Regulamento de xestión e uso de espazos da Universidade de Santiago de Compostela

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0469
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

Exposición de motivos

Nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados por Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as únicas mencións directas que figuran expresamente no seu articulado relacionadas coa materia obxecto deste regulamento recóllense nos artigos 51 letra h) e 98, letra g), do texto estatutario. O primeiro deses artigos refírese á regulación tanto conceptual como funcional das facultades e escolas, atribuíndolle como unha das súas funcións a administración de espazos, servizos e equipamento, xunto cos recursos do centro e o control da súa calidade.

O artigo 98 dos Estatutos recolle as competencias propias das Xuntas de Facultade ou Escola, figurando entre as mesmas a programación de espazos, servizos e equipamento e a supervisión da súa xestión. No desenvolvemento desas previsións algúns centros da USC contan cunha regulamentación específica sobre o particular e noutros casos as mencións sobre xestión e organización de espazos inclúense nos regulamentos de réxime interno como unha das competencias previstas para as comisións delegadas das xuntas de centro.

O conxunto e tipoloxía de espazos da USC supera o dos fisicamente situados nas facultades e escolas e, por outra, que entre os espazos situados nestas facultades e escolas se atopan algúns de carácter institucional correspondentes a órganos universitarios non dependentes nin orgánica nin funcionalmente destes centros. Tal é particularmente o caso de todos os departamentos e dalgúns institutos e centros de investigación que teñen as súas sedes en dependencias de facultades e escolas.

Considerando que, consonte establece o art. 47.1 dos Estatutos, os departamentos, facultades, escolas e institutos de investigación son, xuntamente coa Escola de Doutoramento, que goza de espazo propio, as entidades en que se estrutura organicamente a USC, é necesario regulamentar a asignación destes espazos institucionais e asemade atribuír a organización e administración deses espazos aos órganos aos que se asignen, aos efectos de que estes poidan cumprir debidamente as funcións que estatutariamente lle corresponden.

O uso de espazos para fins institucionais nas diversas estruturas universitarias xa fora obxecto de debate e acordo polo Consello de Goberno na súa sesión de data 28 de abril de 2008, aprobándose por maioría uns criterios para a súa distribución centrados maioritariamente nas actividades de investigación.

Co presente regulamento establécese unha regulación de alcance xeral co fin de harmonizar e sistematizar os aspectos máis relevantes en materia de espazos, delimitando e definindo a tipoloxía de usos e a súa dispoñibilidade para fins institucionais e outras cuestións conexas.

Por outro lado, o contido desta norma debe completarse coa normativa que regule a cesión de dependencias e espazos titularidade da USC, naqueles supostos que se refiren á realización de actividades fóra do ámbito académico.

O regulamento estrutúrase en catro capítulos que abranguen un total de dezanove artigos, dúas disposicións adicionais, unha derrogatoria e unha derradeira única. No capítulo I establécense as disposicións de carácter xeral presentes en toda norma e dun xeito específico polo obxecto deste regulamento defínense os distintos usos que poder darse aos distintos espazos da Universidade.

As competencias xenéricas na administración, xestión, responsabilidade e disposición de espazos nas súas diferentes tipoloxías recóllense no capítulo II, que determina ademais a competencia para fixar a localización da totalidade de estruturas docentes, investigadoras, administrativas, de servizo ou de apoio institucional con carácter previo ao seu uso.

O capítulo III define os aspectos xerais a ter en conta para a asignación dos diversos usos, que poderán completarse coa regulación prevista nos regulamentos de réxime interno ou sobre xestión e asignación de espazos que teñan aprobados os centros e outras estruturas universitarias, respectando en todo caso a regulación xeral que aquí se establece. Por último, no capítulo IV abórdase a disposición e uso de espazos, xunto coa súa desocupación e dispoñibilidade.

A regulación complétase coas previsións contidas nas disposicións adicionais, en relación coa creación do Rexistro de ocupación de espazos e a asunción das competencias por parte do reitor ou reitora en materia de espazos, naqueles supostos de situacións excepcionais que así o requiran.

CAPÍTULO I. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente regulamento ten por obxecto establecer os criterios xerais para a organización, distribución, xestión e asignación de espazos nos centros, servizos, unidades e infraestruturas universitarias, así como a súa disposición e uso controlado no tempo, cuxa titularidade corresponda á Universidade de Santiago de Compostela (en diante USC) e que formen parte do seu patrimonio inmobiliario.

Inclúese igualmente o uso de espazos polos órganos estatutarios e polas entidades vinculadas ou dependentes da USC, así como a organización, xestión e uso daqueles espazos cedidos por outras institucións públicas ou entidades privadas.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Os espazos obxecto da regulación son os referidos ás facultades e escolas, departamentos, institutos e centros de investigación e outras unidades organizativas especializadas, inmobles e dependencias destinadas a administración e servizos, así como o resto de inmobles, xunto cos seus espazos anexos e de uso exterior.

2. Teranse en conta igualmente aqueles espazos propios das infraestruturas instrumentais de uso común que presten servizos de apoio á investigación da USC, comprendendo tanto as unidades como as plataformas científico-tecnolóxicas.

3. O regulamento ten un alcance xeral e obrigatorio para o conxunto de espazos dispoñibles, sen prexuízo das concrecións que os centros, departamentos e outras estruturas universitarias poidan establecer nos seus regulamentos internos, respectando en todo caso o contido da presente norma.

Artigo 3. Definición e tipoloxía de espazos

1. A regulación de espazos responderá á seguinte tipoloxía de usos:

a) Uso docente e discente referido a aulas, seminarios, laboratorios de prácticas para o alumnado, salas de estudo, salas de informática, audiovisuais e outros espazos que conten con medios técnicos destinados á formación ou utilización dos estudantes no desenvolvemento e adquisición da súa formación. Inclúense neste apartado os espazos comúns e de uso polivalente destinados a actos académicos e institucionais.

b) Uso investigador para os laboratorios e calquera outro espazo destinado a funcións ou equipamento de investigación, tanto nos centros académicos, departamentos ou estruturas organizativas especializadas como institutos, centros singulares, unidades ou plataformas de investigación.

c) Uso como espazo de traballo ordinario, referido aos espazos de traballo do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos, espazos de comunicacións e informática, salas para o persoal de limpeza, mantemento e seguridade, locais de almacenamento e calquera outro que se teña concertado ou contratado.

e) Uso directivo e de goberno destinado aos órganos unipersoais ou colexiados localizados nos servizos centrais da universidade, nas súas facultades ou escolas, departamentos, institutos ou centros de investigación ou en calquera outra infraestrutura universitaria.

f) Uso de extensión universitaria relacionado con actividades de tipo cultural, deportivas, de emprendemento, de representación estudantil, solidarias ou de cooperación.

CAPÍTULO II. Competencia

Artigo 4. Principios xerais

No marco do establecido nos Estatutos da USC corresponde ao reitor/a, ou órgano unipersoal de goberno en quen delegue, decidir a localización e o establecemento dos distintos centros, departamentos, institutos, servizos de apoio á docencia e investigación, servizos administrativos, cátedras, e calquera outra unidade ou estrutura nas que se organiza a USC.

Artigo 5. Facultades, escolas e departamentos

1. Consonte a liña g) do artigo 98 dos Estatutos da USC, é competencia das Xuntas de Facultade e Centro a programación dos espazos previstos para os diferentes usos que se mencionan no artigo 3, así como a súa xestión.

2. No marco da programación a que se refire o número anterior, corresponde ás direccións de centro a xestión dos espazos do centro e, dentro desta atribución, as direccións de centro garantirás que o persoal docente e investigador e o persoal empregado investigador do centro dispoñan do equipamento preciso (mobiliario e equipamento informático) para o desenvolvemento ordinario da súa actividade docente e investigadora. A supervisión da devandita xestión pola Xunta de Facultade ou Escola poderá levarse a cabo a través dunha comisión delegada desta, que terá a denominación, composición e funcións que determine o regulamento de réxime interno do centro ou que acorde a Xunta de centro, procurando a representación adecuada dos departamentos, institutos, unidades e outras estruturas organizativas da USC que teñan sede física no centro.

3. Os departamentos deberán ter asignados na facultade ou escola en que teñan establecida a súa sede espazos apropiados para o desenvolvemento das súas funcións, definidas nos Estatutos da USC, e en particular para as súas funcións directivas. Así mesmo, os centros facilitarán o uso das salas de xuntas, salas de reunión e os espazos de uso colectivo dos que dispoñan para o desenvolvemento das actividades dos departamentos, institutos e calquera outra estrutura ou unidade con sede física no centro.

A asignación deses espazos farase de acordo sempre entre os centros e os departamentos afectados respectando os criterios comúns de asignación de espazos que acorden os órganos competentes. En caso de falta de acordo resolverá o/a reitor/a ou cargo unipersoal de goberno en quen delegue. A organización e xestión ordinaria destes espazos corresponderá aos departamentos a que estean asignados.

Salvo imposibilidade material, os espazos dun departamento estarán agrupados, para facilitar a coordinación entre o seu PDI, e o uso optimizado dos mesmos. O mesmo rexerá para os departamentos interfacultativos nas súas respectivas sedes.

Acordo do consello de goberno do 23 de novembro de 2023 polo que se modifica o Regulamento de xestión e uso de espazos da Universidade de Santiago de Compostela

Artigo modificado: Artigo 5 apartado 2 nova redacción por artigo único apartado un.

Artigo 6. Estruturas de investigación

1. É competencia dos/as directores/as e directores/as científicos/, respectivamente, dos institutos e centros singulares de investigación a organización, distribución e asignación, segundo as súas dispoñibilidades, dos espazos de uso investigador e outros usos compatibles cos mencionados no artigo 3 deste regulamento. Dentro desta atribución, as direccións de centro garantirás que o persoal docente e investigador e o persoal empregado investigador do centro dispoñan do equipamento preciso (mobiliario e equipamento informático) para o desenvolvemento ordinario da súa actividade docente e investigadora.

2. No desenvolvemento das súas competencias en materia de xestión de espazos, as direccións dos institutos e centros de investigación poderán contar co apoio dunha comisión en materia de xestión e uso de espazos, que terá a denominación e composición que se lle atribúa internamente en cada instituto ou centro. A comisión poderá realizar funcións de proposta, consulta ou informe.

3. No suposto de estruturas de investigación que estean situadas nas dependencias dunha facultade ou escola, e que non dispoñan dunha sede ou edificio propio fóra delas, deberán delimitarse os espazos destinados á realización de tarefas investigadoras no centro que as alberga. Os respectivos decanatos e direccións establecerán e aprobarán conxuntamente un protocolo de coordinación que conteña, entre outras materias, medidas relacionadas coa asignación, uso e mantemento dos respectivos espazos.

As discrepancias que puideran producirse en relación coas medidas de coordinación ou uso de espazos será resoltas polos órganos de goberno dos centros e os responsables de cada unidade ou dependencia e, en última instancia, polo reitorado previo informe e proposta da comisión prevista no artigo 8 deste regulamento.

Acordo do consello de goberno do 23 de novembro de 2023 polo que se modifica o Regulamento de xestión e uso de espazos da Universidade de Santiago de Compostela

Artigo modificado: Artigo 6 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado dous.

Artigo 7. Infraestruturas restantes

Corresponde ao/á reitor/a, ou órgano unipersoal de goberno en quen delegue, a competencia e responsabilidade na xestión e administración das restantes instalacións de uso docente, investigador, administrativo e de servizos, de dirección ou extensión universitaria, que non estean asignadas ou vinculadas a centros, ou ben para a realización doutras actividades universitarias situadas en edificios titularidade da USC.

Non obstante, poderase delegar en determinadas xefaturas de servizo ou área, ou ben nas direccións ou responsables das infraestruturas, a responsabilidade da xestión do uso de espazos nos edificios que determine o/a reitor/a ou órgano unipersoal en quen delegue.

Artigo 8. Comisión xeral de espazos

1. Para os efectos de asesoramento ao reitor/a, ou órgano persoal en quen delegue, sobre a organización, distribución, xestión, uso ou asignación dos espazos, constitúese unha Comisión xeral de espazos que terá como presidente/a á persoa coas competencias delegadas en materias de infraestruturas, como secretario/a á persoa que sexa responsable da coordinación das áreas de infraestruturas e actuarán como vogais as persoas que designe o reitor, ou órgano persoal en quen delegue, entre aquelas con competencias en materia de xestión de espazos en centros, institutos, centros singulares e demais infraestruturas físicas da USC.

Na composición da comisión terase en conta a distribución das instalacións entre os Campus de Santiago de Compostela e Lugo.

Artigo 9. Resolución de conflitos

1. A organización, distribución, xestión, uso ou asignación de espazos poderán ser obxecto de reclamación por calquera membro da comunidade universitaria.

2. A reclamación presentaráselle ao órgano unipersoal responsable da xestión dos espazos sobre os que se formule a mesma, que poderá solicitar informe á comisión de xestión de espazos correspondente, se a houber, antes de resolver a reclamación.

3. A resolución da reclamación deberá notificarse no prazo máximo dun mes. Transcorrido o devandito prazo sen que se notificase, poderá entenderse desestimada, de acordo co artigo 24.1, parágrafo terceiro, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra a resolución da reclamación caberá o recurso que corresponda segundo o previsto no artigo 73 dos Estatutos da USC e na lexislación do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO III. Asignación de espazos

Artigo 10. Asignación de espazos de uso docente

Correspóndelle aos/ás decanos/as e directores/as de facultades e escolas a asignación dos espazos de uso docente dos seus centros, de acordo cos criterios xerais e coa programación aprobada pola Xunta do centro. Na asignación dos devanditos espazos terán prioridade as actividades académicas de titulacións oficiais de grao do propio centro sobre as de máster, as dos estudos propios e as de titulacións doutros centros que teñan temporalmente cedido o uso dalgúns espazos.

Artigo 11. Asignación de espazos para uso ordinario do profesorado

1. Correspóndelle aos/ás decanos/as e directores/as de escola a asignación aos departamentos e outras estruturas de investigación de dependencias nas que ubicar os espazos de traballo e, se é o caso, de espazos adicionais de laboratorio de investigación, para o persoal docente e investigador (PDI) que desenvolva as súas funcións no centro, e segundo as dispoñibilidades existentes.

2. O profesorado con vinculación permanente e dedicación a tempo completo terá dereito preferente a un espazo de traballo de uso individual, agás nos casos xustificados de imposibilidade material, nos que se lle poderá asignar espazos de traballos compartidos.

Esta asignación realizarase no campus onde estea adscrita a praza que ocupe e procurarase que sexa no centro onde se desenvolva a parte principal da actividade docente e investigadora, para o que se terá en conta a prestación de servicios continuada no centro durante os últimos catro cursos académicos.

3. Ao profesorado sen vinculación permanente, nas diferentes modalidades previstas na lexislación universitaria en vigor, asignaráselle na medida do posible espazos de traballo de uso individual, nas mesmas condicións e unha vez cubertas as necesidades do profesorado permanente. No caso de que non se dispoña de espazos de traballo individualizados a asignación realizarase en espazos de uso compartido.

No suposto concreto do profesorado asociado e, en xeral, para todo aquel profesorado que non dispoña dun lugar estable ao teren asignado encargo docente nun centro diferente a do campus no que está o centro o que está adscrito, asignaranse espazos comúns e compartidos de uso temporal para titorías, aproveitamento do tempo entre os seus labores, descanso e preparación das súas obrigas docentes.

De acordo coa normativa vixente o profesorado ou investigador/a ad honorem non terá dereito á reserva de espazos de uso individual. Non obstante, os centros poderán asignarlle un espazo compartido de uso non exclusivo, en función das súas dispoñibilidades.

4. Para o restante persoal en formación, bolseiros/as e estudantes asignarase dentro das dispoñibilidades do centro espazos de uso compartido, unha vez cubertas as necesidades da totalidade do profesorado.

5. Para cubrir as necesidades de espazo de traballo derivadas das estadías do profesorado visitante, as persoas organizadoras da visita comunicarán o director do departamento e ao/á decano/a ou ao/á director/a do centro a intención de convidar ao/á profesor/a visitante con suficiente antelación para prever a dispoñibilidade de espazo para que desenvolva os seus labores. A persoa responsable do centro poderá asignar un espazo a estes usos unha vez cubertas o resto das necesidades do profesorado do centro e do persoal investigador contratado ou en formación e en función da dispoñibilidade de espazos adecuados na instalación.

Artigo 12. Asignación de laboratorios e espazos de investigación

1. A asignación aos departamentos e outras estruturas de investigación de espazos para uso investigador nos edificios dos centros académicos levarase a cabo, igualmente, polos/as decanos/as e directores/as de centro, de acordo coa programación establecida pola Xunta do centro e cos departamentos aos que pertencen os/as investigadores que forman parte dos grupos.

Unicamente se asignarán laboratorios, espazos e equipamento para o uso dos investigadores en activo que figuren inscritos no Catálogo de investigadores e grupos de investigación da USC, nos termos previstos na súa normativa, e os seus equipos.

No caso de non dispor de suficiente espazo no centro para asignar aos equipos que desenvolven o seu traballo no centro, atenderase ao tamaño dos mesmos, cuantificándose en función do número de investigadores/as activos/as cos que conten.

Favorecerase a asignación de espazos a aqueles grupos que compartan instalacións e equipamento de investigación no centro.

Aos efectos de computar o espazo ocupado por un grupo de investigación, sumarase o espazo ocupado por todos/as os/as investigadores e equipos que o conforman, en todos os centros nos que teñan asignado espazo. Ademais dos espazos que ocupen os grupos nas instalacións propiedade da USC, tamén se tomará en consideración para o cómputo da superficie ocupada polo grupo aquelas dependencias que use en dotacións que non son propiedade da universidade.

No caso de investigadores/as que se incorporen á USC para desenvolver liñas de investigación independentes e que aínda non formen parte dun grupo de investigación inscrito no Catalogo, incluíndo os que se vinculen á USC en virtude de convenios de colaboración con outras institucións, os responsables dos centros aos que se adscriban poderán acordar a asignación provisoria de espazos de acordo co establecido no Art. 19.4 desta normativa.

2. Na identificación e asignación dos espazos teranse en conta as necesidades requiridas para o equipamento especial, e unha vez identificados tales espazos daráselle prioridade aos labores investigadores no seu uso, excepto para a realización de prácticas tuteladas, traballos fin de grao e máster, teses doutorais e outros supostos nos que o alumnado poida requirir a utilización de equipamento docente situado en espazos de investigación.

3. Nas dependencias integradas na Área de Infraestruturas de Investigación a asignación e uso de espazos corresponde, respectivamente, á dirección científica no caso das unidades de investigación e aos responsables científico-técnicos/as para as plataformas existentes na USC.

4. Para asignación de usos individuais ou compartidos atenderase á diferente tipoloxía de persoal investigador e de apoio nos termos previstos no Acordo sobre clasificación profesional e as súas condicións retributivas, comezando polo persoal do subgrupo profesional 3 en orde decrecente e ata completar as restantes categorías dos subgrupos 2 e 1, segundo a dispoñibilidade de espazos existente.

Artigo 13. Asignación de espazos para uso administrativo e de servizos

1. Corresponde ao/á reitor/a ou órgano de goberno unipersoal en quen delegue a asignación de espazos nas edificacións e dependencias destinadas a albergar os diferentes servizos e unidades administrativas da USC segundo a estrutura vixente en cada momento

2. A asignación de espazos nas facultades e escolas destinados ao persoal de administración e servizos (PAS), así como os de servizos situados nos centros, será responsabilidade do reitor ou do órgano unipersoal en quen teña delegadas as competencias en materia de asignación e xestión de espazos.

3. Corresponde igualmente aos decanos/as e directores/as dos centros a asignación daqueles espazos dedicados ás bibliotecas, no caso de estaren integradas nas dependencias do centro. O/A decano/a ou director/a do centro deberá consultar á dirección da Biblioteca Universitaria as decisións que afecten ao uso dos espazos da biblioteca do centro, así como aquelas que afecten ao mantemento e á xestión do seu uso, incluíndo os termos nos que se debe realizar a apertura destes espazos e os seus horarios de funcionamento.

4. Terán dereito a un espazo de traballo individual de forma permanente os/as directores/as de área, os/as xefes de servizo, os responsables das unidades de xestión de centros e departamentos e persoal con funcións equivalentes. No resto dos casos poderase distribuír o persoal en espazos compartidos de traballo, que deberán complementarse con salas de reunión de uso individual ou compartido para as tarefas ou actividades que esixan este tipo de locais.

Artigo 14. Asignación de espazo para os órganos de goberno

1. Os órganos unipersoais da Universidade previstos estatutariamente disporán para o desenvolvemento das súas funcións directivas e de goberno de espazos de traballo de uso individual, cuxa asignación corresponderá ao reitor/a ou órgano unipersoal no que delegue.

Porén, no caso das facultades e escolas unicamente se poderá garantir o dereito a contar cos ditos espazos individuais aos seus decanos ou decanas e directores ou directoras de centro. Para os restantes órganos unipersoais procederase de acordo coa dispoñibilidade de cada centro, respectando sempre na eventual adxudicación de espazos individuais ou de uso compartido a prelación de órganos unipersoais establecida no artigo 69.5 dos Estatutos. No caso dos departamentos, garantirase en todo caso a asignación de cando menos un espazo dedicado ás tarefas de dirección e secretaría, tal e como se indicou no art. 5.3 deste regulamento.

Artigo 15. Asignación doutros espazos

A asignación de usos de extensión universitaria definidos no artigo 3 e outros posibles usos das dependencias e instalacións realizarase polos respectivos responsables de espazos dos centros, estruturas, unidades ou servizos mencionados nos artigos precedentes.

Correspóndelle os/as decanos/as e directores/as dos centros a asignación de espazos para as actividades de representación do estudantado do centro ou daquelas actividades organizadas polos/as estudantes e que se consideren complementarias á actividade académica. Será competencia do reitor, ou do órgano persoal en quen delegue, a asignación dos espazos análogos para a representación e as actividades do estudantado no ámbito da universidade. A disposicións dos espazos para estes usos farase segundo a dispoñibilidade existente nas dependencias que correspondan en cada caso, e sempre despois de cubrir as obrigas docentes, investigadoras e de administración e prestación de servizos.

Artigo 16. Criterios de distribución de espazos

Para a asignación dos espazos segundo o disposto no artigos precedentes teranse en conta os criterios de distribución de espazos vixentes, que poderán ser revisados e actualizados polo Consello de Goberno por proposta órgano unipersoal competente en materia de infraestruturas. Este criterios inclúense como anexo deste regulamento.

CAPÍTULO IV. Disposición e uso de espazos

Artigo 17. Dereito ao uso de espazos

1. O dereito do profesorado a dispor dos medios necesarios para o desenvolvemento das súas funcións e o cumprimento das súas obrigas, entre eles dispoñer de espazos de traballo de uso individual, manterase mentres estean en servizo activo.

Cando sexan declarados en situación de servizos especiais, que se atopen en comisión de servizos ou situacións equivalentes terán reservado o espazo que ocupen ata o reingreso ao servizo activo. Non obstante, os/as decanos/as e os/as directores/as de centro poderán dispor deses espazos durante o tempo de reserva do posto de traballo, coa finalidade de que sexan compartidos ou empregados por outro persoal docente e investigador. O profesorado en situación de servizos especiais, comisión de servizos ou situación equivalente deberá retirar o material e útiles de traballo destes espazos co fin de que sexan ocupados por outras persoas durante a súa ausencia.

2. Sen prexuízo da reserva prevista no parágrafo anterior, establécese o principio xeral de que cada persoa poderá contar cun único espazo de uso individual nas dependencias da USC, ben en espazos de uso exclusivo ou en dependencias de uso compartido.

3. Por motivos xustificados poderanse atender solicitudes temporais de uso e equipamento de espazos por parte da comunidade universitaria, debendo procederse á súa asignación definitiva de existir dispoñibilidade de espazos nun prazo máximo de seis meses, contados desde a data de solicitude formal.

Artigo 18. Desocupación dos espazos por extinción ou cesamento da relación laboral

1. O persoal que teña asignado un espazo de traballo de uso individual ou colectivo deberá deixalo libre no momento da extinción ou cesamento da súa vinculación laboral coa universidade. A desocupación do espazo inclúe a obriga de recoller os efectos persoais que puidese haber nas dependencias.

2. Para o persoal docente e investigador desde a Xerencia enviarase unha comunicación de oficio á persoa interesada para os efectos de deixar libre o espazo correspondente, así como aos órganos dos centros, departamentos, unidades ou estruturas con competencia e responsabilidade na asignación de espazos.

A persoa interesada disporá dun prazo de 20 días hábiles para liberar o espazo que viña ocupando, con entrega das chaves das dependencias se for o caso, e deberá comunicarllo ao responsable de espazos do edificio ou instalación, quen dará conta á Xerencia. De non efectuarse a desocupación procederase á ocupar o espazo de oficio, enviando os efectos persoais e de traballo ao espazo designado pola universidade para tal fin. A persoa responsable dos espazos poderá dar orde de mudar os medios de acceso aos espazos se o considera pertinente unha vez rematado o prazo para a desocupación.

3. Para o persoal de administración e servizos a Xerencia encargarase das comunicacións de oficio e o/a traballador/a informará ao seu responsable funcional da dispoñibilidade do espazo que estivera ocupando.

Por parte do responsable do edificio procederase á adopción das medidas análogas ás dispostas para o persoal docente e investigador, no caso de non producirse a desocupación.

Artigo 19. Revisión periódica da dispoñibilidade dos espazos dedicados á investigación, servizos ou estudos propios

1. A asignación de laboratorios e espazos dedicados á investigación nos centros revisarase cada catro anos de forma que se avaliará a asignación de espazos en función dos criterios definidos no artigo 16. Como resultado desta revisión, o/a decano/a ou director/ao do centro poderá proceder a realizar unha nova programación dos asignación de espazos.

2. No caso das estruturas de investigación a revisión do uso dos espazos realizarase no momento que os seus regulamentos de réxime interno así o establezan, ou as súas normas de constitución de ser o caso. Se non incluíren indicacións a este respecto aplicarase o criterio temporal indicado no punto anterior, e sempre cun límite máximo de 4 anos.

3. Para aqueles supostos nos que a revisión da asignación de espazos implicase a perda de dereito a contar coas dependencias que se tiñan asignadas e que, como resultado desta situación, se derivase a necesidade de trasladar persoas e equipamentos a outro centro, o traslado non será efectivo mentres non se acorde entre os responsables dos espazos nos centros e mais dos departamentos implicados.

4. No caso de que se conformen novos grupos ou equipos de investigación en momentos anteriores ou posteriores á revisión do uso dos espazos, ou aumenten de tamaño os existentes, os/as investigadores/as promotores dos grupos ou equipos dirixiranse aos responsables de xestión dos espazos nos centros ou estruturas de investigación para solicitar o espazo necesario para o desenvolvemento das actividades con anterioridade á constitución do grupo ou equipo. O responsable do centro ou estrutura de investigación deberá informar sobre a dispoñibilidade de espazos no centro con anterioridade á constitución do grupo ou equipo ao órgano competente da aprobación destas actividades.

5. As disposicións de solicitude de novos espazos que se describen para os grupos equipos de investigación aplicaranse tamén aos espazos dedicados a servizos ou estudos propios nos centros con superficie dedicada a estes fins.

Disposición adicional primeira. Rexistro de ocupación de espazos

A USC contará cun Rexistro de ocupación de espazos que será implementado a través da corresponde aplicación institucional e no que se incluirán todos os espazos da USC, xunto coa información de ocupación de cada espazo e adscrición ao centro, estrutura de investigación ou órgano que teñan a competencia da súa administración en materia de xestión de espazos.

A información contida neste rexistro tomarase como referencia na adopción de decisións relativas á asignación de espazos, na obtención de estatísticas e elaboración de informes oficiais e operativos e nas distribucións de recursos para a operación das infraestruturas e as actuacións de reforma, acondicionamento e mellora das dotacións.

Regularase mediante unha instrución do órgano con competencias en xestión de espazos o funcionamento deste Rexistro, incluíndo as obrigas de todos os órganos, centros e servizos implicados no seu mantemento e a posta a disposición dos medios técnicos necesarios para a súa implementación.

Disposición adicional segunda. Asunción de competencias polo reitor ou reitora

O/A reitor/a, ou órgano unipersoal en quen delegue, poderá asumir as competencias en materia de distribución, xestión e asignación de infraestruturas en calquera dos supostos previstos neste regulamento, cando circunstancias de índole técnica, social, económica ou xurídica así o requiran, ou ben en situacións de excepcionalidade previamente motivadas e declaradas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente regulamento.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente norma entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.

ANEXO I: CRITERIOS PARA A DISTRIBUCIÓN DE ESPAZOS

(Aprobados na sesión do Consello de Goberno do 29 de abril de 2008)

1. Introdución

Dispoñer de criterios para a xestión de espazos tense convertido nunha necesidade dado o aumento das demandas, complexidade e interrelación da actividade dos distintos centros, departamentos, servizos, grupos de investigación, etc.

Na actualidade, unha das demandas máis amplamente formuladas polos grupos de investigación da nosa universidade ten que ver coas necesidades de espazo que precisan para levar adiante as súas labores investigadoras. Por iso é necesario asignar os espazos dispoñíbeis da maneira máis obxectiva posible.

Así, propoñemos para debate do Consello de Goberno, unha proposta que ten por obxecto definir os criterios que permitan realizar a distribución dos espazos, nomeadamente os dedicados á investigación.

2. Criterios xerais

A xestión ordinaria dos espazos de uso administrativo, docente e de investigación asignados aos distintos Centros da USC corresponde aos órganos de goberno dos mesmos, por delegación do Reitor de acordo coas especificacións que se indican nestes criterios.

En todo caso, a decisión última sobre o uso dos espazos da USC corresponde ao Reitor ou Vicerreitor/a en quen delegue. Calquera membro da comunidade universitaria poderá recorrer diante del as decisións que se tomen sobre asignación e distribución de espazos nos distintos centros.

O Reitor ou Vicerreitor/a en quen delegue será o responsábel de decidir en qué edificio e/ou locais se localizan os distintos centros, institutos, departamentos, servizos de apoio á docencia e investigación, servizos de apoio á comunidade universitaria, servizos administrativos, cátedras, e calquera outro organismo de carácter xeral. A decisión da localización irá acompañada dun encargo da xestión destes espazos.

3. Criterios para a distribución dos espazos dedicados á investigación

3.1. Procedemento e normas de aplicación dos criterios para a asignación de espazos

3.1.1. Os criterios establecidos neste documento empregaranse:

a) Como criterios de partida para a elaboración das memorias de necesidades dos espazos destinados a usos investigadores das novas edificacións.

b) No reparto de novos espazos de investigación das novas edificacións entre os grupos que se decida situar nas mesmas.

c) Na redistribución de espazos de investigación actualmente ocupados por grupos de investigación.

3.1.2. O espazo calculado en función dos criterios anteriores poderá axustarse puntualmente en función da distribución interna dos espazos de cada edificio.

3.1.3. As Unidades de Distribución de espazos serán:

• Os Centros Singulares de Investigación.

• Os Institutos de Investigación.

• Os espazos dedicados á investigación nas Facultades e Escolas e que deberán ser delimitados conxuntamente cos Decanatos e/ou Direccións de Escola.

3.1.4. Todo PDI a tempo completo terá dereito a un espazo de traballo resultante da suma da superficie básica de traballo e da superficie complementaria por actividade investigadora que lle corresponda no caso de estar activo en investigación.

A definición de PDI corresponde á Vicerreitoría de Profesorado e Organización Académica e á Vicerreitoría de Investigación e Innovación.

Provisoriamente e para os efectos da aplicación destes criterios considerarase PDI activo en investigación aquel que cumpra algunha das seguintes condicións:

• Condición a .- Ter un sexenio concedido nos últimos oito anos.

• Condición b .- Ter participado nun proxecto ou contrato de investigación nos últimos seis anos.

• Condición c .- Ter dirixido unha tese de doutoramento nos últimos seis anos.

Estes criterios adaptaranse posteriormente en función dos que se utilicen para definir os grupos de investigación que compoñen o catálogo da Universidade.

3.1.5.- O PDI e os/as investigadores/as só computaran nun grupo de investigación, (agás no caso dos centros de traballo localizados fóra dos campus) aínda que a superficie asignada poda localizarse en máis dunha

Unidade de Distribución.

3.1.6. A Superficie Básica de Traballo (SBT) asignarase por PDI e será única para os labores de docencia e investigación. Incluirá gabinete de uso individual ou compartido (tenderase a que o PDI a tempo completo dispoña de gabinetes individuais), espazos de uso común, e unha superficie básica para investigación . A Superficie Básica por PDI asignarase con carácter indefinido e ligado á existencia dunha relación contractual coa USC.

Cando a superficie básica de traballo do PDI estea localizada fóra dos centros onde este imparte docencia, os decanatos e direccións de Centro deberán prever espazos para o desenvolvemento das tarefas docentes (titorías, etc.).

3.1.7. A Superficie Complementaria por Actividade Investigadora (SCAI) asignarase por investigador/a, terá carácter temporal e asignarase por un período de catro anos.

3.1.8. Os locais habituais de traballo e os específicos de investigación estarán en locais diferentes cando así o esixan as avaliacións dos postos de traballo.

3.1.9. Unha vez asignada a superficie dunha Unidade de Distribución entre os grupos de investigación radicados na mesma, a superficie que non se asigne quedará como espazo de reserva.

3.1.10. Cando a superficie total dunha Unidade de Distribución sexa insuficiente para asignar a cada grupo o espazo calculado de acordo cos criterios anteriores, a Vicerreitoría de Infraestruturas tomará as medidas necesarias para solucionar o problema, ben mediante a ampliación dos espazos dispoñíbeis, ben mediante a utilización das superficies de reserva da propia Unidade de Distribución ou doutras, sempre que fora posible e se mantivera a coherencia da localización. Sen prexuízo do anterior e mentres non se concrete a solución, a superficie dispoñible distribuirase proporcionalmente á que lle correspondería a cada grupo en función dos criterios aprobados.

3.1.11. En calquera caso, os grupos de investigación deberán contar cos medios dispoñíbeis á hora de afrontar os seus proxectos e contratos de investigación.

3.1.12. Previo informe da Vicerreitoría de Investigación e Innovación, poderán solicitar ocupar espazos de reserva:

a) Os grupos de investigación aos que non se lles asignou a totalidade da superficie que lles corresponde de acordo con estes criterios.

b) Os novos grupos de investigación.

c) Os grupos aos que lles sobreviñeran necesidades extraordinarias entre dous procesos de asignación.

d) Os grupos de investigación que demanden unha superficie suplementaria da que lles corresponde de acordo cos presente criterios, sempre que asuman a totalidade dos custes imputábeis á superficie que lles fora asignada a maiores.

A asignación farase coa prioridade establecida nos parágrafos anteriores.

3.1.13. No prazo dun ano, definiranse os espazos que se poden considerar de uso investigador nos distintos centros, realizarase a adscrición dos grupos a cada unha das categorías definidas na táboa de superficies e contrastarase o modelo definido nestes criterios. Unha vez feitos os axustes do mesmo, se foran necesarios, servirá de base para as decisións que se tomen a partir desta data.

3.1.14. A asignación dos espazos que resulten da aplicación destes criterios e a adscrición dos grupos de investigación a cada unha das categorías definidas na táboa de superficies unha vez definidos os espazos que se poden considerar de uso investigador nos distintos centros, contrastarase durante o prazo dun ano despois da súa aprobación. Unha vez contrastado, procederase a axustar o modelo definido nestes criterios que finalmente servirá de base para as decisións que se tomen a partires desa data.

3.1.15. A superficie posta a disposición dos grupos de investigación será valorada en función do custe de amortización e mantemento, limpeza, seguridade, etc. e será considerada como achega da USC ao grupo, correspondéndolle á Vicerreitoría de Investigación determinar a inclusión ou non desta achega na súa política de axudas.

3.1.16. Poderanse tomar medidas para incentivar aos grupos de investigación a deixar libre o espazo que non precisen sen agardar ao seguinte proceso de asignación.

3.1.17. A xestión dos espazos de investigación de acordo con estes criterios corresponde aos responsábeis de cada unidade de distribución, se ben o PDI, grupos e investigadores/as poderán recorrer a aplicación dos mesmos diante do Reitor e será resolta por unha Comisión nomeada polo mesmo na que estarán presentes cando menos a Vicerreitoría de Infraestruturas (ou no seu caso a encargada da xestión de espazos) e a Vicerreitoría de Investigación e Innovación.

3.1.18. A interpretación destes criterios corresponde ao Reitor ou Vicerreitoría en quen delegue.

3.2. Criterios de asignación de espazos

a).- Superficie básica de traballo por PDI (SBT):

De acordo co establecido no apartado 3.1.6., inclúe o espazo necesario para poder dispoñer de gabinete, espazos comúns (seminarios para reunións, actividades de grupos de debate, espazo para PDI visitante, almacéns, etc) e unha superficie básica para investigación. O seu valor recollese na Táboa de Superficies do apartado 3.4.

b).- Superficie complementaria por actividade investigadora (SCAI):

A superficie complementaria por actividade investigadora (SCAI) calcularase en función do número de investigadores/as do seguinte xeito:

SCAI TOTAL= K * SCAI POR INVESTIGADOR * Nº investigadores/as

K calcularase tendo en conta a produción científica e a captación de recursos en relación coa área á que pertence. Provisoriamente terá un valor de 1.

Os custes indirectos dos recursos captados por cada grupo deberán tender a cubrir os custes imputábeis aos espazos asignados, que serán determinados pola

Xerencia con carácter xeral para toda a universidade mentres non se poida discriminar por área ou grupo. Inicialmente os custes indirectos captados polo grupo cubrirán a totalidade dos custes de reparación e mantemento imputábeis á superficie complementaria asignada por actividade investigadora, agás que os proxectos sexan competitivos, caso no que só cubrirán un 40%.

No caso de que os custes indirectos dos recursos captados polo grupo nos últimos cinco anos non cubran os custes imputábeis de acordo co descrito no parágrafo anterior, a Vicerreitoría de Infraestruturas queda facultada para tomar as medidas que estime oportunas e que poderán supoñer, no seu caso, unha redución da superficie asignada na porcentaxe de gastos imputábeis que queden sen cubrir.

A estes a efectos considerase investigador/a, o PDI que estea activo en investigación de acordo cos criterios do apartado 3.1.4., os investigadores/as dos programas Ramón y Cajal, Parga Pondal, Juan de la Cierva, Angeles Alvariño, Isabel Barreto, etc., e en xeral os/as investigadores/as vinculados/as ao grupo de investigación agás os colaboradores/as externos/as e doutorandos/as que non dispoñan de bolsas ou contratos.

Para o cálculo do número de investigadores/as do grupo analizarase a evolución do mesmo nos últimos seis anos e efectuarase a proxección para os seguintes.

Para permitir a incorporación de novos/as investigadores/as e grupos, aqueles que non captaran recursos externos nos últimos seis anos (ou estes sexan tan escasos que non permitan garantir unha superficie de traballo mínima) poderán solicitar a SBT, SBI e SCAI con exención da limitación correspondente á superficie máxima por un período que non supere os tres anos nos cales deberán planificar a consecución dos recursos externos necesarios.

c) Superficie complementaria por grandes equipos, máquinas, instalacións, equipamentos, depósitos, etc... (SCGE)

Poderase solicitar superficie complementaria por grandes equipos, máquinas, instalacións, etc. que se analizará en cada caso concreto.

3.3. Superficie Total:

A superficie total correspondente a un grupo de investigación calcularase do seguinte xeito:

ST = (SBT * nº PDI) + SCAI TOTAL + SCGM

3.4.- Táboa de superficies

  PDI -TC PDI -TP
  Grupo -1 Grupo -2 Grupo -3
SBT por PDI 15 m² 15 m² 15 m² 8 m²
SCAI por investigador/a 10 m² 7 m² 4 m²  

Grupo 1.- Grupos de investigación con altas necesidades de superficie de laboratorios

Grupo 2.- Grupos de investigación con necesidades medias de superficie de laboratorios Grupo 3.- Grupos de investigación con necesidades baixas ou nulas de superficie de laboratorios

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver