Lei 7/1993, do 24 de maio, de modificación da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 111 14/06/1993
Departamento: Parlamento de Galicia
Estado: En vigor

Desde a entrada en vigor da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, a experiencia recollida na práctica de actividade estatística do Instituto Galego de Estatística (IGE) fai aconsellable a modificación puntual dos seus artigos 24, 35, 38, 44 e 47.

No artigo 24 estableceuse unha relación detallada de información que está protexida polo segredo estatístico. Non obstante, e co fin de non dificulta-lo labor de subministración de información, flexibilízase o criterio establecido neste artigo respecto daqueles datos que figuren en rexistros ou directorios públicos, como os do nome, enderezo, razón social e actividade das empresas, tal e como se recolle na Lei estatal de función estatística pública 12/1989, do 9 de maio, que así o contempla no artigo 16.

A modificación do artigo 35 pretende reforza-los mecanismos sancionadores contra as infraccións das normas desta lei impedindo que os beneficios obtidos por difundi-la información amparada polo segredo estatístico sexan superiores ás sancións previstas pola lei.

A proposta de modificación do artigo 38 pretende dota-lo organismo de patrimonio propio, aspecto este non recollido no texto legal actual e que, entendemos, desvirtúa, en parte, o carácter de organismo autónomo do IGE, tal e como define estes organismos a Lei do réxime das entidades estatais autónomas no seu artigo 2.

A idea de que a producción de estatísticas propias da comunidade recaia non só no IGE senón tamén nas consellerías ou nos demais organismos ou entes públicos dependentes da Xunta de Galicia é a que leva á modificación do artigo 44 e, consecuentemente, do artigo 37. Mantéñense, polo tanto, coas mesmas funcións os órganos estatísticos das consellerías, pero englobándoos nunha denominación máis xenérica, que no seu momento permitirá crear órganos estatísticos nos demais organismos e entes públicos da comunidade.

Os cambios propostos no artigo 47 tratan de recoller modificación de situacións de feito, como é o caso da creación de novas universidades, ou adaptalos ó número de organizacións representativas dos axentes sociais e económicos, así como de recoller unha maior representación técnica no propio instituto na composición do Consello Galego de Estatística.

Todo iso vai unido á necesidade da súa constitución, pois a lei regula no seu título I os principios e as disposicións xerais da actividade estatística en Galicia, sendo o Plan galego de estatística (PGE) o instrumento de ordenación e planificación da dita actividade. O anteproxecto do citado plan será elaborado polo IGE e elevado ó Consello da Xunta para a súa aprobación, logo do informe do Consello Galego de Estatística.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de modificación da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

Artigo único

Os artigos que de seguido se relacionan da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, quedan redactados nos seguintes termos:

1.— Engádenselle novas letras á alínea 4 do artigo 24, que queda redactado da forma seguinte:

«Sen prexuízo do establecido nas alíneas anteriores:

a) Non quedarán amparados polo segredo estatístico os directorios que non conteñan máis datos ca simples relacións de establecementos, empresas, explotacións ou organismos de calquera clase, en canto aludan á súa denominación, localización, actividade e ó intervalo de tamaño ó que pertencen.

b) O dato sobre o intervalo de tamaño só poderá difundirse se a unidade informante non manifesta expresamente a súa desconformidade.

c) Os servicios estatísticos farán constar con toda claridade nos instrumentos de recollida da información se a unidade informante manifestou ou non a súa desconformidade á difusión do dato sobre o intervalo de tamaño.

d) Os interesados terán dereito de acceso ós datos persoais que figuren nos directorios estatísticos e a obte-la rectificación dos erros que conteñan.

e) As normas de desenvolvemento da presente lei establecerán os requisitos necesarios para o exercicio do dereito de acceso e rectificación a que se refire o apartado anterior deste artigo, así como as condicións que haberán de terse en conta na difusión dos directorios non amparados polo segredo estatístico.»

2.— O artigo 35 queda redactado da forma seguinte:

«1. Serán aplicables as seguintes sancións:

a) As infraccións leves sancionaranse con multa de 15.000 a 75.000 pesetas.

b) As infraccións graves sancionaranse con multa de 75.001 a 350.000 pesetas.

c) As infraccións moi graves sancionaranse con multa de 350.001 a 1.500.000 pesetas.

2. Aquelas infraccións nas que o infractor obtivese un beneficio económico superior ó tope máximo indicado no punto anterior sancionaranse con multa, que pode chegar ata o dobre do beneficio obtido.

3. En todo caso, para a graduación das sancións aplicables terase en conta a transcendencia da información, a conducta do culpable e os danos e as perdas causados a terceiros e ós servicios estatísticos.

4. Para os efectos do disposto no artigo 33, entenderase por reincidencia a comisión dunha infracción análoga á que motivou a sanción no prazo do ano seguinte á notificación desta. Neste suposto requirirase que a primeira resolución sancionadora xa adquirise firmeza na vía administrativa.»

3.— O apartado b) do artigo 37 queda redactado da forma seguinte:

«b) Os órganos estatísticos sectoriais.»

4.— O artigo 38 queda redactado da forma seguinte:

«1. Créase o Instituto Galego de Estatística, que se configura como organismo autónomo de carácter administrativo con personalidade xurídica e patrimonio propios.

2. O Instituto Galego de Estatística quedará adscrito á Consellería de Economía e Facenda.»

5.— O capítulo III do título II queda coa seguinte denominación:

«Outros órganos estatísticos».

6.— O artigo 44 queda redactado da forma seguinte:

«Órganos estatísticos sectoriais.

1. Co obxecto de promove-lo desenvolvemento da actividade estatística na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o aproveitamento das potencialidades estatísticas existentes, crearanse órganos estatísticos nas consellerías e, se é o caso, nos organismos e entes públicos dependentes da Xunta de Galicia, que dependerán funcionalmente do Instituto Galego de Estatística.

2. A creación e regulación deses órganos determinarase regulamentariamente.

3. Os órganos estatísticos sectoriais terán, no desenvolvemento das súas actividades, as seguintes funcións:

a) Elaboración das estatísticas propias da consellería e dos organismos e entes públicos correspondentes.

b) Elaboración das estatísticas ou fases delas que lles encomenden o Plan galego de estatística e os seus programas estatísticos.

c) Colaboración co Instituto Galego de Estatística na elaboración do anteproxecto do Plan galego de estatística e dos seus programas estatísticos anuais.

d) Publicación dos resultados das estatísticas propias, logo da súa remisión ó Instituto Galego de Estatística para a súa homologación.

e) Colaboración co Instituto Galego de Estatística no deseño e na confección dos ficheiros-directorios que utilizarán os órganos e entes da Administración autonómica de Galicia.

f) Análise das necesidades estatísticas da consellería e dos organismos e entes públicos correspondentes.

4. Carácter do persoal estatístico.

O persoal que preste os seus servicios en calquera dos órganos ou entes do sistema estatístico de Galicia e que realice actividade estatística obterá o carácter de persoal estatístico, con independencia do seu nivel e da relación xurídica da que deriven aqueles, sempre que se cumpran os requisitos que regulamentariamente se establezan.»

7.— O artigo 47 queda redactado da forma seguinte:

«1. O Consello Galego de Estatística estará composto polos seguintes membros:

a) O presidente, que será o conselleiro de Economía e Facenda.

b) O vicepresidente, que será o director do Instituto Galego de Estatística.

c) Un representante por cada unha das consellerías da Xunta de Galicia.

d) Dous representantes do consello das Cámaras de Comercio Galegas.

e) Dous representantes das asociacións de empresarios, elixidos polas súas respectivas organizacións máis representativas.

f) Un representante de cada unha das organizacións sindicais máis representativas, elixidos por estas.

g) Tres representantes das organizacións profesionais de agricultores.

h) Dous representantes das organizacións de mariñeiros.

i) Dous representantes da Administración local.

j) Un representante por cada unha das universidades de Galicia.

k) Tres persoas de relevancia profesional no campo da estatística.

l) Os subdirectores e mailo secretario técnico do Instituto Galego de Estadística, de acordo coa súa estructura orgánica, con voz e sen voto.

m) Un funcionario do Instituto Galego de Estatística, que desempeñará o cargo de secretario do Consello, con voz e sen voto.

2. Os representantes ós que se alude nos apartados anteriores, agás os dos apartados a) e b), designaranse da forma que regulamentariamente se determine.»

Disposición derradeira

Autorízase a Xunta de Galicia para que realice o desenvolvemento regulamentario da presente lei dentro do prazo de un ano, contado a partir da súa data de entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 1993

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver