Modificación do Regulamento de profesorado emérito da Universidade de Santiago de Compostela
NORMA CONSOLIDADA
Modificación do Regulamento de profesorado emérito da Universidade de Santiago de Compostela Decorridos tres anos desde a aprobación polo Consello de Goberno celebrado o 18 de xullo de 2019 do Regulamento de profesorado emérito da Universidade de Santiago de Compostela, cómpre abordar a súa modificación para completar algúns aspectos que non quedaron no seu día regulados coa precisión debida.
As modificacións introducidas no texto teñen por obxecto, en primeiro lugar, establecer de xeito expreso a adscrición do profesorado emérito ao departamento propoñente, así como á facultade ou escola e, de ser o caso, ao instituto ou centro de investigación que emiten os informes previstos no procedemento de tramitación e avaliación das propostas.
Por outra banda, aínda que o Regulamento recollía que, unha vez finalizado o período de contratación, a condición de profesorado emérito tería carácter vitalicio a título honorífico, facíase necesario concretar os seus dereitos e atribucións unha vez finalizado o período de contratación.
Finalmente, suprímese a disposición transitoria única, que establecía unha serie de condicións especiais para o profesorado emérito nomeado existente no momento da entrada en vigor do Regulamento, e que perdeu o seu sentido unha vez que finalizou o período transitorio nela previsto.
De acordo co anterior, logo da negociación na Mesa de PDI e do informe favorable da Comisión de Organización Académica e Profesorado, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa reunión do 22 de xullo de 2022, acordou:
Artigo único. Modificación do Regulamento de profesorado emérito da Universidade de Santiago de Compostela
O Regulamento de profesorado emérito queda modificado nos seguintes termos:
1. Engádese no artigo 2 un apartado 7, que queda redactado nos seguintes termos:
«7. O profesorado emérito quedará adscrito ao Departamento propoñente, así como ao Centro e, de ser o caso, ao Instituto ou centro de investigación responsables da emisión dos informes indicados no artigo 8 deste Regulamento».
2. Engádese no artigo 3 un apartado 4, que queda redactado nos seguintes termos:
«4. Unha vez finalizado o período de contratación, o profesorado emérito manterá esta condición con carácter honorífico e de xeito vitalicio. Nesta condición, o profesorado emérito manterá o dereito a:
a) Dispoñer da tarxeta universitaria de identidade.
b) Dispoñer da conta de correo corporativo da Universidade.
c) Acceder aos servizos da Biblioteca Universitaria nas mesmas condicións que o profesorado en activo.
d) Desenvolver na Universidade de Santiago de Compostela actividades de investigación e de formación de investigadores que, de seren financiadas, se axustarán ás condicións e requisitos que estableza o ente financiador.
e) Ocupar nos actos académicos o lugar protocolario correspondente á categoría á que pertencían no momento da súa xubilación.
f) Acceder a todos aqueles servizos que así o prevexan nos seus regulamentos.
g) Gozar da condición de expertos de recoñecido prestixio para os efectos do artigo 31.2 da Lei 14/2011, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación».
3. Suprímese a disposición transitoria única.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.