Regulamento de Traballo Fin de Grao en Intelixencia Artificial da USC
NORMA CONSOLIDADA
(aprobado pola comisión do GrIA o 24 de xaneiro de 2025)
(aprobado pola Xunta de Escola da ETSE o 27 de febreiro de 2025)
(aprobado polo Consello de Goberno o 11 de marzo de 2025)
Capítulo 1. Consideracións Xerais
Artigo 1. Necesidade do Traballo Fin de Grao
No Plan de Estudos do Grao en Intelixencia Artificial (GrIA) polas Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo establécese que as ensinanzas do Grao conclúen coa elaboración e defensa dun Traballo Fin de Grao.
Artigo 2. Obxectivo do TFG
Segundo aparece recollido no Plan de Estudos, o TFG ten como obxectivo a realización por parte do estudantado dun traballo orixinal onde se poida verificar a adquisición por parte do estudantado das destrezas e competencias descritas nos obxectivos xerais do título de Grao, xunto a destrezas específicas de orientación académica, investigadora ou profesional.
Artigo 3. Número de Créditos
O TFG ten asignados o número de créditos obrigatorios que indique o correspondente Plan de Estudos.
Artigo 4. Coordinador/a e Comisión de Traballos Fin de Grao de Intelixencia Artificial
A Comisión de Traballos Fin de Grao de Intelixencia Artificial é a encargada de velar polo cumprimento da normativa desenvolvida neste regulamento (e interpretala, se fose o caso), propoñer os tribunais e autorizar a defensa dos TFG.
Os membros da Comisión serán nomeados nunha sesión ordinaria da Xunta do Centro, a proposta da Comisión de Titulación de Intelixencia Artificial. A persoa coordinadora do TFG deberá formar parte da Comisión.
Estará composta por cinco membros do profesorado da Titulación, con docencia asignada en formación básica, obrigatoria ou optativa vinculada ao itinerario e será presidida por un dos seus membros, elixido pola propia Comisión na sesión constituínte. A sesión constituínte será presidida pola persoa coordinadora do título. A secretaría da sesión constituínte será desempeñada pola persoa que elixan os membros da comisión na dita sesión.
A Comisión deberá arbitrar as medidas oportunas, dentro do seu ámbito de competencias, co fin de garantir que todo o alumnado en condicións de realizar o TFG poida realizalo. En particular velará pola dispoñibilidade de temas para realizar TFGs.
A Comisión de Traballos Fin de Grao proporcionará modelos oficiais para todos os aspectos e procedementos relacionados co TFG. A utilización de ditos modelos oficiais é obrigatoria.
Modificación do Regulamento de TFG do Grao en Intelixencia Artificial (2025)
Artigo modificado: Artigo 4 nova redacción por punto único.
Artigo 5. Número Anual de Propostas
A Comisión de Traballos Fin de Grao de Intelixencia Artificial fará unha estimación sobre o número de Propostas de Traballos necesarias para cada curso académico e informará a cada Departamento sobre o número de Propostas de Traballos que corresponde presentar ás súas Áreas de Coñecemento, en función do número de créditos asignados no POD.
Artigo 6. Contidos do TFG
Os contidos dos TFG deberán axustarse a algunha das seguintes categorías:
Categoría a:análise, deseño, implementación, validación e proba dun modelo que constitúa unha contribución a calquera paradigma da IA.
Categoría b:análise, deseño, implementación, validación e proba dun módulo ou dunha aplicación, servizo ou sistema intelixente completo.
En función da categoría do TFG, as actividades a desenvolver poderán consistir na realización dunha serie de etapas, entre as que se inclúen:estudo bibliográfico, definición de obxectivos, planificación, análise de alternativas científico-tecnolóxicas, deseño e implementación de solucións, validación e probas, documentación, comunicación de resultados.
Artigo 7. Tipoloxías de proposta de TFG
Os TFG deberán axustarse a algunha das seguintes tipoloxías de proposta:
a) TFG propostos por Persoal Docente e Investigador (PDI) das áreas que imparten docencia na propia Titulación.
b) TFG propostos por persoal con capacidade para exercer a cotitoría, segundo se describe no artigo 5 do regulamento xeral da Universidade sobre matrícula, elaboración e defensa dos Traballos de Fin de Grao.
Artigo 8. Autoría do TFG
O TFG supón a realización por parte de cada estudante, de forma individual ou en grupo, dun traballo supervisado por unha persoa titora e varias persoas cotitoras académicas, no que se integren e desenvolvan os contidos formativos recibidos, capacidades, competencias e habilidades adquiridas durante os estudos de Grao. Para o desenvolvemento en grupo do Traballo será preciso que exista unha clara delimitación de tarefas entre os membros do grupo, de xeito que sexa perfectamente avaliable a participación de cada estudante no resultado global. Estes aspectos deberán quedar claros na memoria do TFG, que será idéntica para todas as persoas integrantes do grupo.
Artigo 9. Titoría do TFG
Todo TFG require unha persoa titora que asista ao alumnado. Será PDI con capacidade para propoñer TFG, segundo o artigo 7 deste regulamento. Tamén caberá a posibilidade que ata dous membros do profesorado desenvolven o rol de persoal cotitora cando as características do Traballo ou da persoa titora así o aconsellen, segundo o artigo 5 do regulamento xeral da Universidade sobre matrícula, elaboración e defensa dos Traballos de Fin de Grao.
Modificación do Regulamento de TFG do Grao en Intelixencia Artificial (2025)
Artigo modificado: Artigo 9 nova redacción por punto único.
Capítulo 2. Propostas e asignacións de TFGs
Artigo 10. Requisitos do Alumnado
Para poder formalizar a matrícula do TFG estarase ao que indique a normativa da USC ao respecto. De acordo co establecido na memoria modificada do titulo e no “Regulamento de matrícula, elaboración e defensa de TFG e TFM da USC, permitirase a presentación e defensa do TFG a falta dun máximo de 12 ECTS non obrigatorios e ou das “Prácticas externas I". Igualmente, acórdase permitir a defensa ante a persoa titora. Nesta modalidade, a máxima cualificación que se poderá outorgar é 8,0.
Artigo 11. Peticións de Asignación
Todo estudante matriculado na materia TFG ten dereito a unha asignación de TFG. Esta asignación realizarase a través dun dos procedementos previstos nos artigos 12 e 13 deste regulamento. O resultado da asignación formalizarase a través dun documento de acordo que a/o estudante debe enviar á Secretaría da ETSE empregando os mecanismos que esta estableza.
Artigo 12. Asignación Directa
A asignación de TFG pode realizarse como resultado dun acordo directo entre alumnado que cumpra os requisitos indicados no artigo 11 e o PDI con capacidade para propoñer TFG ou para exercer o labor de cotitoría, segundo o artigo 7. O alumnado deberá contactar ca persoa titora da proposta que acorde, co fin de elaborar conxuntamente o documento de acordo. Este acordo deberá ser presentado no curso académico no que se asigna a proposta.
Artigo 13. Asignación a través de petición de propostas de TFG publicadas (oferta pública)
Os departamentos con docencia na titulación comunicarán cada curso académico ao centro o listado de persoas titoras e temas dos traballos.
Na proposta deberán indicarse como mínimo os seguintes aspectos:
a) Título do Traballo.
b) Titoría do Traballo.
c) Breve descrición do contido.
d) Requisitos necesarios (materias cursadas, materias aprobadas, etc.).
e) Criterios de asignación do Traballo.
A Comisión de Traballos Fin de Grao analizará as propostas e publicará unha lista coas propostas aprobadas, que poderán ser solicitadas polo alumnado.
A asignación de Traballos realizarase tendo en conta as preferencias expresadas por cada estudante na súa petición, seguindo os criterios establecidos nas propostas de Traballos.
Unha vez publicada a listaxe de asignación, o alumnado deberá contactar ca persoa titora da proposta que lle foi asignada, co fin de elaborar conxuntamente o documento de acordo. Este acordo deberá ser presentado no curso académico no que se asigna a proposta.
Artigo 14. Prazo de Presentación
O documento de acordo deberá ser entregado á Secretaría da ETSE empregando os mecanismos que esta estableza. O documento será entregado en formato pdf, con firma dixital ou firma escaneada, con data límite do último día laborable de febreiro para a súa defensa en xullo ou setembro, ou do último día laborable de outubro para a súa defensa en febreiro.
Artigo 15. Documento de acordo
O documento de acordo do TFG incluirá:
a) Datos de identidade do/a estudante (incluíndo sinatura de aceptación).
b) Datos de identidade da persoa titora do TFG (incluíndo a sinatura de aceptación).
c) Datos de identidade da/s persoas cotitoras do TFG, se procede (incluíndo a sinatura de aceptación).
d) Título do TFG.
e) Obxectivo principal e obxectivos secundarios do TFG.
Artigo 16. Listaxe de acordos
A lista de acordos recibidos publicarase por parte da Secretaría tras as datas límite de entrega dos acordos.
Artigo 17. Anulación
O estudantado e a persoa titora poderán solicitar, de común acordo, a anulación da asignación do TFG mediante un escrito remitido á Secretaría da ETSE polas vías que dita Secretaría estableza.
Artigo 18. Caducidade
A asignación e o acordo de TFG teñen vixencia no curso académico no que se entrega o acordo. Poderá estenderse a vixencia por un único curso académico mais por acordo entre o estudantado, as persoas titora e cotitoras, se así se lle comunica á comisión de TFG.
Artigo 19. Modificacións
Para solicitar cambio de persoa titora, e/ou cotitora, ou título mantendo o mesmo acordo, só será necesario presentar un informe razoado do cambio a realizar así como o visto e prace das persoas titora e cotitoras implicadas.
Capítulo 3. Presentación do TFG
Artigo 20. Prazo de Presentación
A Xunta de Centro aprobará e publicará os períodos de presentación dos TFG xunto coa convocatoria oficial de exames de cada curso académico.
Para pode realizar a presentación do TFG será preciso que o estudantado estea matriculado no TFG e estarase ao que indique a memoria do título en relación ao número de créditos pendentes.
Artigo 21. Documentación que se debe presentar
A memoria presentada amosará o Traballo desenvolvido polo alumnado. Como norma xeral, a memoria terá unha extensión, como máximo, de 50 páxinas (sen contar o índice, a bibliografía e os manuais), e incorporará a documentación que se indica a continuación, en función da categoría de TFG (artigo 6 deste regulamento). En función do tema do TFG o/a alumno/a poderá adaptar a estrutura da memoria á casuística concreta do seu traballo.
Categoría a (Análise, deseño, implementación, validación e proba dun modelo que constitúa unha contribución a calquera paradigma da IA)
a) Resumo: Breve resumo das principais contribucións do traballo.
b) Introdución: Descrición do problema a resolver, hipótese(s) a testar, obxectivo xeral e específico/s do traballo, contrastables e descritos correctamente. Deberán introducirse tamén os aspectos éticos, legais, socioeconómicos e culturais de relevancia para o traballo.
c) Estado de coñecemento do problema a abordar: Descrición breve dos métodos, modelos, técnicas ou ferramentas actuais similares ao traballo presentado. Similitudes e diferencias co traballo presentado.
d) Materiais: Descrición dos materiais, equipos, ferramentas (librerías, aplicacións), datos, ou modelos utilizados no proxecto.
e) Metodoloxía: Descrición conceptual dos procedementos deseñados e implementados, do seu funcionamento e de como axudan a resolver o problema de partida. Xustificacións das decisións de deseño realizadas (explicacións das alternativas consideradas, xustificacións baseadas na bibliografía ou no problema).
f) Validación de probas: Descrición das probas realizadas de cara a avaliar o grao de cumprimento dos obxectivos propostos.
g) Discusión dos resultados: Verificación da(s) hipótese(s) de partida do traballo, comparativa con algunha das solucións similares presentadas no estado de coñecemento, resaltando por que o traballo presentado mellora as solucións anteriores, discusión dos aspectos éticos, legais, socioeconómicos e culturais de relevancia para o traballo.
h) Conclusións e Posibles Ampliacións: Resumo das principais aportacións do traballo, explicacións das suposicións e limitacións do traballo, e posibles vías de mellora.
i) Bibliografía: Lista completa de referencias. Todas as referencias deben estar citadas no texto.
j) Manuais Técnicos: Incluirán toda a información precisa para aquelas persoas que desexen repetir o experimento asegurando a súa reproducibilidade (por exemplo, código fonte, descrición dos recursos necesarios, ...).
Categoría b (Análise, deseño, implementación, validación e proba dun módulo ou dunha aplicación, servizo ou sistema intelixente completo):
a) Resumo: Breve resumo das principais contribucións do traballo.
b) Introdución: Obxectivos xerais e específicos, relación da documentación que conforma a memoria, descrición do módulo/sistema, información adicional de interese (métodos, técnicas ou arquitecturas utilizadas, xustificación da súa elección, etc.). Deberán introducirse tamén os aspectos éticos, legais, socioeconómicos e culturais de relevancia para o módulo/sistema.
c) Especificación de Requisitos: debe indicarse a especificación dos requisitos máis relevantes do Sistema, xunto coa información que este debe almacenar e as interfaces con outros Sistemas, sexan hardware ou software, e outros requisitos (rendemento, seguridade, etc.). Asimesmo, deberá indicarse se existen requisitos específicos a nivel ético, legal, socioeconómico e cultural.
d) Deseño: como se realiza o Sistema, a división deste en diferentes compoñentes e a comunicación entre eles. Así mesmo, determinarase o equipamento hardware e software necesario, xustificando a súa elección no caso de que non fose un requisito previo. Debe achegarse a un nivel suficiente de detalle que permita comprender a totalidade da estrutura do produto desenvolvido, utilizando no posible representacións gráficas.
e) Probas e verificación: Descrición do plan de probas en relación cos requisitos definidos para o sistema (incluíndo os requisitos e obxectivos a nivel ético, legal, socioeconómico e cultural). Presentación dos resultados das probas e verificación de requisitos.
f) Conclusións e Posibles Ampliacións: Descrición do grao de cumprimento dos obxectivos. Posibles vías de mellora.
g) Bibliografía: Lista completa de referencias. Todas as referencias deben estar citadas no texto.
h) Manuais Técnicos: Incluirán toda a información precisa para aquelas persoas que se vaian encargar do desenvolvemento e/ou modificación do Sistema (por exemplo código fonte, recursos necesarios, operacións necesarias para modificacións e probas, posibles problemas, etc.). O código fonte poderase entregar en soporte informático ou en formato PDF.
i) Manuais de Usuario:incluirán toda a información precisa para aquelas persoas que utilicen o Sistema:i nstalación, utilización, configuración, mensaxes de erro, etc. A documentación do usuario debe ser autocontida, é dicir, para o seu entendemento o usuario final non debe precisar da lectura doutro manual técnico.
No caso de que os traballos se realicen no marco dun contrato ou convenio con algunha entidade ou dun proxecto ou liña de investigación, os dereitos serán os recollidos en dito contrato ou convenio ou os que se pacten previamente, respectando en todo caso a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual ou industrial. Nestes casos e sempre que existan cláusulas de confidencialidade con empresas ou no caso de que poidan dar lugar a dereitos de propiedade industrial e intelectual que non se poidan difundir antes de estaren debidamente protexidos, a persoa titora e os membros do tribunal deberán asinar o correspondente compromiso de confidencialidade sobre os contidos protexidos, estas intervencións faranse nunha sesión privada, con carácter previo ou posterior á pública. O exemplar do traballo non será obxecto de publicación no repositorio institucional da USC (Minerva), o que deberá ser sinalado na Secretaría Virtual, ata que sexan realizadas as oportunas proteccións ou venza o prazo de confidencialidade.
Modificación do Regulamento de TFG do Grao en Intelixencia Artificial (2025)
Artigo modificado: Artigo 21 categoría a apartado f) e catergoría b apartados c), e) e f) nova redacción por punto único.
Artigo 22. Software desenvolvido no TFG
No caso de que o TFG implique o desenvolvemento dunha aplicación, este deberá estar dispoñible nun repositorio que albergue o código fonte e todos os demais arquivos necesarios para o correcto funcionamento da aplicación.
Se o Tribunal o solicita, o estudante deberá realizar unha instalación plenamente operativa co obxectivo de poder verificar o seu funcionamento completo, antes ou durante a defensa do traballo.
Artigo 23. Solicitude de defensa
Os alumnos matriculados en cada convocatoria terán que facer a solicitude de defensa a través da súa Secretaría Virtual dentro dos prazos sinalados pola Escola.
Capítulo 4. Modalidades de Avaliación dos TFG
Artigo 24. Modalidades de avaliación
1. A avaliación dos TFG admite dúas modalidades:avaliación polo persoa titora e avaliación por un tribunal. Na solicitude de defensa do TFG a/o estudante poderá elixir entre a defensa pública diante da persoa titora e a defensa pública diante un tribunal. Por defecto, a avaliación será realizada por un tribunal.
2. Modalidade titoría. Nesta modalidade:
- A defensa pública será realizada na correspondente convocatoria publicada polo Centro indicando data, hora e lugar.
- A cualificación máxima que poderá obterse nesta modalidade é de 8,0 puntos sobre 10.
3. Modalidade tribunal:a avaliación por parte dun tribunal debe cumprir os seguintes requisitos:
- Os Tribunais encargados de avaliar os TFG estarán formado por tres membros titulares (presidente ou presidenta, secretaria ou secretario e vogal) e un membro suplente que serán PDI con docencia na Titulación. As persoas titoras ou cotitoras dun TFG non poderán ser membros do Tribunal que o xulgue. Os tres membros dun tribunal non poderán pertencer á mesma Área de Coñecemento e o tribunal contará polo menos cun experto na temática que se desenvolve en cada un dos TFG a avaliar.
- Os Tribunais encargados de avaliar os TFG serán designados pola persoa que exerza a función de coordinación do Centro, a proposta da Comisión de Traballos Fin de Grao de Intelixencia Artificial. A participación nos tribunais é obrigatoria para as persoas nomeadas, agás causa de forza maior debidamente acreditada.
Capítulo 5. Defensa do TFG
Artigo 25. Convocatoria de Exposición
A Xunta do Centro aprobará e publicará a data da exposición xunto coa convocatoria oficial de exames de cada curso académico. Excepcionalmente, e en situacións debidamente xustificadas, estas datas poderán ser modificadas polo Centro a proposta da Presidencia do Tribunal, no caso da modalidade de avaliación diante dun tribunal.
Artigo 26. Exposición
A modalidade de presentación e defensa do TFG é a de exposición oral ben diante da persoa titora ou ben diante dun tribunal. A exposición do TFG realizado terá unha duración recomendada de 20 minutos por estudante, e terá carácter de acto público. O Tribunal ou a persoa titora poderán formular cantas preguntas e cuestións considere convenientes.
Poderase presentar o TFG por videoconferencia nos casos de desprazamento fóra da comunidade autónoma por motivos académicos, representación política, sindical o deportiva ou prestación de servizos por conta allea ou propia debidamente acreditados logo de presentar solicitude e autorización motivada. Será requisito imprescindible a transmisión de audio e vídeo e o/a estudante será responsable de poñer os medios adecuados no seu lado de comunicación e de garantir que a videoconferencia teña unha calidade suficiente para os efectos de avaliar o seu traballo, tendo en conta a súa compatibilidade cos medios dispoñibles no Centro.
Artigo 27. Medios Necesarios
O centro reservará os medios necesarios para a defensa de cada TFG (aula, medios de proxección, conexión a rede) nas datas oficiais indicadas para a súa exposición.
Artigo 28. Rolda de Preguntas
Para o caso de avaliación diante dun Tribunal, a rolda de preguntas será moderada pola persoa que ostente a Presidencia do Tribunal. A orde da primeira intervención será a seguinte:secretario ou secretaria, vogal e presidenta ou presidente.
A dinámica do resto do debate quedará baixo criterio da Presidencia do Tribunal.
Capítulo 6. Avaliación do TFG
Artigo 29. Informe da persoa titora do TFG
Seguindo a normativa da universidade, a persoa titora do TFG realizará un informe preceptivo, segundo o modelo oficial, no que se avaliarán de 0 a 10 os seguintes aspectos:
a) Calidade do Traballo: cumprimento dos obxectivos propostos, fiabilidade e eficiencia, adecuación e desenvolvemento da metodoloxía seguida e calidade das solucións presentadas, ...
b) Documentación: presentación xeral (lexibilidade, redacción, ortografía, etc.), estruturación e completitude, corrección da documentación, conclusións e posibles ampliacións propostas.
Artigo 30. Criterios de Avaliación
1. Dependendo da modalidade de avaliación elixida polo/a estudante, a persoa titora ou ben o Tribunal cubrirá unha única rúbrica, segundo o modelo oficial da tipoloxía do TFG (artigo 21), no que avaliarán de 0 a 10 os seguintes aspectos coa ponderación que se indica:
a) Calidade do Traballo (CT): 65%.
b) Documentación (D): 20%.
c) Presentación (P): 15%.
No caso de avaliación diante de Tribunal, todos os seus membros accederán ao informe preceptivo da persoa titora e deberán ter en conta as apreciacións e valoracións nel indicadas na deliberación na que se decida o resultado da avaliación. En todo caso, o dito informe non terá carácter vinculante para o Tribunal.
No caso de avaliación pola persoa titora a cualificación final non poderá superar 8,0 puntos sobre 10.
2. O alumnado que, unha vez feita a entrega do traballo e verificadas as condicións para a súa defensa, non se presente á defensa do TFG na data asignada, terá a cualificación de suspenso nesa oportunidade.
Artigo 31. Proceso de Avaliación
A avaliación de TFG realizarase de acordo cos seguintes pasos:
a) A persoa titora do TFG emitirá, nos tres días seguintes ao depósito da documentación (artigo 23), o seu informe do Traballo (artigo 29).
b) Unha vez realizada a defensa, procederase a cualificar o TFG, seguindo a rúbrica correspondente (artigo 30).
c) A cualificación farase pública nos taboleiros de anuncios nun prazo máximo de dous días dende a súa lectura.
d) Cada estudante ten dereito á revisión das cualificacións nas datas e horarios que para tal efecto deberán fixarse no momento de facer públicos os resultados provisorios. As datas de revisión deberán estar comprendidas dentro dos dez días seguintes á publicación dos resultados e contemplarán como mínimo dúas datas opcionais. Para estes efectos o mes de agosto será inhábil e non computará neste prazo.
A revisión será persoal. Na modalidade de avaliación diante da persoa titora, a revisión das cualificacións será realizada pola persoa titora e, no caso de ter optado a/o estudante pola defensa pública diante dun tribunal, poderá realizala un ou varios membros do Tribunal. En todo caso deberá quedar constancia da celebración da revisión e da data en que se realizou mediante calquera sistema que acredite a súa realización.
O procedemento de reclamación contra a cualificación será o establecido na normativa vixente relativa a avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
Artigo 32. Actas de Cualificación
Una vez celebrada a última convocatoria para a presentación dos TFG do curso académico, e tendo en conta os traballos presentados, poderá outorgarse “matrícula de honra” a aqueles TFG que obtivesen unha cualificación igual ou superior a 9, sen que o número de matrículas de honra poida exceder do límite establecido pola Universidade.
No caso de que existan varios tribunais, será a Comisión Académica, unha vez celebrada a última convocatoria, a que decida e outorgue as cualificacións de matrícula de honra que correspondan.
Artigo 33. TFG desenvolvidos no marco de convenios de intercambio de estudantes
A cualificación dos TFG desenvolvidos no marco de convenios de intercambio de estudantes será a que figure na certificación ou “transcript of records” emitida pola universidade de destino.
Cando, por non ter superado o estudante o resto de créditos da titulación, non sexa posible o recoñecemento da cualificación do TFG ao abeiro do convenio oficial:
Se o alumnado supera os créditos pendentes na convocatoria inmediatamente seguinte á conclusión do convenio, validaráselle a cualificación do TFG que figure na certificación académica ou “transcript of records” emitida pola Universidade de destino. Esta cualificación figurará na acta de exames máis próxima (sempre que o alumnado finalice os seus estudos como máximo no curso seguinte ao que lle fora concedido o intercambio).
Capítulo 7. Depósito e Propiedade Intelectual
Artigo 34. Dereitos do TFG
O regulamento xeral da Universidade sobre matrícula, elaboración e defensa dos Traballos de Fin de Grao establece no seu Art. 11.1 que ”a propiedade intelectual do TFG correspóndelle ao alumno ou á alumna que o realizou.” Tamén se indica no seu Art. 11.2 que “No caso de que os traballos se realicen no marco dun contrato ou convenio con algunha entidade ou, de ser o caso, dun proxecto ou liña de investigación, os dereitos serán os recollidos no dito contrato ou convenio ou os que se pacten previamente, respectando en todo caso a lexislación vixente en materia de propiedade intelectual ou industrial.” Naquelas propostas de TFG que se realicen no marco indicado farase constar expresamente esta circunstancia, de cara ao posible pacto sobre os dereitos de explotación industrial.
Artigo 35. Uso dos TFG
Unha copia dos traballos superados quedará no centro para seu arquivo e consulta, xunto cunha copia en formato electrónico e poderán ser utilizados na Universidade de Santiago de Compostela para usos académicos e de investigación, sempre con mención específica á súa autoría.
Para estes efectos o alumnado asinará a correspondente autorización de difusión e a declaración de que se trata dun traballo inédito.
A Comisión de Traballos de Fin de Grao poderá propoñer a publicación dos TFG que destaquen pola súa calidade no repositorio institucional da USC (Minerva), e en especial propoñeranse os dos/as alumnos/as que acaden a mención de matrícula de honra nesta materia. Os/as autores/as dos traballos propostos, con visto e prace da persoa titora, deberán asinar o correspondente documento para autorizar a súa difusión no que declaren que se trata dun traballo orixinal.
Capítulo 8. Deberes do alumnado
Artigo 36. Deberes
Os TFG deben ser traballos orixinais de elaboración propia e deben citarse debidamente as fontes que se tiveron en conta para a súa realización.
O incumprimento do indicado no apartado anterior suporá a cualificación de “suspenso” na convocatoria e o deber das persoa que exercen a titoría e do Tribunal que o detecte de poñelo en coñecemento da Reitoría para os efectos de iniciar as accións disciplinarias que procedan, de conformidade co artigo 16 da Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
Con carácter previo á autorización da defensa, poderá realizarse unha análise automatizada de control da vulneración de dereitos de propiedade intelectual. A partir desa análise, se a Comisión de Traballos Fin de Grao considera que se vulneraron os citados dereitos, poderá denegar a defensa do traballo e aplicar o indicado no parágrafo anterior.
Capítulo 9. Disposicións derradeiras
Artigo 37. Entrada en vigor da presente normativa
A presente normativa entrará en vigor no curso 2025-26.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.