Lei 5/1983, do 30 de xuño, de sanidade escolar
NORMA CONSOLIDADA
1
O Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia ten o firme propósito de potenciar ó máximo a defensa integral da saúde, individual e colectiva, mediante plans de acción conducentes ó seu fomento, mantemento, protección e restablecemento.
A saúde, entendida como componente esencial do benestar e non só como ausencia de enfermidade, é un dereito humano fundamental, e o logro do máis alto grado posible de saúde é un obxectivo prioritario, sanitario e social. A promoción da saúde conduce ó desenrolo e ó progreso humano e social, á vez que estes conducen á saúde e ó benestar, determinando e aumentando todo iso a esperanza e calidade de vida: vivir máis e con maior benestar.
A importancia da Sanidade Escolar dentro do ámbito da acción sanitaria en xeral vén dada tanto pola ampla porcentaxe de poboación que abrangue, coma polas particularidades do período de idade que abarca, caracterizado principalmente polo crecemento e o desenrolo físico, mental e social. Esta circunstancia fai necesaria unha especial vixilancia médico-psico-pedagóxica para proporcionar ó escolar un crecemento e desenrolo harmónico integral.
O artigo 33.1 do Estatuto de Autonomía para Galicia atribúe a esta Comunidade Autónoma competencia para o desenrolo lexislativo e a execución da Lexislación Básica do Estado en materia de Sanidade Interior, consecuente co cal pretende a presente Lei desenrola- la Base 14 da Lei de Sanidade Nacional do 25 de novembro de 1944, artigo 36, apartado h) e 11) da Lei Orgánica 5/1980, do 19 de xullo, e regular aqueles aspectos non contemplados no Decreto 2347/1978, do 25 de agosto, do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social.
As actuacións realizadas polo Goberno Galego no exercicio das competencias transferidas nesta materia polo artigo 33 apartado e) do Real Decreto 1634/80, do 31 de xullo, en fase preautonómica e consolidadas polo Real Decreto 1706/82, do 24 de xullo de 1982, en fase autonómica, permitiron detectar unha serie de anomalías no eido concreto da Sanidade Escolar, ben por falta de coordinación dos distintos servicios, ben pola carencia de recursos económicos suficientes para solucionar toda a complexa problemática sanitaria que aquel sector implica, e que se intenta corrixir coa presente Lei.
Fíxanse no texto, como obxectivos fundamentais, a protección e promoción da saúde dos escolares mediante a Educación Sanitaria, os Exames de Saúde e as Prácticas de Medicina Preventiva aconsellables en cada caso, todo isto complementado mediante a necesaria formación permanente en materia de Sanidade Escolar do persoal sanitario e docente e a investigación neste eido.
2
O control sanitario proporcionado á comunidade escolar por medio dos Exames de Saúde favorecerá o descubrimento e identificación, o máis precozmente posible, de defectos, anomalías ou deficiencias que, debido ó seu diagnóstico temperán, terán as máximas posibilidades de curación ou mellora, que poderá realizarse, na maioría dos casos, dentro do marco da medicina ambulatoria, diminuíndo así os gastos hospitalarios e facendo, en consecuencia, unha medicina máis racional, eficaz e económica.
Os Exames de Saúde, para que poidan cumprir estes obxectivos, deben ser realizados con técnicas sinxelas que estean ó alcance dun equipo de medicina primaria e sexan aceptables e atractivos para os nenos, pais e mestres.
Na exploración dos escolares deberán cubrirse, como mínimo, os seguintes aspectos:
a) Control do crecemento e do estado nutricional.
b) Control do desenrolo e a maduración puberal.
c) Identificación de malformacións, defectos e anomalías corporais, detectables por unha exploración física convencional.
d) Identificación de enfermidades de especial significación epidemiolóxica en Galicia (raquitismo e bocio endémico, entre outras).
e) Identificación de anomalías e defectos da visión e audición.
f) Identificación de alteracións e deficiencias mentais, psico-emocionais, sociais, da aprendizaxe e pedagóxicas.
Independentemente do diagnóstico de anomalías individuais, realizaranse accións para a prevención colectiva de enfermidades evitables e, de forma especial, mediante a actuación nos seguintes eidos:
a) Prevención da caries e outras anomalías bucodentais.
b) Prevención de enfermidades transmisibles.
c) Prevención de enfermidades carenciais (bocio e raquitismo principalmente).
d) Prevención de enfermidades que comenzan na infancia e que orixinan na idade adulta unha alta taxa de morbilidade e mortalidade, tales como a arterioesclerose, enfermidade cardiovascular, hipertensión, obesidade e cáncer.
e) Prevención do tabaquismo, dedicando especial atención a non permitir fumar nas áreas onde desenrolan as súas actividades os escolares, tendo en conta a acción nociva do fume do tabaco para o fumador indirecto, así como a necesidade de non fomentar, mediante o exemplo, un hábito hixiénico negativo.
f) Prevención do alcoholismo e outras drogodependencias.
g) Prevención de accidentes.
h) Planificación nutricional no comedor escolar.
i) Identificación das aptitudes e capacidades para a actividade deportiva e a educación física.
j) Apoio médico-psico-pedagóxico a nenos con enfermidades crónicas e limitacións físicas, psíquicas e sensoriais.
O contacto de adultos cos nenos é sempre un medio potencial de transmisión de enfermidades ou perturbacións do estado psico-emocional do neno polo que se fai esixible, dentro dos obxectivos da presente Lei, un control periódico da saúde física, psíquica e sensorial dos mestres. Así mesmo, o persoal auxiliar e especialmente o que traballa nos comedores escolares debe estar sometido ós controis de saúde a teor da lexislación vixente.
A escola é, despois do domicilio, o lugar onde o neno pasa a maior parte do seu tempo. En consecuencia, as aulas, o mobiliario, o comedor escolar, os espacios recreativos e deportivos, o entorno da escola, así como o transporte escolar poden ser elementos adversos para a saúde e o benestar do neno. Por tanto, estableceranse accións, normas e recomendacións sobre estes aspectos para converter así a escola nun medio de promoción de saúde e benestar infantil.
3
A Educación Sanitaria é unha das accións máis útiles e eficaces para a promoción, protección e restauración da saúde. É indubidable que a Escola, cos grupos humanos implicados nela (escolares, mestres, familia e sociedade) resulta o lugar máis idóneo para o desenrolo desta importante actividade que debe abranguer, como mínimo, os seguintes aspectos:
a) Educación sanitaria dos escolares para o desenrolo de actividades e a creación de hábitos hixiénicos positivos.
b) Información ó persoal docente sobre temas de interés sanitario.
c) Educación Sanitaria dirixida ó persoal non docente e familias dos escolares.
4
Tendo sempre presente que o dereito ó maior grado de saúde que sexa posible acadar está recoñecido na nosa Constitución para tódolos cidadáns, á marxe de calquera circunstancia persoal, declárase como principio fundamental que a acción pública de Sanidade Escolar debe ser gratuíta para tódolos escolares galegos, independentemente do centro onde cursen os seus estudios, correspondendo a súa financiación ós Poderes Públicos.
5
A transcendencia dos fins da Sanidade Escolar esixe unha mobilización de efectivos do sector público, mediante unha vertebración que afecta ás Consellerías de Sanidade e de Educación e ós órganos dependentes de ambas, de forma moi especial ós Sanitarios Titulares, Directores dos Centros docentes e os órganos colexiados dos mesmos, sen esquece-la importante colaboración dos Concellos.
A Sanidade Escolar, ó igual cás demais actividades sanitarias, terá en conta criterios de comarcalización e especialmente o Mapa Sanitario elaborado pola Consellería de Sanidade, e realizarase en colaboración cos restantes servicios da Administración implicados na consecución dos obxectivos daquela.
6
Finalmente e como garantía última do cumprimento da Lei declárase o principio de responsabilidade para o transgresor das normas contidas na mesma.
Polas devanditas razóns, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de Sanidade Escolar.
Capítulo I Ámbito de aplicación da Lei e medidas xerais
Artigo 1
A presente Lei será de aplicación:
a) En tódolos centros docentes públicos e privados de Educación Preescolar, Educación Xeral Básica, Educación Especial, B.U.P. e Formación Profesional existentes en Galicia.
b) Os alumnos dos centros citados, así como os pais, tutores ou persoas responsables, e os Directores, profesores e persoal non docente daqueles centros.
c) Os edificios, instalacións, mobiliario, material e entorno dos centros existentes ou de nova creación, no que se refire ás condicións sanitarias que haberán de reunir.
Artigo 2
1. Os Médicos e Auxiliares Sanitarios dos cadros oficiais de Sanitarios Locais asumen, dentro da esfera das súas respectivas competencias, a responsabilidade do cumprimento das normas desta Lei, de acordo coas funcións que o Regulamento do Servicio Sanitario Local do 27 de novembro de 1953 e demais disposicións pertinentes lles asignan.
2. Así mesmo, os Veterinarios e Farmacéuticos titulares, e os Psicólogos afectos ós Centros locais e comarcais de saúde e ós Gabinetes de Orientación Escolar, realizarán as funcións concretas en materia de sanidade escolar que na presente Lei se especifican.
Artigo 3
1. Os Servicios de sanidade escolar desenrolarán preferentemente as seguintes funcións:
a) Exames de saúde periódicos da poboación escolar, profesores e persoal non docente dos centros. En todo caso os devanditos exames efecturanse con carácter ordinario ó comenzo do curso escolar.
b) Educación sanitaria.
c) Observación e vixilancia das alteracións da conducta dos escolares, das deficiencias do rendemento escolar e as súas causas, e das ausencias dos alumnos, todo isto baseándose nos datos proporcionados pola autoridade académica e conforme ás previsións desta Lei.
d) Accións dirixidas á prevención das enfermidades evitables no medio escolar, hixiene da alimentación, dietética e control sanitario dos comedores escolares, das súas instalacións e funcionamento, de conformidade co establecido na Orde do 24 de outubro de 1978, sobre vixilancia, control e inspección de comedores colectivos.
e) Control sanitario das actividades da Educación Física e do Deporte.
f) Análise e proposta de corrección das condicións sanitarias dos edificios e instalacións escolares así como informe preceptivo dos expedientes de adquisición de centros docentes, tendo en conta o seu entorno e ámbito social.
Capítulo II Actividades sanitarias
Sección 1.ª Actividades sanitarias en relación cos alumnos
Artigo 4
1. Ó comenzo da escolarización abrirase a tódolos alumnos suxeitos a esta Lei un expediente médico- escolar ó que se incorporarán:
a) A ficha de saúde familiar, que será cumprimentada polos pais ou tutores dos alumnos e na que se incluirán os antecedentes de interés relacionados cos estados de saúde, persoais e familiares. Regulamentariamente, establecerase pola Consellería de Sanidade o contido da información da ficha de saúde familiar.
b) O informe do médico ou servicio sanitario habitual do alumno sobre o seu estado, coas recomendacións, se as houber, sobre as medidas a adoptar no Centro Escolar en relación con aquel. Regulamentariamente establecerase pola Consellería de Sanidade o contido do informe médico do alumno. No caso de que o alumno non poida aportar informe médico, procederase a facerlle unha revisión inicial que suprirá a carencia do citado informe, previa autorización do pai ou tutor.
c) A cartilla de saúde infantil, coa ficha de vacunacións actualizada, que será presentada polos pais ou tutores para a súa transcrición ó expediente.
d) Os informes psicopedagóxicos do alumno facilitados polos profesores-tutores. Os Gabinetes Psicopedagóxicos ou, no seu caso, os Servicios de Orientación Escolar adscritos ás respectivas Inspeccións Técnicas de ensino elaborarán un modelo básico de informe psicopedagóxico.
2. Cando o Alumno cambie de centro, o seu expediente médico-escolar será remitido, en prego reservado, ó Director do novo centro.
Artigo 5
1. Os exames ordinarios de saúde efectuaranse obrigatoriamente ós alumnos de primeiro, quinto e oitavo de E.X.B. así como ós alumnos do último curso de B.U.P. e ós de segundo curso de Formación Profesional de Primeiro e Segundo Grado. Ningún alumno de novo ingreso poderá ser excluído do exame de saúde, pertenza ou non ós niveis establecidos no presente artigo.
2. Estes exames médicos deberán extenderse á idade preescolar na forma que regulamentariamente se estableza e, cando as circunstancias o aconsellen, a calquera alumno dos cursos non especificados anteriormente.
Artigo 6
Os exames médicos abranguerán tódolos aspectos comprendidos ó efecto na ficha médicoescolar que regulamentariamente se estableza.
As exploracións psicopedagóxicas levaranse a cabo a petición do profesor-tutor, previo informe favorable do Director, que dará coñecemento ó Consello de Dirección dos alumnos que, a xuício do profesor-tutor, necesiten a antedita exploración.
Artigo 7
1. Cando, como consecuencia dos resultados dos exames de saúde, ou por calquera outra circunstancia, se faga necesario levar a cabo un estudio médico complementario dun alumno, comunicarase ó pai ou tutor para a súa realización.
2. O informe médico do devandito estudio, que versará fundamentalmente sobre as posibles repercusións do ambiente escolar na saúde do neno, así como especiais coidados psicofísicos que poidan necesitar, entregarase á Dirección do Centro correspondente en forma reservada, que, á súa vez, poñerá en coñecemento do pai ou tutor do alumno unha copia do mesmo.
Artigo 8
1. Os pais ou tutores dos alumnos que falten a clase por enfermidades, accidente ou outra circunstancia análoga, estarán obrigados a comunicar esta situación ó profesor- tutor en modelo de impreso ó efecto.
2. Se o neno foi obxecto de asistencia médica, os pais ou tutores deberán aportar no momento da súa incorporación ó Centro escolar un informe médico co Diagnóstico, e no seu caso, as medidas sanitarias e psicopedagóxicas adoptadas ou que fose preciso adoptar. No caso de que pais ou tutores non fagan tal aportación, procederase a facer un exame médico extraordinario, se a circunstancia do caso o requirise, previa autorización do pai ou tutor.
3. Estas medidas serán especialmente rigorosas nos casos de procesos de posible contaxiosidade.
Artigo 9
Todo Centro docente deberá contar cos medios necesarios para poder prestar primeiros auxilios e asistencia de urxencia. A tales efectos, dispoñerán, como mínimo, do equipamento que regulamentariamente se determine.
Artigo 10
1. Tódolos Centros escolares regulados na presente Lei establecerán, de forma individualizada, un plan de actuacións para casos de emerxencia ou catástrofe no que se detallarán, para cada posible continxencia, a localización e identificación do persoal médico e sanitario en xeral, así como os posibles sistemas e medios de evacuación, e os centros asistenciais previstos para o traslado e tratamento dos alumnos que o precisen.
2. En colaboración cos servicios de Protección Civil establecerase un Plan de coordinación por comarcas dos distintos plans de actuación de cada un dos centros.
3. Os servicios de sanidade escolar comprobarán nas súas visitas ós centros docentes con motivo dos exames de saúde, ou cando o estimen conveniente, o cumprimento do disposto no artigo 9 e no párrafo 1 deste mesmo artigo 10 desta Lei. Da súa comprobación darán conta as Consellerías de Sanidade e Educación, ós efectos do previsto nas Leis en materia de sancións.
Sección 2.ª Actividades sanitarias en relación co Profesorado e resto do persoal dos centros docentes
Artigo 11
O Profesorado, ó incorporarse ás funcións docentes, aportará un informe médico sobre o seu estado de saúde e capacidade psicosensorial, que será revisado periodicamente. Regulamentariamente establecerá o contido mínimo do informe médico.
Artigo 12
O resto do persoal, non incluído no artigo anterior, aportará ó incorporarse ó centro e antes do desempeño das funcións do seu cargo un informe médico do seu estado de saúde, o contido mínimo do cal establecerase regulamentariamente, quedando obrigado, igualmente, a someterse ós recoñecementos periódicos que se establezan.
Artigo 13
O persoal de cociña e comedores escolares estará en posesión do carnet sanitario de Manipulador de Alimentos debendo cumpri- la normativa vixente sobre vixilancia, control e inspección sanitaria de comedores colectivos.
Estas normas serán aplicables igualmente ó profesorado que teña relación directa cos comedores escolares.
Artigo 14
O persoal docente ou non docente que cause baixa por accidente ou enfermidade transmisible deberá aportar no momento da súa incorporación ó centro informe médico sobre o seu estado.
Sección 3.ª Actividades sanitarias en relación cos edificios escolares, instalacións e material
Artigo 15
1. Ós efectos de asegura-lo cumprimento das normas sanitarias, os edificios e instalacións escolares serán recoñecidos polos servicios competentes da Consellería de Sanidade antes da súa posta en funcionamento.
2. Por razóns sanitarias, acoutaranse nos Centros espacios concretos para fumadores.
Capítulo III Educación sanitaria e prevención de enfermidades evitables
Sección 1.ª Educación sanitaria no medio escolar
Artigo 16
1. Corresponderá á Consellería de Educación, co contido técnico que determine a Consellería de Sanidade, a elaboración de programas formativos de educación sanitaria, dirixidos ós alumnos, pais e persoal docente e non docente dos centros, así como a súa inclusión nos programas de estudio.
2. A Consellería de Educación solicitará das federacións comarcais ou provinciais de Asociacións de Pais de Alumnos e dos respectivos Concellos unha relación dos temas de especial interés que xulguen oportuno que deban figurar nos anteditos Programas.
Sección 2.ª Accións relacionadas coa prevención de enfermidades evitables no medio escolar
Artigo 17
Serán obxecto de especial atención aquelas accións dirixidas á prevención de enfermidades evitables no medio escolar, tales como vacunacións recomendables, investigación e profilaxia de enfermidades transmisibles e prevención de afeccións de orixe alimentaria, entre outras, debendo o persoal do Centro apoia-la realización destas tarefas sanitarias e colaborar na súa programación e execución.
Capítulo IV Financiación
Artigo 18
A Comunidade Autónoma, mediante as oportunas dotacións presupostarias, extenderá a gratuidade da realización das actividades médico-escolares a tódolos centros a que se refire o artigo 1 desta Lei.
Esta gratuidade será efectiva sempre que os centros escolares empreguen os equipos dependentes da Consellería de Sanidade.
Os centros docentes que empreguen outros equipos médico-sanitarios sufragaranos ó seu cargo sen prexuício de quedaren sometidos ás normas contidas nesta Lei.
Capítulo V Organización
Sección 1.ª Organización e funcionamento dos servicios de sanidade
Artigo 19
Á Consellería de Sanidade corresponde a planificación, dirección, inspección, control e adopción de medidas para a execución das actividades relacionadas coa sanidade escolar, no ámbito territorial de Galicia, sen prexuício da necesaria coordinación con outros organismos e das facultades que corresponden á Administración Central.
Artigo 20
A Consellería de Sanidade estudiará tódalas propostas que, na prestación dos Servicios de Sanidade Escolar, lle fagan as Deputacións, Concellos, Federacións de Asociacións de Pais de Alumnos, Caixas de Aforro, a Cruz Vermella Española ou calquera outra Institución educativa ou sanitaria. Esta colaboración poderase articular a través de convenios.
Artigo 21
O Persoal sanitario adscrito ás funcións de sanidade escolar estará, no exercicio das mesmas, debidamente coordinado coas restantes estructuras sanitarias.
Sección 2.ª Persoal e medios para a realización das actividades de sanidade escolar
Artigo 22
Os Médicos, Auxiliares Sanitarios Titulares e Psicólogos realizarán as funcións a eles encomendadas nos artigos 3, 5, 6 e 17 desta Lei dentro do seu ámbito territorial. As unidades móbiles da Consellería de Sanidade contribuirán cando sexa necesario a completa-lo estudio sanitario preciso.
Artigo 23
Os Veterinarios Titulares vixiarán os alimentos propios da súa competencia como tales nos comedores e cociñas escolares da súa circunscrición, e colaborarán dentro do ámbito da súa competencia nas accións de saneamento dos Centros escolares e do seu entorno. Así mesmo participarán nos equipos para a planificación nutricional e educación sanitaria.
Artigo 24
1. Os Farmacéuticos Titulares controlarán a auga de abastecemento dos Centros docentes correspondentes, vixiarán os alimentos propios da súa competencia como tales e participarán no resto do equipo sanitario na planificación nutricional e educación sanitaria.
2. Pola súa parte colaborarán nas accións de saneamento dos Centros escolares e do seu entorno así como nas funcións atribuídas ós Médicos no artigo 22, dentro do ámbito da súa competencia.
Artigo 25
Os Directores dos Centros docentes estatais e non estatais están obrigados a:
a) Aseguraren a realización dos exames de saúde e demais actividades sanitarias proporcionando, a tales efectos, espacios dignos e suficientes onde aqueles poidan ser realizados.
b) Comprobaren o cumprimento por parte do persoal docente e non docente das súas obrigas en relación co disposto nesta Lei.
c) Faceren cumpri-las prescricións sanitarias específicas relativas a comedores escolares, custodiando o Libro de Visitas de inspección de comedores colectivos previsto na Orde do 24 de outubro de 1978 sobre vixilancia, control e inspección de comedores colectivos.
d) Vixiaren a cumprimentación da documentación sanitaria prevista nesta Lei e o seu arquivo coa debida reserva.
Artigo 26
Regulamentariamente determinarase a colaboración das Asociacións de Pais de Alumnos e dos órganos colexiados de cada Centro para a consecución dos intereses sanitarios protexidos pola presente Lei.
Artigo 27
Cando como consecuencia da comarcalización das actividades docentes, algún municipio careza de Centros escolares, os Sanitarios Titulares destes municipios integraranse nos equipos de sanidade escolar dos Centros ós que acudan os escolares da súa demarcación territorial. Pola súa parte, os Concellos implicados colaborarán nos programas e tarefas de Sanidade Escolar daqueles Centros.
Artigo 28
A fin de unificar e homologa-las actividades sanitarias, en tódolos Centros docentes utilizarase documentación normalizada axustada a criterios que permitan o seu ulterior procesamento.
A Consellería de Sanidade elaborará un banco de datos coa finalidade de confeccionar un informe anual que inclúa un diagnóstico da saúde da poboación escolar.
Capítulo VI Responsabilidades e sancións
Artigo 29
A Consellería de Sanidade incoará, ou no seu caso propoñerá ó órgano competente, os oportunos expedientes ó obxecto de establece- las responsabilidades en que puideran incorre-las persoas a quen a presente Lei obriga, con imposición de sancións con suxección á normativa vixente.
Disposición derradeira primeira
A Xunta de Galicia dictará as disposicións necesarias para o desenrolo desta Lei.
Disposición derradeira segunda
A Consellería de Sanidade dotará dos medios persoais e materiais necesarios para garantiza- lo efectivo cumprimento desta Lei. A este fin, cubrirá as necesidades de persoal Sanitario, Psicopedagóxico e Auxiliar a que fai referencia o artigo 2.2 da presente Lei, articulándose a súa estructura e funcionamento de conformidade coa futura planificación sanitaria de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 1983
Gerardo Fernández Albor
Presidente
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.