Orde do 27 de febreiro de 2012 pola que se crea o Rexistro electrónico de plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o seu procedemento

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 050 12/03/2012
Departamento: Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Estado: En vigor
As referencias feitas ao Decreto 171/2010, do 1 de outubro, entenderanse referidas ao Decreto 172/2022, do 6 de outubro, polo que se aproba o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección e polo que se fixa o contido desas medidas.

O Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia, sinala no seu artigo 5 que se creará o Rexistro de plans de autoprotección. Así mesmo, di que o rexistro ten como finalidade o establecemento dunha base de datos sobre o contido dos plans de autoprotección, á cal poderán acceder os servizos de emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de ampliar a información sobre os centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias que facilite e optimice as súas posibles intervencións en caso de sinistro.

Os titulares das actividades e dos centros e instalacións públicos e privados que se determinan no catálogo de actividades deberán solicitar a inscrición do Plan de autoprotección con carácter previo ao inicio da súa actividade ou á modificación do exercicio da xa autorizada, e deberán utilizar a aplicación electrónica habilitada para tales efectos, mediante sinatura electrónica, isto último segundo o disposto no artigo 15 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, salvo que acrediten motivadamente que non concorren neles os supostos do artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Neste caso, está xustificada a obrigatoriedade do rexistro electrónico, xa que os interesados se corresponden con persoas xurídicas e colectivos de persoas físicas que, por razón da súa capacidade económica ou técnica, dedicación profesional, teñen garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos. Adicionalmente, no caso de que estes profesionais ou establecementos non tivesen acceso a medios telemáticos, poderían acudir ás oficinas de rexistro da Xunta de Galicia onde se dispón de terminais que permiten o acceso á aplicación.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece no seu título IV as condicións que se terán en conta para regular os plans de autoprotección en Galicia, coa previsión dun desenvolvemento regulamentario posterior deste tipo de plans.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Esta orde ten por obxecto crear o Rexistro electrónico de plans de autoprotección, que dependerá da dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de protección civil e regular o seu procedemento.

Artigo 2.

A inscrición neste rexistro é obrigatoria para todos centros, establecementos e instalacións dedicados a actividades que se determinan no catálogo de actividades, recollido no anexo I do Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia. As non incluídas no devandito catálogo poderán, así mesmo, inscribirse no rexistro con carácter voluntario.

Artigo 3.

Tanto o catálogo de actividades, como o contido mínimo do plan de autoprotección, o certificado da implantación do plan de autoprotección e o contido mínimo do rexistro de datos dos centros, lugares ou establecementos onde sexa habitual a concentración de persoas, se recollen no Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo de que se poida requirir a presentación doutra documentación que se considere oportuna.

Artigo 4.

1. Os/as titulares de centros, establecementos e instalacións dedicados ás actividades que se determinan no catálogo de actividades recollido no anexo I do Decreto 171/2010,do 1 de outubro, deberán solicitar a inscrición no Rexistro de plans de autoprotección con carácter previo ao inicio da súa actividade ou á modificación do exercicio da xa autorizada.

2. As solicitudes de inscrición no rexistro presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 5.

1. A solicitude de inscrición no Rexistro de plans de autoprotección componse dos datos recollidos no formulario do anexo I da presente orde e dos documentos que deben acompañala. O formulario (de inscrición, modificación de datos ou baixa) incorpora os datos relativos ao centro, establecemento ou evento en que se realiza a actividade exercida que determina a inscrición no Rexistro, datos das persoas responsables da dirección do plan, e da dirección do plan de actuación en emerxencias, e da persoa redactora do plan, así como datos relativos á actividade exercida, contorno, accesibilidade, datos estruturais, focos de perigo e vulnerabilidades e instalacións técnicas de protección contra incendios.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Certificado de implantación.

– Declaración responsable da persoa redactora en que ela mesma declara a súa habilitación e capacitación, consonte o artigo 2.2 do Decreto 171/2010, do 1 de outubro.

– Declaración da persoa titular da actividade, ou da persoa que exerza a súa representación legal, de que se entregou o documento ante o órgano que outorga a licenza, permiso ou autorización determinante para a explotación ou inicio da actividade.

– Plano de descrición dos accesos ao centro.

– Plano de elementos vulnerables.

– Plano de focos de perigo.

– Plano de localización e contorno do centro.

– Taxas administrativas devindicadas pola inscrición no rexistro, código da taxa 30.02.00, de ser o caso.

– Acreditación da representación legal, se for o caso.

Artigo 6.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9.

Unha vez revisada a solicitude de inscrición, co contido recollido no artigo 5 e os documentos que se deben achegar coa solicitude, o órgano encargado do Rexistro requirirá o interesado para que no prazo de dez días hábiles, a partir do día seguinte á recepción da notificación, emende as deficiencias detectadas, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste na súa petición.

Artigo 10.

De conformidade coa Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exencións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, para facer efectivo o rexistro do plan, os/as titulares de centros, establecementos e instalacións dedicados ás actividades que se determinan no catálogo de actividades recollido no anexo I do Decreto 171/2010, terán que formalizar o pagamento de taxas por inscrición en rexistros oficiais. (código 30.02.00).

Artigo 11.

Recibida correctamente a solicitude de inscrición e os documentos pertinentes, o órgano responsable do rexistro ditará resolución de inscrición no Rexistro de plans de autoprotección, asignando o número de inscrición correspondente. A resolución pola que se acorde a inscrición deberá notificarse no prazo máximo de tres meses contado desde a data de entrada da solicitude no Rexistro. Transcorrido o devandito prazo, o/a interesado/a poderá entender estimada a súa solicitude.

Artigo 12.

Para todo o non previsto nesta orde aplicarase o previsto na Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia; na Norma básica de autoprotección establecida polo Real decreto 393/2007, do 23 de marzo (modificado polo Real decreto 1468/2008, do 5 de setembro); na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, no Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia, e no Decreto 129/2016, do 15 de setembro, polo que se regula a atención á cidadanía no sector público autonómico de Galicia, e na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, así como no resto da normativa que resulte de aplicación.

Artigo 13.

Calquera modificación que afecte os datos que figuren inscritos no Rexistro deberá ser notificada no prazo de tres meses desde que se produza. A solicitude de modificación de datos realizarase presentando por medios electrónicos o anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14.

Finalizada a actividade obxecto de inscrición no rexistro, o/a titular debe solicitar a baixa da inscrición no Rexistro de plans de autoprotección no prazo máximo de tres meses desde o cesamento da actividade. No caso de producirse modificacións na actividade que supoñan a súa exclusión do ámbito de aplicación do Decreto 171/2010, do 1 de outubro, disporá do prazo de tres meses para solicitar a baixa no Rexistro de plans de autoprotección. A solicitude de baixa da inscrición realizarase presentando por medios electrónicos o anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15.

Unha vez recibida a solicitude de modificación ou baixa, o órgano responsable do Rexistro ditará resolución en que a estime ou desestime, segundo proceda, debendo notificarse no prazo máximo de tres meses contado desde a data de entrada da solicitude.

Artigo 16.

O Rexistro de plans de autoprotección é un rexistro público, polo que o dereito de acceso aos datos contidos nel se rexerá polo establecido na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e o resto do ordenamento xurídico. Sen prexuízo diso, terán acceso telemático ao seu contido os concellos respecto de centros e establecementos situados no seu territorio, ou eventos que se desenvolvan nel, servizos públicos competentes en materia de atención de emerxencias e outros órganos administrativos con competencias que afecten a autoprotección.

Disposición adicional primeira. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición, poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira.

Con base no establecido na disposición derradeira segunda do devandito Decreto 171/2010, do 1 de outubro, autorízase a persoa titular da consellería con competencia en materia de protección civil para realizar os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver