lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 5/1988, do 21 de xuño, do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais.

Publicado en: DOG 124 30/06/1988

Última modificación: 16/10/2018

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

A lingua galega constitúe o principal patrimonio cultural da nosa Comunidade, como sinal de identificación e diferenciación de Galicia. O Estatuto de Autonomía, no artigo 5.º, recoñécea como lingua propia dos galegos, e o artigo 4.1 da Lei de Normalización Lingüística declara o galego como lingua oficial da Administración local.

Polas razóns expostas, e en coherencia cos mandatos estatutarios e legais, é preciso impulsa-la normalización lingüística na Administración local, e para este efecto a Xunta de Galicia, no marco da súa política de promoción da normalización lingüística, debe colaborar na medida do necesario cos esforzos das entidades locais a prol do uso normalizado da lingua galega na súa documentación oficial, sen prexuício de empregar ademais a outra lingua oficial, se así o decide, neste caso, a respectiva entidade.

A finalidade da presente Lei é a de establecer un criterio normativo impulsor do progresivo proceso de normalización do galego na Administración local, na procura dun clima social e político que multiplique os esforzos que se veñen realizando para a recuperación do uso normal da nosa lingua.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais.

Artigo 1

1. As convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das Comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia redactaranse en lingua galega.

2. Sen prexuício do disposto no apartado anterior, as devanditas entidades poden facelo, ademais, na outra lingua oficial.

Artigo 2

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia o impulso do proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, moi especialmente a través de programas de formación de funcionarios en lingua galega.

2. Sen prexuício do anterior, a Xunta de Galicia adoptará as medidas oportunas para que nos concursos de acceso de funcionarios á Administración local se garanta o coñecemento da lingua galega.

Disposición transitoria

1. As entidades locais que non estean en condicións de incorporar de contado o galego como lingua normal nos actos escritos da Administración dispoñerán dun prazo de dous anos a partir da publicación desta Lei para adoptar acordo sobre a realización material do disposto nela e darlle cumprimento.

2. A Xunta de Galicia elaborará un programa de actuacións co obxecto de garantir que, ó cabo do prazo sinalado no parágrafo 潬 anterior, tódalas entidades locais de Galicia estean en condicións de cumpri-lo preceptuado nesta Lei.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 1988

Fernando Ignacio González Laxe

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia