Lei 6/1983, do 22 de xuño, de limitacións da propiedade nas estradas non estatais de Galicia

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 088 19/07/1983
Departamento: Parlamento de Galicia
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións
Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 94, do 28 de xullo de 1983.

A Constitución española, no seu artigo 148, sinala que as Comunidades Autónomas poderán asumir competencias en materia de estradas o itinerario das cales se desenrole integramente no seu territorio.

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 27 apartado 8, atribúe á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de estradas non incorporadas á rede do Estado e o itinerano das cales se desenrole integramente no territorio da Comunidade Autónoma.

De acordo co establecido no artigo 37 apartado 2 do Estatuto de Autonomía de Galicia, corresponde ó Parlamento da Comunidade Autónoma exerce-la potestade lexislativa nas materias da súa competencia exclusiva.

En consecuencia, é estrictamente legal plantexa-la vixente Lei que modifica determinados artigos da Lei de Estradas actualmente vixente.

A Lei de Estradas do 19 de decembro de 1974 quedou desfasada en moitos aspectos, en parte debido ó seu plantexamento inicial que trataba simplemente de actualiza-la normativa fragmentaria e dispersa existente na época, poñendo ó día o ordenamento administrativo, como sinala moi acertadamente a súa exposición de motivos, e en parte pola aparición posterior de Leis que, como a do Solo, entraban en clara contradicción con algúns dos seus plantexamentos.

Hai xa tempo que, recollendo todo o anterior, se vén plantexando a necesidade de modifica-la vixente Lei de Estradas.

Pero non é soamente o anterior, senón que aínda hai máis consideracións que obrigan a realiza-la devandita modificación.

A Lei de Estradas de 1974 non contempla os rasgos diferenciados que teñen Comunidades coma a nosa. Non é posible da-lo mesmo tratamento a un territorio con 31.000 núcleos de poboación, o cincuenta por cento dos núcleos españois, situados ó longo das súas vías de comunicación, ca a outros dos que as súas características son radicalmente distintas.

As competencias exclusivas da Comunidade Autónoma en materia de estradas, unidas ás de ordenación do territorio e urbanismo, permiten enfoca-lo tema dunha maneira global, compatibilizando e actualizando a lexislación existente, co fin de logra-lo máis conveniente para os intereses de Galicia, sen por iso menoscaba-los intereses xerais do Estado.

Nesta liña de actuación, plantéxase como unha necesidade ineludible, a adaptación da Lexislación do Solo en Galicia, así como unha nova Lei de Estradas da Comunidade Autónoma, que permita recoller tódalas necesidades sentidas, harmonizando ámbalas dúas lexislacións e empatándoas ó feito diferencial que constitúe a nosa Comunidade Autónoma.

A presente Lei serve unicamente de punto de partida de todo iso e plantexa unha modificación que era preciso realizar urxentemente.

Nos Presupostos da Comunidade Autónoma para 1982, aprobados polo Parlamento Galego, contémplase a realización inmediata dun Plan de Estradas da Comunidade Autónoma. O devandito Plan, clasificará en tres redes ás estradas non incorporadas á rede do Estado e o itinerario das cales se desenrola integramente no territorio da Comunidade Autónoma. En cada unha destas categorías de estradas, establécese unha distancia de edificación adaptada ás características do noso territorio, diferente da que ata a data fixaba a Lei de Estradas vixente.

Estas novas distancias, deben ser establecidas na Lei de Estradas da Comunidade Autónoma á que se aludiu anteriormente. Non obstante, e dada a transcendencia que para Galicia ten o problema, parece razoable non esperar a que se aprobe a nova Lei, condicionada en parte pola aprobación previa de adaptación da Lei do Solo en Galicia, para establece-las distancias de edificación que terán que rexer nas estradas de competencia autonómica.

Iso permitirá ademais, unha vez aprobado o Plan de Estradas da Comunidade Autónoma, aplicar de forma inmediata as novas distancias.

Polas devanditas razóns o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, no nome de El-Rei, a Lei de Limitacións da Propiedade nas Estradas non Estatais de Galicia.

Artigo 1

A presente Lei será aplicable a tódalas estradas o itinerario das cales discorra polo territorio da Comunidade Autónoma, agás as incorporadas á rede do Estado.

Artigo 2

Ós efectos desta Lei, clasificaranse as estradas, independentemente da súa titularidade, en tres redes que se denominarán:

— Rede Primaria

— Rede Secundaria

— Rede Terciaria

A determinación de cada unha destas redes e as súas características, establecerase a través da Lei do Plan de Estradas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3

1. Defínese como zona de circulación da estrada a constituída pola calzada e as beiras da mesma.

2. A zona de dominio público da estrada consiste nos terreos ocupados por esta, os seus elementos funcionais e unha franxa de terreo de dous metros de anchura, a cada lado daquela, medidos en horizontal e perpendicularmente ó eixo da mesma, desde a aresta exterior da explanación.

A aresta exterior da explanación é a intersección do talude de desmonte, de terraplén ou, no seu caso, dos paramentos exteriores das obras de fábrica e as súas cimentacións, co terreo natural.

Nos casos especiais de pontes, viaductos, túneles, estructuras ou obras semellantes poderase fixar como aresta exterior da explanación a liña de proxección vertical do borde das obras sobre o terreo. Será en todo caso de dominio público o terreo ocupado polos soportes da estructura e as súas cimentacións.

Artigo 4

A zona de servidume da estrada consistirá en dúas franxas de terreo a ámbolos lados da mesma, delimitadas interiormente pola zona de dominio público definida no artigo anterior e exteriormente por dúas liñas paralelas ó límite exterior da devandita zona, a unha distancia de 4 metros, medidos en horizontal e perpendicularmente ó eixo da estrada.

Artigo 5

Na Rede Primaria, a liña de edificación situarase a 15,50 metros do eixo de trazado da calzada máis próxima, medidos en horizontal a partir do citado eixo e perpendicularmente ó mesmo. Nas Redes Secundarias e Terciarias, esta distancia será de 13,50 metros e 10 metros respectivamente.

Ós efectos do establecido nesta Lei, enténdese por edificación toda obra de tipo permanente, coa excepción dos cerres diáfanos.

Disposición derradeira

No prazo dun ano desde a aprobación da presente Lei, a Xunta de Galicia, a proposta da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas, remitirá ó Parlamento de Galicia o Proxecto de Lei do Plan de Estradas da Comunidade Autónoma.

Disposición transitoria primeira

A definición de zona de dominio público nas estradas actualmente existentes non afecta ás titularidades de dominio actuais dos bens que resultasen comprendidos na mesma pero implica xenericamente, a declaración de utilidade pública.

Disposición transitoria segunda

En tanto non sexa redactado e aprobado o Plan de Estradas da Comunidade Autónoma, rexerá para tódalas estradas incluídas no ámbito de aplicación desta Lei no que se refire á liña de edificación, a distancia establecida para a Rede Primaria.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 1983

Gerardo Fernández Albor

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver