Resolución Reitoral pola que se regula o procedemento de declaración de equivalencia a nivel académico de Doutor/a na Universidade de Santiago de Compostela

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0551
Departamento: Reitor
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

O actual Real Decreto 967/2014 de 21 de novembro (BOE 22 de novembro de 2014) polo que se establecen os requisitos e o procedemento para a homologación e declaración de equivalencia a titulación e a nivel académico universitario oficial e para a validación de estudos estranxeiros de educación superior, e o procedemento para determinar a correspondencia aos niveis do marco español de cualificacións para a educación superior dos títulos oficiais de Arquitecto, Enxeñeiro, Licenciado, Arquitecto Técnico, Enxeñeiro Técnico e Diplomado, establece na súa disposición adicional quinta, relativa á equivalencia ao nivel académico de doutoramento o seguinte:

1. Correspóndelles ás universidades a declaración de equivalencia dos títulos estranxeiros de educación superior ao nivel académico de doutor. As normas estatutarias das universidades determinarán o órgano competente para declarar a equivalencia, así como o procedemento para a obtención da declaración de equivalencia.

2. O procedemento iniciarase mediante solicitude do interesado, dirixida ao reitor da universidade da súa elección, xunto cos documentos que para tal efecto lle solicite a universidade.

3. A concesión da equivalencia acreditarase mediante o correspondente certificado de equivalencia expedido pola universidade que a outorgue, e nel farase constar o título estranxeiro posuído polo interesado e a universidade de procedencia. Con carácter previo á súa expedición, a universidade comunicarallo á Subdirección Xeral de Títulos e Recoñecemento de Cualificacións do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, para os efectos da súa inscrición na sección especial do Rexistro Nacional de Titulados Universitarios Oficiais a que se refire o artigo 15.4.

4. A equivalencia poderase solicitar de maneira simultánea en máis dunha universidade. O título estranxeiro que tivese sido xa declarado equivalente non poderá ser sometido a novo trámite de equivalencia noutra universidade. Non obstante, cando a equivalencia sexa denegada, o interesado poderá iniciar un novo expediente nunha universidade española distinta.

5. A equivalencia ao nivel académico de doutor non implica, en ningún caso, a homologación, declaración de equivalencia ou recoñecemento doutro ou doutros títulos estranxeiros dos cales estea en posesión o interesado, nin o recoñecemento en España a nivel distinto do de doutor.

Deste xeito, as Universidades asumen as competencias respecto á declaración de equivalencia dos títulos estranxeiros de educación superior a nivel académico de doutor/a.

O procedemento de homologación do título de doutor está establecido na actualidade na Resolución Reitoral de 13 de marzo de 2006, fundamentado en normativa anterior á citada, polo que é necesaria a súa actualización.

En consecuencia, o reitor RESOLVE:

PRIMEIRO.-

A Universidade de Santiago de Compostela declarará equivalentes os títulos estranxeiros de educación superior a nivel académico de doutor/a do sistema universitario español, conforme á habilitación legal do RD 967/2014 de 21 de novembro, e de acordo co procedemento recollido nesta Resolución Reitoral.

SEGUNDO.- PROCEDEMENTO DE EQUIVALENCIA DE TÍTULOS DE DOUTOR/A

1.- INICIACIÓN

1.1.- O procedemento para a declaración de equivalencia de títulos estranxeiros de educación superior ao título de doutor/a español iniciarase a solicitude da persoa interesada. Esta solicitude poderá presentala en calquera momento e deberá ir acompañada dos seguintes documentos:

a. Documento que acredite a identidade e nacionalidade do solicitante, expedido polas autoridades competentes do país de orixe, de procedencia ou polas autoridades españolas competentes en materia de estranxeiría. No caso dos cidadáns españois, do documento nacional de identidade.

b. Título cuxa equivalencia se solicita ou certificación acreditativa da súa expedición, na que debe figurar a denominación oficial do título e a data de expedición.

c. Título de Grao ou equivalente e certificación académica dos estudos realizados polo solicitante para a obtención do título de Grao ou equivalente. Na certificación académica deberán constar, entre outros extremos, a duración oficial, en anos académicos, do programa de estudos seguido, as materias cursadas, a carga horaria de cada unha delas e as súas cualificacións.

d. Título de Posgrao co que accedeu ao doutoramento e certificación académica dos estudos realizados polo solicitante para a obtención do título de Posgrao. Na certificación académica deberán constar, entre outros extremos, a duración oficial, en anos académicos, do programa de estudos seguido, as materias cursadas, a carga horaria de cada unha delas e as súas cualificacións.

e. Memoria explicativa da tese realizada, redactada en galego ou castelán, con indicación dos membros do Xurado e a cualificación obtida cunha extensión aproximada será de 3000 palabras. Debe acompañarse dun exemplar físico encadernado da mesma. Así mesmo, farase chegar por medios electrónicos unha copia en formato pdf da tese.

f. A documentación complementaria que se determine, segundo o caso concreto.

g. Acreditación do pagamento da taxa establecida para estes efectos no Decreto polo que se fixan anualmente os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG)

1.2.- Os títulos e certificacións deberán cumprir os requisitos seguintes:

a. Ser oficiais e estar expedidos polas autoridades competentes, de acordo co ordenamento xurídico do país de que se trate.

b. Presentarse legalizados por vía diplomática ou, no seu caso, mediante a apostila do Convenio da Haia. Este requisito non se esixirá aos documentos expedidos polas autoridades dos Estados membros da Unión Europea ou signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo que deberán ir acompañados, no seu caso, da súa correspondente tradución oficial ao galego ou castelán.

c. Non será necesario incluír tradución oficial do exemplar da tese doutoral. Tampouco será necesario traducir aqueles documentos complementarios que durante a tramitación do expediente requira o órgano instrutor.

1.3.- Se os documentos non poden ser verificados de forma electrónica deberán achegarse os orixinais para o seu cotexo na oficina de asistencia en materia de rexistro ou nas oficinas auxiliares do Servizo de Xestión Académica. Se as fotocopias estivesen xa cotexadas e legalizadas, ante notario ou pola representación diplomática ou consular de España, non será necesaria a presentación simultánea do orixinal.

1.4.- Non procederá a devolución aos interesados de ningunha documentación achegada, unha vez finalizado o procedemento, salvo nos casos excepcionais nos que resulte posible e procedente a devolución. Antes da entrega ao interesado o órgano encargado da tramitación fará copia de cada unha das acreditacións ou títulos que se arquivarán no seu expediente, e incluirá unha relación certificada de todos os documentos entregados. Para estes efectos non se considera documento orixinal o exemplar físico encadernado da tese.

1.5.- En caso de dúbida sobre a autenticidade, validez ou contido dos documentos aportados, o órgano instrutor poderá efectuar as dilixencias necesarias para a súa comprobación, así como dirixirse á autoridade competente expedidora dos mesmos para validar os extremos dubidosos.

2.- TRAMITACIÓN

2.1.- Recibida a petición, o Servizo de Xestión Académica asegurarase de que a documentación cumpre os requisitos formais necesarios. De non ser así, reclamará a persoa interesada a mellora da solicitude dándolle 10 días hábiles para emendar os defectos ou presentar nova documentación. Este prazo poderá ser obxecto de ampliación, a petición da persoa interesada, antes da finalización do prazo concedido. No caso de que non dar resposta ao requirimento, ditarase resolución de non admisión a trámite.

2.2.- As peticións que se estime que reúnen todos os requisitos enviaranse no prazo máximo de 15 días á Comisión executiva da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS), quen informará e emitirá a proposta de resolución.

A Comisión executiva da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS) poderá recadar, mediante petición razoada e a través do Servizo de Xestión Académica, documentación complementaria á persoa interesada.

2.3.- O informe emitirase no prazo de 10 días, agás paralización imputable á persoa interesada. Este informe deberá ter en conta os criterios xerais establecidos e, en concreto:

a. A validez académica oficial no país de orixe.

b. A correspondencia entre os niveis académicos requiridos para o acceso aos estudos conducentes á obtención do título estranxeiro e para o acceso ao título español.

c. A duración e carga horaria do período de formación necesario para a obtención do título estranxeiro cuxa equivalencia se pretende.

d. A correspondencia entre os niveis académicos do título estranxeiro e do título español ao que se solicita a equivalencia.

e. Os contidos formativos superados para a obtención do título estranxeiro.

Así mesmo, a Comisión poderá solicitar o asesoramento dos especialistas que considere necesario ou pedir informes a outras Administracións, Embaixadas ou Consulados.

RR do 25 de setembro de 2024 pola que se modifica a RR do 21 de xaneiro de 2022 na que se regula o procedemento de declaración de equivalencia a nivel académico de doutor/a na USC.

Artigo modificado: Punto segundo apartado 2.2 nova redacción e apartado 2.4 suprimido por puntos primeiro e segundo.

3.- RESOLUCIÓN

3.1.- Á vista da documentación e dos informes, o Reitor ditará a correspondente resolución, na que se fará constar a denominación literal do título obxecto de equivalencia na súa lingua orixinal. Se non fose posible pola especial complexidade da súa grafía, optarase pola segunda lingua no caso de que figure. Se non é factible ningunha das opcións anteriores farase constar a denominación literal do título da tradución aportada pola persoa interesada.

3.2.- No caso de resolución de equivalencia positiva e con carácter previo á expedición da credencial, a Universidade, a través da Sección de Títulos do Servizo de Xestión Académica, comunicará a citada resolución á Subdirección Xeral de Títulos, Secretaría Xeral de Universidades, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para os efectos de inscrición na sección especial do Rexistro Nacional de Títulos á que se refire o artigo 15.4. do RD 967/2014. A Subdirección Xeral de Títulos asignará o número de rexistro de credencial correspondente, que deberá figurar na credencial que se expida.

4.- CREDENCIAL

4.1.- Recibido da Subdirección Xeral de Títulos o número de rexistro de credencial e asignado o número de rexistro universitario, efectuarase a expedición da credencial por parte da Sección de Títulos da USC. A cartolina soporte das credenciais será de material especial de seguridade, normalizado en formato UNE A-4, coa estampación en seco do escudo sigillum da USC.

4.2.- Na credencial farase constar a denominación literal do título estranxeiro e a Universidade de procedencia, na súa lingua orixinal e cos criterios establecidos no apartado 3.1.

4.3.- Para os efectos de expedición de orixinais e duplicados así como para a entrega ou remisión ás persoas titulares dos mesmos, seguirase o procedemento establecido para os títulos oficiais.

5.- REXISTRO

Aos efectos do seu rexistro e asignación do número universitario, asentarase no correspondente libro de rexistro da sección especial de rexistro de credenciais da USC, con similar estrutura que a utilizada para o rexistro dos títulos equivalentes.

6.- DURACIÓN DO PROCEDIMIENTO

O prazo máximo para ditar resolución será de tres meses. Se a persoa interesada non recibise contestación nese prazo a súa solicitude deberá entenderse denegada.

7.- DISPOSICIÓN TRANSITORIA

Os procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta normativa aplicaráselles a presente resolución

8.- DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Queda derrogada a Resolución Reitoral de 13 de marzo de 2006 no que establece o procedemento de homologación do título de doutor.

9.- DISPOSICIÓN FINAL

A presente normativa entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Taboleiro Electrónico da USC.

O reitor

Antonio López Díaz

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver