Lei 7/1985, do 17 de xullo, de caixas de aforro galegas
NORMA CONSOLIDADA
Inclúe a corrrección de erros publicada no DOG núm. 156, do 16 de agosto de 1985.
As Caixas de Aforro galegas constitúen unha parte importante dentro do sistema financeiro de Galicia non só polo enraizamento que tradicionalmente conseguiron na sociedade galega, senón tamén pola súa activa presencia nas áreas económicas, sociais e culturais, sen esquece-lo servicio que viñeron prestando ó disperso aforrador galego e ós nosos emigrantes e o seu considerable volume dentro do conxunto crediticio privado.
Todo isto vese favorecido pola presencia nos órganos de decisión dos representantes dos sectores máis significativos, baixo a tutela dos poderes públicos, tutela que, non obstante a súa transcendencia, se exerceu cun tratamento normativo disperso que, arrincando de 1933, resultou pouco axeitado á evolución e importancia que estas institucións de aforro tiveron.
A Constitución Española deseñou unha organización territorial do Estado que permite potencia-la natural vinculación destas institucións á nosa Comunidade. Neste sentido, o Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 30.5, outórgalle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de caixas de aforro, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado.
De todo o antedito despréndese a conveniencia de dispoñer dun marco xeral de relacións entre a Comunidade Autónoma e as Caixas de Aforro galegas que, ó tempo que facilita a consecución dos obxectivos antes sinalados, sexa respetuoso coa súa vocación tradicional.
De acordo con tales principios, a presente Lei culmina o proceso de desenvolvemento do marco competencial autonómico iniciado co Decreto 77/83, do 21 de abril, e mais disposicións citadas para o seu desenvolvemento, permitindo incorporar ó mesmo a experiencia obtida na etapa anterior.
Unha Lei destas características debe contemplar necesariamente non só aspectos relacionados coa representación nos órganos de goberno e as súas funcións, senón tamén todos aqueles que son igualmente imprescindibles para o bo funcionamento destas institucións.
Por todo o cal, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do devandito Estatuto e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de Caixas de Aforro galegas.
Título I Disposicións xerais
Capítulo I Principios xerais
Artigo 1
1. Esta Lei será de aplicación ás Caixas de Aforro con domicilio social en Galicia.
2. A acción do Goberno da Comunidade Autónoma, no marco das bases e da ordenación da actividade económica xeral e da política monetaria do Estado, levarase a cabo baixo os seguintes principios:
a) Estimular tódalas accións lexítimas das institucións de aforro encamiñadas a mellora-lo nivel socio-económico de Galicia.
b) Vixia-lo cumprimento por parte das Caixas da súa función económico-social, sinalando unha adecuada política de administración e de inversión do aforro privado.
c) Velar pola independencia das Caixas de Aforro e defende-lo seu prestixio e estabilidade.
Artigo 2
1. Ós efectos desta Lei entenderase por Caixa de Aforros, con ou sen monte de piedade, a institución financeira con carácter social e de natureza fundacional sen ánimo de lucro, non dependente doutra empresa e adicada á administración e xestión dos depósitos que lle teñen confiados, prestando o seu servicio á comunidade baixo o protectorado público exercido polo Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Consellería de Economía e Facenda.
2. Tódalas Caixas de Aforro con domicilio social en Galicia, calquera que sexa a persoa fundadora, o organismo ou corporación que as patrocine, terán a mesma natureza xurídica e os mesmos dereitos e obrigas, así como idéntica consideración por parte do Goberno da Comunidade Autónoma.
Artigo 3
1. O obxecto propio das Caixas será o fomento do aforro e a realización das operacións económicas e financeiras permitidas polas leis.
2. Os excedentes líquidos destas operacións adicaranse á constitución de reservas, a estimula-lo aforro e á realización de inversións e obras benéfico-sociais, preferentemente en Galicia, conforme ás bases da lexislación sobre a materia e seguindo as indicacións do Goberno da Comunidade Autónoma.
Artigo 4
As Caixas de Aforros realizarán obra benéfico-social propia e en colaboración con outras institucións públicas ou privadas e incluso entre varias Caixas.
A Xunta de Galicia realizará un labor de orientación en materia de obra benéfico-social, indicando as principais necesidades e prioridades, respetando tamén a liberdade de cada Caixa en canto á elección dos destinos concretos da inversión.
Capítulo II Réxime xurídico
Artigo 5
Correspóndelle á Xunta de Galicia concede-la autorización para a creación de novas Caixas de Aforro, co cumprimento previo da normativa básica vixente. A estes efectos presentarase perante a Consellería de Economía e Facenda a documentación que regulamentariamente se sinale.
Artigo 6
1. A constitución de novas Caixas de Aforro en Galicia deberá facerse mediante escritura pública na que se fará consta-lo seguinte:
a) As circunstancias persoais das persoas físicas, corporacións ou entidades fundadoras.
b) A vontade de constituír unha Caixa de Aforros con sumisión ás disposicións vixentes.
c) Os estatutos que regularán o funcionamento da futura Caixa.
d) A dotación inicial, coa descrición dos bens e dereitos que a integren, o seu título de propiedade, as cargas, se as houbese, e o carácter da aportación.
2. Se a vontade fundacional estivese recollida en testamento será executada polas persoas designadas polo fundador, as cales outorgarán a escritura pública de fundación completando a mencionada vontade na forma prevista por esta Lei.
Artigo 7
1. Na escritura fundacional indicaranse as persoas que constituirán o patronato inicial da fundación, e estas, na mesma escritura, nomearán un director xeral.
2. O patronato da fundación terá as funcións propias do Consello de Administración e aprobará os regulamentos internos da Caixa.
3. O patronato deberá inicia-lo proceso de constitución da primeira asamblea xeral nun prazo non superior a nove meses desde a iniciación da actividade da Caixa.
4. No primeiro Consello de Administración da Caixa, ademais dos vocais elixidos, figurarán con voz e voto os membros do patronato fundacional, que cesarán ós dous anos da constitución da primeira asamblea xeral, sen prexuício de que poidan ser elixidos como vocais.
5. O Director Xeral deberá ser ratificado polo primeiro Consello de Administración que se se constitúa.
Artigo 8
1. Corresponderalle á Consellería de Economía e Facenda a aprobación da escritura fundacional, dos estatutos e a admisión no Rexistro de Caixas de Aforro Galegas. Desde a inscrición a Caixa terá personalidade xurídica e poderá inicia-la súa actividade.
2. A inscrición é obrigatoria e só poderá ser denegada por incumprimento dos requisitos establecidos nesta Lei ou por notoria inadecuación ou insuficiencia da dotación fundacional ó obxecto e ás finalidades da institución.
3. As inscricións concedidas non serán transmisibles.
Artigo 9
1. Para as entidades con domicilio en Galicia as denominacións «Caixa de Aforros e Monte de Piedade» serán privativas das institucións inscritas no Rexistro de Caixas de Aforro Galegas.
2. Ningunha entidade ou empresa non inscrita utilizará na súa denominación marcas, rótulos, modelos, anuncios ou expresións que induzan a erro sobre a súa natureza.
Artigo 10
As absorcións e fusións das Caixas de Aforro con sede en Galicia deberán ser previamente autorizadas pola Consellería de Economía e Facenda e teranse en conta nestes casos as seguintes condicións:
a) Que a entidade absorbida ou as que desexen fusionarse non estean en liquidación.
b) Que non exista prexuício para as garantías dos impositores ou dos acreditados das caixas que se pretendan integrar.
Artigo 11
1. Os acordos de disolución e liquidación das Caixas de Aforro deberán ser ratificados pola Xunta de Galicia.
2. A adxudicación dos bens resultantes da liquidación axustarase ó disposto na Lei de Fundacións de Interés Galego.
3. Estas disposicións enténdense sen prexuício do que regulen as normas estatais sobre o fondo de garantía de depósitos. As institucións ou organismos competentes poderán establecer sistemas de colaboración no exercicio das respectivas competencias.
Artigo 12
1. Créase o Rexistro de Caixas de Aforro Galegas, no que deberán constar, na forma que regulamentariamente se determine:
a) A denominación da institución.
b) O domicilio social.
c) A data da escritura de fundación.
d) Corporación, entidade ou persoas fundadoras.
e) Estatutos e regulamentos da Caixa respectiva.
f) Autorización da admisión no Rexistro.
2. Para as Caixas constituídas antes da publicación da presente Lei o Rexistro recollerá os datos dos que se dispoña.
3. Inscribiranse tamén os acordos do Consello da Xunta e mais da Consellería de Economía e Facenda relativos á modificación de estatutos, absorción, fusión, disolución ou liquidación.
4. O Rexistro será público. Calquera persoa interesada poderá obter certificación gratuíta dos datos inscritos.
Artigo 13
Tódolos acordos do Consello da Xunta e da Consellería de Economía e Facenda ós que se refire este capítulo serán publicados no Diario Oficial de Galicia e comunicados ó Rexistro Especial de Caixas Xerais de Aforro.
Capítulo III Réxime económico
Artigo 14
1. No marco da política monetaria e das bases da ordenación do crédito do Estado, a Consellería de Economía e Facenda establecerá as inversións computables no coeficiente de inversión das Caixas de Aforro con domicilio social en Galicia.
2. A Consellería de Economía e Facenda poderá establecer regulamentariamente a autorización previa para determinadas inversións das Caixas de Aforro.
3. As Caixas de Aforro con domicilio social en Galicia poderán abrir oficinas no territorio da Comunidade Autónoma, de conformidade coas normas que dicte a Consellería de Economía e Facenda e con aquelas que lles sexan de aplicación.
Artigo 15
1. As Caixas destinarán a totalidade dos seus excedentes que non se apliquen a reservas á creación e mantemento de obras benéfico-sociais.
2. Correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda autoriza-los acordos aprobados pola asamblea xeral das Caixas de Aforro relativos á determinación dos excedentes e á súa distribución, conforme á normativa aplicable.
Artigo 16
1. As Caixas de Aforro están obrigadas a facilitarlle á Consellería de Economía e Facenda, na forma que regulamentariamente se determine, toda clase de información sobre a súa actividade e xestión.
2. Anualmente, as Caixas de Aforro redactarán unha memoria para explica-la súa actividade económica, administrativa e social. Esta memoria conterá necesariamente o balance e maila conta de resultados públicos a 31 de decembro.
3. Un exemplar da devandita memoria seralle remitido á Consellería de Economía e Facenda.
Artigo 17
1. As Caixas de Aforros deberán someter a auditoría externa os estados financeiros e as contas de resultados de cada exercicio, que remitirán á Consellería de Economía e Facenda.
2. A Consellería de Economía e Facenda poderá establece-lo alcance e o contido dos informes de auditoría.
Capítulo IV Réxime sancionador
Artigo 18
No marco das bases aprobadas polo Estado sobre ordenación do crédito e a banca, e de acordo coas directrices da Xunta de Galicia, a Consellería de Economía e Facenda exercerá as funcións de coordenación e de inspección das Caixas de Aforro domiciliadas en Galicia, sen prexuício das funcións que lle correspondan ó Banco de España.
Artigo 19
1. As Caixas de Aforros e as persoas que forman parte dos seus órganos de goberno incorrerán en responsabilidade disciplinaria polo incumprimento de disposicións relativas ós seguintes extremos:
a) Apertura de oficinas.
b) Distribución de excedentes e obra benéfico-social.
c) Inversións.
d) Remisión de balances, conta de resultados e estados complementarios.
e) Utilización impropia do nome da Caixa.
f) Calquera outro extremo regulado por normas de obrigado cumprimento.
2. Tamén incorrerán en responsabilidades as persoas ou entidades que, sen estaren inscritas como Caixas de Aforro ou montes de piedade no Rexistro Especial de Caixas Xerais de Aforro Popular, realicen operacións propias destas entidades ou utilicen denominación ou outros elementos identificativos, propagandísticos ou publicitarios que poidan prestarse a confusión coa actividade das Caixas de Aforro autorizadas.
Artigo 20
1. Nos supostos ós que se refire o artigo anterior, poderán ser aplicables as seguintes sancións:
a) Amonestación privada.
b) Amonestación comunicada ás restantes Caixas de Aforro galegas.
c) Multa de ata corenta millóns de pesetas.
d) Destitución dos órganos de Goberno.
e) Exclusión do Rexistro de Caixas de Aforro Galegas.
2. A imposición de calquera das sancións esixirá a previa incoación de expediente tramitado con audiencia dos interesados.
3. O procedemento e o réxime sancionador serán desenvolvidos regulamentariamente.
4. As sancións dos apartados a), b) e c) serán impostas pola Consellería de Economía e Facenda e as correspondentes ós apartados d) e e) imporaas o Consello da Xunta, todo iso sen prexuício da lexislación do Estado sobre o fondo de garantía de depósitos das Caixas de Aforro.
5. A Consellería de Economía e Facenda poderá sancionar, ademais de con multa de ata corenta millóns de pesetas, con inhabilitación ás persoas ou entidades ás que se refire o número 2 do artigo anterior.
Artigo 21
1. A suspensión dos órganos de goberno e da dirección das Caixas de Aforro e a intervención destas serán decretadas polo Consello da Xunta, a proposta da Consellería de Economía e Facenda ou do Banco de España, no seu caso, cando así o aconsellen situacións de grave irregularidade administrativa ou económica. Por motivos de urxencia poderá decretalas o Conselleiro de Economía e Facenda, o cal someterá o acordo á ratificación do Consello da Xunta.
2. Tamén poderá decretarse a intervención, logo de petición fundamentada dos órganos de goberno da propia Caixa de Aforros.
3. O acordo de intervención conterá as razóns e mailo alcance e limitacións do mesmo.
4. En caso de intervención os gastos causados por esta serán a cargo da Caixa afectada.
Título II Os órganos de goberno
Capítulo I Normas comúns
Artigo 22
A administración, xestión, representación e control das Caixas de Aforros correspóndelles ós seguintes órganos de goberno, coas competencias que para cada un deles se establecen na presente Lei:
a) Asamblea xeral.
b) Consello de Administración.
c) Comisión de control.
d) Director Xeral.
Artigo 23
1. Os órganos de Goberno enumerados no artigo anterior actuarán con carácter colexiado, no seu caso, e os seus membros desempeñarán as súas funcións, en todo caso, en beneficio exclusivo dos intereses da Caixa de Aforros á que pertenzan e os dos seus depositantes, con plena independencia de calquera outra que puidese afectalos.
2. O cargo de membro da asamblea xeral, de vocal do Consello de Administración e da Comisión de Control terá carácter honorífico e gratuíto e non poderá orixinar percepcións diferentes das dietas por asistencia e desprazamento autorizadas con carácter xeral polo Goberno da Comunidade Autónoma.
3. Os regulamentos de cada Caixa, de acordo coas normas legais que sexan de aplicación e as dos estatutos, fixarán os procedementos de elección dos membros que vaian integra-los órganos de goberno.
Artigo 24
1. Créase na Consellería de Economía e Facenda o Rexistro de Altos Cargos das Caixas de Aforros Galegas, no cal se inscribirán o nomeamento, reelección e cesamento dos membros do consello de administración, da comisión de control e do director xeral. As altas e as baixas deste rexistro serán notificadas ó Banco de España e poderá emitirse certificación a calquera persoa que xustifique o interés.
2. O Rexistro de Altos Cargos das Caixas de Aforro Galegas só terá carácter informativo, a non ser que o Goberno Autónomo dispoña outra cousa.
3. Os nomeamentos, cesamentos e reeleccións de membros do consello de administración e da comisión de control serán comunicados á Consellería de Economía e Facenda nun prazo non superior a quince días.
Artigo 25
1. De acordo coas disposicións desta Lei e das regulamentarias que se dicten para o seu desenvolvemento, os estatutos sociais das Caixas de Aforro deberán regula-lo funcionamento dos seus órganos de goberno, en particular:
a) Requisitos para a convocatoria ordinaria e extraordinaria da asamblea xeral, prazos e publicidade.
b) Quorum esixido en primeira e segunda convocatoria, e maiorías necesarias para a adopción de acordos.
c) Requisitos para a convocatoria das sesións do Consello de Administración e da Comisión de Control.
d) Regras para a renovación parcial dos membros dos órganos de goberno.
e) Previsións para cubri-las vacantes que se produzan nos órganos por remate do mandato dos seus membros ou calquera outra causa.
Capítulo II Da Asamblea Xeral
Artigo 26
1. A Asamblea Xeral é o órgano supremo de goberno e decisión das Caixas de Aforro. Os seus membros ostentarán a denominación de conselleiros xerais e representarán os intereses dos depositantes e os xerais no ámbito da súa actuación.
2. Os Estatutos de cada Caixa fixarán o número de conselleiros da asamblea xeral, entre un mínimo de sesenta e un máximo de cento sesenta conselleiros, que representarán os seguintes sectores:
a) Impositores.
b) Persoas, entidades ou corporacións fundadoras da Caixa.
c) Corporacións Locais.
d) Empregados da Caixa de Aforros.
e) Fundacións, asociacións ou corporacións de carácter cultural, científico, benéfico, cívico, económico ou profesional de recoñecido prestixio no ámbito territorial de actuación da Caixa, e personalidades de singular prestixio nas esferas mencionadas.
3. A Xunta de Galicia, a proposta das Caixas de Aforro, aprobará unha relación das entidades mencionadas na letra e) do número 2 anterior, de entre as que deberá nutrirse a representación que lle corresponda na Asamblea Xeral.
Artigo 27
A representación dos mencionados sectores distribuirase na forma que determinen os estatutos, dentro das porcentaxes que a seguir se establecen:
a) Entre un quince por cento e un vintecinco por cento do total dos conselleiros xerais serán elixidos en representación das corporacións locais dos ámbitos territoriais de actuación de cada Caixa. Ningún concello ou corporación poderá absorber máis do oitenta por cento dos conselleiros deste apartado.
b) Entre un vintecinco por cento e un trinta e cinco por cento serán elixidos en representación das corporacións, das entidades ou persoas fundadoras, das entidades de carácter cultural, científico, benéfico, cívico, económico ou profesional de recoñecido prestixio no ámbito territorial de actuación da Caixa e de personalidades de singular prestixio nas esferas mencionadas. De non existir entidade ou persoas fundadoras ou de non resultar posible a súa identificación, a representación deste apartado será do vintecinco por cento dos conselleiros xerais.
Poderase atribuír á entidade ou persoas fundadoras un máximo do setenta por cento dos conselleiros xerais deste apartado.
O número de personalidades de singular prestixio non poderá supera-lo vinte por cento dos conselleiros xerais deste apartado.
En ningún caso poderán nomearse máis de dous conselleiros xerais por entidade das previstas na letra e) do apartado 2 do artigo 26.
c) Entre un trinta por cento e un corenta por cento será elixido en representación dos impositores da Caixa.
d) O persoal fixo de plantilla da Caixa só poderá acceder a ser membro da Asamblea Xeral por esa condición. A súa representación directa fíxase entre un cinco e un quince por cento.
Artigo 28
Os Conselleiros Xerais deberán reuni-los seguintes requisitos:
a) Ser español, con domicilio na zona de actividade da Caixa.
b) Ser maior de idade e non estar incapacitado.
c) Os representantes dos impositores deberán te-la condición de depositantes con dous anos de antigüidade, como mínimo, e cun saldo medio en conta no exercicio precedente á súa elección non inferior á cifra que se determine estatutariamente. Se a elección se fai mediante compromisarios estes deberán reuni-las condicións sinaladas para os Conselleiros Xerais.
Artigo 29
Non poderán ostenta-lo cargo de Conselleiros xerais nin actuar como compromisarios:
a) Os quebrados e os concursados non rehabilitados, os condenados a penas que leven anexa a inhabilitación de cargos públicos e os que fosen sancionados por infraccións graves.
Considéranse infraccións graves:
a.1) As que leven aparellada pena privativa de liberdade.
a.2) As constitutivas de delito fiscal, as de contrabando de maior contía e as de evasión de capitais.
a.3) Calquera outra á que o ordenamento xurídico lle confira expresamente carácter grave apreciado polos tribunais ou órganos administrativos competentes.
b) Os que con anterioridade á nova designación ou durante o exercicio do cargo de conselleiro incorresen en incumprimento das súas obrigas coa Caixa con motivo de préstamos ou créditos ou por impagamento á mesma de débedas de calquera clase.
c) Os administradores ou membros de órganos de goberno de máis de catro sociedades anónimas. A estes efectos non se computarán os postos ostentados en consellos de administración de sociedades anónimas nas que os interesados, o seu cónxuxe, ascendentes ou descendentes, xuntos ou separadamente, sexan propietarios dun número de accións non inferior ó cuociente de dividi-lo capital social polo número de vocais do consello de administración. A mesma norma aplicarase ós casos de representación legal de menores, ausentes ou incapacitados. En calquera caso, o número total de consellos non será superior a oito.
d) Os Presidentes, Conselleiros xerais, Conselleiros, Administradores, Directores, Xerentes, asesores ou empregados doutros establecementos ou institucións de crédito de calquera clase, condición ou categoría ou de empresas dependentes dos mesmos ou da propia Caixa, e de corporacións ou entidades que propugnen, sosteñan ou garanticen institucións ou establecementos de crédito.
e) Os funcionarios ó servicio das administracións públicas con funcións ó seu cargo que se relacionen directamente coas actividades propias das Caixas de Aforro.
f) Os cargos públicos de designación política das Administracións Públicas e o presidente da entidade ou corporación fundadora da Caixa.
Artigo 30
Os Conselleiros Xerais non poderán estar ligados á Caixa de Aforros ou a sociedades nas que a mesma participe con máis do vintecinco por cento do capital, por contratos de obra, servicios, subministros ou traballos retribuídos, polo período en que ostente esta condición e nos dous anos seguintes, contados a partir do cesamento como Conselleiro, salvo a relación laboral, cando tal condición se ostente por representación directa do persoal da Caixa ou cando aquela característica fose anterior á súa designación como Conselleiro Xeral.
Artigo 31
1. O proceso electoral de Conselleiros Xerais efectuarase cada catro anos.
2. Os estatutos preverán a reelección se continuase cumprindo os requisitos establecidos para o seu nomeamento por dous períodos de catro anos cada un como máximo.
3. Tamén poderán prever fórmulas para a renovación parcial da asamblea.
4. Cando se trate de Conselleiros Xerais en representación directa dos impositores, as vacantes que entre os mesmos se produzan non se cubrirán ata que se proceda á nova elección xeral de compromisarios.
Artigo 32
1. Os Conselleiros Xerais cesarán no exercicio dos seus cargos nos seguintes supostos:
a) Por cumprirse o prazo para o que foron designados.
b) Por renuncia.
c) Por falecemento.
d) Por perda de calquera dos requisitos que condicionan a súa elixibilidade.
e) Por incorreren nalgunha das incompatibilidades reguladas nesta lei.
f) Por acordo de separación adoptado con causa xusta pola propia Asamblea Xeral. A estes efectos, entenderase que existe causa xusta cando o Conselleiro Xeral prexudique notoriamente coa súa actuación pública ou privada o crédito, bo nome ou actividade da Caixa.
2. O cese dos Conselleiros Xerais non afectará á distribución de postos no Consello de Administración.
Artigo 33
A Asamblea Xeral é o órgano supremo de goberno e decisión das Caixas de Aforro e, en especial, correspóndenlle as seguintes funcións:
a) O nomeamento dos vocais do Consello de Administración.
b) O nomeamento dos membros da Comisión de Control.
c) A apreciación das causas de separación e revocación dos membros dos órganos de goberno antes do cumprimento do seu mandato.
d) A aprobación e modificación dos estatutos e regulamentos.
e) A fusión, liquidación e disolución da Caixa.
f) A definición das liñas xerais do plan de actuación anual da Caixa, ós cales deberán someterse os restantes órganos de goberno.
g) A aprobación da xestión do consello de administración, memoria, balance anual e conta de resultados, así como a aplicación destes ós fins propios das Caixas de Aforro.
h) A creación de obra benéfico-social así como a aprobación e liquidación dos presupostos anuais para estes fins.
i) Calquera outro asunto que se someta á súa consideración polos órganos facultados ó efecto.
Artigo 34
1. A Asamblea Xeral deberá ser convocada polo consello de administración cunha antelación mínima de quince días, na forma que establezan os estatutos de cada institución. A convocatoria deberá expresar data, lugar de celebración e orde do día, así como a data e hora de reunión en segunda convocatoria e deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia e polo menos nun xornal de ampla circulación na zona de actuación da Caixa e no Boletín Oficial do Estado se a Caixa ten sucursais fóra de Galicia.
2. A Asamblea Xeral precisará, para a súa válida constitución, da asistencia da maioría dos seus membros, excepto nos supostos que contemplan os apartados c), d) e e) do artigo 33, nos cales se requirirá a asistencia das dúas terceiras partes.
3. Cada Conselleiro Xeral terá dereito a un voto e non o poderá delegar. Os acordos tomaranse por maioría simple, a non ser que os estatutos fixen outros requisitos superiores.
4. A Asamblea Xeral será presidida polo Presidente da Caixa ou, no seu caso, polos Vicepresidentes segundo orde, e, no seu defecto, polo vocal de maior idade do Consello de Administración que se atope presente. Actuará como Secretario o que o sexa do Consello de Administración.
5. Os acordos adoptados faranse constar en acta, que poderá ser aprobada ó término da súa reunión pola propia Asamblea, ou polo Presidente e dous Interventores designados na mesma, nun prazo máximo de quince días. Adevandita acta terá forza executiva a partir da data da súa aprobación.
Artigo 35
1. Con carácter obrigatorio, a Asamblea deberá ser convocada durante o primeiro semestre natural de cada exercicio, coa finalidade de someter á súa aprobación a memoria, o balance e maila conta de resultados, así como o proxecto de aplicación de excedentes, a dotación á obra benéfico-social e a renovación de cargos do Consello de Administración e da Comisión de Control.
2. Desde a data da convocatoria ata a da celebración, os Conselleiros Xerais poderán examinar na sede da entidade a documentación xustificativa da memoria, o balance e a conta de resultados, o informe da Comisión de Control e das auditorías realizadas.
Artigo 36
1. A Asamblea Xeral extraordinaria será convocada e celebrarase en igual forma cá ordinaria pero só poderá tratarse nela o obxecto para o que foi expresamente convocada.
2. O Consello de Administración convocará Asamblea Xeral sempre que o estime conveniente para os intereses sociais, podendo facelo tamén a petición dun tercio dos membros da propia Asamblea ou por acordo da comisión de control, cando se trate de materias de competencia desta. A petición deberá expresa-la orde do día da sesión.
3. En todo caso a convocatoria farase dentro do prazo de quince días a partir da presentación da petición, non podendo mediar máis de vinte días entre a data da convocatoria e a sinalada para a celebración da Asamblea.
Capítulo III Consello de Administración
Artigo 37
1. Correspóndelle ó Consello de Administración, como órgano delegado da Asamblea Xeral, o goberno, xestión, administración e representación da Caixa, con plenitude de facultades e sen máis limitacións cás expresamente reservadas á asamblea da entidade na presente Lei ou nos respectivos estatutos particulares.
2. A concesión de créditos, avais e garantías da Caixa ós vocais do Consello de Administración, ós membros da Comisión de Control, ó Director Xeral ou ós seus cónxuxes, ascendentes, descendentes, así como ás sociedades nas que as persoas mencionadas teñan participación que, illada ou conxuntamente, sexa maioritaria, deberá ser comunicada á Consellería de Economía e Facenda, que poderá prohibilos.
Artigo 38
1. O número de vocais do Consello será o que fixen os estatutos, sen que poida ser inferior a dez nin superior a vinteún.
2. A presencia no mesmo de grupos representados na asamblea deberá ser proporcional á establecida no artigo 27 da presente Lei.
No previsto no apartado a) do citado artigo 27 garantizarase como mínimo a presencia no Consello de Administración de dúas entidades.
No previsto no apartado b) do xa citado artigo 27 garantizarase igualmente a presencia no Consello de Administración de alomenos un representante das entidades non fundadoras e un representante para personalidades de singular prestixio. Igualmente o persoal fixo de plantilla da Caixa contará con un representante como mínimo. De resultaren fraccións sobrantes no prorrateo, despois de garantiza-los mínimos estipulados con anterioridade, estes acumularanse ós representantes que corresponden a personalidades de singular prestixio.
Artigo 39
1. Os vocais do Consello de Administración serán nominados pola Asamblea Xeral de entre os membros de cada sector de representación e a proposta da maioría do respectivo sector, do Consello de Administración ou dun vintecinco por cento de membros da Asamblea.
2. Os vocais do Consello de Administración estarán afectados por inelixibilidades idénticas ás establecidas para os conselleiros xerais.
3. A entidade fundadora, as Corporacións Locais ou as outras entidades representadas na Asamblea non poderán ter representación no Consello de Administración de máis de unha Caixa. Esta incompatibilidade afectará ás persoas que, como Conselleiros Xerais, fosen designadas en representación da respectiva corporación ou entidade.
Artigo 40
1. O mandato dos vocais do Consello de Administración non excederá de catro anos. Os estatutos preverán a posibilidade de reelección dentro dos límites establecidos no artigo 31.2, sempre que se cumpran as mesmas condicións, requisitos e trámites que para o nomeamento. A renovación farase parcialmente.
2. Os vocais do Consello de Administración cesarán no exercicio dos seus cargos polos mesmos supostos que se relacionan no artigo 32 para os Conselleiros Xerais.
Artigo 41
1. O Consello de Administración nomeará de entre os seus membros ó Presidente que, á vez, o será da entidade, e un ou máis Vicepresidentes, que o substituirán pola súa orde. Nomeará un Secretario. O Presidente, Vicepresidente e Secretario do Consello de Administración, serano así mesmo da Asamblea Xeral.
2. En caso de falta de acordo sobre o nomeamento de Presidente ou en ausencia deste e dos Vicepresidentes, convocará e presidirá as reunións e exercerá as funcións correspondentes o vocal de maior idade.
Artigo 42
1. O Consello reunirase tódalas veces que sexa necesario para a boa marcha da entidade e unha vez ó mes, como mínimo.
2. A convocatoria corresponderalle ó presidente, quen determinará os asuntos que deben figurar na orde do día, presidirá a sesión e dirixirá os debates e discusións.
3. O Presidente convocarao a iniciativa propia ou a petición dun tercio, como mínimo, dos membros do Consello. Neste suposto, a orde do día estará motivada polo obxecto da petición.
4. Os acordos adoptaranse por maioría dos conselleiros asistentes se os estatutos non esixen outra maioría. O Presidente poderá ter voto de calidade.
5. Ás reunións do Consello poderá asistir, con voz e voto, o Director Xeral da entidade, excepto para a toma de decisións que o afecten.
Artigo 43
O Consello de Administración poderá delegar facultades nunha ou máis comisións delegadas, entre as cales será obrigatoria a creación dunha comisión delegada da obra benéfico-social.
Capítulo IV A Comisión de Control
Artigo 44
1. Serán facultades da Comisión de Control:
a) Supervisa-la xestión do Consello de Administración, velando pola adecuación dos seus acordos ás directrices e resolucións da Asamblea Xeral, así como ós fins propios da entidade.
b) Vixia-lo correcto funcionamento da auditoría interna.
c) Coñece-los informes de auditoría externa e as recomendacións que formulan os auditores.
d) Revisa-lo balance e maila conta de resultados de cada exercicio anual, formulando as observacións que considere oportunas.
e) Elevar á Asamblea Xeral información da súa actuación unha vez ó ano, como mínimo.
f) Requirir do Presidente a convocatoria da asamblea xeral con carácter extraordinario cando o considere conveniente, polo menos, os dous tercios dos seus membros.
g) Controla-los procesos electorais de composición da Asamblea.
h) Coñecer e da-la súa opinión sobre os informes da comisión delegada da obra benéfico-social.
i) Calquera outra que lle atribúan os estatutos.
2. A Comisión de Control deberá informar inmediatamente das posibles irregularidades observadas en exercicio das súas funcións á Consellería de Economía e Facenda para que tome as medidas oportunas, sen prexuício das súas facultades de solicita-la convocatoria de asamblea xeral e a súa obriga de lle comunicar directamente ó Banco de España ou ó organismo estatal que corresponda as cuestións relacionadas coas competencias que lle son propias.
3. A Comisión de Control elaborará os informes que regulamentariamente se establezan, que serán remitidos á Consellería de Economía e Facenda.
Artigo 45
1. O número de membros da Comisión de Control fixarase como máximo en oito, elixidos pola Asamblea Xeral entre os seus membros que non ostenten a condición de vocais do Consello de Administración, debendo existir como mínimo na mesma representantes de Corporacións Locais, impositores, persoas ou entidades fundadoras, persoal da Caixa de Aforros e personalidades de singular prestixio, aplicando criterios de proporcionalidade en orde ós grupos que a integran.
2. De entre os seus membros, a Comisión elixirá un Presidente e mais un Secretario.
3. Para o cumprimento das súas funcións, a Comisión de Control reunirase tódalas veces que sexa convocada polo seu Presidente a iniciativa propia ou a petición dun tercio dos seus membros e, como mínimo, unha vez ó trimestre. No exercicio das súas funcións poderá obter do Consello de Administración e do Director Xeral os antecedentes e a información que considere necesarios.
4. O Director Xeral asistirá, con voz e sen voto, ás reunións da Comisión de Control.
Capítulo V O Director Xeral
Artigo 46
O Director Xeral executará os acordos do Consello de Administración e exercerá as outras funcións que os estatutos ou os regulamentos de cada entidade lle encomenden.
Artigo 47
1. O Director Xeral será designado polo Consello de Administración da Caixa entre as persoas con capacidade, preparación técnica e experiencia suficiente para realiza-las funcións do cargo.
2. O seu nomeamento deberá ser ratificado pola Asamblea Xeral e comunicado á Consellería de Economía e Facenda, a cal, nun prazo de trinta días, poderá exerce- lo dereito de veto, por falta de idoneidade da persoa designada.
3. Poderá ser removido do seu cargo:
a) Polo acordo da metade máis un, como mínimo, dos membros do Consello de Administración, ratificado pola Asamblea Xeral da Caixa.
b) En virtude de expediente disciplinario instruído pola Consellería de Economía e Facenda por propia iniciativa ou a proposta do Banco de España.
c) Por xubilación á idade que fixen os estatutos da Caixa.
4. O cesamento no cargo de director xeral non afectará, no seu caso, ós dereitos da súa relación laboral coa entidade.
Artigo 48
O exercicio do cargo de Director Xeral esixe adicación exclusiva, sen prexuício das actividades que exerza en representación da Caixa.
Título III Os órganos asociativos das Caixas de Aforro
Capítulo único Federación Galega de Caixas de Aforro
Artigo 49
As Caixas de Aforro con domicilio social en Galicia agruparanse nunha federación que terá personalidade xurídica, e coas seguintes finalidades:
a) Ostenta-la representación das Caixas perante os poderes públicos.
b) Procura-la captación, a defensa e a difusión do aforro e orienta-las inversións das Caixas de Aforro conforme ás normas xerais sobre inversión territorial.
b bis) Fomentar e promociona-las inversións na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Promover e coordena-la prestación de servicios técnicos e financeiros.
d) Planifica-la creación de obras benéfico-sociais e propoñerlle á Xunta de Galicia as inversións básicas ás que se refire o artigo 4 desta Lei.
Artigo 50
1. A Federación Galega de Caixas de Aforro estará rexida por unha Xunta de Goberno integrada por dous representantes de cada unha das Caixas Federadas con sede en Galicia, que serán os seus respectivos Presidente e Director Xeral. O Goberno da Comunidade Autónoma, a proposta da Consellería de Economía e Facenda, poderá ademais nomear un representante.
2. Os acordos serán vinculantes e tomaranse por maioría de votos presentes ou representados, na forma que determinen os estatutos, os cales poderán prever tamén a necesidade de voto unánime para determinadas materias. Os estatutos poderán preve-la emisión de votos ponderados.
Artigo 51
1. Os estatutos da Federación Galega de Caixas de Aforro serán aprobados pola Consellería de Economía e Facenda.
2. Os estatutos fundacionais da Federación Galega de Caixas de Aforro deberán ser propostos polas Caixas, logo de acordo que represente como mínimo a maioría de dous tercios dos seus depósitos de clientes referidos ó último balance anual cerrado.
Disposición adicional
A elección do Presidente do Consello de Administración recaerá forzosamente nun membro dun determinado grupo dos que integran a Asamblea Xeral cando as Caixas de Aforro así o teñan establecido nos seus estatutos á entrada en vigor da presente Lei e en tanto non sexan obxecto de modificación os citados estatutos neste aspecto concreto.
Disposición transitoria primeira
As Caixas de Aforro con domicilio social en Galicia e a Federación Galega de Caixas de Aforro deberán adapta-los seus estatutos ás disposicións desta Lei no prazo de seis meses, contados desde a entrada en vigor. Os citados estatutos deberán remitirse á Consellería de Economía e Facenda para a súa aprobación. Tamén procederán, dentro do mesmo prazo, á redacción do regulamento regulador do sistema de eleccións, que deberá ser aprobado pola citada Consellería.
Disposición transitoria segunda
Os actuais órganos de goberno e os seus respectivos membros manterán a plenitude das súas facultades ata a constitución dos novos órganos de goberno e adoptarán os acordos necesarios para a debida execución e cumprimento da presente Lei.
Disposición transitoria terceira
O proceso de designación dos Conselleiros Xerais, de acordo coas previsións desta Lei, deberá de iniciarse no prazo dun mes desde a data en que a Consellería de Economía e Facenda lle notifique á Caixa a aprobación dos estatutos e do regulamento regulador do sistema de eleccións.
Disposición transitoria cuarta
Durante un ano desde a constitución do novo Consello de Administración formarán parte do mesmo, conxuntamente cos novos vocais, a metade dos vocais do último Consello de Administración e, de entre eles, o Presidente e mailo Secretario, os cales continuarán no exercicio dos seus respectivos cargos. O resto dos vocais do antigo Consello de Administración que vaian continuar no cargo serán elixidos por sorteo dentro de cada grupo.
Disposición transitoria quinta
Para o exercicio das competencias e funcións reguladas pola presente Lei, e en tanto non se produza o correlativo traspaso de medios persoais, autorízase á Consellería de Economía e Facenda, dentro dos créditos presupostarios consignados ó efecto, para efectua-la contratación de persoal con preparación técnica e experiencia suficiente na materia, conforme ó Estatuto dos Traballadores, aprobado pola Lei 8/1980, do 10 de marzo, e disposicións complementarias.
Disposición final primeira
Autorízase á Xunta de Galicia para dicta-las disposicións que cumpran para a posta en vigor desta Lei.
Disposición final segunda
A presente Lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 1985
Gerardo Fernández Albor
Presidente
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.