Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego
NORMA CONSOLIDADA
O Estatuto de autonomía de Galicia sinala no seu artigo 27.26 a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma sobre as fundacións de interese galego. En consecuencia, e de conformidade coa potestade lexislativa recoñecida no artigo 37 do Estatuto de autonomía de Galicia, dictouse a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego.
Entre os criterios seguidos para determina-lo ámbito de aplicación desta lei, no seu artigo 1 obsérvase unha contradicción, xa que no primeiro parágrafo se recolle o criterio funcional e no terceiro o criterio de domicilio, o que pode dar lugar a dúbidas á hora de aplicala, polo que debería manterse un criterio uniforme, ó considerarse expresamente que a mencionada lei lles será aplicable a aquelas fundacións que ou ben teñan o seu domicilio en Galicia ou ben desenvolvan principalmente as súas funcións nela. Doutra banda, sinálase cal debe se-la protección conveniente que se lles dispensa a esas fundacións que non desenvolven as súas funcións en Galicia pero que perseguen a consecución dun interese galego, que na actualidade estaba baleira de contido.
A lei outórgalle á Xunta de Galicia a competencia para recoñecer como de interese galego e inscribir no Rexistro de fundacións a estas en desenvolvemento do disposto no Estatuto de autonomía. Isto non quere dicir que teña que se-la Xunta de Galicia, como órgano superior de dirección do Goberno autonómico, a que teña que facer este recoñecemento, xa que non cabería dentro dos supostos do artigo 4.20 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, senón que será o órgano competente desta o que o faga, o órgano ó que se lle atribúa a función de exerce-lo protectorado sobre a fundación.
En canto ó órgano de goberno da fundación introdúcese a esixencia de gratuidade dos cargos así como a de que estes sexan colexiados, salvo no caso de que o fundador, en vida, reserve para si o exercicio de tódalas competencias de goberno, buscando unha maior protección da vontade fundacional.
Entre os actos indelegables dos órganos de goberno das fundacións engádese a venda de obras de arte, esixindo así unha maior garantía para a saída de bens histórico-artísticos do patrimonio dunha fundación.
O artigo 1 da lei esixe como requisito fundamental a ausencia de ánimo de lucro no desenvolvemento dos fins da fundación, o que non supón a imposibilidade de esixir contraprestación polos servicios que presta, sempre que non exceda do seu custo real total. Doutra banda, na práctica, unha gran parte dos recursos da maioría das fundacións proveñen das cantidades que lles cobran ós seus beneficiarios, polo que non se trata dun suposto excepcional que deba requiri-la autorización previa do protectorado, o que supoñería un excesivo intervencionismo, contrario ós principios informadores da lei recollidos na súa exposición de motivos.
No articulado da lei non se establece que período temporal abarca o exercicio económico das fundacións, polo que neste eido se axustarán ás normas contables e financeiras españolas. Segundo estas, o exercicio económico non ten por que coincidir necesariamente co ano natural, aínda que o normal é que si o faga. Sen embargo, débese introducir na lei esta posibilidade, permitindo que a data de cerramento do exercicio non coincida co 31 de decembro, polo que a data de cerramento do inventario-balance que deben realiza-las fundacións tampouco ten que se-lo 31 de decembro sempre.
Os presupostos na actualidade preséntanse, nalgúns casos, cando xa está moi avanzada a súa liquidación, nos seis primeiros meses do exercicio económico, a pesar de que os presupostos, polo seu carácter de previsión, se deben realizar antes de comenza-lo exercicio económico de que se trate, introducindo agora a obrigatoriedade de presentalos diante do protectorado para a súa aprobación previa, entendéndose que se non os presentan nese prazo quedará prorrogado o presuposto do ano anterior. Así mesmo, regúlanse expresamente as causas polas que unicamente os ditos presupostos poden ser rexeitados.
Algunhas das facultades que se lle outorgan ó protectorado son contradictorias entre si, como é o caso da alínea f) do artigo 22 con respecto ás súas demais alíneas, polo que se tenta salvar tal contradicción da forma máis axeitada á Constitución de 1978.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de reforma da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego.
Artigo primeiro
Modifícanse os artigos 1, 8.1, 13, 14, 19, 21 e 22.f) da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e quedan redactados do seguinte xeito:
«Artigo 1
1. A presente lei seralles aplicable ás fundacións de interese galego, entendéndose por tales aquelas que, estando domiciliadas ou desenvolvendo principalmente as súas funcións en Galicia, estean constituídas por persoas naturais ou xurídicas que destinen ou afecten un patrimonio á realización sen ánimo de lucro de fins de interese xeral en beneficio de persoas non determinadas individualmente.
2. A Xunta de Galicia asumirá a función de protectorado das fundacións referidas na alínea anterior e exercerá as facultades que garantan o cumprimento da vontade dos fundadores e as que, para tales efectos, esta lei establece.
3. No caso das fundacións que teñan por obxecto a consecución de fins de interese galego e nas que concorran conxuntamente as características de desenvolve-las funcións principalmente fóra da Comunidade Autónoma e non teñan o domicilio en Galicia, o fundador poderá encomendarlle á Xunta de Galicia tarefas concretas de salvagarda da súa vontade sempre que non sexan contrarias á normativa que resulte aplicable. Así mesmo, a Xunta poderá prestarlles apoio para a consecución dos ditos intereses.»
«Artigo 8
1. A fundación entenderase validamente constituída como de interese galego desde o outorgamento da carta da fundación en escritura pública, sempre que, unha vez recoñecida pola Consellería competente, se inscriba no Rexistro de fundacións, que será único para a Comunidade Autónoma.»
«Artigo 13
1. O órgano de goberno compoñerase, como mínimo, de tres membros, e elixirá de entre eles presidente e secretario, a non ser que os estatutos dispoñan outra cousa.
2. Non obstante, os fundadores que sexan persoas físicas poderán reservar para si con carácter vitalicio o exercicio de tódalas competencias asignadas ós órganos de goberno da fundación.»
«Artigo 14
1. Pode ser membro do órgano de goberno da fundación quen teña plenitude da súa capacidade de obrar e non estea inhabilitado para o exercicio dun cargo público. As persoas incapacitadas actuarán no órgano de goberno por medio dos seus respectivos representantes legais.
2. As persoas xurídicas poden integrarse nos órganos de goberno da fundación, designando para tal fin, necesariamente, a persoa ou as persoas naturais que as representen.
3. Os membros do órgano de goberno exercerán o seu cargo de forma gratuíta, sen prexuício do dereito a que se lles reembolsen os gastos, debidamente xustificados, que estes lles produza, así como o aboamento das axudas de custo por asistencia que, se é o caso, fixe o seu órgano de goberno, dentro dos límites que se determinen regulamentariamente, e sempre e cando non prohíban o aboamento de tales gastos os respectivos estatutos.
4. Se os estatutos non o prohíben, o órgano de goberno poderá delega-las súas facultades en un ou máis de un dos seus membros e nomear apoderados xerais ou especiais con funcións e responsabilidades mancomunadas ou solidarias. Non son delegables a aprobación das contas, a formulación de presupostos, o alleamento e o gravame dos bens inmobles, das obras de arte e dos bens patrimoniais histórico-artísticos e documentais, así como os valores mobiliarios non cotizados en bolsa, nin calquera outro acto que precise a autorización ou aprobación do protectorado. Cando o apoderado xeral dunha fundación fose membro do órgano de goberno e exercese as súas funcións con dedicación exclusiva, determinarase regulamentariamente a posibilidade da súa retribución, se os estatutos así o previsen.»
«Artigo 19
As cantidades que excepcionalmente poida percibir unha fundación do conxunto dos seus beneficiarios non poderán exceder do custo real do servicio ou da prestación, sen marxe comercial de ningunha clase.»
«Artigo 21
1. A actividade contable das fundacións debe axeitarse ás normas de contabilidade xeral e ás esixencias da lexislación fiscal que, nun e noutro caso, lles sexan aplicables. Os rexistros e os comprobantes de contabilidade serán aqueles que, de acordo co volume do seu patrimonio e coa natureza das súas actividades, abonden para garanti-la veracidade dos datos contidos nos seus inventarios e presupostos.
2. Cada ano, o órgano de goberno da fundación formulará un inventario-balance pechado na data do remate do exercicio económico, que reflicta con claridade e exactitude a situación patrimonial da entidade naquela data, e unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, suficiente para coñecer e xustifica-lo cumprimento da finalidade das fundacións e dos preceptos legais aplicables. Así mesmo, será efectuada a liquidación do presuposto de ingresos e gastos do ano anterior. O prazo para a elaboración destes documentos e para a súa presentación ó protectorado será de seis meses, contados desde a data de cerramento do exercicio.
A fundación tamén deberá formula- lo presuposto de ingresos e gastos correspondente ó exercicio seguinte, que se lle debe presentar ó protectorado con anterioriodade ó inicio do exercicio económico. O protectorado poderá formularlle obxeccións ó presuposto no prazo de un mes. Para os efectos do previsto no parágrafo anterior as obxeccións do protectorado unicamente poderán basearse en infraccións da normativa vixente ou das cláusulas estutarias.
De non se presenta-los presupostos no prazo sinalado anteriormente, entenderanse prorrogados por doceavas partes os do ano anterior, sen prexuício das accións legais que lle correspondan ó protectorado.»
«Artigo 22
f) Asumir provisionalmente a xestión das actividades da fundación, cando careza de órgano de goberno, cando este estivese suspendido nas súas funcións por decisión xudicial ou cando o padroado non se reunise ó longo de dous exercicios consecutivos.
A situación provisional non poderá prolongarse por máis de dous anos, prazo dentro do cal deberá dotarse á fundación dos órganos estatutarios de goberno; de non ser posible, procederase á súa disolución e liquidación. No caso de suspensión xudicial, o prazo contarase a partir de que esta cese.»
Artigo segundo
Engádenselle á Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, as seguintes disposicións adicionais:
«Terceira
O exercicio das facultades inherentes ó protectorado realizarase de forma totalmente gratuíta.»
«Cuarta
A presente lei seralles aplicable, con carácter retroactivo, ás fundacións de interese galego existentes con anterioridade á súa entrada en vigor. A renovación dos seus órganos de goberno, sen embargo, deberá axustarse ó previsto nesta lei cando estatutariamente corresponda designa-los novos membros. O inventario-balance axustarase ás previsións da presente lei xa no primeiro exercicio económico no que deba legalmente presentarse.»
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan a esta lei.
Disposicións derradeiras
Primera
A Xunta de Galicia modificará e publicará, no prazo de tres meses, o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego para adecualo ós termos da presente lei.
Segunda
A presente lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 1991.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.