lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas.

Publicado en: DOG 130 09/07/1985

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Modificacións

O Estatuto de Autonomía de Galicia asume o poder presupostario da Comunidade Autónoma nos artigos 10.B e 53. Así mesmo, o artigo 17.a) da Lei Orgánica de Financiación das Comunidades Autónomas recoñécelles a estas competencias normativas, de acordo cos seus respectivos Estatutos, na «elaboración, exame, aprobación e control dos seus presupostos…».

Os artigos 136 e 153.d) da Constitución consideran ó Tribunal de Contas como supremo órgano fiscalizador das contas e da xestión económica do Estado e do sector público, atribuíndolle o control económico e presupostario das Comunidades Autónomas.

A Lei Orgánica de Financiación das Comunidades Autónomas no seu artigo 22 reitera o disposto no artigo 153.d) da Constitución e complétao ó sentar que o control económico e presupostario da actividade financeira das Comunidades Autónomas pode concorrer tanto no Tribunal de Contas coma noutros sistemas e institucións de control de carácter comunitario.

Tendo en conta o anterior, é posible non só que cada Comunidade Autónoma cree os seus propios órganos de control interno, isto é, os seus propios órganos interventores, senón tamén órganos de control externo.

Por outra parte, é unha realidade que o control político da actividade, en xeral, de cada Administración Autonómica e o da execución do seus propios presupostos, en especial, corresponden a cada Asamblea lexislativa territorial.

O Estatuto de Autonomía de Galicia no seu artigo 53.2 prevé a creación dos seus propios órganos de control económico e presupostario externo, ó sinalar: «Sen prexuício do disposto no artigo 136 e no apartado d) do artigo 153 da Constitución, créase o Consello de Contas de Galicia. Unha Lei de Galicia regulará a súa organización e funcionamento e establecerá as garantías, normas e procedementos para asegura-la rendición das contas da Comunidade Autónoma, que deberá someterse á aprobación do Parlamento».

Por todo o cal, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do devandito Estatuto e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei do Consello de Contas.

Título I Competencias

Artigo 1. Competencias.

1. O Consello de Contas, como órgano de fiscalización externa das contas e da xestión económico-financeira e contable, exercerá a súa función en relación coa execución dos programas de ingresos e gastos do sector público da Comunidade Autónoma e asesorará o Parlamento de Galicia en materia económico-financeira.

2. Depende directamente do Parlamento de Galicia e exerce as súas funcións con plena independencia e sometemento ó ordenamento xurídico.

3. Para garantir unha correcta xestión das finanzas públicas, o Consello de Contas asume a competencia de prevención da corrupción no ámbito do sector público da Comunidade Autónoma.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 1 apartado 1 nova redacción por artigo primeiro apartado 1 e apartado 3 engadido por artigo primeiro apartado 2.

Artigo 2. Ámbito de actuación.

1. Para os efectos desta lei, compoñen o sector público da Comunidade Autónoma:

a) A Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais do sector público autonómico previstas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

b) As entidades locais e os entes ou organismos, calquera que sexa a súa forma xurídica, dependentes ou controlados directa ou indirectamente por aquelas.

c) As universidades públicas do Sistema universitario de Galicia e as entidades nas que no seu capital ou fondo patrimonial equivalente teñan participación maioritaria as devanditas universidades.

d) As corporacións ás que se refire o número 29 do artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia.

e) Os entes ou organismos, calquera que sexa a súa forma xurídica, nos que a participación das entidades sinaladas nas letras anteriores considerada conxuntamente sexa maioritaria ou comporte o seu control público.

2. Quedan sometidos á actuación do Consello de Contas, na medida necesaria para o axeitado exercicio das funcións deste órgano:

a) As persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións, créditos, avais ou calquera outro tipo de axuda pública outorgada polas entidades previstas no punto 1 deste artigo.

b) As formacións políticas e as fundacións e entidades vinculadas ás formacións políticas ou vinculadas a elas, exclusivamente no que atinxe á xustificación das subvencións que reciban dalgunha das entidades ás que se refire o punto 1 deste artigo e sen prexuízo das competencias do Tribunal de Contas e do establecido na Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos.

3. O Consello de Contas realizará un seguimento e dará conta do grao de cumprimento das recomendacións emanadas dos informes emitidos.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 2 nova redacción por artigo primeiro apartado 3.

Artigo 3. Réxime interior.

Correspóndelle ó Consello de Contas a competencia para todo o concernente ó goberno e ó réxime interior do mesmo e ó persoal ó seu servicio.

Deberá elabora-lo seu proxecto de presupostos, que se integrará nos xerais da Comunidade Autónoma, nunha Sección específica diferenciada, para que sexa sometido á aprobación do Parlamento de Galicia.

Artigo 4. Fiscalización.

Son funcións do Consello de Contas de Galicia:

a) Fiscaliza-la actividade económico-financeira do sector público de Galicia, velando para que se axuste ó ordenamento xurídico e ó principio de racionalidade, determinada por criterios de eficiencia e economía.

b) Fiscalizar as subvencións, os créditos e as axudas con cargo aos orzamentos das entidades previstas no punto 1 do artigo 2, así como os avais e as exencións fiscais directas e persoais concedidas por aqueles entes, xa sexan percibidas por persoas físicas ou xurídicas.

c) Fiscalizar os contratos celebrados pola Administración autonómica e das entidades previstas no punto 1 do artigo 2 nos casos en que se estableza así ou en que o Consello de Contas o considere conveniente.

d) Fiscalizar a situación e as variacións do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e demais entidades previstas no punto 1 do artigo 2.

e) Fiscaliza-los créditos extraordinarios e suplementos de créditos, así como as incorporacións, ampliacións, transferencias e demais modificacións dos créditos presupostarios galegos.

f) Emitir ditames e consultas que en materia de contabilidade pública e de xestión económico-financeira lle soliciten as institucións e entidades previstas no punto 1 do artigo 2, así como atender as consultas do Parlamento sobre os orzamentos da Comunidade Autónoma e a súa execución e liquidación e emitir opinión, por solicitude do Parlamento ou da Xunta, sobre proxectos normativos que afecten os ingresos ou gastos públicos.

g) Analiza-la utilización dos recursos disponibles atendendo ó menor custo na realización do gasto e formula-las propostas tendentes a mellora-los servicios prestados polo sector público de Galicia.

h) Fiscaliza-lo grado de cumprimento dos obxectivos propostos nos diversos programas presupostarios e nas memorias das subvencións, créditos, axudas e dos avais, e indicar, no seu caso, as causas de incumprimento.

i) Emitir informes facultativos, por petición da consellaría competente en materia de facenda, por instancia do órgano de control competente por razón da materia da Administración que teña atribuída a tutela financeira das entidades locais de Galicia, para resolver as discrepancias que lle sexan elevadas a este órgano polas persoas que ocupen a presidencia das entidades locais a través do procedemento regulado na normativa do Estado.

j) Fiscalizar a evolución dos bens patrimoniais das persoas que ocupan altos cargos no sector público autonómico.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 4 apartados b), c) e d) nova redacción e apartados i) e j) engadidos por artigo primeiro apartado 4.

Artigo 5. Enxuiciamento.

1. Se no exercicio da súa función fiscalizadora o Consello de Contas advirte a existencia de indicios de responsabilidade contable, dará traslado das correspondentes actuacións ao Tribunal de Contas para que este efectúe o axuizamento delas.

2. Así mesmo, en materia de enxuiciamento contable, realizará tódalas funcións que lle delegue o Tribunal de Contas, de acordo co que prevé a Lei Orgánica 2/82, do 12 de maio.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 5 apartado 1) nova redacción por artigo primeiro apartado 5.

Artigo 5 bis. Prevención da corrupción

O Consello de Contas desempeña as seguintes competencias en materia de prevención da corrupción:

a) Colaborar coas administracións suxeitas ao ámbito de actuación do Consello de Contas e facerlles propostas na elaboración de códigos de conduta e manuais internos de xestión de riscos que permitan garantir o comportamento ético dos xestores públicos.

b) Solicitar información ás administracións relativas aos seus sistemas de prevención da corrupción, comprobando o axeitado deseño e implantación das políticas de integridade e propoñendo melloras que garantan a transparencia e reduzan as oportunidades de fraude.

Neste sentido, deberá avaliar de xeito sistemático os plans de prevención de risco da corrupción que realicen as institucións e entes do sector público da Comunidade Autónoma, nos cales deberán analizar as actividades nas que se constate unha maior incidencia de risco.

c) Asesorar o Parlamento, a Administración autonómica e as administracións suxeitas ao ámbito de actuación do Consello de Contas sobre os instrumentos normativos ou internos de prevención e represión da corrupción.

d) Fomentar a conciencia e participación cidadá a favor da transparencia e o comportamento ético no sector público e impulsar dentro do sector privado o establecemento de mecanismos de autorregulación co fin de evitar prácticas irregulares, en particular nas empresas licitadoras e adxudicatarias de contratos, concesionarias de servizos públicos e beneficiarias de subvencións e axudas públicas.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo engadido:Artigo 5 bis engadido por artigo primeiro apartado 6.

Título II Organización e funcionamento

Capítulo I Organización

Artigo 6. Órganos.

Son órganos do Consello de Contas:

1. O Pleno.

2. O conselleiro ou conselleira maior.

3. A Comisión de Goberno.

4. As Seccións:

a) De Fiscalización.

b) De Axuizamento.

c) De Prevención da Corrupción.

5. Os conselleiros ou conselleiras.

6. A Secretaría Xeral.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 6 nova redacción por artigo primeiro apartado 7.

Artigo 7. O Pleno.

1. O Pleno estará integrado por cinco Conselleiros, dos que un será o Conselleiro maior.

2. O Pleno quedará validamente constituído cando estean presentes tres dos seus membros e os acordos serán adoptados por maioría dos presentes.

3. Correspóndelle ó Pleno:

a) Exerce-la función fiscalizadora de acordo coas disposicións desta Lei.

b) Adopta-las disposicións necesarias para cumpri-los fins que esta Lei lle encomenda ó Consello de Contas.

c) Aproba-lo Proxecto de Presuposto.

d) Aprobar tódolos informes, memorias, propostas, dictames e consultas que formulen os órganos competentes do Consello de Contas.

e) Propo-lo nomeamento dun dos seus membros para o cargo de Conselleiro Maior.

f) Resolve-los conflictos de atribucións e cuestións de competencia entre os diversos órganos do Consello de Contas.

g) Designar os presidentes ou presidentas das seccións de Fiscalización e Axuizamento.

h) Nomea-lo Secretario Xeral.

i) Plantexa-los conflictos que afectan ás competencias ou atribucións do Consello.

l) Subscribir protocolos ou convenios de colaboración ou cooperación con outros órganos externos de fiscalización do sector público ou con entidades públicas ou privadas coa finalidade de mellorar o exercicio das funcións do Consello de Contas.

m) Aprobar o plan anual de traballo do Consello, así como a memoria anual de actividades e a relación de postos de traballo.

n) As demais funcións que por lei se lle encomenden.

4. O Pleno será convocado polo Conselleiro maior a iniciativa propia ou sempre que o soliciten polo menos dous dos seus membros.

Lei 4/1986, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 7 apartados 1, 2 e 4 nova redacción por artigo 1.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 7 apartados 3.g) e 3.l) nova redacción, apartado 3.ll) suprimido e apartados 3.m) e 3.n) engadidos por artigo primeiro apartado 8.

Artigo 8. O Conselleiro Maior.

1. O Conselleiro Maior será nomeado por un período de tres anos polo Presidente da Xunta, a proposta do Pleno de entre os seus membros.

2. O Conselleiro Maior cesará no seu cargo: por expiración do período do seu mandato, por renuncia, por invalidez permanente que o incapacite para o exercicio da súa función, ou cando perda a súa condición de Conselleiro.

3. O Conselleiro Maior será substituído provisionalmente en caso de ausencia e enfermidade, así como no suposto de vacante, ata que se produza o novo nomeamento, polo Conselleiro de maior antigüidade de entre os que integran a Comisión de Goberno, dirimíndose a substitución, en caso de empate, en favor do Conselleiro de maior idade.

4. Son atribucións do Conselleiro Maior:

a) Representar ó Consello de Contas.

b) Convocar e presidir o Pleno, a Comisión de Goberno e a Sección de Prevención da Corrupción, así como decidir co seu voto de calidade no caso de empate.

c) Exerce-la xefatura superior do persoal.

d) A execución do estado de gastos, así como a contratación de obras, bens, servizos, subministracións e demais prestacións necesarias para o seu funcionamento.

e) Resolve-las demais cuestións de carácter interno non asignadas a outros órganos do Consello.

f) As demais que lle recoñeza a lei.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 8 apartados 4.b) e 4.d) nova redacción por artigo primeiro apartado 9.

Artigo 9. A Comisión de Goberno.

1. A Comisión de Goberno está constituída polo Conselleiro Maior e os Conselleiros de Contas Presidentes de Sección.

2. Correspóndelle á Comisión de Goberno:

a) Establece-lo réxime de traballo do persoal.

b) Distribuí-los asuntos entre as Seccións.

c) Exerce-las funcións relativas ó nomeamento e contratación do persoal, goberno e administración en xeral.

d) Exerce-la potestade disciplinaria respecto ó persoal de acordo coas normas de réxime interior.

e) Nomea-los Delegados Instructores.

f) As outras facultades que o Pleno lle delegue para a maior eficacia no exercicio das funcións propias do Consello.

Artigo 10. As Seccións.

1. Á Sección de Fiscalización corresponderalle a verificación da contabilidade das entidades do sector público de Galicia e o exame e a comprobación das súas contas.

Organizarase en departamentos sectoriais ó frente de cada un dos cales estará un Conselleiro.

2. Á Sección de Enxuiciamento correspóndelle, no marco establecido polo artigo 5 desta Lei, a instrucción dos procedementos xurisdiccionais e o enxuiciamento das responsabilidades contables daqueles que teñen ó seu cargo caudais ou efectos públicos conforme ás funcións do Consello de Contas.

2 bis. Correspóndelle á Sección de Prevención da Corrupción o exercicio das funcións descritas no artigo 5 bis desta lei. Estará presidida polo conselleiro ou conselleira maior e actuará asistida polo persoal do Consello de Contas. A sección elaborará un programa anual de actividades que elevará ao Pleno para a súa integración no plan de traballo do Consello de Contas. Se no exercicio das súas funcións se observan indicios de condutas ou feitos que poidan ser constitutivos de delito, estes poñeranse de forma inmediata en coñecemento do Ministerio Fiscal ou da autoridade xudicial.

3. Os presidentes ou presidentas das seccións de Fiscalización e Axuizamento serán designados polo Pleno para un período de tres anos.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 10 apartado 2 bis engadido por artigo primeiro apartado 10 e apartado 3 nova redacción por artigo primeiro apartado 11.

Artigo 10 bis. Conselleiros ou conselleiras

Os conselleiros ou conselleiras son os competentes para dirixir a actividade fiscalizadora correspondente ao departamento sectorial ao que fosen adscritos polo Pleno do Consello e do que serán responsables.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo engadido:Artigo 10 bis engadido por artigo primeiro apartado 12.

Artigo 11. A Secretaría Xeral.

1. O Secretario Xeral desempeñará as funcións conducentes ó adecuado exercicio das competencias gobernativas do Pleno da Comisión de Goberno e do Conselleiro Maior en todo o relativo ó réxime interior do Consello de Contas.

2. O Secretario Xeral velará especialmente pola redacción das Actas das Sesións do Pleno e da Comisión de Goberno, formará o anteproxecto de presuposto e o proxecto de memoria anual que se deban someter ó Pleno.

3. A persoa titular da Secretaría Xeral deberá ser licenciada, ou con título equivalente, en Dereito e funcionaria do grupo A, subgrupo A1, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, doutras comunidades autónomas, da Administración local ou do Estado, ou persoal letrado do Consello Consultivo ou do Parlamento de Galicia.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 11 apartado 3 engadido por artigo primeiro apartado 13.

Capítulo II Funcionamento

Sección 1.ª Os membros do Consello

Artigo 12. Os Conselleiros.

1. Os Conselleiros, en número de cinco, son designados polo Parlamento mediante votación por maioría de tres quintas partes, para un período de seis anos. Se se producisen vacantes, cubriranse de acordo co establecido anteriormente e polo tempo que reste de mandato.

2. Os conselleiros ou conselleiras de contas son independentes e inamovibles e serán elixidos entre conselleiros ou conselleiras do Tribunal de Contas, censores ou censoras xurados de contas, maxistrados ou maxistradas, fiscais, funcionarios ou funcionarias públicos pertencentes a corpos clasificados no subgrupo A1, e entre persoas licenciadas ou graduadas en Dereito, en Ciencias Económicas ou con títulos equivalentes de recoñecida competencia con máis de doce anos de exercicio profesional nas áreas que son competencia do Consello de Contas.

2 bis. Non poderán ser designados conselleiros ou conselleiras de contas as persoas que, nos seis anos anteriores, estivesen comprendidas nalgún dos supostos seguintes:

a) Teren a condición de membros do Parlamento de Galicia, das Cortes Xerais, do Parlamento Europeo, do Consello de Goberno da Xunta de Galicia ou das entidades locais.

b) Formaren parte dos órganos de dirección de partidos políticos ou de organizacións representativas dos traballadores e traballadoras ou dos empresarios e empresarias.

3. Non poderán ser designados conselleiros ou conselleiras de contas as persoas que, nos dous anos anteriores, estivesen comprendidas nalgún dos supostos seguintes:

a) O persoal directivo e os empregados e empregadas do sector público de Galicia que tivesen ao seu cargo a xestión, inspección ou intervención dos ingresos e gastos do dito sector.

b) Os presidentes ou presidentas, directores ou directoras e membros dos consellos de administración ou asimilados das entidades previstas no punto 1 do artigo 2.

c) Os particulares que, excepcionalmente, administrasen, recadasen ou custodiasen fondos ou valores públicos.

d) As persoas perceptoras das subvencións con cargo a fondos públicos.

e) Calquera outra persoa que tivese a condición de contadante perante o Consello de Contas.

f) Os beneficiarios de avais ou exencións fiscais directas e persoais concedidas por calquera dos entes indicados no punto 1 do artigo 2.

4. Con seis meses de antelación á expiración do mandato dos conselleiros e conselleiras, o conselleiro ou conselleira maior dirixirase á Presidencia do Parlamento de Galicia solicitando que se proceda ao nomeamento de novos conselleiros ou conselleiras. Unha vez recibida tal comunicación, no prazo máximo de seis meses, o Parlamento de Galicia, logo dos trámites oportunos, deberá proceder á votación establecida no punto 1 deste artigo.

5. Os conselleiros e as conselleiras de contas terán como límite máximo de permanencia nos seus cargos a idade de 72 anos.

6. As persoas candidatas propostas polos grupos parlamentarios para seren membros do Consello de Contas deberán comparecer perante a comisión correspondente do Parlamento de Galicia conforme o seu Regulamento co fin de examinar a súa idoneidade para o cargo.

7. As persoas membros do Consello de Contas están suxeitas ás mesmas obrigas en materia de transparencia que a normativa vixente exixa aos conselleiros e conselleiras da Xunta de Galicia.

Lei 4/1986, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 12 apartado 1 nova redacción por artigo 2.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 12 apartados 2 e 3 nova redacción, e apartados 2 bis, 4, 5, 6 e 7 engadidos por artigo primeiro apartado 14.

Artigo 13. Incompatibilidades.

1. Os membros do Consello de Contas estarán suxeitos ás mesmas causas de incapacidade, incompatibilidade e prohibicións establecidas para os Xuíces na Lei Orgánica do Poder Xudicial.

2. A condición de membro do Consello de Contas de Galicia é incompatible con:

a) A de Deputado do Parlamento de Galicia ou de calquera outro Parlamento Autonómico.

b) A de Deputado do Congreso dos Deputados.

c) A de Senador.

d) A de membro do Tribunal de Contas.

e) A de Valedor do Pobo.

f) A de Defensor do Pobo.

g) Calquera cargo político ou administrativo do Estado, das comunidades autónomas e das entidades locais ou das súas entidades dependentes, calquera que sexa a súa forma xurídica.

h) O exercicio de funcións directivas ou executivas en partidos políticos, centrais sindicais, organizacións empresariais e Colexios Profesionais.

i) A de membro de calquera dos órganos asesores da Xunta de Galicia.

I) O exercicio da súa profesión ou de calquera outra actividade remunerada, agás a docencia, a produción e creación literaria, artística, científica e técnica e as publicacións derivadas daquela nos termos previstos na normativa reguladora do Poder Xudicial, sempre que a citada remuneración non proveña dalgunha das entidades do sector público da Comunidade Autónoma ou das persoas físicas ou xurídicas que están sometidas á actuación do Consello de Contas en virtude do disposto nos apartados 2 e 3 do artigo 2 desta lei.

3. Se a designación recaese nalgunha das persoas ás que se refire o apartado anterior, antes de tomar posesión, deberá renunciar ó seu cargo ou función.

4. O nomeamento dos membros do Consello de Contas implicará, no seu caso, a declaración do interesado na situación de servicios especiais ou equivalente na carreira ou Corpo de procedencia.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 13 apartado 2.g) nova redacción por artigo primeiro apartado 15.

Lei 1/2023, do 14 de marzo.

Artigo modificado:Artigo 13 apartado 2 letra l) nova redacción por artigo 1 apartado un.

Artigo 14. Abstención e recusación.

Para os Conselleiros rexen as causas de abstención e de recusación seguintes:

a) Ter interés persoal no asunto ou na empresa ou entidades interesadas, ou ter cuestión litixiosa pendente ou relación de servicio con algún interesado.

b) Ter parentesco de consanguinidade ata o cuarto grao ou de afinidade ata o segundo grao con calquera dos contadantes ou administradores das entidades indicadas no punto 1 do artigo 2.

c) Ter amistade íntima ou enesmistade manifesta con algunha das persoas sinaladas no apartado anterior.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 14 apartado b) nova redacción por artigo primeiro apartado 16.

Artigo 15. Responsabilidade.

A responsabilidade disciplinaria do Conselleiro Maior e dos Conselleiros deberá ser establecida polas normas de réxime interior do Consello de Contas.

Artigo 16. Perda da condición.

Os membros do Consello de Contas de Galicia perden a súa condición polas seguintes causas:

a) Por morte ou por renuncia presentada e aceptada polo Parlamento.

b) Por extinción do mandato ó expira-lo término.

c) Por incapacidade declarada por decisión xudicial firme.

d) Por inhabilitación para o exercicio dos dereitos políticos declarada por decisión xudicial firme.

e) Por condena en sentencia firme a causa de delito.

f) Por incumprimento das obrigas do cargo, conforme ás normas de réxime interior do Consello de Contas.

g) Ter cumprido a idade fixada no artigo 12 como límite máximo de permanencia.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 16 apartado g) engadido por artigo primeiro apartado 17.

Sección 2.ª Persoal ó servicio do Consello

Artigo 17. Réxime xeral.

1. O persoal que preste servizos no Consello de Contas rexerase pola lexislación reguladora do emprego público de Galicia, sen prexuízo das normas específicas que lle sexan aplicables.

2. O desempeño da función pública no Consello de Contas será incompatible con calquera outra función, destino ou cargo, así como co exercicio profesional e coa intervención en actividades industriais, mercantís ou profesionais, mesmo as consultivas e as de asesoramento.

2 bis. O conxunto de postos de traballo vacantes recollidos na relación de postos de traballo poderá constituír a oferta de emprego público do Consello de Contas, de conformidade co disposto na lexislación da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de emprego público. A citada oferta de emprego público comunicarase á Mesa do Parlamento de Galicia. A selección do persoal do Consello poderá efectuarse mediante convocatoria pública polos sistemas de oposición, concurso-oposición e concurso, debendo garantirse, en todo caso, os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, de conformidade co establecido na lexislación da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de emprego público.

3. O persoal do Consello de Contas deberá gardar confidencialidade e segredo respecto dos asuntos que coñeza por razón do seu traballo.

4. No exercicio das súas funcións de control sobre as persoas físicas ou xurídicas ás que se refire o punto 2 do artigo 2 desta lei o persoal auditor do Consello de Contas gozará da condición de axente da autoridade.

5. Os postos de traballo reservados a persoal funcionario de carreira proveranse ordinariamente polo procedemento de concurso específico.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 17 nova redacción por artigo primeiro apartado 18.

Lei 1/2023, do 14 de marzo.

Artigo modificado:Artigo 17 apartado 2 bis engadido por artigo 1 apartado dous.

Artigo 18. Comisionados.

1. O Consello de Contas poderá comisionar a expertos que teñan titulación adecuada ó obxecto de inspeccionar, revisar e comprobar documentación, libros, metálico, valores, bens e existencias das Entidades do sector público galego, ou para practica-la función prevista no apartado b) do artigo 4 desta Lei, e, en xeral, para comproba-la realidade das operacións reflexadas nas súas contas e emiti-los informes correspondentes.

2. Non poderán ser comisionados os que incorran nalgún dos supostos a que se refire o número 3 do artigo 12.

Sección 3.ª Documentación e memoria anual

Artigo 19. Documentación das actuacións.

1. O resultado da fiscalización farase constar por medio de informes, mocións ou notas dirixidas á autoridade, organismo ou entidade ás que afecten e de memorias ordinarias ou extraordinarias, que se elevarán ao Parlamento de Galicia, con remisión de copias á Xunta de Galicia e mais ás indicadas autoridades, organismos e entidades afectadas, e faranse públicos a través dos medios dixitais do Consello e do Parlamento. O Diario Oficial de Galicia publicará o correspondente anuncio da publicación, no que constará a ligazón que permita acceder ao texto completo dos informes.

2. O Consello de Contas fará constar cantas infraccións, abusos ou prácticas irregulares observase, con indicación da responsabilidade en que, ó seu xuício, se incorrese e das medidas para esixila.

3. O Consello de Contas poderá emitir en calquera momento, a petición do Parlamento ou por iniciativa propia, informes ou memorias relativas ás funcións sinaladas nesta Lei.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 19 apartado 1 nova redacción por artigo primeiro apartado 20.

Artigo 20. Memoria anual.

1. O Consello de Contas de Galicia deberá elaborar e elevar ó Parlamento unha memoria das súas actividades, que comprenderá a análise da Conta Xeral da Comunidade Autónoma e das demais do sector público de Galicia. Extenderase, ademais, á fiscalización da xestión económica da Comunidade e do sector público galego e comprenderá, entre outros, os seguintes extremos:

a) Observancia da Constitución, do Estatuto de Autonomía de Galicia, das Leis reguladoras dos ingresos e gastos do sector público de Galicia e, en xeral, das normas que afectan á actividade económico-financeira e contable do mesmo.

b) Cumprimento das previsións e da execución dos Presupostos da Comunidade Autónoma, das Entidades Locais e demais entidades suxeitas á súa fiscalización.

c) Racionalidade na execución do gasto público baseado en criterios de eficacia e economía.

d) Execución dos programas de actuación, investimentos e financiamento e demais plans ou previsións que rexan a actividade das entidades previstas no punto 1 do artigo 2, así como o emprego ou a aplicación de subvencións con cargo ao orzamento da Comunidade Autónoma e das exencións fiscais directas e persoais concedidas.

2. O Consello de Contas proporá as medidas a adoptar, no seu caso, para a mellora da xestión económico-financeira do sector público de Galicia.

3. Así mesmo, a memoria anual conterá un informe das actividades xurisdiccionais do Consello durante o exercicio correspondente.

4. A memoria anual conterá un informe das actividades desenvolvidas pola Sección de Prevención da Corrupción.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 20 apartado 1.d) nova redacción e apartado 4 engadido por artigo primeiro apartado 21.

Sección 4.ª Relacións entre o Consello de Contas e o Parlamento

Artigo 21. Comisión parlamentaria.

Unha Comisión parlamentaria encargarase das relacións do Parlamento co Consello de Contas.

Artigo 22. As contas do Consello.

O exame das contas do Consello de Contas correspóndelle ó Parlamento de Galicia, ó que se lle deberán trasladar con esta finalidade como un anexo na memoria anual a que se refire o artigo 20 da presente Lei.

Título III Garantías, normas e procedementos para asegura-la rendición de contas

Artigo 23. Deber de colaboración.

1. Todas as entidades e persoas ás que se refire o artigo 2 colaborarán co Consello de Contas no exercicio das funcións deste, estando obrigadas a subministrarlle cantos datos, estados, documentos, antecedentes ou informes lles solicite.

Cando a normativa vixente estableza a obrigatoriedade da auditoría de contas para determinadas entidades do sector público, achegarase o correspondente informe ao Consello.

2. Toda persoa natural ou xurídica, pública ou privada, estará obrigada a proporcionar, logo de requirimento, toda clase de datos, informes ou antecedentes deducidos das súas relacións económicas, profesionais ou financeiras con outras persoas que sexan necesarios para o exercicio das funcións de control previstas nesta lei.

3. O incumprimento dos requirimentos do Consello poderán supoñer a aplicación das multas coercitivas previstas nesta lei. Se os requirimentos se refiren á reclamación de xustificantes de investimentos ou gastos públicos e non son cumpridos no prazo solicitado, iniciarase de oficio o oportuno expediente de reintegro. O Consello de Contas poñerá en coñecemento do Parlamento de Galicia a falta de colaboración dos obrigados a prestarlla.

4. Trasladaranse ao Consello de Contas as auditorías practicadas polos servizos competentes da Administración autonómica ou baixo a dirección desta.

5. O persoal auditor do Consello de Contas terá, no exercicio das súas funcións, libre acceso ás oficinas, centros e dependencias, así como ás autoridades e persoal das entidades suxeitas a control.

En todo caso, a documentación e o acceso dos sistemas contables que sexan necesarios para o exercicio das súas funcións serán facilitados polo órgano controlado.

6. Créase unha comisión mixta formada por representantes do Consello de Contas e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma co obxectivo de intercambiar información implantando a rendición telemática, facilitar o acceso á documentación e mellorar o seguimento das recomendacións contidas nos informes de control. A composición, a organización e o funcionamento da comisión regularanse nun convenio de colaboración.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 23 nova redacción por artigo primeiro apartado 22

Artigo 24. Procedemento.

1. Os procedementos para o exercicio da función fiscalizadora impulsaranse de oficio en tódolos seus trámites.

A iniciativa correspóndelles ó propio Consello e ó Parlamento de Galicia.

2. Os requirimentos de inhibición feitos ó Consello de Contas non producirán a suspensión do respectivo procedemento.

3. O procedemento tamén poderá iniciarse de oficio por acordo do Pleno do Consello de Contas, logo da comunicación presentada por persoa física ou xurídica.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 24 apartado 3 engadido por artigo primeiro apartado 23

Artigo 24 bis. Conclusión da fiscalización e dereito de audiencia

1. Unha vez concluídos os procedementos de fiscalización polo Consello de Contas, o anteproxecto de informe, coa inclusión de todas as actuacións practicadas, poñerase de manifesto aos responsables do ente fiscalizado para que nun prazo non superior a trinta días aleguen ou presenten os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Se a fiscalización se refire a períodos nos que fosen outras persoas as responsables do ente fiscalizado ou as titulares do órgano, conferiráselles a estas igualmente a mesma audiencia.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo engadido:Artigo 24 bis engadido por artigo primeiro apartado 19.

Artigo 24 ter. Procedemento específico en relación coa evolución dos bens patrimoniais das autoridades

1. Cando o órgano responsable do Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos da Xunta de Galicia aprecie unha evolución inadecuada da situación patrimonial dun alto cargo do sector público autonómico respecto dos seus ingresos acreditados, poderá solicitar, a través da consellaría competente, nunha petición razoada, que o Consello da Xunta de Galicia se dirixa ao Consello de Contas para que proceda a fiscalizar a evolución dos bens patrimoniais do devandito alto cargo.

2. Para poder cumprir esta función fiscalizadora e unha vez recibida a solicitude do Consello da Xunta, o Consello de Contas terá acceso ao Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos nos termos que regulamentariamente se determinen.

3. O período obxecto de fiscalización coincidirá co do mandato do cargo público, de modo que non alcanzará, en ningún caso, períodos anteriores á toma de posesión do cargo e finalizará cando se produza o cesamento efectivo daquel.

4. O alto cargo cuxa situación patrimonial sexa obxecto de exame deberá achegar toda a información que lle sexa requirida, así como comunicar todas aquelas circunstancias que sexan relevantes para a elaboración do informe.

5. O Consello de Contas, en todo caso, deberá remitir á persoa fiscalizada un borrador previo de conclusións para permitirlle, nun prazo de quince días, presentar alegacións. Superado este trámite, o Consello de Contas remitirá o resultado desa fiscalización á Xunta de Galicia e incorporarao ao informe anual que remite ao Parlamento de Galicia.

6. Se, como resultado da súa fiscalización, o Consello de Contas advirte indicios de responsabilidades administrativas, penais ou doutra índole, deberá poñelo en coñecemento da autoridade ou órgano administrativo ou xurisdicional competente en cada caso.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo engadido:Artigo 24 ter engadido por artigo primeiro apartado 24.

Artigo 25. Presentación das contas.

1. O Consello de Contas, por delegación do Parlamento de Galicia, procederá ó exame e comprobación da conta xeral da Comunidade Autónoma dentro do prazo de seis meses, a partir da data na que se rendese.

O Pleno dictará a declaración definitiva que lle mereza para elevala ó Parlamento coa oportuna proposta, dando traslado á Xunta de Galicia, a cal deberá dispo-la publicación das conclusións no Diario Oficial de Galicia.

2. As entidades locais deberán remitir as contas de cada exercicio directamente ao Consello, sendo a data límite para efectuar a devandita remisión a mesma que a lexislación estatal reguladora das facendas locais estableza para a remisión das súas contas de cada exercicio ao Tribunal de Contas.

O Consello de Contas debe formar e unir a conta xeral das entidades locais, que debe ser recoñecida polo Parlamento.

3. Á conta xeral da Comunidade Autónoma acompañarase a conta xeral de operacións realizadas polas Corporacións a que se refire o número 29 do artigo 27 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 25 apartado 2 nova redacción por artigo primeiro apartado 25.

Artigo 26. Contadantes.

Serán contadantes nas que se deban render ao Consello de Contas:

a) Os funcionarios e funcionarias e demais persoal das entidades do sector público galego que teñan ao seu cargo a xestión dos ingresos e gastos públicos, así como as demais operacións de administración.

b) Os presidentes e presidentas ou os directores e directoras das entidades previstas no punto 1 do artigo 2.

c) Os particulares que, excepcionalmente, administren, recaden ou custodien fondos ou valores da Comunidade Autónoma, sen prexuízo de que sexan intervidas as respectivas operacións.

d) Os perceptores das subvencións correntes a que se refire a lexislación en materia de subvencións.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 26 nova redacción por artigo primeiro apartado 26.

Artigo 27. Medios de apremio.

1. Os medios de apremio que o Consello poderá empregar gradualmente para asegura-la rendición de contas e o mellor cumprimento das súas funcións, son:

a) O requirimento, entendéndose por tal a orde que se comunique polo Consello fixando o prazo para o cumprimento dun servicio.

b) A imposición de multas coercitivas.

c) A formación de oficio da conta retrasada e dos estados ou documentos que se pidan, a cargo e risco do apremiado.

2. En calquera caso, e sen prexuício de deducir tanto de culpa por desobediencia ós efectos de instrucción do proceso penal, o Consello de Contas poderá propor á autoridade ou órgano competente de que dependa o contadante a apertura do procedemento sancionador.

Artigo 28. Multas coercitivas.

1. No caso de incumprimento dos requirimentos efectuados, o Consello de Contas de Galicia poderá impoñer multas ata a contía dun mes dos seus haberes ao persoal ao servizo das entidades a que se refire o punto 1 do artigo 2, e para os particulares ata a cantidade de 600 €, pola primeira vez, e de ata dous meses ou 6.000 €, respectivamente, no caso de reincidencia.

2. Se o requirido ao pagamento for persoal ao servizo das entidades a que se refire o punto 1 do artigo 2 e non o fixer efectivo, ordenarase ao habilitado ou pagador que, baixo a súa responsabilidade, faga efectivo o importe dela deducindo da primeira mensualidade que lle corresponda percibir ou das sucesivas, de exceder, na cantidade que legalmente poida ser descontada.

3. Cando o apremiado sexa un particular, o Consello, para efectividade da multa, procederá ó seu cobro en voluntaria e, de non se efectua-lo pagamento, en vía executiva, aplicando as normas da Comunidade Autónoma que regulen a recadación dos seus tributos, e, no seu defecto, as normas estatais. A estes efectos, a correspondente certificación de descuberto será expedida polo Secretario Xeral do Consello de Contas.

4. De toda imposición de multa a altos cargos ou persoal das Administracións Autonómica, Local ou Corporativa darase conta á autoridade da que dependan, expondo as causas que determinasen o devandito medio de apremio, para que, sen prexuício da exacción da multa polo Consello de Contas, adopte aqueloutras medidas que coide convenientes.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 28 apartados 1 e 2 nova redacción por artigo primeiro apartado 27.

Disposición adicional

En todo o non regulado por esta Lei será de aplicación, en canto fose conducente, o establecido na Lei Orgánica 2/82, do 12 de maio, do Tribunal de Contas.

Disposición adicional bis. Informe preceptivo

Someteranse a informe do Consello de Contas as proposicións de lei e os anteproxectos de lei que versen sobre o seu réxime xurídico ou sobre o exercicio das súas funcións. O Consello de Contas emitirá o seu informe no prazo de trinta días. Se na orde de remisión se fai constar a urxencia do informe, o prazo será de quince días. Excepcionalmente, o órgano remitente poderá conceder unha prórroga do prazo atendendo as circunstancias do caso. No caso dos anteproxectos de lei, a Xunta remitirá dito informe ao Parlamento de Galicia.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo engadido:Disposición adicional bis engadida por artigo primeiro apartado 28.

Disposición adicional ter. Autorizacións de ampliacións e transferencias de crédito dos orzamentos do Consello de Contas

Con suxeición ás limitacións e aos requisitos establecidos con carácter xeral, as autorizacións de ampliacións e transferencias de crédito que se lle atribúen á persoa titular da consellaría competente en materia de facenda pola lexislación vixente entenderanse referidas ao órgano competente do Consello de Contas en relación co orzamento deste. As modificacións autorizadas deberanlle ser comunicadas para a súa instrumentación á dirección xeral competente en materia de orzamentos.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo engadido:Disposición adicional ter engadida por artigo primeiro apartado 29.

Disposición adicional quater. Medios electrónicos

A comunicación e a remisión dos documentos elaborados polo Consello de Contas realizaranse, de xeito preferente e con carácter ordinario, a través de medios electrónicos, co obxectivo de minimizar o uso do papel, impulsar as novas tecnoloxías e axilizar o funcionamento do Consello de Contas.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo engadido:Disposición adicional quater engadida por artigo primeiro apartado 30.

Disposición transitoria primeira

O Parlamento nomeará, no prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta Lei, os membros do Consello de Contas, de acordo co procedemento establecido.

Disposición transitoria segunda

Na primeira sesión que se celebre despois de se constituí-lo Consello de Contas, o Pleno debe designar ó chou tres Conselleiros, o mandato dos cales durará tres anos. Transcorrido o devandito prazo, o Pleno do Parlamento designará os novos Conselleiros na forma establecida pola Lei.

Lei 4/1986, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Disposición transitoria segunda nova redacción por artigo 2.

Disposición transitoria terceira. Consolidación do emprego temporal

1. De acordo co previsto na disposición transitoria cuarta do Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e respectando os límites e requisitos fixados pola normativa básica estatal, poderase efectuar, con carácter extraordinario e por unha soa vez, co fin de conseguir a estabilidade no emprego público no ámbito do Consello de Contas de Galicia, unha convocatoria de consolidación de emprego a prazas de auxiliar administrativo do dito órgano, de carácter estrutural, dotadas orzamentariamente, e que se atopan desempeñadas interinamente con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005.

2. A correspondente oferta de emprego público será aprobada por acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia.

3. O proceso selectivo, que será obxecto dunha convocatoria específica, garantirá o cumprimento dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

4. A convocatoria do proceso selectivo será efectuada polo Consello de Contas de Galicia ao abeiro da súa competencia para a selección de persoal prevista no artigo 72.3 do Regulamento de réxime interior do dito órgano. As bases do proceso selectivo serán aprobadas polo Pleno e a convocatoria será realizada pola Comisión de Goberno, de acordo co disposto no artigo 12.g) do regulamento. En relación co órgano de selección será de aplicación o disposto no artigo 60 do Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público e no artigo 59 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

5. O sistema selectivo será o concurso-oposición e a titulación exixida para o acceso será a correspondente ao grupo C, subgrupo C2, dos grupos de clasificación profesional do persoal funcionario de carreira previstos no Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público. De conformidade co sinalado na disposición transitoria cuarta do dito Texto refundido, o contido das probas gardará relación cos procedementos, tarefas e funcións habituais dos postos obxecto da convocatoria. Na fase de concurso valorarase, entre outros méritos, o tempo de servizos prestados nas administracións públicas e a experiencia nos postos de traballo obxecto da convocatoria.

O proceso selectivo desenvolverase conforme o disposto nos números 1 e 3 do artigo 61 do Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público. Será de aplicación, así mesmo, o sinalado no artigo 56.3 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

6. As persoas que superen o proceso selectivo serán nomeadas funcionarias de carreira do Consello de Contas, do grupo C, subgrupo C2, e tomarán posesión nos correspondentes postos da relación de postos de traballo do Consello de Contas. Estes destinos terán carácter definitivo, equivalente, para todos os efectos, aos obtidos por concurso.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo engadido:Disposición transitoria terceira engadida por artigo 7.

Disposición transitoria cuarta. Sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa

En canto non se implante un sistema de carreira profesional no Consello de Contas de Galicia, establecerase, para o persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas, un sistema transitorio de recoñecemento de progresión na carreira administrativa que lle permita ao dito persoal progresar de maneira voluntaria e individualizada, e que promova a súa actualización e o perfeccionamento da súa cualificación profesional.

O persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas e que estea incluído dentro do ámbito de aplicación do número 4 da disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, poderá optar por acollerse ao sistema transitorio previsto no dito número ou ao recollido na presente disposición.

O persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas de Galicia e quede encadrado no sistema transitorio regulado nesta disposición percibirá, de acordo co que se dispoña para cada exercicio orzamentario na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma, unha retribución adicional ao complemento de destino conforme o grupo ou subgrupo profesional de pertenza na Administración de orixe no que preste servizos no Consello de Contas de Galicia.

De conformidade coa disposición derradeira primeira do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia, publicado por Resolución do 17 de febreiro de 2017, o Pleno adoptará as normas necesarias para a aplicación do sistema transitorio previsto nesta disposición, incluídos, entre outros, o procedemento e os requisitos para o acceso ao dito sistema e para o cobramento da retribución adicional.

Cando se implante o sistema de carreira profesional no Consello de Contas de Galicia terase en conta o desenvolvemento profesional alcanzado en aplicación desta disposición.

Lei 6/1985, do 24 de xuño.

Artigo engadido:Disposición transitoria cuarta engadida por artigo 8.

Lei 8/2015, do 7 de agosto.

Artigo derrogado:Disposición derradeira suprimida por Disposición derrogatoria.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 1985

Gerardo Fernández Albor

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia