Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 114 13/06/2008
Departamento: Consello da Xunta
Estado: Parcialmente derrogada

A disposición derradeira primeira da Lei 13/2007, do 27 de xullo, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, autorizou o Goberno galego para que, no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor da devandita lei, aprobase un decreto lexislativo que contivese un texto único en que se recollese a Lei 4/1988, do 26 de maio, e as sucesivas modificacións realizadas a esta.

Esta autorización non incluía a facultade de regularizar, aclarar e harmonizar os textos legais que debían ser refundidos.

En uso da dita autorización redactouse o correspondente texto refundido, en que se incorporan ao texto inicial da Lei 4/1988 as modificacións sufridas por esta desde a súa entrada en vigor, así como algunhas actualizacións terminolóxicas e correccións gramaticais que non inciden no fondo da disposición.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 10.1º a) do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, e no artigo 4.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trece de marzo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.

De conformidade coa disposición derradeira primeira da Lei 13/2007, do 27 de xullo, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, apróbase o texto refundido da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que se insire a continuación.

Disposición adicional

Remisións normativas á Lei 4/1988.

As remisións e referencias normativas á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, entenderanse feitas, no sucesivo, ao texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

Este decreto lexislativo e o texto refundido que se aproba entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan a este decreto lexislativo e, en particular, as seguintes:

1. A Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

2. A Lei 4/1991, do 8 de marzo, de reforma da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

3. A Lei 8/1992, do 24 de xullo, pola que se modifica o artigo 33 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, sobre a obrigatoriedade de acreditar o coñecemento da lingua galega nas probas selectivas para o acceso á función pública de Galicia.

4. A disposición adicional primeira da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais.

5. A disposición adicional quinta da Lei 1/1994, do 30 de marzo, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 1994.

6. A Lei 3/1995, do 10 de abril, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

7. As disposicións adicionais novena e décima da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

8. Os artigos 7 e 8 da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión.

9. O artigo 10 da Lei 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública e xestión.

10. Os artigos 9, 10, 11, 12, 13 e 14 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

11. Os artigos 6, 7, 8, 9, 10, 11 e 12 da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo.

12. Os artigos 6, 7, 8, 9, 10, 11 e 12 da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo.

13. Os artigos 7, 8, 9, 10, 11 e 12 da Lei 9/2003, do 23 de decembro, de medidas tributarias e administrativas.

14. A disposición adicional segunda da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

15. Os números un, tres, catro, cinco, seis, sete, oito, nove, dez, once, doce e dezaseis da disposición adicional segunda da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

16. A Lei 13/2007, do 27 de xullo, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de marzo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Texto refundido da Lei da función pública de Galicia

TÍTULO I OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN

TÍTULO II PERSOAL AO SERVIZO DA ADMINISTRACIÓN DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

TÍTULO III ÓRGANOS DA FUNCIÓN PÚBLICA

TÍTULO IV ORGANIZACIÓN DA FUNCIÓN PÚBLICA

CAPÍTULO I CORPOS DE PERSOAL FUNCIONARIO

CAPÍTULO II O REXISTRO DE PERSOAL

CAPÍTULO III RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO, PROVISIÓN, PLANS DE EMPREGO E OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO

CAPÍTULO IV O ACCESO Á FUNCIÓN PÚBLICA

CAPÍTULO V MOBILIDADE DO PERSOAL FUNCIONARIO DAS DIVERSAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

TÍTULO V REXIME XURÍDICO DA FUNCIÓN PÚBLICA

CAPÍTULO I ADQUISICIÓN E PERDA DA CONDICIÓN DE FUNCIONARIA OU FUNCIONARIO

CAPÍTULO II SITUACIÓNS ADMINISTRATIVAS

CAPÍTULO III A CARREIRA ADMINISTRATIVA

CAPÍTULO IV RÉXIME RETRIBUTIVO

CAPÍTULO V LICENZAS, VACACIÓNS E PERMISOS

CAPÍTULO VI SEGURIDADE

Disposición transitoria

Oitava.

1. O persoal transferido polo Estado, tanto en réxime de contratación administrativa como interino, e o persoal interino seleccionado a través das oportunas probas convocadas pola Xunta, así como os contratados administrativos en situación de expectativa de acceso á función pública conforme o Decreto 57/1983, do 6 de abril, que estivesen en activo no momento de entrada en vigor da Lei 4/1988, e o que estivese ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia o 1 de maio de 1990, poderá acceder á condición de persoal funcionario mediante a participación e superación dun concurso-oposición libre, e na súa convocatoria deberanse respectar os criterios de mérito e capacidade e nel valoraranse os servizos efectivos prestados.

2. O persoal que non supere a devandita proba selectiva terá dereito á valoración dos servizos prestados noutras dúas convocatorias consecutivas e a continuar prestando servizos na Administración autonómica mentres non se realicen, mantendo a súa situación xurídica anterior. Tal situación non condicionará a consideración de vacante do posto de traballo que viñese desempeñando.

3. O persoal funcionario de carreira da Administración autonómica que reúna os requisitos necesarios poderá participar igualmente nas mesmas probas valorándoselle os servizos prestados e outros méritos.

Esta disposición mantén a súa vixencia exclusivamente no que se refire á aplicación destas para o acceso á escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, do corpo facultativo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Novena.

1. A puntuación obtida na valoración dos servizos prestados por todo o persoal a que se refiren as disposicións transitorias novena e décima en ningún caso poderá exceder o 45% da máxima acadable nas probas selectivas correspondentes, a razón do 0,75% por mes de servizos, e será aplicable de conformidade co establecido na disposición transitoria sétima, parágrafo 2.

2. A) O persoal interino e contratado administrativo que non supere o concurso-oposición nas tres convocatorias permanecerá prestando servizo na Administración autonómica coa condición de laboral fixo a extinguir e quedará na mesma localidade sempre que nesta exista vacante.

B) Ao devandito persoal e mais aos laborais que accedan á condición de persoal funcionario seranlles recoñecidos, para os efectos de trienios e antigüidade, os servizos prestados con anterioridade en calquera Administración pública.

C) O propio persoal, ao superar as probas selectivas, accederá á condición de persoal funcionario en postos base dentro do grupo en que se integre.

Para estes efectos, e sen prexuízo do establecido no artigo 29.3º desta lei, con posterioridade á realización da primeira proba de acceso, convocarase un concurso interno de traslados en que se ofertarán todas as vacantes.

3. Para evitar unha mobilidade contraria aos intereses do servizo en canto non se resolva o concurso a que alude a alínea anterior, o persoal que acceda á condición de persoal funcionario, así como o que se manteña na situación de interino ou a que corresponda a teor do establecido na disposición transitoria oitava, parágrafo 2º, continuará prestando servizo na mesma localidade e no mesmo posto en que o viña facendo.

Esta disposición mantén a súa vixencia exclusivamente no que se refire á aplicación destas para o acceso á escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, do corpo facultativo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décima.

O réxime previsto na disposición transitoria sétima seralle de aplicación ao persoal a que se refire a transitoria cuarta desta lei.

A non-superación do concurso-oposición nas tres convocatorias preceptuadas na devandita lei determinará a vinculación laboral fixa do devandito persoal coa Administración pesqueira galega nos termos do número 3 da propia disposición sétima.

Esta disposición mantén a súa vixencia exclusivamente no que se refire á aplicación destas para o acceso á escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, do corpo facultativo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo cuarta.

Dentro do marco das medidas de redución da temporalidade e co obxecto de aumentar a estabilidade no emprego público na Administración xeral da Xunta de Galicia, a comunidade autónoma galega desenvolverá, por unha soa vez por praza, un proceso selectivo de carácter extraordinario para a substitución de emprego interino ou temporal por emprego fixo.

Seralles aplicable a estes procesos o disposto no artigo 63º.2 desta lei.

O proceso afectará aquelas prazas que estean cubertas, interina ou temporalmente, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005 e que continúen, temporal ou interinamente, cubertas no momento da convocatoria.

As prazas que no momento da entrada en vigor desta disposición estean na situación prevista no parágrafo anterior reservaranse para a súa oferta nos procesos extraordinarios que se realicen.

Os procesos selectivos respectarán, en todo caso, os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade e efectuaranse polo sistema de concurso-oposición aberto.

O contido das probas gardará relación cos procedementos, as tarefas e as funcións habituais dos postos obxecto de cada convocatoria. Na fase de concurso poderanse valorar, entre outros méritos, o tempo de servizos prestados nas administracións públicas e a experiencia nos postos de traballo obxecto da convocatoria.

A valoración de méritos das persoas que superasen a fase de oposición só poderá outorgar unha puntuación proporcionada, que non determinará por si mesma o resultado do proceso selectivo.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver