Comunicación do 8 de setembro de 1993, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia da modificación de diversos artigos do vixente Regulamento do Parlamento de Galicia

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 182 21/09/1993
Departamento: Parlamento de Galicia
Estado: En vigor

Artigos modificados do Regulamento do Parlamento de Galicia

Artigo primeiro

Modifícanse os artigos 15, 16.2, 21.4ª, 40.2, 44.1.3º, 47.1, 50, 51, 75.5, 78.2, 114.2, 120 e 130.1 do Regulamento do Parlamento de Galicia, que quedan redactados da seguinte forma:

Artigo 15

1.- Os deputados estarán obrigados a efectuar declaración notarial dos seus bens patrimoniais e daquelas actividades que lles proporcionen ou poidan proporcionar ingresos económicos.

2.- A declaración deberá formularse inicialmente como requisito para a adquisición da condición plena de deputado e así mesmo no prazo dos trinta días naturais seguintes á perda da dita condición. Para tales efectos a Cámara establecerá un modelo de declaración ó que necesariamente se axustará a mesma.

3.- As declaracións sobre actividades e bens inscribiranse no Rexistro de Intereses constituído na Cámara baixo a dependencia directa do presidente, e ó seu contido poderá accederse logo de autorización do mesmo, oída a Mesa da Cámara, e logo de solicitude debidamente xustificada, con excepción do referido ós bens patrimoniais, que en ningún caso estarán máis ca á disposición da Comisión do Estatuto dos Deputados.

Tamén se inscribirán neste Rexistro as resolucións do Pleno en materia de incompatibilidades e cantos outros datos sobre actividades dos deputados sexan remitidos pola Comisión do Estatuto dos Deputados e non consten previamente no mesmo.

Artigo 16

2.- A Comisión do Estatuto dos Deputados elevaralle ó Pleno as súas propostas sobre a situación de incompatibilidade de cada deputado no prazo dos vinte días seguintes, contados a partir da plena asunción polo mesmo da condición de deputado ou da comunicación, que obrigatoriamente deberá realizar, de calquera alteración na declaración formulada para efectos de incompatibilidades. Para estes fins, remitiránselle desde o Rexistro de Intereses á Comisión do Estatuto dos Deputados a copia das declaracións de actividades e as súas modificacións.

Artigo 21

4.-Por renuncia expresa do deputado, perante a Mesa do Parlamento ou, en caso de imposibilidade física, perante notario, que lle remitirá o correspondente testemuño á Mesa.

Artigo 40

2.- Os grupos parlamentarios poden substituír un ou varios dos seus membros adscritos a unha Comisión, por outro ou outros do mesmo grupo, logo de comunicación por escrito ó presidente do Parlamento. Se a susbtitución fose só para un determinado asunto, debate ou sesión, a comunicación faráselle verbalmente ou por escrito ó presidente da Comisión, quen admitirá como membro da mesma, indistintamente, o substituto ou o substituído.

Así mesmo poderán ser eventualmente substituídos o vicepresidente ou o secretario dunha Comisión por outros membros do mesmo grupo parlamentario, comunicándollo así ó presidente da Comisión verbalmente.

Artigo 44

1.3º.- Solicita-la presencia de funcionarios, autoridades e particulares.

Artigo 47

1.- A Comisión do Estatuto dos Deputados estará composta por un membro de cada un dos grupos parlamentarios. Terá un presidente, un vicepresidente e un secretario, e adoptará as súas resolucións mediante o voto ponderado de cada un dos seus membros.

Artigo 50

Son comisións non permanentes as que se crean para unha función especial ou un traballo concreto.

Extínguense ó finaliza-lo seu obxecto e, en todo caso, ó concluí-la lexislatura. Poden ser especiais ou de investigación, e os seus acordos, resolucións ou propostas adoptaranse mediante o voto ponderado, incluída a elección da correspondente Mesa, salvo cando a representación de cada grupo parlamentario na Comisión garde a proporcionalidade existente no Pleno.

Artigo 51

A creación de comisións especiais e o seu eventual carácter mixto ou conxunto respecto doutras xa existentes poderá acordala a Mesa do Parlamento por iniciativa propia, de dous grupos parlamentarios ou da quinta parte dos deputados membros da Cámara, e logo de audiencia da Xunta de Portavoces.

Artigo 75

5.- Os membros da Xunta de Galicia poderán intervir, sempre que o solicitasen, ó longo dos debates para matizar ou esclarecer feítos ou fixa-la postura do Goberno. Estas intervencións non reabrirán o debate, sen prexuício da réplica específica que poderá exercela oposición e da dúplica a cargo do Goberno.

Artigo 78

2.- Dentro do marco establecido no presente Regulamento, o presidente ten as facultades de ordena-los debates e as votacións, acumulando asuntos, incrementando ou diminuíndo o tempo das intervencións, ponderando para isto a importancia dun asunto e as circunstancias concorrentes.

Artigo 114

2.- O debate de totalidade desenvolverase con suxeición ó establecido neste Regulamento para os deste carácter, se ben unha vez defendidas tódalas emendas, e como regra xeral, se establecerá unha rolda a favor e outra en contra sobre as mesmas, e unha rolda de portavoces para os grupos non emendantes.

Artigo 120

1.-O debate no Pleno comezará pola presentación que do dictame da Comisión faga o presidente da mesma ou un deputado en quen delegue, por un tempo de dez minutos.

A continuación os grupos parlamentarios dispoñerán sucesivamente dunha rolda de quince minutos para explica-la súa posición sobre o dictame da Comisión e, se é o caso, defende-las emendas e os votos particulares non incorporados ó mesmo e que oportunamente reservasen.

O debate pecharase con outra rolda de cinco minutos para que sucesivamente os grupos se definan sobre as emendas e os votos particulares defendidos polos demais.

2.- A Presidencia da Cámara someterá a votación as emendas e os votos particulares mantidos, e incorporaranse ó texto os que resulten aprobados.

3.- Durante o debate a Presidencia poderá admitir emendas que teñan por finalidade reparar erros ou incorreccións técnicas, terminolóxicas ou gramaticais. Só se poderán admitir a trámite as emendas de transacción entre as xa presentadas e o texto do dictame, cando se formulen por escrito e ningún grupo parlamentario se opoña á súa admisión. En todo caso, esta comportará a retirada das emendas respecto das que se transaccionen.

4.-Finalmente a Presidencia someterá a votación o dictame da Comisión coas emendas e cos votos particulares que fosen incorporados.

Artigo 130

1.- O debate de totalidade do Proxecto de lei de presupostos será único, acumulándose no mesmo tanto as emendas que postulen a súa devolución global coma a de calquera sección ou centro xestor de gastos. Para a súa defensa, os grupos que as formulasen dispoñerán dun tempo proporcional entre trinta e corenta e cinco minutos. Só estas emendas terán efectos devolutivos para o proxecto.

A seguir debateranse as emendas que afecten á contía global dos estados dos presupostos ou que transfiran créditos entre seccións. Para a súa defensa cada grupo parlamentario dispoñerá dun tempo proporcional entre quince e trinta minutos.

Disposición derrogatoria

Única.-

Quedan derrogados os artigos do Regulamento do Parlamento de Galicia e, se é o caso, os apartados ou parágrafos dos mesmos modificados pola presente lei, sen prexuício da súa vixencia intertemporal ata a entrada en vigor da mesma.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 1993.

Victorino Núñez Rodríguez

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver