecemento durante un período de tempo determinado de entre tres meses e un ano. A inhabilitación establecerase, de ser o caso, na mesma resolución que declare a ineficacia da comunicación previa, e para a súa imposición valorarase motivadamente a existencia de reiteración ou reincidencia no incumprimento que dea lugar á declaración de ineficacia.

4. A declaración de ineficacia é independente das responsabilidades sancionadoras que procedan, as cales se exixirán a través do correspondente procedemento sancionador.

Artigo 20. Cambio de titularidade da actividade ou do establecemento

1. O cambio de titularidade da actividade ou do establecemento será comunicado por escrito pola nova persoa titular ao concello ante o que se presentou a comunicación previa ao inicio da actividade ou á apertura do establecemento.

2. Na comunicación do cambio de titularidade bastará incluír os datos identificativos da nova persoa titular, acompañados da referencia do título habilitante inicial e, de ser o caso, dos que se tramitaron para posteriores cambios de titularidade ou modificacións da actividade ou do establecemento.

3. A responsabilidade do cumprimento dos requisitos administrativos a que estivese sometida a actividade ou o establecemento trasladarase á nova persoa titular a partir do momento en que o cambio de titularidade se fixese efectivo, con independencia da data en que se leve a cabo a comunicación do cambio de titularidade prevista neste artigo. En caso de que a nova persoa titular non presente a devandita comunicación, a anterior persoa titular eximirase de toda responsabilidade se acredita ante a Administración o cambio de titularidade por calquera medio admisible en dereito.

Artigo 21. Modificacións da actividade ou do establecemento

1. A persoa titular da actividade debe poñer en coñecemento do órgano competente, cando se produza, calquera cambio relativo ás condicións ou ás características da actividade ou do establecemento, incluídas as modificacións que se realicen, de acordo co previsto polo punto cuarto do artigo 12, para a súa adaptación aos novos requisitos que posteriores normativas establezan.

2. É necesaria unha nova comunicación previa co contido establecido polo artigo 11 nos seguintes casos:

a) Modificación da clase de actividade.

b) Cambio de localización, sen prexuízo do disposto na alínea b) do artigo 10.

c) Reforma substancial dos locais ou instalacións.

3. Tamén é necesaria unha nova comunicación previa cando se pretenda realizar calquera cambio que implique unha variación que afecte a seguridade, salubridade ou perigosidade do establecemento. Neste caso coa comunicación previa só haberá que achegar os datos e documentos vinculados especificamente ao cambio proxectado.

Artigo 22. Actividades económicas e establecementos promovidos por administracións públicas

1. As actividades e establecementos destinados a estas que promovan órganos das administracións públicas ou entidades de dereito público quedan suxeitos ao réxime de control municipal establecido neste capítulo, agás nos casos en que estean expresamente exceptuados pola lexislación que lles resulte de aplicación.

2. As actividades e establecementos municipais entenderanse autorizadas polo acordo de aprobación do órgano competente do concello, logo da acreditación no expediente do cumprimento dos requisitos exixidos para o exercicio da actividade e, de ser o caso, a apertura do establecemento.

Artigo 23. Restablecemento da legalidade no caso de exercicio de actividades económicas ou apertura de establecementos sen presentación de comunicación previa

Fóra dos casos previstos nos artigos 10 e 22, o exercicio dunha actividade económica ou a apertura dun establecemento sen a presentación ante o concello da comunicación previa regulada neste capítulo obriga a aquel a adoptar, de oficio ou por solicitude de calquera persoa, as medidas necesarias para o restablecemento da legalidade, sen prexuízo das responsabilidades sancionadoras que procedan.

CAPÍTULO II Avaliación de incidencia ambiental

Artigo 24. Actividades suxeitas

As actividades ás cales non lles resulte de aplicación a normativa sobre avaliación de impacto ambiental e que estean incluídas no anexo da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, someteranse a avaliación de incidencia ambiental previamente á comunicación a que fai referencia o capítulo anterior.

Artigo 25. Solicitude

1. Toda persoa física ou xurídica que desexe desenvolver unha actividade comprendida no anexo da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, debe solicitar a emisión de declaración de incidencia ambiental perante o órgano correspondente da consellería competente en materia de ambiente, denominado no sucesivo órgano ambiental.

2. A solicitude de declaración de incidencia ambiental conterá os seguintes datos e documentos:

a) Os datos identificativos da persoa física ou xurídica titular da actividade e, de ser o caso, de quen a represente, así como un enderezo para efectos de notificacións.

b) Unha memoria descritiva, de ser o caso, asinada por persoal técnico competente, na cal se detallen:

1º. Os aspectos básicos relativos á actividade, á súa localización e repercusións no ambiente.

2º. Os tipos e as cantidades de residuos, verteduras e emisións xerados pola actividade, e a xestión prevista para eles.

3º. Os riscos ambientais que poidan derivar da actividade.

4º. A proposta de medidas preventivas, correctoras e de autocontrol da incidencia ambiental.

5º. As técnicas de restauración do medio afectado e o programa de seguimento da área restaurada nos casos de desmantelamento das instalacións ou cesamento da actividade.

6º. Os datos que ao xuízo da persoa solicitante gozan de confidencialidade amparada na normativa vixente.

c) Proxecto técnico redactado por persoa técnica competente na materia, de ser o caso.

3. O modelo para a solicitude de declaración de incidencia ambiental establécese no anexo II.

4. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Administración autonómica, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Administración autonómica.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa básica do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento administrativo e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa básica do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa básica do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 26. Información pública

Logo da presentación da solicitude, o órgano ambiental inserirá a memoria presentada no taboleiro do portal da consellería competente en materia de ambiente co fin de que as persoas interesadas poidan formular observacións ou alegacións en relación coas repercusións ambientais da actividade durante o prazo de quince días.

Artigo 27. Consultas a administracións públicas e outras entidades

1. Simultaneamente ao previsto no artigo anterior, o órgano ambiental consultará as administracións públicas afectadas. A consulta pódese ampliar a outras persoas físicas ou xurídicas públicas ou privadas vinculadas á protección do ambiente.

2. A comunicación ou notificación da consulta indicará o prazo en que se deberán remitir, de ser o caso, as observacións e alegacións. Este prazo non pode exceder os quince días. Os informes solicitados e non recibidos no prazo estipulado entenderanse como favorables e poderase continuar o procedemento.

3. Se o concello emite informe de non compatibilidade do proxecto co plan urbanístico, o órgano ambiental ditará resolución motivada que poña fin ao procedemento e arquivará as actuacións.

4. As consultas previstas no presente artigo poderán efectuarse por medios electrónicos.

Artigo 28. Emisión da declaración de incidencia ambiental

1. Logo de realizar os trámites sinalados nos artigos anteriores, a persoa titular do órgano ambiental emitirá a declaración de incidencia ambiental que proceda e establecerá, de ser o caso, as medidas preventivas, correctoras ou de restauración que se deberán observar na implantación, desenvolvemento e cesamento da actividade.

2. A declaración de incidencia ambiental debe ser emitida e notificada á persoa solicitante no prazo máximo de dous meses desde a presentación da solicitude. A declaración seralles notificada tamén ás persoas interesadas que formulasen alegacións e comunicada ao concello onde se prevexa implantar a actividade.

3. Se se supera o prazo previsto no punto anterior sen que a declaración se notifique á persoa solicitante, esta entenderase favorable e aquela quedará vinculada polas medidas preventivas, correctoras e de restauración recollidas na memoria presentada coa solicitude. O concello perante o que se pretenda facer valer a declaración favorable obtida por silencio poderá dirixirse ao órgano ambiental para que o informe do resultado do procedemento, e este debe emitir o informe no prazo máximo de quince días.

Artigo 29. Efectos

1. A declaración de incidencia ambiental pon fin á vía administrativa e ten efectos vinculantes para a autoridade municipal.

2. Obtida a declaración de incidencia ambiental, presentarase a comunicación previa regulada no capítulo anterior perante o concello respectivo. Coa comunicación achegaranse, ademais dos datos e documentos previstos no artigo 11, os seguintes documentos:

a) Copia do proxecto da obra ou actividade asinada por persoa técnica responsable.

b) Declaración de incidencia ambiental.

c) Certificación das persoas técnicas facultativas que autoricen o proxecto de que este cumpre coa normativa técnica de aplicación.

3. Carecerá de validez e eficacia, para todos os efectos, a comunicación previa relativa a un proxecto que non se axuste ao determinado na declaración de incidencia ambiental.

Artigo 30. Vixilancia e réxime sancionador

1. Sen prexuízo das competencias atribuídas á Administración autonómica, correspóndelle ao concello a vixilancia e o seguimento do cumprimento das condicións establecidas na declaración de incidencia ambiental, nos termos establecidos polos artigos 15 e 16 deste regulamento.

2. O incumprimento das obrigas establecidas na declaración de incidencia ambiental ou das medidas preventivas, correctoras e de restauración recollidas na memoria presentada coa solicitude nos casos de silencio positivo sancionarase, cando proceda, de conformidade co disposto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, sen prexuízo das responsabilidades civís, penais ou doutra orde que procedan.

Artigo 31. Modificacións das actividades sometidas a declaración de incidencia ambiental

1. Están tamén sometidas a declaración previa de incidencia ambiental as modificacións substanciais das actividades sometidas a este réxime de intervención administrativa.

2. Considéranse substanciais as modificacións das instalacións ou procesos vinculados á actividade de cuxa realización derive a superación dos seguintes limiares:

a) O incremento superior ao 50 % da capacidade produtiva da instalación.

b) O incremento superior ao 50 % das materias primas empregadas no proceso produtivo.

c) O incremento do consumo de auga ou enerxía superior ao 50 %.

d) O incremento superior ao 25 % das emisións de contaminantes atmosféricos ou a implantación de novos focos de emisión catalogados.

e) O incremento superior ao 50 % da vertedura de augas residuais.

f) A produción de residuos perigosos ou o incremento do 25 % do seu volume no caso de estaren inicialmente previstos.

g) O incremento nun 25 % dalgún dos contaminantes emitidos ou da suma do total destes.

h) A incorporación ao sistema de produción de substancias perigosas, reguladas polo Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, ou o seu aumento por riba do 25 %.

3. A aplicación dos limiares sinalados no punto anterior ten carácter acumulativo durante todo o tempo de desenvolvemento da actividade.

4. Nas modificacións das actividades que non teñan a consideración de substanciais observarase o previsto no punto primeiro do artigo 21.

TÍTULO III Espectáculos públicos e actividades recreativas

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 32. Definicións

De acordo co establecido polo artigo 39 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, para os efectos do presente regulamento establécense as seguintes definicións:

a) Espectáculos públicos: as representacións, exhibicións, actuacións, proxeccións, competicións ou audicións de concorrencia pública, de carácter artístico, cultural, deportivo ou análogo.

b) Actividades recreativas: aquelas que ofrecen ao público, espectadores ou participantes, actividades, produtos ou servizos con fins de recreo, entretemento ou lecer.

Artigo 33. Actividades e establecementos sometidos ao réxime de comunicación previa

A organización de espectáculos públicos e actividades recreativas e a apertura dos establecementos destinados a estes cando estean sometidos ao réxime de comunicación previa axustaranse ao establecido no título II deste regulamento sen prexuízo do disposto na Lei do emprendemento e da competividade económica de Galicia.

CAPÍTULO II Réxime de licenza municipal ou autorización

Artigo 34. Solicitude

1. A solicitude de licenza municipal será presentada polas persoas encargadas da organización do espectáculo público ou da actividade recreativa, ou pola persoa titular do establecemento, perante o concello onde se pretenda desenvolver o espectáculo ou actividade, ou abrir o establecemento, con anterioridade ao inicio da actividade ou á apertura do local.

2. A solicitude de licenza conterá os datos e documentos que se prevén no artigo 42 da Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia e tramitarase e resolverase segundo o previsto nela.

TÍTULO IV Entidades de certificación de conformidade municipal

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 35 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 36 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 37 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 38 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 39 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

CAPÍTULO II Requisitos, comunicación previa e rexistro

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 40 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 41 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 42 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 43 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 44 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Artigo 45. Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Créase o Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia, dependente da consellería competente en materia de seguridade industrial.

2. O Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia terá carácter público. Garantirase aos concellos o acceso inmediato por medios electrónicos ao Rexistro para o efecto de comprobación dos datos de inscrición das entidades que emitan certificados de conformidade que se fagan valer ante eles ou colaboren no exercicio das competencias municipais de comprobación e inspección.

3. No Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia serán inscritas de oficio as entidades de certificación de conformidade municipal que presenten comunicación previa ao inicio da súa actividade perante a consellería competente en materia de seguridade industrial. Nas inscricións faranse constar os datos identificativos de cada entidade, as eventuais modificacións da habilitación administrativa con que conten para o exercicio da súa actividade e, de ser o caso, a perda de eficacia desta, así como todos os demais datos que se establezan regulamentariamente.

4. O réxime de organización e funcionamento do Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolverase mediante orde da consellería competente en materia de seguridade industrial.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 46 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 47 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 48 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 49 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 50 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 51 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 52 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 53 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 54 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 55 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 56 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 57 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 58 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 59 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 60 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 61 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 62 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 63 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 64 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 65 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

Decreto 60/2025, do 21 de xullo.

Artigo derrogado:Artigo 66 derrogado por disposición derrogatoria única apartado un.

TÍTULO V Normas subsidiarias de aplicación aos concellos

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 67. Obxecto

1. Estas normas subsidiarias teñen por obxecto establecer as disposicións necesarias para garantir a plena efectividade deste Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos (RIAE), que será de aplicación directa naqueles concellos que non teñan en vigor a ordenanza única de regulación integrada do exercicio das actividades e a apertura dos establecementos prevista no artigo 4.

2. Nos concellos que teñan en vigor a ordenanza mencionada no punto anterior, estas normas aplicaranse con carácter complementario, para suplir as indeterminacións e lagoas que aquela poida presentar.

Artigo 68. Ámbito de aplicación

Esta normas aplícanse:

a) Á instalación, implantación ou exercicio de calquera actividade económica, empresarial, profesional, industrial ou comercial no termo municipal e á apertura dos establecementos dedicados a este tipo de actividades.

b) Á organización e desenvolvemento de espectáculos públicos e actividades recreativas no termo municipal e á apertura dos establecementos públicos dedicados a este tipo de actividades.

Artigo 69. Medios de intervención administrativa

O concello pode intervir na actividade da cidadanía a través dos seguintes medios:

a) Ordenanzas e bandos.

b) Sometemento a licenza previa e outros actos de control preventivo, sen prexuízo das excepcións previstas na lexislación de aplicación.

c) Sometemento a comunicación previa de conformidade co establecido na lexislación de aplicación.

d) Sometemento a control posterior ao inicio da actividade, para o efecto de verificar e inspeccionar o cumprimento da normativa reguladora.

e) Ordes individuais constitutivas de mandato para a execución dun acto ou a súa prohibición.

Artigo 70. Definicións

Para o efecto da aplicación destas normas enténdese por:

a) Comunicación previa: o acto xurídico dunha persoa particular que, de acordo coa lei, habilita para o inicio da actividade ou a apertura do establecemento e, de ser o caso, para o inicio da obra ou instalación e faculta a Administración para verificar a conformidade dos datos recollidos nela.

b) Procedemento de verificación: o procedemento municipal de comprobación formal dos datos recollidos na comunicación previa e de integridade documental respecto daqueles documentos que deben achegarse xunto con esta nos termos legalmente establecidos.

c) Procedemento de control posterior: o procedemento municipal de inspección de actividades e establecementos para determinar a adecuación da actividade ou o establecemento á comunicación previa presentada e á normativa aplicable e o cumprimento dos requisitos materiais a que se atopan suxeitos.

d) Procedemento de declaración de ineficacia: o procedemento municipal incoado para a determinación da eficacia da comunicación previa presentada ante o incumprimento sobrevido das condicións da comunicación previa ou dos requisitos legais da actividade, inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, respecto dos datos, manifestacións ou documentos achegados coa comunicación previa, ou ante o erro na presentación de comunicación previa cando o concello non fose competente para recibila ou a actividade ou o establecemento estivese suxeita a outro medio de intervención administrativa.

e) Acta de comprobación: o documento de natureza pública que se expide co fin de recoller o resultado das actuacións de investigación e inspección nos supostos de actuacións sometidas a comunicación previa.

Artigo 71. Autorizacións sectoriais

Nas actuacións que, estando suxeitas a intervención municipal, precisen, ademais, de autorización ou comunicación a outra Administración consonte a normativa sectorial de aplicación, a dita autorización ou comunicación deberá achegarse ou xustificarse a súa presentación pola persoa interesada. No caso de non contar coa devandita autorización ou non terse presentado a correspondente comunicación, procederase de conformidade co sinalado no artigo 12, sen prexuízo da adopción das medidas cautelares que procedan.

Artigo 72. Servizos de asesoramento e información

1. Os servizos municipais informarán, asesorarán e orientarán de xeito individualizado as persoas interesadas sobre as condicións técnicas, xurídicas e procedementais que puidesen derivar en relación coas instalacións, actividades, establecementos ou obras que se pretendan levar a cabo no termo municipal.

2. Para garantir a dita obriga estableceranse dentro da organización e funcionamento municipal os procedementos de información xeral e atención cidadá, segundo o previsto na normativa reguladora do procedemento administrativo común, coas especialidades derivadas do réxime local.

Artigo 73. Consulta previa

1. Para garantir a axeitada presentación da comunicación previa regulada nestas normas, as persoas interesadas poden formular consultas por escrito para o inicio dunha determinada actividade, así como para a apertura dun determinado establecemento e dos trámites e procedementos que hai que desenvolver, se é o caso.

2. A consulta será contestada no prazo máximo de tres meses e para a súa adecuada emisión, xunto coa solicitude, deberán achegarse cantos datos e documentos permitan identificar claramente a información requirida. A resposta que se emita non terá carácter vinculante.

Artigo 74. Instrucións técnicas de aplicación

1. De xurdir discrepancias de interpretación entre os distintos servizos municipais sobre o réxime aplicable aos actos e actividades regulados nestas normas, que excedan o simple labor de interpretación xurídica ao abeiro do previsto nas regras de aplicación das normas xurídicas e a interpretación das normas urbanísticas, sectoriais ou ambientais, poderá instarse de oficio a elaboración dun criterio interpretativo que solucione a discrepancia detectada, no marco do disposto na normativa básica do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A unidade que detecte o problema ou requira a decisión elaborará un informe, ditame ou proposta de xeito sucinto e concreto, que recolla as epígrafes de consulta ou problema, normativa afectada e proposta, de ser o caso, e dará traslado do documento para a súa posterior tramitación.

3. O órgano competente para aprobar o criterio interpretativo será aquel a quen corresponda resolver por razón da materia obxecto da interpretación.

4. Os criterios interpretativos así resoltos terán efectos fronte a todos os servizos municipais desde a data da resolución e, unha vez aprobados, serán notificados aos diferentes servizos municipais e inseridos na sede electrónica municipal.

CAPÍTULO II Exercicio de actividades económicas e apertura de establecementos dedicados a estas. Comunicacións previas

Artigo 75. Presentación

1. A presentación da comunicación previa debe realizarse nos termos indicados no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, sen prexuízo da determinación nas presentes normas de documentación complementaria que hai que achegar con ela.

2. A documentación referida no punto anterior pode ser presentada en calquera dos rexistros e oficinas recollidos na normativa básica do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 76. Efectos

1. A presentación dunha comunicación previa, que cumpra os requisitos establecidos na regulación vixente, habilita desde o mesmo momento da dita presentación para o inicio da actividade ou a apertura do establecemento a que se refira ou a data que sinale expresamente a persoa interesada nela.

A referida presentación non constitúe unha autorización administrativa tácita, senón unicamente a transmisión da información correspondente para os efectos do coñecemento municipal e de posibilitar a intervención mediante o control posterior, sen prexuízo das facultades de inspección ordinaria.

2. A presentación dunha comunicación previa produce efectos entre a persoa titular da actividade ou o establecemento e o concello, salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros. En ningún caso altera as situacións xurídicas privadas entre aquela e as demais persoas.

Artigo 77. Cambios de titularidade da actividade ou do establecemento

1. O cambio de titularidade da actividade ou do establecemento deberá comunicarse por escrito ao concello nos termos sinalados no seguinte punto.

2. Na comunicación do cambio de titularidade bastará incluír os datos identificativos da nova persoa titular, acompañados da referencia do título habilitante inicial e, de ser o caso, dos que se tramitasen para posteriores cambios de titularidade ou modificacións da actividade ou do establecemento.

3. A responsabilidade do cumprimento dos requisitos administrativos a que estivese sometida a actividade ou o establecemento trasladarase á nova persoa titular a partir do momento en que o cambio de titularidade se fixese efectivo, con independencia da data en que se leve a cabo a comunicación do cambio de titularidade prevista neste artigo. En caso de que a nova persoa titular non presente a devandita comunicación, a anterior persoa titular eximirase de toda responsabilidade se acredita ante a Administración o cambio de titularidade por calquera medio admisible en dereito.

Artigo 78. Procedemento de verificación

1. O control exercido a través do procedemento de verificación, tal e como se define no artigo 4, non prexulgará o cumprimento material dos requisitos exixidos para o acceso á actividade de servizos, así como a adecuación do establecemento físico á normativa aplicable, nin limitará as potestades administrativas de inspección, control e sanción, así como cantas resulten atribuídas ao concello pola normativa de aplicación.

2. A presentación da comunicación previa comportará o exame dos seguintes aspectos:

a) A competencia da Administración para a recepción da comunicación.

b) A adecuación do medio de intervención utilizado para a actividade ou establecemento obxecto da comunicación.

c) A integridade documental da comunicación previa, desde un punto de vista formal, de inclusión de cantos datos e documentos veñan exixidos pola normativa.

3. Cando do exame formal da documentación resultase que é incompleta, errónea ou incorrecta, comunicarase á persoa interesada e outorgaráselle para tal efecto un prazo mínimo de dez días para a súa subsanación. O requirimento, que sinalará os concretos incumprimentos ou deficiencias detectados, poderá comportar a adopción de medidas provisionais para a protección dos intereses públicos e de terceiras persoas, incluído o cesamento do exercicio da actividade ou o pechamento do establecemento, nos termos establecidos pola lexislación do procedemento administrativo común.

4. O dito requirimento advertirá da imposibilidade de continuar co exercicio da actividade afectada se transcorre o prazo afectado sen emendar as deficiencias observadas, sen prexuízo das responsabilidades penais, administrativas ou civís que puidesen derivar.

5. No suposto de terse adoptado medidas provisorias de suspensión da actividade, a presentación da correspondente emenda e a resolución administrativa que poña fin a estas medidas permitirá o restablecemento da actividade.

6. Para o caso de detectarse deficiencias inemendables na documentación presentada, incoarase o correspondente procedemento de declaración de ineficacia da comunicación previa.

Artigo 79. Erro na cualificación do documento

1. O erro por parte da persoa titular da actividade na cualificación do escrito presentado non impedirá que produza os efectos previstos neste artigo, sempre que se deduza o seu verdadeiro carácter e conteña todos os datos e documentos exixidos pola normativa aplicable.

2. A presentación de comunicación previa para o exercicio de actividades ou apertura de establecementos suxeitos a licenza previa dará lugar á tramitación do correspondente procedemento de declaración de ineficacia.

Artigo 80. Informes municipais

Á vista da documentación achegada, os servizos municipais emitirán os informes técnicos e xurídicos consonte a normativa aplicable.

Artigo 81. Subrogación da persoa titular

Durante a tramitación do procedemento poderá producirse a subrogación de nova persoa titular do establecemento ou da actividade, sempre que se acredite a conformidade da persoa titular inicial. A tramitación do expediente continuará a nome da nova persoa titular, no estado de tramitación en que se atopaba no momento de producirse a subrogación.

CAPÍTULO III Inspección e control posterior

Sección 1ª. Actuacións de inspección e control posterior

Artigo 82. Ámbito de aplicación

1. Todas as actuacións incluídas no ámbito de aplicación destas normas quedan suxeitas á acción inspectora municipal, que pode ser exercida en calquera momento. Para tal efecto, o concello velará polo cumprimento dos requisitos aplicables segundo a lexislación de aplicación. Estará facultado para investigar e inspeccionar as instalacións, establecementos, obras e actividades co obxecto de comprobar o cumprimento das condicións de funcionamento e a adecuación á normativa vixente e cantos requisitos correspondan, no marco da documentación presentada xunto coa comunicación previa.

2. O persoal municipal adscrito á inspección e vixilancia de actividades e establecementos, no exercicio das súas funcións, terá a consideración de axente da autoridade e gozará do estatuto recollido na lexislación urbanística.

3. As persoas interesadas teñen o deber de cooperación para a comprobación da adecuación das obras e actividades á normativa aplicable.

4. As actuacións de comprobación e inspección, así como de vixilancia e control, axustaranse ao disposto na lexislación sectorial, así como ás prescricións destas normas. Malia o anterior, no marco das competencias municipais poderá requirirse, en calquera momento, a presentación da documentación acreditativa do cumprimento dos aspectos cuxo cumprimento resulte exixible de acordo coa normativa de aplicación.

O control realizado posteriormente á presentación da comunicación previa levarano a cabo os servizos municipais no xeito que determine o plan de inspección aprobado polo concello, sen prexuízo da utilización de medios de colaboración pública, a través de fórmulas de colaboración interadministrativa, ou de medios de colaboración privada, a través das entidades de certificación de conformidade municipal.

5. A realización de visitas de inspección da actividade comporta a obriga de redactar unha acta de comprobación, sen prexuízo da tramitación, de ser o caso, dos correspondentes expedientes sancionadores ou de restablecemento da legalidade urbanística.

Artigo 83. Plan de inspección

O concello aprobará, coa periodicidade que se sinale e, en todo caso, con carácter bianual, o plan de inspección. O plan será elaborado polo departamento correspondente coa finalidade de articular, programar e racionalizar as inspeccións previstas nestas normas. O seu obxecto e conclusións teñen carácter público, e a concreción da programación será reservada.

En todo caso, así como en ausencia de plans de inspección, a inspección actuará de xeito preferente nos seguintes supostos:

a) Ante denuncias de particulares.

b) Nos expedientes referidos a actividades e establecementos que fosen obxecto de procedementos sancionadores.

c) Ante situacións de risco grave para o ambiente, seguridade, salubridade e, con carácter xeral, para as persoas ou os bens.

Artigo 84. Inicio do procedemento de inspección

O procedemento de inspección e control posterior pode iniciarse por calquera dos seguintes medios:

a) Denuncia dos servizos municipais.

b) Denuncia de terceiros.

c) De conformidade co plan de inspección municipal.

Artigo 85. Acta de comprobación

1. As actas de comprobación, configuradas como documento que se expide co fin de recoller o resultado das actuacións de investigación e inspección nos supostos de actuacións sometidas a comunicación previa, expediranse por duplicado e serán asinadas polo persoal inspector e, de ser o caso, polas persoas ante as cales se expidan. A achega de copia da acta equivale á súa notificación.

2. As actas redactaranse seguindo os modelos normalizados que para tal efecto se aproben por resolución do órgano competente.

Artigo 86. Contido da acta de comprobación

1. A expedición da correspondente acta de comprobación debe contar, polo menos, co seguinte contido mínimo:

a) Identificación do establecemento ou actividade.

b) Identificación da persoa titular ou, na súa falta, responsable.

c) Data de realización do control e identificación das persoas que efectúan o control.

d) Descrición das actuacións practicadas.

e) Descrición, de ser o caso, das modificacións que se observen nas instalacións, procesos e actividades respecto da documentación técnica presentada xunto coa comunicación previa.

f) Incumprimentos da normativa en vigor que se detecten como consecuencia da inspección.

g) Incidencias producidas durante a actuación de control.

h) Manifestacións realizadas pola persoa titular da actividade, sempre que solicite a súa constancia.

i) Sinatura das persoas asistentes ou identificación das que se negasen á sinatura.

Poderá achegarse tamén unha reportaxe fotográfica do local inspeccionado.

2. A sinatura da acta non implica a aceptación do seu contido nin da responsabilidade en que poida ter incorrido a persoa presuntamente infractora, excepto cando así se recoñecese expresamente na acta.

3. Para a mellor acreditación dos feitos recollidos nas actas de inspección, poden anexionarse a elas cantos documentos ou copias de documentos, públicos ou privados, planos, fotografías ou outros medios de constatación se consideren oportunos. A dita incorporación pode levarse a cabo con posterioridade á formalización da acta mediante informe complementario emitido para tal efecto.

Artigo 87. Resultados do control posterior

1. Efectuadas as actuacións de inspección no marco do procedemento de control posterior, os servizos municipais emitirán informe, que poderá ser:

a) Favorable, como consecuencia da comprobación da corrección da documentación técnica e o axuste da actividade a esta.

b) Con deficiencias, cando das deficiencias observadas a resultas da acta de inspección e, de ser o caso, dos informes técnicos que se emitan, derive a existencia de incumprimentos normativos corrixibles mediante a imposición de condicións para adaptar, completar ou eliminar aspectos que non requiran da elaboración de nova documentación técnica ou cando, de requirila, estas non comporten una modificación substancial, nos termos establecidos na lexislación de aplicación.

Transcorrido o prazo de emenda farase nova visita de inspección da cal se levantará a correspondente acta en que se determinará a corrección das condicións da actividade e, en consecuencia, ditarase resolución administrativa que declare conforme o control posterior da actividade. O prazo concedido pode ser obxecto de ampliación nos termos recollidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

c) Desfavorable, cando, como consecuencia dos informes técnicos emitidos, se poña de manifesto a existencia de incumprimentos normativos que excedan o sinalado na alínea anterior.

Neste caso notificarase o resultado do control á persoa interesada, indicándolle que deberá absterse de executar a actuación comunicada e concedéndolle un prazo de dez días con carácter previo á declaración de ineficacia da comunicación. Todo isto sen prexuízo da tramitación dos correspondentes procedementos de reposición da legalidade urbanística e sancionador.

A suspensión de natureza cautelar da actividade, na súa condición de acto de trámite cualificado, pode ser obxecto de recurso tanto na vía administrativa como na xudicial.

2. A finalización do procedemento de control posterior realizarase por resolución administrativa do órgano competente, que debe ser notificada á persoa titular da actividade ou do establecemento. A resolución recollerá o resultado do control efectuado, así como a imposición das medidas correctoras derivadas deste e a necesidade de iniciar, de ser o caso, o procedemento de declaración de ineficacia.

Artigo 88. Actuacións de comprobación por instancia de parte

1. As persoas interesadas poden solicitar do concello a realización dunha inspección de comprobación do local ou establecemento para efectos da comprobación da adecuación deste á normativa de aplicación e do cumprimento das condicións legais e técnicas da actividade.

2. A persoa solicitante deberá presentar no concello solicitude de comprobación en que constarán os seguintes datos:

a) Identificación do establecemento e actividade.

b) Identificación da persoa titular ou, de ser o caso, responsable desta.

c) Referencia da comunicación previa presentada para o inicio da actividade.

3. Recibida a solicitude, o concello deberá iniciar o correspondente procedemento de control posterior establecido no artigo anterior, fixando a realización das actuacións de inspección nun prazo máximo de tres meses, das cales se levantará a correspondente acta.

4. Como consecuencia das visitas de inspección, o concello ditará resolución en que se estableza a conformidade ou non do establecemento ou da actividade coa actuación comunicada e, de ser o caso, a incoación de procedemento de declaración de ineficacia, sen prexuízo da dedución de cantas responsabilidades resulten da tramitación do expediente.

Artigo 89. Suspensión da actividade

1. Toda actividade a que fan referencia estas normas pode ser suspendida, naqueles supostos de urxencia e gravidade, por non exercerse conforme os requisitos establecidos na normativa de aplicación, sen prexuízo das demais medidas provisionais que procedan de acordo coa normativa de aplicación e estas normas.

2. As denuncias que se formulen darán lugar á apertura das dilixencias correspondentes co fin de comprobar a veracidade dos feitos denunciados.

3. A resolución pola que se ordene a suspensión dos actos a que se refire o punto primeiro debe notificarse á persoa interesada e ten carácter inmediatamente executivo. Non é preceptivo para a adopción desta medida cautelar o trámite de audiencia previa, sen prexuízo de que no procedemento sancionador poidan presentarse as alegacións que se consideren pertinentes.

4. A suspensión cautelar da actividade, en canto acto de trámite cualificado, pode ser obxecto de recurso tanto en vía administrativa como xudicial.

Artigo 90. Reposición da legalidade

Se como resultado do control posterior resultase que a actividade ou obra inspeccionada non tivese cobertura na comunicación previa presentada, a acción administrativa de reposición da legalidade urbanística exercerase mediante os procedementos establecidos na lexislación urbanística, sen prexuízo das consecuencias sancionadoras que procederen.

Sección 2ª. Réxime sancionador

Artigo 91. Procedemento sancionador

1. O concello, no marco da normativa de aplicación, é competente para a incoación, instrución e resolución dos expedientes sancionadores pola comisión de infraccións establecidas no título III, capítulo V, da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

2. A potestade sancionadora exercerase ao abeiro do disposto na normativa básica do procedemento administrativo común das administracións públicas, na falta de normativa urbanística ou sectorial específica.

Artigo 92. Medidas provisionais

1. Iniciado o procedemento sancionador, poden adoptarse, de forma motivada, as medidas de carácter provisional que resulten necesarias para asegurar a eficacia da resolución e para evitar que se produzan ou manteñan no tempo os prexuízos derivados da presunta infracción. As medidas deben ser proporcionadas á natureza e gravidade das infraccións cometidas.

2. Así mesmo, poden adoptarse as medidas de execución forzosa previstas na lexislación do procedemento administrativo común, de conformidade co disposto nestas normas.

3. As medidas provisionais poden ser alzadas ou modificadas durante a tramitación do procedemento, de oficio ou por instancia de parte, en virtude de circunstancias sobrevidas ou que non puideron ser tidas en conta no momento da súa adopción. En todo caso, extinguiranse coa resolución que poña fin ao procedemento sancionador que corresponda.

Artigo 93. Veracidade da información achegada e cumprimento dos requisitos exixidos

1. O persoal técnico asinante das certificacións ou declaracións que se acheguen serán responsables da exactitude e da veracidade dos datos e determinacións técnicas contidos nelas.

2. As persoas titulares e promotoras serán responsables durante o desenvolvemento da actividade do cumprimento das determinacións contidas na documentación técnica consonte a cal foron concedidas as licenzas ou na documentación técnica anexa á comunicación previa, así como da efectiva implantación e cumprimento das condicións impostas pola Administración municipal ou outra autoridade competente.

3. De seren responsables das infraccións persoas técnicas que requiran colexiación para o seu exercicio profesional, os feitos poranse en coñecemento do correspondente colexio profesional para o efecto da adopción das medidas que se consideren procedentes.

Artigo 94. Responsabilidade penal e principio non bis in idem

1. Cando, con ocasión da incoación dun procedemento sancionador, se aprecien indicios de que determinados feitos puidesen ser constitutivos de delito ou falta, o órgano administrativo competente porá o dito feito en coñecemento da xurisdición penal ou do Ministerio Fiscal e absterase de seguir o procedemento mentres a autoridade xudicial non se pronuncie ao respecto.

2. De non terse estimado a existencia de delito ou falta, o órgano administrativo competente continuará a tramitación do procedemento administrativo. Malia o anterior, o dito procedemento quedará interrompido durante o tempo que duren as dilixencias penais, para o efecto do prazo previsto para a súa conclusión.

3. A tramitación das dilixencias penais interromperá os prazos de prescrición da infracción.

4. Non poderán sancionarse os feitos que fosen sancionados penal ou administrativamente nos casos en que se aprecie identidade de suxeito, feitos e fundamento.

5. En ningún caso poderá impoñerse máis dunha sanción polos mesmos feitos, sen prexuízo da exixencia das demais responsabilidades que se deduzan doutros feitos ou infraccións concorrentes.

CAPÍTULO IV Mellora e simplificación administrativa

Artigo 95. Modelos

O órgano municipal competente aprobará e manterá actualizados os modelos de solicitude de licenza e de comunicación previa, tanto en materia de actividades como as de natureza urbanística, que deberán ser publicados para o seu xeral coñecemento polo menos na páxina web municipal.

Artigo 96. Tramitación electrónica e portelo único das actividades de servizos

1. O concello deberá habilitar a correspondente canle electrónica para garantir ás persoas interesadas a presentación e tramitación da comunicación previa e a documentación exixida, así como as solicitudes das licenzas incluídas no ámbito de aplicación destas normas.

2. Así mesmo, o concello garantirá, dentro do ámbito das súas competencias e no marco da súa dispoñibilidade orzamentaria, que a cidadanía poida a través do portelo único obter a información e formularios necesarios para o acceso a unha actividade e o seu exercicio e coñecer as resolucións e o resto de comunicacións das autoridades competentes en relación coas súas solicitudes.

3. O concello adoptará as medidas necesarias e incorporará, no seu respectivo ámbito, as tecnoloxías precisas para garantir a interoperabilidade dos distintos sistemas.

Artigo 97. Simplificación administrativa

1. Os trámites e procedementos exixibles para o acceso ás actividades de servizos ou a apertura de establecementos deberán ser obxecto de avaliación e redeseño en clave de simplificación e redución de cargas administrativas.

2. Para tal efecto, os procedementos recollidos nestas normas poderán ser obxecto de modificación para garantir unha menor intervención administrativa, e débese garantir a supresión daqueles trámites:

a) Que estean duplicados.

b) Que supoñan un custo excesivo para a persoa que os deba realizar.

c) Que non sexan claros.

d) Que non sexan accesibles para a persoa que os deba realizar.

e) Que, de xeito inxustificado, poidan implicar atrasos no comezo do exercicio da actividade.

Artigo 98. Mellora na calidade dos servizos

1. O concello procurará implantar nos servizos encargados da tramitación das licenzas e recepción de comunicacións previas sistemas de mellora da calidade dos servizos, avaliando e publicando periodicamente os resultados obtidos.

2. Os servizos municipais referidos no punto anterior elaborarán estatísticas anuais que conteñan datos referentes ás ditas actuacións e todas cantas circunstancias poidan ser de interese para o efecto de garantir o libre acceso ás actividades de servizos. As estatísticas serán obxecto de publicidade mediante a súa inserción na sede electrónica municipal.

3. No caso de contar coa colaboración de entidades de certificación de conformidade municipal nas funcións de colaboración e control periódico, estas quedarán suxeitas ás mesmas obrigas de calidade.

Artigo 99. Colaboración con outras administracións públicas

Para o efecto de garantir o cumprimento das actividades recollidas no presente capítulo, o concello pode subscribir os correspondentes convenios de colaboración coa deputación provincial ou a Xunta de Galicia, sen prexuízo da utilización doutras fórmulas colaborativas que resulten acaídas á dita finalidade.

ANEXO I

Interpretación do tipo de industrias e instalacións incluídas nas epígrafes de actividades do anexo a que se refire no artigo 34 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Nota: os valores limiar mencionados en cada unha das actividades relacionadas na seguinte táboa refírense, con carácter xeral, a capacidades de produción ou a produtos elaborados. Se un mesmo titular realiza varias actividades da mesma categoría na mesma instalación, sumaranse as capacidades das ditas actividades.

[táboa]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia