Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se crea o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 004 05/01/1995
Departamento: Parlamento de Galicia
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións
MODIFICACIÓNS

O artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle en exclusividade a esta Comunidade Autónoma, dentro dos límites constitucionais previstos, as materias de agricultura e gandería. Igualmente, o artigo 39 do mesmo texto estatutario recoñece a potestade de autoorganización da Administración pública galega.

A recente reforma da política agrícola común e a transformación das axudas á producción cara a unha nova orientación tendente a mellora-las rendas dos agricultores, así como as consecuencias derivadas do Acordo xeral de aranceis e comercio, evidencian a necesidade de que a Administración autonómica lle dea resposta urxente ó cada vez máis complexo contorno do que formamos parte.

O volume e a complexidade da normativa comunitaria, así como a dificultade da súa xestión, supoñen un serio obstáculo para que as axudas provenientes da Unión Europea cheguen a tódolos nosos agricultores e gandeiros, e en toda a súa extensión, coa debida celeridade. Así mesmo, a Sentencia do Tribunal Constitucional número 79/1992, do 28 de maio, recoñece a tese longamente defendida polo Executivo autonómico sobre a competencia das comunidades autónomas para xestionaren os medios financeiros procedentes do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola (FEOGA).

Doutra banda, é necesaria a adaptación do sector lácteo e gandeiro á nova realidade dimanada da política comunitaria e dos acordos do GATT, mellorando a súa competitividade e desenvolvendo os instrumentos precisos para dotalo da tecnoloxía adecuada, así como posibilita-la súa reestructuración e desenvolvemento.

Por todo isto, considérase necesaria a creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGGA), como organismo autónomo de carácter administrativo que leve a cabo a misión de executar en Galicia as actuacións derivadas da aplicación da reforma da política agrícola común (PAC), tanto no correspondente á reforma das organizacións comúns de mercados (OCMS), previstas nos regulamentos (CEE) do Consello do 30 de xuño de 1992 e seguintes, para o leite, carne de vacún, ovino e caprino e cultivos herbáceos, coma no tocante ás medidas de acompañamento e á creación de futuras OCMS. Doutra banda, é preciso dinamiza-lo sector lácteo e gandeiro galego, prestándolle a este un apoio real, eficaz e suficiente, no contexto sectorial e normativo comunitario, incidindo nas áreas que definen o propio sector (producción, industrias e distribución), ó mesmo tempo que permita ofrecer un órgano de consulta, información e asistencia, obxectivo e rigoroso, que oriente os profundos cambios que vai vivi-lo sector lácteo e gandeiro nos vindeiros anos.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei pola que se crea o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Título I Natureza, fins e funcións

Artigo 1

1. No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e ó amparo do seu Estatuto de autonomía, créase o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGGA), como organismo autónomo de carácter comercial e financeiro, con personalidade xurídica e patrimonio de seu.

2. O ILGGA adscríbese á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia.

Artigo 2

1. Constitúe o fin do ILGGA executa-la política da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia no referente á aplicación das medidas de ordenación, fomento, reestructuración e mellora do sector lácteo e gandeiro.

2. Para a consecución do citado fin levará a cabo as seguintes funcións:

a) Informar, asesorar, coordinar e xestiona-las operacións relacionadas coa aplicación das cantidades de referencia individual para a producción láctea e as relativas ás primas e axudas contempladas na reforma da PAC e medidas de acompañamento.

b) Incrementa-la capacidade de información, tecnificación, formación e xestión dos axentes operativos no sector lácteo e gandeiro.

c) Impulsa-la transformación das explotacións gandeiras, potenciando o cooperativismo no sector.

d) Apoia-la modernización e mellora das industrias de alimentación do gando, lácteas e cárnicas radicadas en Galicia, promovendo a implantación de novas iniciativas empresariais.

e) Coordinar e apoia-la promoción comercial dos productos lácteos e gandeiros galegos.

f) Captar sistemas de apoio e financiamento que teñan como obxectivo a mellora do sector lácteo e gandeiro.

g) Promover, crear e participar, se é o caso, na constitución de sociedades de servicios e comerciais nas que os seus fins atendan a mellora da competitividade do sector lácteo e gandeiro galego.

h) Establecer convenios con entidades de dereito público ou privado para o mellor exercicio das súas funcións, no marco do establecido na presente lei.

i) Todas aquelas accións que contribúan á mellora do sistema productivo agrario e ó seu desenvolvemento equilibrado e integrado no territorio ou que lle sexan encomendadas ou sexan da súa competencia no ámbito da presente lei.

Título II Organización

Artigo 3

Os órganos de dirección do Ilga serán o Consello de Dirección, o presidente e o director.

Lei 9/2003, do 23 de decembro.

Artigo modificado: Artigo 3 nova redacción por artigo 22.

Artigo 4

1. O Consello de Dirección estará formado polo presidente do ILGGA, que o será tamén do Consello, un vicepresidente, o seu director, cinco vocais e o secretario, que actuará con voz pero sen voto.

2. O vicepresidente será, por razón do seu cargo, o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias.

3. O nomeamento e a destitución do director correspóndenlle ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

4. O nomeamento e a destitución dos vocais correspóndenlle ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 5

Correspóndenlle ó Consello de Dirección as máis amplas facultades de goberno e administración do ILGGA e, especialmente, o exercicio das seguintes funcións:

a) Establece-las liñas de actuación do ILGGA a través de plans e programas de actuación.

b) Elaborar e aproba-lo anteproxecto de presupostos do Instituto.

c) Aproba-la memoria de actividades do Instituto.

d) Decidir sobre tódalas cuestións relacionadas coa organización, o funcionamento e as operacións que ten que realiza-lo ILGGA.

e) Dicta-las normas de funcionamento do propio Consello.

Artigo 6

O Consello de Dirección reunirase, polo menos, catro veces ó ano e sempre que o considere oportuno o presidente.

Artigo 7

1. O presidente do ILGGA será, por razón do seu cargo, o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

2. O presidente representará o ILGGA en toda clase de actos e negocios xurídicos e exercerá no seu nome accións e recursos.

3. Correspóndelle ademais ó presidente:

a) Ordena-la convocatoria do Consello, fixa-la orde do día, presidir e dirixi-las sesións deste.

b) Velar polo cumprimento das directrices marcadas polo Consello de Dirección.

c) Propoñe-la adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e o funcionamento do ILGGA.

4. En ausencia do presidente ou por delegación deste, o vicepresidente asumirá as súas funcións.

Artigo 8

Correspóndelle ó director:

a) Cumpri-los acordos do Consello de Dirección.

b) Propoñe-las liñas estratéxicas de actuación do ILGGA, o programa anual de actividades e anteproxecto de presupostos.

c) Xestiona-lo ILGGA, elabora-la memoria anual e darlle conta da súa xestión ó Consello de Dirección.

d) Exerce-la dirección administrativa e de persoal.

e) Coordinar e controla-lo funcionamento dos servicios e das dependencias.

f) Desenvolve-las funcións que lle sexan delegadas polo presidente ou polo Consello de Dirección.

Lei 9/2003, do 23 de decembro.

Artigo derrogado: Artigo 9 derrogado por disposición derrogatoria segunda.

Artigo 10

Os órganos colexiados do ILGGA adoptarán os seus acordos, logo de deliberación, mediante maioría simple dos seus membros presentes, sempre que exista quórum. En caso de empate, o voto de calidade do presidente dirimirá este.

Título III Recursos, réxime económico, persoal e control

Artigo 11

Os recursos do ILGGA estarán formados por:

1) As consignacións presupostarias que lle sexan asignadas nos presupostos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2) Os ingresos que poida percibir pola prestación de servicios.

3) As subvencións ou achegas voluntarias de entidades e institucións públicas ou privadas, así como de particulares.

4) As rendas e os productos que xeren os bens e valores que constitúen o patrimonio do ILGGA.

5) Os créditos, préstamos e demais operacións financeiras que concerte.

6) Calquera outro recurso que se lle poida atribuír.

Artigo 12

O réxime presupostario, contable e financeiro do organismo e das sociedades, entidades e outras formas asociativas que del dependan axustarase ó disposto na Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia e na demais normativa concorrente.

Artigo 13

Regulamentariamente determinaranse a estructura do Instituto e a súa dotación de persoal.

Disposicións adicionais

Primeira

A Xunta de Galicia dotará o ILGGA dos recursos financeiros necesarios para a realización das súas funcións.

Segunda

A Xunta de Galicia habilitará os medios materiais e humanos precisos para garanti-la eficaz realización das funcións do Instituto.

Terceira

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes adaptará a súa estructura orgánica á situación resultante da creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Disposición transitoria única

En tanto non se proceda ó nomeamento de director, a dirección do Instituto será asumida polo director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias.

Disposicións derradeiras

Primeira

Autorízase o Consello da Xunta a dictar cantas normas sexan precisas para efectua-lo desenvolvemento e a correcta aplicación desta lei.

Segunda

A presente lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de decembro de mil novecentos noventa e catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver