Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes
NORMA CONSOLIDADA
- Lei 2/2007, do 28 de marzo
- Artigo 21 apartado 3 engadido por disposición adicional primeira apartado un punto 1.
- Artigo 22 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.º).
- Artigo 23 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.º).
- Artigo 25 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.º).
- Artigo 33 apartado 2 engadido por disposición adicional primeira apartado dous punto 1.
- Artigo 36 nova redacción por disposición adicional primeira apartado dous punto 2.
- Artigo 37 bis engadido por disposición adicional primeira apartado dous punto 3.
- Artigo 42 nova redacción por disposición adicional primeira apartado dous punto 4.
- Artigo 42 bis engadido por disposición adicional primeira apartado dous punto 5.
- Artigo 42 ter engadido por disposición adicional primeira apartado dous punto 6.
- Artigo 42 quater engadido por disposición adicional primeira apartado dous punto 7.
- Artigo 43 nova redacción por disposición adicional primeira apartado dous punto 8.
- Artigo 44 nova redacción por disposición adicional primeira apartado dous punto 9.
- Artigo 46 apartado 1 nova redacción por disposición adicional primeira apartado dous punto 10, e apartados 3 e 4 engadidos por disposición adicional primeira apartado dous punto 11.
- Artigo 46 bis engadido por disposición adicional primeira apartado dous punto 12.
- Artigo 49 bis engadido por disposición adicional primeira apartado dous punto 13.
- Disposición adicional segunda nova redacción por disposición derrogatoria única apartado 1.º).
- Disposición adicional oitava engadida por disposición adicional primeira apartado dous punto 14.
- Disposición adicional novena engadida por disposición adicional primeira apartado dous punto 15.
- Lei 11/2007, do 27 de xullo
- Lei 13/2007, do 27 de xullo
- Lei 3/2011, do 30 de xuño
- Capítulo V do título I derrogado por disposición derrogatoria única apartado b).
- Artigo 21 derrogado por disposición derrogatoria única apartado b).
- Lei 2/2015, do 29 de abril
- Artigo 42 bis apartado primeiro nova redacción por disposición derradeira terceira apartado 1.
- Artigo 42 ter nova redacción por disposición derradeira terceira apartado 2.
- Artigo 43 nova redacción por disposición derradeira terceira apartado 3.
- Artigo 44 nova redacción por disposición derradeira terceira apartado 4.
- Artigo 46 nova redacción por disposición derradeira terceira apartado 5.
- Artigo 46 bis nova redacción por disposición derradeira terceira apartado 6.
- Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro
- Derrogado por disposción derrogatoria única apartado 1.
A igualdade de dereitos entre mulleres e homes é unha necesidade esencial nunha sociedade democrática moderna que, desde todos os niveis normativos, se tenta conseguir a través de diversas medidas plasmadas nos tratados internacionais, na normativa comunitaria, na nosa Constitución e na normativa legal e regulamentaria interna. Tamén a Comunidade Autónoma de Galicia, no seu eido de competencias, se comprometeu, en desenvolvemento das obrigas impostas no artigo 4 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia, na defensa da igualdade. Froito deste compromiso xurdiu a Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e, no exercicio das súas funcións, a elaboración de ata catro plans de igualdade de oportunidades das mulleres galegas. Na mesma liña, desde 1994, constitúese, no Parlamento galego, a Comisión para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres, que elabora e emite conclusións e ditames en sucesivas lexislaturas, no relativo a esta materia.
Sen embargo, aínda recoñecendo os importantes logros conseguidos, a situación de desigualdade entre mulleres e homes é un feito notorio e indiscutible na nosa sociedade. Isto manifesta a necesidade de afondar no compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia na defensa da igualdade e contra a discriminación. Con esta finalidade, faise necesario ampliar o marco legal das políticas autonómicas de igualdade entre mulleres e homes, tanto no relativo aos principios de actuación coma nas actuacións concretas.
No que atinxe aos principios de actuación, é necesaria unha lei para garantir a vinculación da totalidade dos poderes públicos galegos no cumprimento da transversalidade como instrumento imprescindible para o exercicio da totalidade das competencias autonómicas nunha clave de xénero, que busque conseguir, en suma, a eliminación de todas as discriminacións directas e indirectas e dos prexuízos, causantes das ditas discriminacións.
No relativo ás actuacións concretas, a lei, en dous títulos, establece diversas medidas de defensa da igualdade entre mulleres e homes.
No primeiro, regúlase a actuación administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, buscando, ao mesmo tempo, dar cobertura legal a actuacións en vigor e ampliar as posibilidades de actuación, con respecto a aspectos nos que se estime necesario actuar; aínda que, en aplicación da transversalidade, non é un elenco exhaustivo, polo que resulta factible que no futuro se incida noutros aspectos distintos, se así se considerase necesario.
No segundo, regúlanse os aspectos da tutela antidiscriminatoria no emprego público galego coa intención da asunción exemplar, pola Xunta de Galicia, do seu compromiso co principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en relación coa totalidade do persoal ao seu servizo. Para isto, resulta necesario un instrumento lexislativo que garanta, precisamente, a uniforme aplicación das melloras concedidas ás distintas clases de persoal.
A aparente fragmentación das actuacións concretas non pode ocultar, en todo caso, a necesidade dun entendemento harmónico de todas as actuacións, de xeito que, ao actuar en cada aspecto, se están mellorando simultaneamente os demais aspectos da situación das mulleres e se busca conseguir o pleno desenvolvemento dos seres humanos, a través da participación en igualdade de ambos sexos en todos os ámbitos de desenvolvemento das persoas.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei galega para a igualdade de mulleres e homes.
Título preliminar
Capítulo I Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxectivo de eliminación da discriminación de xénero.
1. A Comunidade Autónoma de Galicia reforza, a través desta lei, o seu compromiso na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, e atribúelle a maior efectividade posible, no seu eido de competencias, ao principio constitucional de igualdade de oportunidades entre as persoas de ambos sexos, de conformidade coas obrigas impostas aos poderes públicos de Galicia no artigo 4 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.
2. A Xunta de Galicia tomará en consideración o traballo realizado pola Comisión para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres, do Parlamento galego, na adopción e execución das políticas dirixidas á eliminación de todo tipo de discriminacións contra as mulleres.
Artigo 2º.-Concepto de discriminacións directas e indirectas.
Buscarase a eliminación absoluta das discriminacións directas e indirectas. Para os efectos desta lei, existirá discriminación directa cando unha persoa sexa, fose ou puidese ser tratada de xeito menos favorable ca outra en situación análoga por razón de sexo, e existirá discriminación indirecta cando unha disposición, criterio ou práctica aparentemente neutra lle poida ocasionar unha desvantaxe particular a unha persoa respecto doutras por razón de sexo, salvo que se poidan xustificar obxectivamente cunha finalidade lexítima e que os medios para a consecución desta finalidade sexan adecuados e lexítimos.
Artigo 3º.-O dereito á maternidade.
A protección da maternidade é unha necesidade social que os poderes públicos galegos asumen e recoñecen politicamente. Sendo a maternidade un ben insubstituíble, todas as cargas e os coidados que supón, a gravidez, o parto, a crianza, a socialización dos fillos, deben recibir axuda directa das institucións públicas galegas, co fin de non constituíren discriminación gravosa para as mulleres. Neste sentido, a Xunta de Galicia aplicará todas as súas competencias para conseguir que se materialice, na práctica, o principio mencionado e a maternidade deixe de ser carga exclusiva das nais e motivo de discriminación para as mulleres.
Artigo 4º.-Accións positivas.
1. Co efecto de promocionar a igualdade entre mulleres e homes, non se considerarán discriminatorias as medidas especiais encamiñadas a acelerar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, sen que, en ningún caso, estas medidas poidan supoñer, como consecuencia práctica, o mantemento de regulacións separadas.
2. As medidas de acción positiva manteranse mentres non estean plenamente acadados os obxectivos de igualdade de oportunidades.
Artigo 5º.-Obxectivo de erradicación dos prexuízos de xénero.
1. A Comunidade Autónoma de Galicia adoptará as medidas apropiadas para modificar os patróns socioculturais de conduta de mulleres e de homes, con miras a acadar a eliminación dos prexuízos e das prácticas consuetudinarias baseadas na idea de inferioridade ou superioridade de calquera dos sexos ou en funcións estereotipadas de mulleres e de homes.
2. Fomentarase a comprensión da maternidade como unha función social, evitando os efectos negativos sobre os dereitos da muller, e ademais instrumentando outros efectos positivos.
3. Adoptaranse idénticas actuacións de fomento da súa comprensión como función social con respecto ao coidado de familiares que, polas súas dependencias, necesiten a asistencia doutras persoas, mulleres e homes.
4. Estas medidas irán acompañadas dos oportunos programas e consignacións orzamentarias para que todas as cargas doméstico-familiares sexan obxecto de corresponsabilidade familiar e reciban a protección económica e social correspondente.
Capítulo II O principio de transversalidade
Artigo 6º.-Significado da transversalidade e criterios de actuación.
1. Coa dobre finalidade de promover a igualdade e eliminar as discriminacións entre mulleres e homes, a Xunta de Galicia integrará a dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, na execución e no seguimento de todas as políticas e de todas as accións desenvolvidas no exercicio das competencias asumidas de conformidade coa Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.
2. Na aplicación dese principio de integración da dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, na execución e no seguimento de todas as políticas e de todas as accións da súa competencia, ou principio de transversalidade, a Xunta de Galicia establece como criterios xerais da súa actuación:
a) O fomento da colaboración entre os diversos suxeitos implicados na igualdade de oportunidades, trátese de suxeitos públicos de ámbito internacional, comunitario, estatal, autonómico, provincial ou local, ou trátese de suxeitos privados, como os partidos políticos, os sindicatos de traballadores ou traballadoras, as asociacións de empresariado ou os colexios profesionais, e, especialmente, a colaboración fomentarase en relación coas asociacións e cos grupos de mulleres.
A colaboración tamén se fomentará no eido das relacións entre os diversos organismos administrativos integrados na Xunta de Galicia.
b) A consecución da igualdade de oportunidades na política económica, laboral e social, buscando, en especial, a supresión das diferenzas salariais por razón de sexo e o fomento do emprego feminino por conta propia ou allea.
c) A conciliación do emprego e da vida familiar das mulleres e dos homes e o fomento da individualización dos dereitos tendentes a esa conciliación.
d) O fomento dunha participación equilibrada das mulleres e dos homes na toma de decisións e a elaboración de estratexias para o empoderamento das mulleres.
e) A garantía da dignidade das mulleres e dos homes, con especial incidencia na adopción de accións tendentes á erradicación de todas as formas de violencia de xénero -violencia doméstica, delitos sexuais, acoso sexual, explotación sexual-.
f) A garantía do exercicio dos dereitos das mulleres, a través, entre outras medidas, da difusión de información sobre a igualdade de oportunidades e da colaboración cos órganos xudiciais cando proceda segundo a lexislación.
Artigo 7º.-Informe sobre o impacto de xénero na elaboración das leis.
Os proxectos de lei presentados no Parlamento galego pola Xunta de Galicia irán acompañados dun informe sobre o seu impacto de xénero elaborado polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Se non se acompañasen ou se se tratase dunha proposición de lei presentada no Parlamento galego, este requirirá, antes da discusión parlamentaria, a súa remisión á Xunta de Galicia, quen ditaminará no prazo dun mes; transcorrido este prazo a proposición seguirá o seu curso.
Artigo 8º.-Informe sobre o impacto de xénero na elaboración dos regulamentos.
1. Os regulamentos con repercusión en cuestións de xénero elaborados pola Xunta de Galicia tamén exixirán, antes da súa aprobación, a emisión dun informe sobre o seu impacto de xénero elaborado polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.
2. O dito informe non será vinculante.
Título I A actuación administrativa da Xunta de Galicia
Capítulo I A educación e a formación para a igualdade entre mulleres e homes
Artigo 9º.-O currículo regulador do sistema educativo.
1. A Xunta de Galicia adoptará, dentro das súas competencias, as medidas conducentes a lles proporcionar, tanto ás mulleres coma aos homes, unha educación para a igualdade. Para estes efectos, o currículo regulador da práctica docente de cada un dos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades do sistema educativo adaptarase ás seguintes especificacións relativas a obxectivos, contidos, metodoloxía e criterios de avaliación:
a) A comprensión do valor constitucional da igualdade entre ambos sexos como obxectivo de especial atención, sen que, en ningún caso, se admitan contidos, metodoloxía ou criterios de avaliación transmisores, directa ou indirectamente, dunha distribución estereotipada de papeis entre os sexos ou dunha imaxe de dominación dun sexo sobre o outro en calquera ámbito da vida.
b) O enriquecemento do contido curricular coas contribucións ao coñecemento humano realizadas polas mulleres no pasado e no presente, e co axeitado reflexo do papel das mulleres na evolución histórica.
c) A adquisición, en alumnos e alumnas, dos coñecementos e das actitudes necesarias que lles permitan, cando acaden a madurez, atender as súas propias necesidades domésticas e os labores familiares compartidos, inclusive as cargas parentais e a atención de familiares que, por dependencia, necesiten a asistencia doutras persoas, mulleres ou homes.
d) O fomento das vocacións femininas naquelas áreas onde se atopen infrarrepresentadas as mulleres e o fomento das vocacións masculinas naquelas áreas onde se atopen infrarrepresentados os homes, buscando evitar as decisións profesionais derivadas de prexuízos.
e) A garantía da coeducación na Comunidade Autónoma de Galicia dentro das súas competencias propias.
2. A Xunta de Galicia incluirá nos programas de formación do profesorado, como materia específica, a igualdade e a violencia de xénero.
Artigo 10º.-Erradicación de prexuízos nos centros docentes.
1. Non se admitirán, no centro docente, as desigualdades entre alumnos e alumnas sustentadas en crenzas, prexuízos, tradicións ou prácticas consuetudinarias transmisoras, directa ou indirectamente, dunha distribución estereotipada de papeis entre os sexos ou dunha imaxe de dominación dun sexo sobre o outro en calquera ámbito da vida.
2. De forma directa, as docentes e os docentes non permitirán ningunha forma de machismo e de misoxinia que puidese existir no seo da comunidade escolar e, nomeadamente, entre nenos e nenas e adolescentes, aplicarán activamente principios pedagóxicos de respecto á identidade e á imaxe das mulleres.
Con tales efectos, nos regulamentos internos dos centros educativos, deberán explicitarse as medidas de corrección ou sanción de comportamentos sexistas.
Artigo 11º.-As cuestións de xénero no eido da educación superior.
A Xunta de Galicia fomentará, sen vulnerar o réxime de autonomía universitaria, a docencia, o estudo e a investigación das cuestións de xénero no ámbito da educación superior, e para estes efectos:
a) Promoverase a creación de cátedras sobre cuestións de xénero nas facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias.
b) Potenciarase a realización de proxectos de estudo e investigación sobre cuestións de xénero e/ou de proxectos de estudo e investigación nos que se integre unha perspectiva de xénero.
Artigo 12º.-Formación en igualdade de oportunidades.
1. A Xunta de Galicia, no seu ámbito de competencias, incentivará a formación de axentes e promotores de igualdade de mulleres e homes.
Expedirá, polo menos no ámbito da educación non formal, acreditacións en materia de axentes e promotores de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
2. A Xunta de Galicia impartirá cursos continuos de formación sobre a igualdade de xénero, principalmente dirixidos aos colectivos de educación, servizos sociais, persoal sanitario, persoal da Administración de xustiza e dos diversos corpos policiais, nos que sempre estarán presentes contidos sobre a violencia contra as mulleres.
En todos os plans de formación, organizados pola Xunta de Galicia para o seu persoal, existirá un módulo sobre a igualdade entre homes e mulleres.
Capítulo II Igualdade de oportunidades e medios de comunicación
Artigo 13º.-Fomento da igualdade nos medios de comunicación.
A Xunta de Galicia, a través dos medios de comunicación de titularidade autonómica e a través daqueles nos que participe ou aos que subvencione, garantirá, condicionando a efectividade desta subvención e sen vulnerar a liberdade de expresión e información, a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das funcións das mulleres e dos homes na sociedade, e, para estes efectos, garantirase:
a) O aumento, cuantitativo e cualitativo, da visibilidade e da audibilidade das mulleres, visibilidade e audibilidade que deben ser observadas, avaliadas e corrixidas, se é o caso, periodicamente.
b) A programación de campañas nos medios de comunicación, destinadas a toda a sociedade, sobre a importancia e a necesidade da participación social e política das mulleres.
c) A participación equilibrada entre mulleres e homes nos órganos de representación, de xestión e de consulta dos medios de información.
d) A adopción, mediante a autorregulación, de códigos de boas prácticas tendentes a transmitir o contido dos valores constitucionais sobre a igualdade entre homes e mulleres.
e) A utilización non sexista da linguaxe e/ou das imaxes, especialmente no ámbito da publicidade.
f) O establecemento e o mantemento de programas realizados por e para mulleres, onde se canalicen os seus intereses de xeito apropiado.
g) A institucionalización de contactos entre as asociacións e os grupos de mulleres e os medios de comunicación, coa finalidade de identificar os intereses reais das mulleres no ámbito da comunicación.
Artigo 14º.-Programas e campañas contra a violencia de xénero.
A Xunta de Galicia garantirá, a través dos medios de comunicación de titularidade autonómica, e promoverá, a través daqueles nos que participe ou aos que subvencione, condicionando a efectividade da subvención, a emisión de programas tendentes a erradicar todas as formas de violencia de xénero, e realizará, de xeito periódico, campañas institucionais de sensibilización contra a violencia de xénero.
Artigo 15º.-Fomento da igualdade nas novas tecnoloxías.
A Xunta de Galicia promoverá o acceso de mulleres e de homes ás novas tecnoloxías en condicións de igualdade de oportunidades, e a transmisión, a través dos contidos desas novas tecnoloxías, dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das funcións das mulleres e dos homes na sociedade.
Artigo 16º.-Espazos electorais.
A Xunta de Galicia fomentará o debate electoral sobre as cuestións de xénero, a través do incremento nun dez por cento do tempo gratuíto de propaganda electoral nos medios de comunicación da Compañía de RTVG concedido ás candidaturas ao Parlamento galego, se o destinan á explicación do seu programa sobre esas cuestións. O incremento do tempo gratuíto de propaganda electoral distribuirase, en todo caso, de acordo cos criterios establecidos na Lei de eleccións ao Parlamento de Galicia.
Capítulo III A erradicación do uso sexista da linguaxe
Artigo 17º.-Definición do uso non sexista da linguaxe.
O uso non sexista da linguaxe consiste na utilización de expresións lingüisticamente correctas substitutivas doutras, correctas ou non, que invisibilizan o feminino ou o sitúan nun plano secundario respecto do masculino.
Artigo 18º.-Erradicación do sexismo na linguaxe institucional e social.
1. A Xunta de Galicia erradicará, en todas as formas de expresión oral ou escrita, o uso sexista da linguaxe no eido institucional, tanto fronte á cidadanía coma nas comunicacións internas. Para estes efectos, informarase e formarase o persoal ao servizo das administracións públicas galegas.
2. Tamén procurará a erradicación do uso sexista da linguaxe na vida social e, para estes efectos, realizaranse campañas de sensibilización e divulgación pública.
Capítulo IV A violencia contra as mulleres
Artigo derrogado: Artigo 19 derrogado por disposición derrogatoria única.
Artigo derrogado: Artigo 20 derrogado por disposición derrogatoria única.
Capítulo V O Plan integral de apoio á familia
Artigo modificado: Artigo 21 apartado 3 engadido por disposición adicional primeira apartado un punto 1.
Artigo derrogado: Artigo 21 derrogado por disposición derrogatoria única apartado b).
Capítulo VI A igualdade laboral entre mulleres e homes
Artigo derrogado: Artigo 22 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.º).
Artigo derrogado: Artigo 23 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.º).
Artigo 24º.-Actuacións de sensibilización.
A Xunta de Galicia realizará actuacións de sensibilización dirixidas aos traballadores e ás traballadoras, aos sindicatos e aos empresarios e ás empresarias, nas que se difunda o dereito de todos os traballadores e traballadoras a ser tratados con dignidade e a que non se tolere o acoso sexual nin moral, definidos nos artigos 47 e 53 desta lei, e fomentará unha actitude solidaria e de axuda de cara ás vitimas e de rexeitamento de cara aos acosadores.
Artigo derrogado: Artigo 25 derrogado por disposición derrogatoria única apartado 1.º).
Artigo 26º.-Elaboración de ditames por requirimento xudicial.
De conformidade co disposto no apartado 3 do artigo 95 do Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de procedemento laboral, a Xunta de Galicia, a través do organismo competente para este efecto, cumprirá, en relación cos procesos xudiciais nos que se suscitase unha cuestión de discriminación por razón de sexo, co ditame requirido polo xuíz ou xuíza ou polo tribunal ao que estea atribuído o seu coñecemento.
Artigo 27º.-Atribucións sobre infraccións e sancións da orde social.
A Administración pública galega, no exercicio das atribucións reguladas na Lei 42/1997, do 14 de novembro, ordenadora da Inspección de Traballo e Seguridade Social, buscará, no eido das relacións laborais, a mellora no cumprimento efectivo da normativa sobre tutela antidiscriminatoria, e, en especial, atenderá esa finalidade mediante a súa participación e a súa colaboración, establecidas nos artigos 16 e 17 desa lei, na Conferencia sectorial de asuntos laborais e na Comisión Territorial de Galicia, e mediante o exercicio da dependencia funcional, establecida no apartado 2 do artigo 18 e no apartado 2 do artigo 19 desa lei, sobre as inspeccións de traballo e seguridade social de Galicia.
Capítulo VII A inserción social das mulleres en situación de exclusión social
Artigo 28º.-Mulleres en situación de risco de exclusión social.
A Xunta de Galicia adoptará dentro das súas competencias as medidas conducentes a favorecer, en condicións de igualdade entre mulleres e homes, a inserción social das mulleres en situación de exclusión social, especialmente cando estean a cargo de familias monoparentais.
Artigo 29º.-Mulleres prostituídas.
1. A Xunta de Galicia fará periodicamente campañas de información e sensibilización sobre a situación de explotación que están a sufrir as mulleres prostituídas.
2. A Xunta de Galicia reforzará os servizos sociais de atención primaria de cara a que sexan máis áxiles e efectivos na axuda ás mulleres prostituídas.
3. A Xunta de Galicia loitará contra o tráfico de mulleres, de nenas e de nenos que ten como finalidade fundamental a súa explotación sexual no territorio da nosa comunidade autónoma. Esa loita deberá realizarse a través dunha intervención integral que permita a prevención, detección, atención e, se é o caso, integración das mulleres vítimas do tráfico de explotación sexual.
Capítulo VIII A participación das mulleres no desenvolvemento rural
Artigo 30º.-Os dereitos das mulleres no desenvolvemento rural.
1. A Xunta de Galicia adoptará, dentro das súas competencias, as medidas conducentes a eliminar a discriminación contra as mulleres en zonas rurais, coa finalidade de asegurar, en condicións de igualdade entre as mulleres e os homes, a súa participación nos beneficios dun desenvolvemento rural sustentable.
2. Para asegurar a participación das mulleres nos beneficios dun desenvolvemento rural sustentable, garántenselles os seguintes dereitos:
a) A participación na elaboración, na decisión e na execución dos plans e das políticas de desenvolvemento rural a través das canles legais establecidas.
b) A información de calquera das medidas públicas adoptadas de desenvolvemento rural con incidencia nos dereitos e deberes das mulleres.
c) A educación e a formación profesional, coa finalidade de aumentar as súas capacidades técnicas no exercicio das súas actividades.
d) O fomento público do cooperativismo e doutros sistemas de autoaxuda agraria coa finalidade de promover a igualdade de acceso das mulleres aos beneficios do desenvolvemento rural.
Artigo 31º.-Titularidade e cotitularidade das explotacións agrarias.
A Xunta de Galicia adoptará as medidas necesarias para facilitarlles ás mulleres o acceso e mantemento da titularidade ou cotitularidade das explotacións agrarias.
Capítulo IX A colaboración autonómica coas corporacións locais
Artigo 32º.-Colaboración municipal nos plans e programas autonómicos.
1. Todos os plans e programas autonómicos sobre igualdade dos xéneros se executarán buscando a colaboración nos termos convenientes con cada concello, habilitando para estes efectos as subvencións e transferencias necesarias.
2. En especial, a través do Plan integral de apoio á familia fomentarase a adopción, por parte dos concellos, de plans de programación do tempo das cidades coa intervención de todos os suxeitos interesados, públicos e privados.
Artigo 33º.-Promoción autonómica de plans municipais de igualdade.
A Xunta de Galicia promocionará, a través dunha convocatoria anual de axudas adoptadas logo de oír a Federación Galega de Municipios e Provincias, a creación e o mantemento de plans municipais de igualdade e promoverá a creación de concellarías da muller.
2. O departamento da Administración autonómica con competencias en materia de traballo establecerá regulamentariamente liñas de axuda para a contratación de persoal especializado no ámbito laboral destinado a asesorar na elaboración de plans municipais de igualdade.
Artigo modificado: Artigo 33 apartado 2 engadido por disposición adicional primeira apartado dous punto 1.
Título II As condicións de emprego na Administración pública galega
Capítulo I O acceso ao emprego público galego
Artigo 34º.-Fomento da composición equilibrada do persoal.
1. A Administración pública galega fomentará, a través das medidas contidas nos seguintes artigos deste capítulo, a composición equilibrada entre os sexos do persoal funcionario, eventual, interino, estatutario ou laboral ao seu servizo, tanto a nivel global coma a nivel de cada corpo, escala, grupo ou categoría.
2. A Xunta de Galicia fomentará, en especial, o acceso das mulleres aos postos de grao superior, e, para estes efectos, as medidas contidas nos seguintes artigos deste capítulo aplicaranse tamén nas probas de promoción interna.
Artigo 35º.-O control das ofertas de emprego público.
Con anterioridade a calquera oferta de emprego público analizarase se os requisitos esixidos aos aspirantes determinan -todos ou algún- un prexuízo para as mulleres ou para un colectivo predominantemente feminino, e, de ser así, realizaranse valoracións técnicas a cargo de persoal especializado das prazas de funcionarios e funcionarias e/ou dos postos de traballadores e traballadoras coa finalidade de comprobar se eses requisitos son absolutamente necesarios para o desenvolvemento das funcións. Se non o fosen, serán eliminados na oferta pública de emprego.
Artigo 36º.-Composición paritaria de tribunais examinadores.
1. A composición dos tribunais de selección do persoal da Administración pública galega será paritaria para o conxunto da oferta pública de emprego, tanto se se trata de acceso ao emprego como se se trata de promoción interna. Para iso, na designación atribuída á Administración pública galega, garantirase a paridade entre mulleres e homes, ou, se fose impar o número que hai que designar, con diferenza de un entrambos os sexos. Idénticas exixencias aplicaranse na designación atribuída a cada instancia diferente á Administración pública galega.
2. Se, aínda seguindo as anteriores exixencias, a paridade non se acada no cómputo total das/dos membros do tribunal, convocaranse todas as instancias con dereito á designación e, de non haber acordo, elixirase aleatoriamente un número de membros do sexo máis designado suficiente para alcanzar a paridade, que serán substituídos por membros do outro sexo. Feita a elección, terase por persoas non designadas as que fosen elixidas, e as que fixeron a designación designarán membros do outro sexo.
Artigo modificado: Artigo 36 nova redacción por disposición adicional primeira apartado dous punto 2.
Artigo 37º.-Actuacións especiais en casos de infrarrepresentación.
1. Cando nun determinado corpo, escala, grupo ou categoría da Administración pública galega se verificase a infrarrepresentación do sexo feminino, na oferta de emprego público establecerase que, de existir méritos iguais entre dous ou máis candidatos, serán admitidas as mulleres, salvo se considerando obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nos candidatos de ambos sexos existen motivos non discriminatorios para preferir o home.
2. Enténdese, para estes efectos, a existencia de infrarrepresentación cando no corpo, escala, grupo ou categoría exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes.
Artigo 37º bis.- Accións positivas nas actividades formativas.
Nos cursos, nas xornadas ou noutras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega reservarase un cincuenta por cen das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, que accederán á quenda reservada só se non houbese suficientes solicitudes de participación das mulleres.
Artigo engadido: Artigo 37 bis engadido por disposición adicional primeira apartado dous punto 3.
Artigo 38º.-Promoción do exercicio de dereitos de conciliación.
Cando as probas de promoción interna comprendan a valoración de méritos dos candidatos e das candidatas establecerase ao seu favor que, sexan mulleres ou sexan homes, estean utilizando ou utilizasen, nos últimos cinco anos, unha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada ou unha excedencia para o coidado de familiares, unha puntuación específica que se graduará en función do tempo utilizado no exercicio deses dereitos.
Capítulo II A igualdade retributiva no emprego público
Artigo 39º.-Garantías de efectividade da igualdade retributiva.
1. A Administración pública galega garantirá a igualdade de retribucións salariais e extrasalariais entre mulleres e homes no ámbito do emprego público para satisfacer o principio de igual retribución por traballo de igual valor.
2. Para acadar unha plena eficacia do principio de igual retribución por traballo de igual valor realizaranse valoracións técnicas a cargo de persoal especializado das prazas de funcionarios e funcionarias e/ou dos postos de traballadores e traballadoras cando nos corpos, escalas, grupos ou categorías obxecto de comparación se observe nun a predominancia de mulleres e noutro a predominancia de homes.
3. Enténdese a existencia de predominancia, para os efectos do anterior apartado, cando no corpo, escala, grupo ou categoría exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes.
4. Tamén se realizarán as ditas valoracións técnicas cando, polas circunstancias concorrentes, se aprecie unha aparencia de discriminación por razón de sexo.
Artigo 40º.-A valoración excepcional do esforzo físico.
Unicamente se considerará o esforzo físico como elemento xustificador dunha partida retributiva se se trata dun elemento determinante absoluto na configuración dunha praza ou dun posto ou, de tratarse dun elemento esencial, se, a través doutros elementos neutros, se compensa a diferenza retributiva.
Capítulo III Os dereitos de conciliación do emprego e da vida familiar
Artigo 41º.-Garantías do exercicio dos dereitos de conciliación.
A Administración pública galega garantirá o exercicio polo persoal ao seu servizo dos dereitos de conciliación recoñecidos na normativa aplicable, incluídas as melloras recoñecidas nos seguintes artigos deste capítulo, e, para estes efectos, realizaranse campañas de concienciación tendentes á valoración positiva do persoal ao seu servizo que exercite eses dereitos de conciliación.
Artigo 42º.-Complemento das prestacións por risco durante o embarazo ou por maternidade.
A Administración pública galega, por medio das axudas que se establezan, recoñécelle ao persoal ao seu servizo o complemento ata o cen por cen da base reguladora do subsidio económico por risco durante o embarazo, e recoñéceo aínda que a traballadora non reunise as exixencias para acceder ao subsidio económico de risco durante o embarazo.
Así mesmo, e aínda que a traballadora non reunise as exixencias para acceder ao subsidio económico por maternidade, garantirase a percepción do cen por cen da súa base reguladora durante o período das seis semanas desde o nacemento do fillo ou da filla.
Artigo modificado: Artigo 42 nova redacción por disposición adicional primeira apartado dous punto 4.
Artigo 42º bis.-Permiso retribuído para asistir e para acompañar a tratamentos de fecundación asistida e mais para acompañar a exames prenatais e a técnicas de preparación ao parto.
1. A Administración pública galega recoñécelle ao persoal ao seu servizo os permisos retribuídos necesarios para a realización de tratamentos de fecundación asistida. A duración destes permisos limitarase ao tempo preciso para a práctica dos ditos tratamentos, e a súa concesión condiciónase á xustificación previa da necesidade da realización daqueles dentro da xornada de traballo. Se a necesidade de desprazamento para recibir o tratamento o xustifica, a duración do permiso será de dous días hábiles.
2. Así mesmo, recoñécese un permiso retribuído a favor de homes e mulleres ao servizo da Xunta de Galicia para acompañar a súa cónxuxe ou parella en análoga relación de afectividade a tratamentos de fecundación asistida, a exames prenatais e a técnicas de preparación ao parto, en idénticos termos e condicións de exercicio que os previstos para estes permisos.
Véxase a disposición derradeira terceira da lei 2/2015.
Artigo engadido: Artigo 42 bis engadido por disposición adicional primeira apartado dous punto 5.
Artigo modificado: Artigo 42 bis apartado primeiro nova redacción por disposición derradeira terceira apartado 1.
Artigo 42 ter. Permiso por lactación
1. A Administración pública galega recoñécelle ao persoal ao seu servizo, por lactación do fillo menor de doce meses, o dereito a ausentarse do posto de traballo durante unha hora diaria, a cal se pode dividir en dúas fraccións de media hora, ou ben a unha redución da xornada de traballo diaria nunha hora, que, por elección da persoa titular do dereito, pode aplicarse ao inicio ou ao final da xornada de traballo, ou dividirse en dúas fraccións de media hora e aplicarse ao inicio e ao final da xornada.
O tempo correspondente a este permiso pode acumularse total ou parcialmente en xornadas completas e facerse uso del en calquera momento despois do remate do período de duración do permiso por parto, adopción ou acollemento.
2. Cando os dous proxenitores traballen, o dereito ao permiso por lactación pode ser exercido indistintamente por calquera deles ou ratearse a súa duración.
3. Nos supostos de adopción ou acollemento, o dereito ao permiso por lactación pode exercerse durante o ano seguinte á efectividade da resolución xudicial ou administrativa de adopción ou acollemento, sempre que no momento desa efectividade o menor non teña feitos os doce meses.
4. Nos supostos de parto, adopción ou acollemento múltiple a duración do permiso por lactación incrementarase en proporción ao número de fillos.
Véxase a disposición derradeira terceira da lei 2/2015.
Artigo engadido: Artigo 42 ter engadido por disposición adicional primeira apartado dous punto 6.
Artigo modificado: Artigo 42 ter nova redacción por disposición derradeira terceira apartado 2.
Artigo 42º quater.-Salas de repouso e salas de lactación.
1. A Administración pública galega facilitará que as traballadoras embarazadas e as nais lactantes teñan a posibilidade de descansar tombadas en lugar apropiado, así como de lactar o seu fillo ou filla con tranquilidade.
2. As mesmas condicións deberanse dar no caso de lactación artificial por parte de pais ou nais.
Artigo engadido: Artigo 42 quater engadido por disposición adicional primeira apartado dous punto 7.
Artigo 43. Dereito das mulleres xestantes a elixiren o período de vacacións e preferencias derivadas da existencia de responsabilidades familiares
1. A Administración pública galega recoñece o dereito á elección do período de vacacións das mulleres xestantes ao seu servizo e á preferencia de elección das persoas con fillos menores de doce anos ou maiores dependentes ao seu coidado, tendo prioridade quen reúna a condición de proxenitor de familia numerosa.
2. Así mesmo, recoñécese o dereito á fixación dun período alternativo de vacacións nos casos de coincidencia do período ordinario de vacacións cos permisos por lactación, parto, adopción ou acollemento, ou doutro proxenitor por parto, adopción ou acollemento dun fillo.
3. Os permisos mencionados no punto anterior, así como os períodos de incapacidade temporal, poden acumularse ás vacacións. Nestes casos, o dereito ás vacacións poderá exercerse mesmo despois do remate do ano natural a que estas correspondan.
Véxase a disposición derradeira terceira da lei 2/2015.
Artigo modificado: Artigo 43 nova redacción por disposición adicional primeira apartado dous punto 8.
Artigo modificado: Artigo 43 nova redacción por disposición derradeira terceira apartado 3.
Artigo 44. Flexibilización de xornada por motivos familiares
1. O persoal ao servizo da Administración pública galega con fillos ou persoas acollidas menores de doce anos ao seu cargo ou con familiares conviventes que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten a asistencia doutras persoas ten dereito á flexibilización da xornada de traballo dentro dun horario diario de referencia nos termos que regulamentariamente se determinen.
2. Idéntico dereito terá o persoal ao servizo da Administración pública galega que se atope en proceso de nulidade, separación ou divorcio, desde a interposición da demanda xudicial ou desde a solicitude de medidas provisionais previas ata transcorridos tres meses desde a devandita demanda ou solicitude.
Véxase a disposición derradeira terceira da lei 2/2015.
Artigo modificado: Artigo 44 nova redacción por disposición adicional primeira apartado dous punto 9.
Artigo modificado: Artigo 44 nova redacción por disposición derradeira terceira apartado 4.
Artigo 45º.-Preferencia en cursos formativos autonómicos.
Quen, sexa muller ou home, estea utilizando ou utilizase, nos últimos dous anos, unha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada ou unha excedencia para o coidado de familiares terá un dereito preferente a participar nos cursos formativos organizados pola Administración pública galega.
Artigo 46. Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo
1. Nos casos de nacemento, acollemento ou adopción dun fillo, o persoal ao servizo da Administración pública galega que non estea a gozar do permiso por parto ou por adopción ou acollemento previsto na normativa aplicable ten dereito a un permiso retribuído de vinte e nove días naturais de duración, do cal se fará uso a partir da data do nacemento, da efectividade da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da efectividade da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. Nos casos de parto, adopción ou acollemento múltiple, a duración deste permiso incrementarase nunha semana máis.
2. O permiso previsto neste artigo é independente do uso compartido do permiso por parto ou por adopción ou acollemento.
3. O persoal ao servizo da Administración pública galega que estea a gozar do permiso por parto ou por adopción ou acollemento pode facer uso do permiso previsto neste artigo inmediatamente a continuación do remate do período de duración daquel nos seguintes supostos:
a) Cando a persoa titular do dereito falecese antes da utilización íntegra do permiso.
b) Se a filiación do outro proxenitor non está determinada.
c) Cando en resolución xudicial ditada en proceso de nulidade, separación ou divorcio, iniciado antes da utilización do permiso, se lle recoñecese á persoa que estea a gozar del a garda do fillo ou filla.
Véxase a disposición derradeira terceira da lei 2/2015.
Artigo modificado: Artigo 46 apartado 1 nova redacción por disposición adicional primeira apartado dous punto 10, e apartados 3 e 4 engadidos por disposición adicional primeira apartado dous punto 11.
Artigo derrogado: Artigo 46 derrogado por disposición derrogatoria.
Artigo modificado: Artigo 46 nova redacción por disposición derradeira terceira apartado 5.
Artigo 46 bis. Permisos por accidente ou enfermidade moi graves
1. Nos casos de accidente ou enfermidade moi graves do cónxuxe ou parella de feito ou dun familiar dentro do primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, o persoal ao servizo da Administración pública galega ten dereito a un permiso retribuído para atender ao coidado desas persoas cunha duración máxima de trinta días naturais.
2. Cada accidente ou enfermidade xera o dereito a un único permiso, que, dentro da duración máxima de trinta días naturais, se pode empregar de forma separada ou acumulada.
Véxase a disposición derradeira terceira da lei 2/2015.
Artigo engadido: Artigo 46 bis engadido por disposición adicional primeira apartado dous punto 12.
Artigo modificado: Artigo 46 bis nova redacción por disposición derradeira terceira apartado 6.
Capítulo IV As medidas de prevención e de sanción do acoso sexual
Artigo 47º.-Definición de acoso sexual e o seu carácter discriminatorio.
A Administración pública galega comprométese na erradicación, dentro do persoal ao seu servizo, do acoso sexual, e, para os efectos desta lei, este defínese como calquera comportamento de contido sexual do que o autor ou autora sabe ou debe saber que é ofensivo para a vítima. O acoso sexual considérase, en todo caso, como unha discriminación por razón de sexo ou xénero.
Artigo 48º.-Medidas de prevención do acoso sexual.
Para previr o acoso sexual adoptaranse as seguintes medidas:
a) A elaboración dunha declaración de principios.
b) O establecemento dun procedemento informal de solución.
Artigo 49º.-A declaración de principios.
Na declaración de principios constarán os seguintes extremos:
a) A ratificación do compromiso de tolerancia cero na loita contra o acoso sexual.
b) A definición do acoso sexual a través de exemplos de doada comprensión.
c) A lembranza a todo o persoal do deber de respectar a dignidade da persoa.
d) A explicación do procedemento informal de solución.
e) A identificación, en cada unidade administrativa ou en cada centro de traballo, do asesor ou asesora confidencial.
f) A garantía dun tratamento serio e confidencial das denuncias formais.
g) A información da garantía de debida protección de quen denuncie e de quen testemuñe, salvo se se evidenciase a súa mala fe.
h) A información das posibles sancións disciplinarias derivadas do acoso sexual.
Artigo engadido: Artigo 49 bis engadido por disposición adicional primeira apartado dous punto 13.
Artigo 49º bis.-Publicidade da declaración de principios.
Sen prexuízo da publicidade adicional que resultase conveniente á finalidade de prevención do acoso sexual, a declaración de principios será publicada no taboleiro de anuncios de cada centro de traballo e unidade administrativa, na que se identificará o asesor ou a asesora confidencial que exercerá as súas funcións no concreto centro ou unidade.
Artigo 50º.-O procedemento informal de solución.
1. Para a tramitación do procedemento informal de solución, a dirección de persoal de cada unidade administrativa ou de cada centro de traballo, logo de audiencia da representación legal de persoal ao seu mando, designará un asesor ou asesora confidencial, preferiblemente unha muller, e pode nomearse como asesor ou asesora confidencial o delegado ou delegada de prevención de riscos laborais.
2. Recibirá o asesor ou asesora confidencial, en todo caso, unha axeitada formación continua, e o tempo de formación deberá asimilarse a tempo de traballo.
3. As súas funcións consistirán en recibir as queixas de acoso sexual e, se os feitos non revestisen caracteres de delito perseguible de oficio ou mediante querela ou denuncia do ministerio fiscal, entrará en contacto, de xeito confidencial, coa persoa denunciada, só ou en compaña da persoa denunciante, por elección desta, para manifestarlle a existencia dunha queixa sobre a súa conduta e as responsabilidades disciplinarias nas que, de ser certas e de reiterarse as condutas denunciadas, a persoa denunciada podería incorrer.
4. Se os feitos revestisen caracteres de delito perseguible de oficio ou mediante querela ou denuncia do ministerio fiscal, poñerá a queixa en coñecemento do órgano competente para incoar o procedemento disciplinario administrativo.
5. Ademais das funcións de tramitación dos procedementos informais de solución, o asesor ou asesora confidencial poderá propoñerlle á dirección do centro as recomendacións oportunas para unha mellor prevención do acoso sexual, e a dirección debe asumir as propostas axeitadas ao marco normativo vixente.
6. Garantirase, en todo caso, a debida protección do asesor ou asesora confidencial fronte ás represalias derivadas do exercicio de calquera das súas funcións.
Artigo 51º.-O procedemento disciplinario.
1. Se a persoa denunciante non se considera satisfeita na solución acadada no procedemento informal, ben por entender insuficientes as explicacións ofrecidas ou ben por producirse reiteración nas condutas denunciadas, se non considerou aconsellable acudir ao procedemento informal de solución ou, en todo caso, se os feitos revestisen caracteres de delito perseguible de oficio ou mediante querela ou denuncia do ministerio fiscal, incoarase un procedemento disciplinario contra a persoa denunciada, que se tramitará segundo as normas aplicables para a imposición de sancións moi graves ao persoal funcionario ou ao persoal laboral, sen prexuízo, se os feitos revestisen caracteres de delito perseguible de oficio ou mediante querela ou denuncia do ministerio fiscal, de lle comunicar os feitos ao xulgado de instrución ou ao ministerio fiscal.
2. No caso de comunicación dos feitos ao xulgado de instrución ou ao ministerio fiscal, e no caso de se seguiren actuacións penais por instancia da persoa denunciante, paralizarase o procedemento disciplinario contra a persoa denunciada en tanto non recaia sentenza xudicial ou auto xudicial de sobresemento firme ou, se non hai actuación xudicial, en tanto non decrete o arquivo o ministerio fiscal.
3. A denuncia poderase formalizar ante o asesor ou asesora confidencial, quen a poñerá en coñecemento do órgano competente para incoar o procedemento disciplinario.
4. En todo caso, garantirase a confidencialidade das partes implicadas durante a tramitación do procedemento disciplinario e a debida protección dos que denuncien ou testemuñen, salvo se se evidenciase a súa mala fe.
Artigo 52º.-Infraccións disciplinarias.
1. Para sancionar o acoso sexual, se resultase acreditado logo de tramitación do procedemento disciplinario contra a persoa denunciada, impoñeráselle a esta, de acordo coa gravidade do feito e coas demais circunstancias concorrentes, a sanción grave ou moi grave, en atención ao principio de proporcionalidade, establecida na normativa funcionarial, estatutaria ou laboral aplicable.
2. Consideraranse, en todo caso, como incumprimentos moi graves do persoal funcionario, estatutario ou laboral ao servizo da Xunta de Galicia:
a) A chantaxe sexual, isto é, o condicionamento do acceso do emprego, dunha condición de emprego ou do mantemento do emprego, á aceptación, pola vítima, dun favor de contido sexual, aínda que a ameaza explícita ou implícita nese condicionamento non se chegue a cumprir de xeito efectivo.
b) O acoso ambiental, isto é, a creación dun contorno laboral intimidatorio, hostil ou humillante de contido sexual, cando, pola gravidade do feito e das demais circunstancias concorrentes, mereza, en atención ao principio de proporcionalidade, a consideración de incumprimento moi grave.
c) A reiteración das condutas ofensivas despois de que a vítima utilizase o procedemento informal de solución establecido no artigo 50 desta lei.
d) Os feitos constitutivos de delito despois de se ditar sentenza xudicial condenatoria do denunciado, sen que se poida vulnerar o principio de non bis in idem.
3. Nos demais casos, o incumprimento será merecedor dunha sanción grave.
Capítulo V A erradicación do acoso moral por razón de xénero
Artigo 53º.-Definición de acoso moral por razón de xénero.
A Administración pública galega comprométese na erradicación, dentro do persoal ao seu servizo, do acoso moral por razón de xénero, e, para os efectos desta lei, este defínese como calquera acción ou omisión relacionada co xénero e, en especial, coas situacións de maternidade ou de asunción doutras cargas familiares que teñan como finalidade ou como consecuencia atentar contra a dignidade da persoa, sexa muller ou home, a través da creación dun contorno intimidatorio, hostil, humillante ou ofensivo.
Artigo 54º.-Garantías da erradicación do acoso moral.
1. Quen realice actos de acoso moral por razón de xénero ou quen imparta ordes tendentes á súa realización incorrerá na responsabilidade disciplinaria derivada dun acto discriminatorio por razón de sexo.
2. Poderá voluntariamente acudir a persoa denunciante ao procedemento informal establecido, para a prevención do acoso sexual, no artigo 50 desta lei.
3. As denuncias non lle supoñerán, nin a quen denuncie nin a quen testemuñe, efectos prexudiciais, salvo se se evidenciase unha mala fe na denuncia ou no testemuño.
Disposicións adicionais
Primeira.-
Coa finalidade de facilitar a aplicación do principio de transversalidade establecido nos artigos 6 a 8 desta lei, a totalidade das estatísticas e investigacións con eventual repercusión en cuestións de xénero realizadas pola Comunidade Autónoma de Galicia desagregará os datos en atención ao sexo e en atención ás circunstancias vinculadas ao xénero, como a asunción de cargas parentais e familiares. Da totalidade destas estatísticas e investigacións enviaráselle copia ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.
Segunda.-
No plan establecido no artigo 21 desta lei, e para os efectos de cumprir o disposto nos artigos 30 e 31 dela, farase sempre unha consideración especial da participación das mulleres no desenvolvemento rural. Idéntica consideración se realizará no Plan galego de emprego feminino establecido ao abeiro da lexislación galega específica de igualdade no emprego e no traballo.
Artigo modificado: Disposición adicional segunda nova redacción por disposición derrogatoria única apartado 1.º).
Terceira.-
As valoracións técnicas de prazas de funcionarios e funcionarias e/ou de postos de traballadores e traballadoras, para os efectos establecidos nos artigos 35 e 39 desta lei, poderán encargárselles aos órganos competentes de xestión de recursos humanos da Administración pública galega. Tamén poderá solicitarse a colaboración, dentro das súas competencias, da Inspección de Traballo e Seguridade Social. Só excepcionalmente, se as especiais circunstancias do caso o aconsellasen, se acudirá a persoal especializado alleo á Administración pública galega ou á Inspección de Traballo e Seguridade Social.
Cuarta.-
1. A través da negociación colectiva coa representación do persoal funcionario e laboral poderanse mellorar as condicións de prevención e de sanción do acoso sexual establecidas nos artigos 47 a 52 desta lei, e, en especial, poderanse ampliar as prerrogativas e as funcións dos asesores ou asesoras confidenciais.
2. O Servizo Galego de Saúde elaborará, no prazo de dous meses desde a entrada en vigor desta lei, un modelo da declaración de principios establecida no artigo 49, o cal, como contido mínimo, asumirá a dirección de persoal de cada unidade administrativa ou de cada centro de traballo, sen prexuízo da súa facultade de designación do asesor ou asesora confidencial establecida no artigo 50.
Quinta.-
A Xunta de Galicia no seu ámbito de competencias promoverá e levará a cabo accións dirixidas a conseguir os seguintes obxectivos, en relación coa información, co asesoramento e coa orientación para as mulleres:
1. Garantir o funcionamento e, se é o caso, crear, no prazo máximo de dous anos, centros e servizos de información e asesoramento ás mulleres en número e dotacións suficientes.
2. Apoiar as entidades que presten servizos de información e asesoramento ás mulleres.
Sexta.-
A Xunta de Galicia dotará anualmente os orzamentos necesarios para poñer en práctica as medidas que se desenvolvan en cumprimento desta lei.
Sétima.-
A consellería competente en materia de igualdade de mulleres e homes dispoñerá dun sistema de avaliación da eficacia e eficiencia dos recursos, servizos e procedementos específicos para o desenvolvemento das actuacións previstas nesta lei.
Disposición adicional oitava.
A Administración pública galega garantiralle ao seu persoal feminino vítima de violencia de xénero o salario íntegro de tres meses de optar, segundo a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, pola suspensión do contrato de traballo ou pola situación de excedencia.
Artigo engadido: Disposición adicional oitava engadida por disposición adicional primeira apartado dous punto 14.
Disposición adicional novena.
No suposto de matrimonio de mulleres, ao ser unha delas a nai biolóxica, garantiráselle á que non o fose, de ser persoal funcionario, eventual, interino, estatutario ou laboral da Administración pública galega, que, por elección daquela, poida aproveitar a parte da licenza de maternidade que se lle podería transferir ao pai.
Artigo engadido: Disposición adicional novena engadida por disposición adicional primeira apartado dous punto 15.
Disposición derrogatoria
Única.-
Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan o disposto nesta lei.
Disposicións derradeiras
Primeira.-
Facúltase a Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións regulamentarias sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento desta lei.
Segunda.-
Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, agás o capítulo terceiro do título segundo, o cal entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dezaseis de xullo de dous mil catro.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.