Lei 4/1986, do 26 de decembro, de modificación da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 004 08/01/1987
Departamento: Parlamento de Galicia
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

Un dos principios organizativos das institucións públicas responde á necesidade de axeita-los medios persoais e materiais con que contan ás demandas sociais e mesmo ó volume de traballo que previsiblemente xerará a actividade pública que a institución ten que atender.

Tal principio presidiu, dende o seu nacemento, a actuación dos órganos que exercen os poderes da Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que sexa preciso recoñecer que a implantación dun novo sistema de organización territorial do Estado se move nun ámbito de indecisión ou marcha por un camiño que non sempre ten un obxectivo ben definido, e isto precisamente é o que provoca situacións que é preciso rectificar para que se logre unha verdadeira correspondencia entre as necesidades sociais e a consideración que merecen e precisan as institucións públicas, que non só están ó servicio da sociedade senón que ademais deben ser proporcionadas ás finalidades que verdadeiramente as xustifican.

Estas reflexións veñen xustifica-lo desexo do Goberno de reduci-la composición do Pleno do Consello de Contas de Galicia, que de sete membros debe pasar a cinco.

Efectivamente, unha das ideas máis utilizadas na pasada discusión dos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma foi a que facía presente a necesidade de reducir do xeito máis razoable posible os gastos de funcionamento.

Baseándose na mesma idea, o Goberno Galego considera que as medidas tendentes a lograr unha reducción nos gastos poden e deben iniciarse naqueles organismos que ó non estaren aínda en funcionamento poden ser reconducidos sen dificultade a unha dotación adecuada ó seu previsible volume de traballo, sen minguar de ningún xeito a súa responsabilidade.

Por outra parte, unha consideración sobre o volume presupostario da nova Comunidade ou, para dicilo doutra maneira, sobre os programas de ingresos e gastos do noso sector público, fai patente que as responsabilidades que teñen que atender son doadamente atendibles, e seguramente máis eficazmente logradas, cun menor número de membros, o que por outra parte facilitaría o labor de escoller con moita máis seguridade e con maior acerto as persoas que deban ser nomeadas Conselleiros de Contas.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de modificación da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas.

Artigo 1

Os apartados 1, 2 e 4 do artigo 7 da Lei de Galicia 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, quedarán redactados do seguinte xeito:

«1. O Pleno estará integrado por cinco Conselleiros, dos que un será o Conselleiro maior.»

«2. O Pleno quedará validamente constituído cando estean presentes tres dos seus membros e os acordos serán adoptados por maioría dos presentes.»

«4. O Pleno será convocado polo Conselleiro maior a iniciativa propia ou sempre que o soliciten polo menos dous dos seus membros.»

Artigo 2

Redactaranse de acordo co previsto no parágrafo anterior tódolos artigos subseguintes da Lei de Galicia 6/1985, do 24 de xuño, que son os seguintes:

«Artigo 12

1. Os Conselleiros, en número de cinco, son designados polo Parlamento mediante votación por maioría de tres quintas partes, para un período de seis anos. Se se producisen vacantes, cubriranse de acordo co establecido anteriormente e polo tempo que reste de mandato.»

«Disposición transitoria segunda

Na primeira sesión que se celebre despois de se constituí-lo Consello de Contas, o Pleno debe designar ó chou tres Conselleiros, o mandato dos cales durará tres anos. Transcorrido o devandito prazo, o Pleno do Parlamento designará os novos Conselleiros na forma establecida pola Lei.»

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 1986

Xerardo Fernández Albor

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver