Lei 2/1983, do 15 de abril, para o incremento dos tipos de tasas de cuantía fixa
NORMA CONSOLIDADA
A Lei Orgánica de Financiación das Comunidades Autónomas no seu artigo 7 determina que as tasas de propia creación e que as tasas inherentes ós servicios transferidos teñen a consideración de Tributos propios das Comunidades Autónomas.
Pola súa parte, o Estatuto de Autonomía para Galicia, aprobado por Lei Orgánica n.º 1/1981, do 6 de abril, no artigo 44, ó enumera-los recursos que constitúen a Facenda da Comunidade Autónoma, recolle no n.º 4 o rendemento das súas propias tasas sexan de propia creación ou como consecuencia do traspaso de servicios estatais.
Por outra banda, o artigo 51.a) do Estatuto establece a reserva legal para a creación, modificación e supresión dos seus propios impostos, tasas e contribucións especiais.
A necesidade de financiar adecuadamente os servicios transferidos fai aconsellable incrementa-los tipos das tasas fixas para adecualos ós custos crecentes nos que a Administración Autónoma ha de incorrer para a prestación do servicio.
A Administración do Estado e por idénticas razóns incrementou os tipos das tasas vixentes a partir do 1 de xaneiro de 1983, segundo se desprende do artigo 21 do Real Decreto Lei 24/1982, do 29 de decembro, de medidas urxentes en materia presupostaria, financeira e tributaria.
Ademais, razóns de necesaria homoxeneidade dos tipos das tasas dentro da Comunidade fan aconsellable, igualmente, o incremento dos tipos vixentes para que non se produzan desfases inconvenientes entre estas e as que poidan asumirse cos servicios que se transfiran ó longo de 1983 que, como consecuencia da recente disposición dictada pola Administración Central, terían uns tipos superiores ós que se viñan aplicando na Autonomía.
Este derradeiro argumento aconsella, ademais, que o incremento non difira do adoptado polo Estado sen perxuício de que, unha vez finalizado o proceso de transferencias, se aborde unitariamente a política de tasas que pareza máis conveniente.
Polas devanditas razóns, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, veño en promulgar, en nome de El-Rei, a Lei para o incremento dos tipos de tasas de cuantía fixa.
Artigo 1
Os tipos das tasas e exaccións parafiscais inherentes ós servicios transferidos ata o 31 de decembro de 1982 elévanse ás cuantías previstas no artigo 21 do Real Decreto Lei 24/1982, do 29 de decembro, de medidas urxentes en materia presupostaria, financeira e tributaria.
Artigo 2
Ata tanto non se aproben os Presupostos da Comunidade Autónoma para 1983, a Xunta de Galicia queda autorizada para adecua-lo tipo das tasas e exaccións parafiscais dos servicios que teña transferidos, no caso de que o Estado proceda durante ese período a unha medida similar á adoptada polo Real Decreto Lei 24/1982, do 29 de decembro.
Disposición final
A presente Lei entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de abril de 1983
Gerardo Fernández Albor
Presidente
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.