Decreto 191/2004, do 29 de xullo, de establecementos de turismo rural

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 154 10/08/2004
Departamento: Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

A Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, define, clasifica e establece normas de carácter xeral dos establecementos de turismo rural nos seus artigos 46 ao 48, remitíndose ao seu posterior desenvolvemento regulamentario no referente aos requisitos de instalacións, apertura e condicións mínimas exixidas a cada grupo.

Na actualidade os establecementos de turismo rural están regulamentados na Orde do 2 de xaneiro de 1995. Esta orde pretendía contribuír á creación de infraestruturas turísticas en núcleos rurais aproveitando a grande riqueza histórico-artística existente, posibilitando a súa rehabilitación e conservación, e ofrecendo posibilidade de emprego, asentando a poboación e favorecendo o desenvolvemento turístico.

Durante o período de vixencia da citada orde o turismo rural experimentou un crecemento progresivo na nosa comunidade consolidando a oferta de aloxamento no medio rural. Non obstante, a experiencia adquirida nestes anos indica que é precisa unha actualización tanto no referente aos requisitos das instalacións, funcionamento e servizos dos aloxamentos como no relativo ao seu réxime administrativo.

A proxección e difusión da imaxe da Comunidade Autónoma de Galicia como destino turístico atractivo, diverso e de calidade, require, entre outras prioridades, que os poderes públicos adecuen a normativa existente ás exixencias do novo escenario turístico, sobre todo se temos en conta que o turismo rural é un dos produtos turísticos de maior crecemento da nosa Comunidade Autónoma.

Nesta liña, a presente norma introduce novidades moi significativas. Cabe salientar en primeiro lugar a creación dun novo grupo na clasificación de establecementos de turismo rural. Neste novo grupo -grupo D- intégranse as aldeas rurais, entendéndose por estas os conxuntos de, como mínimo, tres casas situadas no mesmo núcleo rural, explotadas de forma integrada e cun único titular.

Así mesmo, os establecementos pertencentes ao grupo C, é dicir, as casas de labranza, deberán agora cumprir co requisito de contar cunha extensión mínima de 5.000 m2, dos cales polo menos o 40 por cento deberá estar situado na contorna inmediata da vivenda e será precisa igualmente a acreditación polo titular da súa alta como agricultor ou gandeiro no réxime correspondente da Seguridade Social.

Tamén se concede unha nova regulamentación ao réxime de explotación dos establecementos de turismo rural, de xeito que estes poderán adoptar a modalidade de aloxamento compartido ou de aloxamento non compartido, abandonándose así a distinción entre hospedaría e residencia que recollía o referido texto do ano 1995.

Outra das novidades introducidas por esta norma é a posibilidade de que as casas de aldea, as casas de labranza e as aldeas de turismo rural poidan ofrecer como aloxamento apartamentos, fixándose a este respecto os requisitos que os ditos establecementos deberán cumprir para incluílos na súa oferta aloxativa.

E, ademais dun minucioso tratamento dos requisitos que os establecementos de turismo rural teñen que cumprir, a nova disposición regulamenta o réxime de prezos e reservas aplicable a estes establecementos, establece a posibilidade de que o interesado que pretenda rehabilitar unha edificación para o seu destino como turismo rural solicite a emisión dun informe por parte da administración turística e elimina a autorización turística provisoria exixida pola anterior regulamentación, simplificándose deste xeito o procedemento.

En consecuencia, o presente decreto dítase no desenvolvemento das prescricións contidas na Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Capítulo I Ámbito de aplicación

Artigo 1º

1. Quedan suxeitos ao disposto neste decreto os establecementos de turismo rural, entendendo como tales aquelas edificacións situadas no medio rural da Comunidade Autónoma de Galicia que, reunindo características singulares de construción, antigüidade e tipicidade galega ou que desenvolvendo actividades agropecuarias, presten servizos de aloxamento turístico mediante prezo.

2. Para os efectos deste decreto debe entenderse por medio rural o espazo rural onde se asentan os establecementos obxecto deste regulamento, que deben ter as características propias da súa contorna, un ambiente de tranquilidade, non estar afectado por estruturas urbanas degradadas, actividades minerais ou extractivas superficiais e contar con vías de acceso axeitadas.

Capítulo II Clasificación e modalidades de explotación

Artigo 2º

1. Atendendo á súa singularidade edificativa, valor arquitectónico e oferta agropecuaria, os establecementos de turismo rural clasifícanse en catro grupos:

a) Grupo A.

Comprende os pazos, castelos, mosteiros, casas grandes e casas reitorais e aqueloutras edificacións que polas súas singulares características e valor arquitectónico, sexan recoñecidas como tales polos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Grupo B.

Comprende as casas de aldea situadas no medio rural que, pola súa antigüidade e características de construción, respondan á tipicidade propia das casas rústicas galegas.

c) Grupo C.

Comprende as casas de labranza, entendendo como tales as casas situadas no medio rural e con cuartos dedicados ao aloxamento de hóspedes, nas cales se desenvolvan actividades agropecuarias en que poidan participar os clientes aloxados. Esta forma de turismo é a definida como agroturismo.

d) Grupo D.

Neste grupo intégranse as aldeas de turismo rural. Enténdese por aldea de turismo rural o conxunto de, como mínimo, 3 casas situadas no mesmo núcleo rural, que sexan explotadas de forma integrada e pertenzan ao mesmo titular. O conxunto das vivendas da aldea de turismo rural gardará entre si unha distancia máxima de 500 m.

2. Os establecementos de turismo rural dos grupos A, B e C poderán estar integrados por unha ou varias edificacións sempre que estas formen un conxunto homoxéneo, é dicir, sexan edificacións da mesma natureza que formen parte dun todo ou dun conxunto, estean encadradas no mesmo predio e pertenzan ao mesmo titular.

Artigo 3º

1. Para os efectos deste decreto, enténdese por actividades agropecuarias o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente polo seu titular para a produción agrícola ou gandeira. A dita actividade deberá ser desempeñada por agricultores ou gandeiros que teñan tal condición de acordo coa lexislación vixente, de xeito permanente e indefinido, polo que a actividade agroturística será complementaria da agraria habitual e principal.

2. En todo caso, a extensión mínima de terreo afectada pola explotación agrícola ou gandeira será de 5.000 m2, dos cales polo menos o 40 por cento deberá situarse na contorna inmediata da

Artigo 4º

1. As aldeas de turismo rural deberán dispor de salón social, restaurante e bar, podendo contar ademais con centros de encontro como tendas de artesanía, tendas de produtos de alimentación e bebidas típicas do lugar, etc. Así mesmo, deberán ofrecer a práctica de actividades de lecer e tempo libre, así como dispor de instalacións deportivas ou de esparexemento.

2. En todo caso, ofertarase un mínimo de tres actividades complementarias de entre as que a seguir se relacionan:

a) Camiñadas.

b) Rutas a cabalo.

c) Bicicleta.

d) Quads.

e) Instalacións que permitan a práctica de deportes:

* Piscina.

* Canchas de tenis.

* Canchas de baloncesto.

* Golf, etc.

f) Fomento da divulgación da artesanía e demais produtos locais e rexionais.

g) Fomento da divulgación dos xogos tradicionais da rexión.

h) Actividades de animación.

i) Tamén poderá proporse a realización doutras actividades que polo seu interese turístico sexan consideradas axeitadas e pertinentes para a súa oferta polo centro directivo da consellería competente en materia de turismo.

Artigo 5º

As edificacións encadradas no grupo A deberán ser anteriores ao ano 1900 e as dos grupos B e D anteriores ao ano 1940.

Artigo 6º

1. Os establecementos de turismo rural, en función do seu réxime de explotación, clasifícanse en:

a) Establecementos de turismo rural de aloxamento compartido.

b) Establecementos de turismo rural de aloxamento non compartido.

2. As casas de labranza unicamente poderán adoptar a modalidade de aloxamento compartido.

Artigo 7º

1. Os establecementos de turismo rural adoptarán a modalidade de aloxamento compartido cando o titular do establecemento e os seus familiares que convivan con el compartan o uso da súa propia vivenda cunha zona dedicada a hóspedes.

2. Nesta modalidade, cando as dependencias privadas do titular se atopen no núcleo principal da vivenda, estas situaranse preferentemente no baixo cuberta da edificación.

3. Se a titularidade correspondese a unha persoa xurídica, deberá residir na vivenda polo menos unha persoa física con poder abondo para representala e xestionar o establecemento.

Artigo 8º

1. Os establecementos de turismo rural adoptarán a modalidade de aloxamento non compartido cando o titular do establecemento non conviva ou comparta as dependencias cos hóspedes. O titular deberá ofrecer o uso e goce do establecemento en condicións de equipamento, instalacións e servizos que permitan a súa inmediata utilización. Así mesmo, poderá contratar a casa enteira ou por unidades de aloxamento.

2. Nesta modalidade é obrigatorio comunicar o nome do encargado que terá como misión facilitar o aloxamento e resolver cantas incidencias xurdan coa clientela. O encargado deberá residir no mesmo municipio ou limítrofe a onde radique o establecemento.

Artigo 9º

1. Os titulares dos establecementos de turismo rural poderán incluír na súa oferta o servizo de comidas, ben en réxime de media pensión alimenticia ou pensión alimenticia, así como servizos soltos. No servizo de comidas procurarase a utilización de produtos da zona e da cociña típica do lugar.

2. De incluírse esta oferta, deberá manterse e comunicarse á administración turística de acordo coa normativa vixente en materia de comunicación e selaxe de prezos.

3. Os establecementos de aloxamento compartido ou ben non compartido en réxime de contratación por unidades de aloxamento deberán ofrecer, ademais do servizo de aloxamento, o de almorzo, sendo este opcional para os hóspedes.

Capítulo III Requisitos xenéricos

Artigo 10º

1. Nas edificacións e predios que se pretendan dedicar a turismo rural non se admitirán construcións ex novo, agás o disposto nos números 3 e 7 deste artigo, non podendo realizar obras que signifiquen un aumento do volume edificado ou que modifiquen a súa arquitectura orixinal. En todo caso os proxectos deberán ser respectuosos coa organización estrutural da edificación, utilizándose materiais e acabamentos tradicionais propios da zona onde radique o inmoble. Cando se pretenda unha solución innovadora referida a materiais e acabamentos, deberá contar co informe favorable das comisións territoriais de Patrimonio Histórico Galego.

2. A recuperación dos sistemas construtivos (cando sexa precisa) levarase a cabo cos requirimentos técnicos exixibles tendo especial coidado na resolución da cuberta, lucernarios e elementos auxiliares, así como no tratamento da estrutura e morfoloxía das fachadas.

3. Só se permitirán construcións ex novo para a oferta complementaria de servizos sempre que estean en consonancia coa edificación principal e os seus elementos estruturais sexan facilmente reversibles como canchas de tenis, frontón e baloncesto, saunas, piscinas e os seus elementos auxiliares como duchas, vestiarios, etc.

4. As dependencias anexas, que non supoñan construcións ex novo, tipo alpendres, cuartos de apeiros, palleiras ou outros de similar natureza e que estean en consonancia coa edificación principal, poderán adecuarse para a prestación de servizos como comedores, salóns, bares, restaurantes ou apartamentos.

5. As actuacións deberán ser globais e comprenderán a totalidade das edificacións da parcela, así como a súa urbanización. As dependencias que non estean en consonancia coa edificación principal deberán derrubarse ou corrixirse conforme a lexislación urbanística vixente.

6. A totalidade das dependencias dos establecementos dedicadas ao aloxamento de hóspedes deberán ter unha altura mínima de 2,5 m. Nos cuartos con bufardas, mansardas ou teitos inclinados, polo menos o 60 por cento da superficie mínima exixida para a súa categoría disporá da antedita altura.

7. Nos supostos en que, de acordo co establecido no presente decreto, se permitan construcións ex novo, estas deberán cumprir, ademais dos requisitos especificados nesta norma, as condicións de edificación establecidas na lexislación urbanística para o solo rústico e/ou solo de núcleo rural.

Artigo 11º

1. Para os efectos de verificación do cumprimento do disposto no artigo anterior, os interesados en rehabilitar unha edificación para o seu destino como establecemento de turismo rural poderán achegar á delegación provincial da consellería competente en materia de turismo o correspondente proxecto básico da rehabilitación en que se inclúa a seguinte documentación:

-Anexo técnico.

-Memoria histórica do edificio, facendo referencia á súa catalogación ou inventariación, se é o caso, e fotografías do inmoble interiores, exteriores e a súa contorna.

-Memoria explicativa do proxecto, xustificación das solucións adoptadas e descrición dos materiais e acabamentos propostos.

-Planos do estado actual e do estado reformado.

2. Á vista desta documentación, a delegación provincial da consellería competente en materia de turismo emitirá o correspondente informe no cal se sinalará se a rehabilitación do inmoble que se pretende dedicar a turismo rural cumpre o estipulado nesta norma, así como a clasificación que lle puidese corresponder. O contido deste informe non terá carácter vinculante para os efectos da autorización de apertura e clasificación turística.

Capítulo IV Distintivos e publicidade

Artigo 12º

1. En todos os establecementos de turismo rural identificaranse o espazo e instalacións dedicados de forma permanente á explotación turística. En particular, esa identificación deberá figurar no exterior dos cuartos e poderá ser numérica ou nominal.

2. Igualmente, será obrigatoria a exhibición na parte exterior da entrada principal, nun lugar moi visible, dunha placa identificativa realizada sobre unha base de cerámica e normalizada en que conste o grupo e tipo de edificación en que foi clasificado o establecemento. Os modelos, dimensións e cores das placas identificativas son os que constan no anexo I desta disposición.

Artigo 13º

1. Ningún establecemento de turismo rural poderá usar a denominación, rótulo ou distintivo diferentes dos que lles correspondan polo seu grupo ou modalidade.

2. Queda prohibido o uso dos termos aloxamento rural e/ou turismo rural en calquera establecemento que non conte coa preceptiva autorización turística prevista neste decreto. Queda, así mesmo, prohibido o uso de iniciais, abreviaturas ou termos similares que induzan a confusión sobre o grupo e modalidade do establecemento.

3. As prescricións contidas neste artigo deben entenderse efectuadas ao abeiro do disposto no título VI da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Capítulo V Requisitos de clasificación

Sección primeira Requisitos xerais

Artigo 14º

Os requisitos sinalados neste capítulo serán de aplicación a todos os establecementos de turismo rural, calquera que sexa o seu grupo ou modalidade, agás que de modo expreso se limiten algúns deles.

Artigo 15º

Todos os establecementos de turismo rural deberán cumprir a normativa vixente en materia de construción e edificación, instalación e funcionamento de maquinaria, sanidade, consumo, seguranza e hixiene, tendo en conta o cumprimento da normativa vixente en materia de prevención e extinción de incendios, así como a referente ao fornecemento de augas, saneamento e depuración e ambiente e accesibilidade.

Artigo 16º

Os establecementos de turismo rural deberán encontrarse en perfecto estado de conservación.

Artigo 17º

As instalacións, moblaxe, elementos decorativos e demais accesorios serán de excelente ou boa calidade segundo se trate de establecementos do grupo A ou B, C e D.

Artigo 18º

Todos os servizos e actividades que, non sendo exixidos pola presente norma, sexan ofrecidos polos establecementos de turismo rural, deberán cumprir as disposicións establecidas nas súas normativas específicas.

Artigo 19º

1. Os establecementos de turismo rural deberán permanecer abertos e prestar os seus servizos, como mínimo, durante oito meses ao ano, sendo obrigatorios os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

2. Nos establecementos de turismo rural o período de aloxamento continuado non debe exceder sesenta días.

Sección segunda Requisitos dos cuartos e dos apartamentos

Artigo 20º

1. A zona afectada ao aloxamento de hóspedes ofertará como mínimo:

-No grupo A: 5 cuartos dobres e non poderá dispor de máis de 15 cuartos.

-No grupo B: 3 cuartos dobres e non poderá dispor de máis de 10 cuartos, incluíndo, de ser o caso, as autorizadas en apartamentos.

-No grupo C: 2 cuartos dobres e non poderá dispor de máis de 10 cuartos, incluíndo, de ser o caso, as autorizadas en apartamentos.

2. No grupo D: en cada casa poderase autorizar un máximo de 7 cuartos, incluíndo, de ser o caso, as autorizadas en apartamentos. No conxunto de casas integradas na aldea de turismo rural o número máximo de cuartos será de 50.

3. No grupo A, excepcionalmente o centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo poderá autorizar un máximo dun 50 por cento máis de cuartos, cando o tamaño da edificación, a súa riqueza arquitectónica e a oferta de instalacións e servizos dos establecementos así o aconsellen.

Artigo 21º

Os cuartos deberán estar situadas no núcleo principal da vivenda, agás dispensa que, por motivos xustificados, conceda o centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo.

Artigo 22º

Todos os cuartos terán iluminación e ventilación directa ao exterior mediante ventás.

Artigo 23º

No grupo A os cuartos constarán como mínimo de dormitorio e cuarto de baño con ventilación directa ou forzada, con auga quente e fría, dotado de lavabo, bidé, inodoro e bañeira polo menos nun 50 por cento dos cuartos de baño, podendo dispor de ducha o resto dos cuartos de baño.

Artigo 24º

Nas casas de aldea, aldeas de turismo rural e casas de labranza os cuartos disporán, polo menos, de cuarto de aseo con ventilación directa ou forzada, con auga quente e fría, e dotado como mínimo, de ducha, lavabo e inodoro.

Artigo 25º

1. Todos os cuartos permitirán que se inscriba no seu interior un círculo de, como mínimo, 2,5 m de diámetro.

2. Na superficie dos cuartos non se computarán as zonas de paso nin os baños ou aseos e salóns. Sen embargo, incluirase nese cómputo a superficie dos armarios encaixados sempre e cando se atopen no cuarto e ata un máximo do 15% da superficie dela.

Artigo 26º

1. O mobiliario constará polo menos de camas dobres ou individuais, segundo se trate, mesas de noite, armarios (encaixados ou non) con perchas suficientes e conmutadores de luz ao lado das camas.

2. As dimensións mínimas das camas dobres será de 1,90 m de longo por 1,35 m de largo e nas camas individuais será de 1,90 m de longo por 0,90 m de largo.

3. Non se permitirá a utilización de liteiras.

Artigo 27º

Consideraranse cuartos especiais, aqueles que, ademais de cuarto de baño incorporado, dispoñan tamén de sala de estar ou terraza ou galería de uso privado para os hóspedes aloxados no cuarto.

Artigo 28º

As superficies mínimas exixidas para os cuartos son as refletidas no seguinte cadro:

[figura]

Artigo 29º

1. As casas de aldea, casas de labranza e aldeas de turismo rural poderán tamén ofrecer como aloxamento apartamentos.

2. Enténdese por apartamentos aqueles que contan, nun recinto completamente individualizado, cun cuarto ou cuartos, cun máximo de 2, cuarto de baño ou aseo, cociña e sala de estar-comedor. A sala de estar-comedor terá iluminación e ventilación directa ao exterior mediante ventás. A cociña poderá instalarse na sala de estar-comedor sempre que estea debidamente ventilada e acondicionada para evitar fumes e cheiros. Deberán estar dotadas de utensilios e enxoval abondo para atender a súa capacidade aloxativa.

3. A sala de estar-comedor e a cociña contarán cun equipamento e mobiliario suficiente en bo estado de uso e conservación.

4. As superficies mínimas dos apartamentos son as que se relacionan a seguir:

[figura]

5. Os requisitos previstos neste artigo serán igualmente aplicables aos apartamentos anexos, exteriores á construción principal pero vinculados a ela.

Sección terceira Requisitos dos comedores, cociñas e salóns sociais

Artigo 30º

1. Os establecementos de turismo rural disporán polo menos dun salón social.

2. Os salóns ou espazos comúns estarán debidamente equipados e deberán ter un mobiliario en bo estado de uso e conservación. As súas medidas mínimas son as que se refliten no seguinte cadro:

[figura]

Artigo 31º

1. Os establecementos de turismo rural deberán dispor de cociña.

2. Nos establecementos de aloxamento non compartido, tanto se se aluga a casa enteira como por unidades aloxativas, a cociña estará ao dispor dos hóspedes.

3. A cociña, que terá sempre ventilación directa ao exterior, deberá estar debidamente equipada en consonancia co número de prazas que se oferten.

4. No caso de que a totalidade das unidades do establecemento sexan apartamentos, non será obrigatorio a cociña situada fóra do recinto individualizado.

Artigo 32º

1. Cando o establecemento teña a obriga de ofrecer o almorzo ou ofreza a pensión ou a media pensión alimenticia, a capacidade do comedor será a correspondente ao número de prazas aloxativas do establecemento.

2. No caso de que o establecemento non supere a oferta de oito prazas de aloxamento, poderase utilizar o salón social tamén como comedor.

3. Os comedores estarán debidamente equipados e deberán ter un mobiliario en bo estado de uso e conservación.

Sección cuarta Outros servizos

Artigo 33º

Os establecementos de turismo rural deberán dispor de teléfono para uso xeral dos clientes.

Artigo 34º

Tanto as dependencias do uso xeral para os clientes como os cuartos estarán dotados de calefacción, debendo acadar e manter durante a súa utilización unha temperatura ambiental mínima de entre 19º C a 21º C.

Artigo 35º

Os establecementos de turismo rural entregaranse en perfectas condicións de uso.

Artigo 36º

1. Nos establecementos de turismo rural clasificados na modalidade de aloxamento compartido, a limpeza de todas as estancias e o cambio de enxoval realizarase a cotío e será por conta dos titulares dos establecementos.

2. Nas modalidades de aloxamento non compartido, a limpeza diaria da estancia e o cambio de enxoval, agás acordo en contrario subscrito polas partes interesadas, de que quedará constancia, será por conta do titular do establecemento.

Artigo 37º

Os establecementos de turismo rural deberán dispor de caixa de primeiros auxilios.

Artigo 38º

Todos os establecementos de turismo rural poderán instalar nos cuartos, a petición dos clientes, como máximo, dúas camas supletorias que deberán estar previamente autorizadas pola Administración turística. Para isto, a superficie dos cuartos deberá exceder nun 25 por cento a mínima exixida, por cada cama supletoria que se utilice, e a instalación destas non poderá interromper a libre circulación dos hóspedes cara á saída dos cuartos e entradas dos baños.

Artigo 39º

Cando os establecementos de turismo rural ofrezan o servizo de sala de reunións, este deberá ser completamente independente dos espazos comúns que posúa o establecemento.

Artigo 40º

1. Cando con independencia dos servizos propios do establecemento, se ofrezan anexionados ao público en xeral servizos de restaurante integrados na mesma unidade de explotación, estes rexeranse polas normas específicas que lles sexan de aplicación aos establecementos de restauración. Para o caso de que fose preciso compartir determinados espazos comúns do establecemento, non se prexudicarán os dereitos da clientela do aloxamento e a do restaurante.

2. Do mesmo xeito, poderase autorizar o servizo de bar sempre e cando este radique nunha construción anexa fóra da casa principal, e a súa actividade canto a horarios e réxime de funcionamento, non prexudique os dereitos da clientela do aloxamento, preservándose en todo momento a tranquilidade dos hóspedes do establecemento de turismo rural.

3. Os salóns para reunións, restaurantes e bares terán que estar recubertos de materiais illantes e sistemas construtivos adecuados que garantan o seu illamento e insonorización.

4. Non poderá autorizarse a actividade turística de restaurante, cafetaría e café-bar nas casas de turismo rural que se contraten na modalidade de casa enteira.

5. A finca en que radique o establecemento de turismo rural estará vinculada á dita actividade. Non se permitirá a creación doutros establecementos de carácter aloxativo nese mesmo predio.

Capítulo VI Réxime de prezos e reservas

Decreto 179/2011, do 8 de setembro.

Artigo derrogado: Artigo 41 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 179/2011, do 8 de setembro.

Artigo derrogado: Artigo 42 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 179/2011, do 8 de setembro.

Artigo derrogado: Artigo 43 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 179/2011, do 8 de setembro.

Artigo derrogado: Artigo 44 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 179/2011, do 8 de setembro.

Artigo derrogado: Artigo 45 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 179/2011, do 8 de setembro.

Artigo derrogado: Artigo 46 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 179/2011, do 8 de setembro.

Artigo derrogado: Artigo 47 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 179/2011, do 8 de setembro.

Artigo derrogado: Artigo 48 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 179/2011, do 8 de setembro.

Artigo derrogado: Artigo 49 derrogado por disposición derrogatoria única.

Decreto 179/2011, do 8 de setembro.

Artigo derrogado: Artigo 50 derrogado por disposición derrogatoria única.

Capítulo VII Libro de visitas, follas de reclamacións e partes de entrada

Artigo 51º

En todos os establecementos deberá existir un libro de inspección que lles facilitará a Administración turística.

Artigo 52º

1. Todos os establecementos deberán ter ao dispor dos clientes follas de reclamacións que lles serán facilitadas pola Administración turística.

2. A súa existencia anunciarase nun lugar visible e de fácil lectura para os clientes.

Artigo 53º

Os establecementos de turismo rural deberán cumprir a normativa vixente en materia de libros-rexistro e partes de entrada de viaxeiros.

Capítulo VIII Normas para a autorización de apertura e clasificación

Sección primeira Autorización de apertura e clasificación

Artigo 54º

1 Para realizar a actividade propia dos establecementos de turismo rural en calquera dos grupos e modalidades, será requisito previo a obtención polo centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo da autorización de apertura e clasificación turística en que se fixará o grupo e modalidade que lle puidese corresponder conforme a presente ordenación.

2. A Administración turística poderá denegar a solicitude de apertura como establecemento de turismo rural daqueles establecementos que, a pesar de encontrarse no medio rural, debido á súa proximidade a determinadas estradas, industrias, empresas ou actividades, non reúnan as condicións adecuadas para que os seus clientes poidan desfrutar do ambiente de tranquilidade propio desta modalidade de turismo.

3. A Administración turística tamén poderá denegar a solicitude de apertura como establecementos de turismo rural a aqueles establecementos que radiquen na proximidade de estruturas urbanas degradadas ou que non dispoñan de vías de acceso adecuadas.

Artigo 55º

1. Para os efectos de obter a autorización de apertura e clasificación turística, os interesados deberán presentar na correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de turismo ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación:

a) Solicitude de autorización de apertura e clasificación turística segundo o modelo oficial que consta no anexo II deste decreto, debéndose indicar o período de funcionamento do establecemento para que se solicita a autorización.

b) Fotocopia compulsada do DNI ou CIF, segundo corresponda, do solicitante.

c) Se a titularidade do establecemento correspondese a unha persoa xurídica, fotocopia compulsada da escritura de constitución da sociedade e poderes do solicitante para o caso de que non se deduza claramente da escritura social.

d) Fotocopia compulsada do título ou contrato que probe a libre dispoñibilidade do establecemento por parte do solicitante.

e) Dúas diapositivas da edificación, unha de cada un dos espazos comúns, dous dos cuartos e unha de cada un dos elementos singulares do predio como hórreos, cruceiros, eiras ou pombais, e unha da contorna.

f) Plano de situación do edificio.

g) Planos de distribución interior a escala 1:100 onde consten todas as dependencias e memoria do proxecto de obras, asinado polo técnico facultativo que fará constar o seu número de colexiado.

h) Acreditación municipal da antigüidade da edificación.

i) Para os establecementos comprendidos no grupo C, informe de vida laboral das persoas ocupadas na explotación agropecuaria, emitido polo Instituto Nacional de Seguridade Social.

j) Fotocopia compulsada da correspondente autorización do órgano urbanístico autonómico, no suposto de que, de acordo co establecido na lexislación urbanística, sexa necesario obtela con carácter previo á licenza municipal.

k) Fotocopia compulsada da licenza de actividade clasificada ou de apertura e da licenza urbanística do establecemento de turismo rural de que se trate ou, no seu defecto, da súa solicitude, á cal se lle xuntará, neste último caso, o proxecto técnico, asinado por facultativo e visado polo colexio profesional correspondente, con pronunciamento expreso sobre o cumprimento da normativa vixente en materia de prevención e protección contra incendios e accesibilidade, así como informe municipal sobre a viabilidade urbanística do proxecto.

l) Para os establecementos comprendidos no grupo A, informe do centro directivo competente en materia de patrimonio cultural da consellería competente, en que, segundo os seus propios criterios, se indique, se é o caso, que denominación lle podería corresponder.

m) Normas de réxime interior que rexerán no establecemento formuladas e asinadas polo seu titular ou, no seu defecto, unha declaración deste acreditativa de que no seu establecemento non existen tales normas de réxime interior.

n) Certificado do órgano competente da Xunta de Galicia, acreditativo do cumprimento das condicións hixiénico-sanitarias do establecemento exixidas pola normativa vixente.

ñ) Póliza de responsabilidade civil que cubra os riscos dos usuarios do establecemento por danos corporais, danos materiais e os prexuízos económicos causados que deriven do desenvolvemento da súa actividade e que cubra a contía mínima de 300.500 A.

Cando o establecemento supere as 50 prazas, a contía mínima que deberá cubrir a póliza de seguro verase incrementada nun 50 por cento.

No suposto de que a póliza inclúa franquías, o límite máximo destas non poderá superar a cantidade de 200 A. Se se pacta un límite superior, en ningún caso este poderá ser opoñible ao terceiro prexudicado.

Os establecementos están obrigados a manter en permanente vixencia a dita póliza. Para estes efectos deberán presentar periodicamente os correspondentes recibos de pagamento que acrediten tal vixencia.

Para iniciar a tramitación do expediente, bastará coa presentación en orixinal do documento en que a entidade aseguradora asuma por escrito o compromiso de aceptar as coberturas do risco e de emitir a póliza de seguro nas condicións previstas no presente punto. Non obstante, para o outorgamento da autorización será imprescindible presentar o orixinal ou copia compulsada da póliza, así como o correspondente recibo de pagamento da prima que acredite a súa vixencia.

Co fin de que a póliza de seguro cumpra a súa finalidade, a súa contía así como a das posibles franquías, poderán ser modificadas mediante orde do conselleiro competente en materia de turismo.

A dita póliza poderá substituírse por outra de carácter colectivo subscrita por agrupacións de establecementos de aloxamento de turismo rural, sempre que sexa para os mesmos fins e cos mesmos requisitos.

o) Solicitude de inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

p) Certificado municipal de empadroamento acreditativo da residencia habitual para todos os establecementos clasificados na modalidade de aloxamento compartido.

q) Taxas correspondentes.

2. A delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de turismo iniciará o oportuno expediente de apertura e clasificación que, unha vez completo, elevará, xunto co seu informe, ao centro directivo da citada consellería, que expedirá, se procede, a autorización de apertura e clasificación turística no prazo máximo de 6 meses, contados a partir da entrada no rexistro do órgano competente da solicitude de apertura e clasificación.

3. Transcorrido ese prazo sen que se teña expedido a autorización de apertura e clasificación, entenderase estimada, producíndose os efectos xurídicos que establecen respecto dos actos presuntos o artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 56º

Tendo en conta os condicionamentos arquitectónicos e as características especiais do establecemento e mais a conveniencia de adaptar a eles as funcións propiamente aloxativas, o centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo poderá conceder as dispensas que razoadamente se soliciten en relación coas instalacións e equipamentos, sen prexuízo da normativa sanitaria, ambiental, de seguridade industrial, de protección contra incendios e de accesibilidade que lle sexa de aplicación.

Sección segunda Cambios do establecemento

Artigo 57º

1. Para realizar calquera ampliación, modificación ou reforma substancial, entendida esta en canto afecte a estrutura, características, servizos ou sistema de explotación dos establecementos que puidese afectar a súa clasificación, capacidade ou o resto dos requisitos conforme os cales se lles outorgou a autorización de apertura e clasificación, será precisa autorización previa do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo.

2. Para estes efectos presentarase a documentación correspondente de conformidade co disposto nos artigos seguintes.

Artigo 58º

Para os cambios de grupo, capacidade, modalidade ou de calquera outro dos requisitos conforme os cales se lles outorgou a autorización de apertura e clasificación, os interesados presentarán a solicitude de autorización no modelo oficial que consta no anexo III acompañado da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada da correspondente autorización do órgano urbanístico autonómico no suposto de que de acordo co establecido na lexislación urbanística sexa necesario obtela con carácter previo á licenza municipal.

b) Fotocopia compulsada da licenza de actividade clasificada ou de apertura e da licenza urbanística do establecemento de turismo rural de que se trate (só cando esta fose preceptiva) ou, no seu defecto, da súa solicitude, a que se xuntará, neste último caso, o proxecto técnico, asinado por facultativo e visado polo colexio profesional correspondente, con pronunciamento expreso sobre o cumprimento da normativa vixente en materia de prevención e protección contra incendios e accesibilidade, así como informe municipal sobre a viabilidade urbanística do proxecto.

c) Póliza de seguro que cubra as contías a que fai referencia o artigo 55º.1 ñ) deste decreto.

Para o caso de non modificar a capacidade do establecemento, bastará a presentación dun documento anexo á póliza existente en que se faga constar a nova clasificación.

d) Planos a que fai referencia o artigo 55º.1 g) do presente decreto (unicamente os acreditativos das modificacións efectuadas).

e) Relación dos cuartos con indicación da súa identificación, superficie, capacidade e prazas e servizos de que están dotados.

f) Normas de réxime interior que rexerán no establecemento formuladas e asinadas polo titular ou, no seu defecto, unha declaración deste acreditativa de que no seu establecemento non existen tales normas de réxime interior (só cando as modificacións afecten a clasificación do establecemento).

g) Taxas correspondentes.

Artigo 59º

Para os cambios de denominación, os interesados presentarán a solicitude de autorización no modelo oficial que consta no anexo III acompañado da seguinte documentación:

a) Solicitude de cambio de denominación segundo o modelo oficial que consta no anexo III.

b) Documento anexo á póliza de seguro xa existente en que se faga constar a nova denominación.

c) Taxas correspondentes.

Artigo 60º

A titularidade dos establecementos de turismo rural pode transmitirse por calquera dos medios válidos en dereito. Os interesados, no prazo máximo dun mes desde que se produza a transmisión, deberán solicitar do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo, a través das correspondentes delegacións provinciais, a autorización dos cambios de titularidade, para os efectos do exercicio da actividade turística, presentando para iso a seguinte documentación:

a) Solicitude de autorización para cambio de titularidade segundo modelo oficial que consta no anexo III.

b) Fotocopia compulsada da documentación acreditativa da dita transmisión.

c) Póliza de seguro que cubra as contías a que fai referencia o artigo 55º.1 ñ) deste decreto a nome do novo titular.

d) Taxas correspondentes.

Artigo 61º

A implantación de novos servizos que non afecten á clasificación, capacidade ou ao resto dos requisitos conforme os cales se outorgou a autorización turística, tan só requirirá a súa notificación, no prazo máximo de 15 días desde que esta teña lugar, á correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de turismo, que a comunicará ao devandito centro directivo.

Artigo 62º

1. Os titulares dos establecementos de turismo rural están obrigados a comunicarlle á delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de turismo o cesamento da súa actividade turística no prazo de 10 días, contados con anterioridade á data prevista para o cesamento, para que lles sexa autorizada a baixa. As ditas comunicacións formalizaranse segundo o modelo do anexo III.

2. Establécese a baixa de oficio cando a Administración turística teña constancia do cesamento da actividade ao longo de tres meses continuados sen causa xustificada. Nese caso poderá incoarse o correspondente expediente sancionador por incumprimento do establecido no número 1 deste artigo.

Artigo 63º

1. Os establecementos beneficiarios de subvencións da Administración turística quedarán no momento en que esta lles expida a súa autorización de apertura automaticamente adscritos á Central de Reservas de Aloxamentos de Turismo Rural da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., debendo cumprir as obrigas derivadas da tal adscrición. Non poderán cesar nin interromper a súa actividade turística, debendo permanecer en funcionamento, en canto dure o compromiso contraído, de dedicarse a establecemento de turismo rural.

2. O incumprimento desta obriga dará lugar á baixa e cancelación da súa inscrición no Rexistro de Empresas de Actividades Turísticas, iniciándose a seguir o expediente de reintegro da subvención, sen prexuízo da incoación dun expediente sancionador por inobservancia do número 1 deste artigo.

Artigo 64º

Os titulares dos establecementos de turismo rural beneficiarios de subvencións da Administración turística están obrigados a asistir, de ser o caso, aos cursos de formación ou perfeccionamento que periodicamente organice o centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo.

Disposición transitoria

Os expedientes en curso na data de entrada en vigor deste decreto tramitaranse e resolveranse conforme as disposicións vixentes no momento da súa iniciación.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as ordes da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995 pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural, e a do 7 de maio de 1996, pola que se modifica a anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-

Facúltase o conselleiro competente en materia de turismo para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións oportunas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

ANEXO I

Modelos de placas distintivas ás que fai referencia o artigo 12 deste decreto

[figura]

Porcelana vitrificada a 1435º C (cono Seger 15) en atmosfera redutora

Letras brancas sobre fondo verde Pantone nº 3305 C Logotipo Turismo Rural Galicia en marrón Pantone nº 139 U

[figura]

Decreto 142/2006, do 27 de xullo.

Artigo modificado: Anexo 1 nova redacción por artigo único.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver