Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local
NORMA CONSOLIDADA
- Decreto 20/2019, do 28 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local
- Artigo 5 apartados c), e) e g) nova redacción por artigo único apartados un, dous e tres.
- Artigo 6 apartado 3 nova redacción por artigo único apartado catro.
- Artigo 8 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado cinco.
- Artigo 13 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado seis.
- Artigo 18 apartado 3 nova redacción por artigo único apartado sete.
- Artigo 19 nova redacción por artigo único apartado oito.
- Artigo 19 bis engadido por artigo único apartado nove.
- Artigo 21 apartado 3 engadido por artigo único apartado dez.
- Disposición adicional única nova numeración por artigo único apartado once.
- Disposición adicional segunda engadida por artigo único apartado doce.
- Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais
- Artigo 5 apartado n) nova redacción por disposición derradeira primeira apartado un.
- Artigo 10 apartado 1 letras a), c) e e) e apartado 2 nova redacción por disposición derradeira primeira apartados dous e tres.
- Artigo 15 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado catro.
- Artigo 18 apartado 2 letras a) e b) nova redacción por disposición derradeira primeira apartado cinco.
- Artigo 20 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado seis.
- Disposición derradeira segunda derrogada por disposición derrogatoria única.
As listas existentes para a selección de persoal auxiliar de policía local, elaboradas ao abeiro do artigo 19 deste decreto, conservarán a súa vixencia por catro anos desde a súa publicación na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública. A prelación entre elas establecerase de acordo co previsto no decreto 20/2019, do 28 de febreiro.
En aplicación do principio de transparencia nas iniciativas normativas que establece a lexislación do procedemento administrativo común das administracións públicas, e que implica a necesidade de definir claramente os obxectivos daquelas e a súa xustificación no limiar ou exposición de motivos, cómpre sinalar que a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, prevé nos números 6 e 7 do seu artigo 32 que os concellos lle poderán solicitar á consellería competente a colaboración na realización das probas de selección para o ingreso, ascenso ou promoción aos corpos de policía local na forma que regulamentariamente se estableza e que, así mesmo, a Xunta de Galicia poderá asumir a convocatoria das prazas vacantes e, de ser o caso, a formación e o período de prácticas naqueles concellos que así o acorden mediante os oportunos convenios de colaboración.
Estas disposicións legais requiren dun desenvolvemento regulamentario para a súa operatividade, adaptado á diferente natureza da cooperación requirida en cada caso, de acordo coas exixencias de necesidade, eficacia e proporcionalidade que tamén recolle a lexislación do procedemento administrativo común das administracións públicas como principios de boa regulación.
No presente caso, a necesidade da iniciativa normativa vén condicionada pola propia previsión da Lei 4/2007, do 20 de abril, antes transcrita, que remite ao regulamento a determinación da forma en que os concellos lle poderán solicitar á consellería competente a colaboración na realización das probas de selección para o ingreso, ascenso ou promoción aos corpos de policía local, así como pola conveniencia para o interese xeral de que, tamén por vía regulamentaria, se desenvolva a maneira en que a Administración xeral da Comunidade Autónoma poderá asumir a convocatoria das prazas vacantes e, de ser o caso, a formación e o período de prácticas naqueles concellos que así o acorden mediante os oportunos convenios de colaboración. Así mesmo, razóns de eficacia aconsellan que sexa precisamente un instrumento normativo de rango regulamentario o que leve a cabo o desenvolvemento nestas cuestións da Lei 4/2007, do 20 de abril, recollendo a regulación imprescindible para dotar de efectividade as disposicións desta, tal como demanda o principio de proporcionalidade, e que se xustificará nos parágrafos seguintes.
A cooperación mediante a asunción pola Administración xeral da Comunidade Autónoma da convocatoria das prazas vacantes presenta unha certa singularidade porque se articula mediante a delegación voluntaria polos concellos interesados das súas competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos. Só desta maneira a Administración autonómica poderá dispoñer das facultades necesarias para ditar os actos e resolucións administrativas que dean cobertura xurídica aos devanditos procesos. De aí que sexa preciso regular con detalle o contido necesario dos correspondentes convenios e, para estes efectos, recóllense no texto articulado do decreto as oportunas disposicións.
A organización pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local e aos postos de vixilante municipal exixe tamén outras previsións, como a do número mínimo de prazas que xustifica a súa convocatoria, en atención á disposición de recursos humanos, materiais e financeiros da Administración autonómica que supón a súa convocatoria e desenvolvemento. Así o impón o principio de eficiencia, segundo o cal as iniciativas normativas deben racionalizar na súa aplicación a xestión dos recursos públicos.
A execución destes procesos atribúeselle á Academia Galega de Seguridade Pública e no capítulo II do presente decreto lévase a cabo unha regulación das convocatorias, bases e procedementos de selección que adapta as disposicións do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, ás particularidades da organización centralizada dos procesos selectivos. Deste xeito, dáse estrito cumprimento a outro dos principios de boa regulación consagrados na lexislación do procedemento administrativo común das administracións públicas, o de seguridade xurídica, que supón que as iniciativas normativas se deben exercer de maneira coherente co resto do ordenamento xurídico para xerar un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza.
O decreto ocúpase no seu capítulo III da selección do persoal auxiliar de policía local. As peculiaridades deste tipo de persoal fan que, ademais de configurarse os respectivos procesos selectivos unitarios, se deseñe un sistema complementario de selección aproveitando as propias listas de reserva daqueles co fin de atender con axilidade as demandas dos concellos que non poidan ser planificadas coa suficiente antelación. A implantación dun sistema centralizado de selección para esta clase de persoal aconsella algunhas modificacións do modelo de oposición que se regula no Decreto 243/2008, do 16 de outubro, e do posterior curso de formación, as cales se recollen na disposición derradeira segunda.
No que atinxe á colaboración na realización das probas selectivas, a figura legal que lle debe dar cobertura é a encomenda de xestión, de acordo coa definición dela que establece con carácter básico a lexislación estatal de réxime xurídico do sector público, e consonte o establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Neste caso, os concellos conservan o exercicio das súas competencias para convocar e desenvolver os procesos selectivos para o ingreso, ascenso ou promoción no seu propio corpo de policía local e a asistencia que se demanda da Administración xeral da Comunidade Autónoma é meramente material ou técnica. Por iso, consonte as exixencias do principio de proporcionalidade das iniciativas normativas, este decreto limítase a establecer os requisitos mínimos para que a encomenda poida ser aceptada pola Administración autonómica, remitindo os seus termos concretos ao convenio a través do cal se formalice. Como extensión natural das previsións da Lei 4/2007, do 20 de abril, recóllese a posibilidade de aplicar esta colaboración ás probas selectivas para o acceso aos postos de vixilantes municipais e auxiliares de policía local.
En consecuencia, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, logo do informe da Comisión de Coordinación das Policías Locais previsto na alínea a) do número 1 do artigo 17 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de acordo co ditame do Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de novembro do dous mil dezasete,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I Obxecto e modalidades de cooperación
Artigo 1. Obxecto
1. O obxecto deste decreto é a regulación da cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos que así o soliciten na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local, a través da asunción da convocatoria das prazas vacantes nos termos establecidos no número 7 do artigo 32 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, ou da colaboración na realización das probas de selección para o ingreso, ascenso ou promoción aos corpos de policía local, consonte o número 6 do artigo 32 da dita lei.
2. Así mesmo, é obxecto deste decreto a regulación da organización dos correspondentes cursos selectivos de formación ou de capacitación.
Artigo 2. Cooperación mediante a asunción da convocatoria das prazas vacantes
1. De acordo co previsto no número 7 do artigo 32 da Lei 4/2007, do 20 de abril, a Xunta de Galicia poderá asumir a convocatoria das prazas vacantes e, de ser o caso, a formación e o período de prácticas naqueles concellos que así o acorden mediante os oportunos convenios de colaboración.
2. A cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos mediante a asunción da convocatoria das prazas vacantes dos seus corpos de policía local, incluídas, de ser o caso, as de auxiliares de policía local ou dos postos de vixilantes municipais, de non existir no concello corpo de policía local, requirirá a celebración do oportuno convenio a través da consellería competente en materia de seguridade.
3. Os convenios mencionados no número anterior axustaranse, sen prexuízo do establecido no artigo 47 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no que sexan de carácter básico, ao seguinte contido:
a) O seu obxecto será a delegación polo concello á Administración xeral da Comunidade Autónoma de todas as competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso á categoría ou categorías do seu corpo de policía local que se determinen no propio convenio, incluída, de ser o caso, a de auxiliares de policía local ou aos postos de vixilantes municipais, de non existir no concello corpo de policía local.
b) Exceptuaranse, en todo caso, da delegación as competencias relativas ao nomeamento como persoal funcionario en prácticas ou, de ser o caso, como persoal funcionario de carreira, e a contratación como persoal auxiliar de policía local das persoas aprobadas ou que obtivesen praza nos procesos selectivos, polo que o concello se obrigará a efectuar o correspondente nomeamento a favor das devanditas persoas ou a contratalas como persoal auxiliar de policía local, se elixen praza nel.
c) O prazo de vixencia do convenio será de catro anos, prorrogable por igual período de tempo.
d) O concello obrigarase a comunicar á Academia Galega de Seguridade Pública, dentro do prazo que se sinala no seguinte parágrafo, o número, a denominación e as características das prazas que se terán que convocar para o seu corpo de policía local, incluídas, de ser o caso, as de auxiliares de policía local ou dos postos de vixilantes municipais, con determinación expresa da escala e categoría a que pertenzan, indicando o grupo de titulación que corresponda, o nivel dos postos e as condicións ou requisitos necesarios para o desempeño de cada un deles, así como o sistema de acceso aplicable.
O convenio preverá que esta comunicación se realizará antes de que remate o mes de xaneiro de cada ano, ou antes de que remate o ano natural no caso das prazas de auxiliares de policía local, e que deberá ir acompañada dunha certificación da persoa titular da secretaría do concello na cal se acredite o cumprimento de todos os requisitos legalmente exixidos para a convocatoria das prazas.
e) A Administración xeral da Comunidade Autónoma reservará para si expresamente a posibilidade de non convocar procesos selectivos unitarios cando as prazas comunicadas polos concellos dentro do prazo previsto na alínea anterior non alcancen un número total de:
– Dez, no caso do acceso á categoría de policía polo sistema de quenda libre, así como para a selección de auxiliares de policía local.
– Cinco, en todos os demais casos.
O convenio preverá, de non se convocar un proceso selectivo unitario por este motivo, a posibilidade de que os concellos poidan desenvolver por si mesmos o proceso selectivo ou volver comunicar as prazas para o seguinte ano, sempre que o permita o prazo de execución da correspondente oferta de emprego público. Todo isto sen prexuízo da posibilidade de solicitar a colaboración regulada no artigo 3.
f) O convenio non suporá ningunha obriga económica para o concello e a Administración xeral da Comunidade Autónoma asumirá todos os gastos que comporte a organización dos procesos selectivos unitarios e percibirá, correlativamente, os ingresos derivados das taxas pola participación neles, de acordo co establecido na lexislación de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 3. Colaboración na realización das probas selectivas
1. De acordo co previsto no artigo 32.6 da Lei 4/2007, do 20 de abril, os concellos poderanlle solicitar á consellería competente en materia de seguridade a colaboración na realización das probas de selección para o ingreso, ascenso ou promoción aos corpos de policía local.
2. A colaboración prevista neste artigo instrumentarase a través dunha encomenda de xestión por cada proceso selectivo, que se formalizará mediante o correspondente convenio, nos termos establecidos pola lexislación básica estatal e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ou norma que a substitúa.
3. A aceptación da encomenda de xestión pola Administración xeral da Comunidade Autónoma requirirá o cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Solicitude formulada polo concello interesado cun prazo mínimo de antelación de seis meses con respecto á publicación oficial da convocatoria do proceso selectivo, de tal forma que a eficacia do convenio que se subscriba se condicionará expresamente a que a devandita publicación non se produza antes do transcurso dese prazo.
b) Compromiso por parte do concello solicitante da asunción de todos os gastos derivados da organización e celebración do proceso selectivo, incluídos os que supoña para a Administración xeral da Comunidade Autónoma a prestación da colaboración requirida, que se recollerá expresamente e se concretará no convenio que se subscriba.
c) Dispoñibilidade por parte da consellería competente en materia de seguridade dos medios necesarios para prestar a colaboración requirida.
4. A colaboración regulada neste artigo poderase aplicar ás probas selectivas para o acceso aos postos de vixilantes municipais e auxiliares de policía local nos mesmos termos previstos nos puntos anteriores.
CAPÍTULO II Procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local e aos postos de vixilantes municipais
Artigo 4. Convocatorias dos procesos selectivos unitarios
1. Convocaranse procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local e aos postos de vixilantes municipais sempre que as prazas comunicadas para a correspondente categoría e sistema de acceso polos concellos cos cales estean en vigor os convenios previstos no artigo 2 alcancen o número mínimo total de:
– Dez, no caso do acceso á categoría de policía polo sistema de quenda libre.
– Cinco, en todos os demais casos.
Para a determinación dese número mínimo sumaranse todas as prazas comunicadas antes de que remate o mes de xaneiro de cada ano.
Excepcionalmente, cando o número de prazas comunicadas se aproxime ao número mínimo sinalado e se xustifique a eficiencia do uso dos medios dispoñibles, por motivos de interese público vinculados á correcta prestación do servizo da policía local, poderanse convocar procesos selectivos unitarios para un número de prazas inferior.
A consellería competente en materia de seguridade porá inmediatamente en coñecemento dos concellos afectados a decisión de non convocar un proceso selectivo unitario por non se acadar o número mínimo de prazas.
Para estes supostos, o convenio mencionado no artigo 2 poderá prever a posibilidade de que os concellos poidan desenvolver por si mesmos o proceso selectivo ou volver comunicar as prazas para o seguinte ano, sempre que o permita o prazo de execución da correspondente oferta de emprego público. Todo isto sen prexuízo da posibilidade de solicitar a colaboración regulada no artigo 3.
2. Cada proceso selectivo unitario para o acceso a unha determinada categoría dos corpos de policía local e aos postos de vixilantes municipais requirirá a aprobación da súa propia convocatoria e bases, salvo que se decida convocar procesos selectivos unitarios conxuntos para máis dunha categoría ou sistema de acceso a ela.
3. A aprobación das convocatorias dos procesos selectivos unitarios a que se refire este artigo, coas súas bases, levarase a cabo por orde da persoa titular da consellería competente en materia de seguridade, oídas as organizacións sindicais representadas na Comisión de Coordinación das Policías Locais.
4. As convocatorias coas bases serán publicadas integramente no Diario Oficial de Galicia e nos boletíns oficiais das catro provincias de Galicia. Así mesmo, publicarase un anuncio no Boletín Oficial del Estado no cal figurarán, en todo caso, o número de prazas que se convocan e os concellos aos cales corresponden, a escala e categoría a que pertencen, o sistema de acceso e a referencia aos diarios oficiais en que a convocatoria estea publicada integramente.
Artigo 5. Bases das convocatorias
As bases das convocatorias previstas no artigo anterior conterán necesariamente:
a) Número, denominación e características das prazas convocadas, con determinación expresa do concello e da escala e categoría a que pertenzan, indicando o grupo de titulación que corresponda, o nivel dos postos e as condicións ou requisitos necesarios para o desempeño de cada un deles, consonte o sinalado por cada concello na comunicación prevista na alínea d) do número 3 do artigo 2.
b) Determinación do sistema de acceso e do procedemento de selección que se vaia empregar segundo a categoría de que se trate, consonte as previsións da Lei 4/2007, do 20 de abril, e da súa normativa de desenvolvemento.
c) Prazo e forma de presentación das solicitudes de participación no proceso selectivo, segundo o establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e, en todo caso, no modelo normalizado de utilización obrigatoria por parte das persoas interesadas, que se incluirá en anexo á convocatoria, así como a forma de presentación da documentación acreditativa dos requisitos e méritos establecidos nas alíneas d) e e) consonte a normativa vixente en materia de procedemento administrativo común.
O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días desde a publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado, agás nos procesos selectivos unitarios para persoal auxiliar de policía local, en que se aplicará o prazo de dez días previsto na alínea b) do número 3 do artigo 18, contado desde a publicación da convocatoria coas bases no Diario Oficial de Galicia.
d) Requisitos que deben reunir as persoas aspirantes, segundo o establecido na Lei 4/2007, do 20 de abril, e na súa normativa de desenvolvemento.
e) Enumeración, descrición e características das probas selectivas que se van desenvolver e sistemas ou métodos de cualificación destas e/ou relación de méritos que se valorarán e sistema de acreditación e valoración destes, así como os criterios para resolver os eventuais empates entre as puntuacións de dúas ou máis persoas aspirantes.
Como primeiro criterio de desempate incluirase a preferencia polas aspirantes mulleres, de verificarse a infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos polo artigo 49 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, aprobado polo Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, ou norma que o substitúa. De establecerse criterios adicionais de desempate baseados nos resultados das probas de aptitude física, estes aplicaranse en función dos tramos de idade e sexo previstos nos correspondentes baremos.
f) Referencia expresa á publicación oficial da orde que determine o cadro médico que se aplicará nas probas médicas precisas para comprobar a idoneidade das persoas aspirantes, a descrición e as normas para o desenvolvemento das probas de aptitude física, os temarios das probas de avaliación dos coñecementos e/ou o baremo do concurso de méritos.
g) De aplicarse o procedemento de oposición ou concurso-oposición, orde de desenvolvemento das probas e duración da realización destas, coa indicación expresa de que entre a convocatoria das probas e a súa celebración deberá transcorrer un prazo mínimo de dous días, agás no caso da proba de avaliación do coñecemento da lingua galega, que se poderá levar a cabo no mesmo día e a continuación da proba de avaliación dos coñecementos.
Así mesmo, prazo de que disporán as persoas aspirantes para efectuar alegacións ás súas cualificacións en cada proba ou fase do proceso selectivo e, de ser o caso, ao cadro de respostas correctas do cuestionario tipo test, que se contará desde a publicación das cualificacións ou do cadro de repostas correctas.
En todo caso, obrigatoriedade de resolver por parte do órgano de selección as alegacións ás cualificacións que eventualmente puidesen ter presentado as persoas aspirantes.
h) Composición e réxime aplicable ao órgano de selección.
i) Mención expresa de que o órgano de selección non poderá declarar aprobado ou superado o proceso selectivo por un número de aspirantes que resulte superior ao de prazas convocadas.
j) De se aplicar o procedemento de oposición ou concurso-oposición, orde de actuación das persoas aspirantes.
k) Obrigatoriedade de superar o curso selectivo de formación ou de capacitación correspondente á categoría de que se trate, organizado pola Academia Galega de Seguridade Pública.
l) Contía e forma de ingreso das taxas de participación no proceso selectivo.
m) Lugar de publicación dos actos e resolucións do proceso selectivo, que será a páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo dos supostos de notificación individualizada e de publicación no correspondente diario oficial que estableza a normativa de aplicación.
n) Previsións para asegurar a igualdade de trato das aspirantes embarazadas ou en período de parto o posparto, de acordo co disposto no artigo 11.4 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.
Artigo modificado: Artigo 5 apartados c), e) e g) nova redacción por artigo único apartados un, dous e tres.
Artigo modificado: Artigo 5 apartado n) nova redacción por disposición derradeira primeira apartado un.
Artigo 6. Composición dos órganos de selección
1. Os órganos de selección dos procesos selectivos unitarios regulados neste capítulo estarán compostos por cinco persoas titulares e cinco suplentes, presidente ou presidenta, tres vogais e secretario ou secretaria, pertencentes a un corpo, escala ou categoría profesional para o ingreso no cal se requira unha titulación de nivel igual ou superior ao exixido para participar no proceso selectivo, e tenderán á paridade entre mulleres e homes, consonte o establecido polo artigo 34 da Lei 4/2007, do 20 de abril.
2. O nomeamento dos órganos de selección a que se refire este artigo correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de seguridade. Dous vogais e os seus suplentes serán designados por proposta, respectivamente, da Comisión de Coordinación das Policías Locais e da asociación de municipios e provincias máis representativa e con maior implantación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Os órganos de selección a que se refire este artigo, a través da persoa titular da presidencia, poderán solicitar da Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública o nomeamento de persoal técnico cualificado para o seu asesoramento.
Artigo modificado: Artigo 6 apartado 3 nova redacción por artigo único apartado catro.
Artigo 7. Competencias administrativas para a xestión dos procesos selectivos unitarios
A Academia Galega de Seguridade Pública asumirá a xestión dos procesos selectivos unitarios regulados neste capítulo. Corresponderalle á persoa titular da dirección desta ditar os actos e resolucións administrativas de carácter xurídico que dean soporte ou nos cales se integre a concreta actividade material obxecto da delegación.
Artigo 8. Relación de persoas admitidas e excluídas
1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria, e logo de comprobadas aquelas, a persoa titular da dirección da Academia Galega de Seguridade Pública ditará resolución pola cal declarará aprobada a relación provisional de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo unitario, coas causas que motivaron a exclusión.
Na mesma resolución, cando razóns de interese público o aconsellen, poderase acordar a aplicación ao procedemento da tramitación de urxencia, pola cal se reducirán á metade todos os prazos previstos neste decreto e na demais normativa de aplicación, agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos e os de alegacións ás cualificacións e ao cadro de respostas correctas dos cuestionarios tipo test establecidos no número 1 do artigo 13 e na alínea c) do número 3 do artigo 18.
2. A relación provisional de persoas admitidas e excluídas farase pública no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública. Concederase un prazo de dez días, contados desde a publicación no Diario Oficial de Galicia, para que as persoas excluídas emenden as deficiencias que presenten as súas solicitudes achegando, de ser o caso, a correspondente documentación acreditativa consonte a normativa vixente en materia de procedemento administrativo común.
3. Transcorrido o prazo de emenda, a persoa titular da dirección da Academia Galega de Seguridade Pública ditará nova resolución pola cal aprobará a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, e fixará, de ser o caso, o lugar e a data de comezo das probas selectivas. Esta resolución será publicada nos mesmos termos que a que aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas.
Artigo modificado: Artigo 8 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado cinco.
Artigo 9. Procedementos de selección segundo o sistema de acceso aplicable
De acordo co establecido na Lei 4/2007, do 20 de abril, e no Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a anterior, os procedementos de selección comprendidos neste capítulo son os seguintes, segundo o sistema de acceso aplicable:
a) Oposición para o acceso, polo sistema de quenda libre, á categoría de policía e aos postos de vixilantes municipais.
b) Concurso-oposición para o acceso, polo sistema de promoción interna, excepto para as categorías de intendente principal e superintendente.
c) Concurso para a provisión de prazas polo sistema de mobilidade e para o acceso, polo sistema de promoción interna, ás categorías de intendente principal e superintendente.
Artigo 10. Procedemento de oposición
1. O procedemento de oposición constará das seguintes probas de carácter eliminatorio, que se desenvolverán na mesma orde en que se citan:
a) Proba de avaliación dos coñecementos das persoas aspirantes sobre os contidos do temario.
Ten como finalidade que as persoas aspirantes demostren a súa preparación intelectual e o seu dominio dos contidos do temario, que se determinen na correspondente orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais.
Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario tipo test proposto polo órgano de selección, que constará do seguinte número de preguntas:
1º. Cen, nos procesos selectivos para o acceso á categoría de policía.
2º. Cincuenta sobre a parte xeral do temario e cincuenta sobre a parte específica nos procesos selectivos para o acceso á subescala facultativa.
3º. Cincuenta, nos procesos selectivos para o acceso aos postos de vixilante municipal.
As persoas aspirantes disporán de dúas horas para a súa realización no caso de acceso á categoría de policía e á subescala facultativa, e dunha hora no caso de acceso aos postos de vixilante municipal.
A proba será cualificada polo órgano de selección de cero a dez puntos e será preciso acabar cinco puntos, como mínimo, para superala. Corresponderalle ao órgano de selección determinar o número de respostas correctas exixido para conseguir esa puntuación mínima.
b) Proba de avaliación do coñecemento da lingua galega.
Está dirixida á comprobación de que as persoas aspirantes comprenden, falan e escriben correctamente a lingua galega, polos medios que o órgano de selección considere máis adecuados para tal comprobación. Esta proba cualificarase como apto/a ou non apto/a.
Aquelas persoas aspirantes que acrediten o coñecemento da lingua galega con carácter previo e da maneira normativamente establecida terán superada esta proba coa cualificación de apto/a.
c) Probas de aptitude física.
Estas probas van dirixidas á verificación das capacidades de forza, resistencia, axilidade, flexibilidade e velocidade das persoas aspirantes.
A descrición e as normas para o desenvolvemento destas probas, incluíndo o rango de valores en que se considera garantido o cumprimento do principio de non discriminación por razón de sexo, axustaranse ao establecido na correspondente orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais.
Cualificaranse como apto/a ou non apto/a.
d) Probas psicotécnicas.
Están dirixidas a determinar as actitudes e aptitudes persoais das persoas aspirantes e a súa adecuación á función policial.
Consistirán na aplicación dunha proba de intelixencia que medirá a capacidade intelectual e psicomotriz das persoas aspirantes, así como de probas de personalidade destinadas a medir os aspectos afectivos e volitivos que permitan unha apreciación global da personalidade das persoas aspirantes.
Cualificaranse como apto/a ou non apto/a.
e) Recoñecemento médico.
Será efectuado por persoal facultativo, que deberá axustarse á descrición do cadro médico previsto na correspondente orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais, para que se garantan as condicións adecuadas das persoas aspirantes.
Cualificaranse como apto/a ou non apto/a.
2. As persoas aspirantes poderán solicitar o aprazamento das probas nos supostos e nos termos previstos nos artigos 16 e 17 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.
3. O órgano de selección, unha vez finalizada a proba de avaliación dos coñecementos, establecerá por orde decrecente de puntuación o número de aspirantes que deberán desenvolver o resto das probas, por quendas consecutivas de resultar necesario, e que non será inferior, en todo caso, ao dobre das prazas convocadas.
4. Finalizadas as probas, o órgano de selección outorgará a cada persoa aspirante a puntuación final obtida, que se corresponderá coa cualificación da proba de avaliación dos coñecementos.
Artigo modificado: Artigo 10 apartado 1 letras a), c) e e) e apartado 2 nova redacción por disposición derradeira primeira apartados dous e tres.
Artigo 11. Procedemento de concurso-oposición
1. O procedemento de concurso-oposición constará de dúas fases, que se desenvolverán na seguinte orde:
a) Fase de oposición, consistente en dúas probas de coñecementos de carácter eliminatorio referidas ao temario para o acceso a cada categoría, que será o establecido pola orde a que se refire a disposición adicional do Decreto 243/2008, do 16 de outubro.
Na primeira proba as persoas aspirantes deberán contestar por escrito dous temas do devandito temario, ou un cuestionario de test sobre o total dos seus contidos, segundo conste nas bases da convocatoria, no tempo máximo de dúas horas. A segunda proba consistirá na resolución dun caso práctico relacionado co temario, que as persoas aspirantes terán que desenvolver no tempo máximo dunha hora e que deberán ler ante o órgano de selección.
A puntuación de cada persoa aspirante nesta fase será a media aritmética das cualificacións de ambas as dúas probas, que se avaliarán de cero a dez puntos cada unha delas, e será necesario alcanzar en cada unha un mínimo de cinco puntos para superar o proceso selectivo. Corresponderalle ao órgano de selección determinar o nivel de coñecementos que haberá que demostrar para conseguir esa puntuación mínima.
b) Fase de concurso, consistente na comprobación, avaliación e cualificación dos méritos alegados e xustificados polas persoas aspirantes de acordo co baremo que se determine por orde da consellería competente en materia de seguridade.
A valoración total dos méritos será obxecto de limitación, cun máximo de puntos preestablecido nas bases do proceso selectivo.
2. Co fin de determinar a puntuación total de cada persoa aspirante no proceso selectivo, levarase a cabo unha ponderación das puntuacións obtidas nas dúas fases de oposición e concurso, tomando como puntuación máxima na fase de oposición seis puntos e na fase de concurso catro puntos. Para isto, aplicarase unha regra de tres simple ás puntuacións obtidas por cada persoa aspirante na fase de oposición e na fase de concurso, tendo en conta a puntuación máxima que é posible obter en cada unha delas antes da ponderación. Os respectivos resultados, que se expresarán cun máximo de tres decimais sen redondeo, sumaranse co obxecto de obter a puntuación total final.
Artigo 12. Procedemento de concurso
O procedemento de concurso desenvolverase segundo as regras da fase de concurso do procedemento de concurso-oposición, pero a puntuación final de cada persoa aspirante será a suma das cualificacións dos méritos totais, sen limitación.
Artigo 13. Alegacións ás cualificacións
1. As persoas aspirantes poderán efectuar alegacións ás súas cualificacións en cada proba ou fase do proceso selectivo dentro dos catro días seguintes ao da publicación daquelas.
Cando se estableza un prazo de alegacións ao cadro de respostas correctas do cuestionario tipo test de acordo co previsto na alínea g) do artigo 5, este non será inferior a dous días nin superior a catro, contados desde a publicación daquel, e o prazo de alegacións ás cualificacións da proba poderá reducirse á metade.
2. As alegacións serán resoltas polo órgano de selección antes da realización da seguinte proba ou fase do proceso selectivo, mediante acordo que se lles notificará ás persoas que as presentasen.
Artigo modificado: Artigo 13 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado seis.
Artigo 14. Relación de persoas aprobadas ou que obtiveron praza e lista de reserva
1. Nos procedementos de oposición e concurso-oposición o órgano de selección fará pública na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública a relación de persoas aprobadas, por orde decrecente de puntuación. O número destas persoas non poderá superar o de prazas convocadas.
Así mesmo, o órgano de selección elaborará, tamén por orde decrecente de puntuación, unha lista de reserva cun número de persoas aspirantes que será como máximo igual ao de persoas aprobadas. Na lista de reserva figurarán aquelas persoas aspirantes que, aínda que superaron o proceso selectivo, non resultaron aprobadas por obteren unha puntuación inferior á da última persoa que obtivo praza.
2. No procedemento de concurso adxudicaranse as prazas convocadas ás persoas aspirantes con puntuacións máis altas. A lista de reserva confeccionarase coas persoas aspirantes que obtivesen as puntuacións sucesivas máis altas despois da última que obtivese praza, cun número que será como máximo igual ao de persoas que obtiveron praza.
3. Cando o sistema de acceso aplicable sexa o de promoción interna dos membros do corpo de policía local do concello, tanto a relación de persoas aprobadas ou que obtiveron praza como a lista de reserva se confeccionarán de maneira separada para cada concello, exclusivamente con persoas aspirantes pertencentes ao corpo de policía local deste.
4. A relación de persoas aprobadas ou que obtiveron praza e a lista de reserva serán elevadas polo órgano de selección á Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública para os efectos do previsto nos artigos seguintes.
Artigo 15. Elección de praza nos sistemas de acceso de quenda libre e mobilidade
1. Cando o sistema de acceso aplicable sexa o de quenda libre ou o de mobilidade, a Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública convocará as persoas aprobadas ou que obtiveron praza a unha reunión presencial para elixir praza, dentro das comprendidas na convocatoria no proceso selectivo unitario, por rigorosa orde da puntuación obtida neste.
2. A concorrencia por parte das persoas aprobadas á reunión prevista no número 1 deste artigo soamente poderá aprazarse nos supostos e nos termos previstos nos artigos 16 e 17 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, para as probas das oposicións.
Ás persoas aprobadas, ás cales non lles fose aprazada a reunión citada no parágrafo anterior, e que non comparezan persoalmente ou por medio de representante, seranlles adxudicadas as prazas que lles correspondan segundo a puntuación obtida no proceso selectivo, unha vez concluído o proceso de adxudicación daquelas ás persoas aprobadas presentes ou representadas, entre as que quedasen sen adxudicar.
Artigo modificado: Artigo 15 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado catro.
Artigo 16. Nomeamento como persoal funcionario en prácticas
1. Asignadas as prazas de acordo co previsto nos artigos anteriores, a Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública publicará na súa páxina web a relación destas co nome das persoas ás cales foron adxudicadas e comunicaralles os datos destas aos concellos que correspondan, xunto coa data prevista para o comezo do preceptivo curso selectivo de formación ou de capacitación.
2. Con anterioridade á data prevista para o comezo do curso selectivo de formación ou de capacitación, os concellos nomearán as correspondentes persoas aspirantes como persoal funcionario en prácticas e comunicaranlle o nomeamento á Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública para efectos da organización do dito curso.
3. En caso de renuncia, falecemento, falta de xustificación dos requisitos para o nomeamento, incapacidade absoluta sobrevida ou concorrencia de calquera outra causa que impida o nomeamento dunha persoa aspirante como persoal funcionario en prácticas ou prive de eficacia o nomeamento xa realizado, o concello comunicará esta circunstancia á Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública, que substituirá a persoa afectada pola primeira que figure na lista de reserva, sempre con anterioridade ao desenvolvemento do correspondente curso selectivo de formación ou de capacitación.
4. Nos supostos en que as persoas aspirantes estean dispensadas de realizar o curso selectivo de formación ou de capacitación, consonte o previsto polo número 1 do artigo 16 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, o nomeamento farase directamente na condición de persoal funcionario de carreira.
Artigo 17. Organización dos cursos selectivos de formación ou de capacitación
1. A Academia Galega de Seguridade Pública organizará, en todo caso, os correspondentes cursos selectivos de formación ou de capacitación cando se celebren os procesos selectivos unitarios regulados neste capítulo. Para estes efectos, ás prazas cubertas mediante os procesos selectivos unitarios acumularanse as solicitudes de reserva de prazas efectuadas, antes de que remate o mes de febreiro, polos concellos que non teñan delegada na Administración xeral da Comunidade Autónoma a convocatoria e o desenvolvemento dos procesos selectivos.
2. De non se ter celebrado proceso selectivo unitario para unha determinada categoría dos corpos de policía local ou para os postos de vixilante municipal, o curso selectivo de formación ou de capacitación organizarase se as solicitudes de reserva de praza efectuadas polos concellos dentro do prazo previsto no número anterior acadan o mínimo de dez.
Excepcionalmente, cando as solicitudes de reserva de prazas se aproximen ao número mínimo sinalado no parágrafo anterior e se xustifique a eficiencia do uso dos medios dispoñibles, por motivos de interese público vinculados á correcta prestación do servizo da policía local, poderanse convocar cursos selectivos de formación ou de capacitación para un número de prazas inferior.
3. O desenvolvemento dos cursos selectivos de formación ou de capacitación axustarase ao establecido polo Decreto 243/2008, do 16 de outubro.
CAPÍTULO III Procesos selectivos unitarios para a selección do persoal auxiliar de policía local
Artigo 18. Procesos selectivos unitarios para persoal auxiliar de policía local
1. Convocaranse procesos selectivos unitarios para persoal auxiliar de policía local sempre que as prazas comunicadas para esta clase de persoal polos concellos cos cales estean en vigor os convenios previstos no artigo 2 acade o número mínimo total de dez.
Para a determinación dese número mínimo sumaranse todas as prazas comunicadas antes de que remate o ano natural.
Excepcionalmente, cando o número de prazas comunicadas se aproxime ao número mínimo sinalado e se xustifique a eficiencia do uso dos medios dispoñibles, por motivos de interese público vinculados á correcta prestación do servizo da policía local, poderanse convocar procesos selectivos unitarios para un número de prazas inferior.
A consellería competente en materia de seguridade porá inmediatamente en coñecemento dos concellos afectados a decisión de non convocar un proceso selectivo unitario por non se acadar o número mínimo de prazas.
Para estes supostos, o convenio mencionado no artigo 2 poderá prever a posibilidade de que os concellos poidan desenvolver por si mesmos o proceso selectivo ou volver comunicar as prazas para o seguinte ano, sempre que o permita o prazo de execución da correspondente oferta de emprego público. Todo isto sen prexuízo da posibilidade de solicitar a colaboración regulada no artigo 3.
2. Estes procesos selectivos levaranse a cabo polo procedemento de oposición, que constará das seguintes probas de carácter eliminatorio, as cales se desenvolverán na mesma orde en que se citan:
a) Probas físicas, que medirán a capacidade física das persoas aspirantes para as funcións que teñan que desempeñar.
A descrición e as normas para o desenvolvemento destas probas, incluíndo o rango de valores en que se considera garantido o cumprimento do principio de non-discriminación por razón de sexo, axustaranse ao establecido na correspondente orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais.
b) Cuestionario de cincuenta preguntas tipo test, proposto polo órgano de selección sobre o temario establecido na correspondente orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais, e que se cualificará de cero a dez puntos, será preciso acadar cinco puntos, como mínimo, para superar a proba. Corresponderalle ao órgano de selección determinar o número de respostas correctas exixido para conseguir esa puntuación mínima. As persoas aspirantes disporán dunha hora para a súa realización.
c) Coñecemento da lingua galega, nos termos establecidos na alínea b) do número 1 do artigo 10.
3. En todo o non previsto neste artigo, os procesos selectivos unitarios para persoal auxiliar de policía local rexeranse polas normas do capítulo II, coas seguintes particularidades:
a) As publicacións a que se refire o número 4 do artigo 4 realizaranse exclusivamente no Diario Oficial de Galicia.
b) O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días contados desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
c) O prazo para efectuar alegacións ás cualificacións, así como o de alegacións ao cadro de respostas correctas do cuestionario tipo test, en caso de establecerse de acordo co previsto na alínea g) do artigo 5, será de dous días, contados desde a publicación das cualificacións ou do cadro de respostas correctas.
d) As persoas aprobadas que, estando obrigadas consonte ao previsto no número 2 do artigo 15, non comparezan persoalmente ou por medio de representante á reunión presencial para a elección de praza prevista no devandito artigo, ou renuncien expresamente antes ou despois da elección, decaerán en calquera dereito ao acceso aos postos de auxiliares de policía local por esta vía, excepto o disposto no parágrafo seguinte.
Nos supostos de incomparecencia á reunión por causa de forza maior, debidamente acreditada e comunicada pola persoa aspirante con anterioridade á reunión, a elección efectuarase telefonicamente no mesmo acto e no posto que corresponda segundo a puntuación obtida no proceso selectivo, para o cal a persoa aspirante deberá designar o número de teléfono onde poida ser localizada. En caso de non designar o número de teléfono ou non atender á chamada, decaerá no seu dereito.
e) As persoas aprobadas que comparezan á reunión, pero non acepten ou non elixan ningunha das prazas obxecto da convocatoria que lles correspondan elixir, decaerán no seu dereito á elección e pasarán á lista regulada no artigo 19 no lugar que por puntuación proceda.
f) A lista prevista no artigo 19 poderase utilizar para a cobertura das prazas convocadas cando non sexa posible cubrilas coa lista de persoas aprobadas e de reserva do propio proceso selectivo. Neste caso, os chamamentos realizaranse de acordo co establecido no número 7 do artigo 19 bis.
Artigo modificado: Artigo 18 apartado 3 nova redacción por artigo único apartado sete.
Artigo modificado: Artigo 18 apartado 2 letras a) e b) nova redacción por disposición derradeira primeira apartado cinco.
Artigo 19. Listas de colaboración para a contratación de persoal auxiliar de policía local
1. Con cada proceso selectivo unitario para persoal auxiliar de policía local elaborarase, para un período de catro anos, unha lista de colaboración para a contratación deste persoal, que será confeccionada inicialmente polo órgano de selección. Nela figurarán, por orde decrecente de puntuación no proceso selectivo, aquelas persoas aspirantes que, aínda que superaron todas as probas do proceso selectivo, non resultaron aprobadas por obteren unha puntuación inferior á da última persoa que obtivo praza. O órgano de selección poderá determinar que, para estes efectos, a proba consistente nun cuestionario tipo test se entenderá superada cun número de preguntas correctas inferior ao establecido para acadar a puntuación mínima prevista na alínea b) do número 2 do artigo 18.
2. Unha vez rematado o proceso de elección de praza, a Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública, de oficio, integrará na lista de colaboración, por orde da puntuación acadada no proceso selectivo, as persoas aprobadas que non elixan ou acepten praza, así como as da lista de reserva que non a obteñan, e excluirá as persoas inicialmente incluídas na lista que obtivesen praza pola desistencia ou renuncia das anteriores.
3. A lista de colaboración, unha vez rematada a cobertura das prazas convocadas e realizadas as integracións e exclusións referidas no número anterior, será publicada pola Academia Galega de Seguridade Pública na súa páxina web.
4. Para a inclusión na lista de colaboración non será precisa solicitude previa, agás nos supostos previstos no número seguinte e nos de reincorporación regulados no número 4 do artigo 19 bis.
5. Á lista prevista neste artigo poderanse, así mesmo, incorporar, unha vez rematado o período para o cal fosen contratadas, as persoas que aprobasen e obtivesen praza no proceso selectivo unitario.
Para estes efectos, deberán solicitar a súa inclusión nun prazo máximo de dez días desde a finalización do contrato e achegar unha declaración responsable dos períodos traballados como auxiliar de policía local e dos concellos en que prestasen servizos, ou ben unha certificación destes, no suposto de non autorizar a consulta dos seus datos. A súa orde na lista determinaraa de oficio a Academia Galega de Seguridade Pública segundo o establecido no presente decreto.
No suposto de non solicitar a súa reincorporación no dito prazo de dez días, poderán facelo en calquera momento dentro do período de vixencia da lista, pasando a ocupar a derradeira posición.
6. Poderán solicitar a cobertura de prazas de persoal auxiliar de policía local polo sistema regulado neste artigo os concellos que no momento da solicitude teñan en vigor o correspondente convenio para a selección desta clase de persoal, cando, por circunstancias sobrevidas xustificadas e de acordo coa normativa de aplicación, sexa necesaria a dita cobertura.
7. Para estes efectos, o concello deberá achegar coa solicitude de cobertura de prazas unha certificación na cal conste:
a) A duración prevista da contratación.
b) Unha lista das persoas contratadas como persoal auxiliar de policía local no ano en curso, coa especificación dos períodos de contratación.
c) Certificación da secretaría municipal do cumprimento dos requisitos legais para a contratación de persoal auxiliar de policía local.
8. Cada lista de colaboración terá unha vixencia de catro anos desde a súa publicación na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública. Para a determinación da prelación entre listas estarase ao disposto no número 3 do artigo 19 bis.
9. A Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública poderalles solicitar aos concellos interesados calquera documentación que xulgue oportuna para a xestión das listas de colaboración reguladas neste artigo.
Artigo modificado: Artigo 19 nova redacción por artigo único apartado oito.
Artigo 19 bis. Chamamentos nas listas de colaboración para a contratación de persoal auxiliar de policía local
1. Os chamamentos realizaraos a Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública de acordo coa lista do proceso unitario convocado en cada momento, e dentro da lista dun mesmo proceso, da puntuación obtida nesta.
2. Dentro de cada lista, non poderán ser obxecto de chamamento aquelas persoas que xa acadasen o período máximo de contratación como persoal auxiliar de policía local de catro ou, de ser o caso, seis meses, sumando os períodos de contratación en todos os concellos tanto polo sistema de listas de colaboración como, de ser o caso, en virtude de praza obtida nun proceso selectivo deste tipo de persoal.
Malia o anterior, poderase superar o tempo máximo de contratación cando un concello solicite unha persoa da lista de colaboración por un período superior ao que lle faltase á persoa que figure no primeiro lugar daquela para acadar os catro ou seis meses, sempre que con isto non se exceda o límite máximo legal para ser contratado dentro dun ano nun mesmo concello. De excederse o devandito límite, será chamada a seguinte persoa da lista que cumpra os requisitos legais, sen que a anterior perda a súa posición naquela.
3. Para determinar a prelación entre listas de colaboración para a contratación de persoal auxiliar de policía local aplicaranse os seguintes criterios:
a) Aplicando sempre a orde de puntuación, primeiro utilizarase a lista do propio proceso unitario celebrado ata esgotarse a lista de persoas que poidan ser obxecto de chamamento polos períodos máximos de contratación de catro ou seis meses e ata que exista unha nova lista derivada dun ulterior proceso unitario.
b) De non existir nova lista por novo proceso selectivo, non ser suficiente a lista actual do proceso convocado ou, en todo caso, transcorrido un ano desde a finalización do derradeiro proceso e salvo que estea iniciado o novo, aplicaranse as listas vixentes por orde decrecente de antigüidade e cos mesmos límites de períodos de contratación e así sucesivamente, tendo en conta as particularidades establecidas no presente decreto para o exceso dos períodos, supostos de renuncias, non aceptación ou elección de praza e similares, de xeito que o sistema sexa rotatorio para que os integrantes das diferentes listas poidan obter un período de contratación de catro ou seis meses.
4. Unha vez rematada cada contratación efectuada polo sistema regulado neste artigo, a persoa interesada poderá solicitar a súa reincorporación á lista de colaboración nun prazo máximo de dez días desde a finalización do contrato, achegando unha declaración responsable dos períodos de contratación como auxiliar de policía local e dos concellos en que prestase servizos. A Academia Galega de Seguridade Pública verificará de oficio estes datos, salvo que a persoa interesada non autorice a súa consulta, caso en que aquela deberá achegar as oportunas certificacións acreditativas.
A reincorporación á lista de colaboración levarase a cabo no posto que corresponda á persoa de acordo coa puntuación obtida no correspondente proceso selectivo unitario, agás nos casos en que aquela superase os prazos máximos establecidos. Nestes supostos, a persoa reincorporarase no derradeiro posto da lista, segundo a orde vixente no momento en que presente a solicitude de reincorporación.
Cando se solicitase a reincorporación á lista de colaboración transcorrido o devandito prazo de dez días, estimarase igualmente a solicitude, sempre que a lista manteña a súa vixencia, pero a persoa interesada ocupará a derradeira posición nela.
5. No suposto de que unha mesma persoa figure de forma simultánea en diferentes listas de colaboración, a Academia Galega de Seguridade Pública requiriraa para que nun prazo de dez días opte expresamente pola súa permanencia nunha soa delas. No caso de non cumprir este trámite, quedará excluída de todas as listas, ditándose a correspondente resolución administrativa.
6. Os chamamentos regulados neste artigo faranse polo medio máis urxente que permita ter a constancia da súa recepción.
As persoas chamadas que, sen xustificación, non respondan ao chamamento, non comparezan no lugar en que deban presentarse ou renuncien expresamente logo do chamamento ou antes da incorporación ao posto, decaerán en calquera dereito ao acceso aos postos de auxiliares de policía local por esta vía, procedéndose a chamar a seguinte persoa da lista.
Cando non acepten, poderán ser chamadas ata por tres ocasións para diferentes vacantes sen perder a súa posición na lista e pasarase a chamar a seguinte persoa e así sucesivamente. Realizadas aquelas, non perderán a súa posición na lista pero non volverán a ser chamadas ata cando por quenda lles corresponda unha vez esgotada a lista do correspondente proceso unitario e, de ser o caso, as correspondentes listas supletorias cando sexan de aplicación.
7. Nos supostos de urxencia para o adecuado funcionamento do servizo, debidamente acreditado polo concello, o chamamento poderase realizar telefonicamente, mediante unha chamada. O persoal funcionario que o efectúe deixará constancia nunha dilixencia na cal figurará se houbo ou non resposta e, de ser o caso, o sentido desta.
De non constar contestación á chamada, non perderán a súa posición na lista e pasarase a chamar a seguinte persoa e así sucesivamente. As persoas interesadas volverán a ser chamadas no suposto de nova vacante.
No suposto de non comparecencia no lugar que deban presentarse, renuncia ou non aceptación, aplicarase o establecido no número 6 anterior.
Artigo engadido: Artigo 19 bis engadido por artigo único apartado nove.
Artigo 20. Contratación do persoal auxiliar de policía local
1. Verificada a elección de praza, sexa de acordo co previsto no artigo 15 logo da realización dun proceso selectivo unitario, sexa como consecuencia do chamamento regulado no artigo anterior, a Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública publicará na súa páxina web a relación das prazas co nome das persoas ás cales foron adxudicadas e comunicaralles os datos destas aos concellos que correspondan.
2. Os concellos formalizarán a contratación das ditas persoas como auxiliares de policía local, despois de verificar que superaron o curso de formación previsto no artigo 49 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.
Artigo modificado: Artigo 20 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado seis.
Artigo 21. Cursos de formación para persoal auxiliar de policía local
1. A Academia Galega de Seguridade Pública convocará un curso de formación para persoal auxiliar de policía local, despois do remate de cada proceso selectivo unitario dos regulados neste capítulo, para as persoas que superasen este e as que estean incluídas na correspondente lista de reserva.
2. Sen prexuízo do previsto no número anterior, a Academia Galega de Seguridade Pública organizará anualmente un curso de formación para persoal auxiliar de policía local se as solicitudes de reserva de praza efectuadas, antes de que remate o mes de marzo, polos concellos que realicen por si mesmos a selección desta clase de persoal acadan o número mínimo de dez.
Excepcionalmente, cando as solicitudes de reserva de praza se aproximen ao número mínimo sinalado no parágrafo anterior e se xustifique a eficiencia do uso dos medios dispoñibles, por motivos de interese público vinculados á correcta prestación do servizo da policía local, poderase convocar o curso de formación para un número de prazas inferior.
3. Os cursos de formación regulados neste artigo que se realizasen desde a entrada en vigor do presente decreto teñen unha validez de catro anos, contados desde a súa superación, debendo cursarse e superarse novamente transcorrido o devandito período.
Artigo modificado: Artigo 21 apartado 3 engadido por artigo único apartado dez.
Disposición adicional única. Asunción progresiva pola Administración xeral da Comunidade Autónoma da convocatoria e do desenvolvemento dos procesos selectivos
A asunción pola Administración xeral da Comunidade Autónoma da convocatoria e do desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local e aos postos de vixilantes municipais e auxiliares de policía local regulada neste decreto levarase a cabo progresivamente, nos seguintes termos:
a) No ano 2018 farase efectiva para o acceso, mediante o sistema de quenda libre, á categoría de policía e aos postos de vixilantes municipais e auxiliares de policía local. Neste primeiro ano, o prazo para que os concellos comuniquen á Academia Galega de Seguridade Pública as prazas que se terán que convocar para o seu corpo de policía local ou dos postos de vixilantes municipais prorrogarase ata o final do mes de marzo e as de auxiliares de policía local ata o final do mes de febreiro.
b) A partir do ano 2019 farase efectiva para o acceso ás demais categorías dos corpos de policía local, de acordo coa periodización que se estableza por orde da persoa titular da consellería competente en materia de seguridade.
Artigo modificado: Disposición adicional única nova numeración por artigo único apartado once.
Disposición adicional segunda. Ampliación dos prazos para a comunicación de prazas, reservas de prazas nos cursos selectivos e concesión de prazos adicionais para os concellos
Os prazos previstos neste decreto para a comunicación polos concellos das prazas que serán obxecto dos procesos selectivos unitarios e das reservas de prazas para os cursos selectivos ou de formación poderán ser ampliados, antes da súa finalización, por motivos vinculados á correcta prestación do servizo da policía local, mediante resolución da persoa titular da Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública.
Igualmente, unha vez finalizados os devanditos prazos, por resolución motivada do mesmo órgano, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, poderanse conceder con carácter xeral prazos adicionais para efectuar as comunicacións a que se refire esta disposición.
Artigo engadido: Disposición adicional segunda engadida por artigo único apartado doce.
Disposición derrogatoria. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan, contradigan ou resulten incompatibles co disposto neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a consellería competente en materia de seguridade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.
Artigo derrogado: Disposición derradeira segunda derrogada por disposición derrogatoria única.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dezasete de novembro de dous mil dezasete
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.