Lei 2/1986, do 10 de decembro, de prórroga no réxime de arrendamentos rústicos para Galicia

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 243 15/12/1986
Departamento: Parlamento de Galicia
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

A partir do ano 1935, en que o poder central promulgou a primeira Lei especial en materia de arrendamentos rústicos, prodúcense en Galicia distorsións no pacífico réxime arrendatario, regulado ata o de entón e primordialmente por usos e costumes.

Por iso se fai imprescindible que o Parlamento galego, xurdido das previsións contidas no título primeiro do Estatuto de Autonomía, e en uso das competencias que á Comunidade Autónoma lle outorga o artigo 27.4 do mesmo, acometa a elaboración dunha nova lexislación sobre a materia que lle devolva ó noso campo a súa productividade —reducida polo gran número de terras deixadas a monte— e a paz social ás veces tinguida polas tirantes relacións entre propietarios e colonos.

A transcendencia deste labor demanda, sen embargo, que se proceda con prudencia, desvencellándoo de todo interese inmediato e sen acudir a ensaios ou probas que, por non estaren suficientemente contrastadas coas inquedanzas e necesidades que debe satisfacer, desvirtúen as lexítimas expectativas e esperanzas do medio rural.

Por outra banda, hai razóns de urxencia e oportunidade que non permiten demoras e de aí a conveniencia de acudir con disposicións concretas a manter situacións ou dereitos que xa entraron a formar parte destas expectativas e que, por teren prazos preclusivos, deben ampliarse ata que entre en vigor a nova normativa.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de prórroga no rexime de arrendamentos rústicos para Galicia.

Artigo único

A regra 3.ª da disposición transitoria primeira da Lei 83/1980, do 31 de decembro, de arrendamentos rústicos, entenderase prorrogada e vixente, no ámbito da Comunidade Autónoma, ata o 31 de decembro de 1988.

Disposición derradeira

A presente Lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 1986

Xerardo Fernández Albor

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver