Resolución do 24 de novembro de 2020 pola que se dispón a publicación da modificación do Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 238 25/11/2020
Departamento: Parlamento de Galicia
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

A Mesa do Parlamento, na reunión do día 23 de novembro de 2020, ao abeiro do disposto no artigo 30.1.2 do Regulamento do Parlamento de Galicia, acordou modificar o Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia.

Ordénase a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia, do 23 de novembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia

O Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia (DOG núm. 87, do 7 de maio de 2018, e núm. 36, do 20 de febreiro de 2019) dispón, no artigo 30.3, relativo ás subvencións públicas que se concedan, que a contía que se subvencione non será superior ao 80 % dos gastos realizados.

Ante a emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus SARSCoV- 2 (COVID-19), que está a xerar unha crise sen precedentes que afecta todos os sectores e individuos, ademais de no eido sanitario, no ámbito económico e social, as distintas administracións, organismos e institucións, nacionais e internacionais, tiveron que adoptar medidas drásticas e urxentes para a prevención e loita contra esta pandemia e outras complementarias para afrontar as necesidades das persoas en situación de risco social e en situación de vulnerabilidade, incrementada por mor desta situación.

En consecuencia, considérase preciso introducir unha excepción ás subvencións públicas que se tramiten dirixidas á atención desta emerxencia social.

Polo exposto, a Mesa do Parlamento de Galicia, en sesión do 23 de novembro de 2020, ao abeiro do disposto no artigo 30.1.2 do Regulamento do Parlamento de Galicia,

dispón:

Artigo único. Modificación do Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia

Introdúcese unha disposición adicional no Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia do seguinte teor:

«Disposición adicional

O estipulado no artigo 30.3 deste regulamento exceptúase, con carácter puntual, para as subvencións públicas que poida conceder o Parlamento de Galicia de cara a afrontar a situación de emerxencia social derivada da COVID-19, de xeito que poderán alcanzar o 100 % dos gastos subvencionables, sempre que exista dotación orzamentaria».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta modificación publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2020

Miguel Ángel Santalices Vieira

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver