Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 049 10/03/2000
Departamento: Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións
MODIFICACIÓNS

O moderno estado de dereito debe incorporar ó seu ordenamento xurídico a regulación das actuacións dos cidadáns que se agrupan para satisface-los intereses xerais, asumindo que a satisfacción destes deixou de ser considerada como unha responsabilidade exclusiva do Estado para converterse nunha tarefa compartida entre Estado e sociedade.

O Estado necesita da responsabilidade dos seus cidadáns e estes reclaman un papel cada vez máis activo na solución dos problemas que lles afectan.

A conciencia crecente desta responsabilidade social levou os cidadáns, ás veces individualmente, pero, sobre todo, por medio de organizacións baseadas na solidaridade e o altruísmo, a desenvolver un papel cada vez máis importante no deseño e execución de actuacións dirixidas á satisfacción do interese xeral e especialmente á erradicación de situacións de marxinación e á construcción dunha sociedade solidaria na que tódolos cidadáns gocen dunha calidade de vida digna.

A Constitución española, no seu artigo 48, sinala que os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de fomento da cultura en Galicia, nº 19, promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer, nº 22, e promoción do desenvolvemento comunitario, nº 24.

Polo Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, traspasáronse as funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, a dirección e xestión e, de se-lo caso, a titularidade das instalacións comprendidas na rede nacional de albergues xuvenís, residencias xuvenís, campamentos e campos de traballo. Estas competencias foron asumidas polo Decreto 146/1982, do 1 de decembro.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

A política xuvenil dos poderes públicos debe enmarcarse na promoción da participación libre da xuventude no desenvolvemento cultural, socio-económico e político da sociedade que sinala a Constitución.

Para lograr esta finalidade a Comunidade Autónoma dictou unha serie de disposicións destinadas a regula-los distintos ámbitos e sectores que conforman na sociedade actual o eido da xuventude e desenvolvemento comunitario; así sinalamos, no que a este decreto interesan, as seguintes disposicións:

1. Orde do 21 de marzo de 1991, pola que se dictan normas para a elaboración dun censo de entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude.

2. Decreto 313/1995, do 23 de novembro, modificado polo Decreto 381/1996, do 17 de outubro, polo que se regula o recoñecemento das escolas de tempo libre, se aproban os programas de formación que se van impartir e se establece a composición e funcionamento do órgano de dirección da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre.

3. Decreto 144/1996, do 17 de abril, modificado polo Decreto 276/1998, do 24 de setembro, polo que se crea a Comisión Interdepartamental de Xuventude.

4. Decreto 223/1996, do 30 de maio, polo que se regulan as actividades de aire libre dirixidas á xuventude no territorio da Comunidade galega.

5. Decreto 33/1997, do 13 de febreiro, polo que se regula o recoñecemento oficial e as condicións técnicas das instalacións xuvenís no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Decreto 243/1998, do 30 de xullo, polo que se regula a Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil.

Despréndese desta relación o espallamento e dispersión da normativa existente sobre esta materia. De aí que o obxecto da presente disposición é agrupar e refundir nun só texto normativo as diversas disposicións regulamentarias existentes nesta materia. Preténdese con este labor de racionalización normativa favorece-la seguridade xurídica do cidadán respecto á normativa aplicable a esta materia, ó mesmo tempo que se aspira a conseguir unha maior facilidade e axilidade á hora de manexa-los textos normativos.

Sistematicamente o decreto articúlase nun título preliminar e seis títulos máis, dúas disposicións adicionais, seis disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O título preliminar concrétase nunha disposición de carácter xeral, na que se sinala o obxecto do decreto especificando e describindo os distintos ámbitos obxecto da refundición.

O título I establece as condicións técnicas das instalacións xuvenís dando así fiel materialización á necesidade existente de regula-las características e condicións mínimas que deberán cumprir estas instalacións dedicadas á realización de actividades coa mocidade no ámbito de tempo libre, co fin de asegura-las adecuadas condicións hixiénico-sanitarias e de seguridade para os seus usuarios.

O título II vén integrado polas actividades de aire libre dirixidas á xuventude.

Na nosa comunidade a práctica da acampada é unha actividade habitual, como unha alternativa de lecer favorecida pola súa riqueza e diversidade paisaxística e ambiental. Por isto, ó longo de todo o ano e sobre todo nas épocas de vacacións, numerosos grupos de mozos e entidades dedicadas á educación e realización de actividades de tempo libre con mozos e mozas, desenvolven actividades fóra do seu lugar de residencia habitual e en contacto co medio natural, o que implica a pernoita en réxime de acampada e a execución dun programa de actividades, coa indubidable repercusión que ten desde o punto de vista ambiental, sanitario e turístico.

Co fin de velar pola calidade pedagóxica e pola seguridade dos participantes neste tipo de actividades ante calquera imprevisto, cómpre establecer neste título unha norma adaptada á realidade actual e ás repercusións propias de Galicia, que regule a práctica das actividades ó aire libre, de carácter non estable, de varios días de duración que impliquen pernoita en réxime de acampamento ou similar.

No título III articúlase a regulación dos programas de formación que se van impartir nas escolas de tempo libre. A extensión das actividades de ocupación do lecer e do tempo libre nos diferentes sectores e ámbitos que conforman a nosa sociedade actual esixe unha ampliación dos suxeitos destinatarios daquelas así como unha actualización dos programas de formación de monitores e directores de actividades de tempo libre.

O título IV do presente decreto vén integrado polo censo de entidades xuvenís e no que se aborda o proceso de informatización dos datos relativos ás organizacións xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude.

O título V regula a Comisión Interdepartamental de Xuventude que é o órgano colexiado a quen lle compete conseguir unha efectiva coordinación de programas e dos departamentos da Administración autonómica, nas súas actuacións en materia de xuventude

O título VI recolle a normativa que regula a Rede Galega de Documentación Xuvenil, configurada como servicio público que asegure unha boa distribución e espallamento da información e o acceso a unha información ampla, obxectiva e actualizada, como condición básica para garanti-la participación efectiva da xuventude na sociedade actual.

Por todo iso, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, logo de informe do Consello da Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil,

DISPOÑO:

TÍTULO PRELIMINAR Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Regúlanse por este decreto :

a) As características dos diferentes tipos de instalacións destinadas á mocidade para a realización de actividades no tempo libre no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para os efectos do inicio da súa actividade, logo de presentación dunha declaración responsable, nos termos establecidos no artigo 1 bis.

b) As actividades de aire libre, nas que participen xoves en número superior a nove, que non teñan carácter familiar, e inclúan na súa duración un mínimo de tres noites consecutivas.

c) A composición e funcionamento das escolas de tempo libre así como o contido dos programas de formación que se van impartir nelas.

d) O censo de entidades xuvenís, da Comisión Interdepartamental de Xuventude e Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil.

2. Para os efectos previstos neste decreto considérase xuventude a poboación residente na Comunidade Autónoma de Galicia de ata trinta anos.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 1 apartado 1 alínea a) nova redacción por artigo único apartado un.

Artigo 1 bis. Declaración responsable.

1. A prestación de servizos á xuventude, nos supostos de instalacións xuvenís, modificación substancial delas, actividades ao aire libre e escolas de tempo libre reguladas neste decreto, requirirá a presentación ante a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar dunha declaración responsable de inicio de actividade.

2. A declaración responsable de inicio de actividade constitúe un documento subscrito pola persoa prestadora do servizo, de acordo cos modelos normalizados que figuran nos anexos deste decreto, no cal declara baixo a súa responsabilidade:

a) Que dispón da totalidade da documentación exixida para o servizo que vai prestar, especificada no artigo correspondente deste decreto, en función da natureza do servizo.

b) Que, en función da natureza do servizo que vai prestar, cumpre coa totalidade dos requisitos e obrigas exixidos nos títulos I, II e III deste decreto para ese servizo.

c) Que se compromete a manter o cumprimento dos requisitos durante a vixencia da actividade.

3. De producirse un cambio na titularidade do servizo, a nova persoa titular deberá subscribir unha nova declaración responsable co mesmo contido que se detalla no punto segundo deste artigo. Esta nova declaración deberá presentarse nun prazo non superior a quince días dende que se produza o cambio de titularidade.

4. A presentación da declaración responsable habilitará, para os efectos previstos neste decreto e sen prexuízo doutras exixencias legais, para o exercicio da actividade dende o mesmo día da súa presentación, que poderá efectuarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, nos rexistros dos órganos territoriais ou en calquera dos rexistros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, tamén poderá presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es

5. Logo de presentar a declaración responsable, os órganos territoriais dependentes da consellería competente en materia de xuventude correspondentes procederán á súa verificación. A inexactitude, falsidade ou omisión de carácter esencial na documentación de que debe dispoñer e á que se refire a declaración responsable ou o incumprimento dos requisitos exixidos para a actividade de que se trate segundo o establecido no presente decreto, determinará a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade dende o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

O órgano territorial poñerá estes feitos en coñecemento da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que, á vista do informe presentado, poderá abrir un expediente informativo ao titular da instalación, que terá un prazo de 10 días para facer as alegacións e fornecer os elementos de xuízo que considere oportunos. Unha vez recibidos estes, o director xeral de Xuventude e Voluntariado poderá ordenar, mediante resolución motivada, o cesamento da actividade, temporal ou definitivamente, á vista do carácter e natureza esencial da documentación de que debe dispoñer e que é obxecto de falsidade, inexistencia ou inexactitude e do incumprimento dos requisitos exixidos para a actividade de que se trate.

Contra a citada resolución a persoa prestadora poderá interpoñer un recurso de alzada no prazo dun mes ante a persoa titular da consellería competente en materia de xuventude.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo engadido: Artigo 1 bis engadido por artigo único apartado dous.

TÍTULO I Instalacións xuvenís

Capítulo I Ámbito de aplicación e clases

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

O obxecto deste título é regular as características e os requisitos mínimos que deberán cumprir os diferentes tipos de instalacións destinadas á mocidade para a realización de actividades no tempo libre, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos do inicio da súa actividade.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 2 nova redacción por artigo único apartado tres.

Artigo 3º.-Tipos de instalacións xuvenís.

1. Distínguense os seguintes tipos de instalacións xuvenís:

a) Albergues xuvenís: enténdese por albergue xuvenil toda instalación fixa que permanente ou temporalmente se destine a facilitarlle á mocidade aloxamento, como lugar de paso nos seus desprazamentos ou como marco dunha actividade de tempo libre.

b) Campamentos xuvenís: son instalacións ó aire libre dotadas duns equipamentos básicos fixos, nas que as pernoitas se realizan en tendas de campaña, caravanas, albergues móbiles ou calquera outro elemento facilmente transportable, e destinadas á realización de estadías con grupos de nenos e mozos para o desenvolvemento de actividades de lecer ó aire libre.

c) Granxas escolas ou aulas de natureza: son instalacións que, cumprindo os requisitos esixidos para albergues ou campamentos xuvenís, ofrecen equipamentos suficientes e adecuados para o traballo didáctico no tempo libre en técnicas agrarias e gandeiras, ou no recoñecemento do medio natural e na educación ambiental.

d) Residencias xuvenís: son instalacións de carácter cultural e formativo postas ó servicio dos mozos que por razóns de estudio ou traballo se ven obrigados a permanecer fóra do seu domicilio familiar.

2. As instalacións xuvenís poderán ser permanentes ou de temporada. Baixo a cualificación de permanentes inclúense todas aquelas que permanecen abertas ó público durante todo o ano.

Artigo 4º.-Fins das instalacións xuvenís.

Os fins das instalacións xuvenís antes descritas son:

1. Proporcionar aloxamento e manutención ós mozos que, individualmente ou en grupo, demanden os seus servicios.

2. Fomenta-lo turismo infantil e xuvenil.

3. Conseguir un clima de ambiente convivencial, facilitador de accións socio-culturais, que leve a un intercambio de experiencias compartidas.

4. Facilitarlles ós mozos a práctica de actividades de carácter recreativo e cultural segundo as posibilidades de cada instalación.

Capítulo II Condicións técnicas das instalacións

Sección primeira Ámbito de aplicación e localización

Artigo 5º.-Ámbito de aplicación.

As condicións técnicas reguladas neste capítulo, sen prexuízo das demais normativas sectoriais que lles sexan de aplicación, serán aplicables:

1. As instalacións xuvenís reguladas neste decreto que se recoñezan a partir da súa entrada en vigor.

2. As zonas afectadas por obras de reforma que se fagan nas instalacións xuvenís reguladas neste decreto existentes naquela data e que se recoñezan como tales, cando impliquen modificacións substanciais que afecten á ocupación ou distribución

Artigo 6º.-Localización.

1. As instalacións localizaranse en zonas salubres e non perigosas para a integridade física dos usuarios. Considérase zona salubre aquela que non teña preto das instalacións ningún foco susceptible de dar lugar a contaminacións tales como vertedoiros de lixo, augas residuais, industrias perigosas e outras análogas.

2. Ós campamentos xuvenís seranlles de aplicación as limitacións en canto á localización recollidas no título II deste decreto no que se regulan as actividades de aire libre dirixidas á xuventude no territorio da Comunidade galega.

Sección segunda Protección do contorno

Artigo 7º.-Accesibilidade.

As instalacións xuvenís deberán estar convenientemente sinalizadas co fin de facilita-lo acceso. Nos carteis sinalizadores deberá constar, como mínimo, o tipo e nome da instalación xuvenil, o seu logotipo conforme os modelos recollidos no anexo IV deste decreto, e a distancia aproximada ata ela.

Artigo 8º.-Tratamento e evacuación de augas residuais.

1. A eliminación das augas residuais que proveñan das instalacións reguladas neste decreto producirase ben directamente a través da rede municipal de sumidoiros, ou ben a través dunha fosa séptica de dimensións adecuadas á capacidade da instalación, ou outro sistema de depuración de augas, que funcione correctamente, de tal xeito que as verteduras de augas residuais sexan inocuas.

2. Non se autoriza en ningún caso a vertedura directa de augas residuais, sen depuración previa, ó terreo, ríos e regatos, mar, lagos ou lagoas interiores, tendo en conta o disposto nos artigos 89, 92 e 93 da Lei estatal de augas 29/1985, do 2 de agosto, modificada pola Lei 46/1999, do 13 de decembro, así como os artigos 56 e 57 da Lei de costas, 22/1988, do 22 de xullo.

Artigo 9º.-Recolla, almacenamento e eliminación de lixo.

1. O lixo depositarase en contedores fáciles de limpar e de desinfectar que teñan capacidade suficiente de acordo co seu ritmo de recolla.

2. A localización dos contedores, ata o momento da súa recolla, farase en dependencias destinadas exclusivamente para este fin e separadas das dos alimentos e das destinadas a aloxamento.

3. No caso de que non exista servicio público de recolla de lixo, a instalación deberá articula-los medios adecuados para o seu transporte diario ata os puntos de recolla ou vertedoiros máis próximos, evitando a acumulación de lixo na instalación.

Artigo 10º.-Medidas de seguridade e prevención de incendios.

Será preceptivo o cumprimento das normas vixentes respecto ás condicións de protección contra incendios nas instalacións destinadas a actividades con nenos e coa mocidade.

Sección terceira Aspectos técnicos

Artigo 11º.-Distribución.

1. Tódalas instalacións xuvenís reguladas neste título deberán ter forzosamente comedor, bloques de servicios sanitarios, unha instalación que, como mínimo, lles permita ós usuarios que quenten a súa comida, e unha dependencia destinada ás actividades propias dos usuarios da instalación. Ademais, dependendo da instalación xuvenil, deberán ter:

a) No caso dos campamentos xuvenís, enfermería.

b) No caso dos albergues xuvenís, dormitorios e unha sala polivalente destinada ó descanso e convivencia dos alberguistas.

c) No caso das residencias xuvenís, dormitorios, sala de estudios, biblioteca e unha sala polivalente destinada ó descanso e convivencia dos residentes.

2. Todas estas dependencias estarán situadas en cuartos diferentes e non poderán ter usos polivalentes, excepto as salas destinadas a actividades.

3. Nos campamentos xuvenís o comedor, as salas destinadas a actividades e a enfermería poderán ser instalacións de tipo provisional.

4. No caso de instalacións que ofrecen servicios de pensión completa ou a posibilidade que os usuarios elaboren eles mesmos a comida, estas deberán dispoñer dunha cociña.

5. Os bloques sanitarios, os dormitorios, a enfermería, a sala de estudios e a biblioteca non poderán ser lugar de paso habitual cara a outras dependencias.

Artigo 12º.-Subministración de auga.

1. As instalacións reguladas neste título deberán asegurar unha subministración abundante e continua de auga potable non inferior a 100 litros por persoa e día.

2. Tódalas instalacións deberán estar dotadas de depósito de almacenamento de auga para o consumo humano con capacidade mínima para 36 horas de abastecemento, para o caso de que ocorra un corte na subministración ou se produza avaría no sistema de abastecemento. Os depósitos serán accesibles unicamente ó persoal de mantemento da instalación co obxecto de efectua-los labores de limpeza e de desinfección periódicos que sexan necesarios.

Nos depósitos de almacenamento deberá garantirse a constante circulación da auga e a súa correcta desinfección.

Co obxecto de comprobar que a auga está desinfectada e ten poder desinfectante deberá determinarse diariamente a cantidade de cloro residual libre presente na auga e anotarse nos impresos que facilitarán as delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

No caso de que a subministración de auga non proveña dunha rede de abastecemento público, será necesario dispoñer dun sistema de desinfección con aparello de cloración automático que deberá estar en todo momento en perfectas condicións de funcionamento.

A cloración realizarase sempre á entrada no depósito, nunca á saída, co obxecto de garantir que o contacto da auga co desinfectante, antes do seu consumo, sexa como mínimo de 30 minutos.

3. Tódalas instalacións xuvenís disporán de subministración de auga quente en tódolos lavabos e duchas dos bloques de servicios sanitarios e na cociña. Os albergues e residencias xuvenís disporán, así mesmo, de calefacción que garanta unha temperatura interior adecuada. Este último requisito non será esixible para aquelas instalacións de carácter temporal que non funcionen entre os meses de outubro e marzo, ámbolos dous inclusive.

4. As características das instalacións de calefacción, auga quente sanitaria e gas, así como as destinadas ó almacenamento dos combustibles líquidos, gasosos ou sólidos serán as especificadas nos regulamentos correspondentes.

Artigo 13º.-Dormitorios.

1. Os dormitorios non poderán estar, en ningún caso, situados en subterráneos.

2. Disporán de luz natural e de ventilación directa do exterior que garanta a perfecta renovación do aire. A superficie mínima de iluminación e ventilación será a doceava parte da superficie útil do dormitorio.

3. A distribución das camas e das liteiras de cada cuarto deberá permitir sempre a total apertura das portas e das fiestras.

4. As fiestras disporán de calquera sistema eficaz que garanta a escuridade do cuarto durante as horas de descanso.

5. Cada usuario disporá dun espacio individual para durmir -xa sexa praza de cama ou de liteiradotado, como mínimo, de colchón coa súa correspondente funda, almofada e un número suficiente de mantas que deberán encontrarse en todo momento en perfectas condicións hixiénicas. Tamén deberá facer un espacio suficiente que lle permita ó usuario ordena-los seus efectos persoais.

O tamaño mínimo das camas ou liteiras será de 80×190 cm. A distancia entre os laterais lonxitudinais das camas ou liteiras non poderá ser inferior a 75 cm.

6. No caso que a instalación dispoña dun cuarto específico para garda-los efectos persoais de máis volume, os dormitorios disporán igualmente dun sistema complementario para deixar e gardar nel os elementos de uso máis frecuente.

7. No caso das residencias xuvenís disporán dunha mesa de estudio e unha cadeira por praza do dormitorio, así como de andeis que permitan a colocación dos libros.

8. Non poderá haber ningún dormitorio cunha superficie útil mínima inferior a 5 m2. A cubicaxe por usuario non será inferior a 5 m3 e o mínimo espacio de chan por cama ou liteira será de 4 m2 de superficie útil.

Enténdese por superficie útil dun cuarto a do espacio que corresponde a alturas non inferiores a 1,90 m.

9. A altura do teito dos dormitorios sobre o chan da superficie útil terá, como mínimo, un valor medio de 2,25 m, en edificios preexistentes, e de 2,50 m en edificios de nova construcción; esta altura medirase desde o chan ata, se se dá o caso, a parte máis baixa das trabes.

10. Para alturas de dormitorios entre 2,25 m e 2,50 m unicamente se aceptará a colocación de camas. Para alturas iguais ou superiores a 2,50 m aceptaranse liteiras.

11. No caso de dormitorios con teitos inclinados ou situados en faiados, aceptarase a colocación de camas nas alturas comprendidas entre 1,90 m e 2,50 m, sempre que a altura media do dormitorio acade como mínimo os valores establecidos no punto 9 deste artigo e se cumpran as determinacións mínimas relativas á cubicaxe por usuario e á superficie por cama ou liteira.

12. En ningún caso se aceptarán liteiras de tres pisos. No caso de liteiras tomaranse as medidas oportunas para evitar accidentes por caídas desde os somieres superiores.

13. Os dormitorios non se poderán utilizar para almacena-lo material do que dispón o grupo para a realización das súas actividades.

Artigo 14º.-Comedores e cociñas.

As instalacións xuvenís deben cumpri-la normativa vixente sobre regulamentación técnico-sanitaria dos comedores colectivos.

Artigo 15º.-Sala de actividades.

1. Toda instalación xuvenil disporá dunha ou máis dependencias destinadas ás actividades propias dos usuarios da instalación. O espacio destinado a esta finalidade terá unha superficie en m2, como mínimo, igual ó número de prazas para as que foi autorizada a instalación. En calquera caso, non poderá ser inferior a 30 m2. Nesta superficie non se poderá computa- la correspondente a aqueles cuartos destinados a garda-los efectos persoais de máis volume e o material de actividades, no caso de que existan.

2. Cando o espacio destinado a estas actividades estea comprendido en varias dependencias, cada unha destas deberá ter garantida a correspondente ventilación e a súa superficie non poderá ser inferior ós 16 m2.

3. O chan destas salas deberá ser fácil de limpar.

Artigo 16º.-Servicios sanitarios.

1. As instalacións xuvenís reguladas neste título disporán de bloques de servicios sanitarios que deberán manterse limpos e nas necesarias condicións hixiénicas.

2. Estes bloques sanitarios deberán ter unha ventilación suficientemente ampla. O chan deberá estar pavimentado e as paredes azulexadas, co fin de que permitan unha correcta limpeza e desinfección.

3. Os servicios sanitarios disporán, como mínimo, do seguinte:

a) Un evacuatorio por cada oito persoas ou fracción, con un polo menos por cada sexo.

b) Un lavabo por cada 6 persoas ou fracción.

c) Unha ducha por cada 8 persoas ou fracción. A zona de pés descalzos será de chan antiescorreduas e fácil de desinfectar.

4. Os bloques sanitarios deberán ter un número adecuado de espellos e colgadoiros, e deberá haber tamén andeis para poder dispoñe-los efectos persoais de xeito totalmente hixiénico.

5. En caso de que os bloques sanitarios dispoñan de duchas de tipo colectivo, existirá como mínimo unha para cada sexo, e en cada bloque sanitario haberá como mínimo unha ducha de tipo individual.

Artigo 17º.-Instalacións para lavar e tende-la roupa.

1. As instalacións xuvenís deberán dispoñer das instalacións necesarias para poder lavar e tende-la roupa.

2. En caso de dispoñer de lavadoiros para o uso dos usuarios da instalación, estes deberán ser de tipo individual, facilmente desinfectables e en número non inferior a un para cada 20 usuarios.

3. En caso que a instalación dispoña de máquinas de lavar e seca-la roupa, disporase, igualmente, dun lugar adecuado para colgar e seca-las toallas de uso máis frecuente e a roupa de baño.

Artigo 18º.-Enfermería.

1. Os campamentos xuvenís deberán dispoñer dunha enfermería. O número de camas da enfermería será de dúas por cada 50 prazas.

2. Cando a enfermería estea situada nunha instalación fixa, deberá dispoñer dun lavabo, dun evacuatorio e dunha ducha independentes do resto de servicios hixiénicos da instalación xuvenil. Isto non será aplicable cando a enfermería estea situada nunha instalación non permanente.

3. En ningún caso, o número de prazas da enfermería se incluirá no total de prazas da instalación.

Artigo 19º.-Caixa de urxencias.

Disporase dunha caixa de urxencias e primeiros auxilios, que contará cos materiais suficientes para poder atende-los casos ou accidentes máis frecuentes. Esta caixa de urxencias deberá estar convenientemente pechada para impedi-lo acceso dos nenos e/ou mozos ós medicamentos.

Artigo 20º.-Espacios complementarios.

1. Todo campamento xuvenil disporá dun espacio de terreo proporcionado á súa capacidade e convenientemente delimitado, para a realización de actividades diversas ó aire libre, tales como xogos, veladas, deportes e similares.

2. Se a instalación xuvenil dispón de piscina, deberá cumpri-las condicións propias das piscinas de uso colectivo, excepto a obriga de dispor de vestiarios.

Artigo 21º.-Instalacións telefónicas.

1. As instalacións xuvenís disporán de instalación telefónica co exterior, e sempre que teñan unha capacidade superior ás 25 prazas deberán contar, ademais, como mínimo, cunha liña para uso exclusivo dos usuarios.

2. Aquelas instalacións situadas en lugares en que non sexa posible o enganche a unha liña telefónica deberán, non obstante, asegura-la comunicación co exterior por calquera sistema que a permita.

Artigo 22º.-Accesibilidade e eliminación de barreiras.

As instalacións xuvenís deberán cumpri-la normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras. Aquelas con máis dun andar disporán de ascensor con capacidade para o traslado de usuarios con limitacións graves de mobilidade.

Sección cuarta Condicións específicas

Artigo 23º.-Granxas escola e aulas de natureza.

1. As granxas escola, sen prexuízo doutras normativas que lles poidan ser de aplicación, deberán garantir:

a) A suficiente separación entre o lugar destinado ás cortes e cortellos dos animais e o lugar de residencia dos usuarios, co fin de evita-los cheiros excesivos e a proximidade de insectos.

b) A suficiente limpeza e as condición hixiénicas e sanitarias dos animais da granxa.

c) O cerramento do recinto dos animais e dos cortellos co fin de evitar que os usuarios poidan entrar de forma indiscrimanada.

d) O uso dun vestiario específico por parte dos usuarios e o persoal da instalación, para utilizar cando estean no recinto dos animais ou cortellos.

e) A existencia de persoal técnico cualificado en número suficiente para o traballo cos animais e o desenvovemento dos labores didácticos.

f) No caso de que a instalación dispoña de salas ou recintos para a transformación dos productos da granxa, deberán cumpri-la normativa técnico-sanitaria que lles sexa de aplicación.

2. As aulas de natureza, sen prexuízo das outras normativas que lles poidan ser de aplicación, deberán garanti-la existencia dun equipamento suficiente e adecuado e dos recursos didácticos necesarios para a súa función.

Capítulo III Procedemento de recoñecemento oficial e potestades da administración

Sección primeira Documentos exixibles para a prestación dos distintos servizos

Artigo 24. Documentos exixibles ás instalacións xuvenís.

Toda persoa física ou xurídica que desexe iniciar a prestación dos servizos á xuventude regulados no título I deste decreto, no momento de emitir a declaración responsable de inicio de actividade, segundo o modelo oficial que figura no anexo I deste decreto, deberá estar en posesión da seguinte documentación:

a) Memoria descritiva das instalacións onde se especifique o período de funcionamento ao longo do ano, naqueles supostos de instalacións de carácter temporal, así como a indicación de que cumpre coa normativa de accesibilidade vixente.

b) Certificado final de obra, no caso de instalacións de nova construción, ou certificado de solidez e seguridade, no caso de edificacións preexistentes, asinados por un técnico competente, así como planos a escala que reflictan o estado definitivo da instalación.

c) Documentación que acredite que cumpre os requisitos sanitarios sobre a potabilidade da auga destinada a consumo humano, o estado sanitario xeral dos equipamentos, o sistema de evacuación de augas residuais, cando non sexa a través da rede municipal de sumidoiros, a eliminación de residuos, as condicións hixiénico-sanitarias dos servizos hixiénicos e o cumprimento da regulamentación aplicable sobre comedores colectivos.

d) Boletín eléctrico entregado por un instalador autorizado e selado pola consellería competente en materia de economía e industria.

e) Contrato de subministración ou certificación expedido polo órgano competente de adecuación da instalación de gas á normativa aplicable, no suposto de existir a devandita subministración.

f) Documentación acreditativa da personalidade do promotor que emitiu a declaración responsable e, no suposto de persoas xurídicas, documentación que acredite que a persoa que asinou a declaración responsable é a súa representante legal.

g) Documentación acreditativa da identidade e da titulación do director ou directora da instalación exixida por este decreto.

h) Documento acreditativo do pagamento da taxa correspondente.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 24 nova redacción por artigo único apartado catro.

Artigo 25. Documentación e requisitos específicos exixibles ás granxas escola e aulas de natureza.

1. Ademais da documentación xeral exixida no artigo anterior, nos supostos de granxas escola, a persoa prestadora deberá estar en posesión da documentación que acredite que se cumpren os requisitos da normativa sobre sanidade animal. Así mesmo, xunto aos requisitos exixibles con carácter xeral ás instalacións xuvenís recollidos na sección terceira do capítulo II do título I deste decreto, deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) A suficiente separación entre o lugar destinado ás cortes dos animais e o lugar de residencia dos usuarios e usuarias, co fin de evitar os cheiros excesivos e a proximidade dos insectos.

b) A suficiente limpeza e as condicións hixiénico-sanitarias dos animais de granxa.

c) O peche do recinto dos animais e das cortes, co fin de evitar que os usuarios e as usuarias poidan entrar nelas de forma indiscriminada.

d) O uso de vestiario específico por parte das persoas usuarias e do persoal da instalación, para utilizar cando estean no recinto dos animais ou na corte.

e) A existencia de persoal técnico cualificado en número suficiente para o traballo cos animais e para o desenvolvemento de actividades didácticas.

f) No caso de que a instalación dispoña de salas ou recintos para a transformación dos produtos da granxa, deberán cumprir a normativa técnico-sanitaria que lle sexa de aplicación.

2. As aulas de natureza, sen prexuízo doutra normativa que lles poida ser de aplicación, deberán garantir:

a) A existencia dun equipamento suficiente e axeitado.

b) A disposición dos recursos didácticos necesarios para exercer a súa función.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 25 nova redacción por artigo único apartado catro.

Artigo 26. Documentación complementaria en supostos de modificacións substanciais en instalacións xuvenís.

1. Para os efectos deste decreto, enténdese por modificacións substanciais de instalacións xuvenís todas aquelas que poidan afectar a estrutura, volume, distribución, número de prazas ou os servizos que presta a instalación, e estarán sometidas á emisión dunha declaración responsable que se deberá presentar de acordo co modelo oficial que figura no anexo II deste decreto.

2. Cando se produzan estes supostos, a persoa prestadora, ademais de dispoñer da documentación xeral detallada no artigo 24 deste decreto, deberá estar en posesión, como mínimo, da seguinte documentación:

a) Memoria explicativa da modificación que pretende realizar.

b) Proxecto técnico da obra, con planos a escala que reflictan o estado da instalación.

c) Documento acreditativo do pagamento da taxa correspondente.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 26 nova redacción por artigo único apartado catro.

Artigo 27. Alcance temporal da eficacia da declaración responsable.

As declaracións responsables de inicio de actividade, nos supostos de instalacións xuvenís, terán carácter indefinido, sen prexuízo do disposto no parágrafo quinto do artigo 1 bis deste decreto.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 27 nova redacción por artigo único apartado catro.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo derrogado: Artigo 28 suprimido por artigo único apartado catro.

Sección segunda Rexistro de Instalacións Xuvenís

Artigo 29. Obxecto.

No Rexistro de Instalacións Xuvenís adscrito á Consellería competente en materia de xuventude inscribiranse de oficio todas as instalacións para as que se teña presentado a declaración responsable para o inicio de actividade regulada no artigo 1 bis, así como as modificacións posteriores que se produzan nas condicións que posuían no momento de inicio da actividade, sempre e cando afecten os datos recollidos nel.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 29 nova redacción por artigo único apartado cinco.

Artigo 30º.-Certificación da inscrición.

Unha vez efectuada a inscrición da instalación recoñecida no rexistro, o órgano competente expedirá unha certificación acreditativa da inscrición na que conste a súa data e o número de rexistro asignado. Para estes efectos, o titular da instalación xuvenil recoñecida deberá satisface-la taxa correspondente, de conformidade co disposto no título II do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo III do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma.

Artigo 31. Cancelación

1. A inscrición cancelarase por instancia do titular da instalación, utilizando o modelo normalizado recollido no anexo III, ou por perda das condicións e requisitos exixidos neste título para o inicio de actividade como instalación xuvenil. Neste segundo suposto, a cancelación acordarase de oficio, por resolución do órgano competente, logo da instrución do correspondente expediente.

2. No caso das granxas escola ou aulas de natureza, poderase continuar prestando o servizo como campamento ou albergue xuvenil, en función das súas características, por instancia do titular, respecto que fará constar na comunicación de cancelación. Neste caso adscribirase a instalación xuvenil á sección correspondente do rexistro.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 31 nova redacción por artigo único apartado seis.

Artigo 32º.-Organización do rexistro.

1. O rexistro constará de 4 seccións, unha por cada tipo de instalación xuvenil das recollidas no artigo 3º deste decreto. Os datos que se farán constar no rexistro serán, como mínimo, os seguintes:

a) Número de rexistro asignado.

b) Denominación, enderezo e teléfono da instalación.

c) Data de presentación da declaración responsable de inicio de actividade.

d) Data da inscrición.

e) O número de prazas da instalación e o período de funcionamento.

f) Nome e apelidos do director.

g) Nome e DNI ou CIF do titular.

h) Superficie do terreo, no caso de campamentos xuvenís.

i) Data das visitas de inspección de que foi obxecto.

j) Apercibimento de que foi obxecto, indicando o motivo e a data do apercibimento, así como a data en que foi emendada a deficiencia.

k) Baixa da instalación: data da resolución.

2. Na sección correspondente ás granxas escola ou aulas de natureza, constará, ademais, o tipo de instalación xuvenil á que se adecua segundo as súas características de campamento ou albergue.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 32 apartado 1 alínea c) nova redacción por artigo único apartado sete.

Artigo 33º.-Informatización dos datos do rexistro.

O rexistro deberá dotarse dun programa informático que facilite a xestión e consulta dos datos que consten nel.

Sección terceira Placa identificativa

Artigo 34º.-Distintivo identificativo.

1. Todas as instalacións xuvenís, unha vez que se presente a declaración responsable e se inicie a súa actividade, deberán exhibir de forma visible no exterior do edificio e a carón da porta principal de acceso un distintivo identificativo.

2. O distintivo identificativo estará constituído por dúas placas e adecuarase ó modelo que se recolle para cada tipo de instalación xuvenil no anexo IV deste decreto. Na placa inferior os datos deberán figurar en caracteres de cor azul sobre fondo branca e na placa superior en caracteres de cor branco sobre fondo azul. As placas identificativas serán de metal ou outro material resistente e inalterable.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 34 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado oito.

Capítulo IV Dereitos e deberes dos usuarios

Artigo 35º.-Concepto de usuario de instalacións xuvenís.

1. Poderán ser usuarios das instalacións reguladas neste título tódolos mozos de ata 30 anos, individualmente ou en grupo. Non obstante, os titulares das instalacións xuvenís reguladas neste título poderán limita-la idade para os usuarios da instalación ou para a participación en determinadas actividades ou servicios que promovan, dentro da marxe de idade establecida anteriormente.

2. As persoas cunha idade superior ós 30 anos poderán utiliza-las instalacións reguladas neste título coas seguintes condicións:

a) Os albergues xuvenís non integrados na REAJ (Rede Española de Albergues Juveniles) ou na Rede Galega de Albergues Xuvenís, campamentos xuvenís, granxas escola e aulas de natureza, cando vaian acompañando grupos de nenos ou mozos como pais, mestres, educadores ou monitores ou directores de tempo libre, sempre e cando participen conxuntamente en actividades educativas ou teñan tarefas organizativas ou de apoio.

b) Os albergues xuvenís integrados na Rede Galega de Albergues xuvenís ou na REAJ, conforme as normas de funcionamento aplicables a tódolos albergues xuvenís integrados na rede correspondente.

3. Os grupos de mozos deberán designar de entre os seus compoñentes un responsable que teña a súa representación ante a dirección da instalación xuvenil.

Artigo 36º.-Dereitos dos usuarios.

Os usuarios das instalacións xuvenís terán os seguintes dereitos:

1. Acceso á información contida na documentación relacionada no artigo 40º.1.

2. Un adecuado uso e desfrute de cantos equipamentos e dependencias posúan as instalacións xuvenís, así como recibi-los servicios requiridos como contraprestación dos prezos satisfeitos.

3. Formular ante a dirección da instalación xuvenil cantas iniciativas, suxestións e reclamacións crean oportunas.

4. Ser respectados na súa liberdade, dignidade e integridade.

Artigo 37º.-Deberes dos usarios.

Serán deberes dos usuarios das instalacións xuvenís:

1. Someterse e respecta-lo regulamento de réxime interior que regule o funcionamento de cada instalación xuvenil.

2. Aboa-los prezos fixados na lista de prezos do ano en curso, conforme os servicios solicitados.

3. Coida-las instalacións, mobiliario, material e o contorno natural do lugar de emprazamento da instalación xuvenil.

4. Contribuír coa súa conducta a crear un clima de tolerancia e respecto mutuo entre tódolos usuarios.

Artigo 38º.-Restriccións ó dereito de uso.

Os titulares das instalacións xuvenís reguladas neste título poderán amoestar ou rescindi-lo contrato e expulsar das instalacións os individuos, familias ou grupos que incumpran o regulamento de réxime interior e as normas lóxicas de convivencia.

Artigo 39º.-Obrigatoriedade de seguro de responsabilidade civil.

1. Tódalas instalacións xuvenís deberán ter contratada unha póliza de seguros de responsabilidade civil por danos materiais e corporais e por prexuízos causados involuntariamente a terceiros.

2. O seguro deberá cubrir obrigatoriamente, como mínimo, os danos que efectivamente se produzan no ámbito das responsabilidades seguintes:

a) A responsabilidade civil derivada do funcionamento da instalación.

b) A responsabilidade civil indirecta ou subsidiaria por actos ou omisións do persoal da instalación, polos que teñan que responde-los titulares.

c) A responsabilidade civil por danos a terceiros derivada do uso da instalación.

Artigo 40º.-Documentación á disposición dos usuarios.

1. As instalacións xuvenís reguladas neste título deben ter á disposición dos usuarios da instalación e de calquera autoridade debidamente acreditada a seguinte documentación:

a) Certificación acreditativa da súa inscrición no Rexistro de Instalacións Xuvenís expedida polo órgano correspondente.

b) Certificado correspondente ó ano en curso de potabilidade da auga destinada a consumo, expedido pola delegación correpondente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no caso de que a auga non proceda da rede de abastecemento público.

c) Informe que acredite as correctas condicións hixiénico-sanitarias da instalación, emitido pola delegación provincial correspondente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

d) Lista de prezos do ano en curso, co detalle dos diversos conceptos e servicios ofertados, selada pola delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude competente.

e) Regulamento de réxime interior, no que constarán tódolos aspectos relativos ó funcionamento da instalación non recollidos neste decreto, así como aqueloutros que afecten ós dereitos e deberes dos usuarios, sen prexuízo do disposto nos artigos 36º e 37º deste decreto.

f) Follas de reclamacións que lle serán facilitadas ó titular de cada instalación xuvenil pola delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude competente.

2. Así mesmo, terán á disposición de calquera autoridade debidamente acreditada o rexistro dos usuarios da instalación, que deberá conter:

a) Cando sexan usuarios individuais ou familias, os datos persoais.

b) Cando se trate dun grupo, os datos deste, número e relación nominal de compoñentes e datos persoais dos seus responsables.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 40 apartado 1 alínea a) nova redacción por artigo único apartado nove.

Artigo 41º.-Director. Funcións.

1. Á fronte de cada instalación xuvenil existirá un director, que deberá estar en posesión do título de director de actividades de tempo libre, regulado no título III deste decreto, ou de calquera titulación universitaria de grao medio ou superior.

2. As funcións do director serán:

a) Cumprir e facer cumpri-las normas de carácter legal que regulen o funcionamento da instalación, así como o regulamento de réxime interior.

b) Velar polo bo funcionamento dos equipamentos e servicios da instalación.

c) Facilitar, na medida das posibilidades de cada instalación, a realización de actividades de tempo libre.

d) A administración da instalación e a xestión do persoal.

Capítulo V Outras disposicións en materia de instalacións xuvenís

Artigo 42º.-Rede de Albergues Xuvenís de Galicia (RAXG).

1. A Rede de Albergues Xuvenís de Galicia estará constituída por tódolos albergues xuvenís situados no territorio da Comunidade Autónoma galega de titularidade da Xunta de Galicia, e aqueloutros xestionados por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que se queiran integrar voluntariamente nela e cumpran os requisitos establecidos no presente decreto.

2. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude adoptará un logotipo como distintivo da Rede de Albergues Xuvenís de Galicia.

3. Para favorece-la ocupación dos albergues xuvenís integrados na dita rede crearase unha central de reservas dependente da Dirección Xeral de Xuventude.

Artigo 43. Declaración responsable das RAXG.

1. Os titulares das instalacións xuvenís que presten servizos como residencias xuvenís poderán, así mesmo, prestar servizos como albergues xuvenís de temporada, segundo o establecido na sección primeira do capítulo III deste título I.

2. O período de funcionamento da instalación como albergue xuvenil de temporada non poderá exceder 4 meses ao ano.

3. Unha vez presentada a declaración responsable de inicio de actividade, colocarase o oportuno distintivo identificativo conforme o disposto no artigo 34 deste decreto.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 43 nova redacción por artigo único apartado dez.

Artigo 44º.-Regulamento de réxime interior.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude elaborará un modelo básico de regulamento de réxime interior aplicable ás diferentes instalacións, que estará á disposición daqueles interesados na creación dalgunha das instalacións xuvenís reguladas no presente texto, co fin de facilita-la súa elaboración.

TÍTULO II Actividades ó aire libre

Capítulo I Tipos de actividades e promotores

Artigo 45º.-Tipos de actividades de aire libre.

1. Para os efectos deste decreto, considéranse actividades de aire libre:

a) Acampada.

b) Marchas volantes ou rutas.

c) Campos de traballo.

2. Enténdese por acampadas aquelas actividades nas que participe xente nova de ata 30 anos en número superior a 9, que non teñan carácter familiar, inclúan na súa duración un mínimo de 3 noites consecutivas e impliquen asentamentos humanos temporais nos que a pernoita se realice en tendas de campaña, caravanas, albergues móbiles ou calquera outro elemento facilmente transportable.

3. Enténdese por marchas volantes ou rutas aquelas actividades itinerantes nas que, de acordo co contido do parágrafo anterior, a pernoita se realice en lugares diferentes.

4. Enténdese por campos de traballo aquelas actividades que se desenvolven de acordo cun programa de traballo de carácter social e de interese xeral, sen ánimo de lucro, e na que os seus participantes sexan voluntarios.

Artigo 46º.-Promotores.

Poderán organiza-las referidas actividades de aire libre as persoas físicas, asociacións, entidades ou empresas públicas ou privadas, en desenvolvemento dun programa de actividades de tempo libre dirixidas á xuventude.

Capítulo II Requisitos do persoal técnico dirixente e obrigas

Artigo 47º.-Requisitos do persoal técnico dirixente.

1. Tódalas actividades reguladas neste título estarán dirixidas por persoal técnico coa titulación conveniente establecida polo título III do presente decreto.

2. Á fronte da actividade haberá un responsable que estará permanentemente presente nela.

3. Por cada 10 participantes ou fracción haberá como mínimo un técnico dirixente.

4. O responsable da actividade deberá estar en posesión do título de director de actividades de tempo libre, excepto para aquelas actividades de ata 25 participantes. Neste caso é suficiente o título de monitor de actividades de tempo libre.

5. A metade dos membros que constitúen o equipo dirixente necesario para cumprir coa proporción indicada no punto 3, sen incluí-lo responsable da actividade, deberán estar en posesión do título de monitor de actividades de tempo libre, excepto naquelas actividades con finalidade cultural, docente ou deportiva que, por razón da súa programación, necesiten de profesorado ou de monitores especializados. Neste caso, o número mínimo de monitores titulados en actividades de tempo libre dentro do equipo técnico será dun 25%.

Os alumnos que teñan superada a fase teórico- práctica nos cursos impartidos polas escolas de tempo libre oficialmente recoñecidas poderán realiza- las prácticas nestas actividades sempre que o seu número sexa inferior ó de monitores titulados en actividades de tempo libre.

6. Cando a actividade que se vaia desenvolver sexa un campo de traballo, o responsable da actividade deberá estar en posesión do título de director de campos de traballo, independentemente do número de participantes.

Artigo 48º.-Obrigas do responsable da actividade.

1. Constituirán obrigas directas e persoais do responsable da actividade:

a) Cumprir e facer cumpri-las normas do presente título.

b) Velar para que as actividades se desenvolvan coas necesarias condicións sanitarias e de hixiene e coas medidas de seguridade suficientes que garantan a integridade física dos participantes.

c) Velar polas condicións sanitarias e ambientais do lugar onde se desenvolve a actividade.

d) Garantir que as persoas encargadas da manipulación dos alimentos e da elaboración das comidas actúen de acordo cos requisitos mínimos precisos co fin de evitar contaminacións alimenticias, e de acordo coa normativa sanitaria vixente nesta materia, recollida no Decreto 239/1986, do 24 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de manipuladores de alimentos e demais normativa de aplicación.

e) Garanti-lo cumprimento do programa de actividade.

f) Adopta-las medidas necesarias para evita-la deterioración das propiedades e instalacións, os riscos de incendio que poidan producirse ben sexa por acción ou omisión, impedi-las accións que produzan verteduras ou desperdicios en zonas non idóneas, así como velar para que non se produzan alteracións no marco natural.

g) Comunicarlle ó servicio de Xuventude da provincia onde se vaia desenvolve-la actividade ou á Dirección Xeral de Xuventude, se aquela se desenvolve en varias provincias (marchas volantes ou rutas), calquera modificación producida nas condicións establecidas, recollidas no artigo 50º.1 deste decreto, no momento de solicita-la autorización.

h) Facilita-la inspección da actividade, de acordo co previsto no presente título, ó persoal da Dirección Xeral de Xuventude habilitado para a dita función.

i) Ter á disposición da autoridade competente durante a actividade a documentación prevista no artigo 49º deste decreto.

2. Destas obrigas serán subsidiariamente responsables as persoas físicas ou xurídicas que organicen ou promovan directamente a actividade.

Capítulo III Requisitos para o desenvolvemento de actividades ao aire libre e limitacións

Artigo 49º.-Documentación necesaria durante a actividade.

O responsable da actividade deberá estar en posesión e ter á disposición da autoridade competente durante o seu desenvolvemento a seguinte documentación:

1. Xustificación de ter presentado declaración responsable para inicio da actividade de que se trate, de entre as recollidas no artigo 45 deste decreto.

2. Relación do cadro técnico, indicando nome e apelidos, domicilio, DNI e titulación.

3. Relación dos participantes na que se faga consta- lo seu nome e apelidos, domicilio, DNI, idade e número de teléfono.

4. Autorización paterna para participar na actividade, por escrito, para os participantes menores de idade.

5. Cartilla de asistencia sanitaria do Sergas, ou seguro médico privado de tódolos participantes da actividade.

6. Póliza de seguro de responsabilidade civil, subscrita polo organizador ou promotor da actividade.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 49 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado doce.

Artigo 50. Documentos exixibles para a realización de actividades ao aire libre.

1. Toda persoa física ou xurídica que queira iniciar a prestación de servizos de actividades xuvenís, regulados no título II, antes de emitir a declaración responsable, segundo o modelo oficial que figura no anexo V deste decreto, deberá estar en posesión da seguinte documentación:

a) Informe favorable das autoridades competentes en materia de sanidade referente ás condicións hixiénico-sanitarias do lugar e á potabilidade da auga para as actividades de máis de cincuenta participantes. No caso de que a auga que se vaia utilizar proceda da rede municipal de abastecemento correspondente ou sexa envasada, chegará con facer constar esta circunstancia.

b) Relación dos compoñentes do cadro técnico-directivo e especificación da súa identidade e a titulación en materia de tempo libre de cada un deles.

c) Identidade da persoa responsable da actividade, domicilio e copia do título acreditativo da condición de director/a ou monitor/a de actividades de tempo libre, segundo proceda, con respecto ao número de participantes.

d) No suposto de que a persoa solicitante sexa unha persoa xurídica, a acreditación de que a persoa que emite a declaración responsable é a súa representante legal.

e) Asistencia médica prevista e especificación do centro de saúde ao que acudir en caso de necesidade.

f) Descrición das condicións técnicas da acampada ou campo de traballo.

g) Plano gráfico ou esbozo do lugar onde se vaia desenvolver a actividade e forma de acceso a el, coa indicación do municipio, parroquia e lugar, o máis detalladamente posible.

No suposto de que o lugar de pernoita estea próximo á costa, deberá indicarse, en metros lineares, a distancia aproximada ao límite interior da beiramar.

No caso de rutas ou marchas voantes, deberá indicarse, ademais, unha descrición do itinerario, zonas de acampada e días en que se efectuarán as pernoitas.

h) Fins ou obxectivos da actividade, así como as datas entre as cales se desenvolverá.

i) Relación do número das persoas participantes e idades destas.

j) Autorización por escrito do titular de dereitos de uso e aproveitamento, administrador ou representante legal suficientemente acreditado, do predio que se ocupa, sexa de propiedade pública ou privada.

k) Copia do escrito dirixido á persoa titular da alcaldía do concello onde se sitúe o terreo onde se pretende desenvolver a actividade e comunicación da intención da realización desta e do lugar da pernoita. Na copia deberá figurar o rexistro de entrada.

l) No caso de actividades cuxa programación prevexa a súa realización dentro da Rede Galega de Espazos Protexidos, Rede Natura, áreas protexidas de interese internacional, reservas da biosfera ou espazos naturais de interese local, deberán posuír autorización do órgano competente da súa conservación ou xestión.

m) Cando as actividades se desenvolvan na beira do mar, na zona comprendida nunha franxa de 100 metros medida terra dentro desde o límite interior da beiramar do mar, deberán ter solicitado un informe preceptivo ao órgano competente en materia de costas, que poderá establecer condicións adicionais para a mellor protección deste espazo.

n) Autorización para facer lume de acampada, de acordo coa normativa vixente sobre medidas de prevención de incendios, sempre que estea previsto no programa de actividades.

o) Documento acreditativo do pagamento da taxa correspondente.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 50 nova redacción por artigo único apartado trece.

Artigo 51. Documentos específicos para campos de traballo.

Cando a actividade que se vaia realizar sexa un campo de traballo, ademais da documentación detallada no artigo anterior deberá dispoñer da seguinte documentación:

a) Descrición do perfil das persoas participantes e da composición do equipo especializado no traballo que se vaia realizar no campo e indicar os mesmos datos para o equipo técnico en animación.

b) Programa de traballo e medios con que conta o campo para a súa realización.

c) Horario de traballo.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 51 nova redacción por artigo único apartado catorce.

Artigo 52. Alcance temporal da eficacia da declaración responsable.

A declaración responsable de inicio de actividade terá limitado o seu ámbito temporal á realización da actividade para a cal se emitiu, sen prexuízo do disposto no número 5 do artigo 1 bis deste decreto.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 52 nova redacción por artigo único apartado quince.

Artigo 53º.-Limitacións dos lugares onde acampar.

Non se poderá acampar:

1. En terreos situados en leitos secos, beiras dos ríos ou zonas susceptibles de ser inundadas, así como naqueloutras que por calquera causa resulten perigosas ou insalubres.

2. Nun raio inferior a 150 metros dos lugares de captación de auga potable para o abastecemento de poboacións.

3. A menos de 1 quilómetro dos campamentos públicos de turismo ou de núcleos urbanos, nin a menos de 10 metros das marxes de leitos fluviais nin a menos de 50 metros de estradas ou vías de ferrocarril.

4. A menos de 500 metros de monumentos ou conxuntos histórico-artísticos legalmente declarados.

5. Nas proximidades de industrias molestas, insalubres, nocivas ou perigosas, de acordo co preceptuado no Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, e dos lugares de vertedura de augas residuais.

6. En terreos polos que discorran liñas de alta tensión.

7. Na zona de dominio público marítimo-terrestre, nas praias, e na zona de servidume de tránsito, entendendo por esta última a franxa de 6 metros medidos terra a dentro a partir do límite interior da ribeira do mar.

8. En xeral, naqueles lugares que por esixencias do interese público estean afectados por prohibicións ou limitacións neste sentido ou por servidumes establecidas expresamente, mediante disposicións legais ou regulamentarias, salvo que se obteña a oportuna autorización dos organismos competentes.

Artigo 54º.-Normas de carácter sanitario.

As actividades suxeitas a este decreto quedarán sometidas as seguintes normas de carácter sanitario:

1. A auga de consumo deberá ser potable, adaptándose ós procedementos oportunos que garantan de forma permanente a dita potabilidade mentres dure a actividade.

2. De non existir ningún sistema de recolla de excrementos, construiranse latrinas, que estarán situadas a máis de 100 metros de ríos, regatos, pozos ou fontes. Unha vez concluída a actividade taparanse con terra.

3. O almacenamento do lixo realizarase en recipientes con tapa ou bolsas que se poidan pechar, e depositarase periodicamente en contedores de recolla de lixo.

4. Tódolos alimentos que se consuman deberán reuni-las correspondentes garantías sanitarias.

Non se almacenarán alimentos conxuntamente con outros productos que poidan ser fonte de contaminación ou intoxicación.

Nas zonas de almacenamento ningún alimento deberá estar en contacto co chan, debendo estar illado del cunha separación de 10 cm, como mínimo, así como protexidos dos insectos.

Os alimentos perecedoiros conservaranse en frigoríficos. De non dispoñerse de sistemas de frío, estes alimentos consumiranse no mesmo día da súa compra e o sobrante, de existir, desbotarase.

Nas acampadas en que participen 30 ou máis persoas, o responsable da cociña deberá estar en posesión do carné de manipulador de alimentos.

5. Evitarase a contaminación das augas, dispoñendo correctamente a evacuación das augas residuais procedentes do fregado de vaixela, lavado de roupa e aseo persoal, fóra dos leitos dos ríos, regatos ou torrentes.

6. As zonas de baño en leitos naturais deberán ser coidadosamente elixidas, procurando o máximo afastamento de puntos de verteduras augas arriba, tanto urbanas como industriais, así como doutros puntos de contaminación, como vertedoiros, zonas de pastoreo, etc.; así mesmo, deberán estar afastadas das zonas de extracción de auga para o consumo.

Nos casos sinalados e por motivos xustificados, a autoridade sanitaria poderá desaconsella-lo baño en determinadas zonas, e incluso prohibilo.

7. En toda actividade será necesario que exista unha caixa de urxencias de primeiros auxilios baixo a responsabilidade do responsable das actividades ou responsable sanitario.

As actividades ás que asistan máis de 50 participantes disporán dun responsable sanitario que deberá ser médico, ATS ou diplomado universitario en enfermería.

As funcións do responsable sanitario serán as seguintes:

-Velar polo perfecto estado dos alimentos e augas de consumo nos termos establecidos nas alíneas a) e d) do presente artigo.

-Vixilancia epidemiolóxica das enfermidades e dos accidentes que sufran os acampados, que quedarán reflectidos nunha ficha médica.

-Coidar que as actividades se fagan conforme as normas sanitarias establecidas neste artigo e demais normativa de aplicación, de forma que non se poña en perigo a saúde das persoas, nin se estrague o medio.

-Vixiar e responsabilizarse da obrigatoria caixa de primeiros auxilios, asegurándose de que os enfermos ou accidentados reciban asistencia prontamente e adoptando as medidas preventivas necesarias.

-Dispoñer da información suficiente respecto a horarios e puntos de asistencia médica da zona.

-Nas actividades de menos de 50 persoas, as funcións do responsable sanitario asumiraas o responsable da actividade.

8. Ó acaba-la actividade os participantes nela deberán deixa-lo lugar en perfectas condicións, limpándoo de residuos e enterrando os excrementos e augas residuais nas latrinas habilitadas se non se utilizou outro sistema de evacuación.

Deberán, así mesmo, asegurarse de deixar completamente apagados tódolos focos de ignición.

Capítulo IV Outras disposicións

Artigo 55º.-Inspección e asesoramento.

Correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude efectua-los servicios técnicos de inspección e asesoramento para o cumprimento do disposto no presente título.

Artigo 56º.-Incumprimento das normas.

O incumprimento das normas contidas no presente título levará consigo a perda da autorización, coa suspensión inmediata da actividade e, se é o caso, a perda da subvención concedida para o seu desenvolvemento, sen prexuízo das responsabilidades en que puidera incorre-lo responsable da actividade, o responsable sanitario ou os monitores que asistan a ela.

Artigo 57º.-Autorizacións.

1. Para o desenvolvemento das actividades ao aire libre reguladas no presente título, a documentación a que se refire o artigo 50 non exime o organizador da obriga de ter que solicitar aquelas autorizacións non previstas neste título que sexan precisas por razón da actividade.

2. Cando as actividades reguladas no presente título se desenvolvan no interior de reservas naturais, parques naturais, paisaxes protexidas ou monumentos naturais declarados de acordo coa Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación de espacios naturais, en espacios naturais de protección xeral incluídos no Rexistro de Espacios Naturais de Protección Xeral da Xunta de Galicia, ou calquera outra zona que goce dun réxime de protección ambiental, deberá de axustarse tamén á normativa propia do espacio protexido, cando a haxa, debendo solicita-la autorización previa ó órgano xestor do espacio.

Na autorización, o referido órgano xestor poderá incorporar condicións adicionais para garantir unha mellor protección do medio natural.

3. Cando as actividades reguladas no presente decreto se desenvolvan na beiramar, na zona comprendida nunha franxa de 100 metros medida terra adentro desde o límite interior da ribeira do mar, solicitaráselle informe ó órgano competente en materia de costas, que poderá establecer condicións adicionais para a mellor protección deste espacio. O dito informe deberá ser emitido nun prazo máximo dun mes. Neste caso, suspenderase provisionalmente o prazo para resolver a que fai mención o artigo 51º.1, desde a petición do informe ata a súa recepción, circunstancia que se lle comunicará á persoa ou entidade organizadora da actividade.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 57 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado dezaseis.

TÍTULO III Escolas de tempo libre

Capítulo I Regulación das escolas de tempo libre

Artigo 58º.-Obxecto.

1. As escolas de tempo libre constitúen centros de formación, perfeccionamento e especialización de xoves educadores nas actividades e técnicas orientadas á promoción e adecuada utilización do lecer.

2. As escolas de tempo libre poden ser promovidas tanto por persoas físicas ou xurídicas, de carácter privado, como polas institucións públicas.

Artigo 59º.-Competencias.

1. Correspóndelle ao órgano directivo competente en materia de xuventude a determinación das ensinanzas que se poderán impartir nas escolas de tempo libre, a aprobación dos seus programas de formación e a expedición dos títulos acreditativos das ensinanzas recibidas nas ditas escolas, de conformidade co previsto no artigo 77 deste decreto.

2. Así mesmo, a través dos seus órganos poderá inspeccionar e supervisar en calquera momento as actividades que desenvolvan as escolas de tempo libre recoñecidas, co obxecto de velar polo cumprimento do disposto no presente título.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 59 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado dezasete.

Artigo 60º.-Ensinanzas que se impartirán.

As ensinanzas que se impartan nas escolas de tempo libre recoñecidas comprenderán no seu programa, cando menos, materias relativas a:

1. Formación en relación co suxeito destinatario das actividades de tempo libre e co medio social no que se desenvolven.

2. Técnicas e actividades de tempo libre.

3. Metodoloxía educativa de tempo libre.

Artigo 61º.-Modalidades de ensino.

1. As modalidades de ensino que poden imparti-las escolas de tempo libre son:

a) Primeiro nivel: monitores de actividades de tempo libre.

b) Segundo nivel: directores de actividades de tempo libre.

-Director de actividades de tempo libre.

-Director de campos de traballo.

2. Así mesmo, poderán realizar cursos de perfeccionamento ou especialización de carácter monográfico, de duración variable, que só conducirán á expedición dun certificado ou diploma de asistencia.

3. Con carácter xeral, establécese en vintecinco o número máximo de alumnos por curso de calquera das modalidades de ensinanzas recollidas nos puntos anteriores.

En consecuencia, as escolas de tempo libre deberán determinar para cada unha das modalidades de ensinanzas que se van impartir os criterios e requisitos previos de selección do alumnado, que se aplicarán nos cursos programados sempre que o número de solicitantes supere o máximo de alumnos establecido anteriormente.

Artigo 62º.-Idade.

A idade mínima esixida para poder matricularse nunha escola de tempo libre será a de 18 anos.

Artigo 63º.-Dirección das escolas.

1. Á fronte de cada escola de tempo libre existirá un director, que deberá dispor do título de director de actividades de tempo libre, ademais de posuír titulación universitaria.

2. Así mesmo, en cada escola existirá un profesor coordinador por cada un dos niveis de ensino que se impartan, que coordinará a acción docente dos profesores. Os profesores coordinadores deberán dispor da mesma titulación có director.

Artigo 64º.-Obrigas das escolas.

As escolas de tempo libre recoñecidas estarán obrigadas:

1. A organizar cada ano, alomenos, un curso do primeiro nivel e cada tres anos un do segundo nivel.

2. A remitirlle á Dirección Xeral da Xuventude, no mes de xaneiro de cada ano:

-Memoria detallada de actividades do ano anterior.

-Programa de actividades do ano en curso.

-Criterios e requisitos previos de selección que se van aplicar nos cursos programados nas distintas modalidades de ensinanzas.

-Relación de profesores e as súas respectivas titulacións.

-Calquera modificación dos datos que figuren no Rexistro de Escolas de Tempo Libre.

3. A comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, con antelación suficiente, o lugar e maila data dos cursos que se van impartir.

Artigo 65. Incumprimento.

1. O incumprimento do disposto nos capítulos I, II e III deste título poderá dar lugar ao cesamento de actividade como escola de tempo libre, desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, logo da apertura do oportuno expediente administrativo e audiencia ao interesado.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 65 nova redacción por artigo único apartado dezaoito.

Capítulo II Inicio de actividade

Artigo 66. Documentos esixibles ás escolas de tempo libre.

1. Toda persoa física ou xurídica que queira iniciar a prestación de servizos en escolas de tempo libre, reguladas no Título III deste decreto, no momento de emitir a declaración responsable de inicio de actividade, segundo o modelo oficial que figura no anexo VI, deberá estar en posesión da seguinte documentación:

a) Acreditación da titularidade do centro.

b) Proxecto educativo e sistema educativo da escola, con especificación das modalidades de ensinanzas que se vaian impartir.

c) Descrición detallada dos medios materiais e educativos de que disporá. A este respecto, todas as escolas de tempo libre deberán contar cun local que, como mínimo, disporá dos seguintes espazos diferenciados: espazo de atención ao público, aula, espazo especí- fico de arquivo e sala de reunións para o profesorado.

d) Os programas específicos do centro para os diferentes niveis que se pretenden impartir, de acordo cos contidos do título III deste decreto.

e) Acreditación suficiente de que o director ou directora e o profesorado posúen as titulacións exixidas no artigo 63 deste decreto.

f) Xustificación e documentación acreditativa das posibilidades de realización da fase de prácticas que a escola de tempo libre lle ofrecerá a todo o seu alumnado.

g) Documento acreditativo do pagamento da taxa correspondente.

h) Estatutos da escola de tempo libre que conterán, como mínimo, os seguintes datos:

– Denominación da escola de tempo libre, que non poderá coincidir nin ser similar con outras xa inscritas no Rexistro de Servizos á Xuventude.

– Domicilio social.

– Órganos de dirección, goberno e administración.

– Ámbito territorial en que desenvolverá as súas actividades.

– Réxime económico, con determinación da procedencia e destino dos seus recursos económicos.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 66 nova redacción por artigo único apartado dezanove.

Artigo 67. Alcance temporal da eficacia da declaración responsable.

As declaracións responsables de inicio de actividade en escolas de tempo libre terán carácter indefinido, sen prexuízo do establecido no apartado 5 do artigo 1 bis.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 67 nova redacción por artigo único apartado dezanove.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo derrogado: Artigo 68 suprimido por artigo único apartado dezanove.

Artigo 69. Rexistro.

Adscrito ao órgano directivo competente en materia de xuventude existirá un Rexistro de Escolas de Tempo Libre da Comunidade Autónoma de Galicia. Nel inscribiranse de oficio aquelas escolas de tempo libre que presentasen a declaración responsable de inicio de actividade.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 69 nova redacción por artigo único apartado dezanove.

Capítulo III Normas sobre o contido dos programas de formación, a avaliación e a expedición de títulos

Sección primeira Programas de formación

Subsección primeira Cursos de primeiro nivel. Modalidades

Artigo 70º.-Obxecto e funcións no primeiro nivel.

1. Os cursos do primeiro nivel terán por obxecto a formación de persoas capaces de realizar actividades socio-culturais e recreativas, tanto en tempo libre urbano como na natureza.

2. As funcións e tarefas para as que deben capacita- los programas formativos dos cursos de primeiro nivel son:

a) Detecta-las necesidades de intervención no tempo libre dun grupo reducido de persoas, conectándoo co seu medio.

b) Animar, dinamizar e facilita-lo desenvolvemento dun grupo de persoas.

c) Deseñar, dirixir e executar un taller.

d) Localizar recursos para o desenvolvemento das actividades.

e) Participar nun proxecto de animación xeral, responsabilizándose das tarefas específicas que lle son encomendadas.

Artigo 71º.-Curso de monitores de actividades de tempo libre.

1. Para matricularse será necesario estar en posesión, polo menos, dalgún dos seguintes títulos:

a) Graduado en educación secundaria, graduado escolar ou outro equivalente.

b) Técnico auxiliar en formación profesional ou outro equivalente.

2. Estes cursos constarán de dúas fases:

a) Fase teórico-práctica: terá unha duración mínima de 200 horas lectivas. Esta fase realizarase seguindo unha metodoloxía activa, dinámica e participativa.

Non poderá desenvolverse en menos de 20 días, nin en xornadas de máis de 10 horas diarias. O 80% delas corresponderán ós contidos fixados no programa mínimo establecido, que se recolle no anexo VII deste decreto, e o 20% restante poderá dedicarse a imparti-las ensinanzas complementarias específicas de cada escola.

b) Fase de prácticas: realizarase unha vez rematada a fase anterior. Constará dun mínimo de 14 días de actividade intensiva, que se realizará en campamentos, colonias, albergues, campos de traballo e outros, en bloques non inferiores a 3 días, ou de 150 horas de actividade periódica nunha entidade ou asociación que traballe no eido da educación no tempo libre.

As prácticas responderán a un proxecto elaborado polo participante no curso, que será orientado na súa elaboración e desenvolvemento polo titor de prácticas da escola onde realizou o curso designado a tal fin, que deberá formar parte do cadro de profesores da escola. O proxecto conterá os elementos básicos de toda intervención educativa e planificación no tempo libre. Durante o seu desenvolvemento será necesaria a existencia dun responsable de prácticas designado pola entidade receptora onde se vaia realizar, que posúa o título de monitor de actividades de tempo libre ou unha experiencia acreditada en animación socio-cultural.

A fase de prácticas desenvolverase nun prazo máximo de 2 anos desde o remate da fase teórico-práctica.

Subsección segunda Cursos de segundo nivel. Modalidades

Artigo 72º.-Cursos de segundo nivel.

1. Os cursos do segundo nivel teñen por obxecto a formación de persoas capacitadas para a coordinación dun equipo de monitores e especialistas para a organización de actividades de animación socio-cultural e recreativas, xa sexan de tempo libre urbano ou de natureza.

2. As funcións e tarefas para as que se deben capacita-los programas deste segundo nivel serán:

a) Detecta-las necesidades de intervención en grupos con características específicas.

b) Dirixir, executar e avaliar accións de animación.

c) Localizar e xerar recursos para o desenvolvemento da intervención programada.

d) Coordina-lo equipo de monitores ou especialistas que colaboren no programa.

e) Participar nun equipo multidisciplinar que desenvolva unha actividade a grande escala.

Artigo 73º.-Curso de director de actividades de tempo libre.

1. Para poder matricularse neste curso requírese:

a) Estar en posesión do título de monitor de actividades de tempo libre.

b) Posuír, polo menos, un título de ensino secundario.

c) Acreditar unha experiencia de traballo como monitor no campo da educación/animación no tempo libre de, alomenos, 250 horas ou como integrante do equipo de animación en colonias ou campamentos por un total de 30 días, despois da obtención do título de monitor.

2. Os cursos de formación constarán de dúas fases:

a) Fase teórico-práctica: terá unha duración mínima de 150 horas lectivas, que non poderán desenvolverse en menos de 15 días, nin en xornadas de máis de 10 horas diarias. O 80% destas corresponderá ós contidos fixados no programa mínimo aprobado, que se recolle no anexo VIII deste decreto, e o 20% restante poderá dedicarse ó programa propio de cada escola. Realizarase seguindo unha metodoloxía activa, dinámica e participativa.

b) Fase de prácticas: realizarase unha vez finalizada a anterior. Constará dun mínimo de 14 días de dirección dunha actividade de tempo libre, que se realizará en campamentos, colonias ou albergues cun mínimo de 50 participantes, ou en campos de traballo cun mínimo de 20 participantes, en bloques non inferiores a 3 días, ou de 150 horas de actividade periódica nunha entidade ou asociación que traballe no eido da educación no tempo libre.

As prácticas responderán a un proxecto de dirección dun equipo de monitores nunha actividade xestionada polo director nas súas fases de infraestructura, organización, execución e avaliación, dirixida a uns destinatarios concretos. Será elaborado polo participante e supervisado na súa elaboración e desenvolvemento polo titor de prácticas da escola onde realizou o curso designado a tal fin, e que deberá de formar parte do cadro de profesores da escola e posuí-lo título de director de actividades de tempo libre. Deberá conte-los elementos básicos de toda intervención educativa e planificación no tempo libre. Así mesmo, durante o seu desenvolvemento será necesaria a existencia dun técnico responsable de prácticas designado pola entidade receptora onde se vaian realizar, que deberá posuír titulación universitaria ou título de director de actividades de aire libre.

A fase de prácticas deberá desenvolverse nun prazo máximo de 2 anos desde o remate da fase teórico- práctica.

Artigo 74º.-Curso de director de campos de traballo.

1. Para matricularse é necesario estar en posesión do título de director de actividades de tempo libre e ter experiencia como director do equipo de animación de, alomenos, un campamento de 15 días.

2. O curso constará de dúas fases:

a) Fase teórico-práctica: terá unha duración de 50 horas lectivas, que non poderán desenvolverse en menos de 5 días nin en xornadas de máis de 10 horas diarias.

Esta fase realizarase seguindo unha metodoloxía participativa que combine adecuadamente a teoría e maila práctica. Os contidos seán fixados no programa mínimo aprobado que se recolle no anexo IX deste decreto.

b) Fase de prácticas: realizarase unha vez rematada a fase anterior. Constará dun mínimo de 14 días de actividade como director dun campo de traballo en prácticas.

As ditas prácticas responderán a un proxecto elaborado polo participante, que será orientado na súa elaboración e desenvolvemento polo titor de prácticas da escola onde realizou o curso designado a tal fin, e que deberá posuí-lo título de director de campos de traballo. Deberá conte-los elementos básicos de toda intervención educativa e planificación no tempo libre Así mesmo, durante o seu desenvolvemento será necesaria a existencia dun responsable de prácticas designado pola entidade receptora onde se vaian realizar, que deberá posuí-lo título de director de campos de traballo.

A fase de prácticas deberá desenvolverse nun prazo máximo de 2 anos desde o remate da fase anterior.

Artigo 75º.-Actividades complementarias.

Con carácter de actividades complementarias, cada escola de tempo libre poderá imparti-los seus programas específicos segundo o seu propio proxecto educativo.

Sección segunda Avaliación

Artigo 76º.-Procedemento de avaliación.

1. As escolas abrirán un expediente persoal de cada alumno e expedirán unha acta de avaliación de cada un dos cursos conforme o modelo normalizado que se recolle no anexo X deste decreto, na que constarán os apelidos e nome, data de nacemento, enderezo e DNI dos alumnos participantes, e o resultado de cada unha das fases do curso.

2. A avaliación da fase teórico-práctica dos distintos cursos que se impartan nas escolas de tempo libre basearase nunha avaliación continua personalizada, que se efectuará ó longo do curso, e unha avaliación final escrita, de acordo coa ponderación que para cada un dos sistemas de avaliación estableza cada escola, que será de xeral aplicación a tódolos cursos que imparta. A referida ponderación deberá recollerse nos estatutos de cada escola, dentro do epígrafe relativo ó sistema educativo que se utilizará e modalidades dos cursos que se impartirán.

Non obstante, ningunha escola poderá avaliar aqueles alumnos que non asistan como mínimo ó 80% das sesións da referida fase.

3. A avaliación da fase de prácticas dos distintos cursos que impartan as escolas de tempo libre efectuarase, unha vez desenvolvida a actividade proxectada, con base na memoria elaborada polo participante no curso, que recollerá o desenvolvemento da actividade, o informe do responsable de prácticas da entidade receptora e o informe do titor de prácticas.

No suposto de que a fase de prácticas se desenvolva nunha actividade organizada pola Dirección Xeral de Xuventude, o informe desta considerarase vinculante para os efectos da avaliación da referida fase.

4. Para a obtención do título necesitarase superar satisfactoriamente as dúas fases do curso.

Sección terceira Expedición e homologación de títulos

Artigo 77. Expedición de títulos acreditativos.

1. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado expedirá os títulos acreditativos correspondentes ás ensinanzas que impartan as escolas de tempo libre, de conformidade coas actas de avaliación de cada escola que imparta o curso, logo da solicitude desta, á que se achegará o documento acreditativo do pagamento das taxas correspondentes.

2. No prazo de 10 días, os servizos competentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado examinarán o expediente e, no suposto de que a documentación achegada conteña erros ou resulte insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de 10 días, proceda á emenda das deficiencias, con indicación de que, se non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ditarse nos termos do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Unha vez completo o expediente, dentro do prazo de dous meses a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado procederá a resolver a solicitude mediante a expedición dos títulos correspondentes a aquel alumnado que superase satisfactoriamente o curso. De ditarse resolución en prazo e se esta for desestimatoria da expedición dos títulos, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, ante a persoa titular da consellería competente en materia de xuventude.

4. En cada título farase constar o nome e apelidos, DNI, data de nacemento do interesado ou interesada, domicilio e escola onde realizou o curso.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 77 nova redacción por artigo único apartado vinte.

Artigo 78. Homologación de títulos.

Os títulos expedidos polos órganos competentes doutras comunidades autónomas do Estado ou da autoridade competente de calquera Estado membro da Unión Europea poderán ser obxecto de homologación cos títulos regulados no capítulo III do título III deste decreto, polo órgano autonómico competente en materia de xuventude, conforme o procedemento regulado no artigo seguinte.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Artigo 78 nova redacción por artigo único apartado vinte.

Artigo 78 bis. Procedemento de homologación.

1. Para os efectos de homologación de títulos, a persoa interesada deberá presentar unha solicitude de homologación, conforme o modelo normalizado que figura no anexo XII deste decreto, e poderá presentalo no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, nos rexistros dos órganos territoriais ou en calquera dos rexistros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, tamén poderá presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

A dita solicitude deberá dirixirse á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado xunto coa seguinte documentación:

a) Datos identificativos da persoa solicitante: nome, apelidos, nacionalidade, domicilio.

b) Órgano competente da comunidade autónoma ou do Estado membro da Unión Europea que expediu o título.

c) Certificación ou copia compulsada do título expedido pola autoridade competente.

d) Documentación acreditativa do contido formativo do título recoñecido pola autoridade competente, expedida pola escola de tempo libre ou polo órgano de natureza análoga que impartise o curso.

e) Título con que se pretende homologar de entre os que figuran no capítulo III do título III deste decreto.

f) Documento acreditativo do pagamento da taxa correspondente.

2. Unha vez recibida a solicitude, xunto á documentación exixida, o órgano competente procederá a verificar, dentro do prazo de trinta días, a documentación presentada e, especificamente, a homoxeneidade existente entre o contido formativo do título presentado para homologar co exixible para o que se solicita a homologación.

3. De atopar toda a documentación completa e de existir homoxeneidade entre os contidos formativos, enviaráselle unha proposta favorable á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, para que no prazo máximo de dous meses proceda á súa homologación. Se unha vez transcorridos tres meses desde a presentación da solicitude, non foi ditada resolución expresa, a solicitude de homologación entenderase estimada por silencio administrativo.

4. Se, pola contra, se detectar que a documentación presentada se atopa incompleta, conferiráselle á persoa solicitante un prazo de dez días para que a achegue ou proceda á súa emenda. Logo de transcorrido ese prazo sen que se proceda a emendala ou achegala, entenderase desistido no procedemento, logo de resolución que declare tal circunstancia.

5. De igual forma, se se detectar a inexistencia de homoxeneidade entre os contidos formativos, o servizo competente especificaralle na súa proposta á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado o título en que debe ser homologado, entre os regulados no capítulo III do título III deste decreto, e pode especificar que cursos ou formación complementaria deberá realizar a persoa solicitante para a homologación do título solicitado, así como o prazo de tempo en que debe cursalos.

6. No suposto do punto anterior, o interesado ou interesada poderá interpoñer, no prazo dun mes, un recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de xuventude.

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo engadido: Artigo 78 bis engadido por artigo único apartado vinte.

Capítulo IV Escola Galega de Lecer e Tempo Libre

Artigo 79º.-Obxectivos.

A Escola Galega de Lecer e Tempo Libre será a oficial da Comunidade Autónoma de Galicia e ten como obxectivos:

1. Velar polo nivel técnico das ensinanzas impartidas polas escolas de tempo libre oficialmente recoñecidas nos diferentes graos de formación e titulación recollidos no presente título.

2. Avaliar e conforma-los cursos que imparten as escolas de tempo libre oficialmente recoñecidas.

3. Realizar cursos e actividades de formación complementarias ás realizadas polas diferentes escolas de tempo libre e, en especial, aquelas que teñan por obxecto a especialización en áreas concretas de coñecemento dos monitores e directores de actividades de tempo libre.

4. Elaborar anualmente un plan de ordenación de ensinanzas en materia de tempo libre tendo en conta o número e distribución territorial das escolas de tempo libre existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Emiti-los informes que lle solicite a Dirección Xeral de Xuventude, en relación ás materias reguladas no presente título.

Artigo 80º.-Composición.

O órgano de dirección da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre estará constituído polos seguintes membros:

1. Un presidente, que será o subdirector xeral de Promoción e Actividades da Dirección Xeral de Xuventude.

2. Un secretario, que será o funcionario xefe do Servicio de Promoción de Actividades encargado do desenvolvemento e seguimento dos distintos programas dedicados á xuventude.

3. Vocais, que serán os xefes de Servicio de Xuventude das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 81º.-Funcionamento.

O réxime de funcionamento do órgano colexiado de dirección da escola virá determinado polo establecido para estes órganos no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 82º.-Reunións.

O órgano de dirección da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre reunirase cando sexa convocado polo seu presidente e, en todo caso, no mes de xaneiro de cada ano, co fin de avaliar e conforma-la programación anual presentada por cada unha das escolas de tempo libre oficialmente recoñecidas, así como para aproba-lo plan anual de actuacións da propia escola.

Artigo 83º.-Domicilio social.

O domicilio social da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre queda fixado na sede da Dirección Xeral de Xuventude. Nembargantes, os cursos e actividades de formación convocados pola Escola Galega de Lecer e Tempo Libre desenvolveranse nas instalacións que se fixen na convocatoria de cada curso ou actividade concreta.

TÍTULO IV Censo de entidades xuvenís

Artigo 84º.-Censo de entidades xuvenís.

1. Na Dirección Xeral de Xuventude existirá un censo no que se inscribirán as entidades xuvenís e prestadoras de servicios á xuventude que o soliciten de conformidade co establecido neste título.

2. Este censo terá unha vixencia anual, polo que as entidades que desexen continuar nel deberán ratifica- la súa inscrición tódolos anos, utilizando para isto o modelo que se xunta no anexo XIII.

Artigo 85º.-Carácter e estructura.

O censo será único e terá dous epígrafes:

1. O de entidades xuvenís.

2. O de entidades prestadoras de servicios á xuventude.

Artigo 86º.-Entidades xuvenís.

No epígrafe de entidades xuvenís poderán ser obxecto de inscrición:

1. As asociacións xuvenís.

2. As organizacións xuvenís.

3. Os consellos da xuventude municipais ou de ámbito local debidamente constituídos.

Artigo 87º.-Entidades prestadoras de servicios á xuventude.

1. No epígrafe de entidades prestadoras de servicios á xuventude poden inscribirse as asociacións de carácter xeral que estatutariamente prevexan a existencia dunha rama ou sección xuvenil e que entre os seus fins recollan a dedicación a actividades para mozos.

2. Neste epígrafe quedan excluídas as asociacións que son especificamente de tipo docente ou deportivo.

Artigo 88º.-Esixibilidade da inscrición.

Será condición indispensable para poder recibir calquera das subvencións que convoque a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en materia de xuventude estar inscrito no censo no ano en que estas se convoquen.

Artigo 89º.-Presentación de solicitudes.

O procedemento para a inscrición inicial no censo comezará coa presentación da solicitude dirixida á Dirección Xeral de Xuventude, segundo o modelo que figura no anexo XIV, subscrita por persoa suficientemente acreditada, xunto cos seguintes documentos:

1. Copia da acta de constitución da entidade.

2. Copia dos estatutos.

3. Copia do certificado de inscrición no rexistro correspondente, segundo a natureza xurídica de cada entidade.

4. Código de identificación fiscal.

5. A sección B do anexo XIII cuberto en tódolos seus espacios.

Artigo 90º.-Resolución.

1. Presentada a solicitude coa documentación esixida, no caso de ser correcta, procederase á inscrición no epígrafe correspondente do censo, notificándollo ó interesado xunto co número de orde asignada nun prazo máximo de quince días desde a presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen dictarse resolución, a solicitude entenderase estimada.

2. No suposto de que na documentación presentada se detectasen defectos ou non se acrediten suficientemente os requisitos esixidos, requirirase o solicitante para que os corrixa no prazo de dez días. Transcorrido este prazo sen corrixirse os defectos considerarase desistido, logo de resolución en tal sentido.

Artigo 91º.-Nova solicitude e modificacións.

1. As entidades rexistradas no censo deberán presentar no mes de decembro de cada ano a solicitude que figura na sección A do anexo XIII onde se manifeste o seu desexo de continuar inscrita no censo e se comuniquen as posibles modificacións dos datos existentes nel, se é o caso.

2. A non presentación desta solicitude no prazo indicado comportará a caducidade da inscrición, logo de resolución administrativa na que así se declare.

Artigo 92º.-Incumprimento.

1. Cando unha entidade incumpra as condicións precisas para a súa permanencia no censo, poderá acordarse a súa cancelación, tanto de oficio como por instancia do interesado, logo da instrucción do oportuno expediente coa audiencia do interesado, agás nos casos de caducidade da inscrición regulados no artigo 91º.

2. A resolución na que se acorde a cancelación da inscrición deberá ser motivada e contra esta poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo dun mes.

TÍTULO V Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil

Capítulo I Disposicións xerais

Artigo 93º.-Rede de Información e Documentación Xuvenil.

A Rede de Información e Documentación Xuvenil de Galicia configúrase como un servicio público de estructura territorial que articula e coordina as iniciativas promovidas tanto por organismos públicos como por entidades privadas sen ánimo de lucro, encamiñadas a prestarlles información e asesoramento ós mozos e mozas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 94º.-Obxectivos.

A Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil terá como obxectivos:

1. Asegurar que as prestacións dos servicios de información xuvenil se desenvolvan en condicións axeitadas.

2. Garanti-la difusión de Información Xuvenil ampla e actualizada en todo o ámbito da Comunidade Autónoma.

3. Favorece-la implantación dos mecanismos de información precisos para posibilita-la igualdade de oportunidades entre a xuventude galega.

Artigo 95º.-Constitución da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil.

Constituirán a Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil tanto os servicios de información e documentación directamente dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, como aqueloutros recoñecidos e rexistrados conforme o disposto neste título.

Artigo 96º.-Condición de servicios de información e documentación xuvenil.

1. Para os efectos deste decreto, terán a condición de servicios de información e documentación xuvenil aqueles que, promovidos por persoas físicas ou xurídicas a través de iniciativas públicas ou privadas, sen ánimo de lucro, teñan por obxecto o exercicio de actividades de carácter informativo dirixidas á xuventude e prestadas directamente ó público.

2. A información que elaboren e proporcionen os servicios de información xuvenil abranguerá tódolos aspectos que afecten directamente ós mozos e mozas ou aqueles que sexan do seu interese, aínda que poderán constituírse servicios especializados en materias concretas, sen que isto implique que prescindan dos restantes aspectos de información.

Artigo 97º.-Denominación dos servicios de información xuvenil.

1. Os servicios de información xuvenil poderán ter denominación propia mais esta deberá estar sempre acompañada do nome xenérico de oficinas ou puntos municipais de información xuvenil ou puntos de información xuvenil, manifestando o seu carácter informativo e xuvenil.

2. Os servicios de información xuvenil dependentes da Dirección Xeral de Xuventude exhibirán tamén a súa condición de servicios da Xunta de Galicia.

3. A pertenza á Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil será imprescindible para ter acceso á Rede Nacional e Internacional de Información e Documentación Xuvenil.

4. Os servicios de información xuvenil colocarán en lugar ben visible para o público o logotipo que identifica internacionalmente estes servicios, segundo o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Xuventude, así como a acreditación de inscrición no Rexistro de Oficinas e Puntos de Información Xuvenil.

Capítulo II Funcionamento e estructura da rede

Artigo 98º.-Funcións da Dirección Xeral de Xuventude en relación coa Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil.

1. En relación co funcionamento da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, corresponden á Dirección Xeral de Xuventude as seguintes funcións:

a) Representa-la Comunidade Autónoma galega nas relacións de colaboración e coordinación con outros organismos semellantes da Administración central, autonómica ou internacional.

b) Velar polo cumprimento do establecido neste decreto, na busca de eficiencia, calidade e obxectividade dos servicios de información xuvenil.

c) Constituí-las comisións que considere necesarias para a análise, estudio e coordinación dos servicios de información xuvenil.

e) Velar porque se cumpran as condicións de apertura e funcionamento dos servicios de información e documentación xuvenil que conforman a Rede de Información e Documentación Xuvenil de Galicia.

f) Leva-lo rexistro dos servicios de información xuvenil que forman parte da rede galega.

g) Propicia-la celebración de convenios de colaboración con outras entidades dedicadas á subministración de información ós mozos.

2. A Dirección Xeral de Xuventude poderá, logo da tramitación do oportuno expediente, excluír da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil os servicios que contraveñan o establecido neste decreto.

Decreto 148/2008, do 26 de xuño.

Artigo modificado: Artigo 98 apartado 1 d) derrogado por disposición derrogatoria única.

Artigo 99º.-Constitución dos servicios de información e documentación xuvenil.

Os servicios de información e documentación xuvenil da Comunidade Autónoma de Galicia quedan constituídos por:

1. Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil.

2. Oficinas municipais de información xuvenil.

3. Puntos municipais de información xuvenil.

4. Puntos de información xuvenil.

Artigo 100º.-O centro coordinador.

O Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil é unha unidade adscrita orgánica e funcionalmente á Dirección Xeral de Xuventude. O centro terá as seguintes funcións:

1. Recoller, catalogar, elaborar e distribuír canta información sexa de interese para os mozos e mozas.

2. Promover e fomenta-la creación de servicios de información e documentación integrantes da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil.

3. Coordina-las funcións informativas e de documentación do conxunto dos servicios da Rede Galega de Información Xuvenil.

4. Cooperar con entidades, organizacións e institucións públicas ou privadas, na elaboración e execución dos programas de xuventude.

5. Fomenta-la incorporación á rede galega dos procesos de innovación tecnolóxica que faciliten o acceso dos mozos e mozas galegos á información.

6. Subministrarlles información ós servicios que forman parte da Rede de Información e Documentación Xuvenil, con especial referencia ós plans de emprego e ofertas de traballo para os mozos e mozas.

7. Organizar cursos de formación complementaria do persoal dos servicios de información xuvenil.

8. Asesorar sobre a creación e a apertura de servicios de información xuvenil.

9. Establecer liñas de traballo cos servicios de información xuvenil que supoñan un desenvolvemento do conxunto da rede.

10. Asesorar en materia xurídica, educativa, de emprego, vivenda, programas europeos e outras que se consideren oportunas. Terá por obxecto o desenvolvemento de actividades de orientación específica sobre materias de interese xuvenil, coa finalidade de ofrece-la resposta axeitada ás demandas dos mozos e mozas.

11. Calquera outra que puidera serlle encomendada pola Dirección Xeral de Xuventude.

Artigo 101º.-O persoal do centro coordinador.

O Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil contará coa dotación de persoal necesaria para levar a cabo a súa función e, en especial, con persoal cualificado no tratamento e procesamento da información e nas aplicacións informáticas.

Artigo 102º.-Oficinas municipais de Información Xuvenil.

1. A Oficina Municipal de Información Xuvenil é unha estructura informativa de carácter municipal que presta servicios de información ós mozos e mozas do seu concello, ben directamente ben a través de puntos municipais de información xuvenil a ela vinculados.

2. As oficinas municipais de Información Xuvenil contarán como mínimo con:

a) Un local axeitado de uso exclusivo, distribuído en dúas zonas claramente diferenciadas e separadas, unha para o traballo de organización e elaboración dos materiais de consulta e outra para a atención ó público.

b) Un horario de atención ó público non inferior ás 25 horas semanais.

c) Un plan de actividades de dinamización da información.

d) Un cadro de persoal proporcionado ó volume dos servicios que presta e ó número de usuarios. O responsable da oficina debe posuír, como mínimo, unha titulación universitaria de grao medio e ter coñecemento acreditado da lingua galega. Previamente ó recoñecemento da oficina recibirá no centro coordinador formación básica no eido da información xuvenil.

e) A dotación do material suficiente para cumprir con efectividade as tarefas de información e documentación, debendo dispoñer, como mínimo, do seguinte soporte informático: un ordenador conectado á Rede de Información Xuvenil (RIX) e correo electrónico.

3. As oficinas municipais de información xuvenil poderán contar con asesorías especializadas, sempre que dispoñan de persoal cunha formación suficiente para o desenvolvemento dos ditos servicios.

Artigo 103º.-Puntos municipais de información xuvenil e puntos de información xuvenil.

1. O punto de información xuvenil é un servicio de información que pon directamente á disposición do público materiais informativos, subministrados na súa totalidade ou na maior parte polo centro coordinador ou polas oficinas municipais de Información Xuvenil no caso de que sexan puntos municipais de información xuvenil.

2. Poderán ser promovidos por persoas físicas ou xurídicas, a través de iniciativas públicas ou privadas sen ánimo de lucro, tendo por obxecto o exercicio de actividades de carácter informativo dirixidas á xuventude e prestadas directamente ó público.

3. Os concellos nos que existan núcleos dispersos de poboación poderán solicitar puntos municipais de información xuvenil dependentes das oficinas municipais de información xuvenil que lles subministrarán materiais infomativos.

Artigo 104º.-Infraestructura dos puntos de información xuvenil.

Os puntos municipais de información xuvenil e os puntos de información xuvenil contarán como mínimo con:

1. Un local de uso exclusivo ou un espacio propio e diferenciado daqueles dedicados a outros servicios dentro do mesmo local, suficiente para alberga-lo material, soportes de consulta e atende-lo público.

2. Un horario de atención ó público non inferior ás 10 horas semanais.

3. Un plan de actividades de dinamización da información.

4. Un cadro de persoal proporcionado ó volume dos servicios que se prestan e ó número de usuarios. O responsable do punto terá unha titulación mínima de bacharelato, técnico superior, técnico especialista en formación profesional ou outra equivalente e ter coñecemento acreditado da lingua galega. Previamente ó recoñecemento do punto recibirá no centro coordinador formación básica no eido da información xuvenil.

5. A dotación do material suficiente para cumprir con efectividade as tarefas de información e documentación, debendo dispoñer como mínimo do seguinte soporte informático: un ordenador conectado á Rede Galega de Información Xuvenil (RIX) e correo electrónico.

Artigo 105º.-Espacios de autoconsulta.

Tanto as oficinas e puntos municipais de información xuvenil como os puntos de información xuvenil poden ter en lugares diferentes do local propio espacios de autoconsulta que faciliten o acceso directo dos mozos e mozas á información que lles poida interesar.

Capítulo III Procedemento de recoñecemento dos servicios de información xuvenil

Artigo 106º.-Recoñecemento oficial dos servicios de información xuvenil.

O recoñecemento oficial dos servicios de información xuvenil corresponderalle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Para o dito recoñecemento, ben se trate de oficinas ou puntos municipais de información xuvenil como de puntos de información xuvenil, deberá presentarse ante a delegación provincial correspondente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación:

1. Solicitude normalizada segundo o modelo oficial que aparece recollida no anexo XV.

2. Memoria que considerará, como mínimo, os seguintes aspectos:

-Xustificación da conveniencia da creación do Servicio de Información Xuvenil no ámbito territorial no que se vai desenvolve-la súa actividade.

-Infraestructura, equipamento, medios materiais e persoal de que dispón, especificando a súa titulación, tipo de contrato e duración da relación laboral.

-Orzamento anual e previsións de financiamento.

-Plans das actividades de dinamización da información que se desenvolverán desde o servicio.

3. Acreditación da capacidade do solicitante:

3.1. Se se trata de persoa física:

-Fotocopia do DNI.

3.2. Se se trata de persoa xurídica privada:

-Copia dos estatutos.

-Composición do órgano de goberno.

-Certificación que acredite a súa inscrición no rexistro correspondente.

-Certificación acreditativa do órgano de goberno competente para acorda-la creación do Servicio de Información Xuvenil.

-Poder acreditado da persoa que a representa.

3.3. Se se trata de ente ou corporación pública:

-Copia dos estatutos, se procede.

-Certificación do acordo do órgano competente polo que se crea o Servicio de Información Xuvenil.

Artigo 107º.-Simultaneidade de solicitudes.

Se unha persoa física ou xurídica presenta simultaneamente máis dunha solicitude de recoñecemento de servicios de información xuvenil, abondará con que achegue unha soa vez a documentación á que se refire o punto 3 do artigo anterior.

Artigo 108º.-Comprobacións e aclaracións da documentación presentada.

1. A delegación provincial poderá realiza-las oportunas comprobacións e solicitar cantas aclaracións e precisións considere necesarias tanto á persoa solicitante como a outros organismos.

2. Completada a documentación que se esixe no artigo 105º deste decreto, a delegación provincial remitirá á Dirección Xeral de Xuventude no prazo de dez días o expediente completo e informe motivado sobre a conveniencia ou non do recoñecemento.

3. A Dirección Xeral de Xuventude dictará resolución no prazo de seis meses, procedendo, se é o caso, a inscribila no Rexistro de Oficinas e Puntos de Información Xuvenil.

Artigo 109º.-Orientación e inspeccións destes servicios.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude orientará e inspeccionará o funcionamento dos servicios de información e documentación xuvenil a través dos servicios da delegación provincial correspondente.

Capítulo IV Rexistro dos servicios de información xuvenil

Artigo 110º.-Rexisto dos servicios de información e documentación xuvenil.

1. O Rexistro dos Servicios de Información e Documentación Xuvenil dependente da Dirección Xeral de Xuventude terá carácter público con respecto a tódalas inscricións que deban constar nel.

Neste rexistro figurarán inscritos tanto os servicios dependentes da Dirección Xeral de Xuventude como os restantes que se recoñezan.

2. No rexistro faranse consta-los seguintes datos: número que lle corresponde, denominación da oficina ou punto de información xuvenil, ámbito territorial, enderezo, nome do solicitante e entidade da que depende.

3. Como consecuencia desta inscrición expedirase a correspondente certificación.

Artigo 111º.-Modificación dos datos no rexistro.

1. Calquera modificación que se produza nos servicios de información xuvenil con respecto ós datos que figuran no rexistro deberá poñerse en coñecemento da Dirección Xeral de Xuventude, do mesmo xeito que se comunicará a suspensión temporal ou cesamento das actividades ou instalacións dos servicios recoñecidos.

2. A baixa dos servicios de información e documentación xuvenil no rexistro poderá producirse ben por instancia da entidade titular do servicio por cesamento da actividade ou ben ser realizada de oficio polos servicios da Dirección Xeral de Xuventude logo de comprobación do cesamento da actividade ou o incumprimento do previsto neste decreto.

TÍTULO VI Comisión Interdepartamental de Xuventude

Artigo 112º.-Finalidade.

1. A Comisión Interdepartamental de Xuventude ten como finalidade se-lo órgano coordinador dos departamentos da Administración autónomica galega nas súas actuacións en materia de xuventude.

2. A Comisión Interdepartamental de Xuventude estará adscrita á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 113º.-Funcións propias da comisión.

Serán funcións propias da comisión:

1. O estudio, análise e informe dos problemas da xuventude galega, elevando, se é o caso, propostas de medidas concretas á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. A elaboración de propostas para incluír no Plan Integral de Xuventude.

3. A coordinación e avaliación das actuacións especificamente relacionadas coa xuventude que vaian realiza-los distintos departamentos da Xunta de Galicia.

4. O estudio dos proxectos de disposicións normativas de carácter sectorial reguladoras de materias especificamente relacionadas coa xuventude.

5. Promove-la articulación de accións para a xuventude por parte das administracións locais e das asociacións, e cooperar no seu desenvolvemento.

6. O fomento das actuacións dirixidas á prestación de servicios á xuventude na procura de mellora-la súa calidade de vida e a súa participación nos ámbitos social, laboral, político e cultural de Galicia, así como á cooperación e intercambio cultural no mundo xuvenil.

7. Cantas outras actuacións lle encomenden as disposicións legais ou a Xunta de Galicia.

Artigo 114º.-Composición da comisión.

1. A Comisión Interdepartamental de Xuventude estará composta por:

a) Presidente: presidente da Xunta de Galicia.

b) Vicepresidente: a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

c) Vocais:

1. O director xeral de Xuventude.

2. Os titulares das seguintes secretarías xerais dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia:

-Secretaría Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas.

-Secretaría Xeral para o Deporte.

-Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior.

-Secretaría Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal.

-Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

-Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

3. Un representante coa categoría de director xeral de cada unha das restantes consellerías; a súa designación será realizada polo conselleiro respectivo.

4. Un representante do Consello da Xuventude de Galicia, designado polo presidente do dito consello.

5. Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias, designado polo presidente da dita federación.

d) Secretario: o subdirector xeral de Programas da Dirección Xeral de Xuventude, da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

No caso de ausencia ou enfermidade do secretario, será substituído temporalmente polo subdirector xeral de Promoción de Actividades da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Por cada membro titular nomearase tamén un suplente, que no caso do vicepresidente será o director de Xuventude, e no caso de directores xerais ou secretarios xerais terá categoría de subdirector xeral.

3. Deberá comunicárselle ó secretario, antes de abri-la reunión da comisión, a substitución de calquera dos vocais titulares ou do vicepresidente polo seu suplente.

4. Ó secretario da comisión, ademais das funcións reguladas no artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, corresponderalle:

a) Recibir e ordena-la información e mailas propostas das comisións de traballo que se creen.

b) Difundir e coordina-la información e propostas recibidas.

O secretario da comisión actuará auxiliado cos medios persoais e materiais da Dirección Xeral de Xuventude.

Artigo 115º.-Funcionamento da comisión.

1. A Comisión Interdepartamental de Xuventude funcionará:

-En Pleno.

-En Comisión Permanente.

-En comisións de traballo.

2. O Pleno estará integrado por tódolos membros da Comisión Interdepartamental de Xuventude. Reunirase, polo menos, en sesión ordinaria dúas veces ó ano e, con carácter extraordinario, cando sexa convocado polo presidente, ben sexa por iniciativa propia ou por pedimento da Comisión Permanente ou da metade dos vocais.

3. A Comisión Permanente estará composta polo presidente, que será a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e seis vocais designados polo Pleno entre os seus membros. O presidente da Comisión Permanente poderá delegar no vicepresidente nos casos de ausencia ou enfermidade.

Corresponderalle á Comisión Permanente:

a) Elabora-los documentos base de traballo do Plan Integral de Xuventude a partir das propostas facilitadas polas comisións de traballo.

b) Preparar e poñer á disposición do Pleno da comisión a información e documentación que solicite.

c) Cantas outras lle sexan encomendadas polo Pleno.

A Comisión Permanente reunirase unha vez cada tres meses de xeito ordinario e, por convocatoria do seu presidente, cantas veces sexa necesario para o desenvolvemento dos acordos.

O secretario da Comisión Interdepartamental de Xuventude actuará, así mesmo, de secretario da Comisión Permanente.

4. O Pleno creará comisións de traballo por áreas, que poderán ser permanentes ou específicas, e estarán formadas polos membros que aquel designe para o efecto, que poderán estar asistidos polos expertos ou asesores que procedan en función do tema de que se trate. Corresponderalles ás comisións de traballo a análise sectorial, a recolla de información, a elaboración de propostas e demais competencias que sinale o Pleno.

A presidencia destas e o seguimento dos traballos que efectúen corresponderalle á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou persoa en quen delegue.

As comisións de traballo reuniranse coa periodicidade que elas mesmas consideren ou por petición do seu presidente.

5. As consellerías e secretarías designarán un representante permanente, con categoría mínima de xefe de sección, coa finalidade de acadar fluidez na interlocución dos asuntos relacionados coa comisión, que poderán participar nas comisións de traballo e asistir ás reunións da comisión se fosen requiridos para iso, con voz pero sen voto.

6. O funcionamento da Comisión Interdepartamental de Xuventude acomodarase ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre órganos colexiados.

Disposicións adicionais

Primeira.-

Os servicios existentes que non se integren na Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil non poderán ter acceso á Rede Nacional e Internacional de Información e Documentación Xuvenil de acordo co previsto no artigo 97.3º deste decreto.

Segunda.-

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá crear servicios de información xuvenil dependentes da Dirección Xeral de Xuventude.

Disposicións transitorias

Primeira.-

Non lles será de aplicación o disposto nos artigos 6.2º e 13.9º do título primeiro deste decreto ás instalacións xuvenís reguladas no mesmo que xa estiveran funcionando como tales o un de marzo de 1997, para os efectos do seu recoñecemento oficial, sen prexuízo da súa aplicación ás obras de reforma ou ampliación que se fagan a partir desa data, conforme o disposto no artigo 5º do presente decreto.

Segunda.-

Ás instalacións que, adecuándose ás características recollidas neste título para os diferentes tipos de instalacións xuvenís reguladas nel, non obteñan o recoñecemento oficial como tales, seralles de aplicación a normativa sectorial de turismo correspondente segundo as súas características. Así mesmo, non poderán utiliza-las denominacións e logotipo que para cada tipo de instalación xuvenil se recollen no anexo V deste decreto, nin calquera outra que poida dar lugar a confusión sobre o seu destino á poboación xuvenil.

Terceira.-

Asimílanse ós campamentos xuvenís as colonias, centros de vacacións e campamentos residenciais regulados no Decreto 2253/1974, do 20 de xullo, da Presidencia do Goberno, sobre organización de campamentos, albergues, centros de vacacións, colonias e marchas xuvenís (BOE nº 195, do 15 de agosto).

Cuarta.-

Os títulos ou diplomas expedidos ou homologados conforme as modalidades recollidas na Orde do 22 de outubro de 1985 e na Orde do 15 de marzo de 1991 manterán a súa vixencia. A este respecto, en relación coas titulacións reguladas na Orde do 22 de outubro de 1985, os títulos de monitor de actividades de tempo libre, xefe de campamento xuvenil e animador xuvenil quedan homologados ó de monitor de actividades de tempo libre e os títulos de director de actividades de tempo libre na especialidade de campamentos e centros de xuventude quedan homologados ó de director de actividades de tempo libre.

Quinta.-

As escolas de tempo libre oficialmente recoñecidas no ámbito da Comunidade Autónoma galega con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1996 deberán establecer e incluír nos seus respectivos estatutos a ponderación á que se refire o artigo 76.2º do presente decreto previamente á impartición de calquera curso e deberán comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude a dita modificación estatutaria, como requisito previo para a súa aplicación.

Sexta.-

O persoal do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil estará integrado por persoal da actual estructura da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, non orixinando incremento de gasto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto e, en particular:

1. Decreto 313/1995, do 23 de novembro, polo que se regula o recoñecemento das escolas de tempo libre, se aproban os programas de formación que se van impartir e se establece a composición e funcionamento do órgano de dirección da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre (DOG nº 237, do 13 de decembro) e o Decreto 381/1996, do 17 de outubro, polo que se modifica o Decreto 313/1995, do 23 de novembro (DOG nº 213, do 30 de outubro).

2. Decreto 144/1996, do 17 de abril, polo que se crea a Comisión Interdepartamental de Xuventude (DOG nº 81, do 25 de abril), e o Decreto 276/1998, do 24 de setembro, polo que se modifica o artigo 5 do Decreto 144/1996, do 17 de abril (DOG nº 198, do 13 de outubro).

3. Decreto 223/1996, do 30 de maio, polo que se regulan as actividades de aire libre dirixidas á xuventude no territorio da comunidade galega (DOG nº 113, do 10 de xuño).

4. Decreto 33/1997, do 13 de febreiro, polo que se regula o recoñecemento oficial e as condicións técnicas das instalacións xuvenís no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 41, do 28 de febreiro).

5. Decreto 243/1998, do 30 de xullo, polo que se regula a Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil e as condicións e procedementos para o recoñecemento oficial dos servicios de información xuvenil (DOG nº 158, do 17 de agosto).

6. Orde do 21 de marzo de 1991 pola que se dictan normas para a elaboración dun censo de entidades xuvenís e prestadoras de servicios á xuventude.

Disposicións derradeiras

Primeira.-

Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para que dicte cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-

Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO I

[Documento: dec_CTB------_00058_2012_20120112]

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Anexo I nova redacción por artigo único apartado vinte e un.

ANEXO II

[Documento: dec_CTB------_00058_2012_20120112]

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Anexo II nova redacción por artigo único apartado vinte e un.

ANEXO IV

[figura]

[figura]

[figura]

[figura]

[figura]

ANEXO V

[Documento: dec_CTB------_00058_2012_20120112]

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Anexo V nova redacción por artigo único apartado vinte e un.

ANEXO VI

[Documento: dec_CTB------_00058_2012_20120112]

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Anexo VI nova redacción por artigo único apartado vinte e un.

ANEXO VII

PROGRAMA PARA O CURSO DE MONITORES DE ACTIVIDADES DE TEMPO LIBRE

(200 horas lectivas)

1ª parte: 45 horas lectivas.

A) Área de psicosocioloxía.

1. Psicoloxía.

1.1. Concepto e campos de aplicación da psicoloxía.

1.2. Psicoloxía evolutiva: estudio das características de cada etapa evolutiva.

1.3. O proceso de socialización. O xogo como elemento socializador.

2. O grupo. Tipoloxía e organización. Dinámica de grupos.

2.1. Roles dun grupo.

2.2. Características fundamentais dos grupos infantís e xuvenís.

2.3. Liderado.

2.4. Técnicas de animación de grupos.

2.5. Técnicas de resolución de conflictos.

2.6. O traballo en equipo.

3. Socioloxía.

3.1. Lecer e tempo libre: características, funcións e modalidades.

3.2. Dimensión no ámbito vital da persoa nas súas diferentes etapas evolutivas.

3.3. Aproximación ó estudio do medio social galego. O medio urbano. O medio rural. Características e posibilidades de actuación.

3.3.1. Educación no tempo libre e inserción na cultura de Galicia.

3.3.2. Coñecementos culturais, xeográficos, folclóricos, socio-políticos e económicos de Galicia.

3.4. Importancia da prevención e asistencia primaria: intervención desde o tempo libre.

B) Área de educación e tempo libre: metodoloxía educativa.

1. A educación no tempo libre.

2. Conceptos fundamentais da pedagoxía.

3. Necesidades educativas especiais no tempo libre. Inadaptación e marxinación.

4. Bases do proxecto formativo. Principios educativos.

5. Educación de valores.

6. Metodoloxía e programación. Fases na elaboración do programa.

7. O xogo como instrumento didáctico na educación no tempo libre.

8. O educador/a de tempo libre: aspectos psicolóxicos, sociolóxicos e pedagóxicos.

9. A colaboración na escola.

2ª parte: 65 horas lectivas.

Área de animación. As técnicas.

1. A animación: concepto e uso da animación no tempo libre.

2. O xogo. Tipoloxía de xogos.

3. Seráns e lumes de acampada.

4. Introducción ás técnicas de expresión e comunicación.

4.1. Expresión literaria.

4.2. Expresión musical.

4.3. Expresión dramática: corporal e oral.

4.4. Expresión plástica.

4.5. Medios audiovisuais.

4.6. Animación deportiva.

3ª parte: 35 horas lectivas.

Área de educación ambiental e natureza.

1. Introducción á educación ambiental.

1.1. O concepto de medio e natureza.

1.2. Problemática e alternativas.

1.3. Medio e natureza en Galicia.

1.4. Bases para o estudio de itinerarios nos ecosistemas galegos, con especial atención ós propios dos itinerarios elixidos para o curso. Utilización didáctica deles.

1.5. Os itinerarios de interpretación ambiental na práctica.

1.6. Xogos de educación ambiental.

2. Técnicas de campismo e excursionismo.

2.1. A marcha.

2.2. Orientación. Xogos de orientación.

2.3. Introducción á meteoroloxía.

2.4. Topografía e cartografía.

2.5. Técnicas de acampada.

4ª parte: 30 horas lectivas.

Área de educación para a saúde.

1. A hixiene e a sanidade nas actividades de tempo libre.

2. Aspectos sanitarios nas actividades de tempo libre.

3. Prevención das drogodependencias.

4. Socorrismo e primeiros auxilios.

5. Alimentación e nutrición.

6. Sexualidade.

7. Seguridade e hixiene.

5ª parte: 25 horas lectivas.

Área de organización e recursos.

1. Lexislación.

1.1. As escolas e titulacións de tempo libre.

1.2. Responsabilidade civil do monitor. Seguros.

1.3. Asociacionismo xuvenil.

1.3.1. Constitución e legalización.

1.3.2. Estatutos.

1.3.3. Tipos de asociacións e rexistros.

2. Recursos e axudas.

2.1. Recursos e axudas públicas. Subvencións, convenios e protocolos: tipos e tramitación.

2.2. Recursos e axudas privadas.

2.3. Recursos socioculturais: patrimonio histórico- etnolóxico, artístico-folclórico.

3. Redes de información xuvenil.

3.1. Centros e puntos de información.

3.2. Revistas, boletíns e publicacións.

3.3. O informador xuvenil (características, formación).

3.4. Dinamización da información.

ANEXO VIII

PROGRAMA PARA O CURSO DE DIRECTORES DE ACTIVIDADES DE TEMPO LIBRE

(150 horas)

1. Área de psicosocioloxía: (40 horas).

1.1. Dirección de equipos e liderado.

1.1.1. O perfil do/a director/a de actividades de tempo libre.

1.1.2. A dirección dun equipo de traballo.

1.1.2.1. O/A director/a como líder. Distintos modelos de dirección.

1.1.2.2. A dinámica do liderato. Desenvolvemento de xuntanzas de equipo.

1.1.3. O equipo como base da intervención. Animación e dinámica dos equipos.

1.1.3.1. Estructura, evolución e roles.

1.1.3.2. Elementos estructurais dos equipos: obxectivos, cohesión, normas.

1.1.3.3. As etapas de evolución dos equipos.

1.1.3.4. Dificultades e conflictos. Estratexias de resolución.

1.1.4. A comunicación interpersoal.

1.2. Análise de realidades sociais.

1.2.1. Técnicas básicas de intervención social.

1.2.2. Fundamentos sociolóxicos do ocio e do tempo libre.

1.2.3. Os ámbitos de intervención.

1.2.3.1. Rural e urbano.

1.2.3.2. Infancia, mocidade, adultos, vellez.

1.2.3.3. Sectores sociais: muller, marxinados, desempregados.

1.2.3.4. Intervención en espacios concretos: concellos, barrios, parroquias, institucións públicas, entidades privadas e/ou asociacións.

1.2.4. Asociacionismo e participación na sociedade civil. O papel do voluntariado e do profesional.

2. Área de intervención educativa: (25 horas lectivas).

2.1. As correntes pedagóxicas e a súa influencia na pedagoxía do tempo libre.

2.2. A pedagoxía do ocio. O concepto de tempo libre.

2.3. Educación en valores: o ideario educativo.

2.4. Metodoloxía e modelos de intervención en actividades de tempo libre: actividade, participación, convivencia.

2.5. Asociacións como espacio educativo.

3. Área de xestión: (85 horas lectivas).

3.1. Planificación e deseños de proxectos de intervención. Elementos básicos.

3.1.1. Análise da realidade. Avaliación inicial.

3.1.2. Obxectivos e prioridades.

3.1.3. Actividades e estratexias de acción.

3.1.4. Temporalización: planings e cronogramas.

3.1.5. Recursos humanos e materiais.

3.1.6. Orzamentos.

3.1.7. Avaliación e seguimento.

3.2. Estratexias de xestión.

3.3. Organización e modelos organizativos.

3.4. Administración, xerencia e xestión económica.

3.4.1. Plan contable.

3.4.2. IVE e outros impostos.

3.4.3. Captación de recursos. O patrocinio, subvencións e convenios.

3.4.4. Confección de orzamentos.

3.4.5. Xerencia.

3.4.6. Intendencia.

3.5. Lexislación.

3.5.1. Lexislación sobre asociacionismo.

3.5.2. As personalidades físicas e xurídicas.

3.5.3. Estructuras supraasociativas.

3.5.4. Lexislación relativa ás actividades de tempo libre.

3.5.4.1. Responsabilidade civil e penal.

3.5.4.2. Normas sanitarias, permisos.

3.5.4.3. Seguros de responsabilidade.

3.6. Políticas e recursos institucionais.

3.6.1. Infancia e xuventude.

3.6.2. Vellez.

3.6.3. Muller.

3.6.4. Minusválidos.

3.6.5. Marxinación social.

3.6.6. Cooperación internacional.

ANEXO IX

PROGRAMA PARA O CURSO DE DIRECTORES DE CAMPOS DE TRABALLO

(50 horas lectivas)

1. Características xerais que definen un campo de traballo como marco de relación e comunicación para os rapaces participantes.

2. As administracións e as entidades organizadoras. Acordos de cooperación.

3. Tipoloxías de campos de traballo e aprendizaxe:

3.1. Patrimonio arquitectónico.

3.2. Arqueoloxía.

3.3. Protección da natureza.

3.4. Acción comunitaria.

3.5. Coñecementos sobre o país ou comunidade.

3.6. Outros (técnicas específicas. Agricultura, gandería e pesca).

4. O traballo técnico. Horarios, recursos, material e ferramentas de traballo. Material específico.

5. Persoal e tarefas.

5.1. Equipo de monitores (director, monitor, cociña).

5.2. O equipo técnico.

6. O aloxamento.

7. Os participantes e as súas necesidades.

7.1. Funcionamento diario, marco normativo, de convivencia e práctico.

7.2. Actividades alternativas e complementarias.

8. Seguro de accidentes e responsabilidade civil.

9. Criterios de selección das diferentes propostas:

9.1. Traballo adecuado ós rapaces e que lles sexa gratificante.

9.2. Interese que demostra a entidade que propón o campo de traballo. Quendas.

9.3. Existencia ou non dun proxecto global onde se inclúa o campo.

9.4. Dispoñibilidade de infraestructuras adecuadas para o campo.

ANEXO XII

[Documento: dec_CTB------_00058_2012_20120112]

Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro.

Artigo modificado: Anexo XII nova redacción por artigo único apartado vinte e un.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver