lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo.

Publicado en: DOG 125 29/06/2007

Última modificación: 01/12/2017

Departamento: Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

Estado: Derrogada

PDF

Modificacións

A lingua constitúe un elemento básico de identidade cultural e representa un valor fundamental de cohesión nunha determinada comunidade.

O artigo 3 da Constitución establece, no seu punto 1, que o castelán é a lingua oficial do Estado, e, no punto 2, que as demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos, e sinala que a lingua é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5, define o galego como lingua propia de Galicia, que os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e que todos teñen o dereito de coñecelos e usalos. Así mesmo, establece que os poderes públicos de Galicia potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e que disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, de conformidade coas disposicións procedentes, garante a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego en todos os eidos da sociedade. O artigo 14 desta lei indica que ao remate do ensino obrigatorio se garantirá a igualdade de competencia lingüística nos dous idiomas oficiais. Nesta mesma liña, e desde unha perspectiva máis global, tamén se pronuncia a Carta europea de linguas rexionais e minoritarias de 1992, ratificada polo goberno do Estado español en 2001.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro do 2004, establece como un dos seus obxectivos xerais conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, e dálle prioridade á súa presenza en sectores estratéxicos.

Para conseguir estes fins, cómpre afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de normalización lingüística no tocante ao ensino, sen dúbida un sector fundamental para a implantación de hábitos lingüísticos en galego, e establecer unha nova regulamentación do galego que facilite o seu emprego de xeito progresivo e xeneralizado en todos os niveis e graos non universitarios. Neste sentido, cómpre reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, erradicando especialmente o seu emprego sexista en todos os ámbitos e respectando, así mesmo, a situación sociolingüística en que se enmarca cada centro.

A mobilidade do estudantado e do profesorado que caracteriza a nosa sociedade non debe constituír un obstáculo para alcanzar os obxectivos descritos, senón que debe ser compatible co mantemento da singularidade cultural de Galicia e da lingua propia no ensino.

O Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a Lei 3/1983 de normalización lingüística para a súa aplicación ao ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios, recoñece que a adquisición dunha competencia comunicativa en galego por parte do alumnado só se pode conseguir a través da utilización vehicular desta lingua nunha parte significativa do currículo. Este feito ten que se ver agora completado coa derrogación do citado decreto e a elaboración dunha nova normativa orientada á obtención dunha competencia axeitada do galego no ensino obrigatorio, co fin de propiciar a igualdade plena e efectiva entre as dúas linguas oficiais por parte de toda a poboación escolar garantindo igualmente a mesma competencia en ambas as dúas linguas.

Na súa virtude e por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, en uso das atribucións conferidas polos artigos 28.1º e 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de maio, do traballo en igualdade das mulleres, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de xuño de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1.º-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto desenvolve a Lei de normalización lingüística para a súa aplicación en todos os centros docentes públicos e privados que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 2º.-Uso da lingua galega na Administración educativa.

1. A Administración educativa de Galicia, os centros de ensino dependentes dela e o persoal ao seu servizo utilizarán, con carácter xeral, a lingua galega e fomentarán o seu uso oral e escrito tanto nas súas relacións mutuas e internas, como nas que manteñan coas administracións territoriais e locais galegas e coas demais entidades públicas e privadas de Galicia, sen que iso supoña unha restrición dos dereitos do persoal docente.

2. Os documentos administrativos da consellería competente en materia de educación e dos centros de ensino dependentes dela redactaranse, con carácter xeral, en galego, e neles constará, cando sexa o caso, o nome do centro e o topónimo do concello ou entidade de poboación na súa forma oficial.

3. As actuacións administrativas de réxime interno dos centros docentes, como actas, comunicados e anuncios, redactaranse, con carácter xeral, en galego, agás o referido a comunicacións con outras comunidades autónomas e cos órganos da Administración do Estado, radicados fóra da comunidade autónoma, nas que se utilizará o castelán. Ademais dos procedementos iniciados de oficio, tamén se redactarán en galego os procedementos tramitados por petición dos interesados, sen prexuízo do establecido no artigo 36.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º.-Plan de formación.

A consellería competente en materia de educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolverán un plan de formación, coa colaboración, se é o caso, doutras institucións, que garanta que todo o persoal dos centros educativos de Galicia e dos servizos de apoio cuxo persoal dependa da consellería teña un coñecemento dos aspectos sociolingüísticos do idioma e unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego.

Nesta planificación, que terá unha execución gradual, fixaranse prazos e etapas, e daráselles prioridade á situación e aos colectivos con máis carencias.

Artigo 4º.-Formación dos funcionarios e funcionarias en prácticas.

O persoal seleccionado nos procedementos selectivos de ingreso nos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, realizará durante a fase de prácticas un curso de formación específico de terminoloxía, estilos, linguaxes propias da especialidade e aspectos sociolingüísticos, que lle permita desenvolver correctamente en galego as súas funcións e tarefas.

Artigo 5º.-Concurso de traslados.

Para poder participar no concurso xeral de traslados a prazas en que é preceptivo impartir o ensino en lingua galega, o profesorado terá que acreditar a capacitación nesta, e deberá estar en posesión do curso de perfeccionamento de lingua galega, da súa validación ou títulos equivalentes.

Artigo 6º.-Horario da lingua galega.

1. Nas ensinanzas de réxime xeral e na educación de persoas adultas, recollidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, asignaráselle globalmente o mesmo número de horas ao ensino da lingua galega e da lingua castelá.

2. Nas clases de lingua e literatura galega e lingua e literatura castelá, usarase, respectivamente, o galego e o castelán, tanto por parte do profesorado como por parte do alumnado. Nas programacións e outros documentos didácticos referidos á lingua castelá poderase utilizar esa lingua.

Artigo 7º.-Educación infantil.

1. Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará de que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá. Fomentarase a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, no sentido de que este se convirta no idioma base da aprendizaxe, de xeito que o alumnado obteña unha competencia que lle permita comunicarse normalmente en galego co alumnado e o profesorado.

2. A lingua materna predominante será determinada polo claustro, de acordo cos criterios establecidos no proxecto lingüístico. Para o establecemento da lingua materna deberán terse en conta, entre outros, os datos achegados polo mapa sociolingüístico de Galicia, os datos estatísticos oficiais e a información achegada polos pais e nais.

Artigo 8º.-Educación primaria.

En toda a etapa da educación primaria garantirase o cumprimento do establecido para esta etapa no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004 que se inclúe como anexo a este decreto. Impartiranse obrigatoriamente en galego as áreas de matemáticas, coñecemento do medio natural, social e cultural e educación para a cidadanía e dereitos humanos, garantindo a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais da comunidade autónoma.

Artigo 9º.-Educación secundaria obrigatoria.

1. Na educación secundaria obrigatoria impartiranse en galego as seguintes materias: ciencias da natureza, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e educación para a cidadanía. Cando a materia de ciencias da natureza se desdobre en bioloxía e xeoloxía, por un lado, e física e química, por outro, ambas as dúas materias impartiranse en galego.

2. Ademais das materias establecidas na epígrafe anterior, o claustro completará o número de materias, excluída a materia que a Lei orgánica de educación determina de carácter voluntario para o alumnado, que garantan o cumprimento do establecido para esta etapa no Plan xeral da normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004 que se inclúe como anexo a este decreto.

3. A educación secundaria obrigatoria proporcionaralle a todo o alumnado unha boa competencia nas dúas linguas oficiais que repercuta de forma positiva no seu uso.

Artigo 10º.-Bacharelato.

No bacharelato, o alumnado recibirá, polo menos, o cincuenta por cento da súa docencia en galego, nos termos establecidos para esta etapa no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004 que se inclúe como anexo a este decreto para alcanzar a competencia lingüística propia do nivel en ambas as dúas linguas.

Artigo 11º.-Formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas

Na formación profesional específica, nas ensinanzas artísticas e nas deportivas, de grao medio ou superior, impartiranse en galego os módulos atribuídos á especialidade de formación e orientación laboral e os módulos profesionais que decida a dirección, oídos os departamentos correspondentes que deberán supoñer o cumprimento do establecido para esta etapa no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004 que se inclúe como anexo a este decreto, para alcanzar a competencia lingüística propia do nivel en ambas as dúas linguas.

En todos os módulos garantirase que o alumnado coñeza o vocabulario específico en lingua galega.

Artigo 12. Ensinanzas de persoas adultas

1. Nos niveis I e II de ensinanzas de persoas adultas impartirase en galego, como mínimo, o cincuenta por cento da docencia; no nivel III (ESO) e no bacharelato, as ensinanzas impartiranse integramente en galego, agás as materias doutras linguas.

2. Establecerase un plan específico destinado á nova poboación inmigrante que se está a asentar en Galicia, que prevexa formación lingüística, coñecementos históricos e socioculturais.

Artigo 13º.-Elaboración e publicación de materiais curriculares en galego.

1. Nas áreas, materias ou módulos impartidos en lingua galega, o alumnado utilizará, con carácter xeral, o galego nas manifestacións oral e escrita.

2. Os materiais que se empreguen nas áreas, materias ou módulos aos que se refire o parágrafo anterior estarán escritos, con carácter xeral, en galego, terán a calidade científica e pedagóxica adecuadas e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística fomentarán a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes.

Artigo 14º.-Proxecto lingüístico do centro.

1. Cada centro, dentro do seu proxecto educativo, elaborará o seu proxecto lingüístico, no cal se fará constar:

a) As linguas que se deben empregar nas áreas, materias, módulos ou ámbitos de coñecemento distintos dos sinalados nos artigos 7º a 12º.

b) As oportunas medidas de apoio e reforzo para un correcto uso lingüístico escolar e educativo, co fin de alcanzar o obxectivo xeral establecido na Lei de normalización lingüística e na LOE no que afecta o fomento de plurilingüismo.

c) Os criterios para determinar a lingua predominante do contorno a que se refire o artigo 7º deste decreto.

d) As medidas adoptadas para que o alumnado que non teña o suficiente dominio das linguas poida seguir con aproveitamento as ensinanzas que se lle impartan.

2. O proxecto lingüístico formará parte do proxecto educativo do centro educativo. Será redactado por unha comisión do profesorado do centro, designada polo equipo directivo, oída a comisión de coordinación pedagóxica. Na súa composición terán especial relevancia o equipo de normalización e dinamización lingüística e os compoñentes dos departamentos das outras linguas.

3. O proxecto lingüístico do centro será aprobado e avaliado polo Consello Escolar do centro educativo.

4. Este proxecto remitiráselles aos servizos da inspección antes do 30 de setembro de cada ano, que velarán para que o seu contido se axuste a este decreto e ao desenvolvemento da LOE. Co fin de reparar as eivas detectadas en cada curso, adoptaranse as medidas que permitan dispor dos medios materiais e persoais precisos para corrixilas no curso seguinte.

5. Así mesmo, no marco do proxecto lingüístico, fomentarase o uso da lingua galega nas actividades complementarias e actos que o centro organice.

6. En todo caso, para facer efectivo o dereito á educación, o profesorado adoptará as medidas oportunas coa finalidade de que o alumnado que non teña o suficiente dominio da lingua galega poida seguir con proveito as ensinanzas que nesta lingua se lle impartan.

7. Sen prexuízo do previsto na epígrafe 4 deste artigo, a Administración educativa avaliará os proxectos lingüísticos dos centros e fará o seguimento dos resultados que se desprendan da súa aplicación coa finalidade de adoptar, se é o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística previa de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia, como establece o artigo 14.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

Artigo 15º.-Exención da cualificación das probas de lingua galega

1. O alumnado que se incorpore ao sistema educativo de Galicia en cuarto de educación secundaria obrigatoria ou en bacharelato, procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro con lingua oficial castelá, poderá obter a exención da cualificación das probas de avaliación de materia de lingua galega durante dous cursos académicos.

2. A exención suporá unicamente a consignación de «exento» no libro de cualificacións e mais no expediente do alumnado.

3. O alumno ou a alumna terá que asistir obrigatoriamente ás clases como medio de integración lingüística e coa finalidade de que, cun esforzo especial pola súa parte, con materiais didácticos específicos e cunha axuda continua do seu profesorado, poida, ao remate do prazo da exención, ter un dominio adecuado da lingua galega e seguir as ensinanzas propias do nivel en que estea ou vaia matricularse en igualdade de condicións ca os demais compañeiros de clase.

4. O incumprimento por parte do alumno do establecido no punto anterior determinará, logo dos informes pertinentes e oído o interesado e, se é o caso, pai, nai ou titores legais, a revogación da exención.

5. Tanto a revogación como a denegación da exención producirán como efecto a obriga para o alumnado de ser cualificado nas avaliacións parciais ao final do curso en que se atopa.

6. No respectivo libro de escolaridade e mais no expediente do alumnado farase constar a exención concedida e, se é o caso, a posible revogación e a conseguinte cualificación.

Artigo 16º.-Solicitudes de exención.

1. A exención solicitarase para cada ano académico de permanencia na Comunidade Autónoma de Galicia e os seus efectos limitaranse ao citado ano, sen que se poidan conceder máis de dous anos consecutivos, conforme o previsto no artigo 15º deste decreto.

2. As solicitudes de exencións dirixiranse ás direccións dos centros. Os centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria resolverán sobre a súa concesión ou denegación no prazo máximo de dez días hábiles, contados a partir da presentación da documentación completa. No caso dos centros privados e privados concertados, a resolución correspóndelle á dirección dos centros públicos a que estean adscritos.

3. A resolución da dirección do centro docente público poderá ser impugnada mediante recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 17º.-Alumnado anterior á incorporación da lingua galega ao sistema educativo.

O alumnado que cursase estudos en Galicia con anterioridade á incorporación da lingua galega ao sistema educativo e que queira proseguilos terá a obriga de cursar esta materia e serán cualificado a partir do curso en que retome os seus estudos.

Artigo 18. Equipos de normalización e dinamización lingüística

1. Para potenciar o uso da lingua galega nos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria constituirase un equipo de normalización e dinamización lingüística, que actuará baixo a supervisión da dirección do centro e que estará formado por profesorado, por representantes do alumnado, agás no ensino infantil e primario, e do persoal non docente.

2. Os membros do equipo serán designados pola dirección do centro do seguinte xeito:

a) O profesorado, por proposta do claustro de profesores.

b) O alumnado, por proposta das súas asociacións máis representativas.

c) O persoal non docente, por proposta deste persoal.

3. A composición do equipo de normalización e dinamización lingüística para cada tipo de centro, as súas competencias, e o nomeamento, cesamento e competencias do seu coordinador serán establecidas nos regulamentos orgánicos dos centros educativos. Na constitución destes órganos tenderase a unha composición equilibrada de mulleres e homes.

4. Os equipos de normalización e dinamización lingüística deberán ter un papel fundamental no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de normalización lingüística nos centros educativos, tal e como se prevé no Plan xeral de normalización da lingua galega.

5. Os equipos de normalización lingüística contarán co apoio técnico necesario e os centros terán a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e material en galego.

Artigo 19º.-Comisións territorias de coordinación.

Coa finalidade de coordinar os equipos de normalización e dinamización lingüística constituiranse comisións territoriais. A súa composición e funcións específicas serán determinadas, conxuntamente, pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo coas directrices da política lingüística da Xunta de Galicia.

Artigo 20º.-Divulgación das experiencias desenvolvidas nos centros.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística divulgarán as experiencias positivas desenvolvidas nos centros educativos no campo da normalización lingüística.

Artigo 21º.-Inspección.

Os servizos de inspección velarán para que en todos os centros educativos se cumpra a normativa vixente sobre normalización lingüística e proporanlles, se é o caso, ás delegacións provinciais competentes a adopción das medidas correctoras que sexan necesarias no caso de incumprimento, sen prexuízo das responsabilidades as que houbese lugar.

Disposicións adicionais

Primeira.-Bacharelato.

As materias do bacharelato que serán impartidas en galego determinaranse no decreto que regule estas ensinanzas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Dereitos do coordinador do equipo de normalización e dinamización lingüística.

O coordinador ou coordinadora do equipo de normalización e dinamización lingüística terá os mesmos dereitos administrativos e económicos ca as xefaturas dos departamentos didácticos.

Os dereitos económicos destes coordinadores terán efectividade desde o 1 de xaneiro de 2008.

Terceira

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará as linguas en que deberán impartirse as áreas ou materias nos centros con proxectos plurilingües, e garantirán a proporcionalidade entre as áreas ou materias impartidas en galego e castelán que se recolle neste decreto.

Cuarta.-Avaliación do grao de cumprimento do Plan de normalización lingüística

Nos plans de avaliación dos centros educativos e nos plans de avaliación da función directiva terase en conta o grao de cumprimento dos obxectivos establecidos no uso e normalización da lingua galega.

Quinta

Con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar, o Goberno de Galicia avaliará os resultados de aplicación deste decreto, e desenvolverá regulamentariamente cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento e adaptación dos seus obxectivos, co fin de que poida achegarse gradualmente á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.

Disposición transitoria

Mentres non se desenvolva o previsto no artigo 10º, seguirá vixente para as ensinanzas de bacharelato o establecido no Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto e, en particular:

O Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a Lei 3/1983 de normalización lingüística, para a súa aplicación ao ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios.

O Decreto 66/1997, do 21 de marzo, polo que se modifica parcialmente o Decreto 247/1995, do 14 de setembro, no que se desenvolve a Lei 3/1983 de normalización lingüística, para a súa aplicación ao ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios.

O Decreto 79/1994, do 8 de abril, sobre exención da materia de lingua galega no ensino básico e medio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación.

Autorízase a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria a ditar as disposicións que procedan para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xuño de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o dia 21 de setembro de 2004 (BOPG nº 622, do 7 de setembro)

Área 1. Ensino. Grupo de medidas 2.1.H.

Grupo de medidas 2.1.H.

Medidas.

2.1.26. Na educación primaria garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Á parte da área de coñecemento do medio natural, social e cultural, xa fixada legalmente, fomentarase que se impartan nesta lingua materias troncais en toda a etapa, como as matemáticas.

2.1.27. Na educación secundaria obrigatoria garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Dentro das posibilidades de cada centro, tenderase a que entre as materias que se impartan nese idioma figuren as matemáticas e a tecnoloxía, á parte das que xa están legalmente establecidas.

2.1.28. Nos bacharelatos garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego.

2.1.29. Nos ciclos formativos garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Deberase asegurar, ademais, que o alumnado coñeza o vocabulario específico da especialidade en lingua galega.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia