Regulamento de profesorado emérito da Universidade de Santiago de Compostela
NORMA CONSOLIDADA
O profesorado emérito é unha figura especial destinada ao recoñecemento do mérito universitario e a preservar, por parte da Universidade, o beneficio que representa a experiencia acumulada deste persoal e a súa contribución ao avance do coñecemento.
O seu obxectivo é prolongar o vínculo coa universidade daquel profesorado que no momento da súa obrigada xubilación mantén unha actividade de interese para a institución, ao mesmo tempo que se propicia unha transición interxeracional e a transmisión da experiencia acumulada en proveito das xeracións máis novas.
Foi regulada por primeira vez no Real decreto 898/1985, do 30 de abril, sobre réxime de profesorado universitario de acordo coas disposicións da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, na que se establecía un límite máximo do tres por cento do cadro de persoal docente e investigador, co obxecto de facer compatible o desenvolvemento desta figura coa necesaria renovación do persoal.
Posteriormente a figura incluíuse na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada parcialmente pola Lei orgánica 4/2007 do 12 de abril, no artigo 54 bis. Pola súa banda, o II convenio colectivo para o Persoal Docente e Investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela estableceron a posibilidade de nomear ou contratar profesorado emérito entre profesores xubilados que viñesen prestando servizos destacados á universidade.
Non obstante, hai algúns aspectos relacionados coa figura que non tiveron unha definición clara e polos que non tiña o recoñecemento que lle corresponde. Neste sentido, a Universidade de Santiago de Compostela deu un primeiro paso nas Liñas xerais do orzamento 2019 aprobadas polo Claustro o 29 de novembro de 2018 e, posteriormente, nos Orzamentos 2019, aprobados no Consello de Goberno do 20 de decembro de 2018 e no Consello Social do 21 de decembro, cuxas bases de execución dispoñen na disposición adicional terceira que os profesores eméritos “poderán exercer as funcións de dirección de centro de gasto naquelas partidas de gastos afectados, ata a finalización das actividades e mentres manteñan tal condición”.
Con este regulamento preténdese dar un paso máis na fixación desta figura co establecemento dunha relación contractual, de carácter temporal, conforme aos Estatutos, con características e funcións que contribúan a que o profesorado emérito achegue un valor engadido á Universidade.
Así mesmo, establécese o límite de profesorado emérito da Universidade nun tres por cento do cadro de Persoal Docente e Investigador de conformidade coa lexislación vixente, eliminando a restrición en función do número de xubilacións que se produzan en cada curso académico.
O Regulamento foi negociado na Mesa de Persoal Docente e Investigador os días 12 de xuño e 10 de xullo. Tras o pertinente debate nas reunións da Comisión de Organización Académica e Profesorado, delegada do Consello de Goberno, celebradas os días 17 de xuño e 12 de xullo de 2019, o Regulamento obtivo o informe favorable desta Comisión.
En consecuencia, o Consello de Goberno, na súa reunión do 18 de xullo de 2019, acordou aprobar o presente regulamento.
TÍTULO PRELIMINAR
Artigo 1. Ámbito de aplicación.
Esta norma ten por obxecto regular o acceso á condición de profesorado emérito da Universidade de Santiago de Compostela así como as condicións relativas a esta figura e as funcións que poderá desenvolver.
TÍTULO I - Disposicións xerais
Artigo 2. Condicións do contrato de profesorado emérito.
1. A Universidade de Santiago de Compostela poderá contratar profesorado emérito entre o persoal docente e investigador xubilado que prestase servizos destacados á Universidade.
2. Este contrato implicará a constitución dunha relación de carácter temporal coa correspondente retribución.
3. A duración máxima desta relación será de cinco anos. Aos tres anos realizarase unha avaliación de conformidade co disposto no artigo 12.
4. A dedicación do profesorado emérito será a tempo parcial.
5. Unha vez finalizada a relación contractual, a condición de profesorado emérito será vitalicia, a efectos honoríficos.
6. Os orzamentos anuais deberán prever o financiamento específico para este tipo de contratos, que en ningún caso poderá afectar aos recursos da Universidade.
7. O profesorado emérito quedará adscrito ao Departamento propoñente, así como ao Centro e, de ser o caso, ao Instituto ou centro de investigación responsables da emisión dos informes indicados no artigo 8 deste Regulamento.
Modificación do Regulamento de profesorado emérito da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo engadido: Artigo 2 apartado 7 engadido por artigo único apartado un.
Artigo 3. Actividades a desenvolver.
1. O profesorado emérito poderá realizar as seguintes actividades:
a) Dirixir, participar ou colaborar na dirección de tarefas de investigación, en función do tipo de actividade de que se trate e de conformidade coas convocatorias que a regulen.
b) Colaborar na docencia de posgrao, tanto en mestrados oficiais e propios como en programas de doutoramento, incluída a dirección de teses e traballos fin de mestrado, coas horas lectivas que determine o contrato ata un máximo de 30 horas. En calquera caso, esta actividade non computará para efectos do cálculo estrutural de capacidade da área.
c) Formar parte dos tribunais de tese e das comisións de avaliación dos traballos fin de mestrado.
d) Ser membros de órganos consultivos.
2. O profesorado emérito poderá exercer as funcións de representación nos órganos que establezan os Estatutos da Universidade de Santiago e demais normativa aplicable.
3. En relación coas seguintes actividades o profesorado emérito, de conformidade co previsto na normativa de aplicación e co que no seu caso establezan as respectivas convocatorias, poderá:
a) participar en tribunais e comisións encargados de resolver os concursos de prazas de profesorado.
b) celebrar contratos para a realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico, así como para o desenvolvemento de ensinanzas de especialización ou actividades específicas de formación de conformidade co previsto no artigo 83 da Lei orgánica de universidades.
4. Unha vez finalizado o período de contratación, o profesorado emérito manterá esta condición con carácter honorífico e de xeito vitalicio. Nesta condición, o profesorado emérito manterá o dereito a:
a) Dispoñer da tarxeta universitaria de identidade.
b) Dispoñer da conta de correo corporativo da Universidade.
c) Acceder aos servizos da Biblioteca Universitaria nas mesmas condicións que o profesorado en activo.
d) Desenvolver na Universidade de Santiago de Compostela actividades de investigación e de formación de investigadores que, de seren financiadas, se axustarán ás condicións e requisitos que estableza o ente financiador.
e) Ocupar nos actos académicos o lugar protocolario correspondente á categoría á que pertencían no momento da súa xubilación.
f) Acceder a todos aqueles servizos que así o prevexan nos seus regulamentos.
g) Gozar da condición de expertos de recoñecido prestixio para os efectos do artigo 31.2 da Lei 14/2011, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.
Modificación do Regulamento de profesorado emérito da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo engadido: Artigo 3 apartado 4 engadido por artigo único apartado dous.
Artigo 4. Retribucións.
1. O profesorado emérito percibirá unha remuneración compatible coa percepción da pensión de xubilación que lle corresponda.
2. A contía da retribución prevista no contrato reflectirase anualmente nos orzamentos da universidade, con financiamento finalista que, en ningún caso, afectará aos gastos ordinarios da institución.
3. O profesorado emérito poderá percibir complementos adicionais sempre que estes estean financiados, para esta finalidade, en proxectos ou contratos de investigación. Así mesmo, poderán percibir retribucións en concepto de colaboración en estudos propios, impartición de conferencias ou seminarios, ou outras de natureza similar.
4. En calquera caso, o conxunto das retribucións percibidas non poderá superar a retribución máxima establecida na normativa de aplicación.
Artigo 5. Límite de profesorado emérito.
1. O número de profesorado emérito contratado non poderá exceder, en ningún caso, do 3 por 100 do cadro de persoal docente.
2. Se o número de solicitudes informadas favorablemente superara o límite terán prioridade os novos nomeamentos respecto das prórrogas. Se algún dos dous grupos excedese o límite sinalado, a comisión avaliadora ordenará as solicitudes conforme aos criterios establecidos na selección.
TÍTULO II - Requisitos e procedemento
Artigo 6. Requisitos.
Para ser contratado como profesorado emérito da Universidade de Santiago de Compostela será necesario reunir os seguintes requisitos:
a) Cumprir a idade de xubilación forzosa no curso en que se realice a solicitude e estar en situación de servizo activo na Universidade de Santiago de Compostela.
b) Pertencer aos corpos e categorías docentes universitarios.
c) Ter prestado servizo activo na universidade pública durante un mínimo de 30 anos,
20 ou máis deles na Universidade de Santiago de Compostela, con dedicación a tempo completo ou o seu equivalente para o caso de que a totalidade ou unha parte do servizo activo se desenvolvese con dedicación a tempo parcial.
d) Ter recoñecido como mínimo un número de tramos de actividade investigadora avaliados positivamente que o sitúe no cuartil superior da área de coñecemento nacional á que pertenza, segundo os datos publicados pola Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA).
e) Cumprir polo menos algunha das seguintes condicións nos últimos 8 anos:
1. Ter sido investigador/a principal (IP ou co-IP) dun proxecto de investigación dotado con financiamento externo público ou privado pertencente a convocatorias de concorrencia competitiva.
2. Ter dirixido ou codirixido, como mínimo, unha tese de doutoramento que fose lida durante ese período.
3. Ter feito unha achega académica, científica ou artística de extraordinario relevo.
f) Ter recoñecidos seis tramos de actividade docente.
g) Non ter sido sancionado pola comisión de calquera tipo de falta disciplinaria.
Artigo 7. Convocatoria.
Na convocatoria recollerase, como mínimo:
a) O procedemento para a súa tramitación.
b) O número de prazas ofertadas sen que poida superar o límite máximo establecido no artigo 5 e de xeito que se procure unha distribución proporcional ao longo do tempo.
c) O prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 8. Solicitude.
1. Corresponde aos departamentos a presentación á Vicerreitoría competente en materia de profesorado das solicitudes de profesorado emérito. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:
a) O plan de actividades que realizará o profesorado no caso de ser declarado emérito no período que se solicita.
b) A expresión do interese da persoa proposta, acompañando o seu currículo.
c) O informe razoado do Consello de Departamento e, de ser o caso, tamén do Instituto ou Centro de Investigación, no que se xustificarán os méritos destacados da persoa candidata, a oportunidade e o interese científico da colaboración.
d) O informe razoado da/s Xunta/s de Centro no/s que o profesorado desenvolvese o seu labor como docente nos últimos dez anos.
Artigo 9. Avaliación das solicitudes.
1. A Comisión de Avaliación de Accións Especiais será a encargada de realizar a avaliación das solicitudes presentadas que cumpran os requisitos.
2. Para os efectos de valoración de méritos, consideraranse relevantes os seguintes:
a) Os anos de servizo na universidade adicionais aos esixidos para reunir as condicións que habilitan para a solicitude. Terán unha consideración especial para estes efectos os servizos prestados na USC.
b) Os resultados do labor docente desempeñado consistentes en publicacións docentes de referencia nacional ou internacional, ou en premios e distincións concedidos en atención a méritos docentes.
c) Os resultados do labor de investigación consistentes en artigos, monografías e informes de referencia publicados, en número de teses dirixidas, en número de proxectos dirixidos dotados con financiamento externo, e en número de sexenios e outros indicadores da relevancia da proxección internacional do seu labor investigador, tendo en conta as características específicas de cada área.
d) O desenvolvemento de actividades de xestión na USC e a participación en organismos nacionais ou internacionais de xestión, avaliación ou promoción da investigación e/ou da docencia universitaria.
e) O plan de actividades que a persoa solicitante vai desenvolver durante o período para o que se solicita.
3. A Comisión de Organización Académica e Profesorado (COAP) ordenará as solicitudes avaliadas pola Comisión de Avaliación de Accións Especiais e emitirá un informe xustificativo da orde de prelación asignada. Tenderase a que no conxunto de profesorado emérito estean representados os diferentes ámbitos de coñecemento.
4. A Comisión de Organización Académica e Profesorado elevará a proposta que corresponda ao Consello de Goberno, con base nos informes emitidos sobre os currículos dos/das solicitantes pola Comisión de Avaliación de Accións Especiais.
TÍTULO III - Réxime do profesorado emérito
Artigo 10. Contratación de profesorado emérito.
1. O Consello de Goberno acordará a contratación de profesorado emérito á vista da proposta elevada pola Comisión de Organización Académica e Profesorado.
2. A Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, en execución do acordo adoptado polo Consello de Goberno, contratará as persoas propostas indicando o Departamento, Centro ou Instituto de Investigación no que se desenvolverán a súa actividade. A contratación comunicarase aos departamentos, centros ou institutos correspondentes.
Artigo 11. Extinción do contrato
1. A extinción do contrato poderase realizar pola causa establecida no artigo 2.3 ou por calquera outra das causas previstas no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.
2. Así mesmo, a extinción poderase realizar por acordo do Consello de Goberno ante unha causa xustificada, previa proposta motivada do Consello do Departamento correspondente, tras dar trámite de audiencia á persoa interesada e solicitar informe da Xunta de Centro e da Comisión de Organización Académica e de Profesorado.
Artigo 12. Avaliación e prórroga
1. De conformidade co artigo 2, aos tres anos desde o contrato inicial realizarase unha avaliación das actividades desenvolvidas. Os departamentos aos que pertenza o profesorado emérito remitirán á Vicerreitoría competente en materia de profesorado un informe motivado sobre o grao de cumprimento do plan de actividades proposto para a contratación como profesor emérito, e unha actualización do plan de traballo para o seguinte período.
2. A Comisión de Avaliación de Accións Especiais será a encargada de realizar unha avaliación do cumprimento do plan de actividades e do plan de traballo proposto para o período de prórroga.
3. Tendo en conta o informe do Departamento e a avaliación da Comisión de Avaliación de Accións Especiais, a Comisión de Organización Académica e Profesorado elevará a proposta que corresponda ao Consello de Goberno.
3. O Consello de Goberno decidirá sobre a prórroga do contrato do profesorado emérito á vista da proposta elevada pola Comisión de Organización Académica e Profesorado.
Modificación do Regulamento de profesorado emérito da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo engadido: Disposición transitoria única suprimida por artigo único apartado tres.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.
Queda derrogado o Regulamento do profesorado emérito da Universidade de Santiago de Compostela aprobado por acordo do Consello de Goberno do 5 de xuño de 2015.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor.
A presente norma entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.