Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade
NORMA CONSOLIDADA
A comunidade galega está presente non só na súa terra, senón tamén na Galicia da emigración.
O espírito asociativo dos galegos lévanos a constituír fóra de Galicia auténticas Comunidades que serven de vínculo de unión e comunión coa terra galega.
Desenvolvendo o artigo 7 do Estatuto de Galicia, a presente Lei recoñece ás devanditas Comunidades a súa galeguidade, o que posibilita a súa inserción na vida social e cultural do pobo galego, sen que iso implique a concesión de dereitos políticos.
Coa mesma finalidade, procura o impulso da actividade exterior do Estado en orde á articulación de tratados e convenios polos que se tenda a favorece-los fins destas Comunidades e as aspiracións dos seus membros.
Polas devanditas razóns, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de Recoñecemento da Galeguidade.
Título I Da galeguidade das Comunidades asentadas fóra de Galicia
Artigo 1
Enténdese por galeguidade, ós efectos da presente Lei, o dereito das Comunidades Galegas asentadas fóra de Galicia a colaborar e comparti-la vida social e cultural do pobo galego.
Artigo 2
Son Comunidades Galegas as entidades asociativas sen ánimo de lucro, validamente constituídas e con personalidade xurídica no territorio en que se atopen asentadas, que teñan por obxecto principal nos seus estatutos o mantemento de lazos culturais ou sociais con Galicia, as súas xentes, a súa historia, a súa lingua e cultura, e ás que lles fose recoñecida a súa galeguidade de acordo coa presente Lei.
Artigo 3
A Comunidade Autónoma Galega promove e coordina, respetando a súa autonomía, a participación das Comunidades Galegas na vida social e cultural do pobo galego, e a tal fin:
1.— Crearanse canles de recíproca comunicación e apoio entre a Comunidade Autónoma e as Comunidades Galegas asentadas fóra de Galicia, para facer real e efectiva a súa colaboración na vida social e cultural de Galicia.
2.— Nun contexto de colaboración xeral impulsarase a actividade do Estado español en orde á elaboración e celebración de tratados ou convenios con Estados onde existan Comunidades Galegas, de acordo co Apartado 2 do Artigo 7 do Estatuto de Autonomía de Galicia e sen prexuício do previsto en materia de relacións culturais no Apartado 3 do Artigo 35 do mesmo.
3.— Promoveranse acordos ou convenios nos términos do Artigo 35, Apartados 1 e 2 do propio Estatuto de Autonomía de Galicia.
Artigo 4
O recoñecemento da galeguidade producirase, previa solicitude, por acordo da Xunta de Galicia e dará lugar á inscrición da comunidade no Rexistro das Comunidades Galegas asentadas fóra de Galicia.
Título II Do alcance e contido do recoñecemento da galeguidade
Capítulo I Na orde social e cultural
Artigo 5
O recoñecemento da galeguidade das Comunidades ás que se refire o artigo 2 desta Lei, alcanza, na orde social:
a) O dereito á información de cantas disposicións e resolucións se adopten polos poderes da Comunidade Autónoma Galega.
b) O dereito a compartiren a vida social galega e colaboraren na súa difusión, dentro do territorio de Galicia e no ámbito da propia Comunidade que obtive-lo recoñecemento.
Artigo 6
O recoñecemento da galeguidade das Comunidades Galegas implica na orde cultural, na forma que regulamentariamente se determine:
a) O dereito a disfrutaren das bibliotecas, recursos e arquivos dependentes da Comunidade Autónoma.
b) O dereito a colaboraren no marco das competencias atribuídas á Comunidade Autónoma nos medios de comunicación social e emisións de televisión dirixidos ós galegos de dentro e fóra de Galicia.
c) O dereito a colaboraren no impulso das actividades culturais e espectáculos orientados a preservar e fomenta-lo goce da lingua, cultura e tradicións galegas.
Artigo 7
1. A Comunidade Autónoma organizará, a través das Comunidades Galegas, e coa colaboración de institucións especializadas, servicios didácticos e audiovisuais que faciliten o coñecemento da lingua, cultura e tradicións de Galicia.
2. Facilitarase ás Comunidades Galegas a organización de cursos de lingua e cultura galegas.
Artigo 8
A Comunidade Autónoma fomentará a creación de prensa e revistas para uso escolar, con especial atención ós fillos dos galegos residentes fóra de Galicia. As Comunidades Galegas serán canle para a difusión de tales publicacións.
Artigo 9
No marco da cooperación social e cultural coas Comunidades Galegas, a Comunidade Autónoma fomentará, dentro das súas competencias, a producción, distribución e intercambio de programas de radio e televisión.
Artigo 10
A Comunidade Autónoma garantiza a adquisición con destino ás Comunidades Galegas dun fondo editorial tendente a facilita-lo coñecemento da historia, a arte, a lingua e a realidade social de Galicia.
O Consello de Comunidades Galegas propoñerá á Xunta de Galicia os criterios para a composición e distribución entre estas do citado fondo.
Artigo 11
No marco das competencias da Comunidade Autónoma, a Xunta de Galicia promoverá, en cooperación coas Comunidades Galegas, cursos ou ciclos especiais sobre lingua, historia e cultura galegas, tanto na Universidade e Institucións docentes e culturais de Galicia, coma nas dos países de asentamento destas Comunidades.
Artigo 12
A Comunidade Autónoma de Galicia canalizará o exercicio dos dereitos recoñecidos nos artigos anteriores e a colaboración na vida social e cultural de Galicia das Comunidades Galegas inscritas ó amparo desta Lei garantizando a presencia de representantes das mesmas nos Consellos ou Institutos da Comunidade Autónoma relacionados coa súa actividade.
Capítulo II Do exercicio da galeguidade
Artigo 13
1. Para o cumprimento dos fins establecidos na presente Lei, créase o Consello de Comunidades Galegas con carácter deliberante, de funcións consultivas e de asesoramento das institucións da Comunidade Autónoma, na forma que regulamentariamente se determine.
Son membros natos do Consello:
a) O Presidente da Xunta de Galicia, que o presidirá.
b) Os Conselleiros de Traballo, Seguridade Social e Emigración, o de Cultura e o de Turismo e Deportes.
c) Un representante do Consello da Cultura Galega.
d) Un representante da Real Academia Galega.
e) Un representante da Universidade de Galicia.
f) Un representante por cada unha das comunidades inscritas ó amparo desta Lei.
2. No seo do Consello constituirase unha Comisión Delegada que será elixida e renovada por aquel en forma regulamentaria.
Artigo 14
O Consello de Comunidades Galegas elaborará anualmente unha Memoria na que se dará conta da aplicación efectiva da presente Lei e suxerirá á Xunta de Galicia as medidas convenientes para o mellor cumprimento dos seus fins.
Artigo 15
Como servicio dependente da Xunta de Galicia créase o Rexistro de Comunidades Galegas asentadas fóra de Galicia que será público e terá por obxecto a inscrición, e no seu caso, a anotación do nome, estatutos e os órganos rectores daquelas, así como das modificacións que se produzan.
Disposición adicional
Para o cumprimento dos fins da presente Lei, establecerase unha partida específica nos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma.
Disposición derradeira
Autorízase á Xunta de Galicia para dicta-las normas de desenrolo regulamentario da presente Lei.
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 1983
Gerardo Fernández Albor
Presidente
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.