Resolución reitoral do 25 de setembro de 2024 pola que se modifica a RR do 21 de xaneiro de 2022 na que se regula o procedemento de declaración de equivalencia a nivel académico de doutor/a na USC
NORMA CONSOLIDADA
O Acordo do Consello de Goberno de 24 de xullo de 2024, polo que se aproba o Regulamento en materia de recoñecemento e transferencia de créditos para os estudos oficiais de Grao e Máster da Universidade de Santiago de Compostela, recolle na súa Disposición adicional cuarta a supresión da Comisión de Validacións e Recoñecementos.
O respecto ao espíritu da norma esixe unha revisión daqueles instrumentos nos que se recolla a intervención da dita Comisión, de aí que sexa precisa a modificación do punto SEGUNDO.- PROCEDEMENTO DE EQUIVALENCIA DE TÍTULOS DE DOUTOR da Resolución reitoral pola que se regula o procedemento de declaración de equivalencia a nivel académico de doutor/a na Universidade de Santiago de Compostela do 21 de xaneiro de 2022. En consecuencia, os trámites relativos á emisión de informe e proposta de resolución pasan a ser competencia da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS) no novo apartado 2.2., suprimíndose adicionalmente o apartado 2.4., na medida na que se considera imprescindible a esixencia de informes individualizados para cada solicitude de declaración de equivalencia.
En consecuencia, o reitor RESOLVE:
PRIMEIRO.-
Modificar o apartado 2.2 punto SEGUNDO.- PROCEDEMENTO DE EQUIVALENCIA DE TÍTULOS DE DOUTOR, que queda redactado nos seguintes termos:
“2.2.- As peticións que se estime que reúnen todos os requisitos enviaranse no prazo máximo de 15 días á Comisión executiva da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS), quen informará e emitirá a proposta de resolución.
A Comisión executiva da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS) poderá recadar, mediante petición razoada e a través do Servizo de Xestión Académica, documentación complementaria á persoa interesada”.
SEGUNDO.-
Suprimir o apartado 2.4. punto SEGUNDO.- PROCEDEMENTO DE EQUIVALENCIA DE TÍTULOS DE DOUTOR
TERCEIRO.-
Esta resolución será aplicable ás solicitudes xa presentadas e que se atopen en fase de tramitación. A Comisión Executiva da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS) informará e emitirá as propostas de resolución nos termos previstos no apartado 2.2., de conformidade coa redacción dada por esta resolución.
O Reitor
Antonio López Díaz
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.