Decreto 192/2024, do 9 de decembro, polo que se modifica o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
NORMA CONSOLIDADA
No Diario Oficial de Galicia número 101, do 27 de maio de 2024, publicouse o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Nese decreto recollíanse as novas competencias da consellería nos eidos de enerxías renovables e de xestión de ordenación do litoral.
Na liña de afondar e avanzar no desenvolvemento destas competencias, sobre todo tendo en conta as necesidades de coordinación cos departamentos territoriais, considérase necesario modificar o Decreto 137/2024, do 20 de maio, para precisar as funcións e reforzar a estrutura a nivel provincial dotando os departamentos territoriais de servizos específicos en ambas as materias.
Procede, por tanto, reforzar a estrutura dos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no sentido de crear o Servizo de Enerxías Renovables en cada departamento territorial e o Servizo do Litoral nos departamentos territoriais da Coruña, Lugo e Pontevedra.
De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda e Administración Pública, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de decembro de dous mil vinte e catro,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
O Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, queda modificado como segue:
Un. Modifícase o número 1 do artigo 11, que queda redactado como segue:
«Artigo 11. Funcións e estrutura
1. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático exercerá as competencias na materia de instalacións de produción de enerxía a partir de fontes renovables eólica terrestre, solar fotovoltaica con vertedura en alta tensión e hidroeléctrica de competencia da Comunidade Autónoma, tendo en conta o seu papel no cumprimento dos obxectivos de redución das emisións netas de gases de efecto invernadoiro e de neutralidade climática da Unión Europea e a contribución da enerxía renovable á redución da contaminación e á protección, restauración e mellora do estado do ambiente, detendo e revertendo a perda de biodiversidade.
Igualmente correspóndelle o desenvolvemento das competencias en materia de ordenación do litoral, sen prexuízo das que estean atribuídos a outros órganos a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia, o impulso de actuacións a prol da consecución dos obxectivos de descarbonización e neutralidade climática, así como o fomento e a promoción da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación para o logro da adecuada protección ambiental e a loita contra o cambio climático.
En concreto, dentro deste ámbito competencial, correspóndelle o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción relativas a:
1º. Centros de produción de enerxía a partir de fontes renovables eólica terrestre, solar fotovoltaica con vertedura en alta tensión e hidroeléctrica.
2º. Subestacións de evacuación de potencia igual ou superior a 75.000 kVA.
3º. Liñas de enerxía eléctrica de evacuación de tensión igual ou superior a 132 kV e interprovinciais de calquera tensión.
Así mesmo, tamén lle corresponde o recoñecemento de utilidade pública destas instalacións, dentro do seu ámbito de competencias.
Dous. Modifícase o número 2 do artigo 11, que queda redactado como segue:
«2. Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, a dirección xeral estrutúrase nos seguintes órganos administrativos:
2.1. Servizo Xurídico-Administrativo. Correspóndenlle as seguintes funcións:
a) A elaboración das propostas de resolución dos recursos de alzada, de reposición, de revisión e das solicitudes de revisión de oficio nas materias que lle correspondan.
b) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes sancionadores que lle correspondan.
c) A tramitación e proposta de resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial que lle correspondan.
d) O apoio á Asesoría Xurídica no que se refire aos recursos contencioso-administrativos interpostos contra resolucións, autorizacións e outros actos recorribles.
e) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polos xulgados e tribunais.
f) A xestión dos órganos de participación da consellería relativos á integración ambiental. En particular, exercerá as funcións correspondentes á Secretaría do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
g) A elaboración de instrucións, protocolos de actuación, informes, estudos, contestacións de consultas ou calquera outro instrumento de carácter técnico-xurídico e, en xeral, calquera outra función que se lle encomende.
2.2. Subdirección Xeral de Enerxías Renovables.
2.2.1. A Subdirección Xeral de Enerxía exercerá as funcións de tramitación e proposta de resolución dos expedientes das instalacións de enerxía eólica terrestre, enerxía solar fotovoltaica con vertedura en alta tensión e enerxía hidroeléctrica, e das súas instalacións de conexión, así como da súa declaración de utilidade pública dentro do seu ámbito de competencias. Así mesmo, exercerá a coordinación dos servizos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional.
De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que se integran nela, desenvolverá as seguintes funcións:
a) A coordinación e o impulso da tramitación e proposta de resolución dos expedientes de autorización das instalacións de enerxías renovables, así como das súas infraestruturas de evacuación e a súa declaración de utilidade pública, no ámbito das súas competencias.
b) Velar, en colaboración cos correspondentes órganos territoriais, polo cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas para as instalacións de produción e evacuación de enerxía a partir de fontes renovables.
c) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, ou calquera outro instrumento que se considere idóneo, cos órganos territoriais e unidades administrativas que dependan dela, no ámbito das súas competencias, así como a supervisión do seu cumprimento.
d) A dirección, supervisión, coordinación e control das funcións desenvolvidas polas unidades administrativas que dela dependan.
e) A elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos desta subdirección xeral, así como a coordinación da execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao seu ámbito de competencias.
f) A supervisión e elaboración de informes solicitados por outros organismos no ámbito das súas competencias.
g) As actuacións de fomento para a difusión e a promoción de medidas de redución de gases de efecto invernadoiro, sen prexuízo das que lle puidesen corresponder á consellería con competencias en materia de industria.
h) Aqueloutras que lle encomende a persoa titular da dirección xeral.
2.2.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Enerxías Renovables contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:
2.2.2.1. O Servizo de Enerxías Renovables exercerá as seguintes funcións:
a) A tramitación dos expedientes de autorización das instalacións de enerxía eólica terrestre, de enerxía solar fotovoltaica con vertedura en alta tensión e de enerxía hidroeléctrica, e da súa declaración de utilidade pública no ámbito das súas competencias.
b) A coordinación e o control das actuacións relativas á instalación, á ampliación e ao traslado das instalacións de produción de enerxía a partir de fontes de enerxía renovable no ámbito das súas competencias.
c) A xestión do Rexistro Eólico de Galicia.
d) A proposta de elaboración de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.
e) A comprobación, no ámbito das enerxías renovables, das condicións técnicas e, de ser o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas, todas elas en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.
f) A tramitación das solicitudes de acceso á información pública respecto de expedientes cuxa instrución sexa da súa competencia, en coordinación co servizo xurídico-administrativo.
g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.
2.2.2.2. O Servizo de Infraestruturas Renovables exercerá as seguintes funcións:
a) A tramitación dos expedientes de autorización das infraestruturas enerxéticas de evacuación de proxectos de enerxía renovable, da súa declaración de utilidade pública no seu ámbito de competencias e, de ser o caso, do rexistro de instalacións.
b) A emisión de instrucións para a ampliación, mellora e adaptación das redes e instalacións eléctricas de evacuación de proxectos de enerxías renovables, e a supervisión do seu cumprimento.
c) A proposta de elaboración de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.
d) A comprobación, no ámbito das enerxías renovables, das condicións técnicas e, de ser o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas, todas elas en colaboración cos servizos correspondentes dos órganos territoriais.
e) A tramitación das solicitudes de acceso á información pública respecto de expedientes cuxa instrución sexa da súa competencia.
f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.
2.3. A Subdirección Xeral de Cambio Climático e de Ordenación do Litoral.
2.3.1. A Subdirección Xeral de Cambio Climático e de Ordenación do Litoral exercerá as funcións de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia, o impulso e desenvolvemento de actuacións a prol da consecución dos obxectivos de descarbonización e neutralidade climática, e o fomento e promoción da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación para o logro da protección ambiental adecuada e a loita contra o cambio climático. Así mesmo, exercerá as funcións e competencias en ordenación do litoral e, en especial, as que deriven da aplicación dos números 3 e 4 do artigo 11 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, coa excepción das atribuídas a outros órganos.
As anteriores funcións serán desenvolvidas en coordinación cos departamentos territoriais nas materias do seu ámbito competencial e funcional.
De xeito directo, ou a través das unidades administrativas que se integran nela, desenvolverá as seguintes funcións:
a) A xestión dos sistemas de observación ambiental, da calidade do aire e da predición meteorolóxica de Galicia, así como a súa difusión.
b) A coordinación, o seguimento e a posta en marcha das estratexias para a loita contra o cambio climático de carácter autonómico, europeo ou internacional.
c) A promoción de instrumentos interdepartamentais e de colaboración público-privada para a consecución dos obxectivos de descarbonización e neutralidade climática; en particular, a Alianza Galega polo Clima.
d) A elaboración, proposta, coordinación e impulso de programas dirixidos ao fomento da investigación, ao desenvolvemento tecnolóxico e á innovación en materia ambiental, así como a súa difusión e divulgación.
e) O asesoramento e asistencia, así como a realización de campañas de formación e sensibilización en materia de cambio climático e calidade atmosférica.
f) A elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos desta subdirección xeral, así como a coordinación da execución da xestión orzamentaria das actuacións correspondentes ao seu ámbito de competencias.
g) A adopción de medidas de protección do ambiente litoral; o impulso, a dirección e coordinación dos traballos para a aprobación dos instrumentos de ordenación do litoral; a emisión dos informes que procedan, así como aqueloutras que lle encomenden en relación coa ordenación do litoral.
h) Aqueloutras que lle encomende a persoa titular da dirección xeral.
2.3.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Cambio Climático e de Ordenación do Litoral contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:
2.3.2.1. O Servizo de Loita contra o Cambio Climático exercerá as seguintes funcións:
a) A coordinación e o seguimento das estratexias galegas, nacionais ou internacionais fronte ao cambio climático.
b) A aplicación do réxime de comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro e a elaboración e o seguimento dos seus inventarios.
c) O asesoramento e a asistencia aos concellos en materia de aplicación da normativa contra a contaminación acústica de Galicia.
d) O asesoramento e a realización de campañas de formación e sensibilización en materia de cambio climático.
e) A participación en proxectos nacionais e internacionais en materia de cambio climático.
f) Aquelas recollidas na Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, vinculadas a accións de mitigación e adaptación dos efectos do cambio climático.
g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.
2.3.2.2. Servizo de Xestión do Litoral.
Correspóndenlle as funcións encomendadas á subdirección xeral no que incumbe á área temática de ordenación do litoral e, en xeral, prestarlle asistencia, así como desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle poida encomendar a persoa titular da subdirección xeral.
2.3.2.3. Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, con nivel orgánico de servizo, exercerá as seguintes funcións:
a) O soporte analítico das actuacións ambientais competencia desta consellería, e o desenvolvemento e a posta en marcha de novos métodos analíticos instrumentais.
b) A realización de estudos e informes técnicos sobre o establecemento de parámetros, técnicas e procedementos analíticos previstos nas normas ambientais.
c) A promoción da investigación e o desenvolvemento de técnicas e modelos de análise, en consonancia coas normas ambientais aplicables.
d) A participación en proxectos nacionais e internacionais en materia de soporte e métodos analíticos.
e) As funcións de control do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes.
f) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.
Tres. Modifícase o artigo 14, que queda redactado como segue:
«Artigo 14. Departamentos territoriais
1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático organízase nos departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións no ámbito provincial respectivo, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.
2. Á fronte de cada departamento territorial estarán os/as directores/as territoriais, que exercerán, ademais das funcións do artigo 11 do Decreto 254/2009, do 30 de abril, as seguintes funcións:
a) A dirección, despacho e proposta de resolución dos asuntos ordinarios.
b) A coordinación dos servizos ou unidades que o integran.
c) A elaboración do anteproxecto de orzamento de gastos do departamento territorial.
d) A xestión, administración e habilitación dos medios económicos e materiais do departamento territorial.
e) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto, o control contable e a xustificación dos créditos asignados.
f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia do departamento territorial.
g) A incoación e instrución de expedientes de responsabilidade patrimonial e sancionadores no ámbito das competencias da consellería que non estean atribuídas a outros órganos.
h) O outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción, así como o recoñecemento de utilidade publica, no ámbito das súas competencias, relativas a:
1º. Liñas de enerxía eléctrica de evacuación de tensión inferior a 132 kV.
2º. Subestacións e centros de transformación de evacuación de potencia inferior a 75.000 kVA.
i) O outorgamento das autorizacións de explotación das instalacións de produción de enerxía eléctrica procedente de fontes renovables, así como das súas infraestruturas de evacuación, no ámbito das súas competencias.
j) A emisión de informes preceptivos ou facultativos que lle sexan requiridos no ámbito das súas competencias.
k) A tramitación dos expedientes expropiatorios no ámbito das súas competencias.
l) A tramitación e resolución das solicitudes de acceso á información pública respecto de expedientes cuxa instrución e resolución sexa da súa competencia.
m) A proposta de resolución dos procedementos para o outorgamento dos títulos de intervención para a utilización dos espazos terrestres na zona de servidume de protección do litoral e de dominio público marítimo-terrestre e calquera outra función que, en relación coa ordenación do litoral, lle encomenden.
n) A supervisión, o seguimento e o control do cumprimento por parte das unidades administrativas periféricas das directrices que emanen, segundo a área funcional e competencial, dos correspondentes órganos superiores e de dirección da consellería.
o) As restantes funcións que lle encomenden ou deleguen.
3. Os servizos dos departamentos territoriais dependerán funcionalmente dos órganos superiores e de dirección da consellería, dentro do ámbito das atribucións que correspondan a cada un deles, sen prexuízo da coordinación xeral que poidan exercer as persoas titulares das direccións territoriais, das que dependen organicamente.
4. Integran cada un dos departamentos territoriais os seguintes servizos:
4.1. Servizo de Enerxías Renovables e Infraestruturas.
O Servizo de Enerxías Renovables e Infraestruturas exercerá no seu respectivo ámbito territorial as seguintes funcións:
a) A instrución e proposta de resolución dos procedementos de autorización das instalacións eléctricas da súa competencia e da súa declaración de utilidade pública.
b) A tramitación das autorizacións de explotación das instalacións de produción de enerxía eléctrica procedente de fontes renovables, así como das súas infraestruturas de evacuación, no ámbito das súas competencias.
c) A tramitación dos expedientes expropiatorios das instalacións de enerxía eólica terrestre, de enerxía solar fotovoltaica con vertedura en alta tensión e de enerxía hidroeléctrica, así como das infraestruturas de evacuación.
d) A emisión de informes preceptivos ou facultativos que lle sexan requiridos
e) A coordinación cos servizos de enerxías renovables e infraestruturas enerxéticas da Subdirección Xeral de Enerxías Renovables, para o impulso na tramitación dos expedientes de enerxía renovable das súas competencias, e das liñas eléctricas de evacuación, así como dos expedientes de autorización das instalacións de enerxía renovable e infraestruturas de evacuación que se implantan en máis dunha provincia, competencia da dirección xeral de enerxías renovables e cambio climático.
f) Velar, en coordinación coa Subdirección Xeral de Enerxías Renovables, polo cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas para as instalacións de produción e evacuación de enerxía a partir de fontes renovables.
g) As restantes funcións que lle poidan ser asignadas.
4.2. Servizo do Litoral.
O Servizo do Litoral, existente nos departamentos territoriais da Coruña, Lugo e Pontevedra, exercerá no seu respectivo ámbito territorial as seguintes funcións:
a) A tramitación dos procedementos para o outorgamento dos títulos de intervención para a utilización dos espazos terrestres na zona de servidume de protección do litoral do dominio público marítimo-terrestre, con excepción do establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, para as cortas de árbores.
b) A preparación dos informes e autorizacións que, conforme a lexislación de carácter sectorial, lle corresponda emitir ao órgano competente en materia de xestión do litoral, no ámbito das súas competencias.
c) Calquera outra función que, en relación coa ordenación do litoral, lle encomenden.
4.3. Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental.
O Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental exercerá no seu respectivo ámbito territorial as seguintes funcións:
a) A xestión das denuncias ambientais recibidas e a coordinación das respostas doutras unidades a esas denuncias.
b) A realización das inspeccións ambientais conforme o Programa anual de inspección ambiental.
c) A tramitación de expedientes sancionadores que lles corresponda.
d) A tramitación de expedientes derivados da aplicación da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
e) A tramitación e o rexistro das comunicacións realizadas ao abeiro do disposto na normativa de residuos.
f) As restantes funcións que lle poidan ser asignadas en materia de calidade ambiental e residuos.
4.4. Servizo de Patrimonio Natural.
Sen prexuízo da Dirección da Reserva Nacional de Caza dos Ancares, que lle corresponde á persoa titular da Dirección Territorial de Lugo, os servizos provinciais de Patrimonio Natural exercerán no seu respectivo ámbito territorial as seguintes funcións:
a) A elaboración dos informes ambientais e das propostas de concesión das autorizacións de usos e actividades, e dos proxectos que non requiran da avaliación das repercusións a que se refire o artigo 46 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, así como a prestación de asesoramento á dirección xeral competente en materia de espazos e valores naturais.
b) A execución das actuacións relativas á conservación das especies da fauna e da flora silvestre no seu ámbito territorial, incluído o control dos factores de ameaza para a conservación da biodiversidade, así como todas aquelas funcións relativas á protección e ao benestar de animais de compañía que sexa preciso desenvolver nesta materia.
c) A execución e o control das actuacións en materia de recursos cinexéticos e piscícolas en augas continentais que corresponda desenvolver en función do seu ámbito territorial.
d) As actuacións relativas á actividade inspectora derivada da protección, conservación, xestión e recuperación do patrimonio natural e da biodiversidade.
e) As restantes funcións que lle poidan ser asignadas en materia de espazos naturais e biodiversidade, e recursos cinexéticos e piscícolas».
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, nove de decembro de dous mil vinte e catro
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.